11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiTui acolle a exposición itinerante sobre Xela Arias 'Aquela nena de Sarria'

    Tui acolle a exposición itinerante sobre Xela Arias ‘Aquela nena de Sarria’

    A mostra da homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021, abrirá o luns, 3 de maio, na Biblioteca Municipal

    A Biblioteca Pública Municipal de Tui acollerá este luns, 3 de maio, ás 13 horas a presentación da mostra itinerante ‘Aquela nena de Sarria’. Trátase dun proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. A mostra conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, e a colaboración do Concello de Sarria e a Real Academia Galega.

    No acto do luns está prevista a participación do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, e do presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. A mostra poderá visitarse na Biblioteca Municipal até o luns 10 de maio.

    Exposición “Aquela nena de Sarria”

    Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois os seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

    A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

    Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra, que ten carácter itinerante, visitou en primeiro lugar os centros educativos do Concello de Sarria, e comeza agora o percorrido polo resto da provincia de Lugo e de Galicia, sendo o último destino ata agora en Santiago, no Instituto Rosalía de Castro.

    Máis información: www.aquelanenadesarria.gal

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.