21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO cárcere vello de Tui converterase nun centro de acollida de peregrinos...

    O cárcere vello de Tui converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes

    O venres presentouse o proxecto para crear un novo espazo cultural para dinamizar o conxunto histórico tudense

    O cárcere vello converterase nun centro de acollida de peregrinos e visitantes. A empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L., adxudicataria do concurso de ‘Redacción do proxecto de acondicionamento do local e montaxe do Centro Cárcere Vello para a acollida aos visitantes do conxunto histórico de Tui e aos peregrinos do Camiño de Santiago’ presentou onte venres o proxecto no Concello. O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Patrimonio e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, recibiron a César Abella de Trivium que lles expuxo as características formuladas para este Centro Cárcere Vello.

    O obxectivo é crear un novo espazo cultural de referencia para a cidade no que dinamizar as visitas ao Conxunto Histórico-Artístico de Tui, o segundo máis grande de Galicia, declarado Ben de Interese Cultural.

    Área recreativa do cárcere vello

    O cárcere vello, situado na rúa Sanz en pleno Camiño de Santiago, data de 1.584 e acolleu as antigas Escolas Taller. Agora van ser completamente reformadas para acoller un proxecto museográfico que porá en valor o magnífico patrimonio e legado histórico de Tui. Os espazos expositivos contarán coa tecnoloxía máis punteira. Os visitantes poderán realizar experiencias audiovisuais inmersivas a través de holografías e paneis interactivos que percorrerán as orixes prehistóricas de Tui, a vía romana que a atravesaba, as invasións normandas e musulmáns, o mercado medieval e os personaxes da nobreza que protexían a cidade, a relación milenaria con Portugal, a fenomenal comunidade xudía e a simboloxía secreta que utilizaban. Tamén destacarán personaxes ilustres tudenses como o filósofo Francisco Sánchez, precursor de Descartes, ou Frei Rosendo Salvado, evanxelizador de Australia. A exposición permanente contará cunha sala dedicada en exclusiva ao Camiño Portugués a Santiago.

    Sala do Camiño Portugués

    O Centro Cárcere Vello será completamente accesible grazas á instalación de elementos de mobilidade e paneis informativos adaptados para persoas con diversidade funcional e cognitiva. Contará ademais cun Programa Didáctico, con varios espazos reservados a tal fin, con actividades e visitas dirixidas á comunidade educativa.

    O Centro Cárcere Vello de Tui será tamén un lugar de acollida de peregrinos que disporán dunha consigna onde poderán gardar os seus vultos e visitar tranquilamente o centro da cidade. O complexo disporá dunha zona recreativa con espazos verdes, fonte, bancos, aparcadoiro para bicicletas, e servizos de venda de bebidas. O patio do Cárcere Vello estará aberto para conformar unha nova praza pública para o goce de tudenses e visitantes.

    Primeiro andar do proxecto do cárcere vello

    O novo Centro eríxese como un recurso turístico e cultural de primeiro nivel que busca prolongar a estadía media do turista na cidade e a dinamización económica de toda a zona centro. O proxecto executado pola empresa galega inclúe tamén a imaxe corporativa cun logotipo que define a súa identidade, unha proposta de sitio web, e todos os elementos de comunicación asociados.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.