12.4 C
Pontevedra
Domingo, 19 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiDeporte e entorno natural combínanse no Trail do Aloia que se celebra...

    Deporte e entorno natural combínanse no Trail do Aloia que se celebra esta fin de semana

    Esta fin de semana celébrase no Parque Natural do Monte Aloia en Tui o Trail do Aloia, un evento que forma parte do calendario de probas  deportivas da Eurocidade Tui-Valença e do Pontevedra Trail League. Máis de 500 persoas participarán nesta actividade na que o sábado pola tarde competirán as categorías infantís e xa o domingo as categorías absolutas.

    A proba que en 2021 se celebrou en novembro volve agora á primavera e da continuidade a aposta realizada o ano pasado presentando tamén un evento para nenos e nenas, o Aloia Trail Kids, no que na anterior edición participaron máis de 150 cativos e cativas.

    A proba foi presentada esta mañá na Macoca,no Monte Aloia, polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a deputada provincial de Emprego, Raquel Giráldez, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto da Cámara Municipal de Valença, Arlindo Sousa, así como os responsables da empresa organizadora Serafín Martínez e Justi Peixoto.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou na súa intervención a singulariedade desta actividade que “engloba deporte co coñecemento do entorno” engadindo que ten amais “un compoñente transfronteirizo”. Afirmaba o rexedor tudense que esta proba “amais de fomentar a práctica deportiva tamén dinamiza a economía do lugar onde se celebra” salientando coma combina o medio urbano e o natural.

    O concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, lembrou que este evento está financiado con fondos europeos dentro do calendario deportivo da Eurocidade. Sinalou que se trata dunha “proba moi interesante e para disfrutar do Monte Aloia”. Quixo tamén Rafael Estévez sinalar a aposta que se fai para que as probas deportivas que se celebran en Tui teñan unha opción infantil.

    O vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, sinalou coma este tipo de probas “son un xeito de dar a coñecer o patrimonio natural que temos” lembrando que é un dos 18 eventos que conforman o calendario deportivo da Eurocidade Tui-Valença neste 2022.

    A deputada provincial de Emprego, Raquel Giráldez, lembrou o compromiso da Deputación co deporte, e fixo fincapé na estreita relación entre deporte e turismo, porque as persoas que participarán no trail e os seus acompañantes de seguro aproveitarán para coñecer a zona.

    Serafín Martínez, organizador da proba explicaba esta mañá na presentación que unha das novidades desta edición está en que o domingo a liña de saída e de meta situarase no céntrico Paseo da Corredoira. Haberá dúas distancias, unha longa de 21 quilómetros que chegará ata o cumio do Aloia, e unha curta de 12 quilómetros. O percorrido permitirá aos participantes coñecer novas zonas do Parque Natural do Monte Aloia “combinando a dureza co espectáculo das vistas” segundo Serafín Martínez. Agardan reunir, segundo Serafín Martínez entre 300 e 400 persoas en competición.

    A inscrición está aberta para o Trail do Aloia até mañá mércores para as categorías absolutas e até o xoves para as inferiores en www.traildoaloia.com.

    A saída do Aloia Kids Trail será o sábado a partir das 16.30 h na Macoca. Mentres o domingo dende o Paseo da Corredoira ás 10 h sairán os participantes na proba de 21 quilómetros, e ás  11 h a proba de 12 quilómetros.

    O Trail do Aloia está subvencionado polo proxecto INTERREG UNICIDADE VALENÇA-TUI.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.