17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño acondicionará a vía de acceso á praza de San Salvador de...

    Tomiño acondicionará a vía de acceso á praza de San Salvador de Tebra

    A actuación ampliará as zonas de uso peonil, creando unha beirarrúa accesible de dous metros e medio con árbores ornamentais

    O Concello de Tomiño levará a cabo obras de reforma e acondicionamento na vía de acceso a San Salvador de Tebra, que conecta a estrada PO-344 coa praza principal da parroquia. Esta mañá estiveron visitando o lugar a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez Calvo, e o arquitecto encargado do deseño, Xavier Pousa, onde se reuniron con varios veciños para ensinarlles o proxecto.

    A intervención suporá unha renovación completa do tramo, procurando darlle coherencia coa urbanización da praza situada nas inmediacións da igrexa e do Centro Cultural, empregando materiais similares aos utilizados neste espazo. A actuación facíase necesaria para acondicionar un espazo que levaba acumulando un notable deterioro, especialmente no pavimento das zonas peonís.

    O proxecto formula unha modificación na sección da vía, actualmente formada por dous carrís para tráfico rodado e beirarrúas a ambos lados, mais que contan cun ancho bastante reducido. A intervención procurará ampliar as zonas de uso peonil e reducir a de uso rodado, pasando a ter a calzada 5,30 metros de ancho fronte aos 6,90 actuais, o que permitirá reducir a velocidade dos vehículos pero mantendo a dobre dirección.

    O espazo restante irá destinado ao uso peonil, distribuído en dúas beirarrúas: unha de un metro de ancho no marxe esquerdo e outra de 2,5 metros, cumprindo deste xeito a última coa normativa de accesibilidade. Na beirarrúa máis ancha, situada na marxe dereita, o alumeado público irá acompañado de árbores de tipo ornamental. Toda a vía estará á mesma altura, facéndoo completamente accesible, empregando aglomerado asfáltico para o pavimento rodado e formigón pulido coloreado para as zonas peonís.

    O proxecto atópase pendente de adxudicación e conta cun orzamento base de 107.366,02 euros, que serán será financiados ao abeiro do Plan Concellos 2020.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.