11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoPily Reñones agasalla ao Concello de Tomiño cunha copia da obra seleccionada...

    Pily Reñones agasalla ao Concello de Tomiño cunha copia da obra seleccionada nos Premios Goya de Fotografía Profesional

    A alcaldesa Sandra González agradeceu o agasallo e felicitou á artista polo seu traballo relacionado coa visibilización da muller

    A fotógrafa tomiñesa Pily Reñones foi recibida hoxe no Salón de Plenos do Concello de Tomiño pola alcaldesa Sandra González e parte do equipo de goberno. Nun emotivo acto a rexedora, acompañada por varios membros do seu equipo, agradeceu a xenerosidade da fotógrafa, que quixo agasallar ao Concello cunha copia oficial da obra nomeada na categoría de Gráfico Documental nos últimos Premios Goya de Fotografía Profesional e Vídeo.

    Sandra González, agradeceu o agasallo e felicitou á fotógrafa polo seu traballo relacionado coa visibilización da muller, “un tema co que estamos moi sensibilizados neste goberno”. Prometeu buscarlle un lugar moi especial, o mesmo que se fixo no ano 2019 con ‘Holanda’, retrato dunha anciá de Riós (Ourense), co que tamén obtivo un nomeamento aos premios de fotografía zaragozanos.

    Fotógrafa especializada en vodas e actos sociais, cultiva unha rica faciana en fotos de autor, foto fixa para documentais e concertos, como os que fixo con Pablo Alborán, Fito, Hombres G, María do Ceu ou Herdeiros da Cruz.

    A foto coa que logrou o seu segundo nomeamento aos Goya de Fotografía retrata a Virginia, unha muller de 92 anos, dunha parroquia de Ponteareas, avoa dunha amiga. Unha muller bella, vital e alegre que rexentou antigamente unha tenda de ultramarinos, da que garda innumerables lembranzas. Comentou a autora que a inspiración chegoulle cando viu á señora colocarse xunto a unha antiga pesa que aínda descansa enriba do mostrador. Pensou nese intre que a imaxe era “unha boa metáfora da vida; dos contrapesos, das penas e alegrías, do camiño…e dunha muller que finalmente sorrí”.

    A fotógrafa quixo que o Concello tivera unha copia dese traballo tan importante para ela, “porque aquí todos os veciños e veciñas poden velo, na miña casa non”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.