16.7 C
Pontevedra
Mércores, 8 de Maio de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO quinto 'Biomercado' de Tomiño aposta pola excelencia

    O quinto ‘Biomercado’ de Tomiño aposta pola excelencia

    A Praza do Seixo e o Mercado Municipal de Tomiño acollerán, este domingo 29 de setembro entre as 11 h e as 21 horas, unha nova edición do Biomercado, unha cita anual que esta mañá foi presentada nun acto no que participaron a alcaldesa, Sandra González; o concelleiro de Promoción Económica, Comercio e Deportes, Francisco Campo e Chao Quintana, de Rural Consulting.

    O Biomercado aposta, este ano, por unha maior profesionalización no eido da artesanía apostando claramente pola excelencia. De feito, Chao Quintana salientaba o “esforzo por facer unha selección rigorosa de todos os participantes”, de tal xeito que se optou por seleccionar, para os postos de artesanía, a aquelas persoas que estean en posesión do certificado de Artesanía de Galicia.

    Nesa mesma liña de apostar pola excelencia, no caso dos produtos alimentarios só poderán estar presentes aqueles que conten co correspondente rexistro sanitario. Curiosamente, esta “selección” en lugar de facer diminuir o número de postos presentes serviu para incrementalos de xeito que, segundo sinalaba Quintana, “o Biomercado contará con 67 postos dedicados a artesanía, alimentación saudable e produtos ecolóxicos e naturais.

    O esforzo por racionalizar este Biomercado que logo de catro edicións xa é un referente neste tipo de actividades en Galicia, –Tomiño comeza a ser sinónimo de excelencia en moitos aspectos– ten o seu reflexo no programa de actividades artellado de tal xeito que non se “solapen” os actos e posibilitando ao público, por tanto, asistir a case que todos.

    Outra das novidades deste Biomercado, por iso de que coa experiencia apréndese, é a distribución de espazos, dividindo o mercado por seccións que fagan máis doada a visita e circulación dos centos de visitantes. Así, a Praza do Seixo acollerá todo o relacionado con artesanía e vellos oficios, e os postos de cosmética natural. Tamén nesa praza estarán postos dedicados ás antigüidades, coleccionsmo e comida para levar.

    Pola súa banda, o Mercado de Tomiño, tanto no seu interior como nos soportais exteriores, acolle os postos que teñan relación coa alimentación de produtos frescos ou de elaboración artesá, que segundo se sinalaba na presentación, serán ao redor de 20 postos. Ademáis, durante toda a xornada, haberá demostracións de vellos oficios desenvolvidos por artesáns e artesás.

    Os nenos terán un especial protagonismo cunha serie de actividades que teñen o claro obxectivo, sinalaba Chao Quintana “de introducir aos máis pequenos e pequenas no mundo da transformación alimentaria”, do mesmo xeito, dase resposta á demanda que había de obradoiros para adultos e, nesa liña, ás 18 horas terá lugar no Mercado de Tomiño un obradoiro titulado Aprende a facer pan.

    O Concello de Tomiño, segundo sinalou Francisco Campo, concelleiro de Promoción Económica e Comercio, non quixo desaproveitar o magnífico escaparate que supón o Biomercado para reafirmar a aposta do Concello pola compostaxe. Así haberá un posto do programa Revitaliza, da Deputación de Pontevedra e do Concello de Tomiño no que mestres e mestras composteiros explicarán á veciñanza as vantaxes da compostaxe e facilitarán información sobre o programa que, nese eido, se está a desenvolver en Tomiño.

    Francisco Campo adiantaba que, nese posto, “entregarase compost feito nos centros de compostaxes do Seixo e de Goián e todas as persoas interesadas poderán anotarse para ter un composteiro na casa ou para levar compost sen peneirar en momentos de excedente”.

    Para a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o Biomercado, amais de todo o que supón de dinamización do comercio de proximidade, da artesanía e de produción agrícola ecolóxica, é tamén “unha pequena mostra de que o rural ten vida e unha vida alternativa, saudable, sustentable, respectuosa co medio ambiente… un tipo de vida que a xente demanda cada vez máis”.

    Un amplo programa

    O Biomercado de Tomiño chega, nesta quinta edición, cun programa de actividades, amplo, ben estruturado e distribuído de tal xeito que as persoas que así o desexen, o teñan doado para “non perderse nada”. As 12 horas, no Mercado de Tomiño terá lugar un primeiro obradoiro baixo o título de Cociña rápido e san con Carol. Logo do pasarrúas de Anxo Moure na Praza do Seixo que terá lugar ás 12:30 horas, a Casa do Concello acollerá a primeira das dúas interesantes charlas previstas para o domingo. Será a titulada Que é o colesterol e que se desenvolverá ás 13 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. A charla buscará explicar “de xeito sinxelo, claro e sen termos complexos, que é o colesterol e como nos afecta”.

    Paralelamente a esta charla e dirixido espcialmente para os máis pequenos, o Mercado de Tomiño acollerá un Contacontos a cargo de Anxo Moure (13 h). O mesmo mercado e media hora despois, ás 13:30 h acolle un moi interesante obradoiro titulado Cultivar cogumelos en posos de café.

    Xa pola tarde, cara ás 18 horas, o Mercado é o escenario do obradoiro para adultos Aprende a facer pan (18 h) e á mesma hora pero na praza do Seixo, os máis pequenos teñan outro obradoiro, divertidísimo por certo, de Aprende a facer queixo.

    As 19 horas, o Salón de Plenos é o escenario para a segunda das conferencias que poñerá o punto de atención nun tema que camiña cara a coverterse nun serio problema de saúde para os máis novos Control do peso na infancia. A esa mesma hora, na Praza do Seixo, os máis cativos e cativas participan nun novo obradoiro de Aprende a facer queixo.

    Xa, como remate, ás 19:30 horas, música ao vivo na Praza do Seixo con Llorente & Tribu.

    Durante o Biomercado tamén se celebrará a actividade ‘Móllate polos ríos’, unha limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos no que colabora Tomiño e a través do que os voluntarios e voluntarias recollerán residuos do río Cereixo. Toda a información e inscricións desta actividade en: https://tomino.gal/limpeza-simultanea-de-rios-2019/.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.