Unha persoa perdeu a vida este mediodía ao colidir frontalmente o coche sen carné no que circulaba contra un camión formigoneira, cuxo ocupante resultou ileso. Segundo a información recollida no 112 Galicia, foi necesario que os Bombeiros do Baixo Miño empregasen o material de excarceración para liberar a esta persoa, que quedou atrapada no interior do vehículo.
O sinistro produciuse na PO-344, á altura do punto quilométrico 1, preto das doce e media.
Nese momento, varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do accidente e, nada máis ter constancia, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, a pesar dos esforzos, nada puideron facer por salvarlle a vida.
Ademais, desde o CIAE 112 púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Baixo Miño, do GES da Guarda, da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, de Protección Civil e do servizo de mantemento da estrada.