11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaOs socialistas do Baixo Miño esixen "seriedade" á Xunta nos Orzamentos

    Os socialistas do Baixo Miño esixen “seriedade” á Xunta nos Orzamentos

    Representantes do PSdeG na comarca, que mantiveron unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, aseguran que emendarán os orzamentos "coas necesidades reais" fronte ao "fume habitual"

    Os socialistas da comarca do Baixo Miño mantiveron no día de onte en A Guarda unha xuntanza co deputado autonómico Julio Torrado, para analizar os orzamentos autonómicos para o ano 2020 que están en fase de tramitación. Os socialistas esixen “seriedade” á Xunta de Galicia, coa que manifestaron a súa “decepción” por uns orzamentos que obvian algunhas cuestións esenciais para a comarca, pero que pola contra presentan partidas “repetidas” ano tras ano.

    Torrado pregúntase se á Feijoo non “se lle cae a cara de vergoña prometendo ano tras ano investimento na VAP Tui-A Guarda sen que nunca se execute realmente”

    Como principal exemplo Torrado sinalou os 3 millóns de euros que se inclúen para a VAP Tui–A Guardia, que xa foron incluidos nos orzamentos do ano pasado, nos de 2018, nos de 2017 e xa dende os de 2016, pero en ningún deses casos foron executados. Este caso evidencia o “fume habitual” que os orzamentos traen consigo, “pero que despois non hai nada detrás”.

    Dende o PSdeG do Baixo Miño apuntan a que existen “necesidades reais” que a Xunta non está “nin entendendo ni atendendo”, e poñen por exemplo a dotación de medios materiais e humanos nos centros de saúde e especialmente no PAC de A Guarda, para o que demandan un equipo a maiores no servizo de urxencia, para poder cubrir con maiores garantías a poboación dos concellos de Oia, A Guarda e O Rosal.

    Os socialistas anuncian a presentación de emendas para tentar de correxir os orzamentos para esta comarca, e adiantan que esixirán que o Partido Popular “se retrate de verdade” porque advirten que non aceptarán as “excusas de mal pagador de pretender fialo todo á existencia de partidas xenéricas que semellan máxicas porque nelas caben todas as promesas, aínda que logo non aparecen nunca”.

    As emendas socialistas irán encamiñadas a demandar un maior compromiso na VAP, e a reforzar os servizos públicos, coa inclusión da citada demanda sobre o PAC ou as melloras en centros educativos, e tamén un maior compromiso medioambiental coa mellora nas redes de saneamento de concellos como Tomiño ou O Rosal.

    Dende o PSdeG agardan que o PP comarcal se sume a estas demandas, “que o son de toda a cidadanía” e insta aos populares do Baixo Miño a que aclaren a súa posición e que esixan da Xunta de Galicia “que non se queira tomar o pelo á comarca”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.