A Corporación Municipal guardesa aprobou por unanimidade, no pleno celebrado o venres 31 de xaneiro, unha proposta da xunta de portavoces para apoiar a mobilización que terá lugar en Santiago o día 9 de febreiro ás 12 da mañá. A corporación quere así reivindicar melloras no seu centro de saúde e por extensión na sanidade pública. O Concello da Guarda porá autobuses a disposición da cidadanía para asistir á manifestación.
Un importante número de veciños e veciñas da Guarda levan concentrándose cada xoves dende fai medes no centro de saúde da localidade demandando a mellora na atención sanitaria.
Na actualidade hai deficiencias motivadas, principalmente, pola falla de cobertura de prazas, o que provoca unha sobrecarga nas consultas ou incluso a anulación de citas. Dende A Guarda tamén se ven reclamando dende fai anos un segundo equipo para o servizo de urxencias.
O servizo de atención sanitaria na Guarda, tanto as consultas ordinarias como as urxencias, é deficiente. Este problema vese agravado polo illamento que sofre a Vila. Hai que lembrar que se tarda case unha hora en chegar ao hospital de referencia en Vigo, debido, sobre todo, a mala comunicación por estrada entre A Guarda e Tui.