A Oficina do Peregrino, encargada da elaboración das estatísticas das e dos peregrinos que se achegan as súas instalacións para acadar a Compostelá ou o diploma que acredita a peregrinación ata Santiago de Compostela, vén de confirmar o espectacular crecemento do Camiño Portugués pola Costa que pechou o 2019 con 22.291 peregrinos, o que supón un incremento dun 61% respecto ao 2018 (13.841 persoas).
Os datos non fan máis que constatar o crecemento imparable e exponencial dunha das rutas máis fermosas que explotaba no 2017 rexistrando un incremento do 174 % de peregrinos e peregrinas con respecto ao 2016 e pasaba das preto de 2.300 persoas dese ano ás máis de 6.000 do 2017.
Lonxe de estancarse, a ruta xacobea que entra en Galicia pola Guarda, mantén o seu crecemento 13.841 persoas peregrinas no 2018 e 22.291 neste último exercicio. Ese crecemento exponencial nótase, e moito, na Guarda. Así, o albergue municipal da Guarda, sito na Rúa Puerto Rico, incrementou o número de pernoctas nun 38 %, pasando de 3.608 peregrinos no ano 2018 a preto de 5.000 peregrinos no ano 2019, destacando o 90% de ocupación nos meses de agosto e setembro.
Pola súa banda, o Concello da Guarda non permanece ‘estático’ ante ese crecemento senón que adoptou diversas medidas –como reformas e obras de mantemento– que teñen como obxectivo, que peregrinos e peregrinas teñan teñan “un espazo confortable e coas maiores facilidades posibles”. O albergue guardés conta, nestes momentos, cunha capacidade total de 36 prazas repartidas en dúas grandes habitacións, ademáis dos baños, cociña, lavadora, etc. Nos vindeiros meses, o Concello acometerá unha reforma integral nos baños, que permitirá adaptar esta infraestrutura con novos aseo e zonas de ducha mixtas.
Un 22 % dos peregrinos que pasaron pola Guarda quedaron aloxados no albergue municipal, outros escollen os establecementos hoteleiros do municipio e tamén hai peregrinos que continúan a súa etapa para rematar no veciño Concello de Oia.
No despacho de billetes do transbordador na Guarda recóllense os datos dos peregrinos que se achegan pola oficina para selar a súa credencial, incrementándose nun 29% o número de peregrinos, 1.492 no 2018 e 1.930 ata o mes de outubro de 2019
Todos estes datos veñen a por de manifesto o auxe e relevancia que ten hoxe en día o Camiño Portugués da Costa coma ruta de peregrinaxe a Santiago de Compostela, unha verdadeira oportunidade a nivel turístico, comercial e hoteleiro para todo o tecido económico da vila de A Guarda e a súa comarca.