O vindeiro venres día 13 de setembro o Centro Cultural da Guarda acollerá un relatorio sobre Violencia Sexual Comercial a cargo de Amelia Tiganus e no que colabora o CIM (Centro de Información á Muller) da Guarda. O acto, que terá lugar ás 20:00 h, tratará sobre os Avances e retos de futuro na loita contra a trata e explotación sexual de mulleres e nenas.
En tempos de globalización e neoliberalismo, a explotación da sexualidade feminina convertiuse nunha industria, unha das máis puxantes a nivel mundial. A cuarta onda do feminismo ten no centro da súa axenda a violencia sexual incluíndo dentro da mesma a prostitución e a pornografía.
Tendo ese marco presente, no relatorio, Amelia Tiganus combinará a teoría feminista e o marco legal, cunha análise crítica desde a experiencia vivida e sentida. Desgranará os intereses xeopolíticos que hai ao redor de legalizar a “trata con fins de explotación sexual en España”, deixando ao descuberto todos os actores do sistema prostitucional, e analizará o papel da demanda no mantemento da explotación sexual de mulleres e nenas
Os obxectivos deste relatorio son (re)pensar sobre a implicación e tolerancia social que existe ao redor da mercantilización do corpo das mulleres e nenas e as graves consecuencias que supoñen sobre a saúde física e psicolóxica das mesmas, así como identificar e incluír nos debates aos demais actores que inflúen e pechan o círculo desta realidade.
Como parte adxacente a isto, analizarase a importancia da coeducación e dos valores transmitidos a través da ensinanza e dos modelos familiares, culturais, sociais e políticos.
Para iso, na Guarda contarase co relato de quen convertiu a loita feminista no sentido da súa vida despois de ter sido vítima de trata e explotada sexualmente durante cinco años nos prostíbulos españoles. Coraxe, empoderamento, resiliencia e militancia feminista: claves para converterse en suxeito político.
“Son unha privilexiada por moitas razóns pero principalmente por poder pensar. Pensar paréceme un acto de rebeldía”, explica Amelia Tiganus.
“Algo tan humano como iso foime arrebatado –como a moitas mulleres– a través da violencia simbólica, a violencia psicolóxica, a violencia física, a violencia económica, a violencia sexual, a violencia institucional, a violencia sociocultural… As putas somos atravesadas por todas as violencias. Puiden despertar de aquela sensación de estar morta en vida o día que descubrín que a miña historia non era algo persoal senon a historia de moitas mulleres; a historia de mulleres que o patriarcado pon a disposición dos homes de maneira pública. E empecei a pensar, a indagar, a encontrar respostas, a perder o medo e a vergonza e a sentirme na obriga ética de actuar. Porque eu puiden saír dese campo de concentración que é a prostitución pero millóns de mulleres siguen alí, sufrindo a pérda de identidade, a tortura física e psicolóxica, o medo, o descoñecemento, o silencio, a indiferencia, o esquecemento e o desamparo do Estado proxeneta e da sociedade cómplice.”
Sobre Amelia
Amelia Tiganus é una activista feminista , nacida o 11 de marzo de 1984 en Galati, Rumanía. Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español. Publicou varios artigos, de entre os que destaca ‘La revuelta de las putas’,e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.
Foi coordinadora en feminicidio.net durante tres anos e recibiu varios premios e recoñecementos ao seu labor en pro dos dereitos humanos das mulleres e as nenas. Nos últimos tres anos impartiu máis de 150 relatorios, charlas e obradoiros por todo o territorio español e tamén en Arxentina e Alemaña.
Das súas varias aparicións en televisión, destaca Salvados –Las invisibles, un programa de máxima audiencia da Sexta- onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole. Tiganus deixa claro que: «Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente».