Xoves, 13 Febreiro de 2025

A Guarda pide á Consellería do Mar un futuro para o seu porto

Unha representación veciñal da Guarda, encabezada polo seu alcalde, trasladouse a Santiago a demandar a construción do espigón sur do porto

O mércores 15 de xaneiro do 2020 representantes das asociacións guardesas, ORPAGU, Piueiro, Alagua e Confraría de Pescadores, encabezados polo alcalde, Antonio Lomba, mantiveron unha reunión en Santiago coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, para trasladarlle as demandas da cidadanía guardesa, en relación ao futuro do porto, expresadas a través das súas asociacións.

En agosto de 2019 xurdiu na Guarda un movemento civil apoiado polas asociacións empresariais, culturais, deportivas e sociais, e polo propio Concello, que ten como obxectivo conseguir melloras para o seu porto que permitan un uso máis intensivo da lámina de auga, tanto para profesionais como náutico deportivas, e que actúe como o motor económico da localidade, como o fixo no pasado.

As melloras que se pretenden conseguir permitirán poder usar o porto durante todo o ano de forma segura e dotalo de servizos e infraestruturas de atraque.

A obra principal que se propón, e así llo trasladaron ás responsables políticas da Xunta, e a construción dun espigón que parta do sur do espigón vello (na zona do Balueiro) e que remate por fora do espigón norte. Isto evitará a entrada dos mares que na actualidade fan o porto impracticable con mal tempo.

A representación Guardesa valorou de forma positiva a reunión xa que conseguiron o compromiso das responsables da Xunta de traballar nas demandas que lle presentaron co obxectivo de elaborar un estudo de viabilidade técnica e unha valoración económica da construción do espigón.

Así mesmo o alcalde solicitou, unha vez máis, o apoio da conselleira para a construción do vial de acceso sur ao porto. O proxecto desta infraestrutura foi redactado na anterior lexislatura pola Deputación Provincial de Pontevedra e na actualidade está pendente dos informes sectoriais.