Mércores, 19 Marzo de 2025

A Guarda mellora os servizos á cidadanía coa incorporación de dous novos auxiliares de Policía Local

Veñen de incorporarse á plantilla fixa de 6 Policías Locais na vila. Grazas a estas incorporacións mellorarase o control das Zonas Azuis e outros servizos

O Concello da Guarda conta dende fai uns días con dúas novas incorporacións ao corpo da Policía Local, trátase de dous novos auxiliares de Policía Local que veñen a completar a plantilla existente de 6 Policías Locais, sumando así un total de 8 axentes en servizo.

Ao longo desta semana irán asumindo as diferentes tarefas de seguridade viaria, control do tráfico, xestións administrativas, control da zona azul, control das saídas e entradas nos centros educativos, cumprimento das medidas sanitarias vixentes, entre outras.

O Concello da Guarda está tamén pendente da resolución do concurso realizado pola Axencia Galega de Seguridade Pública (AGASP) para a praza de Xefe da Policía Local da Guarda, que quedou deserta despois da xubilación do anterior cargo e asumida “en funcións” por parte dun dos Policías Locais da vila, a quen o Concello quere trasladar o seu agradecemento.