8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Consellería do Mar impulsará proxectos en Baiona e A Guarda

    A Consellería do Mar impulsará proxectos en Baiona e A Guarda

    A Consellería do Mar aproba o financiamento para os sete proxectos asesorados polo GALP Ría de Vigo - A Guarda

    A Consellería do Mar vén de resolver a segunda convocatoria de axudas do ano 2021, pola que se aproban as subvencións para sete proxectos asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo – A Guarda e pertencentes aos municipios de Cangas, Vilaboa, Vigo, Baiona e A Guarda.

    O GALP Ría de Vigo-A Guarda promove o desenvolvemento de proxectos e actuacións destinados a conseguir un desenvolvemento equilibrado, sostible e integrador da súa zona marítima de influencia para beneficio do conxunto da poboación, fornecendo a presenza do sector pesqueiro en termos económicos e de emprego, respectando e preservando o medio natural e o patrimonio cultural e cunha participación real e efectiva de axentes e poboación do territorio.

    A contía das axudas supera os 400.000 euros e supoñen entre o 90% e o 100% do financiamento dos proxectos non produtivos e entre 40% e o 50% dos produtivos.

    Nos proxectos non produtivos sitúanse iniciativas como a do Concello de Vilaboa que busca rehabilitar, acondicionar e poñer en valor o Forno do Cal e a súa contorna en Punta Travesada; ou a da Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, centrada na revalorización dos produtos que extraen as embarcación que comercializan estas capturas a través da lonxa de Cangas. A Confraría de pescadores San Francisco de Vigo aposta tamén por novos proxectos como este no que traballarán por mellorar a gobernanza dos recursos pesqueiros, marítimos e sociais, mediante o estímulo á participación dos seus membros nos órganos de goberno. Pola súa banda, a Asociación San Xerome Emiliani, na Guarda, centra a súa iniciativa no fomento da empregabilidade e a inclusión sociolaboral de persoas mozas con discapacidade a través da formación e a capacitación en proxectos de economía circular como a reparación de envases plásticos, utilización destes envases para a recollida de residuos, utilización de refugallos para mobiliario portuario ou filamento para impresoras 3D.

    No tocante aos proxectos produtivos, atopamos o de Gandón, S.A., en Cangas, que busca mellorar as condicións de seguridade e sostibilidade desta empresa armadora co obxectivo de mellorar a produtividade, reducir os desprazamentos e facer unha aposta pola economía circular. Como iniciativa vinculada ao ámbito turístico, está a de Diferent Charter Galicia S.A., en Baiona, que quere instalar un barco charter no porto de Baiona para a realización de rutas turísticas pola ría. E por último, H.Q. Seaweed, en Vigo, continúa a impulsar as súas algas deshidratadas cun proxecto innovador que poña en valor os produtos do mar.

    Agora, os promotores dos proxectos contarán cuns días para decidir se aceptan as axudas e emprenden a posta en marcha das súas iniciativas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.