Domingo, 16 Marzo de 2025

Os concellos da Cañiza e Melón estrean o camiño medieval «Entre abadías»

Unha ruta que terá lugar o vindeiro sábado 1 de abril, que esgotou as reservas na primeira semana e na que participarán preto de 200 persoas, será a encargada de inaugurar o camiño medieval entre os concellos da Cañiza e Melón «Entre abadías». A partir das 16:30 h poderase realizar a ruta guiada deste treito de camiño medieval de 9,5 quilómetros que une ámbolos dous municipios.

O Alcalde da Cañiza Luís Piña destaca o grande éxito de afluencia e a inmediatez en inscribirse por parte das veciñas e veciños dos dous concellos.

A xornada comezará ás catro da tarde coa entrega de credenciais aos participantes e inicio do roteiro que transcorre polo camiño sinalizado o pasado mes de xullo e que pasa pola Abadía de Oroso e diferentes núcleos de poboación ata a chegada a Fonte Santa e San Benito, xa en terras do Ribeiro. 

[su_image_carousel source=”media: 69466,69467″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Está prevista a chegada ao Mosteiro de Melón ás 19:00 h, momento en que o alcalde desta localidade ourensá, Emilio Vidal, ofrecerá un refrixerio aos camiñantes no claustro do mosteiro.

Ás 20:30 h haberá un oficio relixioso de bendición a camiñantes e entrega por parte de ambos alcaldes aos sacerdotes de Melón e da Franqueira dunha peza de artesanía orixinal e relacionada con este roteiro medieval.

O retorno dos participantes ata o punto de inicio realizarase en autobús desde as portas do mosteiro.

Camiño medieval «Entre Abadías»

Os Alcaldes da Cañiza, Luis Piña, e de Melón, Emilio Díaz, asinaron o pasado 11 de xullo de 2022 un Convenio Intermunicipal entre os Concellos para relanzar este sendeiro, sumido ata o de agora no esquecemento, con máis de 800 anos de historia e que comunica o interior de Galicia, conectando o Mosteiro de Melón (Ourense) co Santuario da Franqueira (Pontevedra).

Esta sinatura desenvolveuse nun acto público institucional, na Capela de San Benito, na Fonte Santa, no Concello de Melón e tivo por obxecto enmarcar e coordinar a actuación de relanzamento turístico deste camiño histórico que atravesa os municipios da Cañiza e de Melón coa finalidade de potenciar o tecido económico e turístico dos dous concellos.

Despois de terse acondicionado o camiño e sinalizada axeitadamente a ruta, este primeiro de abril, se inaugura o tramo guiado entre A Cañiza e Melón de «Entre Abadías»,  un sendeiro medieval presente tamén en wikiloc que animamos a coñecer e a camiñar.

(https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/entre-abadias-de-melon-a-franqueira-100689104)