O alcalde da Cañiza, Luis Piña, deu conta da entrega este pasado luns, de 55 novos composteiros para a reciclaxe de residuos orgánicos destinados a vivendas unifamiliares. Esta nova achega, que reflicte o compromiso do Concello da Cañiza coa sostibilidade e o medio ambiente, engádese ás outras 75 unidades entregadas con anterioridade e que fan que nestes momentos, o rural do municipio conte cun total de 130 composteiros domésticos.
Na entrega dos composteiros, Cristina Cabana, formadora da empresa Ancaria, impartiu unha charla sobre que é a compostaxe, como compostar, que produtos e materiais podemos verter nos composteiros e por último como montalos de xeito eficiente. Ao mesmo tempo o Concello fixo entrega dunha guía de reciclaxe e montaxe para que a veciñanza non perda as pautas que se deron na charla.

Cun coste de 11.011,00 € estes 130 composteiros e aireadores, súmanse ás distintas iniciativas de información e edición de folletos e guías que formaron parte da campaña de compostaxe doméstica #acañizacoidadaesostible que tivo un investimento total de 16.505,61€ dos que 13.497,30 € foron subvencionados pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta e a Unión Europea cos fondos NextGeneration EU ao abeiro das axudas para financiar actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal.
Luis Piña subliñou que se está a traballar “para adquirir máis unidades de xeito que entre todos poidamos baixar as cifras de residuos do contedor verde”. A maiores dos evidentes beneficios, o alcalde da Cañiza chama a atención sobre o feito “da redución das toneladas a reciclar e tamén da factura mensual da recollida de Sogama que a día de hoxe supera os 7.500 €/ mes por retirar e tratar os residuos da Cañiza. Un total de 1.580 t de lixo anuais que no pasado ano 2023 supuxeron un custe para as arcas municipais de 88.684,71 €”.
Con todo o Luis Piña subliñou que A Cañiza “é un dos concellos que menos pagan por tonelada á Sogama xa que cumprimos con todas as condicións para que a Sociedade Galega do Medio Ambiente, encargada de xestionar o noso lixo do contedor verde, rebáixenos o prezo da tonelada de 66 €/t a 56,1 €/t”.

“Esta rebaixa de 9,9 €/t, débese a que realizamos campañas de reciclaxe, rebaixamos nos últimos anos a cantidade de residuo a reciclar e ademais xa estamos preparados para a recollida do residuo marrón no casco urbano”, explica o rexedor local.
Nesta liña, Piña tamén recordou que o Concello adquiriu en decembro de 2022 un novo camión de recollida de residuo marrón, por 49.005,00 €, cunha subvención de 30.000,00 da Consellería de Medio Ambiente da Xunta e cofinanciado tamén pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2022 cunha axuda de 15.203,75 € aos que o Concello sumou 3.801,25 € de fondos propios.
Trátase dun camión non compactador de recollida de biorresiduos que recollerá materia marrón no núcleo urbano e que estará operativo cando abra a nova planta de tratamento biolóxico de SOGAMA en Arbo, onde se trasladarán os residuos para posteriormente tratalos e transformalos en compost ou biogás.
Para depositar esta fracción orgánica o Concello tamén adquiriu 700 unidades de cubos específicos para os domicilios do núcleo urbano que se repartirán nos vindeiros meses.