Venres, 18 Xullo de 2025

Este venres preséntase o libro ‘Historias en pedra, Tui e as súas parroquias’

0

Este venres, 3 de febreiro ás 19 horas, o Edificio Francisco Sánchez acollerá a presentación do libro ‘Historias en pedra, Tui e as súas parroquias’ da artista tudense Rosa María Vila.

Rosa Mª Vila recolle nas páxinas do libro máis de 20 debuxos realizados coas técnicas de plumiña, dos seus inicios, e da acuarela. Tras 25 anos de traballo, a idea de plasmar nunha publicación rúas, paisaxes e igrexas de Tui e das parroquias, xurdiu en plena pandemia.

Os debuxos están acompañados neste libro por textos nun ton poético, escritos pola propia artista, do que para ela é Tui e o que significa. Ademais, recupera tamén composicións de escritores e pensadores como Manuel Rivas, Unamuno ou Bispo Lago.

Rosa Mª Vila conta cunha longa traxectoria artística dende a súa primeira exposición pictórica na cidade no ano 1998, á que teñen seguido numerosas mostras tanto en Tui coma noutros concellos galegos e portugueses.

O pasado mes de setembro presentou amais, na Sala Municipal de Exposicións do Edificio Francisco Sánchez, a mostra “Abrimos portas?”, na que recolleu 25 portas emblemáticas das cidades de Tui e Valença.

Agora neste libro, que será presentado o venres, recolle unha pequena parte da súa escolma pictórica sobre a súa cidade que o público poderá gozar dende as páxinas desta publicación que está xa á venda nas librarías tudenses.

Baiona adianta o entroido ao 11 de febreiro

0

O Concello de Baiona adianta unha semana a celebración do Entroido. Aínda que a data oficial será a última fin de semana de febreiro, desde a Concellería de Cultura  decidiuse adiantalo sete días para que a súa celebración non estea tan próxima á festa máis popular da vila, a Arribada, que este ano se celebrará o 3, 4 e 5 de marzo, e que tamén encherá de fantasía, neste caso medieval, as rúas da localidade.

Deste xeito, o Concello de Baiona será unha dos primeiros en levar a cabo esta celebración. O concurso de comparsas de Entroido terá lugar o sábado 11 de febreiro de 2023, con saída ás 17:00 horas desde a Avenida Urbana de Sabarís e percorrerán as rúas Santa Marta, Monterreal e Elduayen para terminar no Paseo Ribeira. Tras o desfile, terá lugar o tracional enterro da sardiña.  Así mesmo, a Asociación de Empresarios e Comerciantes de Baiona (ACEBA) e o consistorio, complementarán esta celebración con distintas actividades durante a fin de semana.

O Concello de Baiona repartirá 6.500 euros entre as comparsas participantes distribuídos entre os seguintes premios:  1º premio 900 euros; 2º premio 650 euros, 3ª premio 500 euros, 4º premios 400 euros e 5ªpremio 300 euros. O resto do montante repartirase entre as comparsas participantes no desfile e distribuirase en función do número de compoñentes.

Establécese un límite máximo de participación de 20 comparsas no concurso que serán admitidas por rigorosa orde de rexistro de entrada.

Entre os requisitos para participar no concurso de comparsas de Entroido do Concello de Baiona atópanse: Cada comparsa terá que estar composta por un mínimo de 12 persoas; participar no desfile organizado o sábado 11 de febreiro de 2023 así como participar no Enterro da Sardiña que terá lugar o mesmo día, a continuación do desfile, cun mínimo de 10 compoñentes por comparsa . As  comparsas que incumpran este requisito, serán penalizadas cun desconto do 20% sobre a cantidade que lle corresponda.

Para participar no concurso de comparsas é preciso achegar a seguinte documentación:

– Solicitude de inscrición segundo modelo no que debe figurar o nome da comparsa, número de membros que a compoñen, (o número máximo que se terá en conta é o que figure na solicitude, salvo que o número de participantes que figure na acta do desfile sexa considerablemente menor). Nome, DNI, dirección e teléfono do/da representante (de non ser unha asociación constituída) e Nome, CIF, dirección e teléfono no caso de ser unha asociación legalmente constituída.

  • Copia do CIF da Asociación ou DNI dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
  • Certificado de conta bancaria da Asociación ou dun representante da comparsa no caso de grupos informais.
  • Declaración responsable de atoparse ao corrente no cumprimento dos deberes tributarios estatal, autonómica, seguridade social, Oral e co Concello de Baiona.

As comparsas interesadas,en participar no Concurso de Entroido do Concello de Baiona poden presentar a solicitude oficial no rexistro xeral do concello  ou a través da sede electrónica http://baiona.sedelectronica.gal , sempre que sexan unha asociación legalmente constituída.

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte da publicación do extracto da convocatoria vía BDNS no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.  A solicitude poderá realizarse desde hoxe, 31 de xaneiro, ata o 9 de febreiro, ambos inclusive.

Toda a información necesaria para realizar a solicitude atópase dispoñible na páxina web oficial do Concello de Baiona: https://www.baiona.gal/cultura/o-entroido-de-baiona-adiantase-ao-sabado-11-de-febreiro/.

O Porriño vólcase coa igualdade

O Porriño vólcase un ano máis coa igualdade. O alcalde, Alejandro Lorenzo, e a concelleira de Educación e Igualdade, Carolina González, presentaron o inicio da programación anual  baixo o lema “Da man da educación cara a igualdade”.

Foi no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios onde se estaba a desenvolver o primeiro dos Obradoiros de Xénero incluídos no programa. Nesta actividade, dirixida aos nenos e nenas de 6º de educación infantil dos centros educativos do Porriño, o alumnado traballará os estereotipos de xénero.   Nestes obradoiros participarán preto de 200 nenos e nenas.

“Temos moi claro que para acadar unha igualdade real efectiva é esencial traballar da man da educación”, explicou a concelleira, “Para loitar contra os estereotipos de xénero é necesario actuar en idades moi temperás xa que é cando se pode romper con estas etiquetas e perxuízos que sustentan a desigualdade”. 

No mesmo sentido se expresou o rexedor que destacou a importancia de “desenvolver unha programación anual tal e como se recolle no Plan de Igualdade, que non se limite a conmemorar unhas datas sinaladas, senón que traballe cada día na sensibilización, información e, sobre todo, na educación das/os máis pequenas/os, xa que eles serán ese mundo xusto e igualitario de mañá”. 

O Cultura 24 de Ponteareas comeza o ano con teatro

O programa Cultura 24 regresa esta fin de semana a Ponteareas coas pilas cargadas e risas a esgalla. A través desta iniciativa, o Concello levará este domingo 5 de febreiro ao Centro Cultural de Bugarín a obra ‘Delicatessen – Menú degustación’, un novo enredo cómico co que o grupo de teatro Pedra do Cabalo, de Celeiros se subirá ao escenario para facer fozar ao púbñico dunha tarde de lecer e diversión para todas as idades.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a todas e todos os ponteareáns “a achegarse ata Bugarín para vivir unha nova tarde de lecer ao abeiro do programa de actividades do Cultura 24, unha iniciativa coa que buscamos ofrecer á veciñanza concertos, teatro…, en definitiva, un amplo abano de actuacións gratuítas coas que ao mesmo tempo dinamizamos as nosas 24 parroquias, lle damos visibilidade ás nosas agrupacións musicais, teatrais e culturais e promocionamos todo tipo de arte”.

A actuación será ás 18.30 horas totalmente de balde.

Miriam Leirós achega unha ollada sostible á VIII Semana da Educación de Tomiño

0

Hai catro anos un grupo de profesores comezou un blog para compartir inquietudes e experiencias sobre docencia relacionada co medio ambiente e o cambio climático. Ao calor das folgas escolares impulsadas dende Suecia por Greta Thunberg, ese blog serviu de semente para a creación de Teachers for future en España, hoxe o principal nodo europeo xunto ao sueco destes mestres e mestras preocupados polo futuro, con máis de 2.000 docentes implicados. A súa coordinadora, Miriam Leirós, estará o vindeiro mércores 8 de febreiro na VIII Semana da Educación de Tomiño para afondar na importancia da educación ecosocial, unha nova forma de educar a través dunha ollada sostible e xusta a nivel global.

“Ninguén imaxinaba unha guerra en Europa no século XXI. E igual de inverosímil resulta a negación da ciencia. En cambio, dende certos redutos da sociedade trátase de ocultar evidencias científicas sobre como a destrución medio ambiental non só dana a contorna, senón tamén á sociedade, creando desigualdade”, explica Leirós. A docente, fronte “a esa educación competitiva e individualista que leva á destrución da sociedade como rede interdependente, a educación ecosocial considera as relacións entre as persoas e os hábitat na procura do coidado e protección para o ben común, ensinando a sopesar consecuencias para cooperar como sociedade”.

“O mundo está en cambio constante e nós como sociedade debemos adaptarnos en todos os campos, tamén na educación. Nunha situación de cambio climático como na que nos atopamos abordar a concienciación e o coñecemento do medio ambiente dun xeito integral xa dende pequenos e pequenas é fundamental, por iso é un tema que tiñamos que abordar dende a nosa Semana da Educación”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Mestra de primaria e educadora ambiental, Miriam Leirós é experta en xestión social do hábitat e deseño participativo. Colabora na sección de medio ambiente de ‘El Asombrario-Público’ e no ‘Diario de la Educación’ e é autora do libro de contos ambientalistas ‘Los secretos de los cuentos clásicos’. Leirós é ademais integrante do grupo de expertos independentes da Asemblea Cidadá para o Clima de España.

O Concello organiza por oitavo ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir e recibir certificado de asistencia poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.

O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil visita Salceda de Caselas

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil José Antonio Quiroga visitou, a petición da alcaldesa Verónica Tourón, as zonas máis afectadas no concello de Salceda de Caselas polas fortes choivas de Nadal e Aninovo. Esta visita encádrase na liña de xestión iniciada pola rexedora municipal para abrir vías de colaboración coas diferentes administracións públicas co obxectivo de paliar os danos provocados polas abundantes precipitacións.

O presidente da Confederación, acompañado  polo equipo de goberno, puido apreciar de primeira man os danos sufridos en dúas das zonas máis afectadas, a que corresponde a área industrial do Cerquido e a correspondente a senda do río Caselas na parroquia de Entenza, que como o resto das sendas fluviais do municipio sufriron importantes e numerosos danos.

Verónica Tourón e o concelleiro de Medio Ambiente Rubén González transmitíronlle ao presidente da Confederación a necesidade de acometer a limpeza dos cursos fluviais do municipio como o río Caselas ou os ríos Becerreira e Tinto situados na zona industrial do Cerquido, como medida urxente  a levar a cabo tras o episodio de inundacións e fortes choivas sufridas o 1 de xaneiro.

José Antonio Quiroga tamén amosou interese polos diferentes proxectos que dende o equipo de goberno se queren levar acabo relacionados coa planificación de sendas fluviais e rede de saneamento.  

O goberno municipal expresou a súa satisfacción pola visita do máximo responsable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ao concello de Salceda.

O AECT Rio Minho intégrase na Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza

O AECT Rio Minho asinou oficialmente en Lisboa a súa integración na Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza (REDCOT) creada polos gobernos de España e Portugal co obxectivo de articular e fortalecer a cooperación de entidades dun e outro lado da fronteira hispano-lusa.

O director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez formalizou a adhesión ao novo organismo acompañado da presidenta da Deputación Carmela Silva nun acto presidido polas ministras de Política Territorial do Estado Español Isabel Rodríguez e a ministra de Coesão Territorial de Portugal Ana Abrounhosa. O nacionalista asegurou que a nova entidade supón un “paso histórico e simbólico” na posta en valor dos territorios fronteirizos e dá unha “primeira resposta” á demanda do agrupamento miñoto de dispoñer dunha estrutura estable para dialogar cos estados sobre as problemáticas e necesidades das fronteiras.

A REDCOT nace do acordo entre os gobernos español e portugués logo de que na Declaración Conxunta da XXXI Cimeira Hispano-Lusa celebrada en Garda se admitise a necesidade de fortalecer a cooperación transfronteiriza para resolver problemas específicos das rexións fronteirizas. Entre outros obxectivos búscase mellorar áreas como a saúde, asistencia sanitaria de emerxencia, movemento de persoas traballadoras transfronteirizas, protección civil, mobilidade e infraestruturas, despoboamento, investimento, transporte de mercadorías e apoio económico e social.

Entre outras cuestións, os dous gobernos subliñaron que para a creación desta rede dende valoraran o traballo desenvolvido polos Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial (AECT) existentes entre entidades españolas e portuguesas, que propuxeran promover unha rede informal de cooperación territorial, co fin de crear sinerxias, apoiar o intercambio de información, difundir boas prácticas e experiencias exitosas e promover unha maior coordinación e articulación.

O director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, encargado de asinar oficialmente a adhesión do agrupamento miñoto á REDCOT, destacou neste sentido a súa satisfacción pola creación da rede. Segundo dixo, esta fora unha das cuestións principais que se plantexaran á ministra de Coesão Territorial na reunión de Pontevedra do pasado mes de outubro, “na que queriamos por enriba da mesa as fronteiras e as súas problemáticas, e para iso unha das demandas era que se creasen estruturas estables de diálogo”.  

A creación da rede segundo Benítez é, de feito e en grande parte, froito do traballo inxente do AECT Rio Minho por poñer os focos na fronteira, nomeadamente durante o peche pola pandemia, cando se evidenciou que os estados “están lonxe aínda de entender o que funciona na sociedade fronteiriza de xeito natural”. Entón, lembrou o nacionalista, o AECT Rio Minho foi moi visible e reivindicativo para mellorar a situación da cidadanía fronteiriza.

“Para nós a REDCOT –dixo Benítez- é un paso importante. É novidoso e histórico porque por vez primeira os dous estados teñen a ben establecer unha rede de entidades transfronteirizas coas que establecer un diálogo e un debate sobre as políticas transfronteirizas. É a primeira vez que acontece e é positivo, pero estamos moi lonxe de que os estados consideren as fronteiras como territorios nos que centrar as súas políticas. Normalmente son territorios que funcionan como periferias das decisións políticas dos estados. É un paso simbólico importante , pero aínda temos moito camiño por diante”, subliñou.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación Carmela Silva amosou a súa satisfacción pola posta en marcha da Rede Ibérica de Entidades de Cooperación Transfronteiriza “que, estou segura, vai contribuír a seguir sumando sinerxías entre España e Portugal para relanzar este espazo europeo de convivencia cheo de futuro, oportunidades e prosperidade”. “Compartimos -engadiu a presidenta- proxectos, preocupacións e necesidades e a Rede será unha ferramenta clave para avanzar no posicionamento estratéxico dun espazo transfronteirizo que ten demostrado ser xa unha verdadeira referencia en toda a Unión Europea”.

Ademais do AECT Rio Minho, adheríronse á REDCOT a Eurocidade Tui-Valença, o AECT Galiza Norte de Portugal e o Eixo Atlántico xunto a outras entidades hispano-lusas.

O programa integrado de emprego do Concello de Tui inicia a súa actividade

0

Un total de cen persoas en situación de desemprego verán mellorada a súa empregabilidade a través do Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui foi presentado onte.

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Tui conta cun orzamento de 297.691 euros –dos que 250.000 euros serán achegados pola Xunta de Galicia a través dunha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade, e os 47.619,05 euros restantes, polo Concello de Tui– e nel participarán persoas desempregadas pertencentes a diversos colectivos:

  • Persoas menores de 30 anos con baixa cualificación
  • Desempregados e desempregadas menores de 30 anos cualificados
  • Perceptores de prestacións
  • Mulleres
  • Parados de longa duración
  • Persoas con discapacidade
  • Inmigrantes

O obxectivo deste Programa de Emprego, é o de mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego e para iso, as e os participantes contarán cunha atención persoalizada durante os meses que dure esta iniciativa.

A execución de este programa implica asumir o compromiso de insertar como mínimo o 45 % das persoas participantes coa penalización economica que corresponda polo seu incumplimento.

Neste sentido, o concello de Tui conta con experiencia anterior na execución de este tipo de programas, sendo este o 3 programa de emprego que se inicia neste mandato. (rematamos 1 e iniciamos 2 máis).

Para lograr os obxetivos que se pretenden tanto de inserción como de mellora da empregabilidade en xeral, as persoas participantes realizaran unha serie de accións que se integran o longo do programa, como son:

  1. Información, orientación e asesoramento
  2. Formación transversal en novas tecnoloxía e/ou idiomas
  3. Técnicas de coaching, intelixencia emocional e técnicas de motivación para a busca de emprego, tanto por conta propia como allea
  4. Habilidades sociolaborales e obradoiros de entrevista
  5. Fomento de capacidade emprendedora
  6. Prospección empresarial
  7. Emparellamento de ofertas de traballo coas persoas demandantes de emprego participantes
  8. Formación para o emprego: esta formación estará relacionada coas necesidades detectadas no mercado de traballo, e programadas en coordinación coas empresas colaboradoras.
  9. Prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia, preferentemente, co contido teórico práctica das acción formativas.
  10. Talleres de mobilidade laboral que proporcionen información dos recursos disponibles de mobilidade transnacional no territorio da Unión Europea (redes Eures).

As accións formativas previstas suman máis de 1000 horas de formación para o emprego, incidindo naquelas cualificacións con maior demanda no mercado laboral, entre as que están as seguintes:

  • Itinerarios profesionais
  • Operario de almacén
  • Operario de produción
  • Expendedor de gasolina
  • Comercio e atención ao cliente
  • Turismo e atención ao cliente
  • Alimentación
  • Limpeza

Por outra parte, o equipo técnico destinado a execución de este programa desenvolverán un traballo de orientación laboral, acompañando e asesorando ás e aos participantes na súa busca de emprego. Paralelamente contactarán coas empresas da zona, nunha labor de prospección laboral, para coñecer as súas demandas de candidatos e candidatas ou formación. Ese paso é fundamental para, posteriormente, facer un traballo de intermediación laboral, emparellando as ofertas de traballo coas persoas participantes segundo os seus perfís e cualidades

Non menos importante é a posibilidade de realizar prácticas profesionais non laborais en empresas en consonancia co contido teórico práctico das accións formativas realizadas.

Ponteareas aproba o Ciclo Integral da Auga que asegura saneamento no rural

O pleno de Ponteareas aprobou no día de onte, cos votos a favor do BNG e PSOE, a abstención do PP e o voto en contra de ACIP, o anteproxecto do denominado “Ciclo Integral da Auga”, a concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración. O proceso de licitación que se inicia con este primeiro acordo plenario implicará, segundo o executivo municipal do BNG-PSOE, grandes beneficios para Ponteareas en comparación coa situación anterior.

A alcaldesa, Cristina Fernández, explicou que a concesión será de 20 anos fronte aos máis de 30 do período anterior, a concesionaria terá que pagar ao Concello máis de 1.300.000 euros fronte aos 150.000 euros da concesión anterior e, o máis importante, terá que facer investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1.670.000 euros, aínda que poden acadar máis de 9 millóns de euros en función das ofertas que se presenten. Na concesión anterior o Concello non recibiu ningún investimento.

Na súa intervención, a alcaldesa sinalou que a aprobación do anteproxecto do Ciclo Integral da Auga é un dos máis ambiciosos e de maior calado na historia recente de Ponteareas, que marcará un antes e un despois na localidade. Cristina Fernández afirmou que “por primeira vez na súa historia, Ponteareas está en condicións de dar o saneamento a todas as parroquias” e xustificouno indicando que “despois destes sete anos gobernando podemos anunciar que temos os proxectos, temos os cartos e temos en marcha a ampliación da depuradora para que non verta ao río”.

A rexedora local lembrou que o Concello xa ten redactado o plan director de saneamento que determina tecnicamente todo o que hai que facer en cada parroquia. Ademais, engadiu que a ampliación da depuradora da Moscadeira está xa en marcha co maior investimento económico da historia de Ponteareas, 14 millóns de euros, unha ampliación sen a que o Concello tiña prohibido por parte da Confederación facer novas obras de saneamento porque verterían ao río. Agora, coa aprobación do Ciclo Integral da Auga, o Concello ten asegurados millóns de euros para comezar a executar esas novas obras de saneamento. Por iso a alcaldesa sinalou que “este mandato foi o do alumeado público cunha renovación espectacular en todo o rural e centro urbano de máis de 4 millóns de euros investidos. Agora está todo preparado para que os próximos anos sexan os do saneamento integral de Ponteareas”.

Redondela renova as pistas de pádel e tenis

0

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Deportes que dirixe Nacho González, vén de anunciar a renovación das 4 pistas de padel e as 3 pistas de tenis localizadas nas instalacións deportivas da Estrada Campo de Fútbol. Este proxecto entra dentro da Liña 1 d Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e a licitación da obra comezará en canto a Diputación aprobe os orzamentos.

Segundo a alcaldesa, Digna Rivas, “esta é unha zona deportiva e de ocio moi importante para a Vila que leva case 10 anos sen unha mellora, ou renovación das pistas desgastadas polo uso e o paso do tempo. É unha prioridade deste goberno ofrecer unha experiencia óptima de lecer e deporte tanto para aquela veciñanza interesada no uso amateur como para os nosos deportistas profesionais”.

O proxecto conta cun orzamento de 80.000 euros dentro do Plan Concellos 2023 da Diputación de Pontevedra. Concretamente investiranse 47.000 euros na a renovación do pavimento das 3 pistas de tenis e 38.000 para as 4 pistas de pádel.

Pistas de tenis

A actuación no pavimento das 3 pistas de tenis consiste na limpeza do mesmo e lixado da superficie existente por medios  mecánicos e a continuación a aplicación dun sistema mediante capas de resinas acrílicas do  tipo sistema tennislife.

A marcaxe levarase a cabo reformulando as diferentes liñas regulamentarias de xogo especialmente estudada para  a sinalización de pavimentos de todo tipo, con dimensións e xeometría segundo normas da  Federación Española de Tenis. Deberá quedar garantida a seguridade de utilización por agarre do calzado deportivo, evitando esvaramentos excesivos ou caídas, sendo para uso exclusivamente deportivo e aplicando a norma de instalacións deportivas.

Pistas de pádel

Pistas de pádel

Trátase de catro pista de pádel, as cales están definidas principalmente polas superficies sobre as que se desenvolve o xogo. Neste caso actualmente existe unha moqueta de céspede sintético que se pertende renovar, para o que será necesaria a súa  retirada, que levarase a cabo mediante medios manuais. Por último, sobre o pavimento existente, estenderase o céspede sintético. O pavimento elixido corresponde a céspede sintético homologado pola Federación Española de Pádel, tanto para uso amateur como para uso profesional.

“Este goberno cumple coas necesidades dos usuarios e usuarias das pistas de pádel e tenis, unha das zonas máis utilizadas do municipio. O mantemento das nosas instalacións deportivas son unha prioridade, por ese motivo entran dentro da Línea 1 do Plan Concellos 2023 e a licitación da obra farase na maior brevidade posible”, conclúe Rivas.

Mos solicita que Fomento axilice as obras da pasarela peonil e desbloquee a instalación de fibra óptica en Amieirolongo

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá os traballos da pasarela peonil en Amoeirolongo e reuniuse a pé de obra con técnicos do Ministerio de Fomento para comprobar o desenvolvemento dos labores na Estrada Nacional 550, e esixirlles máxima celeridade na execución das obras, que comezaron a principios de setembro e xa terían que estar rematadas dende hai tempo.

“Os traballos comezaron a principios do pasado mes de setembro e debían ter rematado a finais de ano, sen embargo atopámonos no mes de febreiro e o avance da obra é mínimo, tendo estado parado durante semanas en moitas ocasións. Nós non podemos seguir permitindo o perxuízo que isto está a causar a condutores, veciñanza e negocios da zona”, declarou Arévalo, rexedora local mosense.

Nidia Arévalo leva semanas tentando que se axilicen as obras, solicitando por escrito que os traballos avancen tamén durante as horas nocturnas para acelerar o desenvolvemento dos mesmos, sen obter ningún tipo de resposta por parte do Ministerio de Fomento. Incluso a semana pasada a rexedora persoouse na Demarcación de Estradas do Estado en Pontevedra a tal fin, sen lograr en ningún caso resposta; tampouco ás súas chamadas nin escritos presentados, por parte dos responsables do Ministerio na provincia, que a día de hoxe continúan sen poñerse en contacto con ela para abordar esta tema de importancia capital para o Concello e os e as mosenses.

Ademais, a alcaldesa aproveitou o encontro cos técnicos de Fomento desta mañá para desbloquear, xunto co concelleiro de Novas Tecnoloxías, Leo Costas, o problema da falla de cobertura de Internet por fibra óptica no barrio de Amieirolongo en Sanguiñeda, tamén nesta mesma zona da N-550. A instalación da fibra na zona atópase parada porque Fomento non dá permiso para as arquetas que ten que colocar a operadora de telefonía, polo que hoxe analizouse o tema in situ, para darlle unha solución ao problema.

Desde o ‘Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana’, a través da ‘Dirección General de Carreteras’, comezáronse os traballos no nó de Amieirolongo, entre a A-52 e a Estrada Nacional 550 os primeiros días do pasado mes de setembro.

O proxecto da pasarela en Amieirolongo consiste na histórica reclamación dunha pasarela peonil que cruce o nó de Amieirolongo en Sanguiñeda, e que enlace o punto quilométrico 306 da A-52 coa Nacional 550, zona onde se atopan situadas varias superficies comerciais. Cómpre lembrar que foi comprometida fai anos polo Ministerio de Fomento, que fai unha inversión, IVE incluído, de 233.741,27 euros, neste proxecto de construción de pasarela peonil para o Camiño de Santiago con mellora da seguridade vial e execución de pasarela peonil. Obra que conta coa pertinente cesión de terreos por parte do Concello de Mos.

Con esta pasarela evitarase que os peregrinos (así coma calquera outro viandante e/ou veciño) teñan que cruzar a estrada Nacional 550 no perigoso cruce de Amieirolongo.

Trátase tamén dunha zona, a de Amieirolongo, con moito tráfico rodado debido a que nela conflúen varias entradas e saídas da autovía, o que incrementa a perigosidade para os camiñantes, tendo en conta ademais que, a día de hoxe non existe habilitado ningún paso de peóns nin sinalización específica que optimice a seguridade dos mesmos.

Nos informes técnicos municipais remitidos a Fomento, abordábase a situación en materia de seguridade viaria dos itinerarios peonís situados no punto quilométrico 155+500 da estrada Nacional 550. En dito punto quilométrico o Ministerio de Fomento procedeu á construción dunha rotonda que regula o tráfico de vehículos que acceden dende a autovía A-52 á estrada N-550 e que dificulta o tránsito de peóns ao presentar a zona insuficiencia de infraestruturas peonís no lugar e contorno próximo, tales coma tramos continuos e conectados entre si de beirarrúas. Ademais, os tramos de beirarrúas que dende As Angustias e dende Amieirolongo discorren por ambas marxes da N-550 son desconexos ou descontinuos unha vez que chegan á mencionada rotonda e ás conexións da estrada N-550 coa autovía A-52, de maneira que non se garante o percorrido peonil, rematando na maioría dos casos en situacións de volta atrás ou de atravesamento moi perigoso a pé das saídas e entradas á autovía A-52.

Así como o cruce do Camiño de Santiago no dito punto e ademais do trazado do Camiño que ven polo camiño da Quiringosta e se ven na obriga de cruzar dita nacional, existindo un risco importante para os viandantes. Situacións estas que agora quedarán solucionadas unha vez rematada a nova pasarela peonil. Incidiu a alcaldesa, Nidia Arévalo, na vital importancia do remate urxente desta obra en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda “que eliminará o perigo que supón para os veciños, para os peregrinos e para todas as persoas que transitan por esta estrada entre Mos e O Porriño, xa que é unha zona comercial e por ela pasa o Camiño de Santiago”. Pasarela peonil que desde o Concello levábase anos reclamándose “por ser vital e de necesidade imperiosa, polo que nos atopamos ante unha boísima nova a celebrar polo Concello de Mos, a súa veciñanza, e todos os condutores e viandantes que transitan a diario por esta zona”, concluiu a rexedora local mosense.

Comezan as visitas ás camelias do xardín do Castelo de Soutomaior

Desde este xoves 2 de febreiro e ata o 30 de marzo a Deputación retoma as visitas ás camelias do Xardín de Excelencia do Castelo de Soutomaior, coincidindo coa súa etapa de floración. As rutas arrancan este xoves ás 16.30 horas coa primeira das Visitas Guiadas, mentres que o sábado 4 comezarán as Visitas Caracterizadas, que terán dúas sesións diarias ás 12 e ás 16 horas. En total, a institución provincial oferta nesta nova edición das rutas 900 prazas e as persoas interesadas poden adquirir os seus ticketsna web www.castelodesoutomaior.com.

As Visitas Guiadas son rutas polos xardíns  guiadas por persoal especializado do Castelo e centradas na floración dos distintos tipos de camelia. Contarase a evolución histórica desta especie, así como as variedades máis significativas deste xardín. Serán 17 sesións cun total de 340 prazas (cun máximo de 20 cada unha) e despois da xornada deste xoves, continuarán neste mes de febreiro os días 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23 e 28 e, en marzo, o día 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30. O prezo é de 3 €.

Por outra banda, as Visitas Caracterizadas estarán protagonizadas por actrices que encarnarán a María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel, que amosarán os xardíns de Camelia. Despois, as persoas participantes poderán visitar o Castelo de Soutomaior de maneira autoguiada e gratuíta. Serán un total de 28 sesións con 560 prazas (tamén 20 cada unha), que comezarán o vindeiro sábado 4 e continuarán en febreiro os días 5, 11, 12, 18, 19 e 25 e en marzo celebraranse o 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25. O prezo é de 8 €.

Amais de coñecer as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo, así como a súa orixe, coidados e curiosidades, a visita inclúe tamén o percorrido polo “Xardín de Camelia con nome de muller”, quE inclúe exemplares en honor de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega e María Casares. As visitas guiadas ofrecen tamén a posibilidade de coñecer á plantación de té de camelia existente nos Xardíns.

Tomiño abre as inscricións para participar desfilando no ‘Venres de Foliada’

0

O Concello de Tomiño recupera a normalidade este entroido para poder desfrutar do seu tradicional ‘Venres de Foliada’. As agrupacións interesadas en participar no desfile, que se celebrará o vindeiro 17 de febreiro, poden inscribirse a través da sede electrónica do Concello dende hoxe mesmo ata o luns 6 de febreiro.

A alcaldesa, Sandra González, convida a todas as entidades e á veciñanza a participar na celebración do tradicional entroido “enchendo de ilusión, cor e diversión as rúas de Tomiño”. As treboadas tomiñesas serán as encargadas de abrir o desfile, que sairá ás 21.30 h dende o CEP Pedro Caselles e percorrerá a rúa Gondomar para rematar na Pedra. En caso de choiva ou de que as condicións meteorolóxicas non permitan realizar o desfile ese día, a actividade trasladarase ao venres 24 de febreiro.

A participación está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais, xuvenís, grupos e colexios que se presenten, aínda que terán preferencia para participar as comparsas ou grupo do concello de Tomiño. Haberá entre 10 e 20 comparsas participantes que deberán estar formadas por un mínimo de 15 compoñentes e con carrozas que non excedan os 8 metros de longo, os 3,5 m de ancho e os 4,5 m de alto, sempre sen cabalos. 

En caso de que máis de 20 comparsas soliciten participar no ‘Venres de Foliada’ unha comisión técnica avaliará as propostas presentadas e escollerá as de maior puntuación tendo en conta o concello de procedencia, o número de compoñentes e a descrición da comparsa, atendendo á súa temática, orixinalidade, posta en escena, iluminación e son, valores sociais e culturais…

O Concello compensará economicamente ás comparsas que participen. As que teñen entre 15 e 30 compoñentes e non levan carroza recibirán 100 euros; as que teñen entre 21 e 45, tamén sen carroza, 150 euros; e as que teñan máis de 46 compoñentes e non leven carroza recibirán 200 euros. Esa mesma cantidade recibirán as de entre 15 e 40 compoñentes e que leven carroza. As comparsas de 41 a 60 compoñentes e con carroza recibirán 300,00 €; as que teñen entre 61 e 80 e carroza, 400 euros; e, por último, as que conten con máis de 81 compoñentes e teñan carroza recibirán 500 euros. 

O Porriño lanza unha campaña de control de poboación felina

O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 120 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.

A Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Antía Carrera, vén de formalizar o contrato cunha clínica veterinaria sita no Porriño que levará a cabo a esterilización de 90 femias e 30 machos.

O Obxectivo desta actuación é a captura dos animais para a súa esterilización e posterior solta, en aplicación do método CES ( captura, esterilización e solta) e así evitar o crecemento descontrolado da poboación felina.

Este ano contaremos coa colaboración de PROXECTO GATO que se encargará, xunto coas voluntarias e voluntarios acreditados polo concello, de conseguir este obxectivo. 

A maiores, o concello está na redacción dun convenio con PROXECTO GATO xa que entendemos que esta colaboración máis estreita é necesaria para poder cumprir obxectivos comúns como é a protección e o benestar dos animais.

“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza. Nesa liña traballamos”.

No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente. “No Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.

A Deputación e ASIME percorren a provincia presentando “Tecnolóxicas Week”

O programa Tecnolóxicas, iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e ASIME, chegará a toda a provincia de Pontevedra a través da “Tecnolóxicas Week” para fomentar as vocacións técnicas na xente nova. Na semana do 6 ao 10 de febreiro –ás portas do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, sábado 11– programaranse 10 eventos paralelos en distintos concellos, representando todas as comarcas, que hoxe presentaron na sede da Deputación en Vigo a presidenta provincial, Carmela Silva, e o secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón.

A presidenta Carmela Silva sinalou que Tecnolóxicas naceu, a proposta de ASIME, “da imperiosa necesidade de incorporar mulleres á tecnoloxía, xa que o presente e futuro de toda actividade humana están vencellados a este sector e hai unha enorme demanda de talento que as empresas non son capaces de cubrir”. A presidenta provincial puxo en valor a importancia de que ”este programa estea vinculado directamente coa empresa, xa que debemos tomar conciencia da importancia de atraer talento feminino”, e de que “toque todos os apartados fundamentais para rachar coa infrarrepresentación das mulleres, algo que nos preocupa moito e do que somos moi conscientes”. Por iso, avanzou a presidenta, esta iniciativa “terá continuidade”. Insistiu en que “non hai tempo que perder” na loita contra a fenda de xénero no sector, lembrando que “o número de mulleres que se matriculan en carreiras STEAM está diminuíndo e os empregos están en cifras de entre o 15 e o 20%”, polo que “todas as alarmas teñen que erguerse” para reverter esta situación. “Se non a cambiamos, as mulleres perderán a posibilidade de participar activamente no desenvolvemento socioeconómico e a sociedade perderá a metade do talento”, asegurou a presidenta provincial.

Carmela Silva fixo tamén un chamamento ás nenas para que sexan conscientes de que “as novas tecnoloxías non serven só para construír pontes ou barcos, senón para as políticas sanitarias, a intelixencia artificial, proxectos respectuosos co medio ambiente… A tecnoloxía vai ser todo e temos que sumalas”, ao que ofreceu un dato esclarecedor: incorporar mulleres en empregos dixitais tería un beneficio de ata 16 billóns de euros anuais para o PIB da Unión Europea.

O secretario xeral de ASIME, Enrique Mallón, asegurou pola súa banda que “nunca houbo tanta escaseza de profesionais cualificadas/os no sector industrial. Actualmente a industria do metal e a súas tecnoloxías asociadas precisa cubrir 1.500 postos de forma inmediata e 800 a medio prazo, pero vivimos unha situación anómala no mercado laboral na que non conseguirmos cubrilos”. Esta situación, asegurou, “agudízase máis se cabe en perfís femininos para certos postos”, e con programas como Tecnolóxicas “pretendemos achegar a realidade industrial ás persoas máis novas para fomentar as súas vocacións temperás no ámbito técnico-tecnolóxico e animalas a optar por unha saída estable, de futuro e ben remunerada como a que ofrecen as profesións industriais”.

Ademais, o programa contribúe a mudar “a imaxe errónea que aínda existe ás veces sobre a industria, como se foran traballos perigosos, fríos ou sucios, cando a realidade actual no sector é ben distinta”, afirmou Mallón, “á vez que damos visibilidade ao excelente traballo que realizan mulleres en diversos postos como tecnólogas e que poden servir de inspiración e referente próximo para as novas xeracións”.

Visitas e empresas industriais, ‘workshops’ e conversas con tecnólogas

As actividades da “Tecnolóxicas Week” –visitas escolares a empresas industriais, charlas temáticas, coloquios con mulleres tecnólogas e ‘workshops’ para nenas e nenos– pretenden amosar á mocidade a realidade da industria para que coñezan os traballos que poden desenvolver, paliar a falta de persoal cualificado no sector e incorporar máis perfís de mulleres en postos técnicos e tecnolóxicos. Así mesmo, búscase achegar á xente nova referentes de mulleres tecnólogas da súa propia contorna, co obxectivo de amosar que as mulleres tamén poden desenvolver estes postos e incentivar así as vocacións temperás das nenas de cara a escoller carreiras profesionais técnico-tecnolóxicas. As persoas interesadas en asistir a diversas actividades poden inscribirse nos formularios dispoñibles no sitio web de Tecnolóxicas.

O calendario comeza o luns 6 de febreiro nas comarcas do Baixo Miño e A Paradanta. En Tui organízanse visitas do alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP ás empresas Utingal S.L, Antobal S.L. e Pipeworks S.L., e na Cañiza unha charla con tecnólogas referentes para alumnado da ESO e FP no auditorio da Casa da Cultura de 11:00 a 12:00 h. Intervirán Sabela Vázquez, usuaria do programa Tecnolóxicas polo que se incorporou cun contrato á empresa Itera Técnica, e Lorena Rosende, CEO desta empresa e divulgadora.

O martes 7 de febreiro as actividades terán lugar no Condado e en Tabeirós-Terra de Montes. En Ponteareas, alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP visitará as empresas Talleres Ganomagoga S.L.U. e Panelship S.L., e na Estrada, nenas e nenos de 8 e 9 anos participarán nun ‘workshop’ no que aprenderán a programar informaticamente de forma lúdica (sala Mome de 17:00 a 18:00 horas).

O mércores 8 de febreiro estaremos, nas comarcas de Pontevedra e Deza, desenvolveranse unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra impartida por Belén Pérez, CISO (Chief Information Security Officer) de Nueva Pescanova e Coordinadora do CCI in Galicia (Industrial Cybersecurity Center), e en Silleda organízanse  visitas de alumnado de 3º e 4º de ESO ou FP ás empresas Industrias Guerra (planta de Vila de Cruces) e Sotega Noroeste S.L.

O xoves 9 de febreiro a “Tecnolóxicas Week” visita O Morrazo e O Salnés. En Cangas, Eliana Pardo (Business Development Manager de RIA 21) imparte unha charla sobre ciberseguridade para alumnado da ESO no Salón de Actos do Concello de Cangas. No Grove, a Casa do Concello acolle de 17:00 a 18:00 h o workshop de programación informática para nenos e nenas de 8 e 9 anos.

As actividades rematan o venres 10 de febreiro nas comarcas de Ulla-Umia e Vigo. Alumnado de Valga de 3º e 4º de ESO ou FP visitará a empresa Extrusionados Galicia, e a sede de Vigo da Deputación acollerá como evento de peche unha mesa coloquio con mulleres tecnólogas. Participan Amparo Alonso, Catedrática e Investigadora en Intelixencia Artificial da Universidade de Coruña, Lorena Rosende, CEO de Itera Técnica, Marta Fernández, Project Manager de Gestamp e Icíar Balza, do Grupo Gonvarri Industries. O evento comezará ás 11:00 h.

O Rosal crea unha bolsa de emprego para o posto de persoal técnico de medio ambiente

0

O Concello do Rosal vén de poñer en marcha un proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego para o posto de técnica ou técnico de medio ambiente. Con esta convocatoria en modalidade de concurso oposición o obxectivo é “dispoñer do persoal necesario para o plan de adaptación á lei de residuos e chans contaminados, unha persoa que realice as tarefas de asesoramento sobre recuperación ambiental ou sobre sistemas de xestión de riscos ambientais, que nos permita avaliar calquera impacto ou informar e traballar en calquera cuestión relacionada co medio ambiente no noso municipio”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O contrato terá unha duración de tres anos ampliables a doce meses máis e poderán acceder a el persoas con licenciatura en Ciencias Ambientais ou grao en Medio Ambiente, Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía, Enxeñaría Agraria ou Forestal ou equivalentes. Entre as competencias técnicas, a persoas que opte a este posto deberá ter habilidade, entre outras cousas, para elaborar e interpretar datos e mapas ambientais; coñecer métodos de análise para a avaliación, conservación e xestión dos riscos asociados á actividade industrial; saber analizar as relacións entre fenómenos naturais para predicir a súa evolución; para a recollida, creación de modelos e interpretación de datos; coñecer as bases da planificación territorial ou asesorar sobre os recursos naturais, a súa xestión e conservación na formulación de políticas, normas, plans e programas de desenvolvemento.

As persoas interesadas en participar neste proceso poden presentar xa a súa instancia durante xunto coa documentación necesaria durante 20 días hábiles a partir da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, que se realizou este martes 31 de xaneiro.

A presentación da solicitude deberá facerse preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello a través do trámite xa habilitado para este proceso. Tamén poderá realizarse de forma presencial no Rexistro Xeral do Concello en horario de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas.

Ponteareas rende homenaxe a Castelao

Un referente de loita, amor e traballo por Galicia. Iso é o que representa o escritor, pensador e artista galego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a quen o Concello de Ponteareas realizou este luns unha ofrenda floral para render sentida homenaxe ao legado “dun dos intelectuais galegos máis importantes da nosa historia, un verdadeiro humanista e un referente en cada unha das moitas facetas que desenvolveu ao longo da súa vida”.

Amenizada polos gaiteiros dos Muíños de Oliveira, con esta homenaxe o Goberno municipal busca un ano máis reivindicar o valor humano pero tamén político deste escritor galeguista “que estivo disposto a todo por mellorar a vida dos galegos e galegas”, así como tamén o enorme valor artístico das súas ilustracións. Un traballo que sempre contou cunha grande acollida por parte de galegos e galegas e que se reflectiu no éxito da exposición no museo municipal na que se recollían unha rigorosa selección de máis de 200 obras que amosaban a evolución deste artista referente na ilustración gráfica no século XX.

Durante a ofrenda floral, que se celebrou diante da placa na honra de Castelao na avenida do mesmo nome, a alcaldesa Cristina Fernández salientou o vínculo do artista e intelectual coa vila de Ponteareas a través do galeguismo con figuras como Alfredo Guisado e Alejandro Viana.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a continuar con esta homenaxe a Castelao visitando as exposicións de láminas do artista que se están a levar a cabo en once centros e casas culturais de Ponteareas. Ata o 12 de febreiro, o público poderá gozar coa obra do artista nas mostras en Arcos, Areas, Cillarga, Guláns, Muíños de Oliveira, Padróns, Xinzo, Arnoso, Bugarín, Celeiros e Guillade, nas que todas as persoas visitantes poderán participar no sorteo de camisetas de Castelao.

Comezan as obras de instalación de saneamento e asfaltado na rúa Raña de Nigrán

0

O Concello de Nigrán iniciou na pasada semana as obras para dotar de saneamento a rúa Raña, en Priegue, tal e como tiñan demandado os veciños. O Concello investíu nestes traballos adxudicados a ‘Servicios Medioambientales del Miño’ un total de 119.828 € que inclúen, adicionalmente, a renovación por completo do pavimento, que xa se atopaba en moi mal estado, especialmente na parte baixa, o troco das luminarias existentes por novas con tecnoloxía LED de 40 watios, retranqueo dun poste de electricidade que interrumpe a circulación e reposición da sinalización horizontal. En concreto, realizarase unha acometida desde a PO-325 e, ademais, se instalará un by-pass para poder derivar o caudal en caso de emerxencia, avería ou simplemente mantemento. As obras deberán estar rematadas nun máximo de dous meses.

“Dará servizo a todas as vivendas desta rúa que ata agora se servían de fosas sépticas individuais, cos conseguintes riscos medioambientais que iso supón, e mellorará a seguridade viaria”, explica o alcalde, Juan González, quen reafirma o obxectivo do goberno local de completar o saneamento en todos os barrios.

Nesta mesma parroquia, o Concello está a rematar os traballos de humanización da rúa Mestra Emérita, que comprenden o seu asfaltado e habilitar unha beiravía transitable para peóns, actualmente inexistente. Ademais, nas derradeiras semanas asfaltáronse as rúas Pedrosas, Comesaña, Cea, PO-235 e Abetos.

Primeira cita do ano coa Mostra de Produtos de Covelo

0

Logo do éxito que tivo a Mostra de Produtos de Covelo ao longo do pasado ano 2022, o Concello de Covelo seguirá apostando por esta cita estable na que, cada primeiro sábado de mes, pódese visitar a praza Mestre Cerviño do centro urbano para mercar produtos de calidade e de proximidade.

A concelleira de Turismo, Lourdes Enes, e o alcalde, Pablo Castillo, coinciden en salientar que a Mostra de Produtos non só atrae a visitantes tamén supón un momento de encontro para a veciñanza que se achega para mercar pero tamén para gozar dun momento de lecer.

Na praza Mestre Cerviño atoparanase postos de alimentación e horta, artesanía, cervexa artesá, cosmética natural, libros, maquetería, plantas, postos solidarios, xoiaría e moitas ofertas de produtos locais que non poderás atopar nas principais plataformas comerciais de venda on line.

Ademais, outro dos pratos fortes desta cita é a música e a gastronomía da hostalaría local que promove momentos agradables nos que xuntarse e conversar. Este sábado a partir das 12 horas, a sesión vermouth estará amenizada por Gure Terra con música popular e tradicional.

O poder transformador dos videoxogos, con Eurídice Cabañes na Semana da Educación

0

Nunca época na que videoxogos e mundos virtuais forman parte da vida cotiá das persoas, especialmente tras unha época de pandemia, a filosofía xoga un papel fundamental para crear un entretemento interactivo sen manipulacións. Con esa perspectiva, Eurídice Cabañes chega o vindeiro martes 7 de febreiro (19.00 h) ao auditorio municipal de Goián para abordar dentro da Semana da Educación de Tomiño un tema importante para docentes e familias: o uso de pantallas, móbiles e videoxogos.

Doutora en Filosofía pola Universidade Autónoma de Madrid e co-directora de ARSGAMES, organización internacional con 15 anos de experiencia centrada no videoxogo como ferramenta de transformación social, Cabañes botará un pouco de luz sobre as novas tecnoloxías dixitais e o seu impacto na infancia e na mocidade. Ao longo da súa charla analizará co público as problemáticas actuais abordando “como protexer os nosos datos e a nosa intimidade, evitando manipulacións e adicións, aprendendo a ter e transmitir un pensamento crítico sobre as tecnoloxías que usamos e os seus contidos”, explica esta experta.

“As novas tecnoloxías son unha realidade cada vez máis presente nas nosas vidas e nas nosas aulas, por iso dende o Concello cremos que é moi importante que docentes, nais e pais tomiñeses dispoñan da información, dos medios e das oportunidades para potenciar con total seguridade os seus usos educativos. E a Semana da Educación é un foro perfecto para abordar estas temáticas tan de actualidade”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Profesora en varias universidades de España e México, Eurídice Cabañes conta con máis de 60 publicacións entre artigos, libros e divulgación e deu máis de 140 conferencias en Asia, Europa, Australia, Norteamérica e Latinoamérica. Fundadora e directora da Fábrica Dixital El Rule, actual laboratorio de tecnoloxías da Secretaría de Cultura da Cidade de México e colaboradora do Centro Multimedia do CENART, Cabañes foi elixida como unha das 100 Game Changers en 2020 por Gameindustry, deseño de videoxogos diferentes. As xornadas da VIII Semana da Educación de Tomiño serán de balde e celebraranse no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir e recibir certificado de asistencia poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.

Mos recibe o Entroido

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Cultura e Participación Cidadá, Sara Cebreiro, presentaron esta tarde a Programación do Entroido de Mos para este ano 2023.

Anunciaron que o programa de actos comezará o venres 17 de febreiro co Festival de Entroido nos exteriores do Pazo de Mos a partir das 23:00 horas coas actuacións musicais de Los Lunes al Sol, Ging Toni´s e DJ Omy Cid.

O luns 20 de febreiro celebrarase a Festa Infantil de Entroido no Multiusos das Pozas desde as 17:00 horas, contando coa Orquesta Ce Pantasma e Barafunda Animación.

Desfile de comparsas

Será o domingo 19 de febreiro pola Avenida de Sanguiñeda. Dará comezo ás 17:00 horas e o broche final poráo o concerto do grupo Girl’s Gang.

As comparsas interesadas en participar no desfile teñen de prazo para inscribirse dende mañá mércores 1 ata o mércores día 15 de febreiro, ambos inclusive. O listado de comparsas admitidas será publicado o xoves día 16 de febreiro na web do Concello.

O desfile divídese en DÚAS seccións: GRUPOS E COMPARSAS, dentro das comparsas 2 categorías (INFANTÍS, ata 12 anos, e ADULTOS, de 13 anos en adiante). Consideraranse dunha ou doutra categoría atendendo á porcentaxe de idade que teña maior número de compoñentes, como mínimo nun 60%.

O xurado do concurso de comparsas estará formado por: dúas persoas do mundo do Teatro e o espectáculo. Unha persoa do mundo do deseño, a confección e a moda. Unha persoa do mundo do baile. Unha persoa do mundo da perruquería e maquillaxe. Presidido pola concelleira de Cultura do Concello de Mos. Secretaria do xurado: funcionario/a do Concello de Mos, que designe a Presidenta.

Premios

  • Premio único ao mellor grupo: 200,00 €.
  • Grupos: de 15 a 25 compoñentes por participar: 200,00 €.

Comparsas

  • De 26 a 40 compoñentes categoría infantil por participar: 300,00 €
  • Máis de 41 compoñentes categoría infantil por participar: 400,00 €
  • De 26 a 40 compoñentes categoría adulto por participar: 400,00 €
  • Máis de 41 compoñentes categoría adulto por participar: 500,00 €
  • Premio único á mellor comparsa infantil: 500,00 €
  • Premio único á mellor comparsa de adultos: 500,00 €
  • Mención especial á mellor carroza: 300,00 €
  • Mención especial ao mellor vestiario: 300,00 €
  • Mención especial animación: 300,00 €

A Eurocidade Tui-Valença participa na creación da REDCOT

A Eurocidade Tui-Valença asinará hoxe en Lisboa o Acordo de Constitución da Rede España-Portugal de Cooperación Transfronteiriza. O alcalde, Enrique Cabaleiro, viaxará até a capital lusa para estar presente no acto de sinatura de dito acordo, que foi concertado no pasado cumio luso-español.

A súa finalidade é reforzar a cooperación entre as rexións de fronteira, sobre todo en materias como asistencia sanitaria, mobilidade, traballadores transfronteirizos, infraestruturas ou protección civil. A través deste Acordo abordaranse as problemáticas existentes e a xestión e captación de recursos e fondos europeos para estas zonas limítrofes.

A Eurocidade Tui-Valença será a única agrupación de municipios transfronteiriza en asinar este documento en Lisboa. O EURES Transfronteirizo Tui-Valença, tamén estará presente xunto a outras institucións como a AECT Rio Minho, a AECT Galiza-Norte Portugal e o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, entre outras do resto da Península Ibérica.  

Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, destaca que este Acordo permitirá acceder a recursos e fondos europeos e artellar unha rede de instrumentos de cooperación transfronteiriza. O rexedor tamén apunta á relevancia que esta sinatura terá para a cidade tudense e a Eurocidade xa que gran parte das obras de equipamentos públicos e as humanizacións que se están a desenvolver arestora son posibles, en parte ou na súa totalidade, pola achega de fondos europeos.

Ponteareas aproba a creación dun novo parque público na Avenida Sarmiento Rivera

O Goberno municipal do BNG-PSOE aprobou este luns en Xunta de Goberno a autorización para a creación dun novo parque público de case 3.000 metros cadrados na Avenida Sarmiento Rivera, nunha parcela situada nas proximidades do cuartel da Garda Civil da localidade.

As obras iniciaranse xa a vindeira semana e non terán custo para o Concello de Ponteareas, xa que se trata dunha obriga dos propietarios dos terreos recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para poder desenvolver o resto da área con usos comerciais. Ademais, unha vez rematado o acondicionamento, os promotores cederán o parque en propiedade a favor do Concello.

Este novo espazo de lecer terá 2.775 m2, zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano como bancos, fontes ou papeleiras, iluminación e zonas de paseo, ademais dun grande estanque con fontes. Tamén se inclúe nas actuacións a rehabilitación dunha antiga edificación de 160 m2 situada neses terreos e que será destinada a un novo equipamento municipal. Unha parte do arborado será o xa existente no terreo, con exemplares de gran porte e de interese botánico. O proxecto do parque foi redactado polo promotor coa supervisión do goberno e técnicos municipais. O vindeiro xoves, ás 20 horas, o proxecto será presentado á veciñanza nun acto no salón de plenos do Concello.

Unha vez entregado o parque ao Concello, os propietarios dos terreos colindantes prevén desenvolver os seus usos comerciais e obter os permisos para crear un grande equipamento comercial no ámbito da alimentación, que dinamizará esta zona, creando ademais emprego e riqueza.

O proxecto do parque está ligado a outras dúas iniciativas que o goberno local dará a coñecer en detalle nas vindeiras semanas: a humanización do resto da Avenida Sarmiento Rivera dende a rotonda da zona das Pombas até a rotonda situada detrás do Concello e a humanización da rúa Curuxeira que conecta a Avenida Sarmiento Rivera coa rúa Redondela.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “agora comezamos a ver os enormes efectos positivos derivados da aprobación do PXOM, pois Ponteareas contará en breve cun novo parque público sen custo algún para a veciñanza”. Fernández amosouse moi satisfeita porque “estamos convertendo Ponteareas nunha vila fermosa pensada para as persoas, máis saudábel e sostíbel e comprometida na loita contra o cambio climático”.

A Guarda inicia os preparativos da XIV Gala do Deporte 2023

0

Imaxe de arquivo da Gala do Deporte 2020

A Concellería de Deportes do Concello da Guarda retoma neste ano 2023 a celebración da que será a XIV edición da Gala do Deporte guardés. Para poder recompilar a maior información posible e contar coa participación das entidades e clubes do municipio  solicítase que, dende os diferentes clubes, entidades e deportistas individuais se remitan as posibles persoas candidatas ao premio ( poden tamén ser equipos ), xunto aos seus respectivos méritos deportivos acadados no ano 2022.

As categorías premiadas no evento son xeralmente as seguintes: recoñecementos mellores deportistas do ano (masculino e feminino), recoñecemento á traxectoria deportiva, recoñecemento á mellor iniciativa deportiva, recoñecemento mellores equipos, recoñecemento á promoción e dedicación deportiva, etc.

Con todos os datos aportados, a comisión de valoración elaborará a listaxe de candidaturas aos galardóns deste ano.

O prazo para enviar esta información será ata o 9 de febreiro e os datos serán remitidos ao mail [email protected].

Se algunha persoa  con domicilio na localidade quere aportar algunha suxerencia ou proposta deberá enviala ao mail [email protected].

Somentes serán valoradas aquelas que conten co máximo de información e ben fundamentadas e  verificadas. O prazo será o mesmo que para os clubes, o 9  de febreiro.

O Albergue da Estrela convoca un dobre evento para este sábado en Oia

0

Cita coa cultura esta fin de semana en Viladesuso, cun dobre evento convocado polo Albergue da Estrela para o sábado 4 de febreiro pola tarde. Cristina Salgado, veciña do concello de Oia, presentará o seu novo libro, que xa está á venda baixo o suxestivo título Manual para amaestrar dragones. O acto terá lugar o sábado 4 de febreiro ás 20.30 horas e, posteriormente, haberá un evento de literatura erótica a cargo de Queco Fresco e Anya Rit.

Manual para amaestrar dragones é unha historia de vida, a biografía dunha persoa común posta en relación coa dinámica de forzas do contexto social e económico no que lle tocou vivir, á xeración da que forma parte. Tamén inclúe unha serie de propostas que poden ser levadas á práctica por quen así o desexe, co obxectivo de sumar entre todo o mundo e, dese xeito, acadar cambios do paradigma que promovan e coiden o futuro da vida que nos une.

Trátase dunha autoedición sen ánimo de lucro e os beneficios que xere polas vendas serán redistribuídos para financiar diversos proxectos sociais cos que a autora colabora.

Cristina Salgado Varela é graduada en Traballo Social, experta en Modelo Sistémico e Servizos Xerontolóxicos pola Universidade Complutense. Tamén conta con formación como mediadora intercultural.

Tui recolle e dixitalizará o material da Iniciativa Cidadá Tudense pola Vida en Paz e Liberdade

0

A Iniciativa Cidadá Tudense pola Vida en Paz e Liberdade fixo entrega o pasado venres ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, de toda a documentación reunida nos anos en que estivo en actividade, así coma da pancarta que empregaban nas concentracións que convocaban cada vez que se producía un atentado terrorista.

Agora será o Concello de Tui quen, tras dixitalizar todo este material, o remita ao Centro Memorial das Vítimas do Terrorismo situado en Vitoria.  A copia dixital quedará no Arquivo Municipal de Tui.

Esta Iniciativa Cidadá comezou hai 25 anos con motivo do asasinato de Miguel Ángel Blanco, e durante unha década convocou concentracións de repulsa tras cada asasinato terrorista que se producía. A última foi en 2007. Pedro Souto xunto a outros membros da Iniciativa fixo entrega de todo o material ao Concello de Tui.

O Porriño constrúe un muro de contención en Cans

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Vías e Obras que dirixe Ramón Porto, comezou as obras de execución dun muro de contención de pedra en Lourido, na parroquia de Cans.

Trátase dun muro de 10 ml de lonxitude e unha altura de entre 1,5 e 5 m proxectado para asegurar a estabilidade deste camiño da Buraca que estaba a desplomarse. 

“A situación na que se atopa este camiño supón un risco para os usuarios e o derrube de terras que se estaba a ver agravado coas inclemencias do tempo requería dunha actuación urxente”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

As obras contan cun orzamento de 9.018,09 euros.

Redondela ofrece un ciclo de saúde e benestar

0

O Concello de Redondela presenta, a través da Concellería de Servizos Sociais e Terceira Idade dirixido por Iria Vilaboa, “Cultívate, Ciclo de Saúde e Benestar”, unha actividade de balde que se desenvolverá do 10 de febreiro ao 6 de maio.

A acaldesa, Digna Rivas, resalta que “esta é a primeira vez que se fai un ciclo desta índole, enfocado a distintas xeracións. O obxectivo deste goberno é primar o benestar dos veciños e veciñas dende un enfoque multidisciplinar, onde se toquen varios temas de interese. Estes obradoiros pretenden ofrecer ferramentas á veciñanza que poidan usar no seu día a día”.

Co lema “Súmate á vida saudable… Coídate por dentro e por fóra!” ofrécense charlas sobre alimentación saudable, pero tamén de expresión corporal e escritura creativa coa intención de usar o poder desta de forma terapéutica. En definitiva, un ciclo para cultivar a mente e o corpo. Todos os obradoiros trabállanse en grupo, invitado á dinámicas e impulsando a participación activa e o movemento.

Os profesionais implicados no ciclo son Jaime Juncal, diplomado en nutrición humana e dietética, Nutricionista no Sergas e formado en Terapia Gestalt; Santi Jiménez, artista plástico licenciado en Belas artes; Isabel Mouso, mestra especialista en Educación Musical, musicoterapia e escritura expresiva; Marisé Barreiro, filóloga, escritora e gestalista especializada en escritura expresiva.

A rexidora local quixo dar as gracias a Jaime Juncal “por organizar este programa tan completo e variado, tocando temas de actualidade e que preocupan de verdade á veciñanza. Este ciclo pode ter un impacto moi positivo nas vidas dos redondeláns”.

As charlas, pensadas para idades comprendidas entre os 18 e os 99 anos, non teñen aforo e non precisan iscrición previa. Con todo, os obradoiros si precisan de inscrición previa a través do número 986 40 28 65 ou de forma presencial no Multiúsos da Xunqueira e estarán limitados a un máximo de 20 persoas por sesión.

Calendario

O día 10 de febreiro ás 19:30 horas no auditorio da xunqueira Jaime Juncal imparte unha Charla sobre alimentación saudable:  “Mellora a túa alimentación de xeito sinxelo”. O 24 de febreiro á mesma hora Juncal volve ao Auditorio da Xunqueira para dar unha charla sobre á industria alimentaria, analizando o contexto actual e ofrecendo recoendacións para unha esta da compra saudable.

Santi Jiménez comeza o 11 de marzo no Multiusos da Xunqueira ás 10:00 horas presentando “Un xesto sentido, obradoiro de creatividade”, enfocado a persoas sa partir dos 16 anos.

O 25 de marzo estará Iasbel Mouzo no Multiúsos da Xunqueira ás 10:00 horas co obradoiro “Escóitate,… ME…, NOS! para falar da nevesidade de ferrmentes de cohesión e expresión colectiva para conectar co propio, co alleo e co que nos rodea.

O 1 de abril ás 10:00 horas no Multiúsos da Xunqueira Marisé Barro ofrece un obradoiro sobre escritura terapéutica chamado “Cadernos máxicos, o poder transformador da escritura terapéutica”, aventurándose na escritura persoal e autobiográfica e para persoas de 16 a 99 anos.

O 15 de abril chega o momento de centrarse no corpo. Isabel Mouzo e Jaime Juncal presentan o obradoiro “Movemento e expresión corporal” no que se ensina sobre o movemento corporal como vía de autocoñecemento, pracer e enerxetización.

O obradoiro de “Comida e ansiedade! impartido por Jaime Juncal terá unha duración de dous días, sábados 29 de abril e o 6 de maio, ambos ás 10:00 da mañá. Nel, non se pretende entrar nos trastornos psicolóxicos senón o uso que facemos da comida como vía de escape ante ansiedade xeralizada. Este obradoiro divídese en dúas partes, polo que a segunda é para as persoas que fixeran a primeira.

Inscricións abertas para a Carreira de Entroido 2023 na Guarda

0

A Guarda acolle o sábado día 18 de febreiro de 2023 a Carreira de Entroido, un evento deportivo  que terá comezo ás 18:00 h con saída e chegada na Alameda da Guarda e que contará cun percorrido aproximado de 4 quilómetros.

A proba é gratuíta, pero é preciso realizar inscrición, que están xa aberta a través da web https://www.deporticket.com/web-evento/8054-a-carreira-do-entroido.

Os nados no 2015 e posteriores deberán de ir acompañados dun adulto

O evento está organizado por noko360 e o Concello da Guarda.

Nigrán estreará un servizo público de atención temperá de crianzas

0

O Concello de Nigrán incorporará en marzo por vez primeira no municipio o ‘Servizo de Atención Temperá’ público dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. Este estará dirixido pola Asociación La Esperazanza del Valle Miñor (empresa resultante da adxudicación e xestora do CEE Juan María ) e ubicarase na antiga Escola de Nenas do Ceán (local municipal sede da entidade veciñal Dunas e cuxos usuarios, xenerosamente, autorizan a empregar). O servizo contará cun logopeda, un fisioterapeuta e un psicólogo e pasará a formar parte da Rede Galega de Atención Temperá sendo cofinanciado ata finais de 2024 polo programa FSE+Galicia 2021-2027 con 182.604 €. A súa presencia en Nigrán permitirá dar verdadeira resposta ás necesidades das familias do municipio, xa que deixarán de ter que desprazarse ata Vigo, onde a Consellería de Sanidade o ofrece a través da Clínica San Rafael, tendo lista de agarda.

“Recibimos unha subvención de aquí a finais de 2024 pero o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política ‘Un Nigrán para todos'”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que desde o Concello traballan a contrarreloxo para “axeitar o local á nova función”, correspondéndolle á empresa adxudicataria dotalo do mobiliario indicado. “Era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima”, recoñece.

Tal e como se solicitou desde o Concello, o servizo contará cun fisioterapeura a media xornada e un logopeda e un psicólogo a xornada completa que ofrecerán o servizo de 7:30 a 15:30 horas e catro tardes á semana un mínimo de 4 horas. A maiores, a Asociación La Esperanza del Valle Miñor ofrece como mellora ás instalacións do CEE Juan María en Parada, como poderían ser a piscina terapéutica, a sala de psicomotricidade ou a de estimulación. En calquera caso, os pacientes serán derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría), onde os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poderán recurrir para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos.

Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que o precisa se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos ou sociais, e, por tanto, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou retraso no desenvolvemento de non mediar unha intervención temperá. Polo tanto, ditas actuacións non van dirixidas únicamente aos nenos que padecen algún déficit físico, psíquico ou sensorial, senón tamén aos que poden presentar problemas madurativos ou de adaptación (coñecidos como nenos de alto risco) e aos nenos sen unha patoloxía evidente.

O obxectivo é que o Servizo de Atención Temperá deseñe de xeito multidisciplinar sesións individualizadas que permitan potenciar a capacidade de desenvolvemento e de benestar destes pequenos e das súas familias. “Hoxe en día non cabe dúbida que a detención precoz na primeira infancia é fundamental para mellorar infinidade de aspectos na vida das persoas, por iso o consideramos básico para o Nigrán que estamos a construír”, resume o alcalde.

Pechede ouro á V Aceleradora da Deputación de empresas do sector turístico

A sede de Vigo da Deputación acolleu o peche da V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico da institución na que o 90 % dos proxectos participantes foron liderados por mulleres. Trátanse de oito iniciativas que “falan da capacidade que ten esta provincia de responder ás novas demandas do sector turístico”, tal e como asegurou a presidenta Carmela Silva ao referirse aos proxectos participantes, vencellados ao turismo de experiencias, así como a impulsar plataformas e novas propostas para optimizar a oferta. Durante o acto, que ateigou a Sala Rosalía da sede viguesa, a presidenta subliñou o seu orgullo polo “talento e creatividade” da provincia, remarcando o liderado feminino maioritario dos proxectos, e reivindicou a obriga das administracións “de contribuír para que ese talento, innovación e creatividade se converta en empresas que xeren actividade económica e emprego”. Ademais da presentación das iniciativas da aceleradora, a sede de Vigo acolleu tamén a presentación de cinco solucións turísticas innovadoras lideradas, tamén, maioritariamente, por mulleres.

“O sector turístico de hoxe –asegurou Carmela Silva- nada ten que ver co de fai oito anos. A sociedade ten avanzado e as persoas que hoxe nos veñen visitar demandan un modelo diferente, queren participar, ter experiencias e emocións, e preparan as súas viaxes empregando solucións tecnolóxicas”. Neste eido a presidenta aproveitou a ocasión para felicitar ao sector turístico da provincia “que está a ser capaz de converterse no máis innovador de Galicia e de todo o Estado”. Tamén subliñou o feito de que “tantas mulleres estean poñendo en marcha novos proxectos turísticos, nun sector que xera o 11% do PIB galego, moita actividade económico e emprego, e que ata fai moi pouco tempo estaba liderado por homes”.

Entre os proxectos que participaron na V Aceleradora de Empresas do Sector Turístico as iniciativas Alecrín de Ana Vázquez e Meet Rural de Lucía Prado e Sandra Fontinha resultaron gañadoras. Alecrín consiste na oferta de roteiros en destino autoguiados, onde as persoas usuarias poden valorar o patrimonio natural, arquitectónico ou inmaterial da provincia. Pola súa banda Meet Rural trátase dunha plataforma de encontro para os municipios rurais do sur de Galicia e norte de Portugal, onde están representados tanto os concellos como os negocios e persoas traballadoras.

Xunto a Alecrín e Meet Rural tamén participaron na aceleradora Gallery Selfie, de César Antonio Bugallo, unha opción diferente de lecer cultural co que as persoas visitantes poderán divertirse á vez que fan un percorrido temático cultural, aprendendo e rememorado o Art-Pop; Acíes Apartamentos, de Vanessa González, que oferta 8 apartamentos de deseño contemporáneo en Cangas con vistas ás Illas Cíes; Mi casa de vacaciones, de Sandra Lourido, que pretende crear unha empresa de xestión de alugueiros vacacionais rendible, sostible e de alto valor turístico; Maruxío, de María Rivas, que ofrece turismo de experiencias dando vida á zona rural; Adega Travel, de Jana Kadlecova, que busca garantir que os establecementos turísticos da provincia poidan levar a cabo todo o cumprimento administrativo e adaptarse aos novos requirimentos legais; e Cristian Lago, cunha iniciativa para contribuír a mellorar a oferta turística e de lecer na contorna municipal de Tui.

Solucións Tecnolóxicas aplicables ao sector turístico

Amais dos proxectos da aceleradora, a sede de Vigo tamén acolleu a presentación de proxectos empresariais centrados na prestación de solucións tecnolóxicas aplicables ao sector turístico, das que a propia presidenta destacou que “imos tomar boa nota”. Entre as iniciativas atopábanse Roommatik, de Cristina García, que ofrece dispositivos de check-in que fan posible unha recepción automática e operativa as 24 horas do día; Troulanda, de Leticia Pérez e Patricia Pérez, que permite coñecer as festas e eventos que teñen lugar en Galicia e o norte de Portugal; Arzudeza, de Manuel Núñez e Gonzálo Núñez, que brinda servizos de deseño e mantemento de sitios web, landing pages ou tendas en liña; Capptus, de María Soliño, app turística que permite dixitalizar diversas operacións de campo do sector turístico; e Kame, de Alberto Pájaro, que asesora e axuda a unha gran variedade de empresas a conseguir os seus obxectivos.

Tui recibe a visita da secretaria de Estado de Comercio

0

A transformación, modernización e dixitalización do comercio local, tanto do sedentario coma do mercado semanal dos xoves, e a reforma integral da praza de abastos será unha realidade grazas á execución do proxecto que comezará en breve e que deberá estar rematado o 30 de xuño de 2024. Contará cun investimento de 1,6 millóns de euros dos que o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo aportará 1,3 millóns de euros.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, recibiron en Tui á secretaria de Estado de Comercio, Xiana Méndez, acompañada da subdelegada do goberno, Maica Larriba. A responsable estatal puido coñecer in situ as actuacións proxectadas que recibiron unha alta valoración na convocatoria realizado polo seu departamento.

Tras ser recibida na casa do Concello, a secretaria de Estado de Comercio asinaba no libro de honra do Concello. Posteriormente realizaban un percorrido polo centro urbano até achegarse ao mercado municipal que grazas a este proxecto será reformado integramente. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta que “é un proxecto global que afecta á totalidade do comercio de Tui”. Engadía que “non podemos esquecer a profunda raíz comercial que ten Tui, é un dos piares fundamentais de desenvolvemento da nosa economía”

 A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, indica que este é un proxecto “ilusionante, necesario e de futuro”, e lembra coma viñan traballando nesta actuación dende o inicio do mandato. Explica amais que é froito do estudo do tecido comercial e do propio mercado municipal. Afirmaba que “o proxecto vai darlle ao tecido comercial o impulso que necesita” e vai converter a praza “nun mercado do século XXI, no mercado que Tui, a cidadanía e os visitantes merecen”.

A secretaria de estado de Comercio, Xiana Méndez, salientou que este é un “proxecto holístico que cubre todo o que se pedía na convocatoria: modernización, economía circular, reciclaxe, transformación dixital, transformación do punto de venda, formación, e trazabilidade para reforzar a calidade e a percepción do produto local”.  Destacou amais coma no mesmo “van da man o comercio e a produción local.

A delegada do goberno, Maica Larriba, indicaba que este é “proxecto ilusionante dun calado amplísimo de modernización dun espazo de mercado”.  Subliñou amais que “vai marcar un antes e un despois para a cidade de Tui, e unha aposta de futuro para recuperar a historia do comercio tudense”.

A execución deste proxecto suporá  a modernización e actualización do Mercado Municipal, na rúa Maristas, xa que transformará tanto o seu aspecto exterior coma interior.  No exterior contémplase  unha praza exterior cuberta, e no interior os postos convivirán con novos usos coma un espazo gastronómico, zonas de lecer ou usos múltiples. O mercado gañará en confortabilidade e eficiencia enerxética coa aplicación de sistemas de aerotermia e coa mellora da envolvente térmica. Dotarase a todo o espazo de iluminación e calidez, creando percorridos que favorezan a interacción e a compra. Mellorarase a sostenibilidade con illas ecolóxicas modulares para a recollida e separación de residuos, a adhesión á iniciativa Too Good to Go, packaging reutilizable, un área de intercambio e venda de obxecto de segunda man, ou aparcamento para bicicletas.

Máis aló da actuación concreta no edificio do Mercado Municipal o proxecto a executar contempla tamén  a dixitalización do comercio local con campañas de marketing en soportes dixitais, o desenvolvemento dunha aplicación que facilite información sobre o comercio de Tui de xeito integral, un marketplace, ou a análise das tendencias de compra e da competencia do comercio tudense.  

Outro dos puntos nos que se incidirá será na realización dunha plataforma colaborativa con produtores locais e coa implantación dun sistema de códigos QR. A formación con accións para o manexo da app, web e marketplace, pero tamén de idiomas ou mentoring individual forman parte tamén das accións que se van realizar.

Arbo recibe unha achega para a “Urbanización Camiño da Bouza”

0

O Concello de Arbo recibe unha achega da Deputación Provincial de Pontevedra, de acordo coas bases publicadas no BOPPO nº 230 de 27 de decembro de 2021, pola que se convocan as bases reguladoras e convocatorias do Plan Provincial de obras e servizos (Plan Concellos 2022-2023), dentro da Liña 1 – Investimentos, para a actuación denominada “Urbanización Camiño da Bouza”.

O orzamento base de licitación ascende á cantidade de  199.466,87 € (IVE  do 21 % incluído que ascende a 34.618,22 €)  e as obras van que van a ser licitadas a través da plataforma de contratación do Estado, nas vindeiras semanas, cun prazo de execución de 3 meses.

As obras desenvólvense no camiño dá Bouza, no núcleo urbano de Arbo. Actualmente existe un camiño escasa anchura, con estreitamentos nos que a anchura non chega ao 2,5 m. As redes de servizos existentes atópanse en mal estado debido á súa antigüidade, con excepción dalgún tramo puntual da rede de abastecemento. As redes de telecomunicacións, rede eléctrica e iluminación son aéreas, coa presenza de postes ao longo de todo o vial – informa o alcalde. Horacio Gil

Actuacións

Demolicións e escavacións, executaranse muros de pedra con pedra do país para a contención do vial e para a reposición dos existentes nas parcelas afectadas. A altura máxima dos muros é de 2 m, medidos desde a rasante ao terreo natural. Melloras na rede de abastecemento e saneamento. Realizarase mellora de pluviais e rea reposición dunha rede de rega existente. Mellora nas luminarias. Proxéctase unha canalización para a rede eléctrica e rede de telecomunicacións composta por tubos de PE corrugado de diámetro 63mm e as súas correspondentes arquetas.

O Concello conta  coa concesión de subvención no marco do  Plan Provincial de obras e servizos (Plan Concellos) 2022-2023, dentro da Liña 1 – Investimentos – ANUALIDADE 2023,  con destino ao financiamento do 100 % do investimento para a obra “Urbanización Camiño da Bouza”, por acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial do día  2 de decembro de 2022, recibida  a través da sede electrónica do Concello de Arbo o 05/12/2022 14:51 (Núm. rexistro entrada: 2022-E-RC-1945).

Centos de alumnos de Nigrán participan na ‘XII Carreira Solidaria’

0

Centos de alumnos de cinco centros educativos participaron na ‘XII Carreira Solidaria’ organizada polo CPI Arquitecto Palacios de Panxón con motivo da Semana da Paz e co fin de recadar fondos para colaborar co departamento de Servizos  Sociais do  Concello de Nigrán, como fan habitualmente.

Na proba, celebrada no recinto exterior do centro educativo e á que asistiu o alcalde acompañado dos concelleiros de Deportes, Educación e Igualdade, participaron ademais de alumnos do CPI, o Centro de Educación Especial de  Panxón, CEE Juan María de Parada, Escola Infantil  As Dunas e CEIP A Cruz de Camos. Todos, desde Infantil a 4º da ESO, correron tempos entre 3 e 10 minutos tras achegar os seus patrocinadores adultos un donativo para a causa por cada volta completada.

O primerio domingo de cada mes haberá mercado ambulante no Porriño

A Concellería de Comercio do Concello do Porriño, que dirixe Antía Carrera, informou da ampliación dos días de mercado ambulante no Porriño. A petición dos vendedores, o Concello do Porriño suma unha nova data mensual de celebración do mercadiño. Será o primeiro domingo de cada mes e os postos instalaranse na mesma localización que o resto dos días, na rúa Leandro Diz.

A feira desenvolverase en horario de tarde. Nos meses de inverno instalarase de 16 a 19:30 h e no verán, cando os días son máis largos, de 16 a 21 h.

O Rosal prepara o seu calendario anual máis participativo

0

O Concello do Rosal xa está comezando a preparar o calendario para o 2024, un almanaque que, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “vimos editando dende hai xa tres anos e repartindo de xeito gratuíto entre a veciñanza, unha oportunidade para dar difusión á identidade do noso municipio dende diferentes puntos de vista como o patrimonio, a natureza, os colectivos…”.

Para elaborar o calendario do ano 2024 o Concello abriu un proceso participativo co obxectivo de dar a quen o desexe a oportunidade de colaborar achegando as súas fotos, que terán como temática común os ‘Camiños do Rosal’ e a través do que se amosarán corredoiras, pistas, sendas, estradas… do concello rosaleiro.

A participación está aberta ao público xeral, que poderá presentar ata un máximo de 10 fotografías en cor, formato horizontal e cunha calidade orientativa de 300pp acompañadas dunha ficha na que se indique o nome do autor ou autora, un enderezo electrónico e teléfono de contacto, o nome e localización do camiño o máis precisa posible e a data na que foi tomada a imaxe. As fotografías deberán ser enviadas en formato dixital a [email protected] como máximo ata o 31 de outubro de 2023 ás 23.59 horas.

Entre todas as fotografías presentadas farase unha selección de 13 imaxes que formarán parte do calendario editado polo Concello para o vindeiro ano. O xurado, formado por persoal municipal e fotógrafos do concello, terá en conta para a selección a calidade técnica e artística e que as imaxes recollidas representen a meirande variedade posible de camiños en canto a localizacións.  

Gran inauguración do pavillón municipal da Sangriña na Guarda

0

O Concello da Guarda realizou o pasado sábado día 28 de xaneiro a inauguración oficial das obras de reforma e ampliación realizadas no Pavillón Deportivo Municipal da Sangriña, nun acto especial que estivo dirixido pola comunicadora guardesa Beti Rey, e que contou coa asistencia da Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o Secretario Xeral para o Deporte, Lete Lasa; a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o Deputado de Deportes, Gorka Gómez; o Delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades e o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e membros da Corporación Municipal e demais convidados.

O acto contou con varias actuacións, da Escola de Danza Attitude e da Escola de Danza Dansá, e, por primeira vez na Guarda, actuación coa compañía de performances de Pablo Méndez.

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, agradeceu o apoio das diferentes administracións que fixeron posible que estas obras chegasen a bo porto coas súas achegas económicas, así coma aos diferentes partidos da corporación municipal, levando a cabo un proxecto de gran envergadura en tempo record, para que A Guarda conte en menos dun ano cunhas instalacións dignas, seguras e accesibles, acorde coas necesidades do deporte guardés e que permitirán a realización de diferentes actividades, non só deportivas ou escolares, senón tamén culturais e grandes eventos.

O proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña supuxo unha inversión duns 1.870.000 €. Esta obra permitiu modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada, unha nova cuberta, unha nova grada de fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior, un ascensor, a renovación dos vestiarios: catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un espazo de enfermería, un espazo para control antidopaxe, unha area de prensa, novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. Ademais inclúese unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.

Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña precisaba desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas, que gañan hoxe en día un espazo acorde aos novos tempos e preparado para o futuro deportivo da vila.

Ponteareas e a filla pródiga: o novo espectáculo do Circo da Dereita

Aínda que o pareza, non é un déjà vu, non. É real como a vida mesma. A dereita en Ponteareas regresa ao seu pasado, non sabemos se por convicción nostálxica ou, como parece máis evidente, por non atopar nada mellor que ofrecer. Se cadra, en realidade non hai tal regreso a un pasado que esa dereita nunca abandonou, por máis que durante os últimos anos algúns quixeran convencer a Ponteareas, pleno tras pleno e eleccións tras eleccións, de que aquel negro pasado nada tiña que ver con eles nin cun Partido Popular que, reescribindo a nosa historia política, tería nacido en 1998 coa chegada a Ponteareas dun Salvador chamado para redimir, como novo candidato popular, os imperdonabeis pecados orixinais da dereita ponteareán encarnada até ese momento por un alcalde orgulloso do seu pasado franquista.

Despois daquel desplante de Manuel Fraga e Xosé Cuiña a Pepe Castro en 1998, en forma de humillante expulsión do partido, hoxe, vintecinco anos despois, o Partido Popular, como se nada tivera acontecido, volve á casilla de saída nesta sorte de xogo de mesa no que Ponteareas é simplemente o seu taboleiro. Vintecinco anos dunha partida na que os seus xogadores -chámense Pepe, Nava, Juan Carlos, Salvador, Belén ou Mingos- cambiaron según conviñese de equipo –chámese PP, UCPA ou ACIP– e protagonizaron traizóns, reconciliacións, enganos, filias e fobias, pactos para gobernar e rupturas para desgobernar, prebendas para asegurar alcaldías a cambio de actas de deputada e Direccións Xerais e denuncias falsas para frear mocións de censura. En definitiva, un verdadeiro Xogo de Tronos á ponteareán que durante case vinte anos fixo languidecer o noso Concello nun longo e escuro inverno de parálise e estancamento. Ponteareas era o que menos lles importaba, agás para vivir ben a conta dela.

Ponteareas é un gran concello, dos máis importantes do noso país, que se merece ter unha dereita seria, preparada e solvente, aínda que sexa na oposición

E se daquela, en 1998, botaron ao lixo e desprezaron a un alcalde que xa non lles valía electoralmente, agora repiten o modus operandi humillando aos que enarbolaron durante anos a bandeira dun PP supostamente liberado da sombra e da herdanza de José Castro e do resto de satélites que orbitaban ao seu redor, dende a nova lideresa popular até o seu lugartenente dende 1995, o incombustíbel Juan Carlos González. Dende 1998 o PP botou vintecinco anos querendo facer crer a Ponteareas que existían dúas dereitas encarnadas en dúas candidaturas: a súa, segundo eles, civilizada e cultivada, e a da UCPA (agora ACIP), supostamente incivilizada e inculta. Entre o 2000 e 2003 Nava Castro e Juan Carlos González foron, respectivamente, alcaldesa e tenente de alcaldesa da UCPA. Ambos os dous encabezaron xuntos a lista desa forza política nas eleccións de 2003 e voltaron facelo en 2007. Nese ano, para impedir que eu, como candidato máis votado nas urnas, fora Alcalde de Ponteareas, Nava Castro e Juan Carlos González, en nome da UCPA, chegaron a un pacto salomónico co PP de Salvador González Solla repartindo a alcaldía, coma se dun botín de guerra se tratara, en quendas de dous anos. A primeira correspondeulle ao PP. Pero un ano despois, o Partido Popular de Feijoo convenceu sen gran esforzo a Nava Castro de que non pagaba a pena reclamar a súa quenda nin ser alcaldesa de Ponteareas. A filla pródiga do PP aceptou de bo grao unha acta de deputada en Madrid e, pouco despois, un carguiño na Xunta, seica unha Dirección Xeral, e a cambio dese xeneroso favor persoal disolveu a UCPA e volveu ao seu fogar: o Partido Popular. A Juan Carlos non lle deron nada, así que non lle quedou outra que montar un novo tinglado que chamou ACIP. Hoxe, Nava Castro e Juan Carlos González, a unlla e carne daquela dereita vituperada polo PP por castrista, encabezan as dúas candidaturas da dereita nas vindeiras eleccións municipais. E o electorado conservador de Ponteareas pregúntase atónito: pero que circo é este?

Porque efectivamente, a veciñanza conservadora de Ponteareas é a primeira e principal vítima dos manexos, por arriba, dos dirixentes da dereita galega e ponteareán; uns manexos que son unha falta de respecto a eses votantes que se merecen un partido serio e un líder ou lideresa solvente. Non vale dicir que ninguén quería poñerse á fronte, que outros declinaron ofertas e convites e que houbo que obrigar a alguén que nunca morderá a man que lle dá de comer, como xa acontecera en 1998, cando Fraga forzou a González Solla a devolverlle o favor debido e a confrontar con Castro.

Ponteareas é un gran concello, dos máis importantes do noso país, que se merece ter unha dereita seria, preparada e solvente, aínda que sexa na oposición. Ponteareas e a veciñanza de ideario conservador merecen un candidato ou candidata que o sexa por méritos propios e non por ser quen é ou de quen ven sendo; un lider ou lideresa que saíra adiante na vida co seu esforzo e capacidade profesional como traballador, autónomo ou empresario e non a conta de postos políticos conseguidos a dedo para vivir toda a vida da sopa boba da política, parasitando a cousa pública; un ou unha dirixente competente e, polo tanto, capaz, cando menos, de articular unha intervención pública ou unhas declaracións aos medios de comuniccaión cuns estándares mínimos de calidade. Ponteareas merécese que a alternativa conservadora estea liderada por alguén que, se perde as eleccións, non abandone aos seus votantes para recolocarse en confortabeis despachos da Xunta; por alguén que teña feito na súa vida algo por Ponteareas en lugar de ter vivido a conta de Ponteareas; por alguén que teña feito na súa vida algo pola xente, aínda que sexa nunha comunidade de montes, nunha traida veciñal, nunha casa cultural ou nun club deportivo. En definitiva, por alguén que chegue a esa responsabilidade como resultado da meritocracia e non do nepotismo.

Todo ese electorado conservador hoxe séntese estafado, pero non está orfo. Nas vindeiras eleccións municipais poderán transformar o seu desengano en apoio a aqueles que nestes últimos oito anos demostraron á fronte do Concello traballo, honradez e capacidade

Hai quen pensa, e axiña o veremos, que o marketing político pode converter a noite no día e transformar a maior das incapacidades nun exemplo de gran xestión. Como Alcaldesa de Ponteareas, entre 2000 e 2003, a agora candidata do PP, dende a súa defensa de Puenteareas e a súa negativa a retirar o busto de Franco da Praza Maior, acelerou a desfeita urbanística con licenzas para ducias de edificios anuladas polos tribunais, provocou ordes de derrubo de instalacións de empresas, inaugurou a máis grave etapa de parálise da historia de Ponteareas coa suspensión das normas urbanísticas e protagonizou nos anos seguintes a división e confrontación dentro daqueles desgobernos municipais que, coas súas liortas, tiveron empantanada a Ponteareas até 2015. E iso non hai marketing que poida borralo da memoria colectiva do noso pobo.

Todo ese electorado conservador que agardaba do PP unha proposta electoral de altura, hoxe séntese defraudado, estafado e enganado, pero non está orfo. E non está orfo porque as vindeiras eleccións son municipais, os comicios nos que, por enriba de todo, se vota ás persoas. Esa será a mellor oportunidade para que a súa decepción e o seu desengano se transformen en ilusión, deixando a un lado as diferenzas ideolóxicas e dando o apoio con decisión a aqueles que nestes últimos oito anos demostraron á fronte do Concello traballo, dedicación e esforzo dende a honradez; capacidade de xestión e grandes logros históricos dende a humildade; espíritu de superación fronte a unha terríbel pandemia e o falecemento dun alcalde inesquecíbel e, ante todo, amor e entrega a Ponteareas e á súa veciñanza.


  • Roberto Mera é avogado, politicólogo e concelleiro do BNG en Ponteareas

Tomiño comeza a VIII Semana da Educación

0

A Semana da Educación de Tomiño quenta motores para celebrar nos vindeiros días a súa oitava edición. O encargado de dar o pistoletazo de saída a esta nova cita será José Manuel López Nicolás, un dos divulgadores científicos máis relevantes a nivel estatal e autor do popular blog Scientia, un dos máis premiados e visitados no campo da divulgación no ámbito hispano.

López Nicolás abordará o vindeiro luns 6 de febreiro (19.00 h) no auditorio de Goián un tema de grande interese e actualidade: as verdades e mentiras dos alimentos do século XXI. Ao longo da conferencia, este experto botará luz sobre os mitos e realidades que rodean a alimentación actual, analizando a efectividade da maioría dos alimentos que se atopan no supermercado e desmontando os alimentos ‘sen’ e ‘con’, centrándose naqueles máis solicitados pola poboación. O divulgador pechará o encontro propoñendo solucións para que as persoas consumidoras saiban enfrontarse á publicidade enganosa.

“Comezamos unha nova edición da nosa xa tradicional Semana da Educación cun tema que preocupa moito a pais e nais, como é a alimentación dos seus fillos e fillas”, explica a alcaldesa, Sandra González. A rexedora convida á veciñanza a participar nestas xornadas que cada ano achegan a persoal docente e educador, familias e público en xeral moi diversos aspectos relacionados co mundo da educación, “ofrecendo novas visións e resolvendo moitas dúbidas que son inevitables que xurdan na crianza de nenos e nenas”.

José Manuel López Nicolás é catedrático de Bioxeoquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Murcia, investigador, docente e membro da Academia de Ciencias da Rexión de Murcia, ademais de Vicerreitor de Transferencia, Comunicación e Divulgación Científica da Universidade de Murcia dende 2020. Participante en numerosos congresos e en diferentes proxectos de investigación nacionais e internacionais, López Nicolás destaca que “aínda que as publicacións científicas son absolutamente necesarias, tamén o é divulgar a ciencia de xeito comprensible para todo tipo de público”.

Escritor de varios libros e colaborador como divulgador científico en numerosos programas de diferentes canles e medios de comunicación, por mor da súa traxectoria divulgativa obtivo numerosos galardóns e recoñecementos, como o Premio Tesla 2013, o Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Ciencia 2013 ou o Premio Prisma Especial do Xurado pola súa traxectoria no ano 2021.

As xornadas da VIII Semana da Educación de Tomiño serán de balde e celebraranse no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.

Mos aproba por unanimidade a regularización da parcela en San Eleuterio na que se construirá nova vivenda protexida

0

Esta mañá aprobouse por unanimidade no Pleno Ordinario do mes de xaneiro do Concello de Mos a regularización da parcela municipal en San Eleuterio, para a súa posterior cesión ao IGVS, que permita o inicio da redacción do proxecto de Vivenda Protexida na mesma.

Deste xeito faise efectiva a rectificación do inventario de bens municipais para a incorporación de parcela segregada en San Eleuterio, camiño do Covelo s/n, Pedraucha, parroquia de Tameiga na que se construirán as primeiras Vivendas Protexidas en San Eleuterio. Trátase dunha parcela de 2.000 metros cadrados.

Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que cómpre parcelar a parte que se lle vai a ceder ao IGVS.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida, que se abriu o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos, e que durante a primeira semana recollía 60 solicitudes, constaba a finais de ano de preto de 400 persoas inscritas.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.

Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Polo tanto o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e a remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.