7.6 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoMiriam Leirós achega unha ollada sostible á VIII Semana da Educación de...

    Miriam Leirós achega unha ollada sostible á VIII Semana da Educación de Tomiño

    Hai catro anos un grupo de profesores comezou un blog para compartir inquietudes e experiencias sobre docencia relacionada co medio ambiente e o cambio climático. Ao calor das folgas escolares impulsadas dende Suecia por Greta Thunberg, ese blog serviu de semente para a creación de Teachers for future en España, hoxe o principal nodo europeo xunto ao sueco destes mestres e mestras preocupados polo futuro, con máis de 2.000 docentes implicados. A súa coordinadora, Miriam Leirós, estará o vindeiro mércores 8 de febreiro na VIII Semana da Educación de Tomiño para afondar na importancia da educación ecosocial, unha nova forma de educar a través dunha ollada sostible e xusta a nivel global.

    “Ninguén imaxinaba unha guerra en Europa no século XXI. E igual de inverosímil resulta a negación da ciencia. En cambio, dende certos redutos da sociedade trátase de ocultar evidencias científicas sobre como a destrución medio ambiental non só dana a contorna, senón tamén á sociedade, creando desigualdade”, explica Leirós. A docente, fronte “a esa educación competitiva e individualista que leva á destrución da sociedade como rede interdependente, a educación ecosocial considera as relacións entre as persoas e os hábitat na procura do coidado e protección para o ben común, ensinando a sopesar consecuencias para cooperar como sociedade”.

    “O mundo está en cambio constante e nós como sociedade debemos adaptarnos en todos os campos, tamén na educación. Nunha situación de cambio climático como na que nos atopamos abordar a concienciación e o coñecemento do medio ambiente dun xeito integral xa dende pequenos e pequenas é fundamental, por iso é un tema que tiñamos que abordar dende a nosa Semana da Educación”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

    Mestra de primaria e educadora ambiental, Miriam Leirós é experta en xestión social do hábitat e deseño participativo. Colabora na sección de medio ambiente de ‘El Asombrario-Público’ e no ‘Diario de la Educación’ e é autora do libro de contos ambientalistas ‘Los secretos de los cuentos clásicos’. Leirós é ademais integrante do grupo de expertos independentes da Asemblea Cidadá para o Clima de España.

    O Concello organiza por oitavo ano consecutivo a Semana da Educación de Tomiño, xornadas de balde que se celebrarán do 6 ao 9 de febreiro no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir e recibir certificado de asistencia poden inscribirse xa a través da web municipal. Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.