10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsRes PublicaPonteareas e a filla pródiga: o novo espectáculo do Circo da Dereita

    Ponteareas e a filla pródiga: o novo espectáculo do Circo da Dereita

    Aínda que o pareza, non é un déjà vu, non. É real como a vida mesma. A dereita en Ponteareas regresa ao seu pasado, non sabemos se por convicción nostálxica ou, como parece máis evidente, por non atopar nada mellor que ofrecer. Se cadra, en realidade non hai tal regreso a un pasado que esa dereita nunca abandonou, por máis que durante os últimos anos algúns quixeran convencer a Ponteareas, pleno tras pleno e eleccións tras eleccións, de que aquel negro pasado nada tiña que ver con eles nin cun Partido Popular que, reescribindo a nosa historia política, tería nacido en 1998 coa chegada a Ponteareas dun Salvador chamado para redimir, como novo candidato popular, os imperdonabeis pecados orixinais da dereita ponteareán encarnada até ese momento por un alcalde orgulloso do seu pasado franquista.

    Despois daquel desplante de Manuel Fraga e Xosé Cuiña a Pepe Castro en 1998, en forma de humillante expulsión do partido, hoxe, vintecinco anos despois, o Partido Popular, como se nada tivera acontecido, volve á casilla de saída nesta sorte de xogo de mesa no que Ponteareas é simplemente o seu taboleiro. Vintecinco anos dunha partida na que os seus xogadores -chámense Pepe, Nava, Juan Carlos, Salvador, Belén ou Mingos- cambiaron según conviñese de equipo –chámese PP, UCPA ou ACIP– e protagonizaron traizóns, reconciliacións, enganos, filias e fobias, pactos para gobernar e rupturas para desgobernar, prebendas para asegurar alcaldías a cambio de actas de deputada e Direccións Xerais e denuncias falsas para frear mocións de censura. En definitiva, un verdadeiro Xogo de Tronos á ponteareán que durante case vinte anos fixo languidecer o noso Concello nun longo e escuro inverno de parálise e estancamento. Ponteareas era o que menos lles importaba, agás para vivir ben a conta dela.

    Ponteareas é un gran concello, dos máis importantes do noso país, que se merece ter unha dereita seria, preparada e solvente, aínda que sexa na oposición

    E se daquela, en 1998, botaron ao lixo e desprezaron a un alcalde que xa non lles valía electoralmente, agora repiten o modus operandi humillando aos que enarbolaron durante anos a bandeira dun PP supostamente liberado da sombra e da herdanza de José Castro e do resto de satélites que orbitaban ao seu redor, dende a nova lideresa popular até o seu lugartenente dende 1995, o incombustíbel Juan Carlos González. Dende 1998 o PP botou vintecinco anos querendo facer crer a Ponteareas que existían dúas dereitas encarnadas en dúas candidaturas: a súa, segundo eles, civilizada e cultivada, e a da UCPA (agora ACIP), supostamente incivilizada e inculta. Entre o 2000 e 2003 Nava Castro e Juan Carlos González foron, respectivamente, alcaldesa e tenente de alcaldesa da UCPA. Ambos os dous encabezaron xuntos a lista desa forza política nas eleccións de 2003 e voltaron facelo en 2007. Nese ano, para impedir que eu, como candidato máis votado nas urnas, fora Alcalde de Ponteareas, Nava Castro e Juan Carlos González, en nome da UCPA, chegaron a un pacto salomónico co PP de Salvador González Solla repartindo a alcaldía, coma se dun botín de guerra se tratara, en quendas de dous anos. A primeira correspondeulle ao PP. Pero un ano despois, o Partido Popular de Feijoo convenceu sen gran esforzo a Nava Castro de que non pagaba a pena reclamar a súa quenda nin ser alcaldesa de Ponteareas. A filla pródiga do PP aceptou de bo grao unha acta de deputada en Madrid e, pouco despois, un carguiño na Xunta, seica unha Dirección Xeral, e a cambio dese xeneroso favor persoal disolveu a UCPA e volveu ao seu fogar: o Partido Popular. A Juan Carlos non lle deron nada, así que non lle quedou outra que montar un novo tinglado que chamou ACIP. Hoxe, Nava Castro e Juan Carlos González, a unlla e carne daquela dereita vituperada polo PP por castrista, encabezan as dúas candidaturas da dereita nas vindeiras eleccións municipais. E o electorado conservador de Ponteareas pregúntase atónito: pero que circo é este?

    Porque efectivamente, a veciñanza conservadora de Ponteareas é a primeira e principal vítima dos manexos, por arriba, dos dirixentes da dereita galega e ponteareán; uns manexos que son unha falta de respecto a eses votantes que se merecen un partido serio e un líder ou lideresa solvente. Non vale dicir que ninguén quería poñerse á fronte, que outros declinaron ofertas e convites e que houbo que obrigar a alguén que nunca morderá a man que lle dá de comer, como xa acontecera en 1998, cando Fraga forzou a González Solla a devolverlle o favor debido e a confrontar con Castro.

    Ponteareas é un gran concello, dos máis importantes do noso país, que se merece ter unha dereita seria, preparada e solvente, aínda que sexa na oposición. Ponteareas e a veciñanza de ideario conservador merecen un candidato ou candidata que o sexa por méritos propios e non por ser quen é ou de quen ven sendo; un lider ou lideresa que saíra adiante na vida co seu esforzo e capacidade profesional como traballador, autónomo ou empresario e non a conta de postos políticos conseguidos a dedo para vivir toda a vida da sopa boba da política, parasitando a cousa pública; un ou unha dirixente competente e, polo tanto, capaz, cando menos, de articular unha intervención pública ou unhas declaracións aos medios de comuniccaión cuns estándares mínimos de calidade. Ponteareas merécese que a alternativa conservadora estea liderada por alguén que, se perde as eleccións, non abandone aos seus votantes para recolocarse en confortabeis despachos da Xunta; por alguén que teña feito na súa vida algo por Ponteareas en lugar de ter vivido a conta de Ponteareas; por alguén que teña feito na súa vida algo pola xente, aínda que sexa nunha comunidade de montes, nunha traida veciñal, nunha casa cultural ou nun club deportivo. En definitiva, por alguén que chegue a esa responsabilidade como resultado da meritocracia e non do nepotismo.

    Todo ese electorado conservador hoxe séntese estafado, pero non está orfo. Nas vindeiras eleccións municipais poderán transformar o seu desengano en apoio a aqueles que nestes últimos oito anos demostraron á fronte do Concello traballo, honradez e capacidade

    Hai quen pensa, e axiña o veremos, que o marketing político pode converter a noite no día e transformar a maior das incapacidades nun exemplo de gran xestión. Como Alcaldesa de Ponteareas, entre 2000 e 2003, a agora candidata do PP, dende a súa defensa de Puenteareas e a súa negativa a retirar o busto de Franco da Praza Maior, acelerou a desfeita urbanística con licenzas para ducias de edificios anuladas polos tribunais, provocou ordes de derrubo de instalacións de empresas, inaugurou a máis grave etapa de parálise da historia de Ponteareas coa suspensión das normas urbanísticas e protagonizou nos anos seguintes a división e confrontación dentro daqueles desgobernos municipais que, coas súas liortas, tiveron empantanada a Ponteareas até 2015. E iso non hai marketing que poida borralo da memoria colectiva do noso pobo.

    Todo ese electorado conservador que agardaba do PP unha proposta electoral de altura, hoxe séntese defraudado, estafado e enganado, pero non está orfo. E non está orfo porque as vindeiras eleccións son municipais, os comicios nos que, por enriba de todo, se vota ás persoas. Esa será a mellor oportunidade para que a súa decepción e o seu desengano se transformen en ilusión, deixando a un lado as diferenzas ideolóxicas e dando o apoio con decisión a aqueles que nestes últimos oito anos demostraron á fronte do Concello traballo, dedicación e esforzo dende a honradez; capacidade de xestión e grandes logros históricos dende a humildade; espíritu de superación fronte a unha terríbel pandemia e o falecemento dun alcalde inesquecíbel e, ante todo, amor e entrega a Ponteareas e á súa veciñanza.


    • Roberto Mera é avogado, politicólogo e concelleiro do BNG en Ponteareas