15 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán estreará un servizo público de atención temperá de crianzas

    Nigrán estreará un servizo público de atención temperá de crianzas

    O Concello de Nigrán incorporará en marzo por vez primeira no municipio o ‘Servizo de Atención Temperá’ público dirixido a crianzas de 0 a 6 anos con algún trastorno transitorio ou permanente no seu desenvolvemento ou en risco de padecelo. Este estará dirixido pola Asociación La Esperazanza del Valle Miñor (empresa resultante da adxudicación e xestora do CEE Juan María ) e ubicarase na antiga Escola de Nenas do Ceán (local municipal sede da entidade veciñal Dunas e cuxos usuarios, xenerosamente, autorizan a empregar). O servizo contará cun logopeda, un fisioterapeuta e un psicólogo e pasará a formar parte da Rede Galega de Atención Temperá sendo cofinanciado ata finais de 2024 polo programa FSE+Galicia 2021-2027 con 182.604 €. A súa presencia en Nigrán permitirá dar verdadeira resposta ás necesidades das familias do municipio, xa que deixarán de ter que desprazarse ata Vigo, onde a Consellería de Sanidade o ofrece a través da Clínica San Rafael, tendo lista de agarda.

    “Recibimos unha subvención de aquí a finais de 2024 pero o noso obxectivo é mantelo permanentemente como un piar da nosa política ‘Un Nigrán para todos'”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que desde o Concello traballan a contrarreloxo para “axeitar o local á nova función”, correspondéndolle á empresa adxudicataria dotalo do mobiliario indicado. “Era unha demanda de moitas familias, educadores e sanitarios e unha prioridade para o Departamento de Servizos Sociais de Nigrán, así que a satisfacción é máxima”, recoñece.

    Tal e como se solicitou desde o Concello, o servizo contará cun fisioterapeura a media xornada e un logopeda e un psicólogo a xornada completa que ofrecerán o servizo de 7:30 a 15:30 horas e catro tardes á semana un mínimo de 4 horas. A maiores, a Asociación La Esperanza del Valle Miñor ofrece como mellora ás instalacións do CEE Juan María en Parada, como poderían ser a piscina terapéutica, a sala de psicomotricidade ou a de estimulación. En calquera caso, os pacientes serán derivados a través dos centros de saúde de Nigrán (pediatría), onde os centros educativos ou ben os propios servizos sociais do Concello tamén poderán recurrir para a petición de diagnóstico, sendo fundamental o seu traballo para a detección precoz dos trastornos ou do risco de padecelos.

    Entre os casos con alta probabilidade de precisar deste servizo están as crianza con gran prematuridade, dano cerebral, parálises, trastornos do espectro autista, TDAH, trastornos de conducta ou emocionais, sordeira, cegueira, anomalías conxénitas do cerebro… Isto xeralmente implica un retraso no desenvolvemento xeral, da motricidade fina ou grosa, do sistema cognitivo, da linguaxe… Noutros casos, a crianza que o precisa se atopa nunha situación de vulnerabilidade evolutiva debido a factores de risco biolóxicos, psicolóxicos ou sociais, e, por tanto, con alta probabilidade de desenvolver un trastorno ou retraso no desenvolvemento de non mediar unha intervención temperá. Polo tanto, ditas actuacións non van dirixidas únicamente aos nenos que padecen algún déficit físico, psíquico ou sensorial, senón tamén aos que poden presentar problemas madurativos ou de adaptación (coñecidos como nenos de alto risco) e aos nenos sen unha patoloxía evidente.

    O obxectivo é que o Servizo de Atención Temperá deseñe de xeito multidisciplinar sesións individualizadas que permitan potenciar a capacidade de desenvolvemento e de benestar destes pequenos e das súas familias. “Hoxe en día non cabe dúbida que a detención precoz na primeira infancia é fundamental para mellorar infinidade de aspectos na vida das persoas, por iso o consideramos básico para o Nigrán que estamos a construír”, resume o alcalde.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.