Domingo, 13 Xullo de 2025

Ponteareas, presente no encontro do Eixo Atlántico para abordar a nova política urbana en Viana do Castelo

A nova política urbana europea prioriza unha serie de elementos e obxectivos para impulsar as cidades e o concepto de Axenda Urbana protagonizará o vindeiro período de programación a través do Pacto Verde e da Nova Bauhaus Europea impulsadas pola Comisión Europea. O Eixo Atlántico, creador da primeira Axenda Urbana Transfronteiriza Europea, desenvolveu este venres en Viana do Castelo un encontro no que participaron alcaldesas, alcaldes e responsábeis da Comisión Europea dos eixos prioritarios da Política Urbana para afondar sobre as políticas que vai desenvolver Europa e sobre que instrumentos de financiamento se van a por en marcha en cada territorio.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, moderou unha das mesas de debate sobre as políticas urbanas post-covid, na que puxo sobre a mesa que “unha das cousas que máis nos preocupan nas cidades pequenas é como facer para dar resposta aos retos do cambio climático e aos demais desafíos ao tempo que creamos cidades que ofrezan á súa veciñanza unha maior calidade de vida”.

A rexedora recalcou que “despois da COVID-19 a forma de pensar da xente cambiou moito e fixo que moitas persoas se mudaran a zonas máis rurais, tranquilas e con máis áreas verdes e abertas”. “Nós somos conscientes do reto e o que queremos agora é saber como dar resposta aos concellos máis pequenos”, explicou.

O seminario celebrado esta mañá en Viana do Castelo foi inaugurado por José María Costa, secretario de Estado do Mar de Portugal, antigo presidente do Eixo Atlántico e ex alcalde de Viana do Castelo, que abordou o impacto que a maritimidade ten sobre a política urbana e os enfoques cos que se traballa. Pola súa banda, Lara Méndez, alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, afirmou que “agardamos que a partir desta xornada se poñan en valor as boas prácticas existentes nas cidades do Eixo” e destacou que nos concellos “ten que haber unha transformación económica que vaia da man da sostibilidade, da economía de proximidade e circular”.

Éxito total da Gala de Turismo da Deputación

Música, circo, acrobacias, audiovisuais, luz, cores, decoración, tradición e tecnoloxía. Todo elo marcou esta tarde o incrible espectáculo da Gala Provincial do Turismo que organiza a Deputación, cuxa presidenta Carmela Silva recoñeceu que “este ano démolo todo”. Case 500 persoas abarrotaron o Auditorio Mar de Vigo para celebrar a excelencia do noso destino e recoñecer e homenaxear o sector turístico nun evento que comezou coa impresionante actuación de Sheila Patricia, coa peza “A Moura”, para dar paso á Gala máis espectacular que ten organizado a Deputación ata a data. Todas as persoas asistentes puideron mergullarse, nada máis poñer o pé no auditorio, nun universo creado pola Deputación para a ocasión, cunha ambientación na zona de recepción baseada en elementos e detalles da nosa tradición. Cestería, plantas, flores, estrelas de mar, cunchas e elementos da cultura mariñeira como remos ou nasas, ademais da compañía da Asociación do Entroido de Cobres, que deu un punto extra de cor á velada e foi o gran reclamo do photocall.

A presidenta da Deputación, alcaldesas e alcaldes da provincia, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e representantes do sector turístico, da cultura, da política e da sociedade reuníronse na gala conducida pola actriz Alicia Ballesteros. Ademais de Sheila Patricia, tamén actuaron outros grupos e solistas expoñentes da gran tradición mesturada cun punto de vangarda: a compañía Nova Galega de Danza –protagonista da campaña ‘Orixe’, co vídeo proxectado en FITUR rodado no Mosteiro de Carboeiro–, un espectáculo de circo vertical a cargo do grupo Duelirium e, como broche de ouro o recoñecido músico Baiuca xunto a Xosé Lois Romero e Aliboria coas pezas “Luar”, “Diaño” e “Veleno”. Tamén se desvelou o segredo mellor gardado da noite: unha mensaxe en 3D de realidade aumentada dunha das madamas do Entroido de Cobres, que relatou esta tradición con máis de 3 séculos de antigüidade, caracterizada polos vistosos traxes e sombreiros, e cualificou á provincia de Pontevedra “como un territorio cheo de cor”.

“Se xa todos os anos esta Gala é un espectáculo –asegurou a presidenta Carmela Silva– este ano queríamos dalo todo porque o sector turístico merece que lle fagamos un gran recoñecemento e agradecemento polo seu compromiso coa excelencia e con mellorar a atención, pero sen deixar de coidar o territorio e loitando pola sustentabilidade e contra a masificación do noso destino”. A Gala do Turismo estivo cargada de significado pola fortaleza do sector, pola celebración da “Orixe Rías Baixas” e tamén pola mostra desas novas ideas, talento e creatividade e vangarda que a traen ata o presente. “Temos a capacidade de incorporar á modernidade o legado que herdamos, o lugar de onde vimos, o noso marabilloso patrimonio inmaterial”, sinalou a presidenta en referencia ao “espectáculo de luz, cor, música e circo” que se viviu durante esta “gran” gala.

Pola súa banda o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, felicitou a Deputación por “este espectáculo, que celebra o turismo e que recoñece a importancia e a potencialidade deste sector estratéxico para Galicia e para a provincia”. Ademais, Pardal sinalou que a gala, co fío condutor do patrimonio inmaterial, “pon en valor os nosos sinais de identidade, recoñece a nosa capacidade para conservalos e premia a visión de futuro para facelo dun xeito sostible”.

Recoñecemento a un sector responsable e consciente do seu gran potencial

Na Gala de Turismo fíxose un amplo recoñecemento explícito ás empresas turísticas da provincia. Por unha banda, 165 firmas recibiron os diplomas acreditativos por ter recibido ou renovado os distintivos de calidade SICTED, dos que a provincia de Pontevedra é líder en todo o Estado. A presidenta, que as acompañou no escenario no momento da recollida, deulles os parabéns pola súa “absoluta” implicación en asuntos como a sustentabilidade e a loita contra a masificación do destino: “fago miña a súa frase: ‘non podemos morrer de éxito’”, asegurou, sinalando que “por iso traballamos conxuntamente para que sigan vindo visitantes desde os parámetros da sostibilidade”.

As artesás premiadas a nivel galego e estatal convértense nas embaixadoras da provincia

A Deputación nomeou este ano embaixadoras do destino as cinco artesás da provincia recoñecidas co Premio Nacional de Artesanía ou o Premio Artesanía de Galicia. Deste xeito, en 2023 serán representantes das Rías Baixas a zoqueiraElena Ferro (Nacional 2019), Paula Ojea (tamén Nacional 2019), Ana Tenorio (Galicia 2018), a ceramista Marta Armada (Galicia 2014) e Virginia Rodríguez ‘Joyas de la Raspa’ (Nacional 2008). Carmela Silva asegurou que “é impresionante ver a delicadeza do seu traballo e a súa creatividade; como son capaces de crear e dar forma ás pezas e convertelas en obras de arte, igual que acontece coas esculturas que crea Lucía Sueiro” a partir de material recuperado de refugallos, e que lles foron entregadas ás flamantes novas embaixadoras. “É un orgullo que nos representen estas grandes mulleres, con tanto talento, porque son unha mostra da importancia das mulleres na nosa cultura, de como crean, manteñen e transmiten un legado esencial. Non seríamos o que somos sen elas”, afirmou a presidenta.

Pola outra, entregáronse os galardóns da primeira edición dos Premios Turismo Sostible Pontevedra Provincia aos establecementos que nos dous últimos anos realizaron proxectos de innovación ou eficiencia no eido ambiental e da economía circular. Estes premios acreditan o compromiso do sector co modelo sostible da Deputación, amosando que é posible gozar do territorio e á vez coidalo, e recaeron en Camping Playa Paisaxe II, do Grove (1º premio),  Camping Illa de Ons, na illa de Bueu (2º premio) e Hotel Bosque Mar, do Grove (3º premio). Durante a gala tamén se proxectaron o vídeo oficial da campaña para este 2023, “Orixe Rías Baixas”, spots sobre as nosas festas de interese turístico galego, nacional e internacional, e as nosas tradicións (a confección do liño, as Herbas de San Xoán, a Rapa das Bestas, a Romaría Viquinga de Catoira e a Danza de Darbo).

Nigrán ofrece unha ruta teatralizada este domingo

0

O Concello de Nigrán, Teatro do Ar e Somos Terra, dentro da súa programación conxunta do ‘Mes da Natureza’, ofrecen o domingo 12 de marzo ás 11.00 horas unha ruta teatralizada polo sendeiro dos muíños de Camos (Os Matos-Río Táboas).

A actividade é gratuíta e as persoas que asistan terán que traer roupa cómoda, xa que haberá unha hora e media de camiñata á beira do río. O punto de saída é o cruce entre a rúa Rial e Sobral e para participar hai que cubrir este formulario: https://forms.gle/b56wDUv6hYNGcduD9 (dispoñible a través das redes sociais e webs de Teatro do Ar e Somos Terra).

Durante a ruta e da man dos actores e actrices poderase retroceder no tempo e ver unha das principais actividades de Camos e Chandebrito na súa historia, o traballo no muíño. Os veciños e veciñas pasearán polo antigo camiño que unía as dúas parroquias e tamén gozarán do pequeno bosque de ribeira que crece ao carón do río Muíños. No caso de choiva a actividade adiarase para vindeiras datas.

Case 500 persoas foron atendidas en febreiro na oficina de turismo de Tui

0

Un total de 491 persoas demandaron información durante o pasado mes de febreiro na Oficina Municipal de Turismo do Concello de Tui no céntrico Paseo da Corredoira. A gran maioría, 407 foron turistas e  84 peregrinos.

Dos 407 turistas que se achegaron até este punto de información 345 eran de procedencia nacional e 62 chegaron doutros países.

Nestes meses continúa a tendencia do turismo de proximidade xa Pontevedra con 127 visitantes, e A Coruña con 38 foron os principais punto de orixe, xunto ao outros clásicos coma Madrid con 38 persoas, Barcelona con 25, Tenerife con 15 ou Baleares con 14.

No que atinxe aos turistas estranxeiros chegan especialmente dende Portugal, 20 persoas, seguidos de Brasil con 11, Alemaña con 8, Reino Unido con 6, ou  Francia e México con 5.

Por outra parte das 84 persoas que estaban a realizar o Camiño Portugués en febreiro, a meirande parte eran peregrinos internacionais de Alemaña, 10, China, 8,Corea 5, Portugal 4, ou EEUU 3. Os peregrinos e peregrinas nacionais, un total de 34, chegaron de Girona 7, Málaga 4, Madrid 4, Badaxoz 4, Pontevedra 3, Toledo 3, Valencia 3…

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destaca que“estes datos son moi positivos”, e ao igual que os rexistrados nos últimos meses “mostran unha tendencia clara á desestacionalización da afluencia de visitantes” indicando que nestes meses considerados de “tempada baixa” a presenza de turistas e visitantes “xa non é anecdótica e mantén un positivo dinamismo que favorece o desenvolvemento socio-económico do noso municipio”.  

Cómpre sinalar que estes datos da Oficina Municipal de Turismo recolllen unha tendencia, pois o número de peregrinos e visitantes é moito mais elevado que os atendidos polos informadores turísticos. Por iso o esforzo que o Concello de Tui realiza mantendo aberta todo o ano a Oficina Municipal de Turismo para contribuír a afianzar este proceso e fortalecer o posicionamento de Tui como destino turístico.

O Balneario de Mondariz como exemplo do XVI Encontro de Vilas Termais

Esta fin de semana, representantes de 30 concellos de toda España e preto de 100 profesionais nacionais e internacionais analizarán no Balneario de Arnoia a importancia da aposta do termalismo como motor económico nas zonas rurais. Un encontro que converterá a Ourense como o epicentro dos municipios termais españois a partir do XVI Encontro da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Tanto a asemblea anual da sección da Asociación Vilas Termais como as xornadas técnicas que a acompañan, levarán a cabo unha forma traballar e reflexionar sobre o presente e o futuro das vilas, poderán coñecer de primeira man a riqueza deste territorio en compañía de Rodrigo Aparicio, alcalde da localidade e vicepresidente primeiro de Vilas Termais da FEMP.

Entre os distintos temas que se expoñerán cabe destacar a presentación da importante aposta que a FEMP está a desenvolver nestes momentos no marco do programa “Experiencias Turismo España” para poñer en marcha un proxecto dirixido a potenciar as Vilas Termais asociadas.

Asistirán representantes de 30 Vilas Termais de toda España e cóntase con preto de 100 persoas acreditadas neste encontro.

O 17 de marzo terá lugar a inauguración da exposición “Alma” na Guarda

0

A Casa dos Alonso acollerá neste mes de marzo a primeira exposición individual do artista rosaleiro José Luis Rodríguez Correa. A exposición leva por título “Alma” e nela cadros e estruturas con diferentes técnicas e temáticas serán as protagonistas deste espazo, onde os visitantes colaborarán na súa posta en escena.

O artista foi discípulo da pintora guardesa Alicia Alonso en debuxo e pintura, tamén foi alumno do escultor Picallo en talla de pedra e modelado e, do mesmo xeito, iniciouse en talla de madeira e pátinas con Pablo Eduardo. Asemade foi alumno de Amelia Alfalla en restauración de obras de arte e pátinas.

A exposición será inaugurada o 17 de marzo ás 20:00 h na Casa dos Alonso e permanecerá aberta ao público ata o 30 de marzo en horario de 9:00 h a 15:00 h.

Ponteareas licita as obras de rehabilitación da nave de Aceros del Tea

O Concello de Ponteareas sacou a licitación as obras de rehabilitación da nave de Aceros del Tea, situada na Avenida de Galicia, por un importe de 637.000 euros, para transformar esta edificación industrial nun novo espazo cultural e musical para a localidade. As empresas poderán presentar as súas ofertas até o 21 de marzo e o prazo máximo de execución das obras será de seis meses. O custo da rehabilitación está financiado ao 80 % con fondos FEDER a través da estratexia EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudábel’ e o 20 % restante con fondos propios do Concello.

Trátase dunha actuación que, por unha banda, pretende recuperar o patrimonio industrial e poñelo en valor mediante a transformación das instalacións nun espazo público que acollerá novos servizos e programas socioculturais e musicais. O edificio está composto por tres naves comunicadas entre si e unha torre que ocupan unha superficie duns 1.500 metros cadrados.

Nesta primeira fase as obras centraranse na rehabilitación da antiga nave, recuperando a súa estrutura para uso como edificio público e creando unha praza pública diáfana e cuberta baixo as tres naves destinada a todo tipo de eventos. O Goberno municipal do BNG-PSOE está traballando para buscar financiamento para abordar o proxecto na súa integridade, un proxecto moi ambicioso que inclúe converter unha das naves e a torre das antigas oficinas en espazos pechados illados termicamente e insonorizados para obradoiros, conferencias ou clases maxistrais. Tamén se prevé converter a balsa de decantación situada entre as naves e a Estación de Autobuses nun teatro ao aire libre con bancadas. Por último, a intervención tamén abordará o espazo exterior na Avenida de Galicia e na rúa Carballos, xerando novas zonas peonís e de estancia que darán visibilidade ao conxunto das instalacións.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que esta actuación forma parte “da extraordinaria transformación que está a experimentar Ponteareas, recuperando edificios para usos socioculturais como o de Aceros del Tea ou o do Centro Cívico, xa en rehabilitación na Praza Maior, accións de envergadura hai anos inimaxinábeis e que hoxe son realidade co Goberno municipal do BGN-PSOE tras ter sacado ao concello da bancarrota e da ruína na que se atopaba en 2015”.

A segunda tenenta de alcaldesa, Chus Garrote, lembrou que “esta actuación é posíbel grazas á aprobación do PXOM hai algo máis dun ano, que pemitiu ao Concello obter sen custo algúns terreos e edificacións para usos públicos”.

Baiona xa ten finalistas da VIII Gala do Deporte

0

A Concellería de Deportes do Concello de Baiona dá a coñecer este xoves ás persoas finalistas das sete categorías que competirán por alzarse co máximo galardón na VIII Gala do Deporte de Baiona que se celebrará o próximo 25 de marzo ás 19:00 h no Auditorio V Centenario.

Na categoría de Mellor Deportista Feminina de Baiona na o ano 2022 chegan nomeadas Mila López Vernet (HandBike), Ainhoa Reparaz (Atletismo) e Loreto Rodríguez Martínez (Atletismo), mentres que no apartado masculino os elixidos polo xurado son Daniel Pazo Giráldez (Atletismo), David González (Loita), Daniel Álvarez Nandín (Bolos Celtas).

Como Mellor Deportista de Base Masculino figuran promesas do deporte como Brais Montes da Iglesia(Atletismo), Pedro de Brito Martínez (Atletismo), Nicolás Míguez Diz (Bolos Celtas). No apartado de Mellor Deportista Base Feminina, as finalistas son Iria Ludeña (Piragüismo), Xiana Fernández Fernández (Patinaxe) e Coral Vázquez Sinde (Danza).

No relativo á Mellor Entidade Deportiva de Baiona destacan tres institucións como Galicia en Danza,  o Baíña Fútbol Sala ou a Sociedade Atlética Val Miñor. No ámbito do Mellor Evento Deportivo a acta do xurado decantouse polo Campus de Verán 2022, o Trail Tras Serra da Groba e o Torneo Integra Erizana. Por último, como mellor patrocinador os elixidos son Agua Sana, Bocatería Manduca e La Caixa.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Deportes, estableceu sete categorías para nomear ás mellores persoas deportistas e aos clubes do ano 2022. Así, sairán as persoas gañadoras en cada unha das categorías. Hai tres finalistas en cada unha delas e durante a gala coñeceranse aos gañadores.

Neste evento recoñeceranse os logros e méritos deportivos alcanzados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas de Baiona, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, indica que “esta edición será a Gran Festa do Deporte na que se vai a recoñecer o traballo, esforzo e implicación dos clubes, entidades deportivas e deportistas individuais. Queremos que o deporte baionés viva e desfrute dun gran evento para visibilizar o enorme traballo desenvolvido, a importancia do deporte base na formación dos nosos rapaces e rapazas e os beneficios que para a saúde reporta a práctica deportiva. Seguir promocionando o deporte aporta múltiples beneficios á sociedade baionesa”.

O alcalde da Cañiza recibe un exemplar sobre a historia da igrexa de Luneda

0

O alcalde da Cañiza recibe, da man de Luís Manuel González Piñeiro, párroco de Santa María de Luneda, varios exemplares do II artigo sobre «Santa María de Luneda. Historia dunha iglesia Sanjuanista. S. XVI-XXI. PARTE II».

Este traballo vén a completar o primeiro artigo publicado a finais de 2021, e que se presentou tamén na alcaldía o pasado 4 de febreiro de 2022. Unha pequena pero intensa obra, impresa agora en formato de libro que, segundo o autor, “é o resultado dun traballo de investigación, iniciado o 25 de agosto de 2019, sobre a parroquia de  Luneda coa intención de que non quede no esquecemento a moita historia do seu rural e non se perdan os acontecementos da súa memoria popular”.

O alcalde da vila, Luis Piña, agradeceu o xesto de Luís M. González de compartir e regalar varios exemplares ao Consistorio e felicitouno por este excelente e documentado traballo de investigación.

Segundo comentou González Piñeiro “todo comezou por mor de querer realizar unha listaxe de todos os curas que atenderon a parroquia de Luneda ao longo da historia, o que se coñece como  Presbiterologio  Lunedense, desde o ano 1640 en que se empezan a ter datos sobre a parroquia ata hoxe”.

A segunda motivación foi unha Cruz labrada cunha inscrición situada no Presbiterio e que preside este lugar desde  hai máis de 300 anos. Unha Cruz símbolo da Orde de Malta, ou de San Juan de Malta, ou de San Juan de Jerusalen, nomes cos que se coñecen a este Instituto relixioso militar que tivo o seu auxe en España durante a época medieval da Reconquista. Este dato foi o acicate para que o autor deste libro quixese coñecer máis a fondo a historia de  Luneda e a súa relación coa Orde de Malta.

A partir deste intre inicia unha viaxe pola historia da parroquia consultando fontes nos Arquivos Diocesanos e tamén nos propios Arquivos Parroquiais.

Unha investigación que recupera do esquecemento innumerables historias e acontecementos que agora todos poderemos coñecer a través das páxinas deste II artigo. 

Segundo conclúe o seu autor nesta nova achega literaria “agora podemos dar resposta á pregunta ¿de qué ano é a Igrexa de Santa María de Luneda?”. Unha resposta que alberga máis de 300 anos de historia, escrita en moitos documentos que recollen a testemuña das diferentes reformas que experimentou”.

Mañá ás 12 h inaugúrase a exposición “O esforzo in-visible das deportistas tudenses”

0

Mañá sábado, 11 de marzo, ás 12 h inaugurarase no Paseo da Corredoira a exposición “O esforzo in-visible das deportistas tudenses”.  A mostra organizada dentro da programación “Ocupemos o noso lugar” conmemorativa do Día Internacional das Mulleres busca visibilizar as deportistas tudenses e o seu esforzo en distintas disciplinas.

Así protagonizan esta mostra Sara Tui, Campioa do Mundo de Fútbol Praia, Marisa Giráldez, medalla ao Mérito Deportivo de Galicia, Aida Valiño, subcampioa de Europa e de España de Triatlón, Anita Rodríguez, exxogadora da 1ª División Nacional de Balonmán, Carmen González, subcampioa de España de Judo, Eva María Ara, xogadora de Kaiak Polo integrante da Selección Nacional, Leticia Barbosa, 5ª no Campionato de España Absoluto de Atletismo, Loli Pedrares, campioa de España de lanzamento de Martelo, Nuria Domínguez, remeira olímpica, Susana Fontán, campioa de España de Tiro Olímpico, Tania Fernández, campioa do Mundo de Piragüismo.

Mañá a inauguración contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Núñez, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e de boa parte das deportistas protagonistas da exposición.

Dentro da programación do 8M o domingo realizarase o Roteiro Camiñando con elas que partirá ás 11 h da rúa Rosa Bahamonde para realizar un percorrido polo centro urbano por distintos lugares ligados a dez mulleres tudenses. Para participar é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.

Salceda aproba o proxecto definitivo de reparcelación do Polígono II do PERI

Con esta reparcelación o Concello pasará a dispor dunha nova parcela para equipamentos públicos de 2.738,73 m2, ademais de 5.662,73 m2 de espazos libres e zonas verdes, unha parcela patrimonial e outra para vivenda protexida. A superficie total deste polígono II do PERI ascende a 20.229,33 m2.

Por outra banda, con esta aprobación definitiva, as persoas propietarias afectadas polo PERI, que se aprobou no 2014, pasan a ter parcelas edificables, xa sexan de xeito individual ou colectivo (proindiviso).

Ao longo deste proceso houbo varias reunións informativas coas persoas propietarias, un periodo de exposición e presentación de alegacións, as cales foron atendidas case na súa totalidade, e complétase agora con esta aprobación definitiva.

Verónica Tourón Alcaldesa e concelleira de Urbanismo: “A aprobación definitiva deste proxecto de reparcelación, unha vez atendidas as alegacións, supón un gran avance que garante a dispoñibilidade dunha importante área dotacional para a planificación de servizos básicos. É dicir, o concello dispón dunha nova parcela máis para planificar instalacións municipais para incrementar servizos a unha poboación que continúa en crecemento e que leva parello o aumento da demanda de servizos públicos. Liña na que estamos traballando con novos proxectos como o Centro de Día, que está pendente de resolver dentro da subvención de Fondos Europeos.

O Rosal capta 150.000 euros de fondos europeos para a Escola de Pías

0

A reforma integral da Escola Unitaria de Pías foi o primeiro gran paso na estratexia do Concello de remodelación progresiva de todos os centros do CRA María Zambrano, un investimento de arredor de 200.000 euros para os que o Goberno municipal captou fondos europeos para o seu financiamento. O Concello vén de conseguir unha subvención de case 150.000 euros para as obras de mellora de eficiencia enerxética que se realizaron na Escola de Pías, coas que se fixeron grandes esforzos para a modernización duns centros dos que a única competencia que ten é de mantemento.

Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, a transformación feita neste edificio construído na década dos anos 50 “é un exemplo da clara aposta que estamos facendo dende o Goberno municipal para poñer en valor a educación de proximidade e pola recuperación de inmobles de gran valor patrimonial seguindo sempre a liña da eficiencia enerxética e a sostibilidade medioambiental”.

Por unha banda, conseguíronse máis de 130.000 euros para os traballos realizados de redución da demanda e do consumo enerxéticos, que consistiron na renovación completa do sistema do alumeado interior e da carpintería, así como das instalacións eléctricas, a instalación dun novo illamento térmico e unha nova soleira que impermeabiliza o contacto co chan ou o illamento do teito e a instalación dun sistema de protección solar.

Para a renovacións das instalacións de xeración térmica renovable e redes de frío e calor, concedéronse case 18.000 euros destinados a financiar os traballos realizados de instalación do sistema de aerotermia con bomba de calor de alta eficiencia, de incorporación de chan radiante para substituír os radiadores eléctricos de alto consumo ou de posta en marcha dun sistema de renovación do aire interior con ventilación mecánica e recuperación de calor para garantir a calidade de aire sen gastar enerxía na climatización. Con estas medidas, o Concello conseguiu reducir ata en oito veces as emisións de CO2 ocasionadas.

Con estas obras de melloras o Concello dá solución “aos dous buratos negros de consumo detectados na auditoría enerxética municipal, as escolas unitarias e as luminarias públicas, para as que tamén conseguimos 1,2 millóns de euros de fondos europeos para a súa renovación”, salienta a rexedora.

Dende o Concello do Rosal fíxose un grande esforzo para captar esta subvención para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa ao abeiro da liña de axudas da DUS 5000, financiado con fondos europeos Next Generation EU no marco do Programa de Rexeneración e Reto Demográfico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A Guarda recuperará a memoria do cinema galego

0

O Concello da Guarda acolle os días 17 e 18 de marzo unha actividade para a recuperación da memoria do cinema galego a través de diferentes proxeccións dun dos seus pioneiros, José Gil.

As actividades arrancan na xornada do venres día 17 de marzo ás 10:00h no Centro Cultural e continúan na xornada do sábado día 18 de marzo ás 10:00h da mañá na Praza do Reló, con posterior sesión vermú amenizada pola Agrupación Musical da Guarda e pola tardea partires das 17:00h no Centro Cultural. En caso de choiva as actividades de exterior trasládanse ao interior da Casa dos Alonso.

Vía Láctea Filmes, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, co apoio da Deputación de Pontevedra, son os promotores desta xira que fai na vila guardesa a súa cuarta parada.

José Gil (Rubiós-As Neves, 1870-1937) foi un fotógrafo e pioneiro do cinema galego que realizou máis de 150 filmes entre 1910 e 1936, principalmente no sur de Galicia.

Foi tamén un home singular, comprometido, sempre á última das innovacións artísticas e tecnolóxicas do seu tempo, e cunha vida dramática  que non impediu que, por natureza e afouteza de carácter, lograra desenvolver unha andaina profesional apaixoante e trascendental para o cinema en Galicia.

Co proxecto JOSÉ GIL. PONTEVEDRA, PROVINCIA DE CINE, NA ORIXE DO CINEMA, que desembarca os venres 17 e sábado 18 de marzo na Guarda, pretendemos reparar o esquecemento sobre a súa vida e a súa obra, dalo a coñecer á veciñanza e á comunidade educativa da vila, e poñer en valor o legado deste grande precursor cuxa obra atopa equivalencias na doutros pioneiros do cinema nos territorios periféricos da cinematografía mundial a comezos do século XX.

Temos constancia de que as localizacións extraordinarias de Santa Tegra e a desembocadura do Miño foron visitadas en varias ocasións pola cámara de Gil en varias peliculas como: La villa de la Guardia, el monte de Santa Tecla(1920), Panorama de Santa Tecla (1932). No Teatro-cine Ideal da Guarda -inaugurado no 1917- proxectáronse algúns filmes do cineasta, como “Los Reyes de España en su visita a  Vigo”(1927) e algúns dos seus “Noticiario de Galicia” (1927-1932).

Ademais, A Guarda é un dos escasos lugares nos que chegou a funcionar o Cinemóbil Nº1, ata a destrución do propotipo por mor dun incendio na noite do 11 de decembro de 1926.

Tamén era a vila do produtor executivo de Celta Films, Higinio Troncoso, que mantivo unha relación de amizade con José Gil.

Concellos do sur de Pontevedra cuantifican en máis de 10 millóns de euros os danos causados polas inundacións

Máis de dous meses dende as fortes inundacións sufridas o pasado Nadal, os alcaldes de trece concellos do sur da provincia de Pontevedra máis afectados polos temporais reiteran a súa petición á Xunta de Galicia de que declare o territorio como Zona de Emerxencia de Protección Civil e estableza medidas de apoio económico para asumir a rehabilitación duns danos valorados polo momento en máis de 10 millóns de euros e aos que hai que sumar os sufridos polo sector agroforestal, empresas e particulares.

Rexedores da Cañiza, A Guarda  As Neves, Baiona, Gondomar, Mondariz, Nigrán, O Rosal, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui lamentan o “desprezo e abandono” da Xunta non só aos Concellos, que sufriron seis semanas de inundacións reiteradas, senón tamén aos case 200.000 habitantes, ás pequenas e medianas empresas e ás persoas autónomas deste territorio.

“Enfrontamos sos está situación dende o primeiro momento, incluso para poder facer unha valoración dos danos sufridos. Levamos tres meses realizando e sufragando as reparacións para recuperar servizos esenciais para a nosa veciñanza, gastos por un valor que nalgúns municipios é un terzo do seu orzamento anual. Estamos ante unha situación complicada, sen saber como imos afrontar os custos e coa Xunta, a administración competente, desaparecida”, salientaron este xoves en rolda de prensa.

Tras dous meses de silencio por parte da administración autonómica, o seu presidente, Alfonso Rueda, respondeu á carta conxunta enviada o 1 de febreiro polos 13 alcaldes e alcaldesas asegurando que a Xunta estaría disposta a trasladar ata a zona ao vicepresidente segundo para coñecer os danos, aínda que instando aos Concellos a organizar un encontro no que tamén estiveran presentes representantes doutras administracións.

“É un verdadeiro desprezo aos municipios, aos seus rexedores e rexedoras, ao tecido empresarial e á veciñanza. Nunha situación extrema como esta son os Concellos os que demostraron estar ao lado da xente, asumindo cuestións nas que non teñen competencias por garantir o benestar da cidadanía”, aseguraron os rexedores e rexedoras. Lembraron ademais o resto de administracións responderon con axilidade ante a delicada situación, xa que o delegado do Goberno do Estado estivo visitando a zona e explicando aos Concellos as distintas liñas de axudas postas á súa disposición e a Deputación de Pontevedra habilitou crédito e unha liña de axudas para facer fronte á reparación dos danos.  

Ante o elevado balance de estragos, os concellos afectados urxen tamén á Xunta unha partida orzamentaria extraordinaria dada a excepcionalidade dos danos nestas comarcas, que non só permitiría aos gobernos municipais afrontar e reparar os danos, senón que tamén beneficiaría a milleiros de veciños e veciñas que teñen que recompoñer as súas vivendas e propiedades tras os estragos causados pola forza inusual da auga e a persoas autónomas e moitas pequenas e medianas empresas que viron danadas as súas instalacións.

“Mulleres en acción” chega a Nigrán

0

A Deputación continúa a espallar o programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”, sementando igualdade e loitando contra as violencias machistas a través da arte por toda a provincia. Nesta ocasión detívose en Nigrán coa acción titulada “Flamma (Maltratos nos procesos das (non)maternidades)”, protagonizada polas artistas Neves Seara e Elsa Pereira. A performance, que tivo lugar no CPI Arquitecto Palacios de Panxón, concentrou a un nutrido grupo de alumnas e alumnos do centro educativo que acompañaron á deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e ao alcalde Juan Gonzalez.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” está a recuperar nesta edición a precursoras do programa, artistas que nestes anos fixeron emerxer e crecer esta iniciativa da Deputación, xerando alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. En Nigrán, Neves Seara e Elsa Pereira, traballaron para realizar conxuntamente a peza performativa “Flamma (Maltratos nos procesos das (non) maternidades)”, que busca poñer o foco nas violencias machistas que sofren os corpos das mulleres, que incluso nos seus procesos máis íntimos son xulgados, maltratados e agredidos. A acción consistiu nunha conxugación de actuación en vivo que emulou a parte corpórea, visceral e sensitiva violentada polos tratos xinecolóxicos e procesos de (non)maternidade; e a danza, que representou a parte emocional e o subconsciente.

A través da actuación en vivo e da danza, dando prioridade ao movemento fronte ás palabras, as dúas artistas representaron o diálogo interno que experimenta unha mesma muller, sen nome, cando ten que pasar por algún tipo de proceso desas características. As verbas foron poucas e puntuais, nunha actuación que representaba a dor máis visceral das mulleres. De feito o vestiario, confeccionado pola propia Neves Seara exclusivamente para a performance, pretendía representar a pel e a alma das personaxes. Para o seu deseño inspirouse na obra de Loise Bourgeois e nos kimonos xaponeses.

A Deputación de Pontevedra está a desenvolver neste 2023 a oitava edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, cuxo lema é “Artistas Aliadas. Mulleres Aliadas” coa igualdade e coa cultura como arma a prol dunha sociedade máis xusta contra as violencias machistas. Con “Flamma”, a acción que vén de ser desenvolvida esta mañá, este programa da institución provincial pasou xa por Pontevedra, Vigo, Barro, As Neves, Cangas, A Cañiza, O Grove e Nigrán, e continuará polos concellos de Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

Redondela ofrece a exposición ‘En destaque, mulleres na historia’

0

O Concello de Redondela colabora, unha vez máis, coa Fundación Filomena Rivero Alonso a través da exposición En destaque, mulleres na historia. Telmo Crespo Tojeiro, membro do padroado da fundación, e Digna Rivas, alcaldesa de Redondela, estiveron no Multiusos da Xunqueira para visitar a mostra.

En destaque, mulleres na historia é unha exposición que por medio de paneis ilustrados, ensina en primeira persoa o papel desempeñado por diferentes mulleres ao longo da historia recente como Rosa Parks, María Montessori, Kathrine Switzer ou Billie Jean King entre outras mulleres.

A entidade que preside Gracia Regojo Bacardí desenvolve ao longo de todo o ano actividades en centros educativos e bibliotecas en relación á igualdade e contra a discriminación, sen limitarse a unha determinada época do ano,  algo co que “este goberno comparte como filosofía e demostra con feitos”, conclúe Rivas.

Solventadas as incidencias advertidas por usuarios mosenses no servizo de transporte interurbano prestado por Monbús

0

Tras incidencias notificadas, por veciñanza afectada, ao Concello de Mos, respecto de horarios e paradas no Transporte Público Interurbano de Galicia que comunica Mos con municipios limítrofes como Vigo, O Porriño e outros; desde a administración local mosense trasladouse a problemática á consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia.

Por parte de Mobilidade da Xunta procedeuse a abordar o tema coa empresa de transporte prestadora do servizo, Monbús, e a realizar un exhaustivo seguemento das viaxes durante todo o pasado mes de febreiro para comprobar que o servizo funcionase ben e se cumprisen escrupulosamente horarios e paradas.

Tras realizar os pertinentes controis e comprobar que o servizo voltou á normalidade, esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha reunión a tres bandas entre administración local mosense, representantes da secretaría xeral técnica de Mobilidade, e de Monbús, para dar conta ás representantes municipais da situación real actual na que se está a prestar a día de hoxe en Mos o servizo de transporte interurbano.

Por parte do Concello de Mos asistiron á xuntanza a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Mobilidade, Julia Loureiro, e unha técnico municipal. Da secretaría xeral técnica de Mobilidade estivo presente o Secretario Xeral Técnico, Joaquín Macho Canales, xunto coa Xefa Territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez Allegue e un técnico da consellería.

Durante a mesma informouse de que as incidencias xa se atopan solventadas e que se instalarán paneis informativos en todas as marquesinas de Mos para que todos os usuarios do transporte interurbano teñan a información correcta e actualizada sobre o mesmo. Información que, para maior coñecemento e difusión, tamén será publicada na páxina web do Concello de Mos.

As principais reclamacións dos usuarios mosenses sobre o servizo de transporte interurbano prestado por Monbús eran que non chegaba á Estación Intermodal de Vigo e que non cumpría horarios. Ámbalas dúas xa se están cumprindo totalmente na actualidade.

Entrega de premios do concurso de carteis do 8M en Baiona

0

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, convocaron conxuntamente a 6ª edición do concurso para o deseño do cartel do día 8 de marzo.

Este concurso celebrouse co gallo da celebración do Día Internacional da Muller e Antonio, Emma, Laura e Xenxo alumnado do CPI Cova Terreña de Baiona, obtiveron o 2º premio na categoría de 3 a 10anos.

O CPI DE Cova Terreña celebrou o 8M co seu alumnado de 4º de Educación Primaria, un acto de recoñecemento dos alumnos gañadores do VI Concurso de carteis 8M: Antonio, Emma, Laura e Xenxo.

O acto de recoñecemento, no salón de actos do centro educativo, contou coa presenza do alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado e coa concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Dona Yasmina Moreira.

Comenza a segunda fase de actuación no xacemento de Os Castros

A alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, reuniuse co conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, xunto ao arqueólogo Francisco Manuel Herves Raigoso para avanzar na segunda actuación no xacemento arqueolóxico de Os Castros, que se ubica entre as parroquias de Soutolobre e Lourido.

Nesta segunda actuación, promovida polo Concello de Salvaterra, e que contará co apoio da Consellería de Educación e Cultura,  preténdese actuar nunha zona moi específica, onde se atopou unha cabaña castrexa que conta cunha estela con decoración antropomorfa e armas  de grande singularidade.

Ademais, na reunión tamén se falou da colaboración da Consellería na rehabilitación integral dunha edificación singular para servizos complementarios que o Concello ven de adquirir dentro do Recinto Amurallado de Salvaterra.

Con esta actuación, o Concello pretende seguir avanzando na posta en valor do seu patrimonio histórico e cultural, traballando no acondicionamento dos inmobles singulares que se encontran dentro do recinto da muralla, declarado BIC.

O Porriño volve a ser solvente pechando o 2022 cos mellores resultados da historia

O Goberno Municipal do Porriño deu conta ao pleno da liquidación das contas do ano 2022 cun remanente de tesourería de 13 M de euros e unha conta pendente de pago de facturación de 3,1 M, máis de 2M de euros descontados da facturación pendente de pago deixada polo anterior executivo que ascendía a 5,6 M de euros.

Uns datos que demostran que tras un ano de xestión económica centrada no saneamento das contas estanse a obter resultados. “Estas cifras permítennos concluír que se están a facer as cousas correctamente e que a xestión dos recursos propios e dos das restantes administracións está a ser eficiente”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Imos no bo camiño, sentamos as bases que permitirán encarar os próximos anos con capacidade de actuación e de inversión, que é o que a xente necesita, unha administración solvente”.

Seguindo esta liña de traballo, a sesión plenaria celebrada esta tarde tivo un marcado carácter económico, aprobando modificacións orzamentarias de aumento de partidas orzamentarias que atinxen ao persoal municipal, a servizos como o Oral, o Servizo de Axuda no Fogar, a xestión da Piscina Municipal ou a recollida de lixo, así como ás subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivos.

O Festival de Cans recibirá a maior aportación municipal nesta edición

“Traballamos cun orzamento prorrogado dende o 2018 despois de que o resto dos grupos municipais tumbaran a nosa proposta de Orzamento, a única que se presentou dende entón, e obviamente esas contas non se axustan á realidade actual en moitas cousas”, continuou Lorenzo, “Urxe aprobar un orzamento, para o que necesitamos maioría, pero non imos deixar de prestar os servizos aos que á veciñanza ten dereito porque a oposición non nos aprobe os Orzamentos e por iso recurrimos a modificacións que den solución a este problema no presente exercizo económico”.

É o caso, por exemplo, das subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivas incluídas no orzamento vixente que deixan en moitos casos a estas entidades sen financiación para desenvolver a súa actividade.  Con tal motivo, hoxe aprobouse no pleno unha modificación que permite ampliar e actualizar estas axudas, nas que se invertirá un total de 712.251 euros.

 “No caso da AC Arela, organizadora do Festival de Cans, a axuda municipal incrementarase en 25.000 euros para que poidan facer fronte aos gastos derivados da organización do certame. A actual dotación económica na aplicación orzamentaria é de 20.000 euros e con este incremento alcanzará os 45.000 euros”, explicou o rexedor, “O Festival de Cans goza de gran recoñecemento a todos os niveis e cada vez ten máis repercusión e relevancia, o Concello do Porriño ten que estar á altura”.

De igual maneira se actuou coa subvención á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, que incrementará a súa dotación en 10.000 euros a maiores do importe consignado de 30.000 euros para poder desenvolver o seu labor cos medios precisos para dar unha correcta atención á cidadanía.

A modificación suma á lista de subvencións unha achega de 4.000 euros para a Asociación O Castelo de Cans, 16.000 para o Atletismo Porriño para a organización da carreira O Porriño 10K, 6.000 euros para a Escudería Rías Baixas, 15.000 euros para o Master da Louriña e 30.000 euros para a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia.  

“O Porriño conta cun tecido asociativo implicado que debe ter o respaldo do Concello do Porriño xa que desenvolven un labor esencial na dinamización social e cultural do municipio”, concluíu Lorenzo.

Bono Enerxético

O pleno aprobou tamén a modificación orzamentaria necesaria para a posta en marcha dunha liña de subvencións para financiamento dun bono enerxético por importe de 150.000 euros que paliará a situación de moitas familias vulnerables ou en risco de exclusión xestionadas dende os Servizos Sociais do Concello.

A Guarda aposta por unha vila segura para a infancia

0

Na Plataforma de contratación pública do Estado xa se pode consultar o procedemento de licitación das obras para o proxecto de Camiño Escolar seguro para o CEIP MR Sinde na Guarda, unhas obras que contan cun importe de case de 250,000 €.

O Concello da Guarda leva dende o ano 2019 preparando o Proxecto de Camiños Escolares Seguros na Guarda, e despois das fases iniciais do proxecto co equipo redactor do mesmo, a previsión e que no mes de maio deste ano 2023 se inicien as obras baixo os criterios de accesibilidade e itinerarios peonís seguros.

O Proxecto de Camiños Escolares Seguros xurde ante a necesidade dun cambio de paradigma na maneira de moverse nas cidades e vilas, mellorando a seguridade vial establecendo rutas seguras ou «SafeRoutestoSchool», para que os nenos e nenas realicen os seus desprazamentos entre os seus fogares e os seus centros de ensino con total seguridade.

As ideas do pedagogo italiano Francesco Tonucci marcan un novo rumbo para os proxectos de camiños escolares, cun novo concepto de cidade, propiciando a autonomía infantil.

Despois dun estudo dos itinerarios e dun proceso participativo coa comunidade educativa  logrouse ter unha visión concreta dos percorridos realizados día a día polas familias e alumnos, con datos altamente fidedignos. Neste senso a través de cuestionarios logrouse determinar que unha das maiores preocupacións dos pais e nais dos alumnos e alumnas é o tráfico e a seguridade, indicando que o aumento do número de vehículos provoca unha maior inseguridade.

Nas conclusións finais determínase que o «Camiño Escolar Seguro»  afecta a un total de 730 m de viais, nas rúas Brasilino Álvarez, Enrique Mª Sesto, Carretera de Circunvalación, Rúa Tui e Rúa Ourense.

Tratase dunha inversión de xerarquías no uso do espazo público no cal o peón debe ser o centro de toda acción e o coche un obxecto subordinado a este con espazo moi controlado e un uso racional e limitado para así poder devolver as rúas aos seus principais protagonistas: os nenos e nenas. Para iso é preciso xerar un entorno escolar onde os nenos poidan acceder de forma sa, segura e máis autónoma á escola ou centro educativo.

Entre as solucións a adoptar atopamos melloras na seguridade de todos os pasos de peóns existentes ao longo do trazado, a urbanización dos arredores coa mellora do firme, alumeado e prohibición de circulación no treito da Rúa Tui que da acceso directo ao centro escolar, a implementación da sinalización vertical e horizontal pertinente, eliminación ou substitución da danada ou ineficiente, así como redución do límite a 30km/h en todo o percorrido.

Estímase que estes traballos prolongarase ao redor de 2 meses.

Para Antonio Lomba, alcalde da Guarda, “este proxecto incide nas condicións de seguridade e accesibilidade do alumnado deste centro educativo da vila enmarcado no casco urbano. A execución das obras ten por obxecto mellorar a mobilidade nos itinerarios que segue o alumnado nos seus desprazamentos dende as súas vivendas ata o centro escolar. Dende o concello están traballando no aumento da seguridade viaria nos demais centros educativos da localidade”.

Baiona ofrece mañá un obradoiro de autocoidado

0

Tras o acto central do 8M, Día Internacional da Muller, no Multiusos Mercado de Sabarís, onde a Concellería de Igualdade inaugurou a exposición das fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte das “Axendas Igualitarias”, un bonito proxecto iniciado no 2021 por esta Concellería, continúa durante a fin de semana a programación da “Primavera Lila”,  programación deseñada por Igualdade e a dirección do CIM con motivo do 8 M, Día Internacional da Muller.

Así, darase continuación as actividades mañá venres día 10 de marzo no Multiusos Mercado de Sabarís ás 12:15 co obradoiro “Para rachar estereotipos de xénero” para o alumnado do CEP Sabarís, en colaboración coa ANPA deste colexio.

Xa pola tarde ás 19:30 h haberá dous obradoiros moi interesantes: o Obradoiro “Rir as penas. Risoterapia”, en colaboración coa Asociación de Viúvas de Baiona “Mercedes de la Escalera” e o Obradoiro “Cóidate. A importancia do autocoidado”, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa de Baiona.

O sábado, 11 de marzo, neste mesmo espazo ás 19:30 h, haberá un espectáculo familiar baixo o título: “Cinema de historias da man de Alice Guy (A nai do cinema), de Raquel Queizás, para nenos a partir de 5 anos.

Entre finais de febreiro, todo o mes de marzo e principios do mes de abril,  está a  levarse  a cabo toda unha serie de actividades que forman parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira, lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de mulleres e homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”, sinala Moreira Costas.
Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

As actividades están financiadas pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan Concellos Línea 2.

Mañá comeza o I Congreso Internacional na Eurocidade Tui-Valença

0

Destacadas persoas expertas en educación a nivel nacional e internacional participarán no I Congreso Internacional de Educación Tui-Valença que durante dúas xornadas, venres e sábado, se vai celebrar na Eurocidade Tui-Valença.

As reformas educativas, o debate curricular sobre o perfil de saída, a avaliación competencial, serán algún dos temas que se aborden neste Congreso no que hai inscritas máis de 300 persoas tanto de España coma de Portugal, moitas delas docentes, estudantes, membros de ANPA’s,… As persoas interesadas poden acudir distintas ponencias e mesas redondas o venres á tarde no auditorio da ESCE en Valença e o sábado, tanto pola mañá coma pola tarde, no Teatro Municipal de Tui, até completar o aforo de cada un dos espazos. A xornada do sábado será retransmitida en directo a través da canle de YouTube do Concello de Tui.

Na inauguración deste I Congreso de Educación Tui-Valença, mañá venres, ás 18 h ES, no auditorio da ESCE en Valença, participarán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o presidente da Cámara de Valença, José Carpinteira; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o secretario de Estado de Educación do Ministerio de Educación y Formación Profesional, José Manuel Bar Cendón; o  secretário de Estado da Educação do Ministério da Educação, António Leite; Florencio Luengo do proxecto Atlántida e Ariana Cosme, dos Equipos de Investigación da Universidade de Porto.

A continuación, ás 18.30 h terá lugar a ponencia inicial “As claves internacionais das Reformas educativas no mundo” por parte do catedrático de Didáctica da UNED e exasesor de Educación do Banco Mundial, Juan Manuel Moreno Olmedilla. A ponencia será moderada por Ariana Cosme da Universidade de Porto.

Ás 19.15 h ES Mónica Domínguez, directora general de Evaluación y Cooperación Territorial do Ministerio de Educación e FP, e Maria João Horta,  subdiretora geral na Direção-Geral da Educação, no Ministério da Educação de Portugal abordarán “As claves das reformas educativas en España e Portugal”, nunha conferencia que moderarán a concelleira de Educación de Tui, Sonsoles Vicente, e o vereador de Educação de Valença,  Arlindo de Sousa.

Por último, ás 20.30 h ES para pechar esta primeira  baixo o título “O debate curricular sobre o perfil de saída e outras claves nas Reformas de Portugal e España” terá lugar un panel de expertos no que participarán José Moya Otero, da Universidad de Las Palmas, e Ariana Cosme da Universidade do Porto, Portugal. Moderarán Florencio Luengo coordinador do grupo Atlántida e Daniela Ferreira dos equipos de investigación da Universidade de Porto. 

Xa o sábado a actividade do congreso trasladarase ao Teatro Municipal de Tui centrándose nesta segunda xornada na educación por competencias, a aprendizaxe inclusiva, e o perfil profesional docente.

Mos homenaxeou a 90 mulleres emprendedoras do municipio

0

Onte pola tarde celebrouse no Pazo de Mos un acto homenaxe ás “Mulleres emprendedoras” mosenses. Preto de 90 mulleres de diferentes sectores (sanitario, estético, deportivo, educación, espectáculos, alimentación, hostalería, farmacia, comercio, etc) foron recoñecidas polo seu valor e esforzo á hora de decidir emprender e desenvolver cargos de responsabilidade nas súas respectivas empresas.

Na homenaxe con motivo do 8M estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e demais membros da Corporación Municipal mosense. Arévalo, rexedora local do Concello de Mos, puxo en valor “o papel da muller en postos de responsabilidade e na sociedade en xeral, como piar empresarial en Mos pero tamén como piar das familias e exemplo de traballo duro e superación”. “Estou enormemente orgullosa das mulleres mosenses”, continuou a alcaldesa, “fortes e loitadoras; e estou orgullosa de que sexamos tantas as que hoxe nos reunimos neste Pazo de Mos para reivindicar e facer visible a nosa valía, que os sectores e postos antes maioritariamente masculinos xa non o son, ou non o son tanto, porque logramos facernos o noso oco neles, o que nos corresponde e merecemos por méritos propios, capacidade e aptitudes”.

O acto foi presentado pola xornalista do grupo TelevigoRadio Vigo Cadena Ser e veciña da parroquia de Pereiras, María Díaz, e organizado coa colaboración de Alba, educadora social e directora do CIM, Ana, Xurídica do CIM, María, Psicóloga do CIM, e Elena, psicóloga familiar do departamento de política social. Contouse coa ACTUACIÓN MUSICAL DE ERIKA LEWIS, mosense, tamén natural da parroquia de Pereiras, que forma parte do grupo de música Broken Peach, e é mestra de canto na escola MaiSon.

Fixeron 6 intervencións MULLERES EMPRENDEDORAS de Mos: LOLA de FLORISTERIA LOLA. LARA da TENDA DE HIPICA “EQUIPEMOS”. LUCÍA E ROSANA, do Restaurante Quinta da Rivas en Torroso. MIKAELA, a propietaria da orquestra M3. PATRICIA, DA CLÍNICA DE PSICOLOXÍA ENTROPÍA. E MARI CARMEN SOLIÑO de Muebles Soliño.

Tomiño abre o prazo para solicitar as subvencións deportivas, sociais e culturais

0

O Concello de Tomiño vén de abrir o prazo para solicitar as subvencións municipais dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que desenvolverán ao longo deste ano 2023 actividades sociais, culturais e deportivas, así como para deportistas individuais. O Goberno municipal investirá 90.000 euros nestas convocatorias.

“Con estas axudas mantemos o noso compromiso e apoio a todas as entidades, clubs e deportistas tomiñeses, colaborando con todos eles a sufragar os gastos das actividades programadas para todo este ano, dinamización o noso concello, fomentando o benestar social da veciñanza e promocionando a cultura e o deporte”, explica a alcaldesa, Sandra González.

O Goberno municipal destinará 45.000 euros a entidades deportivas sen ánimo de lucro e deportistas individuais para fomentar a práctica deportiva, a participación en competicións oficiais e o desenvolvemento de actividades durante todo o ano. Esta subvención permitirá incluír gastos federativos, de arbitraxes, de transporte e aloxamento relacionados coa asistencia a competicións deportivas, de mutualidades e seguros, de material deportivo de carácter funxible, de material deportivo inventariable ou de equipamento e vestimenta deportiva.

Poderán solicitar esta subvención clubs e entidades deportivas federadas que participen regularmente en competicións oficiais organizadas polas federacións deportivas. Ademais, tamén poderán facer a súa solicitude aquelas e aqueles deportistas individuais tomiñeses recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional.

O Concello de Tomiño tamén destinará 30.000 euros a axudas municipais a entidades sen fin de lucro para a realización de actividades culturais durante o 2023 co obxectivo de “contribuír á posta en marcha de proxectos ou actividades culturais, con especial atención a aquelas que promovan ou recuperen a cultura e tradicións locais, promocionen produtos agrícolas e gastronómicos da zona ou recuperen espazos naturais ou de lecer.

Por último, o Goberno municipal destinará 15.000 euros para subvencións a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades sociais que promovan o benestar da veciñanza a través de accións de prevención, asistencia, incorporación social, fomento e sensibilización da participación cidadá, dentro do ámbito de intervención de Servizos Sociais. Búscase así financiar gastos de proxectos de atención á discapacidade e a menores, de apoio á dinámica familiar, de voluntariado social, de atención á toxicomanía, de prevención de situacións de violencia intrafamiliar, á promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, de atención á inmigración e minorías éticas ou a proxectos de especial interese social.

As bases para optar a estas axudas xa foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e as entidades e persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 3 de abril.  

A I Marcha Enduro BTT celebrase na Guarda o domingo 19 de marzo

0

Na xornada deste xoves día 9 de marzo a Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, participaron xunto con algúns dos organizadores, na presentación da primeira edición da Marcha Enduro BTT, un evento deportivo que se celebrará na Guarda o vindeiro domingo día 19 de marzo.

Tal e como explicaron nesta presentación os organizadores da proba, trátase dunha proba BTT de Enduro que contará cun total de 25km de distancia cun desnivel aproximado de 1003 metros. A proba estará dividira en 4 tramos, un deles será cronometrado, percorrendo diferentes espazos do Monte Santa Trega e o Monte Torroso.

Imaxe da presentación da I Marcha Enduro BTT

A saída da proba está marcada para as 9:00 h dende a Alameda da Guarda, lugar que tamén servirá de meta, onde se entregarán os premios para as dúas categorías e agasallos para todos e todas as participantes.

A I Marcha Enduro BTT é unha proba de dificultade media-alta, na cal os participantes deberán sacar o máximo partido ás súas bicicletas con zonas moi técnicas nas cales a destreza dos deportistas será moi importante.

As inscricións están abertas a través da web www.fgalegaciclismo.es cun prezo de 13€ para deportistas federados e 23 € para non federados.

A Feira do Requeixo e do Mel xa ten cartaz

0

A XXX Edición da Feira do Requeixo e do Mel das Neves xa ten cartaz. O xurado elixiu a obra da artista Sandra Táboas González, titulada ‘As mulleres de sempre’, como a imaxe da feira deste ano que se celebrará os vindeiros días 7 e 8 de abril.

Sandra, veciña de San Pedro de Batalláns, nas Neves, impúxose nunha votación moi axustada á viguesa Marta GIl Silva, que presentara a obra ‘Escena de festa na Praza Maior’, que acadou o segundo lugar.

No acto de entrega de premios, o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, que estivo acompañado polas concelleiras de Servizos Sociais, Pilar González Casas, e de Cultura, Rocío Barreiro, agradeceu a participación e comentou o “altísimo nivel” das obras que se presentaron, “o cal é unha honra e tamén unha mostra do interese e repercusión que ten a feira do requeixo e do mel que chega aos 30 anos de vida, renovada, fortalecida e superando a asistencia de visitantes ano tras ano”.

No mesmo acto, a concelleira de Cultura asiantou que nuns días será a presentación oficial da feira que, coincidindo cunha edición tan especial, incluirá varias novidades “moi atractivas”.

A Plataforma polo Saneamento de Ribadetea convoca una xuntanza veciñal o domingo 12

A Plataforma polo Saneamento de Ribadetea convoca a todos os veciños da parroquia a unha xuntanza veciñal que terá lugar o vindeiro domingo dia 12 de marzo ás 17:00 horas, no Centro Cultural de Ribadetea.

Os membros da plataforma queren informar aos seus veciños da situación actual na que se atopa o proceso de dotar de rede de saneamento de augas residuais á parroquia.

Nestes últimos 5 anos que leva traballando a Plataforma, téñense producido avances, aínda que polo momento sexan moi limitados e a un ritmo demasiado lento para as expectativas do colectivo.

O saneamento é un servizo básico que as administracións teñen a obriga de proporcionar á parroquia de Ribadetea sen mais retrasos nin escusas. É unha necesidade social e medioambiental que debería estar resolta hai mais de 15 anos.

A plataforma quere contar co apoio e colaboración dos veciños para darlle un impulso definitivo que faga posible que a parroquia de Ribadetea conte finalmente co seu saneamento, un servizo básico tan importante.

O Concello de Baiona ofrece unha exposición con motivo do 8M

0

O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu o acto central do 8M, Día Internacional da Muller,  do Concello de Baiona.

A Concellería de Igualdade organizou, nesta data sinalada, a inauguración da exposición “Achegas, Mulleres na Axenda”. A exposición consta das fotografías e as historias das mulleres de Baiona que forman parte do bonito proxecto das Axendas Igualitarias realizadas por esta Concellería.

No acto interviron o alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a Concelleria de Igualdade de Concello de Baiona, e nel participaron un ampla representación das mulleres que forma parte das axendas así como dos seus familiares. Tamén acudiron a inauguración diferentes colectivos da Vila. A xornada foi amenizada polas Pandereteiras de Monte Boi.

Tamén se fixo unha conexión en directo coa vila irmá de Pornic para facer un pequeno intercambio entre os actos do 8M programados polas Concellerías de Igualdade de ambos consistorios.

O Basque Culinary Center visitará Arbo

0

En apenas dous meses, entre o 28 e o 30 de abril, celebrase a sesenta e tres Festa da Lamprea, que este ano se estrea como Festa de Interese Turístico Internacional e Arbo, segue recibindo visitantes atraídos polo misterio e encantos de este manxar que identifica á vila “Lamprea” e os seus viños con D.O. Rías Baixas.

O Basque Culinary Center é unha Universidade pioneira a nivel mundial. Son membros do seu Padroado Mondragón Unibertsitatea, sete dos mellores chefs vascos, empresas líderes no sector de alimentación e bebidas e AZTI Tecnali e conta ademais, cun Consello Internacional coa implicación de once dos chefs máis influentes do mundo e ten como fin a formación superior, a investigación, innovación e promoción da gastronomía e a alimentación.

Por segunda vez, o alumnado do “Máster en Cociña: Técnica, Produto e Creatividade” visitará a vila. Este Máster, dirixido a cociñeiros con experiencia profesional, é a formación que lle permite dar un salto cualitativo na súa carreira profesional. Neste caso trátase dun grupo de 17 alumnos e 1 profesor.

O alumnado do Basque Culinary Center visitou o Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea “Museo Arabo”, as Pesqueiras e degustou a lamprea cociñada de distintas maneiras, acompañada dos viños das adegas de Arbo.

O alcalde de Arbo sentese moi orgulloso da visita novamente dos alumnos e agradece ao Consello Regulador por contribuír na difusión e o maior coñecemento de futuros cociñeiros sobre este manxar que é a lamprea de Arbo «e que nos dá o sobrenome da Capital mundial da Lamprea, así como dos nosos viños con D.Ou rías Baixas, recoñecidos mundialmente».

Nigrán estrea a exposición de fotobordados ‘Pioneiras’

0

O Concello de Nigrán estreou, coincidindo co Día Internacional da Muller, a mostra de fotobordados ‘Pioneiras’, realizada por usuarios da Fundación Érguete e que estará exposta durante todo o mes nas dependencias municipais.

Trátase de 8 cadros que mediante a técnica da fotografía e o bordado retratan a mulleres galegas destacadas na súa vida profesional, social ou persoal. Estas obras foron realizadas por usuarios de Érguete do programa SISIFO (persoas en risco de exclusión severa e/ou drogodependentes) nun obradoiro téxtil que eles mesmos bautizaron como ‘lanamala’. No proceso, pártese dunha imaxe real para ir desarmando as escenas conxeladas no papel dando luz a unha nova linguaxe, establecendo así un diálogo entre a fotografía e os fíos.

As pioneiras que forman parte desta mostra e que se queren visibilizar destacan no ámbito social, político, profesional, deportivo, en defensa dos dereitos das mulleres: Celia Rivas Casais, Elisa e Marcela, Chus Lago, Isaura Abelairas, Susana Rodríguez Gacio, Carmen Avendaño (nais de Erguete). Paralelamente, a mostra e o propio obradoiro pretenden tamén constatar a presenza masculina na loita pola eliminación das desigualdades de xénero e favorecer a construción de novas masculinidades que impliquen a revisión dos modelos tradicionais.

Na industria téxtil, denomínase “lana mala” ás las e tecidos de refugallo que son os que eles utilizan no obradoiro transformándoos, mediante a creatividade, en pezas cun significado artístico. Loitan, coa súa obra e con este pseudónimo, contra o estigma que sofre o colectivo e visibiliza a súa capacidade de transformación.

O pasado 8 de Marzo de 2022 esta mesma exposición inaugurouse no Museo Etnográfico Liste (Vigo) sendo visitada por preto de 2.000 persoas.

AS PIONEIRAS

CARMEN AVENDAÑO OTERO

Activista social e política, coñecida pola súa loita contra o narcotráfico en Galicia, denunciando aos grandes traficantes e reivindicando programas de prevención e tratamento de drogodependentes. Presidenta da Asociación e a Fundación Erguete.

ISAURA ABELAIRAS RODRIGUEZ

Mestra de profesión, daba clase se galego e foi a directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo (o colexio do Chouzo) durante moitos anos. Cunha longa traxectoria política con diversos cargos na administración local, provincial e autonómica, relacionados co Benestar Social e a Igualdade.

CHUS LAGO REY

Alpinista, exploradora, escritora e política. Alcanzou o cume do Everest sen osíxeno artificial en 1999, converténdose na primeira muller española e a terceira do mundo en conseguilo. En 2009 converteuse na primeira persoa española en alcanzar o Polo sur en solitario a través da Antártida

ANA PELETEIRO BRIÓN

Atleta, plusmarquista nacional na modalidade de triplo salto en todas as categorías de idade a partir de sub-18. É a actual subcampiona de Europa en pista cuberta da súa especialidade e medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

SUSANA RODRIGUEZ GACIO

Médica e deportista, campioa paralímpica de tríatlon adaptado (Tokio, 2020), sendo a primeira española en competir en dous deportes nuns Xogos Paralímpicos: tríatlon e atletismo

CELIA RIVAS CASAIS

Empresaria galega, recoñecida como a primeira muller camioneira de España e cofundadora xunto ás súas irmás da empresa Hijos de Joaquín Rivas, dedicada á comercialización de peixe e marisco.

MARCELA GRACIA IBEAS E ELISA SÁNCHEZ LORIGA

Dúas mestras que casaron en 1901 na Coruña. Trátase do primeiro intento de matrimonio homosexual de España do que se ten constancia rexistral. Fixérono pola Igrexa católica, posteriormente o párroco descubriu o engano, e foron denunciadas e perseguidas.

NAIS FUNDADORAS DE ERGUETE

Nos anos 80 un grupo de familias, principalmente nais, decidiron crear unha asociación para loitar contra o narcotráfico e axudas a persoas drogodependentes, porque sabían que xuntas eran máis fortes que separadas. Foi o nacemento de Érguete. Algún narcotraficante chamounas “tolas” e “terroristas”. Pero elas conseguiron profesionalizar e institucionalizar unha loita contra un problema que entón a sociedade negábase a ver.

RC Celta e Concello de Mos celebran o centenario do club con actividades para os mosenses

0

A Cidade Deportiva Afouteza acolleu onte a primeira das actividades do programa CelebraMos o Centenario, un conxunto de iniciativas previstas polo RC Celta que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses en colaboración co Concello de Mos. Coincidindo co 8M, o Día Internacional da Muller, ambas institucións recibiron a un grupo de mulleres de colectivos e asociacións de mulleres do municipio que visitaron o complexo deportivo esta tarde. No encontro, estiveron acompañadas do presidente do RC Celta, Carlos Mouriño e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. 

Continuando con estas accións, os días 15 e 21 de marzo, convidarase ás asociacións e colectivos mosenses a participar en diferentes visitas guiadas á cidade deportiva. E para o público xeral, estas visitas terán lugar os vindeiros 14 e 22 de marzo. Todas realizaranse pola tarde, en diferentes quendas, desde as 15.30 ata as 19.00 horas, cunha duración estimada de 45 minutos. Para participar nas visitas xerais só é necesario inscribirse nun formulario habilitado polo club, que será difundido na páxina web e nas redes sociais do Concello de Mos.

Durante o percorrido, poderán coñecer o ximnasio, o comedor, os vestiarios do Celta B e do primeiro equipo, a sala de visionado e control de afluencia, e ofrecerase a oportunidade de facerse fotos en puntos especialmente indicados para tal efecto.

O 21 de marzo, o RC Celta colaborará na prantación de árbores prevista no municipio con motivo do Día Mundial dos Bosques, prantando no terreo da Cidade Deportiva Afouteza 100 árbores e sumándose así a unha iniciativa na que participarán outras Comunidades de Montes do municipio e o propio Concello, prantando un total de 1.000 árbores no municipio.

O Club tamén estará presente, a través da súa división Galicia Sports 360, na próxima Feira de Educación, FormaMos do Concello de Mos, que terá lugar os vindeiros 30 e 31 de marzo.

CelebraMOS o Centenario incluirá, ademais, actividades para a mocidade. Así, unha delas, estará especialmente deseñada para o alumnado do IES de Mos, cunha charla sobre a historia do Club e a visita de xogadores do primeiro equipo ao centro. Están previstas, ademais, outras charlas e actividades dirixidas a diferentes públicos de Mos.

O Concello da Guarda mellora o equipamento para a recollida de lixo

0

O Concello da Guarda ten entre outros obxectivos o de mellorar e facer máis eficiente o funcionamento do sistema de recollida separada de residuos. Nesta liña, a vista da antigüidade da flota de camións de recollida de lixo, o concello comezou a súa renovación coa adquisición dun novo vehículo. A compra do novo camión foi financiada con fondos propios do concello da Guarda.

Este novo camión ten unha capacidade de carga de 2300 Kg , cun incremento dun 42% na súa capacidade de carga, en comparación co camión antigo, ademais de contar cun sistema de compactación mais potente o que nos da como resultado un importante aumento na eficiencia do servizo.

O seu menor volume permite que sexa máis manexable, sobre todo nas rúas mais estreitas.

Co aumento da carga conséguese diminuír as viaxes a planta de transferencia o que representa  un aforro económico e un aumento da produtividade  do servizo ao reducir os tempos mortos.

Con este novo vehículo hai tamén unha importante mellora na seguridade dos traballadores  xa que durante a recollida poden desprazarse dentro da cabina.

O equipo de goberno segue traballando na renovación e modernización dos servizos municipais co obxecto de responder mellor as demandas dos veciños.

Canedo réndese á maxia con Ian&Elisa

A maxia volve conquistar as parroquias ponteareás esta fin de semana ao abeiro do programa Cultura24. Este sábado 11 de marzo o Centro Cultural de Canedo será o escenario que acollerá unha nova sesión de ‘Maxia familiar’ con Ian&Elisa, un espectáculo no que a maxia e o ilusionismo mesturaranse con outras técnicas para mergullar ao público nun mundo imaxinario no que nada se considera imposíbel.

Dirixida a nenos e persoas maiores, a actuación comezará ás 19.30 horas e será de balde e con entrada libre ata completar aforo.

O Concello de Ponteareas amplía con este espectáculo a programación do Cultura24, un programa posto en marcha dende hai anos “para achegar a actividade cultural a cada recuncho da nosa vila, enchendo de máis vida as nosas parroquias e poñendo en valor e promocionando a arte de grupos, artistas ou asociacións musicais, teatrais e culturais de Ponteareas ”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O edil convida a toda a veciñanza a achegarse ata Canedo para vivir unha nova tarde de lecer ao abeiro do Cultura24, que ofrece un amplo abano de actuacións gratuítas coas que dinamizar as 24 parroquias.

Redondela reafirma no 8M o seu compromiso coas mulleres

0

O Concello de Redondela realizou o acto institucional no Multiusos da Xunqueira debido ao mal tempo. Alí leron o manifesto Lorena Rodriguez, veterana do equipo Sarillas de Balonmán e membro de Protección Civil; Cruz Bastos empresaria de Redondela e Paula Amoedo, artista gráfica e visual. Todas elas participantes do programa de radio municipal ‘As mullers contan, percorrendo camiño’.

O manifesto comezaba así: “Son moitos os avances acadados dende aquel 8 de marzo de 1857 cando a brutalidade policial acabou coa vida de 120 mulleres que protestaban polas condicións laborais da fábrica textil onde traballaban en Nova Iork. Dende entón persisten as desigualdades, a discriminación e a violencia ás mulleres polo feito de ser mulleres. Seguimos loitando cada día pola igualdade real en todos os ámbitos da vida”.

E remataba cunha lista de obxectivos aos que se compromete o Concello de Redondela pois “temos a obriga de seguir construindo unha sociedade igualitaria, garantindo o dereito de todas as persoas e a súa participación activa na vida local e rachando co modelo sexista. Estes compromisos débense plasmar no deseño e xestión das políticas locais para convertilas en motores de transformación. E é por iso polo que as agrupacións municipais de Redondela propoñemos: Intensificar esforzos no desenrollo de políticas encamiñadas a fomentar o empleo, o empoderamento e a educación para a igualdade de oportunidades; Incorporar a perspectiva de xénero en toda a actividade local e establecer unha coordinación adecuada entre as diversas áreas dos gobernos locais; Actualizar os sistemas e protocolos de actuación no desenrolo das políticas de igualdade en coordinación con todas as entidades implicadas;  Plantexar sistemas de recopilación de datos desagregados para comprender e abordar as desigualdades de xénero para que, da súa análise, poidamos ofrecer unha resposta apropiada e eficaz; Sumarnos e invitar a toda a Cidadanía a participar nos actos organizados co motivo do 8M, así como aquelas accións e iniciativas que reivindiquen a igualdade e contra a violencia contra as mulleres, O Concello de Redondela promocionará as mobilizacións convocadas polo feminismo galego entre as traballadoras públicas municipais e a toda a veciñanza do Concello.

A alcaldesa, Digna Rivas, tamén quixo dedicar unhas palabras nas que destacou que “son aínda moitos os obxectivos por alcanzar, os obstáculos a superar e os desafíos que temos por diante e por iso, hoxe 8 de marzo, reivindicamos a necesidade de unir forzas e apelamos á gran alianza de todas as mulleres progresistas e do movemento feminista deste país”. E  como é habitual, quixo deixar claro que “esta reivindicación non pode quedar cinguida a un so día ao igual que a loita pola igualdade non pode quedar limitada a actos puntuais. É importante Traballar a prol da igualdade non só a través de celebracións ou conmemoracións, senón tamén no noso día a día e nas actividades cotiás que desenvolvemos”.

O manifesto institucional “un compromiso irrenunciable deste Goberno con todas as medidas que permitan acadar unha igualdade real e efectiva como única forma de conseguir unha sociedade xusta”, conclúe Digna Rivas.

Covelo pon en marcha o VII Plan de Formación para facilitar a inserción laboral

0

A Concellería de Formación, que dirixe Lourdes Enes, informa que está aberto o prazo de matrícula para os primeiros cursos do Plan de Formación do Concello de Covelo. Co obxectivo de mellorar o curriculum das persoas e facilitar a inserción laboral o Concello programa para este mes de marzo dous novos cursos nos que terán prioridade de acceso as persoas desempregadas ou en proceso de procura de emprego e censadas en Covelo.

A concelleira de Formación e Emprego explica que para a selección dos cursos fíxose unha consulta pública e así determinar as necesidades da veciñanza. “Con estes cursos pomos en marcha o sétimo Plan de Formación co que pretendemos ofrecer ferramentas útiles para a procura de emprego”.

Do 20 ao 22 de marzo impartirase o curso de operador/a de carretillas elevadoras. Terá unha duración de quince horas, repartidas en teoría e práctica, de 15:30 a 20:30 horas cada día.
Este curso desenvolverase no auditorio público municipal e nas instalacións do punto limpo. A inscrición está aberta ata o 13 marzo.

O 23 e o 24 de marzo terá lugar o curso de operador/a apilador-transpaleta eléctrica cunha duración de dez horas que se impartirán en horario de mañá de 15:30 a 20:30 horas. O prazo de inscrición para este curso remata o 16 de marzo.

O 3 de abril o Concello ofrece un curso de manipulador/a de alimentos e alérxenos. Este curso terá unha duración de cinco horas en horario de 9 a 14 horas  no auditorio público municipal.

Tódalas persoas participantes deberán aboar no momento da inscrición o prezo público pola participación en cursos establecido pola Ordenanza Fiscal Reguladora do Prezo Público pola Prestación de Actividades Lúdicas, Recreativas, Culturais, Formativas e Deportivas que, neste caso, van dende os 6 aos 3€ euros para as persoas empadroadas.

As persoas que desexen inscribirse deberán facelo nas oficinas municipais antes do remate do prazo de inscrición.

O Concello de Oia e a Xunta colaboran para mellorar o saneamento de Pedornes

0

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou nun recente encontro coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, que a Xunta avanza na colaboración co Concello coa redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento  de Pedornes.

A entidade hidráulica da Xunta, Augas de Galicia, está a ultimar o estudo previo de alternativas para a mellora da depuración na franxa costeira do municipio pontevedrés, cun investimento de 17.400 euros.

Deste xeito, durante o encontro mantido coa responsable municipal, Vázquez Mourelle confirmoulle que sobre a base dese estudo previo, a alternativa que se considera máis acaída para a mellora do saneamento do municipio propón a redución dos bombeos existentes, a excepción do de Matogueira Lanuxe, situado ao sur da depuradora de Pedornes, para o que se deseña un tanque de tormentas de 16 m³.

O conxunto das actuacións previstas na alternativa elixida están dimensionadas para atender as necesidades dunha poboación de 8.037 habitantes no ano 2047.

Con todo, o ambicioso plan de actuacións propostas anticipan a necesidade de acometer as distintas intervencións por fases.

Tal e como confirmou a titular de Infraestruturas e Mobilidade no encontro, comezarase polo proxecto correspondente para substituír a depuradora de tipo SMA de Pedornes, no que se contemplará tamén a mellora do bombeo que está a carón da praia de Mosteiro e a posibilidade de incluír tanque para o baleirado de fosas.

A rede actual de saneamento ten 3 estacións depuradoras de augas residuais compactas tipo SMA, que son infraestruturas de carácter modular que actualmente sofren forte aportación de pluviais que provocan verteduras.

Ao tempo que se avanza na redacción do proxecto construtivo da depuradora de Pedornes, a Xunta e o Concello de Oia traballarán de modo paralelo no convenio de colaboración para impulsar as actuacións recollidas no estudo de alternativas e na solución elixida, que se desenvolverán por fases, ademais de avanzando no estudo das alternativas para o saneamento interior.

O pleno de Mos aproba por unanimidade a cesión da parcela en San Eleuterio para vivenda protexida

0

Esta mañá aprobouse inicialmente no Pleno Ordinario do Concello de Mos, por unanimidade de votos favorables de todos os grupos integrantes da Corporación Municipal, a cesión da parcela municipal en San Eleuterio ao IGVS, que permita o inicio da redacción do proxecto de Vivenda Protexida en Réxime de Alugueiro 100 % pública na mesma.

Deste xeito comezará agora o período de exposición pública tras o cal, e de non producirse alegacións ao respecto, farase efectiva a cesión definitiva da parcela segregada en San Eleuterio, camiño do Covelo s/n, Pedraucha, parroquia de Tameiga ao IGVS. Parcela na que se construirán as primeiras Vivendas Protexidas en San Eleuterio. Trátase dunha parcela de 2.000 metros cadrados.

Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que foi necesario parcelar a parte que se lle cede ao IGVS.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida, que se abriu o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos, e que durante a primeira semana recollía 60 solicitudes, constaba a finais do pasado ano 2022 de preto de 400 persoas inscritas.

A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.

Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través dun Plan HURBE.

Polo tanto, o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados, entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e o HURBE de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento poboacional e a demanda existente na localidade mosense.

Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.

Chega á Guarda “EspecializAcción”, accións formativas para negocios locais

0

O Concello da Guarda, a través da Concellaría de Desenvolvemento Local, inicia neste mes de marzo unha oferta de accións formativas gratuítas dirixidas comercio, hostalería e empresas da vila.

Despois de realizarse unha enquisa entre o tecido empresarial, na que se propuxeron un total de 16 obradoiros a elixir e diferentes horarios para a súa realización, seleccionáronse un total de 5 obradoiros, que foron os que espertaron maior interese polos diferentes profesionais do comercio, hostalería e empresas da vila, mesmo engadindo algunha demanda que non estaba no listado inicial.

Estes obradoiros están enmarcados na campaña de apoio a o comercio e hostalaría local, iniciada xa no ano 2021 e que, nesta primeira parte de ano 2023, inclúen un total de 5 obradoiros.

As accións formativas de “EspecializAcción” comezan xa na xornada do 14 de marzo en horario de 17:30h a 19:30h co obradoiro de Barista Básico impartido por Csaba Bóka, un entrenador profesional de baristas e participante en campionatos do mundo que será impartido en Xorxios, na Estrada Costa dos Soldados (Antigo Restaurante Barbela).

O segundo obradoiro de LatteArt, decoración cafés realizarase na xornada do 21 de marzo en horario de 17:30h a 19:30h, tamén será impartido por Csaba Bókano en Xorxios en Camposancos.

Na xornada do 28 de marzo en horario de 20:30h a 22:30h a Casa dos Alonso acollerá o obradoiro de Empaquetado de regalos creativo, impartido por Noelia e Ramón da Papelería Artesanal Papelier de Baiona.

O penúltimo obradoiro de “EspecializAcción” chega á Casa dos Alonso o 11 de Abril en horario de 20:30h a 22:30h da man do Community manager Jorge Alonso Daldea, que tratará sobre Publicidade en Facebook e Instagram.

Xa para rematar as primeiras accións formativas de “EspecializAcción” desta primeira parte do ano 2023, na xornada do 18 de abril en horario de 20:30h a 22:30h terá lugar na Casa dos Alonso o Obradoiro de Posicionamento SEO para páxinas web e tendas online, impartido por Jorge Alonso Daldea.

Estes obradoiros teñen unha duración aproximada de dúas horas e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986610000 ou remitindo un correo electrónico a [email protected], as prazas son limitadas a 10 persoas para os obradoiros de Barista básico, LatteArt decoración de cafés, e a 15 persoas para os de Empaquetado de regalos creativo, Publicidade en Facebook e Instagram e Posicionamento SEO. As inscricións estarán abertas ata dous días antes de cada acción formativa ou ben ata completar o aforo.