8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán estrea a exposición de fotobordados 'Pioneiras'

    Nigrán estrea a exposición de fotobordados ‘Pioneiras’

    O Concello de Nigrán estreou, coincidindo co Día Internacional da Muller, a mostra de fotobordados ‘Pioneiras’, realizada por usuarios da Fundación Érguete e que estará exposta durante todo o mes nas dependencias municipais.

    Trátase de 8 cadros que mediante a técnica da fotografía e o bordado retratan a mulleres galegas destacadas na súa vida profesional, social ou persoal. Estas obras foron realizadas por usuarios de Érguete do programa SISIFO (persoas en risco de exclusión severa e/ou drogodependentes) nun obradoiro téxtil que eles mesmos bautizaron como ‘lanamala’. No proceso, pártese dunha imaxe real para ir desarmando as escenas conxeladas no papel dando luz a unha nova linguaxe, establecendo así un diálogo entre a fotografía e os fíos.

    As pioneiras que forman parte desta mostra e que se queren visibilizar destacan no ámbito social, político, profesional, deportivo, en defensa dos dereitos das mulleres: Celia Rivas Casais, Elisa e Marcela, Chus Lago, Isaura Abelairas, Susana Rodríguez Gacio, Carmen Avendaño (nais de Erguete). Paralelamente, a mostra e o propio obradoiro pretenden tamén constatar a presenza masculina na loita pola eliminación das desigualdades de xénero e favorecer a construción de novas masculinidades que impliquen a revisión dos modelos tradicionais.

    Na industria téxtil, denomínase “lana mala” ás las e tecidos de refugallo que son os que eles utilizan no obradoiro transformándoos, mediante a creatividade, en pezas cun significado artístico. Loitan, coa súa obra e con este pseudónimo, contra o estigma que sofre o colectivo e visibiliza a súa capacidade de transformación.

    O pasado 8 de Marzo de 2022 esta mesma exposición inaugurouse no Museo Etnográfico Liste (Vigo) sendo visitada por preto de 2.000 persoas.

    AS PIONEIRAS

    CARMEN AVENDAÑO OTERO

    Activista social e política, coñecida pola súa loita contra o narcotráfico en Galicia, denunciando aos grandes traficantes e reivindicando programas de prevención e tratamento de drogodependentes. Presidenta da Asociación e a Fundación Erguete.

    ISAURA ABELAIRAS RODRIGUEZ

    Mestra de profesión, daba clase se galego e foi a directora do CEIP Emilia Pardo Bazán de Vigo (o colexio do Chouzo) durante moitos anos. Cunha longa traxectoria política con diversos cargos na administración local, provincial e autonómica, relacionados co Benestar Social e a Igualdade.

    CHUS LAGO REY

    Alpinista, exploradora, escritora e política. Alcanzou o cume do Everest sen osíxeno artificial en 1999, converténdose na primeira muller española e a terceira do mundo en conseguilo. En 2009 converteuse na primeira persoa española en alcanzar o Polo sur en solitario a través da Antártida

    ANA PELETEIRO BRIÓN

    Atleta, plusmarquista nacional na modalidade de triplo salto en todas as categorías de idade a partir de sub-18. É a actual subcampiona de Europa en pista cuberta da súa especialidade e medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020.

    SUSANA RODRIGUEZ GACIO

    Médica e deportista, campioa paralímpica de tríatlon adaptado (Tokio, 2020), sendo a primeira española en competir en dous deportes nuns Xogos Paralímpicos: tríatlon e atletismo

    CELIA RIVAS CASAIS

    Empresaria galega, recoñecida como a primeira muller camioneira de España e cofundadora xunto ás súas irmás da empresa Hijos de Joaquín Rivas, dedicada á comercialización de peixe e marisco.

    MARCELA GRACIA IBEAS E ELISA SÁNCHEZ LORIGA

    Dúas mestras que casaron en 1901 na Coruña. Trátase do primeiro intento de matrimonio homosexual de España do que se ten constancia rexistral. Fixérono pola Igrexa católica, posteriormente o párroco descubriu o engano, e foron denunciadas e perseguidas.

    NAIS FUNDADORAS DE ERGUETE

    Nos anos 80 un grupo de familias, principalmente nais, decidiron crear unha asociación para loitar contra o narcotráfico e axudas a persoas drogodependentes, porque sabían que xuntas eran máis fortes que separadas. Foi o nacemento de Érguete. Algún narcotraficante chamounas “tolas” e “terroristas”. Pero elas conseguiron profesionalizar e institucionalizar unha loita contra un problema que entón a sociedade negábase a ver.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.