Xoves, 10 Xullo de 2025

A Xunta recibe 5 ofertas para reducir o risco de inundación do río Viladesuso en Oia

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, recibiu 5 ofertas de empresas para executar as obras para reducir o risco de inundación no río Viladesuso, no concello de Oia, que  suporán un investimento da Xunta de máis de 342.000 euros.

Trátase de desenvolver as actuacións necesarias para minimizar o risco de asolagamento neste río, ao paso polo municipio pontevedrés, na zona da ponte da Serra Seca. Nesta zona, a contorna do río está cualificada como área de risco potencial significativo de inundacións, no Plan de inundacións da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, que é a conca de competencia autonómica.

A previsión é iniciar os traballos este ano, co obxectivo de que poidan estar finalizados a mediados de 2024, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses.

A intervención forma parte do convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello para minimizar os efectos producidos polas enchentes no río Viladesuso e acadar unha rápida e mellor recuperación ante posibles asolagamentos.

Segundo o establecido neste acordo, a Xunta será a encargada de executar e financiar integramente as obras, cun investimento de 342.000 €. Pola súa banda, a administración local, ademais das autorizacións precisas, pon á disposición os terreos necesarios para acometer os traballos, para o que foi preciso realizar expropiacións.

Máis en concreto, esta actuación da Xunta para minimizar riscos céntranse na mellora do comportamento hidráulico deste río ao paso por Oia e completa as xa realizadas en anos anteriores. As novas actuacións que se van acometer incrementarán a sección do río na zona da ponte da Serra Seca e a protección do leito fronte á erosión, especialmente nos tramos curvos.

Segundo recolle o contrato, unha primeira intervención estará encamiñada a protexer a canle do río na marxe esquerda, coa construción dun noiro de protección de dique con dous mantos, un principal de escolleira baixo o que se coloca un secundario que actúa a modo de filtro drenante.

A segunda actuación busca aumentar a sección hidráulica da ponte coa construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5% como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, executarase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o fluxo da auga.

Tamén se prevé realizar un retranqueo do leito na marxe esquerda, construíndo un novo muro, para dar continuidade hidráulica á actuación executada na ponte; e derrubárase o muro actual pola outra marxe, pola dereita, coa construción dun novo muro retranqueado para minimizar o risco de inundación nesa zona.

Na intervención tamén se reforzará a marxe dereita do río coa construción dun noiro, de modo similar ao da marxe esquerda. Finalmente, será preciso realizar unha transición do reforzo do noiro proxectado na marxe dereita coa ponte, coa construción dun muro.

Na obra  aproveitarase e reutilizarase todo o material depositado no leito do río: as rocas de maior tamaño, para a construción do manto principal de dique; e o resto, como manto secundario.

A actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A Guarda recibe unha subvención para a mellora do CIM

0

O Concello da Guarda ven de obter unha subvención da Secretaría Xeral de Igualdade dirixida á rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres, polo total do importe solicitado, una subvención de máis de 9000 € para mellorar as instalacións e servizos que ofrece o Centro de Información á Muller.

Esta inversión permitirá mellorar a habitabilidade e funcionalidade de dous espazos cos que conta o CIM da Guarda, por unha banda o que se pretende é gañar en eficiencia enerxética e aumentar a privacidade dun dos despachos, e por outro, mellorar as condicións doutra sala para convertela nun espazo multifuncional, no que poidan levarse a cabo actividades con crianzas e persoas adultas, tales como os obradoiros que actualmente se levan acabo desde o CIM coas mulleres (obradoiro de resiliencia, obradoiro de empoderamento a través da voz, etc.), así como outras actividades como videoforums, xornadas informativas, cursos, etc.

Destacamos a importancia desta inversión para seguir avanzando cara un cara unha sociedade máis xusta e igualitaria. Este centro é un espacio fundamental para garantir a atención e o apoio ás mulleres en todos os ámbitos da súa vida. Con estas melloras, queremos asegurarnos de que o persoal técnico conta cos recursos e ferramentas necesarias para realizar esa atención de calidade que prestan, nas mellores condicións posibles.

Baiona obtivo bos datos de turismo en Semana Santa

0

Baiona pechou o ano 2022 cuns datos históricos de ocupación turística e o 2023 será mellor, tendo en conta os datos de Semana Santa, a Arribada e as previsións para a tempada alta.

Despois do 100 % de ocupación na semana da Arribada, Baiona pechou a Semana Santa cunha ocupación media superior ao 73 % do xoves a domingo (doce puntos máis que en 2022), e do 65 % os sete días (dez puntos máis que o ano pasado), segundo os datos da Oficina de Turismo e do Observatorio de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra.

É o preludio dunha tempada alta que superará os datos do ano pasado, que xa batiron récords históricos cunha ocupación do 69 % en maio; 69 % en xuño; 88 % en xullo; 96 % en agosto, e do 80 % en setembro.

“As previsións son moi optimistas polas reservas que xa teñen confirmadas os hoteis e as residencias de uso turístico; superaremos o 75% de ocupación durante cinco meses consecutivos, algo moi importante para unha vila como a nosa, que vive en gran parte do turismo e o sector servizos”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.

No ano anterior á pandemia do coronavirus, o 2019, as cifras de ocupación foron do 51 % no mes de maio; 57 % en xuño; 67 % en xullo; 88 % en agosto, e baixaron ao 33 % en setembro. Estes datos situaban a Baiona por debaixo de Sanxenxo e O Grove.

A situación mudou tras a pandemia. As porcentaxes de ocupación de Baiona xa foron superiores a Sanxenxo e O Grove nas temporadas estivais de 2021 e 2022.

“Estes datos avalan a nosa aposta por desestacionalizar o turismo con diferentes eventos e actividades para facer do municipio un destino máis verde, máis competitivo e máis sostible. Sobre estes tres piares xira a nosa folla de ruta nun sector clave para a economía local e o crecemento da vila”, engade o alcalde.

Entre as iniciativas postas en marcha para desestacionalizar o turismo na vila, destacan os safaris de garranos, os roteiros ‘Baiona Natural’ e o calendario de eventos culturais e de lecer ao longo do ano.

A primavera enche de actividade a Praza do Calvario no Rosal

0

Gozar da Praza do Calvario e de toda a súa contorna durante os vindeiros dous meses. Ese é un dos obxectivos co que nace ‘Primavera na Praza’, un programa de actividades posto en marcha polo Concello do Rosal que ata xuño aglutinará numerosos e variados eventos que atraerán a todos os públicos. “Con este novo programa empregamos a cultura non só como actividade de lecer para os veciños, senón tamén como forma de convivencia e de encontro social para desfrutar do Rosal”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As actividades arrancarán esta mesma fin de semana coa Feira do Libro o 23 de abril, toda unha xornada na que o público poderá achegarse á literatura a través de diferentes espectáculos para distintas idades. O xoves 27 de abril a Praza do Calvario acollerá a visita do foodtruck ‘Galicia sabe a mar’, co que se poderán degustar de balde produtos galegos do mar en horario de mañá e tarde.

Barafunda inaugurará o mes de maio co seu espectáculo infantil ‘Pinga-Pinga’, co que os máis pequenos e pequenas poderán aprender a facer un uso responsable da auga. Será o sábado 6 ás 12.00 horas. O seguinte sábado, 13 de abril, será a quenda do Festival da Asociación de Comerciantes do Rosal, ACOR, coa súa Feira de Oportunidades, torneo de petanca, música, comida, xogos, concursos… durante todo o día.

O Día das Letras Galegas, o 17 de maio, a Praza do Calvario acollerá ‘A Festa da nosa lingua’, unha tarde chea de actividades musicais con grupos locais coas que homenaxear tamén a Francisco Fernández del Riego. O sábado 20 de maio volven as actividades para público infantil co espectáculo de monicreques ‘Toribio de Mañón’, de Viravolta Títeres, que achegará a historia do famoso bandoleiro galego á cativada a partir das 12.00 horas.

O mes de xuño comezará coa sesión vermú o día 10 amenizada co grupo musical Tonichi&Pacheco e rematará o día 28 coa conmemoración do Día do Orgullo, na que haberá dende as 19.30 horas ‘Skeirrum’ polo centro do Calvario e a actuación musical de Terapia de Grupo.

As persoas interesadas en participar no programa Tempo de Lecer aínda poden inscribirse

0

O Concello de Mos pon en marcha os seus cursos de Tempo de Lecer 2023 elixidos polas Asociacións nas que se impartes. Algúns dos cursos comezaron xa, pero aínda teñen prazas libres dispoñibles. No calendario adxunto especifícanse os cursos con inicio durante o presente mes de abril.

Un total de 19 asociacións mosenses participan na nova edición do programa municipal Tempo de Lecer. Os cursos do programa Tempo de Lecer están dotados de 40 horas de clase.

Os obxectivos do programa municipal Tempo de Lecer son fomentar o asociacionismo na vida sociocultural e comunitaria, facilitar ás persoas de Mos a posibilidade de ocupar o seu tempo de lecer con actividades de ocio  formativas adaptadas ás súas posibilidades  económicas, promover a participación social entre as persoas que máis o precisen, proporcionar alternativas de lecer no seu medio máis próximo e fomentar o uso do tempo de lecer en equipo.

O sistema para organizar e levar a cabo este programa é o seguinte: ofértase un listado dos diversos obradoiros, diferenciados por áreas. É a asociación a que elixe nos que desexa participar. 

A data e horario dos obradoiros son elixidos polas asociacións que os solicitan, adecuándose ás súas necesidades.

Este programa está dirixido a tódolos veciños e veciñas maiores de 14 anos, empadroados no Concello de Mos ou que sexan membros dalgunha asociación inscrita neste Concello. O custo dos cursos para as persoas participantes é de 1 € por hora.

O programa Tempo de Lecer 2023 conta con diversos obradoiros que solicitaron nas asociacións. Son 19 asociacións as que solicitaron este ano participar no programa. En todo o ano teñen posibilidade de facer un total de 40 horas de obradoiro. Poden facer 2 obradoiros 20 h cada un.

O custo por hora dos obradoiros é de 1 € por hora para os participantes e o Concello asume a diferenza do custo completo de cada obradoiro.

As persoas que estean interesadas en participar neles deberán chamar directamente ao teléfono da asociación.

Ponteareas estará presente no Consello Autonómico de participación infantil e xuvenil

O Concello de Ponteareas estará presente no Consello Autonómico de participación infantil e xuvenil. Juan Vázquez, estudante do CPR La Inmaculada e integrante do grupo de participación infantil e xuvenil de Ponteareas ‘Mentes Novas’, dará voz á vila na sesión de constitución deste consello, un órgano que busca artellar a intervención de nenos e mocidade nun espazo para que se exprese, propoñan ideas e tomen decisións.

Esta iniciativa é o resultado dos esforzos realizados por parte de UNICEF e de todos os concello que contan co selo de ‘Cidades Amigas da Infancia’, como Ponteareas, por contar en Galicia cun grupo autonómico de participación infantil e xuvenil. A súa creación foi aprobada por decreto e recoñece o protagonismo social das nenas, nenos e adolescentes e o seu dereito a ser escoitadas e escoitados nos asuntos que lles afectan.

Para a alcaldesa, Cristina Fernández, é “un orgullo ver o traballo que están a desenvolver dende ‘Mentes Novas’ para dar voz e voto á infancia e á mocidade da nosa vila en todos os foros nos que temos a oportunidade de facelo”. A rexedora salientou que a súa participación en iniciativas como o Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil é “unha grande oportunidade de escoitar e aprender dos nosos cativos e cativas para as persoas que traballamos nas institucións públicas”.

O grupo estará formado por 30 representantes infantís e xuvenís de toda Galicia, que se reunirán o vindeiro venres 21 de abril na Cidade da Cultura de Galicia para dar comezo á súa actividade.

A participación no Consello é unha mostra máis da importancia que ten para o Concello de Ponteareas a infancia. A vila está recoñecida dende hai dous anos como Cidade Amiga da Infancia polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Instituto Universitario de Necesidades e Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA) e Unicef España. Trátase dun recoñecemento ao exercicio de responsabilidade feito polo Goberno municipal para poñer no centro das decisión políticas a un grupo de poboación que é presente e futuro da sociedade.

O Día do Libro centra as actividades desta semana na Guarda

0

A Guarda continúa coas celebracións do Mes do libro concentrando diversas propostas literarias e a campaña comercial a Ruta do Libro. Chegado a seu punto medio, nesta semana concéntranse diferentes propostas co que sen dúbida é o prato forte: o desconto do 10 % na compra de libros durante o fin de semana. Coñezamos en detalle a programación de cada unha delas.

O venres 21 de abril ás 20:30 horas o escritor Samuel Ferro presentará no Centro Cultural o libro “Tierra de leyenda I, El legado de Breogán”.Unha novela ambientada  na Galicia medieval que aborda as penurias de Martín, un rapaz de 1351 que se ve obrigado a sobrevivir como pode, e maiormente ao marxe da lei. Tui, Salvaterra e A Guarda serán lugares onde se centre parte da acción desta historia.

A mañá do sábado 22 estará adicada ás crianzas e familias co Contacontos “Lucinda e o inspector Vinagre”, ás 12:30h. Na Biblioteca Municipal. Un evento lúdico e de lecer que mediante a música, a danza, a manipulación de obxectos e a narración afondará nos valores e emocións relacionados coa flexibilidade, a tolerancia, a agresividade ou o amor. O espectáculo está pensado dende unha dimensión educativa e participativa na que se integra a toda a familia, as idades recomendadas para as crianzas é entre 3 e 7anos.

A actividade correrá a cargo de Maga de Voz, cooperativa liderada por Cristal Méndez e Paolo Rosi, que se ocupa do desenvolvemento e benestar das persoas a través das artes escénicas (música, danza, teatro), e que está especializada no canto moderno e na cantoterapia.

O domingo 23 de abril ás 18:00 h da tarde a Igrexa Parroquial acolle o concerto “Se cantas es ti que cantas…”, a cargo do coro Cantares de Brueiro capitaneado por Tino Baz e no que os asistentes poderán gozar dun concerto elaborado con moito agarimo e paixón. Neste concerto Cantares do Bueiro se centra na música tradicional popular galega, misturada con pezas propias e clásicas galegas de autores e autoras moi coñecidas por todos e todas, seguindo a liña marcada dende os seus inicios alá polo ano 2014.

Mais sen dúdiba o plato forte terá lugar durante todo o fin de semana, ao poder mercar os libros cun 10 % de desconto mais d agasallo dunha rosa, tanto na xornada do sábado 22 o domingo 23.

Lembramos que a Ruta do Libro, coa que se pode conseguir unha bonita mochila de tela coa imaxe da campaña polo gasto de 30€ en libros, seguirá activa ata o 30 de abril. Dirixíndose os lectores ata a Biblioteca Municipal en horario de 17 horas a 20 horas. De luns a venres, onde poderán canxear o seu ticket polo agasallo.

“As nosas Conquistadoras” homenaxea a mulleres destacadas das parroquias de Redondela

0

“As nosas Conquitadoras” nace como continuación da xa coñecida exposición “Conquistadoras” do Concello de Redondela. A alcaldesa Digna Rivas explica que “este goberno comprométese coa loita pola igualdade durante todo o ano, por iso a intención desta actividade é alongar a programación do 8M, para que non quede nun só día. Os meses de marzo e abril están dedicados ás nosas Conquistadoras, homenaxeando a unha muller de cada parroquia escollida pola asociación de veciños correspondente”.

Ademais do acto organizado coas asociacións de veciños, entrégase un ramo de flores e un retrato orixinal feito en directo pola artista Alba Fernández Troitero e que quedará exposto no Centro Cultural de cada parroquia. “Desta forma as mulleres quedan representadas para sempre na Casa da Cultura correspondete como homenaxe e recordo do seu traballo e a súa historia de vida, moi importante para os veciños de cada zona”, engadía Rivas.

A primeira homenaxe no marco deste programa foi o domingo 19 de marzo en San Esteban de Negros a Mercedes Portela Rodríguez, escollida pola Asociación de veciños de San Esteban polo seu traballo como carteira en correos durante moitos anos.

Esta fin de semana, o día 15 de abril celebrouse o acto das nosas Conquistadoras na parroquia de Ventosela onde homenaxeuse a Celsa Míguez Bouzón (100 anos), escollida pola súa parroquia por ser a muller de maior idade. O domingo 16 de abril foi a quenda de Saxamonde coa Conquistadora Sofía Vilaboa Otero (96 anos), tamén escollida pola súa parroquia por ser a de mallor idade.

A intención deste acto é, polo tanto, recoñecer o valor das mulleres redondelás cun homenaxe na súa propia parroquia. Achegando a loita pola igualdade a todos os lugares sociais e de promoción cultural do municipio. “As Nosas Conquistadoras  segue a liña da exposición Conquistadoras. Quérese deixar constancia da historia de vida e o esforzo de moitas mulleres de Redondela que, dende o seus ámbitos de vida persoais e profesionais, foron quen de ‘conquistar’ o dereito a ser elas sen necesidade de pedir o permiso deles”, conclúe Digna Rivas.

‘Voces Novas’, altofalante da infancia e mocidade tomiñesa no Consello Autonómico de Participación Infantil

0

Tomiño contará con voz propia no Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil. Será a través de Irene Pereira, unha das integrantes do Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, que foi seleccionada para formar parte deste órgano co que se procura xerar un novo espazo para que nenos, nenas e mocidade poidan expresarse, propoñer ideas e formar parte activa da toma de decisións en temáticas que lles afectan de forma directa.

O consello estará composto por 30 representantes das nenas, nenos e adolescentes de toda Galicia, que se reunirán o vindeiro venres 21 de abril na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela para dar comezo á súa actividade. Ao longo do ano, todas e todos os integrantes deste órgano manterán reunións para abordar diferentes temáticas a nivel autonómica e para facer propostas de mellora á Xunta de Galicia. 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “a importancia de que a infancia e a mocidade tomiñesa teña voz e voto nunha iniciativa que pode marcar as pautas das políticas relacionadas coa mocidade a nivel galego”. Pola súa parte, a concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, salientou tamén o orgullo que é para Tomiño “ver o traballo que están a desenvolver os e as integrantes de ‘Voces Novas’, a súa implicación e o seu esforzo por ser altofalante dos seus veciños e veciñas en todos os foros posibles”.

Mos forma aos seus maiores no uso da tecnoloxía móbil

0

Desde o Concello de Mos, concretamente desde a Concellería de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, infórmase dunha nova formación TIC para maiores, que comezará o vindeiro 20 de abril.

A iniciativa ten por obxectivo a promoción do envellecemento activo e a mellora da calidade de vida a través da tecnoloxía (subvencionado pola Consellería de Política Social e Xuventude), que desenvolve o Concello de Mos, xunto con Fundación Esplai, á que está adherido desde o ano 2016.

O proxecto TIC para o benestar das persoas maiores, financiado pola Xunta de Galicia a través da convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF, busca promover unha vida digna e independente das persoas maiores de 55 anos en Galicia.

Ademais, a través da alfabetización dixital promociónase o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores. O acompañamento e a empatía son dúas das ferramentas fundamentais destes talleres para que as persoas maiores consigan unha maior aprendizaxe e unha maior autonomía coas tecnoloxías.

O título do curso é “Alfabetización dixital a través do smartphone (móbil)” e desenvolverase durante 6 sesións:

  • 20 abril.- 1ª Manexo básico do smartphone. (Partes básicas do teléfono, sistema operativo, panel de notificacións, conexión a Internet, organización do menú de inicio, boas prácticas para a recuperación de espazo, etc.)
  • 27 abril.- 2ª Aplicacións para a vida diaria. (App Play Store, Google Lens, Sergas Móbil, Google Maps, Moovit, etc.)
  • 4 maio.- 3ª Navegación por Internet. (Conceptos básicos, barra de ferramentas, identidade dixital, etc.)
  • 11 maio.- 4ª Comunicación por Internet. (Conceptos básicos, cartafoles do correo e operacións: ler, responder, reenviar, borrar, etc.)
  • 18 maio.- 5ª Ciberseguridade. (Marco conceptual e contextual en España sobre ciberdelitos, liña de axuda 017, boas prácticas aplicadas por nós e por terceiros
  • 25 maio .- 6º Aplicacións e webs para o lecer e estimulación cognitiva. (Aplicacións, webs, outros dispositivos tecnolóxicos e entrega de diplomas)

Impartirase na Axencia de Colocación de Mos, Avda. Peinador, 39, Mos en horario de 16:00 h a 17:30 h da tarde e para inscribirse é preciso chamar ou escribir á Axencia de Colocación do Concello de Mos: 986487786 ou [email protected].

Novas accións formativas de SmartPeme esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta ata o xoves 20 de abril novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións centraranse en ciberseguridade, posicionamento orgánico en buscadores, a emisión de eventos en liña de xeito profesional e a optimización do Cociente de Conversión entre outras cuestións.

Mañá martes 18 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “CRO: Como mellorar as ventas da túa web”. Nel, as persoas participantes aprenderán a identificar o concepto do CRO (Optimización do Cociente de Conversión) e técnicas básicas para transformar visitantes ao sitio web en clientes. O taller estará impartido por Esther Garcinuño, enxeñeira técnica en Informática con máis de 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

O mércores 19, SmartPeme organiza dúas actividades. A primeira delas será ás 11:00 horas, “Copywriting para empresas turísticas” e nela as persoas participantes coñecerán as técnicas de escritura que se poden aplicar para crear textos de venda, empregando palabras que conecten coas persoas viaxeiras para convertelas en clientes do destino, aloxamento ou actividade turística. Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo e con máis de dez anos de experiencia no sector turístico, impartirá este obradoiro.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, será a quenda do obradoiro “Iniciación ao SEO I: Conceptos, palabras clave e primeiros pasos”, que achegará ao alumnado os conceptos básicos do posicionamento orgánico en buscadores para aumentar o tráfico á web, con referencia ás palabras clave, os factores SEO na páxina web. Impartirao Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla experiencia e traxectoria profesional no asesoramento de empresas no ámbito da comunicación dixital e o márketing online.

Por último o xoves 20 tamén están previstos dous cursos. Ás 11:00 horas celebrarase a sexta sesión de “Como emitir o teu evento en liña de maneira profesional”, centrado en mellorar os eventos en liña que se realizan cos e coas clientes, a difusión do contido e, en xeral, calquera comunicación empresarial online. Abordarase o uso da cámara e o audio virtual  e a integración de Zoom en OBS. O obradoiro será impartido por Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D con máis de 4 anos de experiencia impartindo formación.

E ás 17:00 celebrarase o taller “Apps para axendar citas no teu negocio”, dirixido a axudar as persoas participantes a coñecer as ferramentas en liña para automatizar os procesos de calendarización de citas, os seus tipos e as súas vantaxes. Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa, será a encargada de ofrecer este obradoiro.

Fin de semana de bádminton en Baiona

0

Durante esta fin de semana tivo lugar, no Pavillón Municipal de Baiona, a última xornada da Liga Nacional Bronce na que o Club Escola Rosalía Peixes Vimar finalizou na sexta praza tras caer por 2 apretados 4-3 ante IES La Orden, campión da competición, e os malagueños do Larios Rental Jorge Guillén.

Os galegos tentaron pelexar polas prazas de ascenso pero non puideron conseguir o obxectivo, aínda a pesar de realizar unha gran competición e de contar coas baixas de xogadores importantes nas súas filas como David Durán, Martina Servetti, e de que Paula Espinosa lesionásese no primeiro enfrontamento contra CB Valladolid o que lle obrigou a xogar minguada de facultades.

En canto á competición o IES LA ORDEN (Huelva), CB MAO (Menorca) e CIDE (Mallorca) coparon o pódium, mentres que descenden a segunda división CB ALFAJARIN (Zaragoza) e CB RONDA (Málaga).

Gran ambiente durante toda a fin de semana nas bancadas baionesas con máis de 120 xogadores e xogadoras animando aos seus respectivos equipos o que fixo que por momentos o Pavillón de Baiona fose toda unha festa.

Na entrega de premios estiveron presentes José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Carlos Gómez, alcalde de Baiona, Rodrigo Sanjurjo, presidente da Federación Galega de Bádminton e delegado da Federación Española de Bádminton no evento, Jesús Gómez, presidente do Club Escola Rosalía Peixes Vimar e Andrea Pérez, concelleira de Deportes do Concello de Baiona.

Este evento estivo patrocinado pola Federación Española de Bádminton e o Concello de Baiona e contou co apoio do Consello Superior de Deportes, a Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Asociación Escola Rosalía de Castro e das firmas privadas da Federación Española de Bádminton O Corte Inglés, Iberdrola, Loterías e Apostas do Estado e Yonex.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, agredece “a implicación dos organizadores neste evento que atraxo ata Baiona a un gran número deportistas durante esa fin de semana para disfrutar de esta disciplina”.

Esgotadas todas as rutas de maio dos “Bosques Terapéuticos”

En pouco máis de media hora esgotáronse esta mañá as 120 prazas das oito rutas dos “Bosques Terapéuticos” programadas pola Deputación para o vindeiro mes de maio. E ao igual que ocorreu cos itinerarios de abril, a Illa de Tambo volveu ser a ruta máis demandada, de xeito que as prazas para este espazo natural cubríronse en cuestión de minutos.

Os percorridos do mes de maio terán lugar todos os sábados e domingos e espallaranse pola Fervenza do Toxa (Silleda), o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín), a Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade), a Illa de Tambo (Poio), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), o Río Eifonso (Vigo) e pola contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro). En concreto, o día 6 de maio os “Bosques Terapéuticos” chegarán ata a Fervenza do Toxa, mentres que o 7 e o 13 recalarán no Lago de Castiñeiras e o día 14 na Carballeira de San Xusto. O sábado 20 de maio continuarán pola Illa de Tambo e o domingo 21 pola Ruta da Pedra e da Auga. Finalmente, o día 27 de maio o programa chegará ao Río Eifonso e o 28 percorrerá a contorna da Ponte Colgante do Lérez.

A inscrición para os baños de bosque de xuño abrirase o 15 de maio, mentres que para as de xullo arrancará o 12 de xuño e para as de agosto, o 17 de xullo. En todos os casos, este prazo rematará dous días antes da ruta. As persoas interesadas da provincia poden formalizar a súa solicitude a través da páxina web da Deputación www.depo.gal. Para cada un dos percorridos ofertaranse 15 prazas, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento da actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

A Guarda inaugura a Praza Tito Lemos e o nomea Fillo Adoptivo

0

O Concello da Guarda e a Asociación Pro-Homenaxe “Tito Lemos”, continúan coas accións para por en valor a figura do médico falecido en novembro de 2019, tendo en conta a súa ampla traxectoria profesional e o seu compromiso e adicación coa cidadanía guardesa, ben coñecida por todos os guardeses, cunha actitude sempre cordial e servicial que deixou pegada nos seus pacientes, familiares e amigos.

Joaquín Lemos Zunzunegui “Tito Lemos”, destacou sempre pola súa calidade humana e é precisamente por este motivo polo que se creou na Guarda a Asociación Pro-Homenaxe “Tito Lemos” que pretende homenaxear a figura deste doutor na Guarda, pola súa traxectoria profesional e persoal vinculada a esta vila, ademais do recoñecemento e agarimo dos seus pacientes e dos seus compañeiros de profesión.

Dentro das accións e obxectivos fixados pola Asociación, destaca o xa inaugurado observatorio no Monte Santa Trega, a declaración como fillo adoptivo na Guarda ou a colocación dun busto diante da que foi a súa clínica, dando o seu nome tamén á praza onde está ubicada.

Na xornada do sábado día 15 de abril o Salón de Plenos acolleu unha emotiva sesión extraordinaria cun único punto na orde do día, a declaración de Joaquín Lemos Zunzunegui “Tito Lemos” coma Fillo Adoptivo da Guarda, sesión plenaria que se seguíu en streaming na canle de Youtube do Concello da Guarda e na que tiveron a oportunidade de intervir os representantes de cada grupo político con representación municipal, así coma os familiares do homenaxeado, que tamén puideron facer o mataselado especial para esta homenaxe.

Unha vez rematada a sesión plenaria, realizouse a descuberta do busto realizado por Magín Picallo na que é, dende este sábado, a Praza de Tito Lemos na Rúa Manuel Álvarez da Guarda.

Dende o Concello da Guarda e a Asociación Pro-Homenaxe “Tito Lemos” agradécese a toda a cidadanía e persoas que interviron nestas accións para manter viva a súa figura.

Doña Anita e Don German, “Arbenses distinguidos 2023”

0

O vindeiro 23 de abril, ás 18:00 horas no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo, terá lugar a Gala da Lamprea da LXIII Festa da Lamprea.

Durante o acto farase entrega dos premios dos concursos da LXIII Festa da Lamprea e do Certame “Brais Alonso”, e ao alumnado do CEIP Antonio Carpinteiro gañadores do Concurso de redacción e debuxo da LX Festa da Lamprea.

Na categoría do deporte tamén entregaranse galardóns pola súa importante labor a favor do deporte en neste caso na disciplina de patinaxe a IRIA GROBA FERNÁNDEZ, CARMEN DE SÁ SIMÓN, MARIA DE SA SIMÓN, CANDELA GIL ALONSO, ELIANA RODRIGUEZ IGLESIAS,  DANIELA RODRIGUEZ IGLESIAS E MARTA ÁLVAREZ ÁLVAREZ, gañadoras do campeonato de Galicia coas súas categorías e subcampeonas de España e en fútbol aos alevins do Arbo, C.F que un ano m ao equipo de Alevín e Biberóns do Arbo, que un ano máis quedarón campións de liga.

En agradecemento a labor desenvolvida e distinguidos como Arbenses Distinguidos 2023, esta Dona Anita e Don German veciños da parroquia de Sela, que dedicarón a súa vida a traballar a favor de Arbo e os Arbenses.

VALENTINA ANA MARÍA MORALES REULA (ANITA) (Barcelona, 1913 – Sela (Arbo), 2015): fiel defensora dos dereitos da muller, pioneira no eido da ensinanza, da cultura e do asociacionismo, en agradecemento pola  labor desenvolvida  en prol de Arbo, e da  súa  parroquia de Sela, tanto na  posta en valor dos seus recursos  como polo  seu compromiso cos arbenses.

Anita foi, por primeira vez, unha muller que ensinaba tanto a nenas como a nenos, derrubando os muros que os separaban na escola; por primeira vez, unha muller era xefa dun home, por ser a directora de tódolos colexios nos que estivo.Unha fiel defensora dos dereitos da muller.

Do seu amplísimo labor social cabe destacar como principios a súa bondade, a súa xenerosidade, a súa acción caritativa e o seu enorme amor e respecto por todos os demais. Alimentou un labor cultural inmenso (editou o seu libro “Elos de Esperanza” como eficaz observadora e estudosa da súa contorna). Creou grupos teatrais, tanto na escola como con adultos. Exemplo é o seu “Grupo Teatral A Lamprea”, creado na parroquia de Sela en Arbo donde os veciños e veciñas acudían a ensaiar moi animosos e entusiasmados.

Na súa parroquia de Sela envorcouse nunha acción apaixoada en todos os ámbitos do seu desenvolvemento social: Nun tempo donde os impulsores de asociacións e colectivos eran homes, Anita foi impulsora, fundadora e primeira presidenta das asociacións de Montes e de Augas de Sela.

Colaborou activamente en medios de comunicación en todas as edicións das Festas da Lamprea e a Augardente de Sela; as súas poesías sempre eran o prólogo atractivo das mesmas. Participaba como xurado no Premio Periodistico organizado durante a Festa da Lamprea.

Eterno sorriso no exercicio dunha vocación comprometida e sen límites. A súa riqueza, sen excepción algunha, o agarimo profundo de toda a comunidade.  Anita deixou unha pegada imborrable na vida dos veciños e veciñas de Arbo, e  sobre todo en aqueles que a coñeceron de preto, así como os alumnos e alumnas que falan dela non só como mestra que ensinaba mates ou lingua, senón como unha persoa que se preocupaba polo ben de todos aqueles que a coñecían.

DON GERMÁN ÁLVAREZ BLANCO: DON GERMÁN (1912 – 2006): en recoñecemento pola  labor desenvolvida  en prol de Arbo, e da  súa  parroquia de Sela, e polo seu compromiso cos arbenses.

Estudou Medicina e Maxisterio. E foi recrutado Alférez Provisional no ano 1936. Ascendeu na Escola Militar de Toledo a Tenente e foi ferido na fronte na batalla do Ebro, en 1938. Durante a guerra, houbo unha iniciativa oficial para apoiar aos soldados que consistiu en que mulleres novas escribían cartas aos soldados para darlles ánimos. Foron chamadas madriñas de guerra. Ao terminar a guerra, Don Germán quixo agradecer a estas mozas o seu apoio durante a dura guerra. Unha a unha foi a coñecelas e mostrarlles o seu agradecemento. O destino quixo que unha delas fose María Ascensión Vieitez -a señorita Nena-, de Sela. Cando Don Germán chegou a Sela el e a súa madriña namoráronse e xa non se separaron ata a súa morte. Don Germán namorouse da que foi a súa esposa e da súa terra, Sela, onde pasou tanto tempo e tantos momentos importantes da súa vida, alí onde foi tan feliz.

Durante 60 anos atendeu en Sela, no consultorio que tiña na casa familiar, a toda persoa que requiriu atención médica ou axuda de calquera tipo: sempre estivo ao dispor de quen lle necesitou. Don Germán prestou atención médica a toda persoa que o necesitou, de maneira altruísta, sen pedir nin esperar nada a cambio, durante décadas. Ademais, axudou por centos de persoas a atopar traballo, a promocionar, a ter traslados máis preto de casa. Escoitou os problemas e preocupacións de todo aquel que se achegaba a compartilos con el e axudou a atopar remedio a todo o que puido.  Don Germán sempre foi, ante todo, unha persoa moi próxima e humilde á vez que un gran profesional. Cun gran corazón, entendía a vida como unha vida ao servizo do outro.

Á casa familiar viña todo o mundo a consultar temas médicos, a compartir con el, a asesorarse ou pedir favor ou axuda, as portas estaban sempre abertas, para todos e para todo. Desde o ferreiro, o ferreiro, que subía todas as tardes a velo, ata Inocencio, o carteiro, ou o xastre de Setados e a súa esposa. Foros moitos os veciños de Sela e arredores que puideron ir a Madrid a recibir tratamento especializado grazas a que Don Germán conseguíalles as citas cos mellores especialistas. Por exemplo, xunto ao seu bo amigo Pepe Martínez, galego, Xefe de Servizo de Traumatoloxía do Hospital da Paz, conseguiu que moitas persoas fosen a Madrid a operarse, especialmente de cadeira.

Don Germán axudou a todos e en todo: se alguén cantaba ben, conseguíalle unha audición. Se quedaba afónico polos nervios, conseguíalle unha segunda oportunidade. Colocou a pais, fillos e netos. Se non tiñan nada, el leváballos a casa ata que conseguían traballo. Son centos as persoas que acudiron a el e atoparon axuda grazas a el.

Don Germán chanceaba dicindo que a casa de Sela era a súa querida, unha querida moi cara, o seu tesouro máis prezado. El coidaba esa leira, esa casa, coas súas propias mans. As horas que non pasaba atendendo a persoas dedicábaas a cavar, plantar, arranxar ou regar a leira para que sempre estivese preparada para recibir a familia e amigos.

Don Germán sempre dixo que, se existía o paraíso terreal, sen dúbida en Sela é onde debían estar Adán e Eva. E é que, a pesar de que a súa esposa faleceu 25 anos antes que el, el sempre mantivo o seu agarimo por Sela e a súa xente e ata o último día pasou alí o tempo que puido, ofrecendo todo o que tiña a quen o necesitase.

E é que, sen dúbida, don Germán, Leonés de nacemento, era Selense (e Arbense) de corazón.

O remate do evento terá lugar a actuación de MARÍA DO CEO.

Os percebeiros de Baiona defenden en Santiago os intereses das familias da vila

0

A Cofradía de Baiona manifestouse a mañá do sábado en Santiago de Compostela en defensa da actividade dos percebeiros da vila, dos que dependen máis de 115 familias.

Contaron co apoio do alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e doutros membros do grupo de goberno local.

O alcalde demanda á conselleira do Mar, Rosa Quintana, “que ratifique por escrito e antes das eleccións municipais do 28 de maio o acordo ao que chegou cos percebeiros da nosa vila”.

Rosa Quintana comprometeuse nun encontro coa cofradía de Baiona “a respectar as zonas vedadas á extracción de mejilla, pero polo momento o seu compromiso é papel mollado, un compromiso verbal”.

O grupo de goberno local apoia as reivindicacións da Cofradía de Baiona e do seu patrón maior, Roberto Cabral, xa que da actividade percebeira dependen máis de 115 familias da vila.

Xunto a outras cofradías, esixen á Xunta de Galicia desde hai semanas que se respecten as zonas vedadas á extracción de mejilla, que agora están recortando desde a Consellería de Pesca polos problemas dos bateeiros.

“Os percebeiros de Baiona necesitan traballo e actividade, sobre todo cando os tramos de litoral que teñen reservados en Galicia supoñen só o 16% do total”, lembra Gómez Prado.

“Non é admisible apoiar a un sector a costa de perxudicar a outros; os percebeiros esixen o cumprimento da normativa actual e que se respecten escrupulosamente os plans de xestión do percebe, que a Xunta modifica sen informes técnicos que avalen esta decisión. Ou, cando menos, non fai públicos estes informes”, remata o alcalde.

Alumnado de francés do IES Antón Alonso Ríos mergúllase na vida parisina

0

Mergullarse na cultura, na vida e na sociedade francesa, coñecendo de primeira man a realidade do país veciño e completando a formación recibida nas aulas. Ese era o obxectivo da viaxe a París organizada polo Departamento de Francés do IES Antón Alonso Ríos, cunha actividade didáctica a través da que 63 estudantes de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato acompañados por 4 docentes gozaron da rúas parisinas mentres “desenvolvían os contidos comunicativos e socioculturais que se traballan na aula, contribuíndo á formación integral do alumnado”, como sinala Mar Cobeta, xefa do departamento.

Comezaban así unha inesquecible viaxe que se retomaba tras tres anos de pandemia e que puido facerse realidade grazas á colaboración e implicación da comunidade educativa, ANPA e Concello de Tomiño. Con moito entusiasmo, mozos e mozas prepararon e gravaron os podcast coas presentacións das visitas para facer de guías dos seus propios compañeiros e compañeiras e descubrir por eles mesmos os lugares máis representativos de París.

Quedaron impresionados pola visita da Conciergerie, o pazo máis antigo de París, cárcere na revolución e antesala da guillotina. “Entraron nas celdas de María Antonieta e Robespierre e comprobaron a interminable lista de persoas condenadas polo Tribunal Revolucionario”, explica Cobeta. Pero tamén descubriron o animado e bulicioso Barrio Latino, a Universidade da Sorbona, o Panteón e os xardíns de Luxemburgo.

Na súa estancia tamén se sorprenderon coa peculiar arquitectura do Museo de Arte Moderno de París, o centro George Pompidou, e tiveron a ocasión de participar no animado ambiente do barrio de Beaubourg. Percorreron os Campos Elíseos dende o Arco do Triunfo ata a Praza da Concordia, subiron ao último piso da torre Eiffel para gozar dunha marabillosa vista de todo París e “no museo Louvre foron capaces de atopar nun tempo récord todas as obras recollidas nos seus podcast”. Unha das actividades que máis desfrutaron foi sen dúbida do cruceiro polo río Sena, “con todos os edificios emblemáticos de París iluminados e a torre Eiffel resplandecente quedaron todas e todos cativados para sempre pola maxia da Cidade da Luz”.

O último día da viaxe visitaron Versalles, que puideron percorrer con audioguías e en bicicleta grazas á colaboración do Concello. Coñexeron o pazo e pasearon en bici polos seus inmensos xardíns, de gran beleza e suntuosidade, que as e os trasladaron directamente aos séculos XVII e XVIII.

Cinco intensos días nos que rapaces e rapazas achegáronse dunha forma directa e divertida ás intrigas de palacio das que foron testemuña os muros do Pazo de Versalles, ao papel no desenvolvemento da democracia dalgúns edificios emblemáticos da capital francesa ou ás razóns polas que París coñécese como a Cidade da Luz, “unhas leccións inesquecibles na que para moitos e moitas das participantes foi a súa primeira viaxe internacional”. E non podía faltar o lecer, xa que por primeira vez dentro desta actividade didáctica puideron visitar Eurodisney e desfrutar dos espectáculos nocturnos e dos famosos fogos artificiais do emblemático parque de atraccións.

Tras a experiencia, alumnos regresaban a final da semana ás súas casas “esgotados pero entusiasmados despois dunha intensa e produtiva viaxe a París na que puideron coñecer o máis representativo da cidade e vivir tamén de primeira man o momento histórico de mobilización social en Francia”.

Dende o Concello quérese agradecer o traballo e esforzo do Departamento de Francés para realizar cada ano esta importante actividade didáctica, así como a implicación do propio IES Antón Alonso Ríos, das familias, da comunidade educativa e da ANPA para que rapaces e rapazas puideran gozar dunha experiencia única.

Pola súa banda, dende a organización quíxose salientar o compromiso de todos os participantes, profesorado e alumnado, “xa que sen ela sería imposible mover un grupo tan numeroso nunha cidade tan grande”. “Moitas grazas ás profesoras do Departamento de Francés, Natalia Cordeiro e Andrea Rodríguez; ao profesor do Departamento de Historia, David Vale; e á docente do Departamento de Física e Química, Isabel Fernández, por acompañar ao alumnado e contribuír a facer realidade esta experiencia inesquecible”, recalcan.

Primeira edición do ano dos “Bosques Terapéuticos”

“Desconectar móbiles. Observar a luz solar que penetra entre as follas das árbores. Percibir os sons e aromas que nos rodean. Camiñar devagar en silencio. Deixarnos levar, respirar profundamente, desfrutar do momento. E sentirse parte da experiencia”. Estas son as pautas a seguir en cada ruta dos “Bosques Terapéuticos” e volveron escoitarse e sentise no arranque da nova edición deste programa que tivo lugar coa estrea do percorrido polo Lago de Castiñeiras, un dos parques forestais máis antigos de Galicia, do que desfrutaron as persoas participantes xunto á deputada Noemí Outeda.

Nesta primeira sesión das 38 con que contarán este ano os “Bosques Terapéuticos”, os guías Sergio Portela e Siegrun Bischof conduciron ás persoas participantes nun percorrido ao redor do lago, no que houbo paradas ante as especies arbóreas máis singulares do recinto, como o paseo de tuias existente ou un dos cedros con que conta a contorna. A masa forestal que rodea a lagoa, situada entre os termos municipais de Vilaboa e Marín e que conta con castiñeiros, bidueiros, exemplares de carballo americano e outras especies exóticas, foi creada a partir dos anos 50 do pasado século polo enxeñeiro Rafael Areses, pero probablemente ten a súa orixe nas primeiras plantacións do plan de reforestación da provincia de Pontevedra elaborado pola Deputación e iniciadas no ano 1927. “Con esta ruta tamén poñemos en valor este enclave situado fóra da costa, no alto dunha montaña, e que ten gran interese como espazo rural, agreste e de montaña”, explicou Portela. Trátase dunha ruta totalmente accesible para persoas con mobilidade reducida.

Despois desta estrea, o domingo tivo lugar a segunda das rutas, tamén por un novo itinerario, a Carballeira de San Xusto, no municipio de Cerdedo-Cotobade, para a que ao igual que as restantes que quedan para este mes de abril as prazas están xa esgotadas. Porén, as persoas interesadas poderán anotarse a partir do luns 17 para as oito rutas previstas no mes de maio, a través do formulario que atoparán a partir das 9 horas na web da Deputación (www.depo.gal). Os percorridos de maio celebraranse os sábados e domingos e serán o día 6 na Fervenza da Toxa; os días 7 e 13 no Lago de Castiñeiras; o 14 na carballeira de San Xusto; o día 20 na Illa de Tambo; o día 21 a Ruta da Pedra e da Auga; o 27 no Río Eifonso e o 28 pola contorna da Ponte Colgante do Lérez.

Son 15 prazas as ofertadas en cada sesión, tendo en conta as especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se necesitan para o desenvolvemento desta actividade. Por iso as visitas, destinadas a público xeral (os e as menores deberán ir acompañados) e cunha duración de entre hora e media e 2 horas, comezarán ás 10 horas para a procura de tranquilidade e conexión coa natureza. Ademais as persoas participantes deberán gardar as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola persoa guía.

Nigrán estrea un gran mural na Ramallosa

0

A desbordante beleza da ‘Dona do Esteiro’ asolaga xa o núcleo urbano da Ramallosa ata convertelo nun lugar irrecoñecible. Este ‘milagre’ natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e prantas é obra da artista internacional Lula Goce, a quen o Concello de Nigrán contratou a transformación da gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira. Tras tres semanas pintando neste espazo anodino pero de gran afluencia de xente o resultado final impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares.

A artista nacida en Baiona e con taller en Nigrán concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. Así, no 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón. Todas pezas contratadas polo Concello e ás que agora se suma ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia… “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa.

“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da Piscina Mancomunada, o parking municipal e toda a zona comercial, á que queremos apoiar con esta baza positiva. A transformación que supón da contorna é espectacular e a acollida da xente marabillosa; será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, considera o alcalde, Juan González, quen avanza que o propio terreo onde se ubica será tamén humanizado polo Concello para facer del un verdadeiro punto de encontro entre a veciñanza.

Unha vez máis, como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. “A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso”, explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.

A gran novidade neste traballo é que, por vez primeira, empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da ‘Dona do Esteiro’ a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido as circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo adica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle plantexa”.

Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola da Dona, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro. Nas súas próximas citas estará en Requena para pintar unha bodega de cava, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, Suíza, Detroit, Santiago, Doha e Mallorca.

Digna Rivas presenta o seu equipo para as eleccións municipais

0

Esta fin de semana, Digna Rivas, presentaba o seu equipo para as eleccións municipais do 28M coa intención de dar a coñecer máis de preto as persoas coas que traballará os vindeiros 4 anos. O lugar escollido para o acto foi a Praza de Ponteareas, por ser “un lugar símbolico e representativo da miña xestión no goberno. Demostrando que se pode avanzar e transformar infraestructuras degradas para melloralas e ofrecer mellores servizos á cidadanía. Redondela hoxe é progreso e luce transformada gracias o apoio das persoas que escolléronme como alcaldesa. Avanzamos contigo é a única forma de resumir a importancia da implicación cidadán no benestar do Concello e o municipio”, explicaba Rivas.

O evento estivo amenizado polos músicos Xulio Lorenzo e Diego Bea e incorporáronse elementos audiovisua como apoio á presentación. María Rita Pérez Táboas, Secretaria de Organización do Partido Socialista de Redondela, abría o acto dando “as gracias unha vez máis por estar hoxe aquí e por demostrar con esa presenza o voso compromiso, ese xeito de ser que as e os socialistas levamos no ADN e que nos fai traballar, con cada xesto por moi pequeno que pareza, a prol dos nosos veciños”.

Despois de ofrecer un vídeo resumo de todas as persoas que conforman a lista, estas foron incorporándose de forma ascendente segundo o seu posto. Pilar Martínez foi a encargada de dar paso á número un, Digna Rivas, cun discurso no que tendeu a man con ilusión para ofrecer o seu traballo e experiencia. “Estou aquí, estamos aquí, para o que necesitedes, coa seguridade de que faremos todo o posible para solucionar os problemas que se presenten. A mentira ten as pernas moi curtas. Non vos fiedes de promesas que non se poden verificar. A dereita e os seus políticos no Parlamento son o mesmo que en Redondela”, dicía no seu discurso Martínez.

Digna Rivas describía a súa equipa como “homes e mulleres comprometidos cos seus veciños e veciñas; persoas dispostas a traballar arreo para mellorar Redondela. Xente nova, comprometida a nivel deportivo, social, cultural e veciñal. Xuventude  vinculada estrictamente a Redondela. Homes e mulleres dispostos a mellorar, co seu esforzo o nivel de benestar da veciñanza e, volvo a repetir, sin mirar a cor política. Iso é, simplemente, o significado da palabra compromiso que todos e cada un delas e deles teñen perfectamente asumido”.

Durante o acto a número un do PSdeG de Redondela tivo palabras críticas para a xestión da Xunta de Galicia, pois segundo explicaba “hai catro anos, a Xunta  bloqueou toda canta iniciativa propúxose dende o Goberno que presido e, o que é aínda máis grave, co aplauso do PP local ao que lle daba igual que o Goberno da Xunta, o que debería ser o Goberno de todas e todos os galegos, prexudicaba e vulneraba os dereitos das e dos redondeláns. As reforma da Avenida Mendiño e a Avenida de Vigo en Chapela son dous claros exemplos de partidismo levado ao seu punto máis extremo”. Engadía o importante papel da Deputación de Pontevedra para levar a cabo os proxectos do seu goberno, “Aínda que xa o dixemos por activa e por pasiva, é preciso volver a repetilo: foi a Deputación de Pontevedra á que brindou axuda aos concellos e, como goberno socialista que é, o fixo sen mirar a cor política dos concellos que precisaban de recursos. É así como traballamos as e os socialistas, antepoñendo as necesidades da cidadanía a calquera consideración partidista”.

Rivas apoiouse nos feitos e nos poxectos realizados nos últimos 4 anos para defender a súa candidatura, destacando “a recuperación de espazos infravalorados para o esparexemento da cidadanía como é o caso da Senda Verde (convertido nun dos lugares de ocio por excelencia do municipio) ou a humanización e reforma da Av. de Santa Mariña; traballamos arreo para conservar e dar a coñecer o noso patrimonio artístico e cultura. Redondela é o cuarto municipio da provincia e os veciños e veciñas merécense infraestructuras á altura. Así que lle procuramos unha entrada digna na contorna da Praza de Ponteareas, unha das principais entradas á vila, convertida nun lugar de convivencia cidadá e anuncia, as persoas que nos visitan, que están nun concello en pleno desenvolvemento social, económico, político e cultural.

“Como dixen hai catro anos, cando soñabamos con cambiar o rumbo, ou mellor dito, a falta de rumbo dun Concello apático e partidista–, as e os socialistas non prometemos nada nas campañas electorais, nos comprometemos que é ben distinto”, concluía Rivas.

5 primeiros postos da lista

  1. DIGNA ROSA RIVAS GOMEZ        
  2. MARIA DEL PILAR MARTINEZ GONZALEZ         
  3. ANTONIO CABALEIRO COVELO
  4. MARIA RITA PEREZ TABOAS       
  5. PEDRO VILLAVERDE CAMPOS

Luns de San Telmo en Tui

0

Hoxe, luns de San Telmo e festivo local en Tui, será o día grande das festas na honra ao patrón de Tui e dos mariñeiros, cun amplo programa ao longo da xornada coa feira cabalar, os actos relixiosos, os concertos, a verbena…

En San Bartolomeu continuará a Feira Cabalar coa actividade de compra venda de gando dende ás 8 horas. Ao longo da xornada está prevista unha exhibición de Andadura Galega (10h), unha xincana para nenos (11 h) e para público adulto (12 h) así coma a entrega dos Premios Especiais, con galardóns ao Mellor Xinete, Amazona, Cabalo, Poni, Carruaxe, Burro, Mula, Xinete máis xove e Amazona máis xove  e ao Tratante con máis Cabezas, Burros, Ponis e Cabalos (13 h). Ás 13:30 h o público poderá disfrutar de novo co espectáculo ecuestre de Santi Serra Camps, que ofrecerá xa hoxe domingo ás 19 h. Novamente haberá poni club e paseos en carruaxe.

Ás 10.30 h sairá dende a Catedral a procesión pola Coronilla seguida da misa na honra a San Telmo, na que corresponde ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, realizar a ofrenda invocación a San Telmo.

Ás 13 h na Casa do Concello recibirase a delegación de Versmold que até o xoves 20 visita Tui con motivo do décimo aniversario do acordo de irmandade entre Tui e este municipio alemán. A continuación na rúa Ourense terá lugar a entrega do banco da Irmandade.

A fotografía é outra das citas da xornada coa exposición ‘As orixes da fotografía en Tui’ que recolle as imaxes tomadas a finais do século XIX e comezos do século XX polo catro primeiros fotógrafos que contaron con estudo en Tui. E empregando a técnica do ‘colodión húmido’ do século XIX un fotógrafo ambulante da empresa Lab on Wheels volverá estar na praza da Inmaculada.

Xa na parte gastronómica remata nesta xornada a Festa do Meixón que comezou o 1 de abril en distintos restaurantes tudenses.

Nesta xornada festiva a música chegará da man da Banda de Música Popular de Rubiós, das Neves, que ofrecerá un concerto na carpa da Corredoira ás 12.30 h, onde ás 18 h actuará a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. Mentres a charanga Cantos Somos xunto aos Xigantes e Cabezudos estarán na praza da Inmaculada a partir das 17 h.  A orquestra Panorama amenizará a verbena no Espazo Feiral en dous pases ás 19.30 h e ás 23 h.

Ás 19 h está prevista a entrada na cidade da da Banda de Guerra e Guión da BRILAT  que dende a Glorieta de Vigo se trasladará até a praza de San Telmo onde realizará o homenaxe aos confrades de San Telmo falecidos.

Dende a Catedral partirá ás 21 h a solemne  Procesión de San Telmo, unha das máis numerosas que se celebran na zona polo número de imaxes que participan chegadas de todas as igrexas parroquiais do municipio, como polo número de autoridades, agrupacións musicais,  e persoas que participan no percorrido   polas rúas da cidade, até regresar á praza de San Fernando onde terá lugar a ofrenda a San Telmo.

O colofón final das Festas de San Telmo e do día festivo na cidade será, coma xa é tradición, a tirada de Fogos Piromusicais dende os Xardíns de Troncoso, nos que se establecerá un dispositivo de seguridade.  A tirada de fotos de artificio, ao igual que o ano pasado, acompañarase con música.

Andreia Costas, «Magnolia punk e outras arritmias»

Andreia Costas xa nos sorprendeu non fai moito tempo co seu primeiro libro, «Corazón de vaca e outras vísceras», integrado por un monllo de relatos breves que, en certa maneira, nos achegaban a unha linguaxe poética bastante evidente. Nesta nova proposta dá un paso máis e xa se mergulla sen contemplación no terreo da lírica para facernos partícipes da súa intimidade máis fonda, das súas emocións e da súa peculiar maneira de entender o mundo.

Para integrarnos nesta proposta debemos coñecer algúns datos sobre a autora. Muller inqueda, defínese como «filla da emigración e da clase obreira». Naceu en Alemaña e estudou Belas Artes e Deseño á beira do Rin e tamén en Barcelona, antes de retornar ás súas orixes, nos arredores de Vigo. Este periplo vital e máis a súa propia curiosidade, fixeron dela unha muller poliédrica na que se misturan culturas diferentes e distintas maneiras de interpretar o mundo que a rodea. E todo iso amósase con claridade neste poemario que agora nos ofrece.

Estruturado en dúas partes, «Latexo bradiarrítmico» e «Latexo taquiarrítmico», de similar extensión, está integrado por unha presa de poemas nos que se reflicte a vida no seu constante latexar, influenciada a cotío polos elementos externos que rodean ao «eu» poético e que, as máis das veces, provocan respostas defensivas por parte da protagonista. Se os textos seleccionados para a primeira parte son longos e repousados, froito da reflexión máis fonda, os que se nos presentan na segunda son, maiormente, breves e directos, disparos arrebatados de inspiración espontánea. Mais uns e outros teñen un fondo común, que é o que lle dá unidade ao conxunto e que consiste nun espírito de rebeldía, de confrontación cun mundo que se alonxa dos soños dese «eu» poético, das arelas e desexos dunha protagonista que, en realidade, nos representa a todos. Velaí a actitude «punk» que anuncia o título do libro, a da denuncia e o enfrontamento cunha realidade pouco ou nada tranquilizadora.

As referencias a Alemaña e Galicia son constantes, como se formasen parte dun todo unitario. Mesmo chegan a se misturar ambas linguas con naturalidade, e tamén con palabras ou expresións en inglés ou o italiano. E todo forma parte dun plan elaborado que ten como transfondo a universalidade dos sentimentos que latexan debaixo da cada poema, de cada verso, mesmo de cada unha das ilustracións elaboradas pola propia autora, que adobían perfectamente as referencias líricas, centradas na natureza e na proximidade.

O resultado é unha poesía complexa, con clara vocación estética e de compromiso, coa que Andreia xoga a sorprender ao lector. Para iso emprega unha linguaxe coidada e precisa, pragada de referencias persoais e universais coas que marcar o camiño polo que conseguirá que nos vexamos arrastrados cara a ela, para que así poida rabuñarnos a alma e provocar diversas sensacións.

Andreia Costas

«Magnolia punk e outras arritmias»

92 páxinas

A Guarda acolleu a primeira Barferencia de Primavera 2023

0

Unha nova programación de barferencias arrancou este venres no Bar-Restaurante O Couto de Camposancos na xornada deste venres día 14 de abril, unha moi boa oportunidade para ampliar información sobre os últimos traballos arquelóxicos e investigacións históricas realizadas na Guarda e que contou cunha excepcional acollida de público.

Brais X. Currás e Eduardo González Gómez de Agüero presentaron aos máis de 50 asistentes os resultados do estudo do concheiro do Castro Santa Trega, trala intervención realizada no ano 2019. Os concheiros, que son os vertedoiros dos castros, brindan unha gran información sobre a vida dos castros, ao acumular os desperdicios e facilitar a conservación de útiles e outro tipo de restos coma ósos, xoiería, etc.

O Concheiro fala da dieta dos habitantes do Castro Santa Trega polos restos de animais, peixes e mariscos, das súas relacións socioeconómicas, polos restos de vestimentas, armamento, xoias defectuosas, etc. A barferencia foi complementada pola intervención de Óscar García Vuelta, que falou concretamente do estudo da orfebrería a raíz dos restos atopados no cuncheiro.

Para a concelleira de cultura Montse Magallanes as Barferencias “supoñen unha vía moi interesante para a  divulgación do patrimonio da nosa localidade, por medio  deste formato achegamos aos nosos veciños e veciñas a historia e o patrimonio da Guarda dun xeito ameno e participativo, onde se propicia o encontro  e a transmisión dos coñecementos dos ponentes”.

Así, a razón dunha barferencia por mes, nesta primavera poderemos coñecer as conclusións, resultados e relacións co resto de casos galegos e peninsulares do noso pasado prehistórico e medieval.

Para o 11 de maio no Restaurante Os Remos ás 20:00 h. Darase un salto ao pasado medieval da nosa vila, para coñecer mais da muralla da que aínda se conserva un bo lenzo na Rúa Muro e que foi recentemente datada e estudiada por Rebeca Blanco-Rotea e Francisco Alonso Toucido.  Rebeca Blanco é investigadora principal da Universidade do Minho, e unha dos maiores referentes en arqueoloxía da arquitectura e da paisaxe, tendo estudado en profundidade, a través da súa tese doutoral e traballos posteriores a paisaxe fortificada na fronteira galego-portuguesa no contexto da Guerra de Restauraçao (1640-1668).  Francisco Alonso, pola súa parte é investigador da Universidade de Santiago de Compostela, no departamento de Historia I, especialista en cerámica medieval e arqueoloxía medieval.

Por último, o 2 de xuño ás 20:30 h, teremos a derradeira cita adicada no restaurante Casa de la Abuela, onde Luis F. López González, arqueólogo responsable das actuacións de restauración tanto do sector de Mergelina (2018) como da porta norte da muralla do Castro Santa Trega mais recentemente, falaranos sobre os sistemas construtivos empregados nas murallas dos castros, prestando especial atención ao accesos como os lugares máis destacados dos castros.

PROGRAMA “BARFERENCIAS 2023”

XOVES 11 DE MAIO

“Cal é a orixe da antiga muralla da Guarda?”, a cargo de Rebeca Blanco-Rotea e Francisco Alonso Toucido. Ás 20:00 horas no Restaurante Os Remos.

VENRES 2 DE XUÑO

“As murallas dos castros: modelos, reconstruccións e interpretacións” po Luis F. López González. Ás 20:00 horas no Restaurante Casa de la Abuela

A VII Semana das Ciencias arrinca coa presentación da existosa iniciativa Youtubeiras.gal

O auditorio municipal de Ponteareas abre as súas portas á sétima edición da Semana das Ciencias de Ponteareas. Baixo o título “Ciencia e Comunicación” acollerá durante cinco días obradoiros, conferencias, mesas redondas, seminarios, xogos, visitas guiadas e unha feira como colofón final e escaparate da sabedoría científica da comunidade educativa da vila.

O luns 17 ás 10.00 horas inaugurarase unha nova edición coa presentación do proxecto Youtubeiras.gal. A presencia do galego nas redes estes últimos anos viuse impulsada grazas a diversos proxectos, entre eles o de Youtubeiras.gal, que se dedica a promover e fortalecer a creación de contidos en galego en Youtube. Youtubeiras conta cun certame que reparte arredor de 7.500 € en premios nas categorías de youtubeiro/a, canle, vídeo, youtubeiro/a revelación, calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público.

O servizo de normalización lingüística do Concello de Carballo conversará co alumnado arredor da  produción, representación e grandes fitos históricos da cultura pop contemporánea galega (Andrés do Barro, Ana Kiro, Heredeiros, Tanxugueiras…); da representación da sociedade galega e da creación en galego nos medios; da evolución da creación musical e audiovisual e casos de éxito na actualidade; e das vantaxes da diferenciación dos produtos culturais nunha lingua minorizada. Ademais, tamén adiantarán as posibilidades creativas e comunicativas que os novos medios e soportes ofrecen para a creación en galego e o valor da contextualización da cultura galega na Lusofonía e importancia dos referentes en lingua portuguesa.

Youtubeiras.gal é un proxecto colaborativo que está promovido por doce concellos de toda Galicia (A Baña, Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo), a Deputación da Coruña e as tres universidades (UDC, USC e UVigo) e ao que poden sumarse máis concellos que teñan un departamento de normalización lingüística.

O youtubeiro e comunicador Olaxonmario, premiado neste certame, tamén participará para compartir co alumnado trucos e ferramentas para editar vídeos e chegar ao público.

Pola tarde, será o profesorado o que afonde na procura de contidos didácticos na rede como apoio educativo da man destes profesionais no salón de plenos no marco dunha nova cita co seminario do profesorado da Semana das Ciencias.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salienta que a Semana das Ciencias posibilita o encontro de profesionais, de emprendedores e de iniciativas novidosas coa comunidade educativa e coa cidadanía en xeral.

Pola tarde, ás 19.30 horas, na sala multiúsos do auditorio municipal arrinca o ciclo de conferencias coa Doutora en Comunicación e experta en redes sociais, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Públicas da Universidade de Vigo.

“É fundamental amosar ás familias, aos docentes e ao alumnado as ferramentas e os recursos que ofrece a rede como apoio útil e seguro para fornecer o coñecemento”, sinala a alcaldesa.

Mónica Valderrama compartirá os segredos para un bo uso das redes sociais e advertirá dos erros e riscos máis frecuentes.

A VII Semana das Ciencias afondará na relación entre a Ciencia e a Comunicación, ao cumprirse neste ano 2023 noventa anos da chegada da radio a Galicia. “En Ponteareas conectaremos ao noso alumnado e á nosa cidadanía con expertas e expertos en comunicación, con recoñecidos e recoñecidas profesionais que viviron a revolución tecnolóxica dos medios, coas novas xeracións que utilizando novas canles de comunicación conciencian, sensibilizan, potencian proxectos, lanzan empresas e poñen o selo das galegas e dos galegos nas plataformas dixitais”, explica a alcaldesa Cristina Fernández.

O ciclo de conferencias continuará o martes 18 co divulgador, profesor e deseñador Mingos Teixeira para dar paso á mesa redonda que traerá a Ponteareas ao xornalista de máis longa traxectoria nos medios, Fernando Franco; á comunicadora e escritora María Xosé Porteiro; e ás e aos locutores deportivos e condutores de programas radiofónicos de máxima audiencia. As responsábeis de webseries da produtora Illa Bufarda e creadores e creadoras de contidos para podcasts e canles de YouTube forman parte da programación nas seguintes conferencias das tardes abertas á cidadanía en xeral.

Participar ten premio

O alumnado dos centros educativos de Ponteareas que asistan ás catro conferencias participarán no sorteo dun patinete eléctrico valorado en 300 euros.

Todas as conferencias serán ás 19.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal e as persoas que desexen asistir deberán reservar butaca no correo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 986 64 00 00, departamento de Ensino.

Como cada ano, a Feira das Ciencias pechará o programa de actividades na Praza Bugallal. Ducias de postos exhibirán os coñecementos e experimentos científicos froito da aprendizaxe e traballo de alumnado e profesorado.

Ademais, a cidadanía poderá visitar a exposición da Historia da Radio na entrada do auditorio municipal en horario de mañá e tarde. 

Nigrán ofrece unha excursión á Illa de Tambo

0

O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de turismo social para a veciñanza xubilada, abre a inscrición este mércores 19 e xoves 20 de abril de 9:00 a 12:00 no Pavillón de Panxón para asistir a unha excursión á illa de Tambo o mércores 26 de abril. O roteiro pola illa ten unha duración de 3 horas, polo que é preciso levar roupa e calzado axeitado e estar en condicións físicas de realizar unha andaina desta duración. O custe é de 25 € e inclúe autobús, traxecto en barco, visita guiada e comida no Restaurante Casas (Redondela). A saída será ás 9:00 desde a Oficina de Turismo de Panxón e o regreso, aproximadamente ás 20:00 horas. Esta destinado a persoas xubiladas empadroadas en Nigrán e a inscrición será por rigorosa orde de chegada.

A Illa de Tambo está situada no medio da Ría de Pontevedra, ten unha superficie de 28 hectáreas e alcanza os 80 metros de altura no monte San Facundo. É ovalada e ten unha típica forma piramidal completamente cuberta de arboleda, especialmente eucaliptos. Conta cun faro , dúas praias (Area da Illa e A Dreidá) e tres pequenos embarcadoiros. A Illa de Tambo non pertence a ningunha parroquia en concreto, aínda que forma parte do termo municipal de Poio. Con todo, a vixilancia segue estándo a cargo da Escola da Armada Naval de Marín 

Tui agarda miles de persoas na fin de semana grande das Festas de San Telmo

0

Tui agarda esta fin de semana a miles de persoas nas festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, que se celebran até este luns, 17 de abril, Luns de San Telmo, festivo local na cidade.

A programación festival comezará hoxe domingo coa Andaina de San Telmo que sairá ás 10 h praza da Inmaculada. O medio centenar de persoas inscritas realizarán  un percorrido polo centro urbano.

Na mesma praza da Inmaculada haberá un programa especial de radio con motivo dos 30 anos da Radio Municipal de Tui, no que se contará con parte das persoas que nestas tres décadas formaron parte desta emisora municipal, pero tamén haberá música en directo con Pancho Álvarez, Rockin Gina e Best Boy.

A de hoxe será a primeira das dúas xornadas nas que se vai celebrar a tradicional Feira Cabalar no barrio de San Bartolomeu e que congregará a milleiros de afeccionados ao longo destas dúas xornadas. O programa da feira mañá comezará coa Copa San Telmo de Horseball, unha mestura entre baloncesto, rugby e polo. Ás 12:30 h será a quenda do concurso de saltos, con salto de potencia de altura libre. A partir das  17:00 h terá lugar unha Exhibición-Concurso de enganche con limoneras, troncos, ponis, novel e children. Ás 19:00 h porá fin a esta primeira xornada un espectáculo ecuestre da man de Santi Serra Camps, adestrador de cabalos en liberdade con case 20 anos de experiencia.

Organizado pola Asociación do Traxe de Tui ás 12.45 h partirá dende a Glorieta de Vigo até a Praza de San Fernando o desfile exaltación de traxes tradicional, no que participarán numerosas persoas ataviadas con distintos traxes tradicionais.

Non faltará a música nesta xornada festiva cos concertos que ofrecerán na carpa da Corredoira a  Banda Cultural de Salceda de Caselas ás 14.45 h e Banda de Música Popular ás 18 h. Pero amais actuarán polas rúas de Cé Orquestra Pantasma ás 17 h e as 19 h e, e a charanga Cantos Somos ás 20 h.

Na rúa Compostela as orquestras Los Players e Satélites amenizarán a verbena a partir das 20 h, e na carpa da Corredoira estarán en concerto Los Jinetes del Trópico.

Ademñais mañá domingo na praza da Inmaculada contarase coa presenza dun fotógrafo da empresa Lab on Wheels que empregará unha técnica do século XIX coñecida coma o “colodión húmido”. Trátase dun proceso artesanal que consiste en facer unha fotografía formada de prata pura sobre unha placa de aluminio ou cristal. Este fotografo ambulante de Lab on Wheels  fará retratos con este sistema a todas aquelas persoas que o desexen, previo pago, segundo a tarifa do fotografo. O público poderá ver coma se toma a fotografía cunha cámara clásica, como se prepara artesanalmente cada placa e coma se revela diante dos clientes. 

Lembramos que amais na Sala de Exposicións Municipal pode visitarse a mostra “As Orixes da Fotografía en Tui” que tanto onte, coma hoxe domingo e o luns abre de 12 h a 14 h e de 17 h a 21 h.

A gastronomía tamén está presente nas festas xa que até o luns celébrase a Festa do Meixón 2023 no Asador Paulo, El Molino, El Niño Trasto , Emma Tapas&Brunch, La de Manu, O Novo  Cabalo Furado, e Parador de Tui, previa reserva no propio establecemento.

A Guarda organiza o evento de cultura urbana “Atrapa o Beat”

0

O próximo sábado día 6 de maio A Guarda acolle unha xornada en relación á cultura urbana, onde graffiti, baile, música e poesía son as protagonistas en diferentes formatos.

Atrapa o beat é o nome deste evento, que o Concello de A Guarda apoia con obradoiros para a rapazada totalmente gratuitos.

A partir das 11:30 h comezan dous talleres de xeito paralelo, un de graffiti no C.S O Fuscalho e outro de tres estilos de danzas urbanas no Auditorio San Benito.

O taller de graffiti está impartido por Desastr.One, grafiteiro madrileño que colabora con diferentes músicos e fai do seu arte reivindicación. Con el, aprenderemos a técnica do spray e poderemos participar na creación dun grafite nun dos muros do espazo dispoñible.

O taller de danzas urbanas será no Auditorio San Benito a partir das 11.30 h, tocando tres estilos de baile que naceron na rúa e nos clubs. Para isto contamos con Carmen Gago que impartirá unha aula de house, Eva Comesaña que será a responsable da parte de hip hop e Elvia Gago, encargada de ensinar waacking.

Ao rematar estas tres aulas, faremos unha jam para practicar o aprendido e compartir co resto, onde Dj e Mc amenizarán a actividade.

Estes dous obradoiros son totalmente gratuítos e para participar debes enviar un mail a [email protected] co taller ao que queres participar, o teu nome completo e idade.

Concerto do cuarteto Dextrum Ensemble o domingo na Praza Centinela

0

Este domingo 16 de abril a Praza Centinela, no Arrabal, acollerá un concerto de Dextrum Ensemble. A cita musical, que comezará ás 19.30 horas, forma parte do ciclo “Músicas no Camiño Portugués”, que levará á formación galega por diversas localidades.

A proposta musical deste cuarteto de saxofóns preséntase como toda unha viaxe polos sons que invaden a peregrinación a Compostela desde o medioevo ata os nosos días. Terá unha hora de duración e o repertorio basearase en adaptacións de pezas clásicas corais xunto con outras de creación de compositores e compositoras procedentes tanto de Galicia como de Portugal, para alternar diferentes sonoridades e potenciar a cultura musical de ambos países.

A actuación está financiada pola Xunta e conta coa colaboración do Concello de Oia. Terá lugar nun dos lugares emblemáticos do barrio histórico do Arrabal e lugar de paso obrigado dentro do itinerario xacobeo: A Praza Centinela. En caso de choiva, o concerto trasladarase á praza do Calvario de Pedornes.

Nigrán mellorará os centros culturais do municipio

0

O Concello de Nigrán consignou 90.000 € para financiar cadansúa obra de mellora nas sedes dos centros culturais do municipio, os catro con problemas concretos que resolver pero parados por falta de cartos. Deste xeito, o Concello financiará un ascensor para facer accesible o C.C. Bolos da Carrasca (Parada) outorgando a este fin os 30.000 € que se precisan. Pola súa banda, destinará 20.000 € para facer posible ao fin a climatización do auditorio de O Torreiro de Priegue, outros 20.000 € para impermeabilizar o Centro Cultural A Camoesa e acabar coas pingueiras e, finalmente, 20.000 € para unhas reformas no C.C.Parada do Miñor (novas divisións e mellora de certos materiais).

“Todas son obras que as catro entidades precisan emprender de maneira inmediata e consideramos que o Concello debe colaborar porque desenvolven actividades de interese para toda a veciñanza. En todos os casos suporán un cambio positivo moi radical, especialmente en Bolos da Carrasca, onde dispoñen do auditorio no terceiro andar pero non contan con ascensor”, considera o alcalde, Juan González

Neste caso o fin é garantir ao fin a plena participación das persoas con problemas de mobilidade reducida nas actividades que se ofertan, polo que este investimento se encadra no proxecto ‘Un Nigrán para todos’. O edificio de tres plantas carece deste a súa orixe deste servizo, limitando así a accesibilidade aos actos que se celebran no Auditorio, situado no terceiro andar e para o que hai que salvar 32 chanzos (no primeiro piso ubícase unha cafetería, no segundo as oficinas e no terceiro o auditorio). “Colaborando con esta acción o que facemos é garantir a participación da veciñanza en igualdade de condicións nas as actividades que organiza o Centro Cultural, polo que todos saímos beneficiados”, explica o alcalde, Juan González.

Neste sentido, desde o Centro Cultural inciden en que contan con moitos socios dados de alta na década dos 90 e que agora teñen unha idade avanzada que lles impide participar, polo que as actividades tamén se ven limitadas. “É unha necesidade prioritaria. A nosa actividade non se limita a socios, é aberta a toda a veciñanza, e resulta que moita non pode acudir por este motivo. Incluso nos gustaría colaborar co Centro Juan María, que está moi preto, e con outras entidades, pero non é posible por este motivo”, explica Amelia Valverde, directiva do Centro Cultural e quen actualmente sufre o problema de accesibilidade en carne propia.

“Este ascensor permitirá ao centro garantir o dereito universal de accesibilidade e, paralelamente, abrirse a comunidade máis próxima e dinamizar a actividade cultural na zona, así que estamos encantados de finmanciar o ascensor”, sintetiza o rexedor.

Salvaterra únese ao reto

Salvaterra comezou onte venres coa campaña de Ecoembes “Únete ao reto”, que ten como obxectivo fomentar a reciclaxe de envases de plástico, latas e briks en contedores amarelos.

O reto consiste en incrementar, polo menos, nun 10 % as cifras de recuperación deste tipo de residuos con respecto ao ano anterior. Para cumprir o obxectivo, os municipios contarán con programación especial nas nosas rúas durante tres meses seguintes para concienciar á cidadanía da importancia e os beneficioso que é para o medio ambiente este pequeno xesto.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático explicou que as localidades que logren o reto recibirán como recompensa 1.500 euros, unha cantidade que deberán destinar á causa social local que elixan.

Entre as medidas que se levarán a cabo para superar o desafío, está a instalación de contedores xigantes e a realización actividades de concienciación a pé de rúa. Estas accións serán promovidas polos 16 monitores do proxecto, que estarán un mínimo de 4 días en cada un dos 11 municipios que colaboran na campaña.  

Aberto o prazo de inscrición para a XXV Feira de Artesanía de Tui

0

O sábado 6 e o domingo 7 de maio celebrarase a XXV Feira de Artesanía de Tui organizada polo Concello de Tui, en colaboración coa Asociación Galega de Artesáns, cos obxectivos de promocionar e difundir a actividade artesá e apoiar a comercialización do produto artesán. O Concello de Tui vén de abrir o prazo de solicitude dun dos corenta postos que se instalarán na rúa Ordóñez e na praza de San Fernando. As persoas interesadas deben cubrir o formulario dispoñible en tui.gal e enviar entre 4 e 6 fotografías dos seus produtos ao correo [email protected] até ás 14 h do martes 25 de abril.

Terán prioridade as solicitudes de persoas con razón social en Tui e ou na comarca, así coma os artesáns e as artesáns tradicionais populares. Amais valorarase a calidade, singularidade e carácter diferencial do produto, a variedade de oficios representados na feira,  que sexa un obradoiro radicado en Galicia ou o ofrecemento da realización de obradoiros para o público. Na adxudicación dos postos evitarase que estean contiguos dous postos do mesmo oficio ou similar produtos. As bases completas desta convocatoria poden consultarse en tui.gal.

A Feira de Artesanía celebrarase o sábado 6 coma o domingo 7 de maio de 12 a 21 h na rúa Ordóñez e na praza de San Fernando.

Semana Santa histórica para Pontevedra en cifras de turismo

“Foi unha Semana Santa histórica que augura que imos ter un verán tamén histórico”. Deste xeito cualificou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, os datos de ocupación turística na provincia que, segundo subliñou, “superan na maioría dos casos os do 2022 e son similares e incluso mellores que os datos prepandemia”. Deste xeito, foi unha semana “espléndida” en canto a número de visitantes, cunha ocupación media na provincia superior ao 75,2% entre o xoves 6 de abril e o domingo 9, e próxima ao 70% durante toda a semana, datos que son 13 puntos superiores aos acadados neste período no pasado ano. O dato é aínda maior nos establecementos hoteleiros de superior categoría da provincia, cun rexistro medio do 70,4% durante toda a Semana Santa e ata o 86% nos festivos. Carmela Silva tamén destacou as cifras do turismo rural (que acadou un 70% entre o xoves e o domingo) e as vivendas turísticas (85% neses catro días), así como a afluencia récord nestas datas de visitantes aos Castelos de Soutomaior e Sobroso, cun total de 4.281 persoas.

“No anterior verán superáronse os datos prepandemia na maioría das comarcas e neste creo que imos superar estes resultados con bastante folgura –avanzou a presidenta de cara aos vindeiros meses-. “Amosan que a xente quere vir pasar as súas vacacións a este destino e que amais estamos conseguindo algo moi relevante, que é que non so haxa un turismo de costa, senón tamén de interior. Un turismo que busca gastronomía, cultura, ocio ou paisaxe, xunto a reclamos como poden ser os camiños xacobeos e outros atractivos”.

Carmela Silva incidiu en que as estatísticas ofrecidas polo Observatorio de Turismo Rías Baixas teñen en conta a media de todo o sector hoteleiro, incluíndo desde os aloxamentos de pequeno tamaño ata os de categoría superior. Deste xeito, e xa detallada por comarcas, a ocupación nos establecementos hoteleiros da comarca de Vigo acadou un 73% ao longo de toda a semana (14 puntos máis que o pasado ano) e un 80,4% entre o xoves e o domingo (11 puntos máis que o 2022), aínda que a porcentaxe subiu nos aloxamentos de superior categoría a un 76% nos sete días e ao 87,4% nos festivos. Por outra banda, O Salnés rexistrou un 70,2% ao longo da Semana Santa e un 82% entre o xoves e o domingo (11 puntos máis), e no caso dos establecementos de superior categoría a ocupación incrementouse ata o 75,2% durante toda a semana e do 86% nos catro últimos días. A comarca de Caldas chegou ao 69% de luns a domingo (10 puntos máis) e do 83% nos festivos (9 puntos máis). Nos locais de superior categoría a ocupación foi do 70,2% en toda a semana e do 86% de xoves a domingo.

A comarca do Morrazo tivo os seus establecementos ao 69% durante toda a semana (9 puntos máis que no 2022) e ao 74% entre o xoves e o domingo (6 máis), e os de superior categoría lograron un 69,5% en toda a semana e un 79,3% os festivos. O Condado e A Paradanta acadaron un 68% de ocupación ao longo da semana (8 puntos máis) e un 70,5% entre o xoves e o domingo (5 máis), cunha ocupación nos hoteis de superior categoría do 69,2% en toda a semana e do 75,5% nos festivos. Por outra banda, no Baixo Miño houbo unha ocupación media do 66,2% (11 puntos máis) e do 73,1% entre o xoves e o domingo (8 máis), mentres que nos establecementos de superior categoría foi do 70,4% en toda a semana e do 83,1% nos festivos. En Deza e Terra de Montes rexistrouse un 62,4% de ocupación na semana (5 puntos máis) e un 65,1% de xoves a domingo (6 puntos máis), e dun 65,4% en toda a Semana Santa e do 73,1% entre o xoves e o domingo nos establecementos de superior categoría. E a comarca de Pontevedra acadou un 61,2% na semana (9 puntos máis) e o 71% entre o xoves e o domingo (1 punto máis), cuns rexistros nos locais de superior categoría do 69,2% en toda a semana e do 81% nos festivos.

Por concellos turísticos, na cidade de Vigo a ocupación foi en toda a semana do 70,3% (12 puntos máis que o pasado ano) e entre o xoves e o domingo ascendeu ao 80,4% (9 puntos máis).  No caso dos establecementos de superior categoría a ocupación situouse no 77,3% durante toda a semana e no 90% os festivos. En Baiona a ocupación foi os sete días do 65,3% (10 puntos máis que no 2022) e entre o xoves e o domingo do 73% (12 máis). Nos establecementos de superior categoría situouse no 66,3% durante a semana e no 81,3% entre o xoves e o domingo. En Sanxenxo superou o 63,3% na semana  (11 máis) e do 79% entre o xoves e o domingo (11 máis), cunha ocupación nos aloxamentos de superior categoría no 78,2% durante toda a semana e no 86,4% entre o xoves e o domingo. No caso do Grove a ocupación foi do 60% durante toda a semana (6 máis) e do 72% entre o xoves e o domingo. No caso dos establecementos de superior categoría a ocupación situouse no 65% durante toda a semana e no 80% os festivos. Na cidade de Pontevedra a ocupación foi do 70% en toda a semana (7 puntos máis) e do 76,5% entre o xoves e o domingo (3 puntos máis) e, no que atinxe aos establecementos de superior categoría, a porcentaxe foi do 65,5% toda a semana e no 80,5% entre o xoves e o domingo.

En canto aos establecementos de turismo rural os datos foron tamén “extraordinarios” e moi superiores aos do 2022, cunha media provincial do 53% en toda a Semana Santa  (11 puntos máis) e que do 70% nos festivos (3 puntos máis). A comarca do Baixo Miño rexistrou un 68% durante a semana (4 máis) e un 84,1% entre o xoves e o domingo, mentres que Caldas acadou un 63% ao longo da semana (5 máis) e un 73% entre o xoves e o domingo. No que atinxe ás comarcas do Deza e Terra de Montes acadouse un 55% de ocupación na semana (24 puntos máis) e dun 58% nos festivos (3 máis), mentres que na comarca de Vigo foi do 54% na semana (16 puntos máis) e do 61% de xoves a domingo (2 máis). O Salnés alcanzou o 53% durante a semana (7 puntos máis) e o 71,5% entre o xoves e o domingo (1 punto máis); a comarca de Pontevedra un 48,5% durante a semana (7 puntos máis) e un 73% nos festivos (6 puntos máis); O Condado e A Paradanta, un 45,2% entre semana (13 puntos máis) e 70,3% entre o xoves e o domingo (5 máis) e a comarca do Morrazo rexistrou un 42,7% entre semana (4 máis) e 71,2% entre o xoves e o domingo (3 máis).

No que se refire ás vivendas turísticas, a ocupación media ao longo da semana foi do 75% e do 85% de xoves a domingo. Neses catro días as maiores taxas de ocupación rexistráronse en Sanxenxo (85%); Cangas (83%); O Grove (82%) e Vigo, Pontevedra, Nigrán e Bueu (cun 80%). As persoas que elixiron estes establecementos proviñan principalmente do País Vasco, Asturias, Castela e León e Madrid e, no caso do estranxeiro, de Portugal e Francia.

Por outra banda, esta Semana Santa visitaron os Castelos de Soutomaior e Sobroso un total de 4.281 persoas, cifra récord nestas datas. Foron 3.754 visitantes no primeiro caso e 527 persoas no segundo.

Deporte, música, actividades infantís, verbenas e concertos hoxe en San Telmo

0

Tui prepáranse para vivir e gozar a gran fin de semana das Festas de San Telmo. Na xornada de hoxe haberá deporte, música, actividades infantís, verbenas e concertos.

A xornada comeza con deporte coa celebración a partir das 11 horas, no Paseo da Corredoira, da Carreira Popular de San Telmo que bate record de participación con 738 persoas inscritas. É solidaria con SOS Tomiño Baixo Miño, xa que as persoas inscritas entregan un quilo de alimentos na recollida do dorsal.

A charanga A Tu Ritmo amenizará as rúas tudenses durante dúas horas e dende as 12 h, actuación que tamén repetirán ás 20h da tarde. Ás 17 h será a quenda  do pasarrúas de Troula Animación e o seu espectáculo ‘Circo’, pase que repetirán ás 19 h. Mentres, ás 18 h, a cita será para os e as máis pequenas da casa co teatro musical ‘Canta Xoga’ de Migallas Teatro.

Co caer da noite, ás 21 h na rúa Compostela actuará o Grupo América, previa do concerto para público xuvenil do rapeiro Arce, DJ Mesu e DJ Enter ás 22 h no Espazo Feiral. Á mesma hora, na carpa da Corredoira actuará o grupo La Patrulla e, xa ás 12 da noite comezará o segundo pase do Grupo América na rúa Compostela até ben entrada a madrugada.

Volve «Redondela Xoven» para a mocidade redondelá

0

O Concello de Redondela anuncia a apertura dun novo espazo no Multiusos da Xunqueira dedicado á mocidade. Estrearase co inicio do programa Redondela Xoven 2023 e estará ubicado nunha das zonas máis utilizadas polos máis novos. O espazo servirá para a xuntanza libre, pero tamén para a organización de obradoiros de balde por parte do Concello.

“Ata a chegada do Goberno socialista ao Concello de Redondela, os mozos con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos, foron os grandes esquecidos. Ademais de ofrecer actividades enfocadas á mocidade, tamén queremos ofrecerlles un espazo novo para a súa vida social. Alí poderán xuntarse de forma libre ou participar nas actividades que iremos anunciando ao longo dos próximos meses”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas na presentación das primeiras actividades do Verán 2023 que se desenvolven dentro do programa «Redondela Xoven».

A primeira das actividades do programa será o Obradoiro de Grafiti, que terá lugar o venres 28 de abril e venres 5 de maio, en horario de 19h a 21 h. A actividade é totalmente de balde e necesita inscrición previa no Multiusos da Xunqueira, de forma presencial ou chamando ao 986 40 28 65. “Durante a actividade os e as participantes poderán traballar nun mural coa artista redondelá Paula Amoedo que decorará o novo espazo dedicado á xuventude no Multiusos da Xunqueira. Esta é unha forma de ofrecerlles a sala permitíndolles participar na súa mellora de forma activa, para que sintan que é deles e delas e formen un recordo que dará inicio a moitos momentos de lecer e cultura no lugar sinalado”, explicaba Rivas.

Os obradoiros de Fotografía Anlaóxica será a segunda das iniciativas dentro do programa «Redondela Xoven» 2023. Terá lugar no novo espazo do Multiusos da Xunqueira o sábado 29 de abril e o sábado 6 de maio de 19h a 21 h. Neste caso os obradoiros tamén son de balde e precisarán de inscrición previa no Multiusos da Xunqueira, de forma presencial ou chamando ao 986 40 28 65. Estas dúas actividades terán continuidade, xa que o 29 de abril estará enfocada a introducción á fotografía analóxica e o 6 de maio ao revelado en Branco e Negro. Este obradoiro estará impartido por Noemi Parga Iglesias fotógrafa viguesa e docente da escola Aula D de deseño en Vigo.

A alcaldesa redondelá asegurou que “ao longo do verán, «Redondela Xoven» terá máis sorpresas” ao mesmo tempo que anunciaba que a mediados de agosto celebrarase O Día da Xuventude que contará con programa propio de actividades que será presentado a medida que se achegue a data.

Teresa Portela nas II Xornadas Muller e Traballo do CIM de Mos

0

O Concello de Mos e o Centro de Información á Muller organizan as Xornadas “MULLER E TRABALLO”. Son unhas xornadas de formación, educación e sensibilización que se celebrarán os días 19 e 20 de abril no Pazo de Mos en horario de tarde, de 16:00 a 20:30 horas.

Polos perfís tan variados dos profesionais que participan, serán moi completas e interesantes. Pódese aproveitar para expor situacións e preguntas concretas que a todos/as nos axuden a coñecer mellor a situación laboral, os dereitos das mulleres e como poder exercelos.

Na xornada inaugural, o día 19 de abril, contarase coa presenza da medallista olímpica Teresa Portela e o presentador deportivo da TVG, Terio Carrera. Esa primeira tarde a sesión comezará ás 16:00 H cunha charla sobre dereitos laboráis, excedencia por coidado de fillos/as segundo homes e mulleres, excedencias por coidado de familiares dependentes, e reducións de xornadas a cargo da ponente Beatriz Lago (Avogada).

Ás 16:50 h falarase sobre a carga mental, síndrome BURNOUT: a tarefa invisible das mulleres, a culpabilidade e o benestar emocional, como afecta á saúde a carga mental, estratexias para repartir o peso do foga…. Conducirá a charla Fernando Tellería (Psicólogo).

Logo chegarán as intervencións institucionais a cargo de Elena Mancha, Directora de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e de Nidia Arévalo, alcaldesa do Concello de Mos. E de seguido, será a mesa redonda con Teresa Portela (deportista) e Terio Carrera (xornalista) sobre conciliación e corresponsabilidade: os valores e a corresponsabilidade, os valores que lle ensinamos aos nosos fillos/as coa nosa actuación, educar no modelo de corresponsabildidade, e métodos para evitar conflitos coas tarefas do fogar

Esta primeira xornada culminará ás 19:10 H co inicio da charla sobre muller e discapacidade: dobre discriminación no acceso ao traballo.

TERESA PORTELA, Subcampioa Olímpica en Tokio 2020. Primeira muller española en participar en 6 Xogos Olímpicos (Sydney 2000, Atenas 2004, Beijing 2008, Londres 2012, Río 2016, Tokio 2020) con 5 diplomas olímpicos, e una medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 en K1 200 metros. Outro dos seus retos conseguidos foi compaxinar a súa carreira deportiva coa súa formación académica, graduándose no Grao de Fisioterapia e Diplomatura de Maxisterio de Educación Física. A todo isto, súmase a súa maternidade, a difícil tarefa de conciliar o traballo coa súa vida familiar.

TERIO CARRERA. Periodista deportivo os últimos 34 anos. Traballa na TVG.

Tamén se contará ao día seguinte, 20 de abril, con ÁGUEDA GÓMEZ SUÁREZ, que falará sobre “O malestar que non ten nome: académicas en tempos de pandemia”. É Directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Profesora titular de universidade na área de socioloxía. Doutora en Socioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciada en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu o seu traballo de investigación sobre cuestións relacionadas cos prexuízos de xénero na ciencia e a sociedade dixital. Dirixiu dezaoito investigacións como Investigadora Principal e publicou once libros.

Volve o programa da Deputación “Música no Ar”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou sobre a nova edición do programa cultural “Música no Ar”, que arranca o próximo sábado 22 de abril con 15 concertos de música clásica e de cámara en importantes espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes. Este ano, co obxectivo de promover e garantir a democratización e o acceso igualitario á cultura, a institución pon en marcha un proxecto piloto nalgunhas das quendas do programa para permitir que “as persoas con dificultades auditivas tamén poidan participar e facer este proxecto máis inclusivo e accesible”. O proxecto piloto consiste na dotación de mochilas con tecnoloxía inalámbrica que transmitirán vibracións graves e subgraves dos sons que reciben, permitindo a estas persoas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo.

A programación de “Música no Ar” está composta por 15 formacións, desde dúos ata cuartetos, con repertorios que versan entre o clásico e o contemporáneo, con música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Deste xeito, a cultura e o patrimonio xeran sinerxías en perfecta simbiose, e o público de todas as idades poderá gozar destes espectáculos con todos os sentidos, e sendo conscientes dos lugares nos que se atopan, de grande importancia patrimonial. Os concertos comezan o 22 de abril en Nigrán, con Ars Sacra Ensemble no interior do Templo Votivo do Mar ás 21:00 horas. O calendario continúa o domingo 14 de maio ás 18:00 horas cun concerto da Orquestra Clásica de Vigo no auditorio do Museo da Minería de Fontao de Vila de Cruces, co espectáculo audiovisual “Canto á emigración” (dotado do sistema de mochilas vibratorias).

No mes de xuño ofreceranse tres concertos: o 17 de xuño en Vilaboa, cun concerto do Trío Oliva no antigo Forno do Cal ás 19:00 horas; o 18 de xuño en Cuntis, na Igrexa de Santa María, da man de Gabriel Alonso (barítono) e Brianda García (pianista) a partir das 19:00 horas. E, o 27 de xuño ás 21:00 horas, terá lugar un espectáculo a cargo do pianista Javier Otero Neira e a bailarina Rut Balbís no Castelo de Soutomaior. Este concerto empregará un sistema de auriculares con tecnoloxía Wi-Fi para que o silencio perdure na contorna e integrará a luz.

“Música no Ar” continúa o xoves 6 de xullo ás 21:00 horas na Igrexa de Santa Baia de Mos co grupo Tramontana, o venres 14 de xullo ás 20:30 horas en Salceda de Caselas cun concerto do cuarteto de arpas Lulavai no exterior do Pazo Pegullal, e o mércores 19 de xullo ás 19:00 horas no Pazo de Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, co grupo Eixos Cromáticos e Alba Barreiro Trío .

A Igrexa de San Martiño de Xuntáns, en Ponte Caldelas, será o escenario dun concerto do grupo Dear Caroline o sábado 5 de agosto a partir das 20:30 horas. O seguinte martes, 8 de agosto, ás 19:00 horas será a quenda dun concerto de Fisión Atlántica Ensemble no Castelo de Sobroso. O venres 18 de agosto ás 21:30 horas “Música no Ar” chega ao novo xardín da Igrexa de San Martiño de Bueu da man da Cámara Orquestra Barroca Vigo 430 e, o sábado 19 de agosto ás 22:00 horas, Nuria Lorenzo & Alejo Amoedo ofrecerán unha actuación na Igrexa de San Pedro de Crecente.

A programación continúa o domingo 27 de agosto ás 18:00 horas na praza da Igrexa de San Martiño de Forcarei co grupo Camerata Arven, que interpretará un espectáculo centrado nas Letras Galegas, no que entre peza e peza se recitarán poemas de persoeiros como Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro. O sábado 9 de setembro ás 17:00 horas actuará o dúo de piano e soprano Alberto Vilas e Cristina Suárez na fortaleza de Dona Urraca de Salvaterra de Miño. Por último, o domingo 10 de setembro en horario de tarde pechará o ciclo o Arxis Percussion Group (do grupo Arxis Ensemble) no Santuario da Franqueira da Cañiza.

Todos os concertos terán acceso libre ata completar a capacidade do recinto, agás os dos Castelos de Soutomaior e Sobroso e mais o do Pazo Quinteiro da Cruz, que requirirán inscrición previa no noso correo electrónico [email protected].

Curso avanzado no Porriño para familiares de persoas con demencia

AFAGA Alzheimer, en colaboración co Concello do Porriño, oferta un curso de nivel avanzado para coidadores familiares de persoas con demencia.

A formación distribúese en varias xornadas que se desenvolverán nas instalacións do Multiusos de Torneiros en horario de tarde:

  • 21 de abril, de 17 a 19 h: Avanzando no noso camiño no noso camiño como coidadores: necesidades e retos actuais. Impartida por Alba López, psicóloga sanitaria.
  • 28 de abril, de 16 a 19 h: Facilitar e adaptar as actividades diarias: como acompañar os retos das tarefas cotiás. Impartida por Cristina Esmerode, terapeuta ocupacional.
  • 12 de maio, de 16 a 19 h: Actividade fíasica e estratexias para o día a día. Impartida por Pablo Lourido, fisioterapeuta.
  • 26 de maio, de 16 a 19 h: Coidados para o benestar do noso familiar. Impartida por Ariana Puga, enfermeira.

As prezo da formación é de 20 euros para socios e 30 euros para non socios. As prazas son limitadas polo que se require inscrición. As persoas que estean interesadas poden anotarse na Unidade de Atención Diurna de AFAGA no Porriño (C/ Pinar, 7) ou chamando aos teléfonos 986330003 / 986229797.

A Asociación Española Contra o Cancro visita o concello de Oia

0

Responsables da Asociación Española Contra o Cancro visitaron este mércores o Concello de Oia, onde se reuniron coa alcaldesa, Cristina Correa, para facer balance do traballo que a entidade está a realizar na zona.

Na xuntanza participaron o coordinador territorial da Asociación Española Contra o Cancro na Provincia de Pontevedra, Telmo Crespo, e máis a delegada no Baixo Miño, Pilar Barbosa, quen lle expuxeron á rexedora municipal a importancia de conseguir persoas asociadas para poder manter todos os servizos gratuítos que ofrece o colectivo.

Ambas partes coincidiron na relevancia de colaborar na visibilización dos servizos da asociación e no apoio a unha investigación científica de calidade.

A Asociación Española Contra o Cancro Provincia de Pontevedra é unha organización sen ánimo de lucro formada por pacientes, familiares, voluntariado, colaboradores e profesionais que traballan para diminuír o impacto causado polo cancro e mellorar a vida das persoas. Actúa educando en saúde, apoiando e acompañando ás persoas enfermas e o seu entorno e financiando proxectos de investigación que permitan un mellor diagnóstico e tratamento. Conta cun teléfono de información, asesoramento e apoio que funciona as 24 horas: 900 100 036.

Entre os seus servizos, que presta de xeito gratuíto, atópanse a atención social e económica, apoio emocional, programas de recuperación da fala, programa de deshabituación tabáquica, financiamento de investigación e accións de voluntariado.

Exposición de pintura en Arbo

0

A Asociación de Mulleres Rurais Arbenses coa colaboración do Concello de Arbo, organizan na semana previa a LXIII Festa da Lamprea, unha exposición de pinturas, donde queren mostrar as súas dotes artísticas.

Os veciños de Arbo e quen desde outras localidades queiran desprazarse ao Centro Multiusos de Arbo, durante os días 22 e 23 de abril, poden gozar xa da exposición “Abrandares Rurais con Arbo”, que reúne cadros elaborados as socias da Asociación de Mulleres Rurais Arbenses.

A Asociación Mulleres Rurais Arbense, que naceu hai máis de 20 anos, realizan unha  importante labor a favor das veciñas de Arbo con actividades de ocio, formativas e colaboración con este Concello.

A inauguración da exposición terá lugar o sábado 22 de abril ás 17:30 horas.

Nigrán ofrece un espectáculo da orquestra ‘La Fórmula’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado ás 22:30 no campo de fútbol de Lourido (Praia América’) o novo espectáculo de ‘La Fórmula’ bautizado como ‘La Fórmula 1’. Considerada como unha das mellores orquestras de Galicia, a agrupación abrirá a xira 2023 na comarca presentando as súas novas cancións, o seu novo vestiario e posta en escena. A orquestra, de referencia en todo o territorio nacional, consigue reunir en cada cita siareiros de toda Galicia e Portugal. A entrada é gratuíta.