14.1 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaVolve o programa da Deputación "Música no Ar"

    Volve o programa da Deputación “Música no Ar”

    A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou sobre a nova edición do programa cultural “Música no Ar”, que arranca o próximo sábado 22 de abril con 15 concertos de música clásica e de cámara en importantes espazos patrimoniais da provincia como museos, igrexas, bens do patrimonio industrial, castelos, pazos ou fortalezas situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes. Este ano, co obxectivo de promover e garantir a democratización e o acceso igualitario á cultura, a institución pon en marcha un proxecto piloto nalgunhas das quendas do programa para permitir que “as persoas con dificultades auditivas tamén poidan participar e facer este proxecto máis inclusivo e accesible”. O proxecto piloto consiste na dotación de mochilas con tecnoloxía inalámbrica que transmitirán vibracións graves e subgraves dos sons que reciben, permitindo a estas persoas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo.

    A programación de “Música no Ar” está composta por 15 formacións, desde dúos ata cuartetos, con repertorios que versan entre o clásico e o contemporáneo, con música instrumental e voz pero tamén propostas que inclúen danza e silencio. Deste xeito, a cultura e o patrimonio xeran sinerxías en perfecta simbiose, e o público de todas as idades poderá gozar destes espectáculos con todos os sentidos, e sendo conscientes dos lugares nos que se atopan, de grande importancia patrimonial. Os concertos comezan o 22 de abril en Nigrán, con Ars Sacra Ensemble no interior do Templo Votivo do Mar ás 21:00 horas. O calendario continúa o domingo 14 de maio ás 18:00 horas cun concerto da Orquestra Clásica de Vigo no auditorio do Museo da Minería de Fontao de Vila de Cruces, co espectáculo audiovisual “Canto á emigración” (dotado do sistema de mochilas vibratorias).

    No mes de xuño ofreceranse tres concertos: o 17 de xuño en Vilaboa, cun concerto do Trío Oliva no antigo Forno do Cal ás 19:00 horas; o 18 de xuño en Cuntis, na Igrexa de Santa María, da man de Gabriel Alonso (barítono) e Brianda García (pianista) a partir das 19:00 horas. E, o 27 de xuño ás 21:00 horas, terá lugar un espectáculo a cargo do pianista Javier Otero Neira e a bailarina Rut Balbís no Castelo de Soutomaior. Este concerto empregará un sistema de auriculares con tecnoloxía Wi-Fi para que o silencio perdure na contorna e integrará a luz.

    “Música no Ar” continúa o xoves 6 de xullo ás 21:00 horas na Igrexa de Santa Baia de Mos co grupo Tramontana, o venres 14 de xullo ás 20:30 horas en Salceda de Caselas cun concerto do cuarteto de arpas Lulavai no exterior do Pazo Pegullal, e o mércores 19 de xullo ás 19:00 horas no Pazo de Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, co grupo Eixos Cromáticos e Alba Barreiro Trío .

    A Igrexa de San Martiño de Xuntáns, en Ponte Caldelas, será o escenario dun concerto do grupo Dear Caroline o sábado 5 de agosto a partir das 20:30 horas. O seguinte martes, 8 de agosto, ás 19:00 horas será a quenda dun concerto de Fisión Atlántica Ensemble no Castelo de Sobroso. O venres 18 de agosto ás 21:30 horas “Música no Ar” chega ao novo xardín da Igrexa de San Martiño de Bueu da man da Cámara Orquestra Barroca Vigo 430 e, o sábado 19 de agosto ás 22:00 horas, Nuria Lorenzo & Alejo Amoedo ofrecerán unha actuación na Igrexa de San Pedro de Crecente.

    A programación continúa o domingo 27 de agosto ás 18:00 horas na praza da Igrexa de San Martiño de Forcarei co grupo Camerata Arven, que interpretará un espectáculo centrado nas Letras Galegas, no que entre peza e peza se recitarán poemas de persoeiros como Rosalía de Castro, Castelao, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro. O sábado 9 de setembro ás 17:00 horas actuará o dúo de piano e soprano Alberto Vilas e Cristina Suárez na fortaleza de Dona Urraca de Salvaterra de Miño. Por último, o domingo 10 de setembro en horario de tarde pechará o ciclo o Arxis Percussion Group (do grupo Arxis Ensemble) no Santuario da Franqueira da Cañiza.

    Todos os concertos terán acceso libre ata completar a capacidade do recinto, agás os dos Castelos de Soutomaior e Sobroso e mais o do Pazo Quinteiro da Cruz, que requirirán inscrición previa no noso correo electrónico participa.cultura@depo.gal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.