9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAndreia Costas, «Magnolia punk e outras arritmias»

    Andreia Costas, «Magnolia punk e outras arritmias»

    Andreia Costas xa nos sorprendeu non fai moito tempo co seu primeiro libro, «Corazón de vaca e outras vísceras», integrado por un monllo de relatos breves que, en certa maneira, nos achegaban a unha linguaxe poética bastante evidente. Nesta nova proposta dá un paso máis e xa se mergulla sen contemplación no terreo da lírica para facernos partícipes da súa intimidade máis fonda, das súas emocións e da súa peculiar maneira de entender o mundo.

    Para integrarnos nesta proposta debemos coñecer algúns datos sobre a autora. Muller inqueda, defínese como «filla da emigración e da clase obreira». Naceu en Alemaña e estudou Belas Artes e Deseño á beira do Rin e tamén en Barcelona, antes de retornar ás súas orixes, nos arredores de Vigo. Este periplo vital e máis a súa propia curiosidade, fixeron dela unha muller poliédrica na que se misturan culturas diferentes e distintas maneiras de interpretar o mundo que a rodea. E todo iso amósase con claridade neste poemario que agora nos ofrece.

    Estruturado en dúas partes, «Latexo bradiarrítmico» e «Latexo taquiarrítmico», de similar extensión, está integrado por unha presa de poemas nos que se reflicte a vida no seu constante latexar, influenciada a cotío polos elementos externos que rodean ao «eu» poético e que, as máis das veces, provocan respostas defensivas por parte da protagonista. Se os textos seleccionados para a primeira parte son longos e repousados, froito da reflexión máis fonda, os que se nos presentan na segunda son, maiormente, breves e directos, disparos arrebatados de inspiración espontánea. Mais uns e outros teñen un fondo común, que é o que lle dá unidade ao conxunto e que consiste nun espírito de rebeldía, de confrontación cun mundo que se alonxa dos soños dese «eu» poético, das arelas e desexos dunha protagonista que, en realidade, nos representa a todos. Velaí a actitude «punk» que anuncia o título do libro, a da denuncia e o enfrontamento cunha realidade pouco ou nada tranquilizadora.

    As referencias a Alemaña e Galicia son constantes, como se formasen parte dun todo unitario. Mesmo chegan a se misturar ambas linguas con naturalidade, e tamén con palabras ou expresións en inglés ou o italiano. E todo forma parte dun plan elaborado que ten como transfondo a universalidade dos sentimentos que latexan debaixo da cada poema, de cada verso, mesmo de cada unha das ilustracións elaboradas pola propia autora, que adobían perfectamente as referencias líricas, centradas na natureza e na proximidade.

    O resultado é unha poesía complexa, con clara vocación estética e de compromiso, coa que Andreia xoga a sorprender ao lector. Para iso emprega unha linguaxe coidada e precisa, pragada de referencias persoais e universais coas que marcar o camiño polo que conseguirá que nos vexamos arrastrados cara a ela, para que así poida rabuñarnos a alma e provocar diversas sensacións.

    Andreia Costas

    «Magnolia punk e outras arritmias»

    92 páxinas