Domingo, 13 Xullo de 2025

Novas luminarias LED no campo de fútbol da Sangriña da Guarda

0

O Concello da Guarda vén de rematar as obras de substitución das luminarias do Campo de Futbol da Sangriña por unhas de tecnoloxía LED.

Estas actuacións foron froito do convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Guarda dentro do proxecto IDAE, con cargo a fondos FEDER denominado ILUMINACIÓN EXTERIOR SOSTIBLE. O cambio de luminarias permitirá baixar a potencia de 20 KW a 13 KW e conseguirase un aforro  enerxético estimado do 47 %.

O importe destas obras ascendeu a 47.547,26 €  facéndose cargo o IDAE do 80 % e o Concello da Guarda do importe restante.

Esta inversión en aforro enerxético e nunha economía baixa en carbono, vense a sumar a outras actuacións no mesmo sentido levadas a cabo polo concello da Guarda  nos últimos tempos como son as materializadas nos BICs do Castelo de Santa Cruz e Monte Santa Trega e o cambio de luminarias na practica totalidade do Concello.

Ao mesmo tempo, o Concello da Guarda, con fondos propios, levou a cabo a substitución das torres que soportan as luminarias por atoparse as mesmas en un estado de deterioro importante

Por outra banda o concello procedeu a renovación do peche frontal do campo de fútbol da Sangriña.

Nigrán ofrece un obradoiro de percusión africana

0

O Concello de Nigrán ofrece a través da Escola de Música Municipal un obradoiro de percusión africana impartido por Andrés Rivero o vindeiro 17 de xuño.

O curso, de tres horas de duración e dirixido a todas as idades, será unha introdución á técnica, linguaxe e ritmos do djembé, instrumento de percusión da costa oeste africana. A organización facilitará os materiais necesarios para a realización do mesmo, polo que non é preciso ter instrumentos nin experiencia para desfrutar da experiencia.

O obradoiro terá lugar na Escola de Música Municipal de Nigrán, situada na antiga biblioteca municipal do Ceán, en horario de 11:00 a 14:00 h. Ten un custe de 15 € e é preciso realizar inscrición previa para reservar a praza no 615914161 ou no correo [email protected].

Iniciadas as obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos de Emerxencia de Ponteareas

O Concello de Ponteareas xa deu inicio ás obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos de Emerxencias da vila, uns traballos destinados a garantir unhas instalacións municipais máis eficientes e reducir a súa pegada de carbono.

A alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, destaca a importancia de levar a cabo estas melloras de forma paulatina nos edificios municipais, “medidas para optimizar os recursos enerxéticos que son fundamentais para contribuír á protección do medio ambiente, á loita contra o cambio climático e ao aforro económico para o municipio”.

As obras suporán un investimento de 115.000 euros financiados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Situado na rúa das Pombas, as obras consistirán no illamento interior da cuberta sobre os espazos dedicados ás oficinas da Policía Local e a zona de Bombeiros, así como a mellora do illamento da envolvente das fachadas con contacto cara ao exterior. Os traballos non suporán ningunha variación na ocupación nin no uso das instalacións e estarán rematados nun prazo máximo de tres meses.

Cristina Fernández subliñou o compromiso do Concello coa promoción de prácticas sostibles e a transición cara a unha economía baixa en carbono, motivo polo que ao longo dos últimos anos levan realizándose diferentes obras como a mellora da eficiencia enerxética de instalacións municipais, o cambio de todo o alumeado público por luces LED ou a instalación pioneira dunha rede de calor por biomasa para abastecer a edificios municipais.

Dobre medalla para o porriñés Serxio Martínez na 42 Regata Internacional de Gondomar

O remeiro porriñés Serxio Martínez Troitiño, que vén de facer dobre podio na 42 Regata Internacional de Gondomar, foi recibido na casa consistorial como mostra do recoñecemento do seu pobo aos seus logros deportivos.

Serxio, que ten de 18 anos, disputou a proba lusa co seu equipo, o Remo do Miño, alzándose co ouro na categoría 4x xuvenil masculino e o bronce na 8+ absoluto masculino. Suma así dous novos recoñecementos ao seu palmarés, que pese a levar pouco tempo, medra de maneira proporcional ao esforzo deste mozo remeiro.

E é que Serxio comezou a practicar remo hai tan só dous anos e o fixo, tal e como el relata, de maneira totalmente casual, cando , cando un compañeiro de traballo do seu pai que practicaba esta modalidade deportiva o convidou a probala e dende entón converteuse na súa paixón.

“Enganchoume totalmente”, explica Serxio, “o remo é un deporte moi completo e esixente, que require un rendemento físico e mental moi alto, algo que me gustou e ademais aquí contamos co Miño, que para adestrar é un luxo, dos mellores”.

É esta entrega a que o leva a compaxinar os seus estudos de 2 de bacharelato no Pino Manso  cos seus adestramentos practicamente diarios, pese ao esforzo que iso conleva. Agora está xa coa vista posta nas próximas competicións, o Campionato Galego de Remo Olímpico que se disputará en poucas semanas, e o seu gran obxectivo, o Campionato de España.

O rexedor, Alejandro Lorenzo, felicitouno en nome de todo o pobo do Porriño polos seus logros e animouno a seguir disfrutando do seu deporte “os teus éxitos sentímolos nosos e estou segurísimo que a finais de xuño estaremos aquí recibíndote para darche a noraboa por ese Campionato de España”.

Curro en Mougas este domingo

0

Como vén sendo tradicional, o segundo domingo do mes de xuño celebrarase o curro de Mougás, que na edición deste ano prevé reunir un total de 400 bestas e arredor dun centenar de poldros. Despois das rapas da Valga e Torroña, esta é a terceira e última cita de primavera no concello de Oia.

A partir das 9.00 horas deste domingo comezarase a xuntar os cabalos para conducilos ata o recinto do curro de Mougás, a onde chegarán sobre as 12.00. Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, desenvolveranse as actividades de rapa, desparasitado e marcaxe dos animais, que posteriormente volverán quedar libres no monte.

A xornada, gratuíta para o público asistente, transcorrerá no seu tradicional ambiente festivo, tal e como vén sendo habitual todos os anos.

Despois dos curros da Valga (14 de maio), Torroña (4 de xuño) e Mougás (11 de xuño), as citas cabalares volverán a Oia no verán, cos coñecidos como “curros das moscas”.

En relación á próxima celebración dos curros, lémbrase que non está permitido acampar. As autoridades realizarán accións de vixilancia en días previos a fin de evitar este tipo de actividades non autorizadas.

Finalmente, solicítase a colaboración das persoas asistentes á hora de respectar o medio ambiente, evitar danar o arborado e zonas especialmente sensibles, así como de manter a contorna libre de lixo. Na zona haberá contedores para depositar os refugallos.

Últimas prazas dispoñibles para a xornada sobre retos da ciberseguridade en Galicia

Os interesados en participar na xornada  “Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro”  o vindeiro día 13, en Ourense ou en modalidade online, teñen aínda oportunidade de inscribirse de balde a través desta ligazón. O encontro está organizado polo Nodo CIBER.gal en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en  Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, no campus de Ourense, na que se celebrará o evento.

O obxectivo da xornada é achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.

Totalmente de balde, as persoas interesadas poderán inscribirse en modalidade online ou presencial en todas as actividades do programa. Entre elas, destacan unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos. Moderada polo Presidente do CPEIG, participarán expoñendo a realidade e actualidade desta profesión importantes CISOS do tecido empresarial galego e expertos nacionais na materia. Contarase tamén cun relatorio que abordará a evolución e futuro do Nodo Galego de Ciberseguridade, e con obradoiros prácticos simultáneos, de xeito unicamente presencial,  para espertar o interese pola ciberseguridade. Todas estas actividades serán celebradas en horario de mañá o martes 13 de xuño.  

Nodo CIBER.gal

O CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e afrontar os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo.

O Nodo CIBER.gal tamén anuncia a data de celebración do xa terceiro Encontro CIBER.gal os días 2 e 3 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, agardando un éxito similar ao de anteriores edicións nas que se superou a participación de máis de 4.000 escolares en concursos de ciberseguridade e xerou preto de 2.000 inscricións.

A tradicionais Alfombras florais regresan as rúas guardesas esta fin de semana

0

Esta fin de semana celebrase a festividade do Corpus na vila da Guarda e dende fai semanas moitas persoas traballan con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregarán dende a tarde do sábado e ao longo da madrugada deste domingo para a confección das Alfombras Florais.

Deste xeito, traballan a reo os veciños do pobo que, colectivamente, organízanse para levar a cabo esta actividade a través da Asociación Alfombras Florais da Guarda, para culminar coa realización duns 2.300 metros cadrados de superficie en tapices florais que lucirán, no seu máximo esplendor, dende a noite do sábado e a mañá do domingo cando rematen os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalan para esta ocasión.

Existen informacións antigas que deixan constancia da importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda xa dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e do Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas do pobo da Guarda.

A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus na Guarda, así como dar a coñecer, por en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.

Dende o Concello da Guarda se quere agradecer o labor de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e para que visitantes e locais podan gozar das mesmas, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez están confeccionadas, sendo auténticas obras de arte en flor.

Do mesmo xeito dende a Asociación Cultural Alfombras da Guarda se fai un chamamento aos veciños e veciñas para que participen na confección das alfombras, para manter viva unha das tradicións máis arraigadas da vila.

Salceda solicita un Obradoiro Dual de Emprego para mellorar centros formativos e cívicos

O Concello de Salceda de Caselas, a través da súa Concellería de Emprego e Formación, ven de solicitar  á Xunta de Galicia o obradoiro dual de emprego “Reformas e Melloras de Centros Formativos e Cívicos 2023” a través da convocatoria correspondente a este ano 2023.

Este obradoiro dual de emprego solicítase como programa mixto de formación e emprego que promovido polo concello de Salceda esta orientado a mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade. No mesmo alternarase  a mellora da cualificación das persoas participantes e a adquisición de experiencia laboral para as mesmas mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Dentro deste obradoiro se levarán a cabo as seguintes accións formativas e certificados de profesionalidade, todas integrados dentro das especialidades de albanelería e carpintería de madeira deseñadas para que se formen dez alumnos e alumnas traballadores e traballadoras en cada unha delas:

  • OPERACIONES AUXILIARES DE REVESTIMIENTOS CONTINUOS EN CONSTRUCIÓN (EOCB0109), (certificado de profesionalidade completo), 360 horas
  • FÁBRICAS DE ALBANELARÍA (EOCB0108), (certificado de profesionalidade completo), 410 horas.
  • OPERACIONS AUXILIARES DE ALBANELARÍA DE FÁBRICAS E CUBERTAS (EOCB0208), (certificado de profesionalidade completo), 320 horas.
  • REVESTIMENTOS CON PASTAS E MORTEIROS EN CONSTRUCIÓN (EOCB0210), (MF1938_2).
  • TRABALLOS DE CARPINTERÍA E MOBLE (MAMD0209), (certificado de profesionalidade completo).
  • MECANIZADO DE MADEIRA E DERIVADOS (MAMR0308), (certificado de profesionalidade completo).
  • APLICACIÓN DE BARNICES E LACAS EN ELEMENTOS DE CARPINTERIA E MOBLE (MAMD0109), (certificado de profesionalidade completo).
  • INSTALACIÓN DE ELEMENTOS DE CARPINTERÍA (MAMS0108), (MF 0886_2).

Estas accións formativas suman un total de 830 horas teóricas que se complementarán coas 790 horas de prácticas coas que contará o alumnado para poder así compaxinar traballo e formación para adquirir experiencia.

A formación práctica do obradoiro realizaría importantes labores de mellora e rehabilitación nas seguintes instalacións de titularidade municipal:

  • Antiga casa-escola da Vendanova
  • Oficina do Centro de Desenvolvemento Local de O Torrón
  • Aula 2 da parroquia de Budiño
  • Auditorio do edificio do Centro Cívico da Devesa

A subvención solicitada á Xunta de Galicia para a realización do obradoiro “Reformas e Melloras de Centros Formativos e Cívicos 2023”  ascende a 531.046,20€ que cubrirían o orzamento estimado para o seu desenvolvemento e cobertura de gastos de contratación de persoal de xestión, persoal docente e de apoio, contratación e pago do alumnado traballador participante e os gastos de funcionamento e xestión. O concello de Salceda aportará ao financiamento do obradoiro unha partida orzamentaria de 5.000,00€

Verónica Tourón alcaldesa e responsable da Concellería de Formación e Emprego “A solicitude dun novo obradoiro dual de emprego para este ano 2023, supón para o concello de Salceda continuar coa posta en marcha de estratexias activas para a inserción laboral das persoas desempregadas, que ademais aportan o seu traballo e aprendizaxe para a rehabilitación e mellora de varias instalacións municipais ”.

Areeiro aconsella continuar coa vixilancia e o tratamento contra o mildio

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que alerta da necesidade de continuar coa vixilancia e o tratamento para frear o avance do mildio ante as previsións meteorolóxicas. Se ben a situación das viñas esta semana, trala revisión efectuada polo persoal do centro dependente da Deputación, mellorou con respecto á pasada, a EFA recomenda renovar a protección e manter controlado o desenvolvemento da vexetación da propia viña e das plantas acompañantes.

A combinación de rexistros climatolóxicos destes días provocou que o número de esporanxios recollidos diariamente no captador das plantes testemuña de Areeiro seguise a ser moi elevado, aínda que inferior aos rexistros da semana pasada. Deste xeito cómpre manter un elevado nivel de vixilancia sobre as viñas, tendo en conta que o período de cobertura dos funxicidas redúcese no tempo con choivas intensas como as rexistradas, e renovar a protección naqueles casos nos que aparezan síntomas novos ou estea próximo a concluír o tempo de actuación do produto.

No que respecta aos demais fungos e enfermidades que afectan á viña, non se detectaron avances en canto ao oídio, black rot, botrite ou avelaíña da uva. De feito as precipitacións fortes non lle resultan favorables ao oídio, ao lavar as esporas do patóxeno, pero se se cumpren as previsións e cesan as choivas haberá que incrementar a vixilancia pois a humidade relativa do aire seguirá a ser elevada. En canto ao black rot, aínda que non se detectaron novos síntomas de enfermidade, a climatoloxía húmida e as temperaturas elevadas si son favorables polo que, de renovar a protección fronte a mildio e/ou oídio, cómpre elixir produtos autorizados tamén para o control deste fungo.

No que respecta á botrite, de reducirse as precipitacións a partir da próxima semana, aínda manténdose a humidade relativa alta, será menos probable a aparición de síntomas, sobre todo se se realizan as labores agronómicas aconselladas de control do desenvolvemento das vides e da vexetación.

Felicitacións do Concello de Nigrán ao Campión de España de Doma Clásica Paraecuestre, Alejandro Nande

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, acudíu este mediodía ao centro ecuestre Cearán do Céan (Nigrán) para felicitar persoalmente ao seu director, Alejandro Nande, proclamado Campión de España de Doma Clásica Paraecuestre por terceira vez. O binomio formado polo xinete nigranés e o seu cabalo de pura raza española Bruxo CAR, conseguiu alzarse a pasada fin de semana como campión de España 2023 na disciplina de Doma Clásica en categoría paraecuestre grao V (‘Nande’ ten tan actualmente só un 10 % de visión).

“É unha honra para Nigrán contar cun deportista de elite que leva o nome do municipio por todo o país e que, persoalmente, é un absoluto exemplo de superación, constancia e disciplina”, considera o alcalde, Juan González, quen o pasado mes de abril lle entregou a medalla ao mellor deportista masculino do Concello de Nigrán 2022.

Desde o ano 2019, última ocasión na que o xinete nigranense se alzou co título de Campión de España, ‘Nande’ estivo afastado das pistas de competición e centrouse no seu traballo diario como adestrador deportivo, no seu centro ecuestre.

“Estou moi orgulloso porque Bruxo CAR é un cabalo elixido e adestrado persoalmente por min despois de que fose descartado para o deporte polo seu marcado temperamento e insubmisión”, sinala o campión. “Desde que teño uso de razón son un apaixonado dos cabalos. Toda a miña vida quixen adicarme profesionalmente ao mundo ecuestre e tiña moi claro que nacer cunha discapacidade dun 80% de visión e ter unha retinosis pigmentaria non ía ser un impedimento”.

Durante estes anos son moitos os éxitos conseguidos desde o seu clube, tanto polos deportistas que adestraron con el como polos cabalos que pasaron polas súas mans, tanto a nivel autonómico como nacional. Sen ir máis lonxe o ano pasado o seu equipo de competición de amazonas foi proclamado terceiro a nivel autonómico na disciplina de doma clásica. “Os comezos non foron fáciles, pero son un autodidacta con moito tesón. Cada vídeo sobre doma clásica, cada concurso que ao que fun, cada oportunidade que tiven para aprender, aproveiteina. A día de hoxe, podo dicir que o camiño foi longo pero atopei moi bos amigos que me acompañan na miña viaxe!”, subliña.

Tras este pequeno parón, Nande retomou a competición. No que vai de tempada xa participou en diferentes concursos territoriais como en nacionais. A nivel territorial, de momento, participou en categorías de cabalos novos con xinetes sen discapacidade e a nivel nacional na categoría paraecuestre, ambas as correspondentes coa disciplina de doma clásica.

A andaina para alcanzar o máximo titulo a nivel nacional comezou coa participación do binomio no Concurso Nacional, clasificatorio para o Campionato de España, celebrado no Centro Hípico Equus Duri de Zamora os días 29 e 30 de abril de 2023. Tras uns fantásticos resultados confirmouse a clasificación para a participación no Campionato de España, que tería lugar no Centro Hípico madrileño das Cadeas, celebrado entre os días 1 e 4 de xuño.

Así, o pasado día 29 de maio poñían rumbo á capital Alejandro Nande xunto ao seu cabalo Bruxo CAR. “A experiencia vivida durante estes días no Campionato de España serviunos unha vez máis para comprobar o tesón e a forza de superación de Alejandro que, tras un comezo complicado soubo mellorar os seus resultados diariamente ata alcanzar o posto de honra”, sinalan desde o clube.

A tempada 2023 xa comezara con moi bo sabor de boca para Alejandro, que no mes de abril xa fora galardoado polo Concello de Nigrán como mellor deportista masculino, e espera poder seguir cultivando bos resultados no que resta de tempada, tanto persoais como do seu equipo de competición e cabalos.

Tomiño e Cerveira celebran o 19 aniversario da Ponte da Amizade

Centrándose en atraer a cada vez máis mozos e mozas para a consolidación do proxecto arredor dun territorio común, a Eurocidade Cerveira-Tomiño dinamiza, esta fin de semana, os ‘Xogos da Eurocidade – Sen Fronteiras’ e a ‘Música Nova’, as dúas propostas gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023. A data para a realización destes eventos non foi escollida ao azar, senón que coincide co 19º aniversario da Ponte Internacional da Amizade.

A entrada en funcionamento, o 11 de xuño de 2004, desta travesía rodoviaria sobre o río Miño, representou un feito histórico para as dúas poboacións veciñas, afirmando a centralidade e a conectividade dun territorio común e suprimindo as limitacións de mobilidade. Case dúas décadas despois, ambos concellos manteñen o seu ideario, querendo un maior envolvemento da xente máis nova na construción dun futuro común.

Neste sentido, a mocidade residente o o estudantado da Eurocidade Cerveira-Tomiño poderán desfrutar dunha fin de semana marcada pola diversión deportiva e pola celebración dos valores europeos. Sábado e domingo, entre once da mañá e seis da tarde (hora galega), o Skate Park de Goián (Tomiño) e o Centro Municipal de Atletismo (Vila Nova de Cerveira), respectivamente, serán o escenario dos ‘Xogos da Eurocidade – Sen Fronteiras’, dirixidos a rapazada de 12 a 25 anos.

Os mozos e mozas participantes formarán equipos que, ao longo de dous días, loitarán nun conxunto de desafíos, acumulando puntuacións para atopar o equipo gañador. Haberá torneo de tracción de corda, inchables de fútbolín humanos, xogo da illa e xogo ‘big bags’, xincana de bicicletas, tiro de tiratacos, inchable ‘Basket Challenge’, xogos tradicionais, xogo do pneumático, xogo do pé atado, xogo ovo na culler, xogo da malla, Fun Games, paintball e slide.

Rematado o primeiro día dos ‘Xogos da Eurocidade – Sen Fronteiras’, o sábado, 10 de xuño, ás 18.00h (hora galega) presentarase o espectáculo final do proxecto ‘Música Nova’. Participantes locais, en colaboración co alumnado da Escola do Rock Paredes de Coura, saltarán ao Skate Park de Goián, en Tomiño, para un concerto que reúne algunhas das mellores e intemporais músicas rock.

Tras dous meses de ensaios, o grupo de mozos e mozas presenta un repertorio diverso, no que o público poderá escoitar dende The Beatles a Talking Heads, de Sixto Rodriguez a Lhasa de Sela ou de Idles a The Bangles, ademais de moitas outras sorpresas.

Tanto os xogos como o concerto trasladaranse a espazos cubertos, pavillóns municipais e Auditorio de Goián, respectivamente, en caso de choiva.   

Ambas as actividades son de entrada libre e forman parte do proxecto “0780_AMIZADE_1_P”, Consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado nun 75 % polo programa INTERREG VA POCTEP, a través de fondos FEDER da Unión Europea.

Mondariz ten a urxente necesidade de aprobar un orzamento este verán

0

Desde que baixou do limiar dos 5.000 habitantes e viu reducidos os ingresos recibidos do Estado, o Concello de Mondariz presenta desequilibrios estruturais entre ingresos e gastos que inciden na situación económica-financeira da entidade local. “Non é un problema novo deste mandato: estamos falando dun déficit próximo aos 300.000 euros que se repite e mesmo medra ano a ano”, explica o alcalde en funcións, Xosé Emilio Barros. “Estamos por rematar o primeiro semestre do ano e a maioría das partidas orzamentarias están esgotadas. Non é un problema de liquidez, senón un problema de cobertura orzamentaria do gasto corrente”, apunta.

En previsión desta situación, o Goberno municipal que lideraba o BNG desde a alcaldía e o PSdG-PSOE desde a concellería de Facenda tiña preparado un plan de acción para actualizar o orzamento municipal no mes de xullo e asegurar a estabilidade económica-financeira do concello sen renunciar a oportunidades de investimento en infraestruturas e servizos públicos. O actual orzamento, correspondente ao ano 2021, fora aprobado en decembro de 2020 a través do trámite excepcional da cuestión de confianza, despois de ser rexeitado anteriormente polo Pleno da Corporación Municipal. Naquel plan orzamentario incluíranse partidas ata entón baleiras ou inexistentes, como as de investimentos, as do centro de día ou as relacionadas coa obriga legal de devolver ás entidades locais menores de Queimadelos e Vilasobroso un mínimo do 25% dos impostos devindicados neses territorios, en previsión do convenio de colaboración que se asinaría tempo despois.

“O Goberno municipal que liderei desde a Alcaldía foi o único que puxo de manifesto esta situación deficitaria crónica. Cada tres meses, a través da Comisión Especial de Facenda, o concelleiro José Luis Fernández deu conta detallada da situación económica-financeira do Concello de Mondariz aos grupos de oposición. A transparencia foi total”, comenta Barros. Neste sentido, no Pleno da Corporación Municipal tamén se debatiu sobre a necesidade de actualizar taxas e impostos municipais para incrementar os ingresos, coa negativa dos principais grupos de oposición. “Somos conscientes de que estas son medidas altamente impopulares, pero estamos ante un grave problema que afecta á saúde económica-financeira do concello, á prestación de servizos municipais e ao desenvolvemento de accións de futuro”, afirma o xa alcalde en funcións. 

Para corrixir este déficit estrutural entre ingresos e gastos, o Goberno municipal estaba traballando nun plan orzamentario que se complementaba cunha restruturación de recursos, entre outras medidas. Durante os últimos catro anos tamén se avaliaron polo miúdo as necesidades do concello e os contratos de subministración de servizos para gañar en control e eficiencia nos gastos correntes. Investimentos xa executados ou en proceso de execución como os proxectos de aforro e eficiencia enerxética cofinanciados pola Unión Europea a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico contribuíron a sentar as bases dun progresivo aforro na factura eléctrica do concello (un 70 % despois do cambio a LED da rede municipal de alumeado público).

Investimentos previstos para este ano que están en risco

O Goberno municipal deixou totalmente asegurados antes das eleccións municipais do 28 de maio investimentos de gran impacto como o cambio a LED do alumeado público, a mellora e ampliación da senda fluvial de Laredo entre os barrios da Pedreira e do Escobeiro e a construción dun centro de ocio e deporte urbano no Campo da Minada, que están actualmente en fase avanzada de execución. Quedou sen licitar o proxecto de rehabilitación integral da antiga escola unitaria de Redo, na parroquia de Vilar, que ten concedidos 211.275,24 euros do PIREP, a cargo de fondos europeos NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Os case 68.000 euros restantes, que deben ser asumidos polo Concello de Mondariz, agardan confirmación da Deputación de Pontevedra para ser incluídos no Plan Concellos 2023.

Nos últimos meses, con todo, o Goberno municipal presentou proxectos para o desenvolvemento dun centro de interpretación da cestaría valorado en 120.000 euros e a creación dunha senda da levada na parroquia de Toutón, na contorna da carballeira de Aboal, que xa ten concedidos 30.000 euros de Turismo de Galicia. “Estes proxectos requiren que o Concello de Mondariz destine preto de 80.000 euros (50.000 euros para o centro de interpretación da cestaría e 30.000 euros para a senda da levada de Toutón), mais se non se actualiza o orzamento municipal durante o verán vai ser difícil dispoñer destes fondos propios para poder licitalos e executalos”, advirte Barros.

A estes proxectos súmanse outros xa planificados ou solicitados que están agardando resolución respecto do seu financiamento. Por unha banda, aspira a 600.000 euros de fondos europeos para a modernización integral das actuais instalacións da rede municipal de abastecemento de auga a través do PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) de dixitalización do ciclo da auga que lidera a Deputación de Pontevedra. Por outra, está o proxecto de mellora e ampliación das instalacións deportivas da Lagoa para renovar o campo de herba artificial, valorado en 489.000 euros e que opta a fondos do programa provincial PON2030. Ademais, o ambicioso proxecto de restauración e revalorización dos cruceiros e dos petos de ánimas do Concello de Mondariz, valorado en case tres millóns de euros e que opta a fondos europeos NextGenerationEU, dentro do programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno español. En previsión da próxima convocatoria de axudas europeas, tamén se deixou redactado un proxecto para a mellora e ampliación das instalacións deportivas do Val que inclúe un parque temático para as crianzas e un centro de recepción para trails, entre outras infraestruturas.

“Para avanzar nestes e noutros proxectos de futuro que precisa Mondariz para non esmorecer, xerar desenvolvemento económico sostible e gañar poboación é necesario gobernar con máximo rigor e valentía, sen populismos e asumindo a responsabilidade da xestión política”, conclúe Barros.

A Guarda presenta os cursos de verán da aula CeMIT

0

A Aula CeMIT da Guarda reinicia a súa actividade realizando tres novos cursos de informática este verán: manexo do ordenador e internet, editor de texto (para adultos) e informática (para crianzas de entre 10 e 15 anos).

Todas aquelas persoas que estean interesadas poden solicitar máis información e inscribirse na Aula CeMIT da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural en horario de mañá, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico [email protected].

O Curso de manexo do ordenador e internet realizarase os luns, mércores e venres en dúas quendas de 10:30 h a 12:00 h e de 12:00 h a 13:30 h, o curso de editor de texto realizarase os martes e xoves en horario de 10:30 h a 12:00 h e o curso de informática para crianzas terá lugar os martes e xoves en horario de 12:00 h a 13:30 h.

Todos os cursos son de balde e, debido á limitación de aforo e á demanda, poderán realizarse varias quendas.

Sobre a Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento grazas a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.

Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.

A Cañiza regula a actividade forestal no municipio

0

A Cañiza regula a actividade forestal extractiva de corta e saca de madeira a leña dentro do municipio co fin de conservar e protexer a infraestrutura viaria pública municipal. 

A ordenanza regula a actividade extractiva de madeira non considerada de autoconsumo, establecendo o procedemento de autorización, as obrigas e prohibicións para as persoas responsables, o depósito de garantías que cubran os posibles danos así como a tipificación das infraccións e sancións a aplicar.

A aprobación desta nova ordenanza está motivada pola importancia que ten o sector forestal extractivo de madeira a leña no territorio, e a incidencia desta actividade na conservación e mantemento do viario público.

Solicitude de permisos

Está especialmente dirixida ás empresas madeireiras, é dicir, calquera persoa física ou xurídica que realice os labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e/ou transporte da madeira. Inclúe tamén ás persoas propietarias que realicen algunhas destas actuacións nas parcelas da súa propiedade, sempre a cando non sexa para o autoconsumo de madeira e/ou leña e non teñan por destino a súa comercialización.

Prazos de solicitude e concesión

Para realizar traballos de corta e saca de madeira en terreos con plantacións forestais pertencentes ao Concello, será obriga presentar no rexistro das oficinas municipais unha solicitude de autorización por escrito, con 15 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio dos traballos, conforme ao modelo contemplado no Anexo I desta ordenanza, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións que, de acordo coa normativa vixente, sexan necesarios, xunto coa documentación complementaria que se recolle na ordenanza.

O Concello notificará a autorización favorable ou desfavorable, nun prazo máximo de 15 días; transcorrido este prazo sen notificar, a autorización considerarase concedida.  Ademáis o Concello, motivadamente, poderá limitar ou denegar a circulación de madeira por calquera das vías ou zonas públicas indicadas na solicitude de autorización, tendo en conta circunstancias como resistencia ou o estado do firme, pistas de terra en momentos de moita choiva, ubicación, etc. Tendo a obriga o Concello de ofrecer unha alternativa se esta denegación se alonga mais de tres meses no tempo.

Garantías e sancións

O artigo 7 da nova ordenanza recolle tamén, no capítulo de Garantía, que as empresas madereiras deberán depositar unha fianza ou garantía en metálico ou aval bancario a favor do Concello por cada operación de corta e saca de madeira, co obxecto de responderen dos posibles danos causados e non reparados por mor da súa actividade, nas seguintes cuantías:

  • Por tonelada de madeira extraída:  0,50 €/T
  • Vías públicas con firme de terra, zahorra ou semellante: 500 €/km, ou fracción
  • Vías públicas con firme de formigón, asfalto, aglomerado ou semellante:  1000 €/km, ou fracción
  • Existencia de pontes, pontellas e elementos da infraestrutura viaria semellantes:  800 €/Unidade

A contía da garantía poderá ser actualizada anualmente en función do IPC. Ademais, o Artigo 11 recolle a tipoloxía das sancións que se poderán aplicar.

  • Infraccións leves: multa de ata 300,00 euros.
  • Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 300,01 euros e 1.000,00 euros
  • Faltas moi graves: multa de contía comprendida entre 1.000,01 euros e 3.000,00 euros.

Dúas novas rutas, esta fin de semana, dos “Bosques Terapéuticos”

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación está a promover actividades baseadas na terapia de shinrin yoku ou “baño de bosque”, unha técnica orixinaria de Xapón que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión, chega esta fin de semana a Meis e Pontevedra. O sábado, 10 de xuño, terá lugar un percorrido pola Ruta da Pedra e da Auga e o domingo, 11, pola contorna da ponte colgante do Lérez, onde as persoas participantes poderán desfrutar dunha actividade que mestura natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

As dúas rutas, que comezarán ás 10.00 e durarán aproximadamente unha hora, parten dunha premisa fundamental: abrir os cinco sentidos, respirando a fondo e camiñando pensativamente mentres se conecta coa natureza. Porén, os e as asistentes son instados a desconectar os dispositivos móbiles, observar a luz solar que penetra entre as follas, percibir os sons e aromas que as e os rodean, camiñar en silencio e en calma e deixarse levar sentíndose parte da experiencia. De feito, o importante non é facer moitos quilómetros, senón desfrutar do camiño lentamente e prestando atención ao que se atopa no paseo. Amais do percorrido pola Ruta da Pedra e da Auga e pola ponte colgante do Lérez, ao longo deste mes de xuño realizaranse tamén camiñadas polo Lago Castiñeiras, o Río Eifonso e a Illa de Tambo, se ben as prazas están xa todas esgotadas.

Quen queira desfrutar destas saídas dos “Bosques Terapéuticos” aínda poderá facelo nas rutas previstas para o mes de xullo, para as que a inscrición abrirá este luns, 12 de xuño, a través do formulario recollido en www.depo.gal. En xullo os percorridos comezarán o día 1 pola fervenza do Toxa, que tamén se repetirá os días 16 e 30 de xullo. Os días 2 e 22 de xullo será a quenda da Illa de Tambo e o día 8 o programa recalará no Lago Castiñeiras. O domingo 9 de xullo continuará pola Carballeira de San Xusto, o sábado 15 polo Río Eifonso, o domingo 23 pola Ruta da Pedra e da Auga e o sábado 29 pola ponte colgante do Lérez.

Para as rutas do mes de agosto o prazo de inscrición abrirá o 17 de xullo. En agosto os percorridos comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

Ovos, chourizos e patacas fritidas en Covelo

0

A nova directiva da Asociación Virxe da Guía de Maceira decidíu recuperar os actos festivos do día de Santo Antonio e rescatar así unha tradición para deixar en herdanza a súa mocidade. Os días 17 e 18 de xuño a praza de Maceira envolverase de bo humor para gozar coa  veciñanza de diferentes actividades.

En homenaxe ao nome da parroquia, Maceira, ás 12:30 horas do sábado 17 terá lugar o concurso de empanada de mazá no que poderán participar todas as persoas interesadas tan só inscribíndose no número de teléfono 626 986 510 . O xurado puntuará o sabor e a presentación das exquisitas receitas outorgando 100€ ao primeiro premio, 75€ ao segundo e 50 ao terceiro.

Festa gastronómica

Deste xeito, irase espertando o apetito para logo entrar de cheo nos manxares máis terreais. A directiva da asociación Virxe da Guía de Maceira organiza a “I Festa do Colesterol por un día” na que degustaranse patacas fritidas con ovos e chourizos, acompañados dun delicioso postre por tan só 6 €. A organización tamén ofrecerá un menú infantil por 3 € a base de hamburguesa de carne dos montes de Covelo, provida da gandeiría Sesteira de Godóns. No servizo de bar, que ofrecerá a asociación, atoparanse todo tipo de bebidas e café. “Quixemos ofrecer un menú popular, sabroso e para todos os públicos e bolsillos no que tamén puideramos exaltar a calidade das carnes criadas nos nosos montes”, explican dende a directiva.

A música non faltará nesta xornada festiva e os grupos a Banda do Sequío e Tía Isolina porán ritmo para que poidamos bailar e deixar na pista de baile esas calorías de máis. O domingo día 18 celebrarase a misa solemne ás 11 horas na honra de Santo Antonio seguida da procesión e dos tradicionais poxos que a nova directiva tamén quixo recuperar.

Xornada do Consello da Cultura Galega e CSIC sobre a arte e a ciencia en Tomiño

0

Recoller a través da arte información para a investigación científica. Ese é o tema que se abordará este venres 9 no Mercado municipal de Tomiño nunha xornada singular deseñada polo Consello da Cultura Galega e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

A cita, titulada ‘A arte como fonte de información científica’ e coordinada pola responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Luisa Martínez, pretende poñer o foco no feito de que as diferentes manifestacións artísticas, dende as primeiras pinturas prehistóricas atopadas nas covas ata as de hoxe en día, son unha fonte de información moi valiosa para algunhas disciplinas da ciencia.

O secretario do CCG, Silvestre Gómez Xurxo, e mais a coordinadora da xornada seráa as persoas encargadas de inaugurar esta actividade, que non se retransmite en directo pero será gravada para a súa posterior difusión. Neste encontro, as investigadoras da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC Ana Cao e Pilar Gago debaterán sobre o exemplo do valor de arte barroca galega á hora de estudar a evolución histórica da viticultura en Galicia e a antigüidade dalgunhas variedades. Estará moderado por Luisa Martínez e ao remate haberá un coloquio co público asistente.

O Concello de Tomiño convida a toda a veciñanza a participar nestas xornadas nas que se abordará o exemplo dunha investigación levada a cabo na Misión Biolóxica de Galicia e que, aplicando unha visión interdisciplinar ao estudo de tallas barrocas, logrou identificar algunhas variedade de vida concretas en retablos de igrexas de diferentes zonas galegas, poñendo en valor estas manifestacións artísticas como fontes de información para o estudo da historia da viticultura en Galicia.

O CCG e o CSIC veñen tempo colaborando na organización de actividades de divulgación científica en espazos atípicos. En 2022, organizaron “As xentes do mar”, unha xornada que buscaba fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras a través da traxectoria profesional da pescantina Laura González, da científica Luisa Iglesias García e do pescador e influencer Rogelio Santos Queiruga, que dedican ou dedicaron a súa vida ao traballo no mar. Nese mesmo ano, en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC (IIM-CSIC), tivo lugar en Muros unha actividade para analizar a repercusión social que hai detrás do fenómeno coñecido como “mar de ardora”.

O programa ‘Música nas Parroquias’ chega a Chandebrito para as festas patronais

0

O Concello de Nigrán ofrece por cuarto ano consecutivo o programa municipal ‘Música nas Parroquias’ para colaborar coas festas patronais do municipio, sendo este fin de semana as do Cristo da Victoria de Chandebrito. Neste caso o Concello achegará 4.000 € para a contratación do Grupo América e a Banda de Música do Val Miñor. O orzamento total deste programa é de 40.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e servirá para colaborar na celebración de todas as festas patronais do municipio, ben para contratar bandas de música ou orquestras.

Así, o sábado 10 de xuño ás 11:20 horas será o pasarrúas do grupo folclórico infantil ‘Nosa terra das pereiras’, ás 12:00 a Misa de San Antonio, ás 13:00 as puxas e xa pola noite, desde as 22:30 horas, actuará o Grupo Nevada e o Grupo América. Ao día seguinte, domingo 11, ás 11:00 será o pasarrúas da Banda de Música do Val Miñor, ás 12:00 a Misa Maior na honra do Cristo da Victoria e cantada pola coral ‘Os Vagalumes’ e ao seu remate se estreará o himno composto pola catedrática do Conservatorio Superior Mónica Balo González. De 11:00 a 15:00 será a festa das crianzas con inchables e touro mecánico.

O programa municipal ‘Música nas Parroquias’ iniciado en plena pandemia volverá a colaborar a continuación coas festas patronais de San Xoan de Panxón, San Pedro da Ramallosa, Santiago de Parada, Carme de Lourido, San Fiz de Nigrán (organizado integramente polo Concello), Virxe das Angustias, San Roque de Camos e, finalmente, Bo Xesús de Priegue.

O Ciclo Integral da Auga garante a construción da rede de saneamento e da EDAR en Celeiros, Ponteareas

Ponteareas continúa avanzando no Ciclo Integral da Auga, unha nova concesión do servizo de abastecemento, saneamento e depuración da vila que suporá investimentos millonarios no rural ponteareán para a mellora e ampliación de infraestruturas. O Concello sacará a licitación en breve a explotación do servizo, que suporá unha concesión a 20 anos e un canon de máis de 1,3 millóns de euros, multiplicando case por dez o da concesión anterior.

Un dos aspectos máis importantes da contratación do servizo será que as empresas que opten á concesión deberán ofertar investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1,6 millóns e ata un máximo de 7,7 millóns de euros. “A empresa concesionaria deberá investir en mellorar as infraestruturas das que dispón Ponteareas e que, xunto á ampliación da depuradora que comezará en breve, permitirán que o saneamento chegue a esas 19 parroquias que aínda non o teñen”, destacou a alcaldesa, Cristina Fernández.

O anteproxecto recolle o investimento obrigatorio en ata oito proxectos xa avanzados polo Concello, como de obrigada execución a construción da rede de saneamento na parroquia de Celeiros, a rehabilitación estrutural do azud do río Tea ou executar a estación depuradora de augas residuais urbanas tamén na parroquia de Celeiros, “levando o tan necesario saneamento ás parroquias ponteareás”.

Ademais, o anteproxecto recolle tamén a obrigada ampliación da rede de abastecemento en diferentes lugares das parroquias de Moreira, San Mateo de Oliveira, Santa María de Areas e outras conexións., entre outros proxectos.

O Porriño prepárase para celebrar un San Xoán seguro

O Porriño xa está preparado para celebrar a noite de San Xoán. O alcalde, Alejandro Lorenzo, vén de emitir un bando municipal regulando as normas para a realización das tradicionais cacharelas e sardiñadas en espazos públicos.

En primeiro lugar, deberán realizarse en lugares despexados que disten un mínimo de 15 m ás edificacións e árbores. Ademais, o diámetro máximo da zona de combustión da fogueira será de 4 metros de ancho cunha altura máxima de 2 metros.

En segundo lugar, os asistentes non poderán concentrarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira.

Os materiais a empregar serán leñas, polas, toros de árbores e vellos materiais de madeira, xa que está prohibida a queima de neumáticos, plásticos e aceites, entre outros, en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.  Tamén quedan prohibidas as cacharelas baixo tendidos eléctricos, telefónicos, etc…

A fogueira deberá permanecer vixiada polos solicitantes ata a súa completa extinción.

As solicitudes para autorizar as cacharelas deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica antes das 23 h do día 16 de xuño.

Entregado o primeiro diploma Duque de Edimburgo a un alumno de Mos

0

Na mañá de hoxe, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada de Julia Loureiro, concelleira de Educación, entregou o recoñecemento a Nacho Cano, baixo a atenta mirada da Dirección do Centro e do alumnado. O alumno, de 16 anos que cursa 4º da ESO, é o primeiro estudante que completou a categoría Bronce, único alumno en Galicia.

Este premio, o Diploma Duque de Edimburgo, foi creado por Kurt Hahn, unha das figuras máis influentes na educación internacional do século 20 XX e estña implantado no colexio mosense O Castro International Brithis School desde hai dous anos.

O premio consta de tres categorías a partir de 2º de ESO: ouro, prata e bronce.

Este prestixioso programa internacional mide todas as habilidades dos estudantes, non só as académicas, senón outras como a convivencia, o voluntariado, o traballo en equipo, etc. Todas estas cualidades son vitais para que se convertan en CIDADÁNS GLOBAIS preparados para a seguinte etapa da súa carreira profesional e o seu crecemento persoal.

Nacho, para iso, realizou un voluntariado durante 9 meses ensinando español a inmigrantes de orixe africana.

Alevíns e benxamíns do Tyde F.C. participan no Torneo Internacional de fútbol en Versmold

0

Onte celebrouse unha recepción aos 12 xogadores do Tyde F.C. que van a participar no Torneo Internacional de Versmold, onde compartirán experiencia con clubs de 12 países. Foron recibidos no salón de sesións da casa do Concello de Tui polo alcalde de Tui en funcións, Enrique Cabaleiro, e polo concelleiro de Deportes en funcións, Rafael Estévez.

No acto participaron tamén o presidente do Tyde F.C., Elías Vieiro e o director deportivo do club, José Manuel Quintana. Estiveron presentes os 12 xogadores acompañados polos seus adestradores, Samuel, José Paz e Raúl.

O alcalde de Tui en funcións, Enrique Cabaleiro, animou aos xogadores e xogadora que participarán neste torneo a desfrutar “desta experiencia marabillosa”. Apuntou tamén que este ano cumpríronse 10 anos da formalización da irmandade entre Tui en Versmold “xurdida das e dos tudenses que emigraron a este cidade alemá para buscar un futuro mellor”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes en funcións, Rafael Estévez, agradeceu no acto ao Tyde F.C. a “coordinación deste evento e por ser a representación de Tui en Versmold”. Asemade, indicou que “dende a concellería de Deportes entregarémosvos uns obsequios para os nosos irmáns alemáns”.

O presidente do Tyde F.C., Elías Vieiro, e o director deportivo, José Manuel Quintana, amosaron hoxe o seu “orgullo por poder representar ao concello de Tui neste torneo” e agradeceron a oportunidade “única” que poderán vivir os e a xogadora de participar nun torneo internacional.

Deste xeito o Tyde F.C. volve esta fin de semana de novo a participar neste Torneo Internacional en Alemaña.

Ponteareas abre unha nova convocatoria de axudas para libros de texto e material escolar

O Concello de Ponteareas vén de abrir o prazo para solicitar as axudas municipais de apoio ao estudo, subvencións destinadas ao alumnado matriculado o vindeiro curso 2023/2024 en 4º, 5º ou 6º de educación infantil, FP Básica, ciclos formativos ou bacharelato nos centros de ensino da vila.

Como sinala a alcaldesa en funcións e responsable de Ensino, Cristina Fernández, estas axudas “son imprescindíbeis para camiñar de xeito firme cara a igualdade de oportunidades, para que ninguén quede atrás por cuestións económicas, porque este tipo de gastos escolares supoñen un esforzo cada vez maior para as familias cada inicio de curso”.

O Concello destinará 15.000 euros a esta nova convocatoria, coa que se contribuirá á adquisición de libros de texto e material escolar daquelas familias ponteareás con ingresos máis limitados que non dispoñan de ningunha outra axuda para esta mesma finalidade.

As axudas terán unha contía máxima de 100 euros por menor. As persoas interesadas poden presentar a súa solicitude dende este xoves 8 de xuño no Rexistro Xeral do Concello de forma presencial ou a través da Sede Electrónica. As bases xa están dispoñíbeis para a súa consulta na web municipal, así como os formularios precisos para a presentación de solicitudes. O prazo de presentación remata o vindeiro 22 de agosto.

Covelo dá a benvida ás primeiras alumnas en prácticas do Campus Rural da UVigo

0

O alcalde en funcións de Covelo, Pablo Castillo, e a concelleira de Formación en funcións, Lourdes Enes, recibiron ás tres alumnas da Universidade de Vigo que realizarán as súas prácticas no Concello.

Alba Carrín Méndez, Laura García González e Nerea Rodríguez Figueroa son as mozas que completarán a súa formación mediante a realización de prácticas académicas externas, tanto curriculares como extracurriculares, no ámbito rural. As tres elixiron Covelo polas tarefas laborais que ofertaba o Concello. Así, Alba Carrín apoiará o traballo da asistenta social para rematar o seu grao de Traballo Social; Lara as de promoción turística para completar o seu dobre grao de Turismo, Historia e Xeografía e Nerea as de administración, dereito, urbanismo e rexistro civil como colofón aos seus estudos do grao de Dereito.

Ao longo destes tres meses desenvolverán o seu traballo no Concello de Covelo e tamén serán veciñas do mesmo xa que as prácticas requerían o compromiso de residir no mesmo. Chegadas doutros concellos e doutras provincias, ningunha das tres coñecía a beleza natural e a riqueza patrimonial de Covelo pero foi algo decisivo á hora de seleccionar este rincón da Paradanta para completar a súa formación. O Campus Rural é unha iniciativa do Ministerío para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que o goberno local non dubidou en solicitar “xa que non só dan apoio ao traballo do persoal municipal con profesionais formados se non que promove entre a mocidade o noso concello”, explica Pablo Castillo.

A procura dun fogar para vivir estes tres meses non foi doada pero as tres aseguran que contaron co apoio do Concello e manifestan estar contentas coa súa nova residencia temporal. Seguirán estudando para poder quedar en Galicia e desenvolverse profesionalmente na súa terra, quen sabe si Covelo volverá estar presente na súa traxectoria laboral pero, polo de agora, será aquí onde contribúan cos seus coñecementos.

Ámbalas tres poden dicir que estudaron aquelo polo que sentían vocación, agora Covelo ofrécelles unha toma de contacto co traballo diario, co real, aquel no que teñen que aplicar os apuntamentos teóricos.

Grazas a este convenio de cooperación educativa entre o Concello e a Universidade de Vigo facilítase a preparación para o exercizo profesional e a inserción laboral. “Titorizadas polas responsables destes servizos potenciarán a autodeterminación de usuarios e colectivos; crearán actividades turísticas e de resolución de conflitos; limitación e lexitimación dos poderes sociais; funcións promocionais da xustiza e do benestar da cidadanía, entre outras tarefas.

Superadas as 300 adopcións do CAAN

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de superar as 300 adopcións no que vai deste ano 2023, un dato que segue a amosar a enorme concienciación cidadá acerca do coidado e benestar animal. A cifra superouse este pasado luns 5 de xuño coa marcha de “Rocky”, un cachorro que fora rescatado en maio tras ser abandonado nun monte de Marín xunto a outras dúas femias da mesma camada e, tras recuperarse das graves condicións nas que chegou ao centro, agora vén de saír do CAAN cara Nigrán. Como el, xa son 306 os/as cans e cadelas as/os que atoparon un novo fogar desde as instalacións da Armenteira desde o 1 de xaneiro, o que supón unha media de case 2 animais por día (1,9).

As 306 adopcións acadadas desde xaneiro foron todas en territorio nacional, a maioría formalizadas en Galicia (265), e o resto en Castela e León e Asturias (14),  Asturias (14), Castela A Mancha (6), Cataluña (4), Madrid (2) e Estremadura (1). No que se refire á comunidade galega, a meirande parte das saídas producíronse na mesma provincia de Pontevedra (196), seguidas das 31 en Ourense, 30 en Lugo e 8 na Coruña. O concello con máis adopcións foi Vigo (33), seguido de Pontevedra (25). Na provincia tamén hai que destacar os rexistros de Sanxenxo e Nigrán (ambos con 11 adopcións), amais dos de Redondela (10),  Meis e Cambados (con 8), Vilagarcía e Ribadumia (7), Gondomar (6) ou Poio, Lalín e A Lama (con 5).

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados. O persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar  as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.

O proxecto sobre o precursor do cine galego chega ao Porriño

O proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega mañá ao Porriño para achegar á veciñanza e á comunidade educativa o legado do gran precursor do cine galego.

O proxecto, financiado pola Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, recala na vila do Louro con proxeccións, concertos, encontros e múltiples actividades arredor do cineasta e da súa obra.

José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia. Levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, que será a peza central coa que este proxecto co que se pretende recuperar a necesaria presenza no ideario colectivo de alguén que loitou toda a súa vida por poñer as bases do cinema moderno. E isto sendo un rapaz dunha aldea remota de Galicia de finais de século XIX, que a pesar diso chegou a ser un grande fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cine.

Gran vinculación co Porriño

O pai de José Gil, o garda civil Domingo Gil, estivera destinado na casa cuartel do Porriño a comezos de 1873, cando o futuro cineasta só tiña tres anos. O Porriño era un lugar de paso na visitas co seu Ford e as estadías na aldea natal, Rubiós (As Neves). Ao longo dos anos impresionou algunhas películas no Porriño como Campamento de tropas nas gándaras de Budiño que aparecían en Pontevedra y sus paisajes (Actualidades de Pontevedra) en 1924. O médico municipal do Porriño, Aquilino Álvarez Argüelles, era un grande amigo da familia, chegando a presidir o enterro da súa filla Rosa Gil en 1922 e asistindo aos funerais de María e Josefa.

No entanto, en agosto de 1925, a “Unión de Sociedades do Distrito de Porriño” de Bos Aires produciron un documental de 1.000 metros, Porriño y su distrito, para ser enviado á Arxentina con imaxes das diferentes parroquias do concello. Era unha das encomendas habituais de José Gil por toda Galicia por ser considerado “o cineasta da emigración”. Lamentablemente, nesta ocasión o contrato de produción non recaeu na empresa de Gil, senón na produtora arxentina “América Hispana Films” do emigrado leonés León Artola.

No verán de 1933 percorreu varias localizacións do concello filmando panorámicas do Porriño e as súas industrias e patrocinado pola empresa local, a fábrica de cerámica e ladrillos “Mas”. Esta fita integrábase no derradeiro Noticiario de Galicia (nº 11), sendo estreado no Teatro Diz o 22 de marzo de 1934.

Entre 1928 e 1933 -até a chegada do cinema sonoro- exhibíronse habitualmente documentais sobre Vigo e os Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica no “Salón Diz”, propiedade de Servando Diz Rey.

Obra de fin de curso da Escola de Teatro de Tomiño

0

A Escola de Teatro de Tomiño remata o curso do mellor xeito posible, sobre o escenario. O grupo de cativos e cativas de 4 a 8 anos e os de 9 a 12 porase este domingo 11 de xuño diante do público para interpretar ‘A primavera da aldea e mamá gatiña’, unha obra na que o alumnado da escola municipal demostrará todo o aprendido ao longo destes meses de clases e ensaios.

A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 19.30 horas con entrada de balde e coa colaboración especial da Agrupación Musical de Goián, que dará apoio aos rapaces e rapazas durante todo o espectáculo.

A través da Escola de Teatro municipal, cativada e mocidade achéganse ao mundo teatral ao tempo que se estimulan as súas capacidades creativas, se fomenta o traballo en equipo ou se melloran os recursos comunicativos, entre outros aspectos. Ademais, combínase a expresión dramática coa creación, co ensaio e coa posta en escena desta obra final coa que deleitarán ao público este domingo.

Exposición en Ponteareas sobre a historia do Corpus

O Corpus abre as portas aos 150 anos de historia da Banda de Música Unión de Guláns. O vestíbulo do auditorio municipal Reveriano Soutullo acolle ata o vindeiro luns 12 de xuño unha exposición na que o público poderá ver a evolución da banda a través de fotografías, partituras, instrumentos, carteis, traxes e outros moitos elementos de diferentes épocas dende a súa creación no ano 1870.

A idea da mostra xurdiu no ano 2015 dunha exposición itinerante de instrumentos antigos realizada con distintas bandas de música e que deu pé a unha exposición en Guláns que foi todo un éxito de público. Agora, a banda da un paso máis e “aumentamos a cantidade de material exposto para repasar o século e medio de vida da Unión e realizar un acto máis na celebración do noso 150+3 aniversario”.

O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, sinala a importancia de celebrar este aniversario para a banda que “cumpriu 150 anos en 2020 pero non puidemos poñer en valor a súa ampla traxectoria e legado por mor da situación sanitaria, polo que agora era necesario retomar esa celebración achegando a súa historia á maior cantidade de público posíbel nunha data tan importante para todas e todos nós como é o Corpus”.

O público poderá achegarse á banda de música a través de 41 paneis que repasan a súa historia a través de fotografías de actuacións, festas, viaxes… recollidas “despois de repasar centos de fotografías grazas á colaboración de músicas e músicos e veciños e veciñas que fixeron posíbel que recompilásemos tanta información”. Ademais, en catro vitrinas cedidas pola Fundación da Casa Cultural de Guláns poden verse partituras antigas, discos, libros, carteis e recoñecementos recibidos ao longo destes anos.

A mostra complétase coa exposición de instrumentos, traxes, partituras emblemáticas e atrís de madeira, así como material e gravacións antigas. Un amplo mostraxe que permite recoñecer caras coñecidas como a Rogelio Groba, Indalecio Fernández ou Miguel Groba e incluso recolle anécdoras curiosas, como un contrato da banda de música de hai  50 anos que non se chegou a cobrar.

A Banda de Música Unión de Guláns quere agradecer ao Concello a súa colaboración “para que esta exposición saíse adiante”, así como do investigador, profesor e ex músico da banda Anxo Serafín Porto, “que fixo un labor de investigación impagábel para por nome a todas as persoas que saen nas fotografías”. Tamén destacan que nada sería posíbel sen a colaboración de ex músicos e veciñanza de Guláns, que colaboraron na exposición deixando material desinteresadamente e incluso nalgúns casos doándoo á banda para a súa conservación.

A exposición estará aberta ao público entre semana de 20.00 a 21.00 horas, o venres 9 de 20.00 a 22.00 horas, o sábado 10 de 20.00 a 02.00 horas e o domingo 11 de 09.00 a 14.30 horas. A mostra pechará o vindeiro luns 12, que estará aberta ao público de 20.00 a 22.00 horas.

Ruta Literaria por Tui o venres

0

Dentro da programación de ‘Tui en Letras’, este venres terá lugar unha nova ruta literaria pola cidade de Tui na que os participantes percorreran diversos lugares da cidade vinculados a figuras literarias tudenses, coma a casa familiar dos Álvarez Blázquez, a residencia vacacional de Camilo José Cela, a antiga igrexa de San Xoán do Porto vinculada co troveiro medieval Golparro, a rúa onde residiu o historiador Francisco Ávila y Lacueva, etc. Tamén se vistarán outros enclaves relacionados con Faustino Rey Romero, María Tydeska (María Gloria Pereira). A saída será ás 19:30 horas dende a Biblioteca Municipal, no edificio Francisco Sanchez.

Para a concelleira de Cultura en funcións, Sonsoles Vicente, esta actividade vincula o patrimonio material tudense co acervo cultural legado polos escritores e literatos que, ao longo do tempo, teñen enriquecido a nosa vida colectiva, moitos deles hoxe case esquecidos. Con esta actividade a concellería de Cultura do Concello de Tui continua avanzado no programa “Tui en letras” que, ao longo dos meses de abril, maio e xuño, ven ofertando un amplo programa de actividades de promoción da lectura e a lingua galega. Un programa que conta co colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra.

A asistencia é libre e gratuíta para todas as persoas interesadas.

O Museo de Pontevedra organiza un seminario sobre o patrimonio cultural

O Museo de Pontevedra organiza, o 15 de xuño, o seminario ‘Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural’, co que quere recordar o intenso traballo de investigación e posta en valor do patrimonio cultural da profesora Ana Goy Diz. O seminario terá lugar o xoves 15 pola tarde, de 16:00 a 19:30 horas, no Edificio Castelao. O acceso será libre, pero as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse ata o martes 13 de xuño escribindo a [email protected].

O seminario propón unha aproximación a diferentes aspectos relacionados co patrimonio cultural, campo de investigación no que a homenaxeada desenvolveu a súa traxectoria académica. A súa defensa do patrimonio galego, a súa investigación, xestión e protección, máis aló dos valores monumentais e histórico-artísticos, motiva os contidos destas xornadas, nas que participan persoas moi vinculadas á súa vida e traxectoria profesional.

O encontro abordará un problema central, o do valor do patrimonio como testemuño dunha memoria colectiva, e referencia, polo tanto, da identidade dunha comunidade que se constrúe socialmente. Este legado cultural forma parte dun amplo contexto plural que está constituído, ao mesmo tempo, por un conxunto de valores que o particularizan e o distinguen. A responsabilidade da súa conservación e salvagarda implica necesariamente a súa identificación e estudo.

A esta relación entre patrimonio, memoria e identidade dedícase a primeira sesión do seminario, con intervencións sobre o templo de San Xinés de Padriñán (Sanxenxo), sobre os bispos lucenses Fernando de Velosillo e Francisco Yzquierdo Tavira e sobre a Carta de Cracovia. Por outra banda, para a protección e conservación empréganse diferentes recursos e estratexias que poden garantir e preservar eses valores e a súa transmisión ás xeracións vindeiras. A estas estratexias de sostibilidade do patrimonio dedícase a segunda sesión. As intervencións versarán sobre as aplicacións da investigación arquivística na Historia da Arte, a cunca alta do Tera como paisaxe cultural, a posta en valor do cuartel de San Fernando de Lugo, a Torre de Hércules e a Catedral de Mondoñedo e a candidatura da Ribeira Sacra á lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

As empresas da Guarda comprometidas cos océanos

0

O Instituto Dental Campos, referente en Odontoloxía con 35 anos de traxectoria, acaba de lanzar unha campaña de sensibilización sobre a reciclaxe de cepillos dentais de plástico, por iso, acaba de instalar un punto limpo para a recollida de cepillos de dentes de plástico na Guarda, para que todos os veciños poidan participar. A iniciativa ten como obxectivo fomentar prácticas sostibles e reducir o impacto ambiental xerado por estes refugallos, que representan o 1 % de todos os residuos plásticos mariños.

O punto limpo está situado na propia clínica dental, que se atopa na rúa Galicia nº 91, no concello da Guarda.

Os cepillos de dentes non se reciclan no contedor amarelo para plásticos

A durabilidade do plástico, a falta de opcións de reciclaxe adecuadas e o descoñecemento xeral atópanse detrás deste grave problema ambiental.
Porque, a diferenza do que se adoita pensar, os cepillos de dentes usados non se reciclan no contedor de plásticos. O lugar idóneo sería un punto limpo designado para iso. Se non é posible, a mellor opción é facelo no contedor gris, nunca no amarelo.

Pomba Campos, xerente da clínica, expresou o seu entusiasmo pola iniciativa e afirmou: “Na clínica levamos tempo incorporando prácticas máis sostibles, pero queriamos ir máis aló e atopar unha solución que xerase un maior impacto, involucrando tamén aos nosos pacientes e veciños da Guarda. A gran maioría non sabe que os cepillos se poden reciclar, nin como facelo correctamente, así que esperamos que esta acción marque a diferenza”.

Teatro este sábado en Nigrán

0

O Concello de Nigrán, a través do seu convenio con Fegatea, presenta este sábado 10 de xuño ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán a obra ‘O Randiña’ da Asociación dramatúrxica Pico do Castro (Foz, Lugo). A entrada é de balde ata completarse o aforo.

A peza recrea as peripecias dun vagabundo no seu afán de evitar que se lle arrebate o único lugar que considera o seu fogar, un banco de praza. Este singular personaxe fará fronte á indiferenza, o abuso e a marxinación tendo como única arma o seu inxenio e astucia, logrando sortear cada situación que se lle presente para saír ben librado. Esta obra invítanos a facer unha análise da nosa vida e do noso papel na sociedade desde unha perspectiva distinta. 

A seguinte representación dentro do Fegateatro será o 17 de xuño no Auditorio Municipal ás 20:00 horas con ‘Terra’ da compañía Lohengrin.

Reunión informativa en Tui pola modificación do PXOM en San Bartolomeu

0

O Concello de Tui convoca unha reunión informativa o próximo xoves, 15 de xuño, ás 19 h no salón de plenos da casa do concello para a veciñanza afectada pola modificación puntual do PXOM da reforma urbanística da zona de San Bartolomeu.

Precisamente está en exposición pública esta modificación puntual da reforma urbanística da zona de San Bartolomeu que foi aprobada inicialmente en pleno pola corporación municipal o pasado 27 de abril. Durante dous meses a documentación pódese consultar na sede electrónica do Concello de Tui ou no departamento de Urbanismo  de luns a venres de 9 a 14 h.

Por outra parte dende o Concello solicitáronse os informes sectorais autonómico preceptivos, que deberán ser emitidos no prazo de tres meses.

No ámbito da zona de San Bartolomeu, obxecto desta modificación, queda suspendido o outorgamento de licenzas de obras e actividade e de parcelación, durante un prazo de dous anos ou até a aprobación definitiva da modificación puntual en proxecto.

A modificación do PXOM de 2011 no barrio de Bartolomeu afecta ás zonas de Paiáns, Barros, Loureiro e Santa Eufemia clasificada na actualidade maioritariamente como solo urbano cunha superficie aproximada de 290.004 m² incluído nos denominados PERI 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9 e 10 do PXOM vixente.

A reforma urbanística proposta ten por obxecto manter a fisionomía da estrutura parcelaria e edificada que da fronte a rúa Paiáns. Xunto a esa reforma proxéctase tamén deseñar operacións de menor escala de reforma interior que aseguren unha axeitada protección ambiental dos espazos que o precisen, garantindo a rehabilitación da zona, coa mellora e a posta en valor de esta área urbana, pola presenza próxima de espazos históricos de alto valor. Establécese tamén unha fachada urbana de baixa densidade que pechará as traseiras das edificacións que fan fronte da Avenida da Concordia que podería establecer un espazo de arboredo ou axardinado como elemento fronteirizo que tamice a presenza das traseiras das edificacións en altura e que serva de filtro acústico e visual entre ambas realidades. Tamén se contempla a mellora da mobilidade cun novo enlace coa Avenida da Concordia e a construción de tres glorietas mantendo a rede existente.

Traballo de información urbanística e diagnose da situación existente co obxecto da Identificación das sinais de identidade da rúa Paiáns, como unha arteria histórica de carácter tradicional de acceso á Vila, que dispón de un especial valor ambiental e paisaxístico, que xunto con os camiños históricos que atravesan a zona, xa recoñecidos, forma un entrabado urbanístico que é preciso conservar, coas menores operacións de transformación urbana.

A modificación proposta mantén o uso residencial da zona, modificando en exclusiva a tipoloxía edificable e a intensidade do uso, fundamentalmente residencial.

O alcalde de Tui en funcións, Enrique Cabaleiro, sinala que con esta modificación puntual do PXOM, iniciada xa en 2015, dase resposta a unha vella demanda da veciñanza da zona e se busca corrixir a “inacción urbanística” que se estaba a producir coa figura dos PERI’s.

O II Ciclo Mestre Mateo comeza este xoves na Guarda

0

O Centro Cultural da Guarda acolle este xoves 8 de xuño a primeira das proxeccións cinematográficas da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 20.30 horas, exhibirase o filme Código Emperador, do realizador Jorge Coira e que se estreou no XXIV Festival de Málaga.

O thriller foi finalista aos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe, dirección, dirección de produción, mellor interpretación masculina protagonista e de reparto, maquillaxe e perruquería, montaxe, música orixinal e mellor son. Nel, o actor Luis Tosar, que encabeza o reparto xunto Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Denis Gómez, Miguel Rellán e María Botto, ponse na pel de Juan, un axente que traballa para os servizos secretos. Co fin de ter acceso ao chalé dunha parella implicada no tráfico de armas achégase a Wendy, a asistenta filipina que vive na casa e establece con ela unha relación cada vez máis complexa. En paralelo, Juan realiza outros traballos “non oficiais” para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, que teñen a vista posta en Ángel, un político cuxos trapos sucios deberá buscar ou “inventar” coa axuda de Marta, a filla dun recoñecido actor.

Despois desta proxección, A Guarda acollerá tamén en xuño o pase de Live is life, o día 29 ás 20.30 horas no mesmo Centro Cultural. O filme, que foi finalista nos Mestre Mateo nas modalidades de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario, está dirixido por Dani de la Torre, con guión orixinal de Albert Espinosa, e conta no elenco con Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outros actores e actrices.

Amais da Guarda, os outros concellos nos que recalará nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son, amais dos citados Código Emperador e Live is life, o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no Ourense Film Festival.

Chega o IX Concerto Coral Ecos do Verán ao Rosal

0

O Rosal quenta voces para acoller, un ano máis, o Concerto Coral Ecos do Verán, un encontro organizado polo coro ‘Ecos do Folón’ de Fornelos e que chega á súa novena edición cun programa por todo o alto. A actuación será este sábado 10 de xuño ás 20.30 horas e de balde no auditorio municipal, onde o coro rosaleiro estará acompañado da Coral ‘Regia’ de Santovenia de Pisuerga (Valladolid) e da Coral Polifónica ‘Lira’ de San Miguel de Oia, unha coral viguesa nada no 2000 impulsada polas inquedanzas culturais dun veterano grupo de incondicionais da banda de música da Agrupación Musical Lira.

A Coral Polifónica ‘Ecos do Folón’ naceu no ano 2008 como unha actividade social, aínda que pouco a pouco comezou a camiñar soa e xa no ano 2012 fundou a súa propia asociación músico-cultural. Dos 17 compoñentes iniciais a coral foi medrando ata chegar ás actuais 3o voces mixtas, todas elas persoas de grande afección polo canto pero sen coñecementos musicais, polo que o seu labor ten un gran mérito.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a toda a veciñanza a gozar deste concerto único no que as corais sorprenderán ao público co seu variado repertorio, que incluirá dende temas tradicionais, habaneiras ou rancheiras ata valses, boleros ou zarzuela.

“DepoEmprende na ESO” chega a nenos de Redondela, Tui e Gondomar

O programa da Deputación para o fomento da cultura emprendedora en centros de secundaria, “DepoEmprende na ESO”, vén de poñer o broche de ouro á súa sétima edición cun mercado solidario efémero en Pontevedra. Un total de 135 rapaces de 4º da ESO de Pontevedra, Redondela, Tui, Moaña e Gondomar, acompañados de 8 profesores, concentráronse na Praza da Peregrina para demostrar as súas artes como vendedores dos produtos creados polas cooperativas nadas ao amparo do programa provincial, estreitamente relacionadas coa natureza, a ecoloxía, a cultura e a reciclaxe. A deputada provincial en funcións Ana Mejías e a concelleira en funcións de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, visitaron o mercado e fixeron entrega dos diplomas aos cinco centros participantes. Tamén asistiron ao acto María del Carmen Jul Barreiro, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional, Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, e Diana Pastoriza, xerente de AEMPE.

As cooperativas “Ecop”, “Icepolo”, “Ecoseoane” e “Copeponte”, do IES Luis Seoane de Pontevedra; “Roá” e “Artesanilla” do IES Illa de San Simón de Redondela; “Copegal” e “Golorico”, do IES San Paio de Tui; “Costa Vela” do IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña; e “Kaylate S. Coop” do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar, creadas no marco desta sétima edición de “DepoEmprende na ESO”, ocuparon a Praza da Peregrina no mercado efémero e solidario no que puxeron á venda produtos elaborados e/ou comercializados por eles mesmos ao longo do curso. Marmeladas ecolóxicas, mel, pastas, rosquillas, crema de cacahuete, chourizo ecolóxico, chocolates e chocolatinas, cafés, produtos de artesanía Avelaíña, aceite de oliva, bolígrafos, peites, pen drives, perfumes, xabóns naturais, galletas, bolsas, xoguetes ecolóxicos ou camisetas elaboradas con tecidos orgánicos, foron algúns dos produtos vendidos e cuxa parte dos beneficios irán parar a entidades protectoras de animais como as protectoras de Tui (Aloia) e do Morrazo, a Asociación de Axuda a Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), a Asociación Participa para a Inclusión Social, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), a Residencia Santelmo e tamén outros colectivos deportivos e sociais como o Gondomar C.F.

O peche de “DepoEmprende na ESO”, no que ademais dos centros educativos de Gondomar, Moaña, Pontevedra, Redondela e Tui tamén participou o IES da Guía de Vigo, completa o ciclo de clausura doutros programas de fomento da cultura emprendedora en centros educativos liderados pola Deputación de Pontevedra como “DepoEmprende na Escola”, do que formaron parte este curso dez centros educativos de Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Ribadumia, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía, e “DepoEmprende na FP”, con seis centros educativos de Gondomar, As Neves, Pontevedra e Vigo.

Abertas as inscricións para o campus de verán do CB Nigrán

0

O campus de verán que o Club Balincesto Nigrán organiza, en colaboración co Concello, desenvolverase no pavillón municipal de Panxón e abre hoxe o seu prazo de inscrición. Devandito campus terá lugar dos días 1 ao 14 de xullo en horario de 10:00 a 14:00 horas.

O Club xa está a pechar a colaboración de diferentes adestradores de baloncesto e monitores titulados para as diferentes actividades, pois ademais de baloncesto os nenos gozarán doutras experiencias.

Esta actividade está dirixida para nenos de entre 6 e 17 anos de idade, cun prezo de inscrición de 70 euros. En caso de acudir dous irmáns o importe será de 110 euros polos dous.

Os interesados neste campus de verán podreán inscribirse cubrindo e enviando o cuestionario que aparece nesta ligazón.

Tomiño premia a creatividade do alumnado para mellorar a xestión do lixo

0

Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e poñendo o broche final á Semana do Medio Ambiente, o Concello de Tomiño premiou a creatividade e as ideas do alumnado do municipio para mellorar a xestión do lixo nos seus centros educativos. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, fixo a entrega dos galardóns aos autores dos proxectos premiados no concurso audiovisual ‘Como mellorar a xestión do lixo no meu centro’, un certame co que se buscaba “achegar a toda a veciñanza a importancia dunha xestión adecuada dos residuos, reflexionando sobre o impacto que produce o lixo no medio ambiente e facéndoos partícipes da solución”. 

Na categoría benxamín o gañador foi o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil do CEIP Pintor Antonio Fernández co seu ‘Pequenos xestos’, un vídeo que recolle o seu traballo de reflexión sobre o que se fai ben e o que se pode facer mellor no tratamento do lixo no centro. Como segundo clasificado quedou o grupo de EI CEP Tebra.

Mentres, na categoría infantil a peza audiovisual gañadora foi a do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra, que adaptaron unha canción que tocaron contando o que se fai no centro e pedindo a colaboración de todas as persoas para continuar mantendo limpo o colexio. 

Pola súa banda, na categoría xuvenil os premiados foron os vídeos de 4º ESO A, 4º ESO B e 4º ESO C do IES Antón Alonso Ríos, que recompilan o que xa se está a facer e achegan diferentes ideas e propostas para seguir mellorando a xestión do lixo no centro. Nesta categoría os proxectos presentados por 1º ESO E e por 1º ESO C e 1º ESO D quedaron como segundos e terceiros clasificados, respectivamente.

As clases gañadoras dos primeiros premios foron galardoadas cunha visita grupal á Aula temática da Comunidade de Montes de Pinzás, con actividades adaptadas a cada grupo de idade e un detalle individual para cada un e cada unha das participantes. Na categoría benxamín o segundo clasificado foi premiado con esta mesma visita, mentres que na xuvenil os grupos que quedaron en segundo e terceiro posto recibirán un detalle individual.

A concelleira agradece a participación de todos os estudantes nesta iniciativa e a implicación do equipo docente e dos centros.

Redondela proporciona autobuses de balde para acudir ás probas da ABAU

0

O Concello de Redondela pon ao dispor dos estudantes dos Institutos de Educación Secundaria do municipio (IES Floriani, IES Mendiño e IEs Chapela) o servizo de balde de dous autobuses – ida e volta-  para as xornadas nas que se realizan as probas de acceso á universidade “ABAU” durante este mes de xuño.

Para facilitar o desprazamento ata as isntalacións da Universidade de Vigo no CUVI, facilitarase o uso de dous autobuses que recollerán aos rapaces directamente nos propios institutos.

Este servizo cubrirá a ida ata a Universidade e a volta a Redondela os tres días nos cales levan a cabo estas probas, e para iso,  dispoñerase de dous vehículos con capacidade para un cento de persoas. A alcaldesa en funcións, Digna Rivas, desexa o “éxito a todas e todos os estudantes  e espera que todos e todas obteñan os mellores resultados posibles xa que diso dependerá en gran medida o seu futuro profesional. Desta forma apostamos pola xuventude e axudamos á conciliación familiar ofrecendo as mesmas condicións a todo o mundo”.

Está é a primeira vez que se fai unha iniciativa deste tipo. “Foi unha proposta das ANPAS ao Consello Escolar Municipal e non dubidamos en acceder á petición. Esta é unha aposta deste goberno pola equidade, pioneira no municipio”, conclúe Rivas.

Industria obriga a Cide CHCEnergia ao restablecemento do servizo de luz cortado de forma irregular en Ponteareas

Tras os trámites realizados polo Concello de Ponteareas, a Consellería de Economía, Industria e Innovación emitirá unha resolución para o restablecemento inmediato do servizo de luz cortado de forma inxustificada por parte da eléctrica Cide CHCEnergía e que afecta aos edificios municipais do Centro Social, da Biblioteca, do Centro de Dinamización Empresarial e do Centro Cultural de Cristiñade. O Concello denuncia que a compañía reclama facturas do ano 2022 que non constan pendentes de pago na contabilidade municipal, foron mal emitidas por parte da empresa ou que foron presentadas recentemente, como a que corresponde ao gasto do mes de maio.

Durante o ano 2022, a compañía eléctrica estivo sete meses sen emitir ningunha factura ao Concello, dende marzo ata outubro. A partir do mes de outubro, as facturas comezaron a ser emitidas “en avalancha, duplicadas e, en moitos casos, sen conter a información necesaria para autorizar o seu pagamento”. Esta situación continuou durante o ano 2023, no que se seguen recibindo facturas do ano pasado, para o que incluso tivo que aprobarse en pleno un recoñecemento extraxudicial de 200.000 euros para poder incluílas no orzamento actual.  

O Concello amósase sorprendido polas medidas tomadas pola empresa de forma irregular, especialmente tendo en conta que ten previsto recibir este venres 9 un pago por importe de 100.000 euros. Asegura, ademais, que este corte de luz está a causar trastornos á veciñanza e que se están estudando medidas legais para interpor unha querela criminal contra os responsábeis de execución do corte por verse afectados servizos esenciais á veciñanza.