23.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorGondomar"DepoEmprende na ESO" chega a nenos de Redondela, Tui e Gondomar

    “DepoEmprende na ESO” chega a nenos de Redondela, Tui e Gondomar

    O programa da Deputación para o fomento da cultura emprendedora en centros de secundaria, “DepoEmprende na ESO”, vén de poñer o broche de ouro á súa sétima edición cun mercado solidario efémero en Pontevedra. Un total de 135 rapaces de 4º da ESO de Pontevedra, Redondela, Tui, Moaña e Gondomar, acompañados de 8 profesores, concentráronse na Praza da Peregrina para demostrar as súas artes como vendedores dos produtos creados polas cooperativas nadas ao amparo do programa provincial, estreitamente relacionadas coa natureza, a ecoloxía, a cultura e a reciclaxe. A deputada provincial en funcións Ana Mejías e a concelleira en funcións de Promoción Económica de Pontevedra, Yoya Blanco, visitaron o mercado e fixeron entrega dos diplomas aos cinco centros participantes. Tamén asistiron ao acto María del Carmen Jul Barreiro, asesora de emprendemento na Subdirección Xeral de Formación Profesional, Miguel Lago, presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, e Diana Pastoriza, xerente de AEMPE.

    As cooperativas “Ecop”, “Icepolo”, “Ecoseoane” e “Copeponte”, do IES Luis Seoane de Pontevedra; “Roá” e “Artesanilla” do IES Illa de San Simón de Redondela; “Copegal” e “Golorico”, do IES San Paio de Tui; “Costa Vela” do IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña; e “Kaylate S. Coop” do IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar, creadas no marco desta sétima edición de “DepoEmprende na ESO”, ocuparon a Praza da Peregrina no mercado efémero e solidario no que puxeron á venda produtos elaborados e/ou comercializados por eles mesmos ao longo do curso. Marmeladas ecolóxicas, mel, pastas, rosquillas, crema de cacahuete, chourizo ecolóxico, chocolates e chocolatinas, cafés, produtos de artesanía Avelaíña, aceite de oliva, bolígrafos, peites, pen drives, perfumes, xabóns naturais, galletas, bolsas, xoguetes ecolóxicos ou camisetas elaboradas con tecidos orgánicos, foron algúns dos produtos vendidos e cuxa parte dos beneficios irán parar a entidades protectoras de animais como as protectoras de Tui (Aloia) e do Morrazo, a Asociación de Axuda a Nenas e Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG), a Asociación Participa para a Inclusión Social, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM), a Residencia Santelmo e tamén outros colectivos deportivos e sociais como o Gondomar C.F.

    O peche de “DepoEmprende na ESO”, no que ademais dos centros educativos de Gondomar, Moaña, Pontevedra, Redondela e Tui tamén participou o IES da Guía de Vigo, completa o ciclo de clausura doutros programas de fomento da cultura emprendedora en centros educativos liderados pola Deputación de Pontevedra como “DepoEmprende na Escola”, do que formaron parte este curso dez centros educativos de Cerdedo-Cotobade, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Ribadumia, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía, e “DepoEmprende na FP”, con seis centros educativos de Gondomar, As Neves, Pontevedra e Vigo.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.