23.5 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo de Pontevedra organiza un seminario sobre o patrimonio cultural

    O Museo de Pontevedra organiza un seminario sobre o patrimonio cultural

    O Museo de Pontevedra organiza, o 15 de xuño, o seminario ‘Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural’, co que quere recordar o intenso traballo de investigación e posta en valor do patrimonio cultural da profesora Ana Goy Diz. O seminario terá lugar o xoves 15 pola tarde, de 16:00 a 19:30 horas, no Edificio Castelao. O acceso será libre, pero as persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse ata o martes 13 de xuño escribindo a reservas.museo@depo.gal.

    O seminario propón unha aproximación a diferentes aspectos relacionados co patrimonio cultural, campo de investigación no que a homenaxeada desenvolveu a súa traxectoria académica. A súa defensa do patrimonio galego, a súa investigación, xestión e protección, máis aló dos valores monumentais e histórico-artísticos, motiva os contidos destas xornadas, nas que participan persoas moi vinculadas á súa vida e traxectoria profesional.

    O encontro abordará un problema central, o do valor do patrimonio como testemuño dunha memoria colectiva, e referencia, polo tanto, da identidade dunha comunidade que se constrúe socialmente. Este legado cultural forma parte dun amplo contexto plural que está constituído, ao mesmo tempo, por un conxunto de valores que o particularizan e o distinguen. A responsabilidade da súa conservación e salvagarda implica necesariamente a súa identificación e estudo.

    A esta relación entre patrimonio, memoria e identidade dedícase a primeira sesión do seminario, con intervencións sobre o templo de San Xinés de Padriñán (Sanxenxo), sobre os bispos lucenses Fernando de Velosillo e Francisco Yzquierdo Tavira e sobre a Carta de Cracovia. Por outra banda, para a protección e conservación empréganse diferentes recursos e estratexias que poden garantir e preservar eses valores e a súa transmisión ás xeracións vindeiras. A estas estratexias de sostibilidade do patrimonio dedícase a segunda sesión. As intervencións versarán sobre as aplicacións da investigación arquivística na Historia da Arte, a cunca alta do Tera como paisaxe cultural, a posta en valor do cuartel de San Fernando de Lugo, a Torre de Hércules e a Catedral de Mondoñedo e a candidatura da Ribeira Sacra á lista do Patrimonio Mundial da Unesco.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.