19.7 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO II Ciclo Mestre Mateo comeza este xoves na Guarda

    O II Ciclo Mestre Mateo comeza este xoves na Guarda

    O Centro Cultural da Guarda acolle este xoves 8 de xuño a primeira das proxeccións cinematográficas da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 20.30 horas, exhibirase o filme Código Emperador, do realizador Jorge Coira e que se estreou no XXIV Festival de Málaga.

    O thriller foi finalista aos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe, dirección, dirección de produción, mellor interpretación masculina protagonista e de reparto, maquillaxe e perruquería, montaxe, música orixinal e mellor son. Nel, o actor Luis Tosar, que encabeza o reparto xunto Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Denis Gómez, Miguel Rellán e María Botto, ponse na pel de Juan, un axente que traballa para os servizos secretos. Co fin de ter acceso ao chalé dunha parella implicada no tráfico de armas achégase a Wendy, a asistenta filipina que vive na casa e establece con ela unha relación cada vez máis complexa. En paralelo, Juan realiza outros traballos “non oficiais” para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, que teñen a vista posta en Ángel, un político cuxos trapos sucios deberá buscar ou “inventar” coa axuda de Marta, a filla dun recoñecido actor.

    Despois desta proxección, A Guarda acollerá tamén en xuño o pase de Live is life, o día 29 ás 20.30 horas no mesmo Centro Cultural. O filme, que foi finalista nos Mestre Mateo nas modalidades de mellor longametraxe, dirección de arte, montaxe e vestiario, está dirixido por Dani de la Torre, con guión orixinal de Albert Espinosa, e conta no elenco con Juan Baena, Juan del Pozo, Raúl del Pozo, David Rodríguez, Silvia Bel e Luisa Merelas entre outros actores e actrices.

    Amais da Guarda, os outros concellos nos que recalará nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de Baiona, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

    O resto de títulos do programa son, amais dos citados Código Emperador e Live is life, o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no Ourense Film Festival.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.