O Instituto Dental Campos, referente en Odontoloxía con 35 anos de traxectoria, acaba de lanzar unha campaña de sensibilización sobre a reciclaxe de cepillos dentais de plástico, por iso, acaba de instalar un punto limpo para a recollida de cepillos de dentes de plástico na Guarda, para que todos os veciños poidan participar. A iniciativa ten como obxectivo fomentar prácticas sostibles e reducir o impacto ambiental xerado por estes refugallos, que representan o 1 % de todos os residuos plásticos mariños.
O punto limpo está situado na propia clínica dental, que se atopa na rúa Galicia nº 91, no concello da Guarda.
Os cepillos de dentes non se reciclan no contedor amarelo para plásticos
A durabilidade do plástico, a falta de opcións de reciclaxe adecuadas e o descoñecemento xeral atópanse detrás deste grave problema ambiental.
Porque, a diferenza do que se adoita pensar, os cepillos de dentes usados non se reciclan no contedor de plásticos. O lugar idóneo sería un punto limpo designado para iso. Se non é posible, a mellor opción é facelo no contedor gris, nunca no amarelo.
Pomba Campos, xerente da clínica, expresou o seu entusiasmo pola iniciativa e afirmou: “Na clínica levamos tempo incorporando prácticas máis sostibles, pero queriamos ir máis aló e atopar unha solución que xerase un maior impacto, involucrando tamén aos nosos pacientes e veciños da Guarda. A gran maioría non sabe que os cepillos se poden reciclar, nin como facelo correctamente, así que esperamos que esta acción marque a diferenza”.