22.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Setembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño premia a creatividade do alumnado para mellorar a xestión do lixo

    Tomiño premia a creatividade do alumnado para mellorar a xestión do lixo

    Coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e poñendo o broche final á Semana do Medio Ambiente, o Concello de Tomiño premiou a creatividade e as ideas do alumnado do municipio para mellorar a xestión do lixo nos seus centros educativos. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, fixo a entrega dos galardóns aos autores dos proxectos premiados no concurso audiovisual ‘Como mellorar a xestión do lixo no meu centro’, un certame co que se buscaba “achegar a toda a veciñanza a importancia dunha xestión adecuada dos residuos, reflexionando sobre o impacto que produce o lixo no medio ambiente e facéndoos partícipes da solución”. 

    Na categoría benxamín o gañador foi o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil do CEIP Pintor Antonio Fernández co seu ‘Pequenos xestos’, un vídeo que recolle o seu traballo de reflexión sobre o que se fai ben e o que se pode facer mellor no tratamento do lixo no centro. Como segundo clasificado quedou o grupo de EI CEP Tebra.

    Mentres, na categoría infantil a peza audiovisual gañadora foi a do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Tebra, que adaptaron unha canción que tocaron contando o que se fai no centro e pedindo a colaboración de todas as persoas para continuar mantendo limpo o colexio. 

    Pola súa banda, na categoría xuvenil os premiados foron os vídeos de 4º ESO A, 4º ESO B e 4º ESO C do IES Antón Alonso Ríos, que recompilan o que xa se está a facer e achegan diferentes ideas e propostas para seguir mellorando a xestión do lixo no centro. Nesta categoría os proxectos presentados por 1º ESO E e por 1º ESO C e 1º ESO D quedaron como segundos e terceiros clasificados, respectivamente.

    As clases gañadoras dos primeiros premios foron galardoadas cunha visita grupal á Aula temática da Comunidade de Montes de Pinzás, con actividades adaptadas a cada grupo de idade e un detalle individual para cada un e cada unha das participantes. Na categoría benxamín o segundo clasificado foi premiado con esta mesma visita, mentres que na xuvenil os grupos que quedaron en segundo e terceiro posto recibirán un detalle individual.

    A concelleira agradece a participación de todos os estudantes nesta iniciativa e a implicación do equipo docente e dos centros.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.