19.7 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeComarcasAlén da RaiaTomiño e Cerveira celebran o 19 aniversario da Ponte da Amizade

    Tomiño e Cerveira celebran o 19 aniversario da Ponte da Amizade

    Centrándose en atraer a cada vez máis mozos e mozas para a consolidación do proxecto arredor dun territorio común, a Eurocidade Cerveira-Tomiño dinamiza, esta fin de semana, os ‘Xogos da Eurocidade – Sen Fronteiras’ e a ‘Música Nova’, as dúas propostas gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2023. A data para a realización destes eventos non foi escollida ao azar, senón que coincide co 19º aniversario da Ponte Internacional da Amizade.

    A entrada en funcionamento, o 11 de xuño de 2004, desta travesía rodoviaria sobre o río Miño, representou un feito histórico para as dúas poboacións veciñas, afirmando a centralidade e a conectividade dun territorio común e suprimindo as limitacións de mobilidade. Case dúas décadas despois, ambos concellos manteñen o seu ideario, querendo un maior envolvemento da xente máis nova na construción dun futuro común.

    Neste sentido, a mocidade residente o o estudantado da Eurocidade Cerveira-Tomiño poderán desfrutar dunha fin de semana marcada pola diversión deportiva e pola celebración dos valores europeos. Sábado e domingo, entre once da mañá e seis da tarde (hora galega), o Skate Park de Goián (Tomiño) e o Centro Municipal de Atletismo (Vila Nova de Cerveira), respectivamente, serán o escenario dos ‘Xogos da Eurocidade – Sen Fronteiras’, dirixidos a rapazada de 12 a 25 anos.

    Os mozos e mozas participantes formarán equipos que, ao longo de dous días, loitarán nun conxunto de desafíos, acumulando puntuacións para atopar o equipo gañador. Haberá torneo de tracción de corda, inchables de fútbolín humanos, xogo da illa e xogo ‘big bags’, xincana de bicicletas, tiro de tiratacos, inchable ‘Basket Challenge’, xogos tradicionais, xogo do pneumático, xogo do pé atado, xogo ovo na culler, xogo da malla, Fun Games, paintball e slide.

    Rematado o primeiro día dos ‘Xogos da Eurocidade – Sen Fronteiras’, o sábado, 10 de xuño, ás 18.00h (hora galega) presentarase o espectáculo final do proxecto ‘Música Nova’. Participantes locais, en colaboración co alumnado da Escola do Rock Paredes de Coura, saltarán ao Skate Park de Goián, en Tomiño, para un concerto que reúne algunhas das mellores e intemporais músicas rock.

    Tras dous meses de ensaios, o grupo de mozos e mozas presenta un repertorio diverso, no que o público poderá escoitar dende The Beatles a Talking Heads, de Sixto Rodriguez a Lhasa de Sela ou de Idles a The Bangles, ademais de moitas outras sorpresas.

    Tanto os xogos como o concerto trasladaranse a espazos cubertos, pavillóns municipais e Auditorio de Goián, respectivamente, en caso de choiva.   

    Ambas as actividades son de entrada libre e forman parte do proxecto “0780_AMIZADE_1_P”, Consolidación estratéxica da cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, cofinanciado nun 75 % polo programa INTERREG VA POCTEP, a través de fondos FEDER da Unión Europea.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.