Luns, 19 Maio de 2025

Abertas as inscricións para o VIII campamento de verán do BM Cañiza

0

O Club Balonmán Cañiza lanza o seu xa tradicional campamento de verán destinado a nenos desde os catro anos de idade. Desde o 31 de xullo ata o 11 de agosto o club organiza a oitava edición deste campus multideportivo.

Haberá actividades deportivas, xogos de verán, actividades culturais, deporte adaptado coa visita do Club Amfiv de Vigo e unha saída para visitar o VigoZoo. O prezo de inscrición para unha semana será de 50 euros e para dúas de 70 euros (existen descontos para familias).

De luns a venres en horario de 9:00 h a 14:00 h, para inscribirse e obter máis información contacta no teléfono/whatsapp 616134560, no correo electrónico [email protected] ou a través do código QR de abaixo e consulta máis actividades, tarifas e descontos para familias.

Chega ‘Da túa man’, unha campaña formativa destinada ao comercio local de Tomiño

0

O Concello de Tomiño participa no proxecto ‘Da túa man’, unha iniciativa a través da que se poñen en marcha diversas medidas de apoio ao comercio local, entre eles tres accións formativas de balde destinadas a comerciantes do municipio coas que dotar de novas ferramentas que axuden a xerar unha maior competitividade do tecido empresarial tomiñés.

A alcaldesa, Sandra González, destacou “a importancia de levar a cabo iniciativas que nos permitan reactivar, impulsar, desenvolver e fortalecer o comercio local, dotando a todas e todos os comerciantes tomiñeses das ferramentas necesarias para dar resposta a unha contorna cambiante e aos novos retos que xorden cada día”.

A través deste proxecto, comerciantes de Tomiño poderán acceder a tres cursos diferentes, un en liña e dous presenciais para adquirir habilidades dixitais, así como para achegarse ao packaging sostible como elemento diferenciador dos produtos locais. O prazo de inscrición das actividades estará aberto ata completar prazas. As persoas interesadas poderán inscribirse a través da web da Deputación de Pontevedra.

Dende esta semana ata o vindeiro 26 de xullo, as persoas interesadas poderán participar nun curso en liña de 25 horas sobre competencias dixitais cos que iniciar ás e aos comerciantes na transformación dixital do seu negocio, mellorando as habilidades de xestión interna e aprendendo a usar ferramentas dixitais para traballar mellor.

O vindeiro 12 de xullo será a quenda da actividade formativa sobre habilidades dixitais para persoas consumidoras vulnerables, un curso dirixido a consumidores e consumidoras maiores de 45 anos co que acadar as competencias dixitais necesarias para utilizar con facilidade ferramentas básicas no emprego de internet e do comercio electrónico. A actividade impartirase de forma presencial de 11.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do Regatiño de Goián.

Xa o xoves 13 de xullo comerciantes e persoas consumidoras en xeral poderán participar no curso de deseño de novas embalaxes sostibles, unha formación teórica e práctica na que aprender a crear unha embalaxe creativa e innovadora, cunha estética coidada e materiais reciclables e reutilizables. Será unha hora de formación teórica e dúas prácticas de 10.00 a 13.00 horas na Escola Obradoiro do Regatiño, en Goián.

O proxecto ‘Da túa man’ está coordinado pola Deputación de Pontevedra, que achega un 15 % do orzamento da iniciativa, financiada ao 70 % polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos Next Generation da Unión Europea. O Concello de Tomiño achega o outro 15 % do orzamento total.

O pleno do Concello de Baiona aproba as propostas de organización municipal para os vindeiros catro anos

0

A nova Corporación Municipal de Baiona celebrou hoxe o primeiro pleno da lexislatura, no que se estableceu a organización e funcionamento do Concello para o próximos catro anos, e no que tamén se procedeu ao sorteo para a elección dos integrantes das mesas electorais para o próximo 23 de xullo.

Deste xeito, a Corporación acordou que as sesións plenarias celébrense o primeiro xoves de cada mes ás 12:00 h, exceptuando os meses de agosto e xaneiro. Así mesmo, o cambio da data de celebración do pleno ordinario, sempre en caso debidamente xustificado e por acordo unánime dos concelleiros, poderá modificarse a data e/o hora do pleno respectando en todo caso a periodicidade mensual.

Tamén se aprobaron as retribucións e indemnizacións a percibir polos membros da Corporación.

Así, o alcalde terá recoñecido o réxime legal de dedicación exclusiva, percibindo unha retribución inferior ao tope máximo que se establece nas leis de Orzamentos anuais do Estado para unha localidade co volume de poboación de Baiona.

Así mesmo, deuse conta do nomeamento dos tenentes de alcalde e das delegacións que ostenta xa cada concelleiro e cada concelleira do equipo de goberno, estas últimas cuestións avanzadas o pasado martes polo alcalde, Jesús Vázquez Almuiña.

Os concelleiros do equipo de goberno percibirán as seguintes retribucións:

DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS (4) XORNADA 100 % (14 pagas):

  • ALCALDE
  • Concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Patrimonio
  • Concelleira de Deportes, Política Social e Asociacionismo
  • Concelleiro de Vías e Obras

DEDICACIÓNS PARCIAIS (4) ( 14 pagas) 60 % – 55% de dedicación (21-22 horas/sem):

  • Concelleira de Medio Ambiente, Mocidade, Xardíns e Festexos
  • Concelleira de Turismo e Igualdade
  • Concelleira de Educación
  • Concelleiro de Mercados, Comercio e Medio Rural

SEN DEDICACIÓN:

  • Concelleiro de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas
  • Concelleiro de Tecnoloxías, Comunicación e Enerxía
  • Concelleiro de Cultura e Accesibilidade

O resto de concelleiros percibirán pola asistencia a plenos, polas comisións informativas e pola Xunta de Goberno Local nas mesmas cantidades que no anterior mandato.

Ademais, aprobouse a creación e composición das comisións informativas permanentes: a Comisión informativa de Asuntos de Pleno, a Comisión Especial de Contas, a Comisión de Honras e Distincións. Formarán parte das mesmas os membros da corporación proporcionalmente ao número de concelleiros e concelleiras que cada grupo político dá Corporación municipal: Seis concelleiros do PP, dous concelleiros do PsdG-PSOE e un concelleiro do Grupo Mixto.

Tamén se deu conta das delegacións e integrantes da Xunta de Goberno Local e da Comisión de Seguimento do Plan Especial do Conxunto Histórico Artístico do Concello de Baiona.

Repartición de Concellerías

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, da a coñecer a nova estrutura do Equipo de Goberno e a repartición de áreas entre os seus 11 concelleiros.

  • Policarpo Vilar Misa: Concellería de Cultura e Accesibilidade. Primeiro Tenente de Alcalde.
    José Ángel Bahamonde Rodríguez: Concellería de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Patrimonio. Segundo Tenente de Alcalde.
  • Ruth Álvarez González: Concellería de Medio Ambiente, Xardíns, Festexos e Mocidade.
  • Ana María Iglesias Rodríguez: Concellería de Deportes, Política Social e Asociacionismo.
  • Gonzalo Pérez Barreiro: Concellería de Vías e Obras.
  • Sheila María González Martíns: Turismo e Igualdade.
  • Nuria Lenda Gómez: Concellería de Educación.
  • José Manuel Rodríguez Fernández: Concellería de Mercados, Comercio e Medio Rural.
  • Joaquín López Goce: Concellería de Pesca, Marisqueo e Actividades Marítimas.
  • David González Misa: Concellería de Tecnoloxías, Comunicación e Enerxía.
  • Competencias que levará directamente o alcalde, #Jesús Vázquez Almuíña: Economía Azul, Traballo, Persoal, Seguridade Cidadá, Pobos Irmáns e calquera outra que non figure expresamente.

A exposición de temática mariñeira “Os nosos mares” inaugúrase na Guarda

0

Este sábado día 1 de xullo, ás 12:00 horas na Casa dos Alonso, inaugúrase unha nova exposición que ten como protagonista a temática mariñeira, especialmente centrada nos faros, acantilados e portos. A proposta que chega da man do ilustrador vigués Carlos Ramos, que pretende facer unha ruta polos faros mais representativos do litoral galego, así como polas  paisaxes características das nosas costas e do duro traballo das xentes do mar.

Cunha técnica e estilo propio da ilustración e moi próximo ao cómic, con colores moi definidos, trazos moi finos e moi marcados.

A exposición estará na Guarda ata o 14 de xullo no horario habitual de apertura do Concello (de 9:00 h a 14:00 h) de luns a venres, mais todo aquel interesado queda convidado a asistir ao acto inaugural, no que contarase coa presenza do propio artista.

O Nigranjazz pisa forte este ano coa presenza de Steve Cardenas

0

O Concello de Nigrán ofrecerá o 28 e 29 de xullo a edición máis xuvenil da historia do Nigranjazz descontando ao célebre guitarrista estadounidense Steve Cardenas, profesor da mítica New School de New York e quen ofrecerá tamén unha master-class. O evento, no que se desvelou o cartel gañador, a cargo do canario Melchor de Ponte Caicoya, foi presentado esta mañá na nave de cervexas Banda en Porto do Molle, marca local que, un ano máis, colabora co festival.

“Este ano destaca a mocidade dos músicos, moitos deles galegos que se están a formar en Holanda ou Suíza e, que, a súa vez, teñen contacto alí con outros artistas europeos. A través deles, os mellores da súa xeración, os asistentes poderán constatar que o futuro do jazz mundial está en moi boas mans”, destaca Felipe Villar, director do festival e quen desde o principio apostou por mesturar nas formacións do Nigranjazz a músicos internacionais con locais. Deste xeito, unha das xoias desta edición será poder ver o sábado 29 ao guitarrista de Kansas Steve Cardenas (especialista mundial en Thelonious Monk) nunha formación creada ex-profeso para o festival co catalán Simón Osuna ao contrabaixo e do galego David Puime á batería, ambos tamén mozos que non chegan á trintena.

Así, o pianista vigués Suníl López abrirá o festival o venres 28 con Joan Codina ao contrabaixo e Genius Wesley á batería seguido do guitarrista italiano Simone Basile co seu quinteto (Manuel Caliumi ao saxo, Enzo Carniel ao piano, Ferdinando Romano ao baixo e Giovanni Paolo Liguori á batería). O sábado 29 será o turno do trío do saxofonista Miguel Seoane (Mauro Cottone ao contrabaixo e Giacomo Camilletti á batería) e a continuación, o concerto estelar de Steve Cardenas (nos vindeiros días ofrecerase información para apuntarse á masterclass do sábado pola mañá no Auditorio Municipal). Como é habitual, tras cada xornada haberá jam-session no mesmo recinto (o venres a abre o cuarteto do trompetista Gabriel Saitto e o sábado o do guitarrista Martín Verde)

“É un orgullo para Nigrán contar cun dos festivais de jazz máis lonxevos de Galicia e poder ofrecer á grandísima canteira que temos a oportunidade de tocar con músicos internacionais e de aprender con eles grazas ás master-class”, subliña o alcalde, Juan González, quen apostou pola creación do Nigranjazz sendo precisamente edil de Cultura.

Como cada ano, será un festival inclusivo que disporá de mochilas vibratorias para toda aquela persoa xorda que o solicite previamente no mail [email protected] ou no whatsapp 690679675.

Igualmente, a unión de música e deseño que se mesturan grazas ao concurso de carteis ‘Quin Alborés’ (deseñador gráfico falecido que impulsou o festival e deseñou os tres primeiros carteis) será visible durante todo o mes de xullo nunha exposición que recopila todos na fábrica de cervexas Banda (Parque Empresarial Porto do Molle, Rúa do Labrego, 22, nave 5E).

Comeza o campus multideporte do Concello de Covelo

0

Máis de vinte nenos comezaron esta semana o Campus Multideporte do Concello de Covelo. O alcalde da vila, Pablo Castillo, e a concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, saudaron onte aos nenos que, ao longo desta semana, participarán nunha nova edición do Campus Multideporte.

Cada mañá de 10 a 14 horas xogarán e aprenderán distintas modalidades deportivas da man das monitoras e monitores de Insdega, empresa especializada na xestión de instalacións deportiva.

Con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, o alumnado practicará skate, baloncesto, tenis, padel e fútbol sala ademais de xogos, roteiros e actividades nas distintas instalacións deportivas municipais

O rexedor explica que o Campus Multideporte ofrécese co único custo do pago dunhas taxas municipais, 10 € para empadroados e 20 euros para as persoas non empradoadas, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar e laboral e promover hábitos saúdables entre a infancia.

Pola súa banda, o xerente de Insdega, sinala que durante o Campus ademais de ter a oportunidade de probar distintos deportes tamén fomentan valores de traballo en equipo, coñecementos técnicos básicos e distintas actividades que espertan a curiosidade do alumnado participante.

Gran éxito da VII edición do Raid do Condado-Marqués de Vizhoja

A pasada fin de semana tivo lugar o VII Raid do Condado-Marqués de Vizhoja, sendo unha nova proba da liga Española de Raids de Orientación e Aventura que supón a terceira cita puntuable para a clasificación 2023.

Este ano, o VII Raid do Condado-Marqués de Vizhoja contaba cun percorrido de 159 km para as categorías de Elite, Aven Masculina e Avent Mixto e 122 km para as categorías de Avent Feminino, Junior E Orientaraid dividido en 2 etapas e 12 seccións.

As disciplinas que conformaban estás seccións foron: BTT, trekking e kaiak para a etapa do sábado e a etapa do domingo consistía en 2 seccións de BTT e 3 de trekking.

A posta de longo tivo lugar o venres 23 de xuño coa entrega de dorsais no concello das Neves e a recepción dos primeiros equipos que pasaron a noite. Este ano contouse coa colaboración dos concellos de Arbo, Crecente, As Neves e Salvaterra de Miño.
Por todos estes concellos, coas súas paraxes de ilusión e desniveis imposibles tanto positivos como negativos, é por onde os raiders discorreron estas dúas etapas.

O VII Raid do Condado -Marqués de Vizhoja, deu comezo o sábado 24 de xuño ás 10:00 horas, na Praza do Concello das Neves, cun pequeno trekking para que cada equipo deseñase a súa estratexia e posicionásese na carreira xa que contaban con algúns dos mapas da mesma para organizar como querían enfrontar esta dura etapa pola condicións meteorolóxicas que se anticipaban.

Para o longo de 7 seccións darse un respiro no kaiak ante a calorosa xornada que nos acompañou, os raiders pasaron polo concello de Salvaterra de Miño e volveron á meta que se atopaba no concello das Neves antes das 22:00 horas que era a hora de peche da primeira xornada.

O domingo 25 de xuño tomouse a saída da segunda etapa ás 08:30 horas desde a Praza do Concello de Crecente, un pequeno Concello pero cunha preciosa localización, rodeado de outeiros de ilusión; os raiders enfrontábanse a 5 seccións para chegar ao Concello de Arbo onde se situaba a meta con hora de fin de carreira ás 12:30 horas nas viñas das Bodegas Marqués de Vizhoja, desprazándose para a posterior entrega de premios e petisco de confraternización ao Pazo a Moreira das Bodegas Marqués de Vizhoja.

Foi un Raid moi igualado e disputado en todas as categorías polo segundo e terceiro posto, a cabeza de carreira estivo bastante clara desde a xornada do sábado. Finalmente, o pódium quedou como segue:

Élite

  1. Saltamontes Actionvera.com con 172 puntos
  2. Extremaraid Alcor con 153 puntos
  3. Itaca Aventura Élite con 152 puntos

Aventura Feminino

  1. Okira Pitaya Aventure con 111 puntos
  2. Itaca Aventura Femenino con 93 puntos

Aventura Masculino

  1. Itaca Aventura Mixto con 200 puntos
  2. OP Betanzos Raid Team con 159 puntos
  3. Budiño Raid_ Atlas 157 puntos

Junior

  1. Fegado Juniors Team con 108 puntos
  2. Fegado Juniors Team 1 con 108 puntos

Orienta raid

  1. Furafollas con 147 puntos
  2. Budiño Porcos Bravos  con 139 puntos
  3. Gallaecia Raid Lumachas con 126 puntos

Mos celebra o pleno organizativo da nova Corporación Municipal

0

Onte pola mañá celebrouse, no salón de sesións do Concello de Mos, unha sesión plenaria extraordinaria que constituíu o Pleno Organizativo da nova Corporación Municipal.

Ademais, na sesión plenaria procedeuse tamén ao sorteo das mesas electorais, con motivo das vindeiras Eleccións Xerais do 23 de xullo, de acordo co establecido no art. 26 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

O segundo punto do orde do día foi a dación de conta da constitución de grupos políticos (PP, PSOE e BNG), integrantes e voceiros (Leo Costas, Victoria Alonso e Gustavo Barcia).

A alcaldesa, Nidia Arévalo, tamén deu coñecemento das resolucións en materia de nomeamento de tenentes da alcaldesa:

  • 1º D. Camilo Grandal Pérez
  • 2º D. Leopoldo Costas Alonso
  • 3º Dna. Laura Méndez Senlle

Así mesmo nomeáronse aos membros da Xunta de Goberno Local (que seguirá a ter periodicidade semanal) e delegacións de competencias efectuadas nos concelleiros e devandito órgano colexiado. Os membros da Xunta de Goberno Local son os seguintes concelleiros:

  • 1º Don Camilo Grandal Pérez
  • 2º Don Leo Costas Alonso
  • 3º Dona Laura Méndez Senlle
  • 4º Don José Ramilo Hermida
  • 5º Don Evaristo Ucha Rodríguez

As delegacións xenéricas dos concelleiros de goberno son:

1. Obra pública, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, D. Camilo Grandal Pérez.

2. Economía, Industria, Facenda e Deportes, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, Dna. Felisa Rodríguez Carrera.

3. Coordinación xeral e bo goberno, Persoal, Contratación, Igualdade, Patrimonio, Emerxencias e Novas Tecnoloxías, coa a facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, D. Leopoldo Costas Alonso.

4. Política social e Cultura, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, Dª Sara Mª Cebreiro Alonso.

5. Emprego, Mobilidade, Educación, Mocidade e Participación Cidadá, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, Dona Julia Loureiro Campo.

6. Urbanismo, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, D. José Ramilo Hermida.

7. Alumeado público e Eficiencia enerxética, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, D. Evaristo Ucha Rodríguez.

8. Servizos públicos, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, D. Baldomero Lorenzo García.

9. Atención Veciñal, Medio Ambiente, Mantemento de Zonas Urbanas, Parques e Xardíns, coa facultade de ditar actos de trámite e resolutorios que afecten a terceiros, Dna Laura Méndez Senlle.

Neste Pleno tamén se levou a cabo a determinación da periodicidade das sesións do Pleno que seguirá a ser menusal no Pazo de Mos o último luns de cada mes ás 10.00 horas da mañá.

Realizouse ademais, na sesión plenaria, a creación e composición de Comisións Informativas Permanentes: – Especial de Contas, Facenda, Economía e Industria. – Urbanismo e Medio Ambiente. – Persoal, Réxime Interno e Contratación. – Emprego. – Política social e Igualdade. – Educación, Mocidade, Participación Cidadá e Mobilidade. – Cultura e Deportes. – Eficiencia enerxética e novas tecnoloxías – Patrimonio. – Servizos públicos. Segundo.- Celebrar sesión ordinaria cunha periodicidade mensual, con carácter previo á propia sesión plenaria, nos días e horas que fixe a alcaldía ou a súa respectiva presidencia, das comisións informativas das que se leven asuntos ao Pleno. Terceiro.- Fixar unha composición de sete membros, distribuídos da seguinte maneira, que se entende que mantén e respecta, en todo caso, a proporcionalidade existente no pleno corporativo: – Grupo municipal do PP.- 4 membros. – Grupo municipal do PSdG-PSOE .- 2 membros. – Grupo municipal do BNG.- 1 membros.

A proposta de recoñecemento de 5 dedicacións exclusivas totais e 1 parcial aprobada foi a seguinte: en réxime de dedicación total os seguintes cargos: Alcaldía. Área de Coordinación Xeral e Persoal; Igualdade; Patrimonio; Emerxencias e Novas Tecnoloxías. Área de Política Social, e Cultura. Área de Emprego e Mobilidade; Educación, Mocidade e Participación Cidadá. E Área de Servizos Públicos. E en réxime de dedicación parcial o cargo de xestión da Área de Atención Veciñal; Medio Ambiente, Mantemento de Zonas Urbanas, Parques e Xardíns.

Tui humanizará a rúa Augusto González Besada e a Corredoira con fondos da Deputación

0

O Concello de Tui humanizará a rúa Augusto González Besada e a Corredoira Sur, incluíndo a praza da Inmaculada. Deste xeito, reunificarase a rúa Augusto González Besada, a praza da Inmaculada e a Corredoira nunha plataforma única.

O proxecto redactouse con cargo a financiación da Deputación de Pontevedra dentro do proxecto Ágora 1. O ente provincial aprobou a pasada semana en pleno a financiación da execución da obra con cargo ao plan de subvencións PON2030, dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes. Con dito plan financiaranse centros de maiores, escolas infantís, sendas peonís, instalacións deportivas e reformas urbanas.

A Deputación destinará á execución das obras en Tui un total de 795.715,05 €, e o Concello de Tui os restantes 198.928,76 € con cargo a fondos municipais. A contía total do proxecto ascende a 994.643,81 €.

Aínda que non se coñece a data exacta do comezo das obras, prevese o seu inicio a principio do próximo ano 2024.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que este é un proxecto no que veñen traballando “dende a anterior lexislatura” e que, segundo defende, “trátase dun proxecto ambicioso que vai cambiar a fisionomía e a configuración dese entramado urbano”. Asemade, o rexedor tudense defende que con esta reforma “se dignificará un dos principais accesos ao ámbito central da cidade e ao casco histórico”.

Os nutricionistas do Sergas atenden a máis de 80.000 galegos neste primeiro trimestre de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participou onte pola tarde no I Foro de Nutrición de Galicia, un encontro no que destacou as máis de 80.000 consultas realizadas no que vai de ano,  polos 94 especialistas en Nutrición que o Sergas incorporou aos seus servizos de Atención Primaria.

A Consellería de Sanidade acolleu un acto no que se presentou o novo Protocolo de coordinación desta especialidade, o permitirá a comunicación directa entre os centros de atención primaria, as consultas de endocrinoloxía dos hospitais, e a Rede de Unidade de Apoio Nutricional.

“Este modelo permitirá a apertura dunha vía de comunicación directa entre os servizos de endocrinoloxía das sete áreas sanitarias, e as unidades de nutrición de atención primaria”, explicou García Comesaña, ao tempo que subliñou que este traballo colaborativo “aumentará a capacidade de resolución” dos servizos de endocrinoloxía, en ambos niveis asistenciais.

Na compaña da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, o conselleiro agradeceu o labor que desempeñan a diario os novos nutricionistas e os servizos de endocrinoloxía da rede sanitaria pública galega. Así, destacou que a súa incorporación xa esta a amosar os seus efectos positivos no sistema público de saúde.

Así mesmo, o titular da carteira sanitaria galega puxo en valor o bo funcionamento do programa de fomento de estilos de vida saudables da Xunta, o “Plan Obesidade Zero”, que desde a súa posta en marcha xa permitiu crear a Rede Galega Local de Promoción da Saúde; ou o programa Adestra a túa saúde, cuxa pilotaxe xa esta conectando os centros de atención primaria co persoal promotor de exercicio dos concellos galegos.

Nesta liña, tamén lembrou a importancia de outras iniciativas pioneiras no eido da dietética e a nutrición, como é o caso do Proxecto Nutriescolas, e co que a Xunta apostou por levar unha boa alimentación aos comedores dos centros educativos  galegos.

“A nutrición eríxese como unha aposta de futuro por conseguir unha Galicia máis saudable”, apuntou García Comesaña, ao tempo que convidou á poboación galega a levar un modelo de vida saudable no que a alimentación sá se conxugue coa realización dalgunha actividade física, de xeito regular.

Toda a poboación con acceso ás unidades de nutrición de Primaria

Os preto de 100 nutricionistas que incorporou a Xunta de Galicia nos centros de saúde a inicios deste ano permiten ofrecer este novo servizo a toda a poboación da nosa comunidade, independentemente do seu lugar de residencia.

Actualmente, os médicos de familia, pediatras, enfermeiras, matronas e odontólogos de atención primaria xa poden derivar directamente a esta nova unidade a calquera paciente con obesidade, hipertensión, diabetes, dislipemia, insuficiencia renal crónica, ou que padeza algunha enfermidade dixestiva, risco de desnutrición, alerxias alimentarias diagnosticada, ou, tamén, a calquera muller embarazada que necesite tratamento dietético.

Presentación da terceira fase de excavacións do “Castro de Pereiras”

0

O vindeiro venres 30 de xuño, no local da comunidade de montes de Pereiras, celebrarase a presentación da terceira fase de excavacións do “Castro de Pereiras”.

Aproveitarase para presentar o mini documental “Descubrindo o Castro de Pereiras”, realizado o ano pasado na segunda intervención co obxectivo de dar a coñecer o castro, e así mesmo tamén será útil nas próximas visitas de escolares, xa que nel amósase o proceso de excavacións e as explicacións do director dos traballos, Mario Pereiro.

A esta presentación asistirán todos os comuneiros, veciños e asociacións da parroquia, ademais da Corporación Municipal e todos aqueles que estean interesados no castro.

O grupo de Facebook “Camiño portugués. Tui” acada os 6.000 seguidores

0

O grupo “Camiño Portugués. Tui” na rede social Facebook, promovido polo Concello de Tui en xullo de 2020, acadou estes días a cifra de 6.000 seguidores. Neste período de funcionamento son xa 6.000 os membros activos pertencentes a este grupo na rede social, un número récord no mundo das redes sociais no caso dun grupo centrado nunha ruta e nunha cidade dela.

A medida de visitantes diaria supera as setecentas persoas, tendo chegado a unha media de máis de millar e medio no verán pasado, con picos de dous mil. O perfil de membros é maioritariamente feminino, o que concorda co propio Camiño Portugués onde a presenza de mulleres é moi alta.

Préstase especial atención ao tramo Ponte de Lima – Santiago, así como ao do Camiño Portugués da Costa entre Caminha e Valença. É un grupo de servizos, non tanto de debate, aínda que non se rexeita especialmente no que atinxe ao carácter histórico deste Camiño Portugués fronte a outras rutas como o Camiño Portugués da Costa ou a Variante Espiritual, carentes desa dimensión.

Este grupo xurdiu co obxectivo de cubrir unha das eivas que se detectaban na promoción da ruta xacobea ao seu paso pola cidade e a súa escasa presenza nas redes sociais, especialmente en Facebook, xa que esta rede é a máis empregada no ámbito da peregrinación.

Para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, esta cifra de revela o éxito desta iniciativa de promoción da cidade tudense como a porta de entrada dos Camiños Portugueses en Galicia e  ten respondido aos obxectivos para o que foi creado: ofrecer información sobre a nosa cidade para todos os usuarios e usuarias interesadas no Camiño Portugués e contribuír deste xeito ao posicionamento de Tui como referencia central das rutas de peregrinación xacobeas de Portugal.

Segundo as últimas estatísticas de Facebook e as liñas de extrapolación ofrecidas polos estudos sociolóxicos, pódese afirmar que, sumada ás visualizacións e os replicados nos outros grupos, a cifra de visualizacións deste grupo rondaría os 2.500.000 de impactos.

Este perfil está atendido por catro persoas. Diariamente suben unha foto de actualidade a Instagram (onde hai máis de 1.250 seguidores) e entre dous e catro publicacións ao grupo de Facebook, incitando á interacción dos propios peregrinos e peregrinas. As entradas replícanse diariamente en varios dos grupos que existen centrados no Camiño e Santiago e en varios idiomas.

Avanza o proceso para que un único organismo miñoto poida tomar decisións sobre o territorio transfronteirizo

OCDE e entidades do Miño analizaron hoxe as posibles solucións legais para que un único organismo miñoto poida tomar todas as principais decisións sobre o territorio transfronteirizo. Entre outras cuestións debateuse sobre a necesaria cesión de competencias estatais e autonómicas para desevolver unha gobernanza multinivel máis eficiente e beneficiosa  para o desenvolvemento económico do territorio galego e portugués arredor do Miño e unha maior calidade de vida da cidadanía raiana.

O debate plantexouse na primeira xornada de traballo das representantes da OCDE, os analistas de Políticas da Unidade de Gobernanza e Planificación Estratéxgica para el Desenvolvemento Rexional da OCDE Stephan Visser e Geoff Upton, así como a responsable de Descentralización da Unidade Subnacional de Finanzas e Infraestruturas (CFE, OCDE), Margaux Vincent.

Pola parte transfronteiriza galega e portuguesa o primeiro encontro foi co director do AECT Uxío Benítez e co vicedirector Rui Teixeira. Estes expuxeron as características principais do territorio en canto a poboación e dinamismo económico e plantexaron as complicacións que se dan decotío ao haber múltiples administracións que teñen que tomar decisións sobre o territorio dunha e doutra parte galega e española e portuguesa, en diferentes niveis (estatal, autonómico, provincial e local), algo que complica a burocracia xa existente e non permite solucións dinámicas e políticas públicas sobre  problemas concretos como a mobilidade, o uso de servizos. EN concreto, mencionouse o peche de fronteiras durante a COVID e as problemáticas derivadas para a cidadanía e as persoas traballadoras transfronteirizas.

Unha vez rematada a primeira reunión coa directiva do AECT, houbo un novo encontro con representantes dos concellos e as alcaldesas, alcaldes e presidentes de cámaras do territorio. Tamén, xa pola tarde, houbo un encontro con entidades de ensino superior e persoal investigador de cooperación transfronteiriza, e con entidades sectoriais: Adriminho, GDR Paradanta, GDR Baixo Miño; Eures transfronteirizos; e escolas profesionais.

Na xornada de mañá haberá unha reunión con persoal técnico da Rede de Eurocidades do Rio Minho,  e un encontro en liña con entidades gobernamentais de Portugal e España (SEDR + SX Territorial, SE de Reto Demográfico, delegado del Goberno Español en Galicia). Posteriormente, o encontro será cos axentes autonómicos (CCDR-N e a Vicepresidencia da Xunta de Galicia), para finalizar cunha xornada de traballo e conclusións entre o equipo OCDE/DGRegio e AECT Río Minho.

O Miño, unha das cinco rexións do proxecto piloto da OCDE

Esta visita da comitiva da OCDE realízase como parte do proxecto ‘Building More Resilient Cross-border Regions: Multi-level Governance and Co-developed Strategic Regional Developmen’, xa que a Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana (DG Regio) da Comisión Europea e a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Economico (OCDE), seleccionou ao AECT Río Minho como unha das cinco rexións piloto de Europa para participar no proxecto, unha iniciativa que pretende reforzar a gobernanza nos espazos transfronteirizos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das poboacións.

Con unha duración de 15 meses, este proxecto baséase en axudar ás rexións transfronteirizas piloto a mellorar a gobernanza multinivel transfronteiriza,  mediante un desenvolvemento conxunto de iniciativas de cooperación transfronteiriza. En particular, o proxecto pretende analizar a creación e implantación conxunta de políticas públicas (por exemplo, política fiscal transfronteiriza) e servizos (énfase en sanidade, transporte, educación) en zonas fronteirizas funcionais.

Curso sobre o cambio climático na aula UNED do Porriño

A aula UNED do Porriño acolle este verán o curso de extensión universitaria “Efectos do cambio climático en España e a problemática da súa comunicación”, impartido por profesionais da AEMET. A formación desenvolverase do 5 ao 7 de xullo e contempla un total de 20 horas lectivas (1 crédito ECTS).

Nos últimos anos os efectos do cambio climático fixéronse cada vez máis notorios, cun incremento dos fenómenos meteorolóxicos extremos. Trátase dun cambio rápido das condicións climáticas que se deixa sentir nos ciclos biolóxicos dos seres vivos, na saúde das persoas e nos nosos mares, fonte indispensable de recursos. Por todo isto, é necesario concienciar á poboación de que supón o cambio climático para o noso país, ubicado nunha das zonas máis vulnerables aos cambios de todo o planeta, e que podemos esperar nas próximas décadas.

Neste curso analizaranse todas estas cuestións e abordarase a problemática da súa comunicación.

A actividade permite ao estudante participar con asistencia presencial o asistencia online en directo ou diferido, sen necesidade de ir ao centro. A inscrición pode formalizarse a través da web da UNED.

O Concello da Guarda celebrou o obradoiro “As abellas e as aromáticas”

0

O Concello da Guarda celebrou o pasado venres día 23 de xuño un obradoiro o aire libre para os máis pequenos no Castelo de Santa Cruz.

O obradoiro “As abellas e as aromáticas” foi unha actividade enmarcada dentro do ciclo medioambiental Sostendo o Futuro, que chega este ano á súa terceira edición tratando neste caso sobre a importancia dos polinizadores, sobre todo centrándose nas abellas.

As crianzas xunto cos seus acompañantes puideron aprender xogando sobre como son as colmeas é como fan as abellas ese traballo tan importante para o ser humano e para a biodiversidade en xeral, de onde sae o mel, os tipos de aromáticas, a súa importancia, así como facer uns pequenos saquiños para poder botar esa noite na fogueira de San Xoan e que lles de sorte para todo o ano.

Xa que esta actividade estivo pensada para facerse unhas horas previas a noite de San Xuan, o concello repartiu a cada participante un ramiño coa flores para que esa noite as crianzas da Guarda as puxesen a remollo.

O Concello quere agradecer a Asociación Alfombras da Guarda que sempre está disposta a colaborar e encargouse da realización dos ramos, para así perdurar unha tradición que facían as nosas aboas, as nosas nais e para que continúe nas xeracións máis novas.

Adxudicada a humanización da contorna da ermida de San Eleuterio en Mos

0

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por máis de 786.000 euros a obra para a humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, localizada na parroquia de Tameiga, no concello pontevedrés de Mos.

Cómpre lembrar que esta actuación será cofinanciada nun 70 % e nun 30 %, respectivamente, polo Goberno galego e o Executivo municipal, tal e como se recolle no convenio asinado a tal fin o pasado mes de marzo entre ambas administracións.

Os traballos, que contan cun prazo de execución previsto de seis meses, consistirán na remodelación do entorno da referida ermida a través da dotación de zonas verdes, da renovación completa do mobiliario urbano e da repavimentación do solo. Ademais, a empresa adxudicataria tamén terá que velar pola protección de todos os elementos culturais existentes, como o propio edificio relixioso, o cruceiro ou o peto de ánimas.

En definitiva, o obxectivo principal que se persegue a través desta intervención urbanística é converter a zona nun espazo público de calidade no que se lle dará prioridade aos peóns sobre os vehículos.

O Comité de Xestión Estratéxica da Eurocidade Cerveira-Tomiño define a dinámica para os vindeiros meses

0

A reedición en 2024 dos ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’ e a definición das actividades conxuntas para os vindeiros meses foron algúns dos temas abordados o pasado mércores polo Comité de Xestión Estratéxica (CGE) da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o presidente da cámara municipal de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, buscan consolidar así a dinámica existente, fortalecendo aínda máis o sentimento de pertenza de ambas poboacións a un territorio común.

O éxito da primeira edición dos ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’, realizados na fin de semana do 10 e 11 de xuño, suscitou un grande interese entre a poboación nova da Eurocidade Cerveira-Tomiño, creando un ambiente de convivencia saudable a través da práctica deportiva. A alta participación e as grandes sensacións recollidas durante os xogos foron avaliados de forma moi positiva por parte de González e Teixeira, que desexan avanzar de cara a celebrar segunda edición no 2024, xa que se trata dunha actividade que incorpora unha das prioridades para ambos concellos: involucrar e comprometer á mocidade cos valores e principios da Europa democrática.

Sandra González e Rui Teixeira enumeraron tamén as diferentes accións conxuntas previstas para os vindeiros meses, entre elas a organización do Certame de Pintura Antonio Fernández o vindeiro 20 de agosto; a presentación de ‘O Miño Sereno’, un libro audiovisual interactivo sobre o río Miño de Lucía Laín Claesson, cunha parte centrada no territorio transfronteirizo de Vila Nova de Cerveira e Tomiño; e a presentación de “O Camiño (da Nosa Señora) do Norte a Santiago”, de Antonio Soliño Troncoso, demostrando o compromiso da Eurocidade en loitar pola súa certificación, reforzando a identidade transfronteiriza entre Galicia e Portugal.

Conscientes de que a coordinación das políticas públicas debe beneficiar á cidadanía, a alcaldesa de Tomiño e o presidente de Cerveira reafirmaron a importancia da Axenda Urbana Eurocidade Cerveira-Tomiño 2030, que se fará pública en outubro, considerándoa como unha oportunidade para concentrar recursos e esforzos de conciliación de obxectivos nunha lóxica transfronteiriza. O obxectivo é utilizar a Axenda Urbana 2030 para aliñar as características, potencialidades e necesidades deste territorio transfronteirizo cos principais desafíos ambientais, sociais e económicos da actualidade.

O Ciclo Mestre Mateo 2023 continúa na Guarda este xoves coa proxección de “Life is life”

0

Continúa na Guarda o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta coa colaboración das catro deputacións provinciais, para poder amosar o mais novidoso e relevante do noso cinema nas vilas de Galicia.

Esta proposta que tivo a súa primeira edición o pasado ano 2022 , suma neste 2023 novas localidades entre as que se atopa  a vila da Guarda. O ciclo conleva a proxección de 8 filmes, de ficción, documental e animación que se proxectarán entre os meses de xuño e novembro.

O ciclo continúa  coa a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022) que poderá verse na Guarda este xoves día 29 de xuño ás 21:00hno Centro Cultural da Guarda.

Durante o verán o ciclo fará unha pausa para retomarse no mes de outubro, cando poderemos ver a gran gañadora da edición 2023: O Corpo Aberto, que se fixo con 12 galardóns na presente edición dos premios Mestre Mateo 2023. Outros filmes que teremos a oportunidade de ver nos meses de outubro son:  o documental María Casares, a muller que viviu mil vidas, e Unicorn Wars recoñecidas respectivamente como Mellor documental e Mellor longametraxe de animación. O filme de animación Valentina, que foi gañadora no 2022 do Goya á mellor longametraxe de animación, así como os documentais A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; e Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival. 

Na web ciclomestremateo.gal pódese consultar toda a información do ciclo, así como as fichas das películas e a axenda de proxeccións, que reproducimos a continuación:

  • 29 xuño, Live is life ás 21:00 horas
  • 7 outubro, Valentinas ás 18:00 horas
  • 11 outubro, O corpo aberto ás 21:00 horas
  • 26 outubro, A foreign son ás 20:30 horas
  • 10 novembro, Unicorn wars ás 20:30 horas
  • 16 novembro, Onde máis doe ás 20:30 horas
  • 30 novembro, María Casares, a muller que viviu mil vidas ás 20:30 horas

Chegan as escolas deporitvas de verán a Ponteareas

O Concello de Ponteareas xa ten aberto o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas gratuítas que se desenvolverán durante os meses de verán. Un total de dez modalidades deportivas diferentes que compoñen unha oferta variada e moi completa na que a rapazada poderá coñecer e probar novos deportes. Tenis, wushu e taekwondo, patinaxe, baloncesto, fútbol, natación, ciclismo, petanca ou hóckey son algunhas das modalidades que figuran neste amplo programa deportivo para xullo e agosto.

A alcaldesa, Nava Castro, convida a todos os nenos e nenas a participar nalgunha destas escolas deportivas, “unha oferta pensada para que infancia e mocidade desfruten do seu tempo de lecer de xeito saudable e educativo”. “Con estas iniciativas buscamos crear un ambiente propicio para o desenvolvemento físico e mental de mozos e mozas nunha época do ano na que dispoñen de moito tempo libre á vez que lles ofrecemos oportunidades de aprendizaxe nun ambiente amable e divertido”, resalta.

As persoas interesadas poden xa realizar as inscricións nas distintas modalidades enviando un correo electrónico a [email protected] ou de forma presencial no departamento de Deportes, situado no andar baixo do Concello.

Os rapaces e rapazas poderán practicar así tenis co Club Tenis Ponteareas en xullo e agosto na Freixa, wushu e taekwondo co Club Sport Factory no Fermín Bouza Brey ou no IES Val do Tea ou patinaxe co Club Luar, baloncesto co Club Baloncesto Ponteareas e hóckey no pavillón do Complexo Deportivo Álvaro Pino. Tamén poderán desfrutar da auga e da natación da man do Club Natación Ponteareas, da bicicleta co Club Ciclista Ponteareas ou mesmo coñecer a petanca nas Pombas co Club Petanca Ponteareas. Para aqueles nenos e nenas que prefiran o fútbol, poderán participar nas escolas deportivas organizadas pola SD Cultural Areas ou o Sporting Club San Mateo ou no de tecnificación da Escola Deportiva Futsal.

O Porriño leva a pleno a proposta de orzamentos para o que resta de 2023

O goberno municipal do Porriño, que preside Alejandro Lorenzo, levará nas próximas semanas a pleno a súa proposta de orzamento para o que resta de ano.  

As contas que se presentan para rematar o exercicio 2023 ascenden á cantidade de 19 M de euros, incluíndo de forma equilibrada a totalidade dos ingresos e gastos previstos e respectando o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

“É unha planificación económica ambiciosa, cun marcado carácter expansivo, xa que experimenta un crecemento dun 36,23% respecto do orzamento vixente, prorrogado de 2018, sendo o máis elevado da historia deste concello ao superar en 5 M de euros ao anterior”, explicou o rexedor, “Pero, sobre todo, trátase dun orzamento real froito dunha análise exhaustiva das necesidades primordiais do Concello, da xestión eficiente dos recursos públicos e elaborado con prudencia, rigor e pensando nun achegamento á cidadanía para dar unha resposta áxil e inmediata ás súas demandas máis urxentes”

O rexedor apuntou que a proposta que se levará a pleno está feita a medida para regularizar no que resta de exercicio a situación económica na que se atopaba o Concello, unha situación orzamentaria insostible que provocou ter que iniciar o ano con expedientes de modificación orzamentaria. “É un orzamento de transición, que nos vai permitir poder encarar os seguintes partindo dunha situación administrativa regulada e dunhas contas saneadas. Por iso, lonxe de rematar a tarefa con este documento, estamos a traballar xa no do 2024, no que poder dar cabida a cada unha das demandas da sociedade porriñesa”.

Eixos fundamentais de actuación: servizos básicos e programas de contido social

O novo orzamento céntrase en garantir a prestación da totalidade dos servizos básicos, así como dos programas de contido social: promoción e benestar social, axuda no fogar, gasto en educación, fomento de emprego, carencia enerxética, promoción do deporte de base, desenvolvemento cultural, etc., aumentando con carácter xeral todas políticas de gasto.

A liña principal de traballo marcada polo executivo para a planificación dos ingresos foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno e necesario aforro para os petos da veciñanza. Para facelo posible, destinarase remanente para levar a cabo as inversións necesarias. No tocante aos gastos céntrase na dotación necesaria par atender aos compromisos adquiridos co persoal, proveedores e novas contratacións, destacando o incremento substancial da prestación de servizos a toda a comunidade, de maneira regulada e legal.

Hai que resaltar o compromiso do goberno por manter e reforzar os servizos sociais e a mellora dos servizos municipais consignando no orzamento a tal fin a maior porcentaxe de gasto, con 2 M de euros destinados a asistencia social.

Nigrán valora novas medidas para o vindeiro San Xoan

0

O Concello de Nigrán recibíu na pasada noite de San Xoan unha aglomeración de xente seguramente sen precedentes na historia do municipio. A coincidencia da festa en venres, as altas temperaturas, o regreso das atraccións e o fin da pandemia multiplicaron por tres a asistencia habitual ao evento, chegando a superarse os 60.000 asistentes distribuídos desde Panxón a Lourido, multiplicándose consecuentemente os desperdicios ata superar as 40 toneladas. O efecto directo foi que tralo éxito rotundo das dúas edicións da campaña medioambiental #SanXoanSenLixo neste 2023 o resultado non foi así de visible. Así, mentras que no 2019 e 2022 os operarios tardaron unha hora en ter o areal completamente limpo, desta vez foron case 4 horas (desde as 06:00 ás 10:00 aproximadamente).

“Temos que ter claro que sen ter realizado desde o Concello a campaña de concienciación ‘SanXoanSenLixo’ isto sería un vertedoiro absoluto, pero hai que recoñecer que este ano non foi suficiente ante unha afluencia tan masiva, así que tomaremos novas medidas no 2024”, recoñeceu o alcalde, Juan González, quen valora acotar o propio areal e sumar iniciativas máis alá das recomendacións (como a de non facer buratos). “A festa extendeuse desde Panxón a Lourido e non chegamos á conciencia do 100 % dos asistentes á hora de depositar o lixo nos contedores ou saídas do areal, isto lévanos a reflexionar para vindeiras edicións, sobre todo cando haxa expectativas de afluencia tan masiva”, explica. “Cando hai tanta xente, desgraciadamente non é suficiente que o 80 % dos asistentes cumplan coas normas”, lamenta.

O punto positivo foi que, pese a unha concorrencia desbordante de xente non se produxeron incidentes destacados.

Dúas novas accións formativas a cargo de SmartPeme esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta na semana do 26 de ao 30 de xuño dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático e presencial. As actividades centraranse en márketing para empresas turísticas e en fabricación dixital.

O martes 27 ás 11:00h terá lugar a primeira das accións formativas. Trátase do obradoiro online, a través de Zoom, “Plan de marketing online para empresas turísticas”. Será impartido por Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico, xestionando aloxamentos, creando paquetes, produtos e a presenza das marcas en redes.

O xoves 29 ás 11:ooh continúa o itinerario iniciado en maio sobre fabricación dixital con “Fabricación dixital. Escáner 3D”. Esta actividade, que rematará o 11 de xullo,  consta de 30 horas da formación online sobre debuxo 3D con Onshape (16 h), impresoras 3D de filamento (8 h), impresoras 3D de resina (4 h) e escáner 3D (2h). Tamén de 20 horas de prácticas presenciais, no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital do Viveiro de Empresas de Barro, sobre o uso de impresoras 3D de filamento (8h), impresoras 3D de resina (8h) e escáner 3D (4h). Neste caso, Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D con máis de catro anos de experiencia impartindo talleres de formación, encargarase de achegar ás persoas asistentes formación teórica sobre o escáner 3D na fabricación dixital.

Xabier Quiroga, «Coa man esquerda»

Xabier Quiroga vén de sacar do prelo unha nova novela na que, tal e como acostuma a facer en boa parte da súa narrativa, volve a mergullarnos nesa dura etapa do levantamento que desembocou en guerra e que tanto sufrimento ten provocado na sociedade. Quiroga é un narrador hábil, afeito a xogar co lector con propostas sorprendentes, mesmo no eido gramatical. Desta volta faino dun xeito un tanto peculiar, pois ese xogo adquire unha nova dimensión que abrangue toda a novela. Mais para comprender isto hai que aclarar algunhas cousas.

O relato arranca cun escritor retirado en Portugal, que recibe de maneira sorpresiva un paquete enviado por unha remitente descoñecida. O paquete contén un cartafol cheo de apuntamentos e unha breve nota na que a muller explica que cumpre, con ese envío, o derradeiro desexo dun ancián que tiña ao seu coidado, veciño da súa aldea natal e autor das follas manuscritas que contén o cartafol. O ancián moribundo relata nesas follas, de maneira atropelada e confusa, unha historia que vivíu de neno na súa casa, nunha zona afastada da aldea, e que anuncia como o seu xeito de desvelar un segredo agochado que lle afecta ao escritor.

Desta maneira, Quiroga mergúllanos nun relato inspirado por un suceso real, no que destaca de forma clara a atmosfera abafante que é quen de crear arredor da infancia do protagonista, un neno que se terá que enfrontar a sucesos que non comprende e que asumirá á súa maneira. Contrasta esa atmosfera cunha fonda tenrura, sobre todo a través da relación que se establece entre o neno e unha muller que se esconde ao pé da súa casa e coa que gozará de momentos inesquecibles. Mais sendo esta ambientación coidada e contrastada un tema relevante na novela, non é, ao meu entender, o máis destacado desta nova entrega do autor.

Xa dixemos que Quiroga gusta de xogar co lector e que esta historia está narrada de maneira atropelada e confusa por un ancián que, como iremos comprobando, goza dunha reducida capacidade comunicativa, froito dunha educación escasa, e ten dificultades para enfiar o relato por mor da súa senectude. Pois ben, Quiroga válese destes recursos para arrastrar ao lector dende o principio na historia que nos quere contar e para crear esas atmosferas das que falabamos, empregando un estilo completamente libre: frases inacabadas, reiteración de datos, carencia de maiúsculas, puntuación deficiente… Pode que, de primeiras, provoque certa confusión no lector, pero este xeito de contar non tarda en adquirir unha forza comunicativa fóra de dúbida.

Se xa non é doado relatar unha historia tan estarrecedora coma esta, o autor aumenta as dificultades ao aventurarse nun estilo narrativo tan peculiar. Iso conleva a ausencia, por esquecemento ou con intencionalidade oculta, de certas explicacións que poden deixar ao lector con fame, unha vez rematada a novela. Mais, quizais, ese sexa o segredo de Quiroga para converter unha novela nunha pequena alfaia narrativa.

Xabier Quiroga

«Coa man esquerda»

200 páxinas

Debate da Deputación e a Fundación Alternativas sobre a economía azul na provincia

A Deputación de Pontevedra e a Fundación Alternativas celebrarán o próximo martes, 27 de xuño, a xornada “Economía azul na provincia de Pontevedra” na sala Rosalía de Castro da sede provincial en Vigo. A xornada, conducida polo xornalista Miguel Ángel de la Cruz, ten como obxectivo xerar un espazo de encontro e reflexión sobre as oportunidades da economía azul e os retos da transición ecolóxica e o papel que ten a unha sobre a outra. O seminario está enmarcado ao abeiro do encontro sobre pesca coordinado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que terá lugar tamén en Vigo, os vindeiros 3 e 4 de xullo, con motivo da presidencia española da Unión Europea.

“Economía azul na provincia de Pontevedra” será un espazo aberto que permitirá dar a coñecer visións innovadoras desde unha dimensión internacional para xerar sinerxías entre administracións, empresas, academia e sociedade civil. Os propósitos da xornada son fomentar o diálogo para o desenvolvemento da economía azul sostible, visibilizar o seu papel estratéxico na transición ecolóxica e mais as oportunidades que ofrece, proporcionar ao tecido empresarial e emprendedor un espazo para desenvolver áreas de contactos, así como axudar a difundir os avances e investigacións desenvoltas na contorna en materia de economía azul.

Deste xeito, algúns dos aspectos que se abordarán no seminario serán a identificación das necesidades para afrontar a transición ecolóxica, e destacar o seu potencial para contribuír a xerar unha economía sostible, circular, resiliente e adaptada á nova realidade climática para favorecer o cumprimento dos marcos políticos e estratéxicos a todos os niveis. Tamén se falará sobre os retos e oportunidades de gobernanza para o desenvolvemento da economía azul, así como a posta en valor dos principais avances de investigación e aplicación de tecnoloxía e innovación no desenvolvemento da economía azul en Galicia.

A economía azul, un segmento en rápida evolución que contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, comprende sectores como a enerxía mariña renovable, a bioeconomía azul, a biotecnoloxía e a desalinización, o que abre novas perspectivas para a creación de emprego. Trátase dunha economía básica no sistema produtivo da provincia de Pontevedra e que está avanzando na xestión sostible dos portos e tamén na análise e investigación da academia. Os fondos europeos supoñen una oportunidade para fortalecer proxectos en proceso de consolidación, polo que o encontro permitirá dar a coñecer as iniciativas que se realizan na provincia nesta área e axudar a fortalecer as redes profesionais.

O programa do seminario “Economía azul na provincia de Pontevedra”

A xornada comezará ás 9:30 horas coa inauguración, onde intervirán Hugo Morán (secretario de Estado de Medio Ambiente), Carmela Silva (presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra), José Luis de la Cruz (director da Área de Sostibilidade da Fundación Alternativas) e Abel Caballero (alcalde de Vigo). A continuación, ás 10:00 horas, de la Cruz presentará o Informe sobre Economía Azul en España. A partir de aí, desenvolveranse cinco mesas de diálogo.

A primeira mesa “Marco estratéxico e normativo para o desenvolvemento da economía azul” comezará ás 10:20 horas. Francisco Javier Sanz Larruga, catedrático da Universidade da Coruña, falará sobre o marco normativo. Sebastián Villasante Larramendi, profesor e director do EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela, afondará na estratexia europea e española da Economía Azul. Pola súa banda Mario Pansera, da Universidade da Vigo, versará sobre a estratexia galega de economía azul. Modera a sesión Enrique Varela, decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo.

Na segunda mesa de diálogo, “Garantir unha economía azul sostible”, a partir das 12:00 horas intervirán Xavier Labandeira, catedrático da Universidade da Vigo, que falará sobre o peso da economía azul no conxunto da economía española e galega; Eduardo Míguez, director adxunto do Porto de Celeiro, abordará a pesca sostible no marco da economía azul; e Silvana Alfaya, directora de Governance, Risk & Compliance en KPMG, afondará no papel do capital natural no desenvolvemento empresarial sostible. Modera a sesión José Luis de la Cruz.

Na terceira mesa, “Retos sociais da economía azul”, participarán a partir das 13:15 horas María Caldeiro, xerente de Fundamar (que falará sobre os retos socioeconómicos de la economía azul), Sandra Amezaga, secretaria da asociación Mulleres Salgadas (sobre economía azul e perspectiva de xénero) e mais Xoán Ramón Vidal, secretario xeral da Unión Comarcal de Pontevedra da UGT (sobre retos laborais da economía azul).

Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, a cuarta mesa de diálogo versará sobre a acción local no desenvolvemento da economía azul, e nela participarán Alberto Varela, presidente da FEGAMP en funcións e alcalde de Vilagarcía, Ana María Mejías, deputada en funcións de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente de Vigo, e tamén Nuria Novelle, de Amarturmar, que falará sobre unha experiencia piloto dedicada á promoción do turismo mariñeiro. Estefanía Suárez, da Fundación Alternativas, modera a mesa.

A quinta e última mesa de debate, “Accións innovadoras en economía azul”, comezará ás 17:15 horas e contará coa participación de Pedro Arnau, de CIMNE, falando sobre o binomio enerxía-economía azul; José Manuel López Vilariño, presidente de Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia), que afondará nos avances na biotecnoloxía mariña; María José Chapela Garrido (ANFACO), abordará a pesca sostible no marco da economía azul; e Manuel Rey, catedrático da Universidade de Santiago, que falará sobre acuicultura sostible no marco da economía azul. A mesa será moderada por Isaac Pozo, da Fundación Alternativas.

A música clásica volve soar en Ponteareas co XI Festival Groba

O Festival Groba volverá converter este verán a Ponteareas no epicentro galego da música de cámara. A alcaldesa, Nava Castro, presentou este venres a undécima edición dunha cita que cada ano reúne a ducias de intérpretes de prestixio internacional nun acto que contou coa participación do Director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; do director artístico do festival, Rogelio Groba e da segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Urbanismo e Vivenda, Silvia Fernández Táboas.

Do 12 ao 18 de agosto, “celebramos unha nova edición dun festival consolidado que nos permite ás e aos ponteareáns coñecer e valorar a extensa obra do mestre Groba e explorar novos campos musicais. Porque Ponteareas é a vila do Corpus Christi, pero tamén da música”, salientou Nava Castro.

O Festival Groba volve de novo cun cartel de gran calado, como a estrea dunha obra seleccionada do mestre Groba, a ‘Suite Laxeiriana’, unha peza inspirada na obra do pintor galego. Do mestre Groba tamén soarán ‘Danza de Alba’, os concertos para violonchelo e cordas ‘Añoranzas’ e ‘Canto de berce’, ‘Catro bagatelas’, ‘Carpe Diem’, unha selección dos ‘Microconcertos’ e do ballet ‘Danzas meigas’ e a suite ‘Grovias’.

Ademais da Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do Festival Groba, esta nova edición contará coa presenza da internacionalmente prestrixiosa frautista coreana Jasmine Choi, os violinistas Benjamin Morrison de Nova Zelandia, Petteri Iivonen de Finlandia, o violista chino Wen Xiao Zheng, o violonchelista bielorruso Georgi Anichenko e o flamante solista da Orquesta Nacional de España, o estremeño Joaquín Fernández. Tamén actuará a fantástica pianista italiana Elisa D’Auria e, un dos referentes pianísticos habituais no prestixioso Festival de Verbier, Julien Quentin.

A alcaldesa, Nava Castro, resaltou o gran número de intérpretes que visitarán no mes de agosto Ponteareas e agradeceu “á Orquestra da Cámara Galega, ao seu director e á Fundación Rogelio Groba o traballo que realizan cada ano para organizar este festival, que seguro volverá a ser un éxito de público”. “Ponteareas converterase esta semana nun referente musical e seguiremos traballando ano a ano para mellorar e poder desfrutar na nosa vila dun ano cultural con diferentes actividades que convertan o noso concello nunha lugar de visita inescusable”, salientou.

O cartel complétase neste XI Festival Groba cun concerto especialmente dirixido aos mais pequenos no que o Duo Indigo interpretará O Carnaval dos animais de C. Saint-Saëns e continuarase co Programa de Mentonship iniciado na pasada edición. Este ano contamos coa participación da Boston String Academy, institución americana que no programa de titorización recibirán clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas convidados ao festival. Así mesmo, compartirán escenario coa Orquestra de Cámara Galega e terán a oportunidade de formar parte da programación do Festival. O público poderá escoitar ademais a autores como Vivaldi, Respighi, Strauss, Shostakovich, Turina, Grieg, Brahms, Beethoven, Rakov e Saint-Saëns.

O Director de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quixo destacar a importancia de “facer difusión musical de calidade fóra dos circuítos habituais e cunha masa crítica de intérpretes de recoñecido prestixio pilotados pola Orquestra da Cámara Galega”. “E é realmente especial facelo dende un concello no que naceu, residiu e dende o que espallou o seu nome unha figura internacional como a do mestre Groba”.

Pola súa banda, o director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero, salientou que se tratará dunha edición moi especial ao ser a primeira sen a presenza do mestre Groba “nesta marabillosa aventura, na que seleccionabamos obras e autores a interpretar e preparabamos as estreas de obras compostas por el”. “Temos por diante unha semana de actuacións coas que poñer de novo en valor a figura do compositor máis prolífico do noso país e do que cada ano descubrimos unha nova obras con estreas agochadas entre as actuacións, en estreita colaboración co Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, así como a Fundación Groba, sen as que non sería posible facer un evento gratuíto da magnitude do Festival Groba”.

A segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Urbanismo e Vivenda, Silvia Fernández Táboas, animou a toda a veciñanza a gozar da undécima edición “dun evento que pon en valor a música de cámara universal e, sobre todo, a música do mestre Rogelio Groba, compositor ponteareán e un dos máis importantes compositores españois dende mediados do século XX”.

A Xunta completa a distribución de bandeiras azuis 2023 coa entrega de dúas insignias á Guarda

0

A Xunta de Galicia vén de completar a distribución das Bandeiras Azuis 2023 na provincia de Pontevedra coa entrega, na xornada de onte, das cinco insignias pendentes aos concellos de Poio, A Guarda e A Illa de Arousa nun acto que tivo lugar no edificio administrativo de Campolongo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González, repartiu estes distintivos para as praias de Cabeceira (Poio), Area Grande e O Muíño (A Guarda) e Area da Secada e O Bao (A Illa de Arousa) aos alcaldes Ángel Moldes e Roberto Carrero e á concelleira de Turismo da Illa, Rosi Viana.

“Houbo concellos que, por distintos motivos, non puideron asistir á entrega oficial das bandeiras azuis celebrada hai dez días en Arteixo, algo que entendemos perfectamente porque ademais foi na semana de constitución das corporacións, pero desde a Xunta queriamos entregarllas xusto agora que comezou o verán para que, desde hoxe mesmo na festividade de San Xoán, poidan lucir nos areais da nosa provincia”, detallou o representante autonómico.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra xa ten distribuídas as 58 bandeiras azuis en praias -que se elevan ata 70 cos portos deportivos e os centros azuis- que este verán estarán presentes en praias, portos deportivos e centros turísticos e que reflexa o peso turístico dunha provincia que conta con preto do 42% dos distintivos concedidos para a comunidade galega e que é a segunda de España con máis distintivos, só por detrás de Alicante. “A bandeira azul é un sinal de identidade moi importante, xa que outorga certezas de calidade e seguridade sobre os areais e outros servizos turísticos aos usuarios, sexan galegos, residentes ou de viaxe pola terra, ou ben turistas. E ademais hai que agradecer o traballo de todos, co apoio da Xunta, para que Pontevedra sexa unha provincia tan prolífica nestes recoñecementos, porque é un orgullo ser a segunda comunidade de España nesta materia”, concluíu Agustín Reguera.

Alejandro Alonso reforzará a atención ás persoas e a prestación de servizos

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, anunciou a nova estrutura do goberno local e delegacións de competencias.  O rexedor aposta polo proxecto iniciado dende que preside a corporación dando continuidade ao labor que levaron a cabo os concelleiros no último ano, un labor apoiado na experiencia e a xestión que se reforzará coa creación de novas áreas que ampliarán a calidade do servizo que se presta á veciñanza.

“O Porriño afronta grandes retos nos próximos catro anos e para facelo contará cun equipo comprometido, eficaz e cohesionado que traballará de forma transversal para atender as necesidades dos veciños”, explicou o rexedor, “Centraremos a nosa liña de traballo na atención ás persoas e na correcta prestación dos servizos públicos, e para iso creamos novas áreas que reforzan as actuais como a de Participación cidadá e asociacións, Consumo, Migración, Infancia e Promoción e xestión da vivenda”.

Estas novas concellerías traballarán de maneira coordinada coas xa existentes, permitindo ao equipo de goberno dar unha maior resposta ás necesidades que se detectan no eido dos servizos e do social, os dous piares nos que Lorenzo sustenta o seu proxecto para O Porriño.

Asemade, designaranse catro tenencias de alcaldía que corresponderán a Carlos Martínez, Carolina González, Abel Estévez e Antía Carrera.

O rexedor convocou xa o pleno de organización, que se celebrará o luns 26 de xuño ás 9 h.

Reparto de áreas

  • Alejandro Lorenzo: Facenda e Persoal
  • Carlos Martínez: Industria, Contratación e Patrimonio
  • Carolina González: Educación, Igualdade e Normalización Lingüística
  • Antía Carrera: Urbanismo, Promoción e xestión da vivenda, Medio Ambiente e Mercados
  • Abel Estévez: Deportes, Servizos Sociais, Seguridade, Policía Local e Protección Civil
  • Ramón Porto: Vías, Obras e Servizos
  • Rosa Isabel Alonso: Comercio, Transparencia, Infancia, UNED e Programas Europeos
  • José Carlos González: Parques e xardíns, Limpeza e Cemiterio
  • Bienvenido Estévez: Cultura, Festas e Novas Tecnoloxías
  • Rosario Costas: Emprego e formación
  • Marcos Martínez: Parroquias, Comunidades de augas e montes e Parques infantís
  • Vanessa Ucha: Turismo, Migración e Mobilidade
  • Antonio Barros: Xuventude, Terceira idade e Participación cidadá
  • Teresa Veloso: Sanidade e Política social
  • Bárbara Troncoso: Atención cidadá e Protocolo
  • Ricarlo Losada: Consumo e Parque móbil

Tui comeza o mes de xullo coa celebración do III Festival da Cultura Tradicional e Folk

0

A praza de San Fernando, o Paseo da Corredoira e o Teatro Municipal de Tui van ser este ano os escenarios do III Festival da Cultura Tradicional e Folk que organiza a Asociación Cultural San Telmo de Tui co patrocinio do Concello de Tui xunto a outras entidades.

Este evento, que aposta pola nosa cultura tradicional, celebrarase o sábado 1, o domingo 2 e o venres 7 de xullo.

III Festival da Cultura Tradicional e Folk comezará o sábado 1 de xullo ás 20 h na praza de San Fernando coa celebración do VIII Certame de Gaita e Tamboril no que van participar seis concursantes das catro provincias galegas.

Ao remate, ás 22.30 h, na mesma praza de San Fernando, estará en concerto Xosé Lois Romero e Aliboria presentando o seu segundo traballo discográfico “Latexo”. No mesmo mesturan o tribal e ritual coa música folk galega tendo coma resultado unha sonoridade propia.

O domingo 2 de xullo, a cita será no Paseo da Corredoira onde ás 11.30 h terá lugar unha mostra conferencia a cargo de Yerai Souto do obradoiro de vestimenta tradicional “O Sarillo” creado en 2020 en Fene co obxectivo de recuperar a autenticidade do traxe tradicional.  Xa pola tarde, ás 19.30 h, celebrarase o VIII Día da Muiñeira no que van participar trece agrupacións de Tui, Vigo, Redondela, Marín, Ponteareas.

O III Festival da Cultura Tradicional e Folk pecharase o venres 7 de xullo ás 20 h no Teatro Municipal de Tui coa estrea da obra teatral “Cartilla de racionamiento”.  A entrada será de balde.

O director e dramaturgo da obra Yohel Santos González sinala que esta peza podería cualificarse coma un “caleidoscopio de emocións e memorias”. Engade que “sobre o escenario presentarase un conxunto heteroxéneo de escenas que invocan ás lembranzas dos homes e mulleres que viviron a posguerra civil Española en Galicia en xeral e en Tui en particular”.  A obra é froito das entrevistas realizadas a persoas maiores de Tui nas que se plasma que tanto polo contan coma por coma o contan se pode admitir que “na memoria existen imaxes indelebles”.

Os actores e actrices protagonistas son Noa Pignol Gómez, Sergio Alfonso Agra e Miguel Alonso González, e amais aparecen tamén en escena Milagros González Monteiro, Conchi Gómez Rodríguez, Natividad Romero Domínguez, Alessia Malerba, Ana María Pedreira Sousa e Carla Solleiro Pedreira.  Na parte musical están Carmen Fernández González, voz, e Eva María Fernández González, piano. O son corre a cargo de Isaac Millán Lledó e a iluminación de Nicolás Edreira Álvarez.

Tanto o director como actores e actrices propoñen xunto coas persoas de Tui, que participan na representación, diferentes atmosferas que “pretenden evocar uns anos extremadamente difíciles de soportar, xunto con algúns momentos de luz que sen dúbida deixarán ao público cun bo sabor de boca a saída do teatro” indica Yohel Santos.

Aberto o prazo de inscrición para acceder ás prazas de novo ingreso de FP

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades abre o prazo para presentar as solicitudes ás 42.174 prazas de novo ingreso da FP galega. A oferta destas ensinanzas para o vindeiro curso está constituído por 182 titulacións diferentes entre ciclos, másteres de FP ou programas formativos para persoas con necesidades educativas especiais, o que lle dá unha gran potencialidade e variedade á oferta. Increméntase en todas as familias profesionais, sectores, áreas xeográficas e modalidades, destacando o crecemento do 135 % na FP Dual, que abre matrícula en máis de 180 proxectos.

Para cursar estas ensinanzas é necesario, ademais de cumprir os requisitos de acceso, participar nun proceso de admisión, con prazos de solicitude, listaxes de admitidos e agarda e períodos de matrícula. En concreto, as persoas interesadas en cursar FP deberán utilizar o asistente informático para xerar unha solicitude web. Só nun número moi reducido de casos, detallados nesta aplicación informática, será  necesario levala a validar a un centro con oferta de FP. A continuación, terán que consultar as listaxes de solicitudes (provisional e definitiva) e as de adxudicación nas datas sinaladas no calendario de admisión. No caso de ter adxudicación, durante o período establecido matricularse ou renunciar (a renuncia so é necesaria no caso do réxime ordinario).

Diferentes fases

O prazo de presentación de solicitudes no proceso de admisión de formación profesional de grao básico, comeza o día 26 de xuño ás 9,00 horas e remata o día 6 de xullo ás 13,00 horas. Para o resto das ensinanzas o prazo de presentación de solicitudes vai desde hoxe, 23 de xuño, ás 9,00 horas ata o 5 de xullo ás 13,00 horas). O resto das  diferentes fases varían en función de se se trata de másteres de FP, ciclos e programas formativos ou proxectos de FP Dual. En calquera caso, nos dous primeiros casos o período de matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 19 de xullo, mentres que no caso da FP Dual empezará o 18 de xullo e en formación profesional de grao básico a partir do 24 de xullo.

Toda a información de requisitos e calendario para os diferentes casos pode consultarse do Portal Educativo. Así mesmo, neste espazo recóllese a descrición das diferenzas entre os distintos réximes e modalidades, como a obrigatoriedade de asistir ás clases no réxime ordinario e modular para adultos presencial, ou a flexibilidade de acceso nas ensinanzas para adultos presencial e a distancia, entre outros detalles.

A viña entra nun período de máxima sensibilidade ante o oídio

A viña entra nun período de máxima sensibilidade ao oídio, tal e como advirte a Estación Fitopatolóxica Areeiro no seu último aviso fitosanitario, polo que o centro dependente da Deputación recomenda extremar a vixilancia. Tamén aconsella, nas zonas sur da provincia, aplicar un produto rexistrado para o control do cicadelido vector da flavescencia dourada xa que, debido ao incremento previsto das temperaturas, acelerarase o ciclo do insecto. Amais, comeza a incrementarse o número de plantas que manifestan a sintomatoloxía propia das enfermidades da madeira e, en canto ao mildio e black rot, Areeiro recomenda manterse moi alerta.

Na revisión realizada esta semana por persoal técnico do centro dependente da Deputación tense atopado unha maior presenza de acios con oídio en todas as comarcas da provincia. Por estes motivos cómpre extremar a vixilancia, tendo en conta amais o período no que se atopa a viña, de máxima sensibilidade, e o incremento previsto das temperaturas e ausencia de choivas, condicións que favorecen as infeccións. Areeiro recomenda realizar labores culturais que faciliten a ventilación da viña e favorezan a exposición dos acios á radiación ultravioleta.

Ademais esta semana téñense incrementado nalgunhas viñas capturas de cicadelidos, aínda que os recontos seguen en niveis baixos para o habitual nestas datas. Sen embargo, Areeiro aconsella, nas zonas sur da provincia, aplicar un insecticida rexistrado para o control do cicadelido vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, xa que está previsto que o incremento das temperaturas acelere o ciclo do insecto e cómpre controlalo para evitar a propagación da enfermidade.

Tamén esta semana comezou a incrementarse o número de plantas que manifestan a sintomatoloxía propia das enfermidades da madeira. Sen embargo o tempo seco que se prevé para os vindeiros días non favorece o avance do black rot aínda que cómpre manter a vixilancia e non descoidar as rozas de vexetación do solo, os despuntes, podas en verde e as esfollas para procurar unha viña sen retencións de humidade.

No que respecta ao mildio, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas, permitirán saír da situación de risco elevado no referente á enfermidade. Con todo, Areeiro recomenda manterse moi alerta en viñas que veñen arrastrando infeccións mal controladas, revisar o estado das cepas e renovar os tratamentos en caso de que sigan a aparecer síntomas. Tamén favorecer a ventilación, pois mantendo o viñedo aireado é posible mesmo evitar as intervencións fitosanitarias.

Pataca e outras hortícolas

Finalmente, o centro dependente da Deputación advirte que tras semanas con condicións de humidade elevada, o sol dos vindeiros días provocará unha evaporación da auga do solo que xerará condicións moi favorables ao mildio. Por estes motivos cómpre aplicar tratamento naquelas plantacións que non estean protexidas, sempre respectando o prazo de seguridade dos produtos nas plantes temperás próximas á colleita.

A Entidade Local Menor de Pazos de Reis constituíu a súa nova corporación

0

Nun sinxelo acto de constitución, a nova corporación da Entidade Local Menor de Pazos de Reis quedou constituida este mediodía con Óscar Méndez coma novo presidente electo.

Tamén xuraron o cargo os catro vogais que integrarán este novo mandato da Entidade Local Menor de Pazos de Reis: Vanesa González, Tomás Camacho, Olga Méndez e José González.

Logo da comprobación das credenciais de todos os integrantes, Óscar Mendez, candidato do PSdeG-PSOE, xurou o cargo de novo presidente da entidade local menor tudense, relevando así no cargo a Enrique Pérez.

Acompañando ao novo presidente da entidade local estivo Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, xunto a membros da nova corporación municipal.

As “Depo Andainas” arrancan na Estrada

Tiro de saída ao programa “Depo Andainas” que arranca este domingo, 25 de xuño, na Estrada cun percorrido pola Ruta da Sidra no que se darán cita preto de 200 persoas. Trátase dunha iniciativa gratuíta da Deputación de Pontevedra que oferta un total de catro andainas ata outubro a través das cales as e os participantes sentirán a natureza mentres camiñan por sendeiros situados en puntos emblemáticos da provincia. A próxima cita será o 23 de xullo pola ruta da auga de Silleda e este luns, 26 de xuño, ábrese o prazo de inscrición para participar na actividade.

A DepoAndainas da Ruta da Sidra iniciarase este domingo ás 10 horas e terá unha distancia total de 9 quilómetros. É circular e de dificultade baixa, con saída e chegada á Sidrería Peroja. Transcorrerá polos núcleos de Outeiro, A Pedreira, Pepe, Gonxar, Paraxó, O Souto, Sorribas, O Río, Ventosela e Brei de Riba, na Estrada, e farao de maneira continuada por plantacións de maceiras, que están en plena floración. Amais, nunha das sidrerías da zona, explicarase o proceso de elaboración da sidra.

As camiñadas, abertas a persoas de calquera idade que se consideren aptas para levar a cabo a actividade, abren a posibilidade de viaxar doutra maneira, nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade patrimonial da provincia de Pontevedra. Tras pasar pola Estrada, a segunda andaina terá lugar o 23 de xullo cun percorrido pola ruta da auga en Silleda e o programa continuará o 10 de setembro pola ruta do miradoiro da Siradella no Grove (apertura de inscricións o 24 de xullo). O peche das “Depo Andainas” terá lugar en Cambados, cun percorrido pola ruta do Viño Rías Baixas o 8 de outubro (apertura de inscricións o 11 de setembro).

As “Depo Andainas” enmárcanse en “Depo Actívate”, o calendario de ata 13 accións que organiza a Deputación entre xuño e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física. Xunto a este programa inclúense tamén en “Depo Actívate” iniciativas como “Depo Auga”, as “DepoRutas BTT” e “Depo Orienta”.

Carlos Núñez estará en Monteferro o vindeiro 6 de agosto

0

O Concello de Nigrán ofrece o 6 de agosto unha segunda oportunidade de ver a Carlos Núñez en Monteferro ante o ‘sold-out’ para o solpor do día anterior. As entradas para esta nova cita, en sesión matinal (11:00 horas), xa están á venda a través de Ataquilla cun prezo de 23 €. O espectáculo, que forma parte da programación estival do Concello de Nigrán e que conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña 2 do Plan Concellos, encádranse na xira ‘Lugares Máxicos’.

Tal e como arrancaron no 2020 os concertos de Carlos Nuñéz neste enclave único, o obxectivo é enfeitizar aos asistentes grazas a súa especial sinerxia coa natureza. “Desde o ano 2020 en agosto xuntamos ao mellor gaiteiro do mundo no que nos consideramos o mellor escenario do mundo, unha unión que resulta máis que fascinante”, reitera o alcalde, Juan González

“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. A diferencia cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentímos ese intre como unha cerimonia. Según os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas…. Por iso, neste concerto repetirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público. Seremos unha gran familia!”, sinala o propio Carlos Núñez, quen ten tocado dentro desta xira ‘Lugares Máxicos’ en espazos tan singulares de Galicia como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.

Co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas xustificados de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna.

A contorna da igrexa das Eiras convértese nun espazo máis accesible

0

O Concello do Rosal vén de rematar as obras de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, uns traballos enmarcados no proxecto de recuperación da zona de elevado valor natural e patrimonial que vai dende a Ribeira ata a Madalena con actuacións que resolven problemáticas concretas, recuperando o patrimonio cultural e mellorando os accesos, camiños e sendas.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, enfatizou a importancia de continuar mellorando espazos, recuperándoos para as persoas, dando prioridade á accesibilidade e promovendo lugares propicios para a convivencia, a estancia e o lecer. “Queremos que O Rosal sexa un municipio acolledor, no que a veciñanza poida atoparse, compartir experiencias e desfrutar da contorna”, resaltou.

A mellora da accesibilidade da igrexa e da súa contorna deteriorada é o primeiro paso dun proxecto de transformación que incluíu as ideas e suxestións achegadas pola veciñanza. Nas obras empregáronse materiais de km0, especies vexetais autóctonas sen regos e pavimentos permeables e semipermeables que melloran a relación entre o medio e as persoas, con formas e cores inspiradas na paisaxe, mellorando a accesibilidade e difuminándose entre o patrimonio existente.

Durante os dous meses que duraron os traballos de transformación integral, na área intramuros achegouse a cota ata a entrada da igrexa cun amplo camiño que garante a accesibilidade e que supuxo unha gran mellora de toda a contorna, facéndoa máis amable e repoñendo os elementos que se atopaban en condicións deficientes. Melloráronse ademais as escaleiras e instaláronse bancos corridos que permiten xerar espazos de convivencia nas inmediacións da igrexa.

As intervencións realizadas mimetízanse coa contorna, xa que durante os traballos se empregaron materiais e vexetación propios desta zona en diálogo coa rocha existente, potenciando a súa presenza e mellorando a accesibilidade con espazos de reunión arredor da igrexa e cun camiño completamente accesible paralelo á fachada. En canto á vexetación, creouse un efecto verde perenne que compón a perfecta antesala á subida á Ermida da Madalena, cunhas sobreiras catalogadas como árbores senlleiras.

“Os traballos realizados na contorna da igrexa de San Bartolomeu son un exemplo máis de que cada paso que damos para a transformación integral dos nosos espazos busca dar prioridade ás persoas, xerando lugares de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de estancia e de lecer”, destacou a rexedora.

A Deputación asesorará aos concellos sobre a xestión de colonias felinas

A Deputación de Pontevedra culmina o proceso do anunciado proxecto para asesorar e facilitar aos concellos na implantación dun plan de xestión de colonias felinas coas que atender aos gatos sen propietario que viven na rúa. A institución vén de comunicar aos municipios da provincia esta iniciativa nunha carta informativa, xunto á que lles achega a nova guía que ten elaborado para a implantación destas colonias a través do método CER (captura/esterilización/retorno) e un informe sobre a estimación dos custos que a súa posta en marcha pode supoñer. Amais, ponse a disposición dos gobernos locais para realizar un plan adaptado ás particularidades de cada concello.

A implantación de colonias para a xestión de gatos comunitarios está contemplada como posibilidade na actual lei de benestar animal de Galicia, pero coa futura entrada en vigor da nova normativa estatal (Lei 7/2023 de 28 de marzo) sobre protección dos dereitos e benestar animal, os municipios deberán adoptar esta fórmula para atender aos animais que estean nesta situación. Con esta iniciativa, a Deputación busca facilitar esta tarefa aos concellos e a nova guía aporta toda a información necesaria sobre a xestión destas colonias, figura coa que se denomina a un grupo de gatos que viven en estado de liberdade ou semiliberdade, que non poden ser abordados ou mantidos con facilidade polas persoas debido ao seu baixo ou nulo grao de socialización, pero que desenvolven a súa vida ao redor destas para a súa subsistencia.

A guía elaborada pola institución provincial aborda a xestión destas colonias, con datos sobre as condicións para desenvolver o método CER (permisos, dotación de medios humanos e materiais, forma de captura e esterilización, identificación dos animais e condicións de retorno entre outras cuestións), así como recomendacións para alimentación, limpeza e desinfección e a fórmula de seguimento e vixilancia da colonia. Tamén ofrece asesoramento sobre a formación de persoas voluntarias para colaborar no programa, a xestión veterinaria das colonias e a información que precisa coñecer a veciñanza. 

Amais, a Deputación ofrece aos municipios a posibilidade de recibir asesoramento para a elaboración dun plan adaptado as súas particularidades. Para iso deberán presentar por rexistro unha pequena memoria onde expliquen a súa problemática respecto da poboación de animais felinos e a xustificación de optar a esta colaboración. As solicitudes serán tramitadas por orde de entrada no rexistro provincial e atendidas en función da dispoñibilidade de medios persoais e materiais. Lémbrase tamén aos concellos que neste momento está aberta unha liña de axudas para afrontar este tipo de gastos convocada pola Subsecretaría de Dereitos Sociais e Axenda 2030, cuxa solicitude se pode realizar ata o 23 de xullo. Para optar a estas subvencións é necesario ter implantado ou aprobado un programa de xestión ética de colonias felinas.

Xestión de colonias

Segundo se expón na guía, o CER é o método de xestión que inclúe a captura, esterilización e retorno dos gatos comunitarios a través de medios non lesivos para os animais. Entre os seus principais beneficios figura a baixa da prevalencia das enfermidades infecciosas, a mellora da calidade e cantidade da alimentación e o feito de que a zona de alimentación estará limpa e hixienizada. As femias deixarán de sufrir a tensión ao non ser sexualmente activas e diminuirá o crecemento exponencial da poboación. Amais, cita que segundo algúns estudos, con taxas de esterilización do 75% dos e das integrantes da colonia, esta estabilízase co paso do tempo. Mesmo hai algún caso documentado que co 90% dos integrantes esterilizados, diminúe o número de individuos que conforman a colonia de forma progresiva. Tamén se evitan pelexas, agresións e feridas entre os machos xa que ao estar esterilizados e non ser sexualmente activos, non percorren tanta distancia en procura de parella, polo que diminúe a posibilidade de accidentes e atropelos.

Amais das vantaxes que ofrece para os animais, o establecemento de colonias controladas ofrece vantaxes para a veciñanza, entre eles a redución ou eliminación dos problemas ocasionados por gatos non esterilizados, como a superpoboación felina, malos cheiros, ruídos por pelexas e por miañar; a redución de casos de gatos mortos por enfermidades e atropelos, e a mellora das condicións de seguridade e saúde pública. Tamén axuda ao control da proliferación doutras especies, como roedores e insectos, xa que os gatos son o método máis eficaz, natural, ecolóxico e económico de equilibrio de poboacións, e permiten a redución da presenza de persoas alimentadoras non autorizadas na zona, reducíndose o lixo e os malos cheiros por alimentos en descomposición. Por último, a guía cita a mellora das condicións naturais e paisaxísticas da localidade, xa que unha colonia de gatos en bo estado proporciona atractivo visual e entretemento a todo tipo de veciños e visitantes.

Ponteareas prepárase para celebrar o XIII Open Vila do Corpus de Pontevedra

Ponteareas quenta motores para acoller a treceava edición do Open Vila do Corpus de tenis, un dos eventos deportivos máis destacados da vila que se celebrará do 23 de xuño ao 2 de xullo nas pistas da Freixa. Organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello, o torneo contará con algunhas das mellores raquetas da comunidade, que regresan do seu periplo deportivo polos Estados Unidos.

Estes días 135 deportistas de sete categorías diferentes, dende benxamíns ata veteranos +45, mediranse en varios encontros que prometen entreter ao público cunha competencia de alto nivel, un xogo excepcional e un espectáculo deportivo único no que poderá desfrutarse de varias e varios top ten do ranking galego de tenis. O torneo repartirá 1.000 euros en premios en metálico.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o alto nivel dos participantes do Open Vila do Corpus e valorou o esforzo continuo do Club Tenis Ponteareas para organizar este trofeo ano tras ano. “Orgullécenos poder recibir na nosa vila a tenistas de elite e poder gozar de tanto talento e da paixón que amosan en cada partido. Agradecemos ao club a súa dedicación e o seu arduo traballo para levar adiante este torneo e brindar á veciñanza a oportunidade de desfrutar aquí do tenis de alto nivel”.

Comezan as xornadas de “Almorzos Saudables” na Cañiza

0

Esta semana desenvolvéronse, nos centros escolares da Cañiza e de Valeixe, as primeiras xornadas sobre hábitos alimenticios, coincidindo cos últimos días das clases deste curso 2022-2023. Quedando programadas para o vindeiro curso novas accións neste mesmo eido.

Os «Almorzos Saudables» teñen como obxectivo promover hábitos de vida saudables centrados nunha alimentación equilibrada, promovendo o consumo de froitas, cereais e lácteos e sensibilizar sobre a importancia dun almorzo completo como unha das comidas principais do día.

Uns hábitos que pretenden erradicar as prácticas de consumos e de substancias aditivas non saudables.  E o que é máis importante, promover e actuar no colectivo máis temperá, prestando especial atención á poboación adolescente.

As actividades estiveron dirixidas ás nenas e nenos de infantil e de primaria, estando especialmente implicados na súa organización a directiva e claustro de profesores dos centros escolares e os alumnos de 5º e de 6º de primaria que apoiaron co seu traballo o desenvolvemento das xornadas.

A todos eles, queremos agradecer moi especialmente a súa colaboración. Tamén agradecer ao persoal coidador do comedor do CPI da Cañiza e ás nais que de xeito desinteresado tamén traballaron para que esta 1ª xornada fora un éxito.

O programa reanudarase nos centros escolares no vindeiro mes de setembro, intensificando e ampliando ésta e outras accións, implicando tamén ás familias e ao profesorado co obxectivo final de que “os nenos se conciencien sobre a importancia de seguir una dieta alimenticia saudable e equilibrada onde prime o consumo de froita, verduras e auga”.

A actividade estará completada con outras accións do proxecto no que se traballará a importancia de conseguir unha axeitada saúde emocional. Nesta parte do proxecto participarán tamén todos os centros escolares, a través de obradoiros e os clubes deportivos dos concellos asociados.

Tomiño diploma a 15 novas persoas auxiliares en atención sociosanitaria a domicilio

0

O Concello de Tomiño entregou este mércores os diplomas acreditativos ás 15 persoas que participaron no último curso de formación como auxiliares de atención sociosanitaria a domicilio impartido pola empresa adxudicataria da prestación do servizo de axuda no fogar, unha iniciativa coa que se buscaba formar a persoas desempregadas nun sector cunha alta demanda no mercado laboral.

A alcaldesa, Sandra González, enfatizou a importancia de “investir en formación e capacitación de persoal especializado en auxe”. “Dende o Concello queremos brindar oportunidades de formación e emprego á nosa veciñanza, dándolles as habilidades necesarias para acceder a empregos de calidade nun sector en crecemento”, salientou.

Organizado dende a Concellería de Benestar Social e Igualdade en colaboración coa empresa IDADES, especializada na prestación de servizos de atención-sociosanitaria, o curso tivo unha duración de 300 horas, 150 teóricas na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián e 150 prácticas non remuneradas.

Con diploma acreditativo recibido este mércores, as 15 persoas participantes na formación poderán iniciar o proceso de obtención de Acreditación das competencias profesionais dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Redondela fai unha chamada de responsabilidade á veciñanza para a celebración de San Xoán

0

O Concello de Redondela anuncia as fogueiras programadas para celebrar San Xoan este venres 23 de xuño, todas elas contando coa autorización do goberno local por cumplir cos requisitos establecidos.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, chama á veciñanza a “desfrutar con responsabilidade, pois estas festas son parte da nosa tradición ancestral e como tal, debe ser posta en valor, pero dende o respecto e a convicencia”.

A Comisión de Festas de San Xoán de Cabeiro programa actividades durante toda a fin de semana. O venres comezan ás 20:30 h coa Gran sardiñada, amenizada polo grupo “Os amigos do ritmo”, o discjockey DJ Fredo e o grupo “A banda de onte” para dar paso á fogueira a partir das  00:00; o sábado teñen preparado un pasarrúas e concerto da Banda de música municipal de Redondela, ao medio día comeza a misa maior en honra de San Xoan paralela á sesión vermú con pulpeiro e de cara á noite actuarán as orquestras Suavecito e Grupo Ámbar; por último, o domingo organizan un pasarrúas pola zona sur de Cabeiro e rematan a xornada ás 22:00 h coa actuación do grupo musical “Ritmo”.

En Saxamonde a fogueira estará localizada, como en anos anteriores,  no campo de fútbol de Chan das Pipas e en Quintela a asociación cultural e recreativa da parroquia preparan unha festa con choripan e fogueira situada nas inmediacións da Centro Cultural de Quintela

Asociación deportiva e cultural de Rande prepara unha fogueira con sardiñas, pan e viño “a prezos populares” no Mereindeiro de Meirande. Na curva do Murallón en Cesantes, o Círculo Cultural e Deportivo de Cesantes, organiza unha festa con  comida e bebida a partir das 21:00 horas para dar paso as actuacións de Algarabía Folk e Fanfarria Furruxa. As fogueira acendense a partir das 00:00h.

A comisión de festas Das Dores do Barrio de Tuimil tamén terá fogueira no Torreiro da Festa e a Asociación Cultural e Veciñal coñecida como “A Miñoteira” de Ventosela acenderá a fogueira nas inmediacións do seu Centro Cultural, acompañada de sardiñada e o sorteo dun Xamón.

A asociación de Festas do Carme de Soutoxuste aporta xamón asado, choripan e bebida a prezos populares na Praza do Meixoeiro a partir das 21:30 h para rematar coa actuación de Marcela e o acendido da fogueira.

O Centro Cultural de San Estaban de Negros acolle as festas de San Xoán organizadas pola asociación veciñal da parroquia. Ao igual que a Asociación Cultural de Nespereira que ofrece sardiñada, chourizo e viño a partir das 21 horas na Casa Cultural en colaboración coa Asociación Cultural e Veciñal do Viso.

A Policía Local de Redondela anuncia que establecerá un dispositivo na madrugada do día 23 ao 24 e lembran  que “o alcohol e drogas  xunto coa condución dun  vehículo non son compatibles, pola túa propia seguridade e pola dos demais”.

Volve a Baiona o festival de maxia “Baiona Pinta Maxia”

0

Baiona acolle este sábado 24 de xuño o Festival de Maxia “Baiona Pinta Maxia”. O evento, organizado polo Concello de Baiona, congregará a artistas de recoñecido prestixio dentro do ilusionismo como: Carlos Tomico e Sara Rodríguez, da cooperativa “Mangia na Manga”, Samuel Moreno ou Wocky. 

Nesta edición 2023, a maxia volve ao muso flotante da Carabela Pinta, que deu nome ao festival, introducindo como novidade a repartición de tickets 20 minutos antes de cada pase para fixar a hora á que van entrar ás instalacións.

Todas as actividades son gratuítas. Para poder participar nalgunhas delas é necesaria a inscrición previa a través do WhatsApp (685960370) ou a través de [email protected], como é o caso do taller de maxia, xa que o aforo é limitado.