13.9 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaDebate da Deputación e a Fundación Alternativas sobre a economía azul na...

    Debate da Deputación e a Fundación Alternativas sobre a economía azul na provincia

    A Deputación de Pontevedra e a Fundación Alternativas celebrarán o próximo martes, 27 de xuño, a xornada “Economía azul na provincia de Pontevedra” na sala Rosalía de Castro da sede provincial en Vigo. A xornada, conducida polo xornalista Miguel Ángel de la Cruz, ten como obxectivo xerar un espazo de encontro e reflexión sobre as oportunidades da economía azul e os retos da transición ecolóxica e o papel que ten a unha sobre a outra. O seminario está enmarcado ao abeiro do encontro sobre pesca coordinado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que terá lugar tamén en Vigo, os vindeiros 3 e 4 de xullo, con motivo da presidencia española da Unión Europea.

    “Economía azul na provincia de Pontevedra” será un espazo aberto que permitirá dar a coñecer visións innovadoras desde unha dimensión internacional para xerar sinerxías entre administracións, empresas, academia e sociedade civil. Os propósitos da xornada son fomentar o diálogo para o desenvolvemento da economía azul sostible, visibilizar o seu papel estratéxico na transición ecolóxica e mais as oportunidades que ofrece, proporcionar ao tecido empresarial e emprendedor un espazo para desenvolver áreas de contactos, así como axudar a difundir os avances e investigacións desenvoltas na contorna en materia de economía azul.

    Deste xeito, algúns dos aspectos que se abordarán no seminario serán a identificación das necesidades para afrontar a transición ecolóxica, e destacar o seu potencial para contribuír a xerar unha economía sostible, circular, resiliente e adaptada á nova realidade climática para favorecer o cumprimento dos marcos políticos e estratéxicos a todos os niveis. Tamén se falará sobre os retos e oportunidades de gobernanza para o desenvolvemento da economía azul, así como a posta en valor dos principais avances de investigación e aplicación de tecnoloxía e innovación no desenvolvemento da economía azul en Galicia.

    A economía azul, un segmento en rápida evolución que contribúe ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, comprende sectores como a enerxía mariña renovable, a bioeconomía azul, a biotecnoloxía e a desalinización, o que abre novas perspectivas para a creación de emprego. Trátase dunha economía básica no sistema produtivo da provincia de Pontevedra e que está avanzando na xestión sostible dos portos e tamén na análise e investigación da academia. Os fondos europeos supoñen una oportunidade para fortalecer proxectos en proceso de consolidación, polo que o encontro permitirá dar a coñecer as iniciativas que se realizan na provincia nesta área e axudar a fortalecer as redes profesionais.

    O programa do seminario “Economía azul na provincia de Pontevedra”

    A xornada comezará ás 9:30 horas coa inauguración, onde intervirán Hugo Morán (secretario de Estado de Medio Ambiente), Carmela Silva (presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra), José Luis de la Cruz (director da Área de Sostibilidade da Fundación Alternativas) e Abel Caballero (alcalde de Vigo). A continuación, ás 10:00 horas, de la Cruz presentará o Informe sobre Economía Azul en España. A partir de aí, desenvolveranse cinco mesas de diálogo.

    A primeira mesa “Marco estratéxico e normativo para o desenvolvemento da economía azul” comezará ás 10:20 horas. Francisco Javier Sanz Larruga, catedrático da Universidade da Coruña, falará sobre o marco normativo. Sebastián Villasante Larramendi, profesor e director do EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela, afondará na estratexia europea e española da Economía Azul. Pola súa banda Mario Pansera, da Universidade da Vigo, versará sobre a estratexia galega de economía azul. Modera a sesión Enrique Varela, decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo.

    Na segunda mesa de diálogo, “Garantir unha economía azul sostible”, a partir das 12:00 horas intervirán Xavier Labandeira, catedrático da Universidade da Vigo, que falará sobre o peso da economía azul no conxunto da economía española e galega; Eduardo Míguez, director adxunto do Porto de Celeiro, abordará a pesca sostible no marco da economía azul; e Silvana Alfaya, directora de Governance, Risk & Compliance en KPMG, afondará no papel do capital natural no desenvolvemento empresarial sostible. Modera a sesión José Luis de la Cruz.

    Na terceira mesa, “Retos sociais da economía azul”, participarán a partir das 13:15 horas María Caldeiro, xerente de Fundamar (que falará sobre os retos socioeconómicos de la economía azul), Sandra Amezaga, secretaria da asociación Mulleres Salgadas (sobre economía azul e perspectiva de xénero) e mais Xoán Ramón Vidal, secretario xeral da Unión Comarcal de Pontevedra da UGT (sobre retos laborais da economía azul).

    Xa pola tarde, a partir das 16:00 horas, a cuarta mesa de diálogo versará sobre a acción local no desenvolvemento da economía azul, e nela participarán Alberto Varela, presidente da FEGAMP en funcións e alcalde de Vilagarcía, Ana María Mejías, deputada en funcións de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial, Nuria Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente de Vigo, e tamén Nuria Novelle, de Amarturmar, que falará sobre unha experiencia piloto dedicada á promoción do turismo mariñeiro. Estefanía Suárez, da Fundación Alternativas, modera a mesa.

    A quinta e última mesa de debate, “Accións innovadoras en economía azul”, comezará ás 17:15 horas e contará coa participación de Pedro Arnau, de CIMNE, falando sobre o binomio enerxía-economía azul; José Manuel López Vilariño, presidente de Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia), que afondará nos avances na biotecnoloxía mariña; María José Chapela Garrido (ANFACO), abordará a pesca sostible no marco da economía azul; e Manuel Rey, catedrático da Universidade de Santiago, que falará sobre acuicultura sostible no marco da economía azul. A mesa será moderada por Isaac Pozo, da Fundación Alternativas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.