A Xunta de Galicia vén de adxudicar por máis de 786.000 euros a obra para a humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, localizada na parroquia de Tameiga, no concello pontevedrés de Mos.
Cómpre lembrar que esta actuación será cofinanciada nun 70 % e nun 30 %, respectivamente, polo Goberno galego e o Executivo municipal, tal e como se recolle no convenio asinado a tal fin o pasado mes de marzo entre ambas administracións.
Os traballos, que contan cun prazo de execución previsto de seis meses, consistirán na remodelación do entorno da referida ermida a través da dotación de zonas verdes, da renovación completa do mobiliario urbano e da repavimentación do solo. Ademais, a empresa adxudicataria tamén terá que velar pola protección de todos os elementos culturais existentes, como o propio edificio relixioso, o cruceiro ou o peto de ánimas.
En definitiva, o obxectivo principal que se persegue a través desta intervención urbanística é converter a zona nun espazo público de calidade no que se lle dará prioridade aos peóns sobre os vehículos.