Xoves, 17 Xullo de 2025

O poeta Alfonso Pexegueiro dará o pistoletazo de saída á Feira do Libro de Ponteareas

Ponteareas prepárase para acoller a VII Feira do Libro, que do 13 ao 16 de xullo encherá a vila de presentacións, sinaturas, espectáculos e actividades de animación á lectura. Nesta edición, o recoñecido poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro será o encargado de ler o pregón e dar o pistoletazo de saída a catro xornadas nas que veciños e veciñas poderán achegarse á literatura ao tempo que se dinamiza o sector e o comercio na vila.

Organizada entre o Concello de Ponteareas e a Federación de Libreiros e Editores de Galicia, a feira abrirá as súas portas nun novo lugar, os xardíns do Concello, buscando así unha zona con espazos de sombra e creando un ambiente acolledor e confortable para gozar de todas as actividades.

“A Feira do Libro é un evento emblemático na programación cultural de Ponteareas que vai máis alá da simple exhibición de obras. É unha oportunidade de encontro para todas aquelas persoas que comparten o amor pola lectura, un lugar no que mergullarse en mundos imaxinarios e descubrir novas historias e o mellor escaparate para promover e cultivar o interese pola literatura entre persoas de todas as idades”, resaltou a alcaldesa, Nava Castro.

A programación comezará o xoves 13 coa apertura das casetas ás 18.00 horas e o espectáculo infantil ‘A Ramona pequena vai á lúa’, de Pakolas. Ás 19.00 h Andreia Costa presentará ‘Magnolia punk e outras arritmias’ para dar paso ás 20.00 h á lectura do pregón a cargo de Alfonso Pexegueiro e a unha actuación musical. Tamén ás 20.00 h Esther Sestelo estará asinando o seu libro ‘Clara y su diario en una experiencia maravillosa’ e ás 21.00 h Fabio Rivas presentará ‘A pintura debida’ e Samuel Merino asinará exemplares na Librería Milfollas.

A feira continuará o venres 14 pola mañá coa apertura de portas ás 12.00 h e actividades infantís de animación á lectura a cargo da biblioteca municipal. Xa pola tarde, ás 18.00 h Xavier Estévez presentará ‘A memoria dos pingüíns’ e Samuel Ferro firmará exemplares de ‘Leyenda’ e ás 19.00 Almudena Santamarina asinará ‘Puede que algún día’ e Atenea García deleitará ao público co seu espectáculo de narración oral ‘Estrefalaria’. A xornada continuará ás 20.00 h coa presentación de ‘Setestrelo’ de Manuel Esteban e a firma de Ana Melón de ‘1977-2023’ e ás 21.00 h con María Xosé Porteiro presentando a súa novela ‘Tabiba’.

O sábado 15 o público poderá desfrutar de ata unha ducia de actividades. Ás 11.00 h a biblioteca municipal levará a cabo novas actividades de animación á lectura e ás 12.00 h Ramón Otero estará asinando exemplares do seu libro ‘El Peregrino’. A programación reanudarase xa ás 18.00 horas con tripla proposta: a presentación de ‘Alma cazadora’ de Keyz Noyers e a sinatura de José Malvárez do seu ‘Incoloro’ e de Anémona del Río das súas obras. Ás 20.00 horas haberá de novo tripla sesión coa presentación de Teresa Ríos do seu libro ‘Corpo nómade’ e con Isabel Blanco firmando exemplares das súas obras e de Pablo Prado e David Braña da súa última obra, ‘A batalla de Rande’. Ás 21.00 h a feira botará o pano coa presentación de ‘Con esta hoz’, de Samuel Merino e un recital poético a cargo do propio Merino e Silvia Penas.

A VII Feira do Libro de Ponteareas rematará o domingo 16 de xullo coa obra de teatro infantil ‘Feo’, de Caramuxo Teatro’, ás 12.30 h e con tres novas presentacións pola tarde: ás 18.00 horas de ‘Os ollos do irmán eterno’, de Borja Diérez; ás 19.00 h de ‘As cunchas baleiras’, de Branca Novoneyra; e ás 20.00 h de ‘Manuel Castro, Handicap, crónica dunha paixón’ de Adrián Estévez. A clausura será ás 21.00 horas cunha actuación da Banda de Música Reveriano Soutullo.

Nigrán ofrece un roteiro xeolóxico esta semana

0

O Concello de Nigrán concentra na península de Monteferro a programación cultural e de ocio desta semana. O obxectivo é promover esta paraxe natural de infinita riqueza natural e patrimonial. Así, como ven sendo habitual cada verán, o xeólogo Francisco Canosa realizará un roteiro xeolóxico o mércores 12, mentres que os arqueólogos de Árbore ofrecerán un de observación noctura de petroglifos o xoves 13 e, finalmente, o venres e sábado celebrarase o festival de música ‘Solpor Monteferro’.

Roteiro xeolóxico

Monteferro é un dos puntos máis interesantes de toda a provincia de Pontevedra por concentrar gran cantidade de rochas de diferentes procesos xeolóxicos entre as que destacan conglomerados, lousas, xistos, cuarcitas, granitos e diabasas. O doutor en Xeoloxía Francisco Canosa será quen realice a visita guiadas.Os interesados deben presentarse ás 10:00 horas fronte ao chiringuito de praia de Patos (no aparcamento ao carón do ‘Hostal Montevideo’). O experto deseñou un itinerario de 4 km de dificultade baixa, cunha duracón de 4 horas, adaptada a todo tipo de público, e que arranca na Praia de Patos (praia fósil de 120.000 anos de antigüidade, orixinada cando o mar se atopaba por enriba do nivel actual). A Historia xeolóxica de Monteferro comezou no fondo do mar hai máis de 500 millóns de anos, nun período xeolóxico coñecido como Cámbrico, naquel momento o tamaño e distribución dos continentes eran moi diferentes dos actuais, ata tal punto que Monteferro se atopaba próximo ao Polo Sur, despois, como consecuencia do movemento dos continentes, prodúcese unha salientable colisión entre dous deles (Laurussia e Gondwana) fai 350 millóns de anos, o que orixina unha cordilleira montañosa de altitude semellante ao actual Himalaia. As rochas de Monteferro vense afectadas por este acontecemento xeolóxico en forma de importantes cambios no seu aspecto e composición. Na época dos dinosauros esas montañas erosiónanse por completo para despois, durante a formación dos Alpes, fai só 70 millóns de anos, orixinarse unhas novas que son as que podemos ollar na actualidade. Todos estes procesos e acontecementos xeolóxicos deixaron a súa pegada nos materiais que constitúen Monteferro e a súa contorna, polo que con esta ruta poderá entenderse un pouco mellor a linguaxe das rochas, unha ferramenta básica para interpretar e coñecer a historia do noso planeta.

Roteiro arqueolóxico

Ao día seguinte, xoves 13 de xullo, o Concello ofrece un roteiro nocturno polos petróglifos de Monteferro guiado por arqueólogos da cooperativa Árbore, encargados de mellorar a sinalización e o estado dos gravados desta península. Os interesados en participar tan só deben presentarse ás 21:00 horas ante o Monumento á Mariña Universal cunha lanterna (serviría un móvil con lanterna). Entre os diferentes petroglifos que verán destaca o de ‘Penisas Pequenas’, aquí, entre outras cousas, figuran dous podomorfos, sendo un deles moi evidente ao apreciarse incluso as dedas do pé. “Non se coñece en Galicia un tan ben conservado, non é un motivo para nada común”, explica Benito, arqueólogo de Árbore e quen vincula esta figura á Idade de Ferro ou Bronce fronte ao Paleolítico, cando se representaban as mans. Sobre o significado destes pés a tamaño real non hai unha teoría clara, aínda que algunha delas apunta a ser este un lugar de entronización seguindo a tradición céltica. Outra proba do especial deste rochedo é a cantidade inxente de muíños naviculares. “Son tantos que resulta evidente que non podían ter un fin meramente funcional, tiña que ter algo de ritual, este feito é común no Sur de Pontevedra, non no resto de Galicia, é algo diferenciador” engade. Outra das curiosidades que poderán apreciar serán os gravados de ‘O Duque’, feitos por un excéntrico personaxe de Panxón no século XIX, xunto ao faro de Punta da Meda.

Solpor Monteferro

Este ano poderase gozar do “mellor escenario do mundo” por partida dobre empezando ‘Solpor Monteferro’ o vindeiro venres e sábado. O Concello de Nigrán ofrecerá por vez primeira dúas sesións dobres deste festival xa senlleiro en toda a comarca. En concreto, os concertos á tardiña terán lugar durante as fins de semana do 14 e 15 de xullo e do 25 e 26 de agosto. As actuacións mantéñense gratuítas e o cartaz, como é tradición, desvelarase na mesma semana do festival.

Arbo celebra os 50 anos de casados

0

Un ano máis, o Concello de Arbo organiza un homenaxe ás parellas que cumpren os 50 anos de casados. O evento terá lugar o 6 de agosto na Praza do Concello.

Todos aqueles matrimonios que cumpran ou que cumprisen os “50 anos de casados (Vodas de Ouro)” desde o 31 de xullo de 2022 ata o 6 de agosto de 2023, pódense anotar nas oficinas municipais do Concello de Arbo para a homenaxe que se vai a celebrar o vindeiro 6 de agosto.

Tamén  poderanse anotarse todas aquelas parellas que o ano anterior non puideron participar. A data limite para anotarse será ata o vindeiro 20 de xullo.

Arce ‘Perro Viejo’ actuará en Tui nas Festas de San Telmo

0

No marco dos eventos musicais das Festas de San Telmo, Tui tamén contará cunha programación especialmente dedicada ao público máis novo. Arce ‘Perro Viejo’, DJ Mesu e DJ Enter ofrecerán, o sábado 15 no Espazo Feiral de Tui, un concerto que mesturará os versos do rapeiro compostelán e as mesturas destes dous disc-jóckeys que amenizarán a festa até a entrada da madrugada.

Arce é o nome artístico de Pablo Arce, rapeiro galego nado en Santiago de Compostela e que conta con milleiros de seguidores nas súas redes sociais. Dende o ano 2002 interpreta temas con rimas desenfadadas e ten publicados tres álbums de estudo, Luciffer, Pedigrí e Stand By, este último lanzado o pasado ano. No seu concerto en Tui cantará os seus temas máis importantes e o seu último lanzamento, o sinxelo Polbo, publicado este mes de marzo.

O encargado de abrir esa noite de festa e música urbana será o DJ galego Mesu. Adrián, que é como se chama este disc-jóckey, comezou a súa carreira profesional hai 8 anos ‘pinchando’ en discotecas galegas como Anubis ou Metropol en Tui. Dende entón, compartiu cabina con grandes da música electrónica como David Guetta ou Tom Boxer.

Pola súa banda, DJ Enter conta con máis 11 de once anos nas cabinas, sendo un referencia en Galicia coas súas residencias na Sala Queen e Dux Sanxenxo. Detaca a súa colaboración con “El Completo RD”. Ten actuado en festivais coma H2O ou Sonorama Ribeira, así coma en cidades coma Ibiza, Madrid, Toledo e en distintos puntos do norte de Portugal. Será o encargado de por o fin de festa logo da actuación do rapeiro Arce, facendo bailar aos asistentes coas súas mesturas musicais até entrada a madrugada.

O PSOE advirte “dos recortes no centro de saúde de Baiona” e urxe a Vázquez Almuíña que “esixa reforzos á Xunta”

0

O centro de saúde de Baiona afronta os meses de verán con recortes de persoal, “unha situación que cada ano empeora, mentres a vila duplica a súa poboación habitual en xullo e agosto”, asegura Carlos Gómez Prado, portavoz do PSOE baionés.

O centro de saúde conta con sete médicos de familia e un pediatra, pero neste verán haberá sempre dous ou tres profesionais menos polas vacacións. “Estes recortes afectarán á Atención Primaria de forma significativa, pero a política do Sergas é desde hai uns anos non cubrir estas baixas”, lembra Gómez Prado.

“É unha situación que denunciamos xa o ano pasado, polo que lamento agora o silencio do goberno local de Baiona e do alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, que coñece mellor que ninguén a situación da sanidade galega”, asegura o portavoz socialista quen lembra que o actual alcalde “foi conselleiro de Sanidade e só a Xunta de Galicia pode solucionar os problemas que temos en Baiona na Atención Primaria”.

Cómpre lembrar que a marxe dos problemas durante o verán, a propia Xunta recoñece, no seu Plan de Mellora de Atención Primaria de Galicia, que no centro de saúde de Baiona “faltan para cumprir todo o ano cos ratios recomendados de dous médicos, un pediatra e tres enfermeiras máis, ademais de persoal administrativo, celadores e auxiliares de enfermería”.

“Nos servizos comúns para o Val Miñor que se prestan na Xunqueira temos listas de espera de ata seis meses por unha cita en saúde mental, psiquiatria e psicoloxia, ou radioloxia”, alerta Carlos Gómez Prado.

O BNG asegura que o PSOE “non quixo un acordo de Goberno en Tui”

0

O BNG de Tui, a través dun comunicado de prensa, quixo aclarar á opinión pública que “despois dun proceso de negociación co PSOE lamentablemente no se alcanzou un acordo para un goberno de coalición”. Aseguran os nacionalistas terse manifestado sempre “durante a campaña electoral, a mesma noite electoral e en entrevistas posteriores, a nosa disponibilidade para conformar un goberno progresista en Tui”.

Pola contra, afirma a formación nacionalista, que na mesma noite electoral e en entrevistas posteriores, incluso xa iniciadas as negociacións, “o candidato do PSOE mostrouse reacio a pactar e manifestaba a súa intención de gobernar en minoría” tardando ata nove días en contactar co BNG. Para o Bloque, esa postura deixaba clara “o pouco interés en formar un goberno con nós”. 

“Pese a isto, puxemos todo o noso empeño en que ese acordo se producira –engade o BNG– e nese sentido, cando fomos convocados polo PSOE, aportamos unha comparativa dos programas electorais de ambos partidos, área por área, proxecto por proxecto, e empezamos a negociación en base a eles. Aportamos incluso deseños dos nosos proxectos e propostas”.

Durante a negociación, asegura o BNG terse disposto a ceder en moitos puntos “en que mantíñamos opinións diferentes”, aceptando as súas propostas pero “non houbo na outra parte verdadeira intención de pactar”.

Os nacionalistas non teñen dúbida en afirmar que o PSOE “non fixo absolutamente ningunha cesión en puntos nos que discordábamos, nen sequera nos dous únicos que para nós eran irrenunciables: a non construcción dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica e evitar o derrube da casa e o traslado do hórreo da finca Patazumba. Chegados a este punto , rompéronse as negociacións”.

O BNG constata que con elas o PSOE “pretendeu cumprir un paripé cara á sociedade tudense, pero non tiña intención real de negociar: xa tiña decidido gobernar en minoría, como declarou de forma reiterada o alcalde”.

A asamblea do BNG de Tui, celebrada o día tres de xullo, foi informada con detalle do proceso de negociación e decidiuse que desde este momento o BNG confórmase formalmente como oposición e que exercerá ese papel de forma constructiva e firme.

Luis López toma posesión como novo presidente da Deputación de Pontevedra

Nova etapa para a Deputación de Pontevedra con Luis López como presidente. O Salón de Plenos do Pazo, totalmente ateigado de público, vén de acoller a sesión constitutiva da Corporación Provincial nun acto no que as/os 27 deputadas/os electas/os xuraron e prometeron os seus cargos e quedou fixado o equipo que se encargará de rexer o rumbo da provincia nos vindeiros catro anos. “Teño a intención de gobernar esta institución pensando e atendendo aos 61 concellos da provincia, sen importar o signo do seu goberno político e centrándonos exclusivamente no benestar da cidadanía da provincia” remarcou o xa presidente da Deputación no acto de toma de posesión do seu cargo no que deixou plasmada a folla de ruta do novo goberno.

O pontevedrés Rafa Domínguez e a viguesa Marta Fernández-Tapias serán os vicepresidentes da Deputación e o resto do equipo estará integrado por Jorge Cubela, María Ramallo, Alejandro Lorenzo, Roberto Carrero, Nava Castro, José López, Jesús Vázquez Almuíña, Isabel Couselo, Javier Tourís, Marcos Guisasola e Sandra Bastos. “Un equipo de goberno moi potente, con xente con liderado, capacidade de traballo, coñecemento político e cercanía social”, remarcou o presidente que tomou posesión do seu cargo cunha “grandísima honra e co máximo orgullo, pero tamén con absoluta humildade e con toda a responsabilidade por estar á altura do que precisan os 61 concellos da provincia e os 943.000 cidadáns que residen nela”. Os municipios –incidiu– “son a alma desta institución e a eles e por eles dirixiremos toda a nosa acción de goberno”, “son as administracións ás que nos debemos e ás que temos que servir e atender”. De feito, reivindicou a necesidade de “coidalos máis. Desde este goberno provincial imos tratar de coidalos máis”.

Luis López, “Os municipios son a alma desta institución e a eles e por eles dirixiremos toda a nosa acción de goberno”

Tamén tivo palabras para lembrar aos ex presidentes aos que recoñeceu o seu traballo e ante os que se comprometeu a “seguir buscando, incansablemente, o avance e progreso da nosa provincia da man dos concellos”. Neste aspecto adiantou que o goberno provincial traballará a prol da igualdade real e efectiva, do medio ambiente e do coidado do planeta; apostará pola demografía “nun territorio cada vez máis envellecido que precisa de máis e mellores accións e políticas de conciliación para tratar de reverter esta situación”; potenciará a cultura e a lingua; impulsará a promoción económica, a xeración de riqueza, o asentamento de empresas e creación de emprego; promoverá a mellora, mantemento e investimentos das infraestruturas; recuperará os apoios ás asociacións e colectivos veciñais, sociais, musicais, culturais, deportivos e, entre outras, sociosanitarios e impulsará políticas sociais, turísticas, deportivas, de cooperación, de xuventude, no ámbito das relacións fronteirizas, do medio rural ou do mar.

[su_image_carousel source=”media: 74174,74172,74175,74181,74182,74183″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No acto, no que a música tradicional galega tivo un papel protagonista a través da Banda de Gaitas provincial de Pontevedra que arroupou ás deputadas e deputados populares no acceso ao Salón de Plenos e da súa interpretación do solemne himno galego que puxo en pé ao auditorio, déronse cita máis de 300 persoas entre autoridades civís e militares, representantes do tecido económico, cultural, social, deportivo, veciñal e dos medios de comunicación da provincia, integrantes da Universidade de Vigo e da UNED e familiares e amizades do novo presidente e das/dos deputadas/os provinciais. Entre as autoridades, atopábanse o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; os conselleiros Román Rodríguez e Julio García; o director xeral de Gandaría, José Balseiros Guinarte; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; deputados/as autonómicos/as; e os delegados territoriais da Xunta en Pontevedra e Vigo, Agustín Reguera e Ana Ortiz. Tamén autoridades estatais como a vicepresidenta 2ª do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, xunto a integrantes do Congreso dos Deputados e do Senado.

Ex presidentes da Deputación de Pontevedra como César Mera ou Rafael Louzán tamén asistiron ao acto de constitución da nova Corporación Provincial, así como alcaldes e alcaldesas da provincia, ex deputados provinciais, os presidentes de autoridades portuarias de Vigo e Marín-Ría de Pontevedra, Carlos Botana e José Benito Suárez, ou, entre outros, o decano do corpo consular de Vigo, Juan Vieites Baptista de Sousa. Ademais tamén se deron cita no acto de toma de posesión de Luis López como presidente da Deputación o presidente da Audiencia Provincial, Francisco Javier Menéndez; o recentemente nomeado fiscal xefe da área de Pontevedra, Pablo Varela; a directora do aeroporto de Peinador, Ana Molés; a directora do Centro Penitenciario da Lama, Teresa Delgado; e autoridades militares representando dende as Comandancias Navais ata a Policía Nacional, Autonómica, a Garda Civil ou a Subdelegación de Defensa.

A Fundación Formavigo ofrece un obradoiro de limpeza de leiras na horta comunitaria en Redondela

0

A Fundación Formavigo presenta unha nova oferta formativa para este verán 2023, Obradoiro de limpeza de fincas co uso de desbrozadora de disco e fío para persoas desempregadas ou en situación de dificultade.

O obradoiro realizarase o mércores 12 e xoves 13 de Xullo en horario de 09:30 a 13:00 horas, na horta comunitaria situada na rúa do Muro, 22 (detrás de Mobles Domínguez). Estará composto por dúas partes: unha primeira parte teórica e unha segunda parte práctica. Na parte teórica explicarase as partes da maquinaria que se vai a utilizar e coñecemento das diferentes plantas que se poden atopar ao momento da limpeza. No seguinte día, na parte práctica, aprenderase a usar a maquinaria, cambios de cabezais (disco e fío) e ferramentas para a actividade que se vai a desenvolver. 

Este obradoiro conta con 10 prazas e cunha beca de 5 euros/día para as persoas desempregadas ou en situación de dificultade.

É preciso que as persoas asistentes, veñan con roupa cómoda e que cubra todo o corpo, calzado cómodo e guantes de xardinería. Á finalización do obradoiro,entregarase un diploma da realización do curso.

As inscricións poderán facerse a través do teléfono 600 060 146, o luns de 09:00 h a 14:00 horas no Centro Sociocomunitario de Redondela (Paseo da Xunqueira, 27),  no correo electrónico [email protected] ou na páxina web https://fundacionformavigo.com/curso/limpeza-de-fincas-con-desbrozadora-de-fio-e-disco/.

Para máis información sobre outras actividades a Fundación conta cun punto de atención no Centro Sociocomunitario de Redondela os luns de 9:00 h a 14:00 horas. Tamén se pode solicitar dita información no teléfonon 600 060 146.

O luns comeza o IV Ciclo de Conferencias «O Falar das Pedras», incluido na programación Baiverán2023

0

Comeza o IV Ciclo de Conferencias “O Falar das Pedras” que se impartirán todos os luns lectivos de xullo e agosto no Multiusos Mercado de Sabarís ás 20:30 h. O vindeiro luns, 10 de xullo, ás 20:30H, arrinca coa ponencia “Entre Austrias y Borbones, A Coruña y Baiona en la guerra de Sucesión, 1700 -1714” do licenciado en Dereito e Historia, Arturo Abad Pardo.

Este ciclo de conferencias está organizado desde o Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal de Baiona. Iniciouse no ano 2019, sendo interrompidas no 2020 pola pandemia. Una vez superada a crise sanitaria retomouse a súa celebración e fíxose nunha nova localización, o novo edificio rehabilitado MULTIUSOS MERCADO DE SABARÍS (Benito Fariña, 3).

O ciclo, está formado por un corpus de presentacións de libros e charlas divulgativas como misión potenciar o patrimonio cultural e a actualidade editorial.

O BNG acláralle ao PP que teñen que pagar as axudas a clubs deportivos de 2022 e convocar as de 2023

O BNG saíu ao paso das declaracións realizadas nas últimas horas polo goberno local do Partido Popular sobre as axudas a clubs deportivos, que segundo a formación nacionalista, “pretenden ser unha cortina de fume que oculte o descoñecemento do novo concelleiro de deportes”.

O Bloque aclara que “as subvencións a entidades deportivas para os gastos do 2022 foron convocadas no mes de xaneiro deste ano, incrementándose con respecto á convocatoria anterior e valorando criterios e gastos dos clubs do propio 2022. No momento do cambio de goberno, ditas subvencións quedaron pendentes de resolución por criterios da Intervención Municipal á hora de considerar ou non válidas determinadas facturas presentadas por algúns clubs. Unha vez que resolvan esa incidencia técnica, o goberno do PP ten que concluír ese expediente e ingresar as axudas que corresponden a cada club, xa que ese diñeiro está dispoñíbel no orzamento municipal para o pago das subvencións do 2022. A continuación, teñen que dotar o orzamento dunha nova partida económica e convocar as subvencións do 2023.”

“O PP deixa entrever que se perderon as axudas previstas para o ano 2022 para intentar ocultar a súa incapacidade e a súa intención de non sacar unha nova convocatoria para 2023. Pero é falso, as axudas foron convocadas e contan con fondos. As únicas subvencións que se perderon foron as dos anos 2012, 2013 e 2014, os últimos anos do goberno do PP, nos que decidiron deixar aos clubs locais sen ningún tipo de apoio”, lembra o BNG.

O BNG aclara que non permitirá ao PP “que volva ao pasado e deixe aos clubs sen as axudas que lle corresponden. O PP está en minoría, polo que se pretende utilizar aos clubs deportivos para ocultar a súa incapacidade na xestión do concello, atoparase coa oposición responsábel e rigorosa do BNG, que se centrará en garantir que se desenvolva todo o traballo que tiñamos en marcha para seguir mellorando o deporte ponteareán”, afirman.

O Bloque lembra ademais que dende o goberno creou uha nova liña de subvencións, destinada a apoiar os eventos deportivos que organizan os clubs na localidade durante o todo o ano natural. “As bases para a convocatoria das subvencións a eventos deportivos que se celebraron durante o ano 2022 quedaron asinadas, polo que pedimos celeridade ao goberno para a súa tramitación”, conclúen

O PSOE redondelán súmase ao Grupo Parlamentario Socialista na denuncia pola reestructuración da FP que traslada cursos presenciais á modalidade a distancia

0

O PSdeG de Redondela denuncia os plans da Xunta de Galicia de reestruturar a FP e súmase ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia – que por iniciativa das súas deputadas, entre as que se atopa Leticia Gallego Sanromán- presentan a seguinte proposición non de lei en Comisión 4.ª, Educación e Cultura: O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a continuar no IES de Chapela en Redondela cos ciclos superiores de Dietética e Educación Infantil do réxime de persoas adultas en modalidade presencial no curso 2023-2024.

A secretaria Xeral do PSdeG de Redondela e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, expón que “os profesores e profesoras do IES de Chapela alzaron a voz xunto cos docentes de toda a comunidade en protesta pola reestructuración do FP, non porque haxa máis oferta, obviamente, senón porque moitos dos cursos presenciais están a ser trasladados á modalidade a distancia. A comunidade educativa e os sindicatos denuncian esta transformación porque se fai de forma unilateral, sen negociación previa e sen ter en conta a opinión dos centros afectados”.

Con esta reestruturación da FP por parte da Consellería de Educación no IES de Chapela en Redondela modificarase a oferta de ciclos de FP para o próximo curso 2023-2024. A nova oferta suprime os ciclos superiores de Dietética e Educación Infantil do réxime de persoas adultas en modalidade presencial para implantalos a distancia, impedindo que o alumnado matriculado nese curso poda continuar os seus estudos de forma presencial. Diante do aumento da demanda é necesario aumentar as ofertas con novos ciclos.

A Directora xeral de Formación Profesional en Galicia, Eugenia Pérez, afirmou, fronte ás queixas do alumnado, que os centros ante a nova situación “poden decidir establecer unha presencialidade do 100% nos cursos a distancia se así o requiren as necesidades do alumnado”. Sen embargo, segundo a xefa de estudos do IES Chapela, Fátima Ferreiro, a realidade é que isto non é posible porque os ciclos a distancia están regulados para basearse na autoaprendizaxe a través da plataforma e non nas clases presenciais. Ademais, a asistencia ás titorías é voluntaria para o alumnado, o que ten como consecuencia que non se poden realizar nelas actividades avaliables nin que supoñan unha vantaxe para o alumnado que asista ás mesmas respecto daquel que non o fai. Por outra banda, a ratio de alumnado por grupo nos ciclos presenciais é de 30 persoas, mentres que nos ciclos a distancia é de 50 ou máis”. Con todos estes datos, dende o IES Chapela denuncian que “resulta imposible garantir a impartición de clases presenciais a 50 ou máis alumnos e alumnas por cada docente, xa que nos centros educativos non dispoñemos de aulas e dotacións materiais que permitan impartir clases presenciais a 50 ou máis alumnos e alumnas ao mesmo tempo”.

Digna Rivas recalca que “esta medida non fai máis que agochar un intento de facer desaparecer a modalidade presencial dos centros públicos cun claro afán aforrativo inaceptable e que suporá un detrimento importante da calidade da FP. Eliminar a presenza nas aulas implica que alumnado dende os 15 anos en diante, na súa maioría mozas por tratarse de ciclos altamente feminizados, se vexa na obriga de estudar en centros privados ou na modalidade á distancia, abocándoos ao illamento social. As altas taxas de abandono que se producen no ensino a distancia, o son por algún motivo, e afectarán ás posibilidades de emprego de quen hoxe fai un ciclo de forma presencial”.

O obxectivo da Xunta de Galicia non é mellorar calidade educativa, senon simplemente recortar profesorado. Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión: O Parlamento galego insta a Xunta de Galicia a continuar no IES de Chapela en Redondela cos ciclos superiores de Dietética e Educación Infantil do réxime de persoas adultas en modalidade presencial no curso 2023-2024.

O Grupo Socialista reprocha á Xunta que se apropie dos distintos éxitos deportivos a pesar da súa falta de apoio

O portavoz de deportes do Grupo Socialista, Julio Torrado, reprochou hoxe á Xunta que se apropie do éxito logrado polos deportistas, clubes e federacións galegas que “non adestran en San Caetano” e considera que obteñen estes grandes resultados a pesar da falta de apoio por parte do goberno do PP.

Julio Torrado entende que, na súa comparecencia para dar conta das políticas da Xunta en materia de deporte, o vicepresidente Diego Calvo amosou “menos humildade ca nunca” e que acudiu á Cámara galega a “presumir de todo o que fan os demais”, xa que considera que os representantes do executivo galego “pasaban por aquí”.

O responsable socialista emendou a acción dos populares no ámbito do deporte, dividindo a mesma en tres aspectos que considera fundamentais. O primeiro é o das infraestruturas, onde critica a inexistencia dun plan de avaliación e que o investimento dependa en cada caso do color político do goberno local.

O segundo ámbito é o da propia actividade deportiva, no que Torrado destacou a difícil situación de deportistas, clubes e federacións que teñen que traballalo todos eles sós sen o apoio do goberno autonómico. “Os clubs fan un gran traballo pero botan de menos ao seu goberno”, apuntou o socialista.

Tamén resaltou a importancia do deporte para a transmisión de valores, onde considera que hai “investimento nulo”, unha gran diferencia con outras comunidades autónomas que teñen “unha política deportiva moito máis avanzada, sobre todo en valores”, apuntou. Do mesmo xeito, reprochou que Calvo tratase a arrogarse campaña impulsadas por outras administracións como a realizada contra a violencia de xénero no deporte, fomentada polo Pacto de Estado.

Para Torrado, esta falla de investimento en infraestruturas e a necesidade de mais persoal técnico que leva ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva a non ser un Centro de Alto Rendemento. Ademais, resaltou que son os Fondos Next Generation impulsados polo goberno central “que segundo o PP non chegan a Galicia”, os únicos que están axudando a achegarse a ese obxectivo.

Nesta liña, encontra “indignante e vergoñento” que o goberno galego impedise a a prohibición das cláusulas anti-embarazo nos contratos deportivos en Galicia, que se están a eliminar finalmente grazas á lexislación, alegou. “Non están en eliminar o machismo do deporte”, reprochou á bancada popular.

COGAMI visibiliza as problemáticas que teñen dende idades temperás as persoas con discapacidade para acceder ao lecer e o deporte

Dende o eido sanitario recomendan a práctica de actividades físicas e deportivas. Dedicarlle tempo ao lecer, ao entretemento e a socializar ocasionan un benestar físico e mental na persoa, contribuíndo no seu desenvolvemento e mellorando a súa calidade de vida. A propia Constitución, no artigo 49, e maila Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade recollen que o lecer e tempo libre é un dereito das persoas con discapacidade.

Pero, non todas as persoas teñen acceso nas mesmas condicións a estas prácticas deportivas ou de lecer. Aínda hoxe en día existe unha escasa oferta de actividades de lecer adaptadas, que xa se perciben dende as idades temperás, nos propios parques infantís. Segue sendo un acontecemento a inauguración dun parque infantil público con xogos adaptados, cando debería ser a normalidade. Os parques con algunha atracción adaptada van proliferando pero seguen sendo escasos e non se adaptan ás necesidades de todas as nenas e nenos que comparten este espazo de xogos. Dende a infancia máis temperá as persoas con discapacidade vense excluídas nas actividades de lecer e, polo tanto, da oportunidade de socializar coas que son da súa idade, da súa parroquia ou barrio.

O centro Monteporreiro no programa Lecer Náutico de Sanxenxo

Agora que estamos en tempada de campamentos de verán, son escasos os que ofrecen prazas para que poidan participar nenas e nenos con discapacidade e, os que si ofrecen prazas, estas son limitadas, afectando en maior medida aos que viven no rural porque os recursos son menores e os desprazamentos fanse fundamentais para practicar calquera actividade. “Ás veces semella que, se tes discapacidade, a única opción para poder participar nalgunha actividade de lecer ou deportiva, é asistir a unha específica para persoas coa túa mesma discapacidade”, expresa Isabel González da área de Lecer de COGAMI. “Reclamamos máis actividades de lecer e deportivas inclusivas, que non só sexan para persoas con discapacidade, senón, que sexan para todas. Cos apoios necesarios, todas e todos podemos compartir o mesmo espazo de xogo”, engade Isabel González.

Escasas son tamén as ofertas de actividades de lecer, a non ser que sexan desenvolvidas por entidades representativas da discapacidade como COGAMI. Cos fondos do 0,7 % do IRPF do recadro de actividades sociais que xestiona a Xunta de Galicia, COGAMI organiza un programa de lecer, cultural e de deporte inclusivo que ofrece actividades adaptadas ás necesidades das persoas participantes, como as 26 que desenvolveron durante o ano pasado nas que participaron máis de 300 persoas. Exemplos destes programas é o GAVEA de vela adaptada no que o veleiro Laion, incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional, permite a navegación polas rías galegas ao estar dotado dun guindastre e de asentos adaptados a persoas con mobilidade reducida. Outras actividades son as xornadas que organiza o Real Club Náutico de Sanxenxo de iniciación á navegación a vela ou as xornadas multideportivas que se realizan no marco da celebración do Día da Fundación Decathlon.

Dende COGAMI pídese tamén que se teñan en conta ás persoas con discapacidade no deseño das actividades de lecer e tempo libre, para garantirlles a accesibilidade e adaptabilidade ás súas necesidades. Segundo indica Isabel “a día de hoxe continúa sendo imposible que unha persoa con mobilidade reducida escolla un deporte que sexa do seu interese e atope unha maneira de practicalo, salvo se vive nunha gran cidade ou non ten problemas para desprazarse centos de quilómetros”.

CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9 % do total da poboación.

No mes de xullo reivindicamos a práctica do deporte e de actividades de lecer polos beneficios que implican para o benestar das persoas, tanto a nivel físico como mental. Pero para poder practicalos, precisamos de espazos, servizos, actividades e tamén contornas que sexan accesibles.

Nigrán abre a inscrición o 12 e 13 de xullo para participar na festa do Día dos Avós en Camos o 26 de xullo

0

O Concello de Nigrán abre o mércores e xoves 12 e 13 de xullo o prazo de inscrición para participar na festa do ‘Día dos Avós’ o 26 de Xullo en Camos (pavillón de Os Barreiros). Está dirixida a persoas da terceira idade empadroadas en Nigrán e as interesadas deben apuntarse telefoneando ao 986 365 000 de 10:00 h a 13:00 horas nos mencionados días, sendo o límite de aforo 80 persoas.

A xornada comezará ás 13:00 horas cun photocall profesional de agasallo, sendo a partir das 14:00 horas o almorzo a base de empanada de atún, xamón asado, rosca, viño e auga e café (necesario que cada comensal leve os seus propios cubertos). A continuación, ás 16:00 horas, haberá unha actuación do dúo musical ‘La Mecánica’. O obxectivo é vivir unha xornada festiva nun ambiente familiar e distendido. Cada ano o Concello celebra esta festividade que se fixo coincidir co día de San Xoaquín e Santa Ana.

O Castelo de Dona Urraca, sede do Museo da Ciencia do Viño e punto de información turística, fai balance dos primeiros meses do ano

O Castelo de Dona Urraca ratifica a boa acollida que ten o seu contido museográfico entre veciños e foráneos. Ademais, este espazo de divulgación vitivinícola vese complementado coa inclusión do Punto de Información Turística no interior do Castelo de Dona Urraca, xa que son moitas as demandas de información que o municipio de Salvaterra de Miño recibe acerca dos seus senlleiros recursos turísticos.

Case medio milleiro de  persoas visitaron, dende o mes de marzo, o espazo arquitectónico máis representativo de Salvaterra de Miño, o Castelo de Dona Urraca, que prevé triplicar estas cifras durante a época estival. Ademais, as previsións para este outono son moi optimistas xa que o museo conta con numerosas reservas de grupos chegados de diferentes puntos de toda a península.

O elevado volume de visitantes que se achegan ó Castelo de Dona Urraca reflicte o gran interese que o municipio esperta pola variedade e riqueza dos seus puntos turísticos.

O Castelo de Dona Urraca, que alberga o Museo da Ciencia do Viño e tamén o Punto de Información Turística, está aberto de mércores a domingo, no seguinte horario de atención ó público: de 11 h a 14 h e de 17 h  a 19 h.

Non será preciso a inscrición previa agás para os grupos de máis de 15 persoas. As reservas para grupos deberán efectuarse a través do teléfono 617.14.88.66 ou no enderezo electrónico: [email protected]

A Deputación dá a benvida ás e aos menores de Ucraína que están a participar no campamento de verán en ‘Príncipe Felipe’

Sete rapazas e tres rapaces procedentes da cidade ucraína de Pervomaiske, moi próxima á zona de conflicto, comezaron xa o campamento de verán no Centro Príncipe Felipe da Deputación, no que ao longo dos vindeiros días realizarán diversas actividades de ocio e de coñecemento da cultura e do territorio. A deputada provincial en funcións Ana Laura Iglesias vén de darlles a benvida ás e aos menores que estarán en Pontevedra todo o mes de xullo para tomar parte nesta experiencia nunha contorna segura na que poderán descansar, compartir momentos de ocio e adquirir novos coñecementos. Para o mes de agosto está previsto que se celebre un segundo campamento nas instalacións provinciais.

O grupo vén acompañado dun adulto experto en traballo social e está a residir nun espazo dentro do Centro Príncipe Felipe preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional. Contan con servizo médico, atención psicolóxica e un servizo de tradución e prevese que neste mes de estancia poidan coñecer a cultura e o territorio da provincia de Pontevedra. Deste xeito, o programa de actividades de tempo libre que desenvolverán potenciará valores universais como a convivencia, o coidado do medio ambiente e a igualdade, e tamén  o coñecemento lingüístico. Entre esas actividades figuran saídas a contornas como A Lanzada, Lapamán, Cabo Home, Combarro ou as cidades de Vigo e Santiago de Compostela, amais da participación noutras iniciativas que desenvolverán nas propias instalacións de Príncipe Felipe, tanto de ocio como de benestar e hábitos saudables.

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha este campamento tras adherirse á iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, e liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Os campamentos teñen o obxectivo de apoiar ás nenas e nenos que están a sufrir as consecuencias da guerra.

Via Maríana un camiño moi esixente que busca mellorar a súa sinalización

0

O auditorio municipal de Covelo acolleu a asemblea anual da asociación Vía Mariana Luso-Galaica á que asistiron socios e socias dos dous lados da Raia. A directiva da asociación, encabezados pola súa presidenta María José Silva, presentou os novos paneis informativos que colocará nestes días o Concello de Covelo e as súas liñas de traballo para os vindeiros meses centradas na protección da marca Vía Mariana Luso-Galaica, na mellora e uniformidade da comunicación e sinalización e na procura de novos albergues durante o trazado.

Os paneis xenéricos ofrecen a tan só un golpe de vista o trazado, infografías co número de etapa e un QR con acceso a toda a información volcada de xeito práctico e organizado na web da Vía Mariana para que a e o camiñante perdan o mínimo tempo posible e gasten pouca batería. Infografías, trazado, puntos de interese, albergues, compra de camisetas oficiais, merchandising, certificación VMLG ou avisos urxentes son parte da informació que ofrece de xeito actualizado a páxina web.

Entre as principais novidades presentadas durante a asemblea está a creación dun grupo de voluntariado denominados delegados de zona que velarán polo bo estado dos tramos no seu Concello realizando andainas polos mesmos para comprobar o seu estado de mantemento, recoller incidencias e avaliar o estado da sinalización para comunicalo logo á directiva da Vía Mariana Luso-Galaica. “Será unha tarefa voluntaria de simple supervisión do camiño que será organizada varias veces ao ano en coordinación coa directiva”.

Outra das novidades son os proxectos de difusión didáctica que a asociación Vía Mariana xa ten en marcha con distintos centros educativos para percorrer distintos tramos e afondar no coñecemento do partrimonio natural e histórica dos concellos asociados. 741 elementos patrimoniais ao seu paso polos concellos galegos e 154 elementos patrimoniais nos portugueses son, xunto coas espectaculares vistas, os principais atractivos da Vía Mariana.

A directiva da asociación pedíu unha maior implicación dos concellos asociados non só na limpeza dos seus tramos tamén na difusión da Vía, “cada Concello ten a súa disposición folletos co trazado nos que se salienta o patrimonio histórico e santuarios, os puntos máis altos e cuestións relevantes para o camiñante. Tamén animamos aos asociados a colocar un acceso directo nas súas webs municipais vencellado á web da Vía Mariana Luso-Galaica na que as persoas poidan atopar toda a información sen ter que procurala na rede. É importante que todas e todos empreguemos os recursos de difusión oficias da Vía”. Para a organización o Concello de Covelo pode ser un exemplo de boas prácticas de difusión ao ter publicados na web municipal estudos realizados sobre a riqueza cultural relacionada aos tramos da Vía.

Durante a asemblea a directiva deu conta do traballo fundamental do servizo de tutelaxe e monitorización que ofrecen para axudar a resolver dificultades procurando, na medida do posible, facer un seguemento da e do peregrino e atendendo sempre a súa solicitude de axuda. “Tentamos facer un segumento sempre que dispomos da notificación de persoas camiñando, ás veces non é posible porque moitos camiñantes non comunican o seu paso e non recollen a certificación VMLG”, explican. Ademais, piden a todas as persoas que percorren a Vía Mariana que “nos envíen todas as incidencias que observen porque eles e elas son os nosos ollos e só así podemos ter un trazado nas mellores condicións”.

A día de hoxe, en Portugal a sinalización está case concluída e prácticamente pódese camiñar sen GPS. O albergue da Peneda,en Portugal xa está aberto; o de Cotobade, en Galicia, vén de obter a subvención para converterse en realidade e proxectadoxa o de Soage, en Portugal, “grazas á cámara de Arcos de Valdevez, concello que xa conta cunha sinalización impecable”, engaden dende a directiva. En vías de consolidación está a variante de Brión e a asemblea decidíu que nos tramos onde coincide co Camiño de Santiago manterase unha soa sinalización, a do Camiño de Santiago.

A directiva fixo un repaso polo exitoso “II Encontro de alcaldes e presidentes da Vía Mariana” celebrado no concello portugués de Melgaço no pasado mes de marzo, e no que estiveron presentes Concellos e Cámaras de España e Portugal así como as Deputacións de Pontevedra e A Coruña e a Xunta de Galicia, entre outras institucións públicas e privadas.

A directiva da asociación Vía Mariana pechou o encontro facendo fincapé na importancia dun bo mantemento do trazado tanto con tarefas de limpeza como de conservación de sinalización; no apoio ao camiñante con albergues de calidade e na difusión da Vía e dos seus peregrinos e peregrinas.

Facendo un repaso polas súas estatísticas, concluiron que neste último ano rexistrouse novamente unha maior porcentaxe de mulleres camiñantes, un 57 %, a tendencia a fraccionar as etapas sendo Hungría e Portugal os países que máis frecuentan a Vía Mariana.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, agradece o traballo de todas as persoas da asociación e voluntarios e voluntarias que fan posible esta iniciativa na que persoas de todo o mundo descubren vistas espectaculares, camiñan entre a natureza e coñecen patrimonio só accesible para os que percorren a Vía Mariana Luso-Galaica.

O CAAN da Deputación rescata seis cachorros arroxados a un colector de lixo en Moraña

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra vén de rescatar a seis cachorros que foran arroxados a un colector no municipio de Moraña e que se calcula que teñen tres semanas de idade. Os animais, tres femias e tres machos, atópanse en bo estado de saúde a pesar das circunstancias e seguen a recuperarse nas instalacións da área de maternidade do centro na Armenteira.

Foi a Agrupación de Protección Civil de Moraña a que deu o aviso sobre o achado dos cachorros, que foron trasladados ao Centro dependente da institución provincial. Son tres femias, ás que se lle deu o nome de Sary, Maguy e Tula, e tres machos, chamados Tulo, Golfo e Tuco. No CAAN están a recibir os coidados necesarios ata completar o proceso para saír en adopción, que se prevé nun par de meses en canto conten coa pauta de vacinación completa. Amais, os animais sairán desparasitados interna e externamente e con chip.

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.

A Deputación de Pontevedra bota a andar unha nova edición do programa ‘En Ruta coa Depo’

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar unha nova edición do programa “En Ruta coa Depo”, iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do noso territorio. Esta semana, diversas entidades dos concellos do Grove, Mondariz-Balneario, Tui, Vigo e Vilanova de Arousa estarán participando en sete saídas nas que 375 persoas coñecerán as illas Cíes e Ons, a ría de Arousa, as localidades e barrios mariñeiros do Berbés (Vigo) e Portonovo (Sanxenxo) e mais a paisaxe entre os ríos Lérez e o Verdugo.

A primeira saída desta semana prodúcese hoxe martes 4 de xullo. Un total de 54 persoas da AMPA de Troncoso, en Mondariz-Balneario, coñecerán as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés. O mércores 5 de xullo será a quenda da Asociación de Amas de Casa, Consumidoras e Usuarias de Tui, que se desprazará ata a illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo con 53 dos seus e das súas integrantes.

Xa durante a fin de semana, o sábado 8 de xullo terán lugar outras catro saídas. 54 persoas da Asociación Mulleres Salgadas, localizada na comarca do Salnés, irán pasar o día ata as illas Cíes e o barrio do Berbés. Desde Vigo sairán dúas entidades: a Asociación de persoas Xubiladas e Pensionistas Alfonso Daniel Castelao, coa que 54 persoas viaxarán ata a ría de Arousa, e mais a asociación Inventia, que levará outras 54 persoas pola illa de Ons e Portonovo. Por último, as Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo, en Vilagarcía, participará na ruta entre os ríos Lérez e Verdugo con 53 persoas. Por último, o domingo 9 de xullo celebrarase outra ruta pola illa de Ons e Portonovo para un total de 53 persoas da Confraría de Pescadoras/es San Martiño do Grove.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

“En ruta coa Depo” tamén impulsa a igualdade de oportunidades para os colectivos con discapacidade, ofrece alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da provincia e promove rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias das familias. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e un xantar.

Regresan as saídas de navegación co ‘Volanteiro Piueiro’ no verán da Guarda

0

No ano 2019 a Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro da Guarda presentou o Volanteiro Piueiro tras meses de traballo no estaleiro do Pasaxe para construír esta gran embarcación que navegou a vela pola nosa costa ata comezos do s.XX.

O Concello da Guarda colabora un ano máis coa Asociación Piueiro e durante os meses de verán vanse ofrecer saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro Piueiro para aqueles que queiran descubrir esta embarcación a vela que incluirá ademais de navegación polo exterior do porto.

Ademais do patrocinio das saídas, o Concello da Guarda xestionará as reservas das saídas a través da Oficina de Turismo (Praza do Reló) que conta cun horario de apertura de luns a domingo.

O prazo de inscrición abrirase o domingo anterior ás saídas desa mesma semana e poderase realizar presencialmente na Oficina de Turismo, mediante mail [email protected] ou chamando ao teléfono 986 61 45 46 a partir das 10:00 h, horario de apertura do domingo.

Debido ao número reducido de prazas dispoñibles unha persoa poderá inscribir a un total de catro, excepto as unidades familiares. A idade mínima para participar é de 10 anos. Recordase que é preciso estar 15 minutos antes da saída no peirao do porto (escaleiras do muelle alto) e a saída terá unha duración aproximada de 45 minutos.

Estas saídas de navegación comezaron esta pasada fin de semana coincidindo da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira.

Os horarios previstos das saídas diarias son 17:00 h, 18:00 h e 19:00 h e das datas previstas segundo semana son:

  • Xullo
    • Martes 4
    • Venres 7
    • Mércores 12
    • Sábado 15
    • Martes 18
    • Venres 21
    • Mércores 26
    • Sábado 29
  • Agosto
    • Mércores 16
    • Sábado 19
    • Martes 22
    • Venres 25
    • Mércores 30
  • Setembro
    • Mércores 6
    • Sábado 9
    • Martes 12
    • Sábado 15

Nigrán inviste máis de 3.300 euros na creación dunha aula de estimulación sensorial no ‘CEIP Carlos Casares’ de Vilariño

0

O Concello de Nigrán ven de investir 3.350 € na creación dun aula específica de estimulación sensorial no CEIP Carlos Casares de Vilariño. A iniciativa parte da propia dirección do centro, que pretende así mellorar a atención á diversidade do alumnado. Así, o Concello financiou a instalación dos 72 m2 de tarima flotante que substitúen o chan de terrazo outorgándolle unha maior sensación de calidez e permitindo así que poidan empregar esta superficie como lugar de actividades.

Juan González, “É unha iniciativa que nos agrada especialmente cumprir porque forma parte de nosa política ‘Un Nigrán para todos’ e demostra o enorme compromiso das direccións dos colexios públicos do municipio”

Este tipo de aulas favorecen a percepción de sensacións mediante a aprendizaxe por medio da acción e a experimentación, así, dispón de elementos para estimular os cinco sentidos: xogos con luces de cores, tapices de diferentes texturas, caixóns de olores, pezas para manipular… Trátase dun escenario especialmente ideal para os alumnos de educación especial e/ou de idades moi temperás, porque axuda á adquisición de coñecementos e aptitudes, sendo moi beneficiosas para mellorar a concentración e a coordinación, o pensamento lóxico ou a socialización.

“É unha iniciativa que nos agrada especialmente cumprir porque forma parte de nosa política ‘Un Nigrán para todos’ e demostra o enorme compromiso das direccións dos colexios públicos do municipio”, eloxia o alcalde, Juan González, quen refire que precisamente que no CEIP Carlo Casares e CEIP da Cruz (Camos) o Concello está a desenvolver os innovadores proxectos de creación de bosques-escola.

Cultura polos barrios coa completa axenda do mes de xullo no Rosal

0

O Concello do Rosal prepara unha axenda cultural cargada de actividades para este mes de xullo. Dez propostas para todos os públicos e gustos que dá a benvida por primeira vez ao programa ‘Cultura polos barrios’, unha iniciativa que levará diferentes actividades este mes e o seguinte a diferentes puntos do municipio e que comezará este mesmo martes 4 de xullo coa actuación de ‘Acordeireta’.

Patricia González e Alejandro Balbuena fusionan a música de acordeón e pandeireta para divertirse e transmitir un sentimento arraigado nas raíces, reivindicar temas sociais dos nosos tempos e dignificar a lingua e cultura galega. Chegarán co seu repertorio ás 21.00 horas á Praza do Calán de San Xián, con entrada de balde.

Tras o ‘Conssertasso na horta’ o día 6 na Praza de Martín e a actuación de Tonichi&Pacheco o venres 7 na Praza do Calvario chegará a quenda dunha nova edición da Feira do Viño do Rosal os días 14, 15 e 16 de xullo.

O día 22 o público poderá desfrutar coa actuación de Uxía e Javier Ruibal na Praza do Calvario, na que presentarán un disco inspirado en poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Será o primeiro acto das Festas do Pilar de Verán, que ata o día 25 contará con difrentes eventos como o Festival Xente Xida, o Encontro dos Pobos, o Torneo de Xadrez, actuacións infantís e coa actuación da Banda da Agrupación Musical do Rosal cun repertorio dos mellores musicais e acompañada de cantantes solistas como peche de luxo.

A axenda cultural deste mes no Rosal acolle ademais unha nova edición do Rosal Cámara Fest, organizado pola Agrupación Musical do Rosal e que comeza o 26 de xullo coa actuación do grupo de clarinetes Klason na Escola Vella de San Miguel ás 21.00 horas e que continuará durante a primeira semana do mes de agosto.

O mes rematará coa Mostra de Cine das Eiras, organizada pola Asociación Ghorghalado, que celebra xa a súa terceira edición e comeza a facerse un oco entre os festivais dedicados ás curtametraxes.

“Temos lista unha completa e vibrante programación coa que levar o lecer aos barrios do Rosal, gozando do bo tempo, das actividades ao aire libre e dun verán cheo de ocio, cultura e experiencias”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. A rexedora convida a toda a veciñanza a desfrutar e participar nas diferentes actividades preparadas para as vindeiras semanas.

O audiovisual «Orixe Rías Baixas», recoñecido cun segundo premio nos ‘US International Awards’

Orixe Rías Baixas, o audiovisual da campaña de turismo da Deputación de Pontevedra neste 2023, vén de obter un importante recoñecemento internacional ao gañar un dos premios de prata na categoría Online & Social Media dos US International Awards, prestixiosos galardóns que contan cunha traxectoria de máis de 50 anos dentro da industria dos vídeos e documentais corporativos.

O xurado deste certame estadounidense, que forma parte do CIFFT (Comité Internacional de Festivais de Cine de Turismo) seleccionou a nivel mundial un total de 108 filmes gañadores nas distintas categorías e repartiu 29 premios de ouro e 51 de prata, ademais de elixir 28 finalistas.

O vídeo lanzado este ano pola institución provincial para promover o destino Pontevedra Provincia e realizado por Esmerarte Industrias Creativas supón unha declaración de orgullo do legado dunha provincia que atesoura tradicións únicas e milenarias, reinterpretadas desde a modernidade. A campaña céntrase nos valores intanxibles do destino e fai fincapé nas tradicións, na marcada identidade e nas nosas raíces, así como na ampla oferta turística da provincia.

Deste xeito a creatividade; o patrimonio inmaterial; a artesanía representada por persoas como Elena Ferro, Purro, Valentín Otero, Antía Santos, Anxo Estévez, Manuel Presas, María Mercedes Lomba, Meira Paz, José Sousa, Fiz Axeitos, Xacobe Cabrera ou as Pandereteiras de Gargamala; as festas como o Entroido e outros elementos arraigados da cultura da provincia de Pontevedra comparten protagonismo e intercálanse con imaxes que representan a todas as comarcas da provincia, tanto da costa como do interior. Inclúense pazos como A Oliva en Vigo ou o de Señoráns en Meis, o Balneario de Mondariz, museos como Liste en Vigo, a costa de Oia ou A Guarda e paisaxes situadas en lugares do Morrazo, O Salnés, A Paradanta, O Condado, Deza, Terra de Montes ou das comarca de Caldas, Vigo e Pontevedra.

Arranca a primeira quenda do campus de conciliación de verán de Salvaterra de Miño

Hoxe 3 de xullo deu comezo o campus que durante o verán acollerá a un total de 200 nenos e nenas. A actividade está organizada polo Concello de Salvaterra de Miño durante os meses de xullo e agosto, este ano realízase nas instalacións do CEIP Infante Felipe.

[su_image_carousel source=”media: 74090,74091,74089″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Co remate do curso escolar moitas familias atópanse con grandes dificultades para conciliar a vida laboral e familiar. É por iso que o Concello de Salvaterra de Miño, como ven facendo durante xa varios anos, realiza dentro do seu programa de conciliación o Campus de Verán, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra.

O campamento que conta con catro quincenas co fin de axudar a conciliación, impleméntase coa Aula madruga e Comedor.

A Asociación Adapta pon en marcha o programa de Atención Integral a Persoas con Discapacidade

Nos últimos anos Adapta (Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta) ven de poñer en marcha diferentes actividades e servizos dirixidos o colectivo das persoas con discapacidade para tratar de dar resposta a falta de recursos específicos na zona dirixidos as persoas con discapacidade.

Concretamente o Programa de Atención Integral a Persoas con Discapacidade esta integrado por diferentes actividades como é o servizo de fisioterapia, e os obradoiros de expresión artística, estimulación cognitiva e apoio pedagóxico, nos que xa foron atendidas no que vai de ano mais de vinte persoas con discapacidade dos diferentes concellos que forman as comarcas do Condado e Paradanta.

O programa de Atención Integral para Persoas con Discapacidade é posible grazas á convocatoria de subvencións destinas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF da declaración da renda da Xunta de Galicia e está xestionado por COGAMI.

A través desta convocatoria subvencionáronse parte dos custes salariais das persoas traballadoras encargadas de realizar as diferentes actividades.

A Asociación Adapta é unha entidade de iniciativa social que carece de animo de lucro e que ten como misión conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en tódolos ámbitos da sociedade, a través da defensa e promoción dos seus dereitos, reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.

Paramais información

Adapta atopase no Barrio de Canedo s/n, no baixo do Centro Asprodico (Ponteareas). Contacto: 986.916.012 e 662.947.289

Horario de atención: De luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 e luns e mércores de 17:00 a 19:00. Necesaria cita previa.

A infancia de Covelo explora o territorio na escola de verán

0

Dende as oito e media da mañá a escola de verán do Concello de Covelo abre as súas portas para recibir aos pequenos e pequenas que ao longo deste mes aprenderán xogando da man das monitoras. Ata a sala multiúsos municipal achegáronse o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e a concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, para darlles a benvida a todas as cativas e cativos que farán equipo este verán.

No Concello de Covelo ata as dúas da tarde as familias contan co apoio da escola de verán na que as crianzas farán excursións e múltiples actividades coas que coñecer mellor a súa vila, aprender a traballar en equipo e xestionar as súas emocións.

A escola de verán nace como un recurso de apoio ás familias para facilitar a conciliación familiar e laboral. É un espazo de convivencia atendido por profesionais que promove valores como a igualdade e o respecto ao medio natural. Deportes, manualidades, saídas e distintos xogos a través dos que traballar as habilidades sociais e a empatía.

Subvencionada polo Concello e cun prezo reducido de vinte euros para persoas empadroadas e de corenta para as non empadroadas, as familias contan cada mañá cun tempo de respiro grazas a esta iniciativa do Concello de Covelo.

O Concello de Redondela condena os actos vandálicos contra os paneis de «Conquistadoras»

0

O Concello de Redondela condena os actos vandálicos acontecidos durante esta pasada madrugada no Paseo de Cardona en Chapela contra os paneis da exposición ‘Consquistadoras’. Ditos paneis apareceron destrozados, totalmente arrincados ou con rachaduras feitas cun coitelo ou obxecto cortante.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, expresaba o seu malestar tras o achado desta acción que: “Condenamos firmemente, pois estes actos alteran e enturbian os elementos públicos, de memoria histórica ou de igualdade de xénero. Como é o caso da exposición Conquistadoras, unha mostra que representa o compromiso deste Concello con todas as mulleres que loitaron polos seus dereitos”.

A rexedora local explicaba que “os paneis serán repostos o máis rápido posible e tomaranse as medidas necesarias como xa fixemos cos actos vandálicos contra o monumento aos asasinados no Alto de Concheira”.

“Achegamos á veciñanza anacos da historia de Redondela e de Galicia a través de estes paneis representativos de mulleres capaces de sobrepoñerse a todo tipo de adversidades e manteremonos firmes na nosa loita por defendelas e divulgar o seu papel na historia”, concluía Rivas.

O BNG preguntará ao PP no Pleno os motivos do “retroceso” no Día do Orgullo en Ponteareas

O BNG formulará no vindeiro Pleno ordinario de Ponteareas unha batería de preguntas arredor do que consideran “falta de implicación” do goberno local coa conmemoración do Día do Orgullo.

A formación nacionalista lamenta que, por primeira vez tras oito anos, “a bandeira LGBT non luciu no Concello de Ponteareas nun día simbólico, no que é necesario expresar o compromiso das institucións públicas con conquistas e avances da nosa sociedade. O goberno do PP tampouco realizou ningún acto conmemorativo, nin elaborou ningún manifesto para a súa lectura, como se viña realizando nos últimos anos. Trátase dun xesto que deixa ás claras o retroceso no que queren sumir á nosa vila”, sinala o BNG.

O Bloque afirma que “fronte a esa Ponteareas en branco e negro á que quere volver o PP, no BNG témolo claro: apostamos por unha Ponteareas en cor, orgullosa e diversa, onde se respecte o dereito das persoas a amar en liberdade.” Así, como principal grupo da oposición, o BNG sinalou que traballará para que Ponteareas “avance cara a igualdade social, a visibilidade da diversidade afectivo sexual e a non discriminación.”

Catro persoas emprendedoras de Tui participaron no coworking da Deputación e da Escola de Organización Industrial

Cecilia Portela, María Cristina Alves, Javier Argüelles e Gema María Fernández son as catro persoas emprendedoras de Tui que participaron dende o mes de abril no primeiro coworking multisede da Deputación de Pontevedra e da Escola de Organización Industrial (EOI), que se desenvolveu en Tui, Vigo e Silleda.

Estas catro persoas tiveron a oportunidade, durante dous meses, de realizar de xeito intensivo formación clave que lles axudará na posta en marcha do seu proxecto emprendedor, ao tempo que participaron nun intenso proceso de mentorización para facer as súas propostas realidade.

Co obxectivo de lanzar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación, as e o emprendedor de Tui compartiron no acto de clausura do coworking as súas necesidades e as súas impresións tras a súa participación.

Cecilia Portela é propietaria de Propostas Arquitectura, e presentou este estudo de arquitectura e deseño de interiores que se dedica a proxectos de construción, edificación e urbanismo. Ademais está especializado no aproveitamento de espazos aos que busca “aportar un valor diferencial e innovador”.

Bordados Crisalpa é o nome da empresa creativa de bordados a medida que impulsou a tamén tudense María Cristina Alves. O seu proxecto naceu como un pasatempo e agora pretende ser unha empresa onde ofrecer produtos bordados a empresas e consumidor final. Ademais, un dos seus obxectivos é pór en valor as vantaxes do bordado sobre outras formas de personalizar.

Javier Argüelles presentou no coworking a súa proposta de espazo cultural onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio, chamado O Almacén. Javier Argüelles leva 25 anos traballando no sector cultural organizando eventos, e decidiu crear O Almacén para crear unha comunidade mediante a co-creación “implicando á cidadanía na elección das actividades a realizar”.

Finalmente, de Tui participou Gema María Fernández cun proxecto que combina a paixón pola artesanía e os detalles para eventos, chamado Essentia HM. O seu é un proxecto no que quere captar a esencia da celebración en cada obxecto para conseguir “revivir as sensacións e sentimentos dun día especial”. Facía balance Gema María Fernández do que foi este coworking, e o definiu como “un antes e un despois”, que lle aportou “coñecementos que precisaba”.

Tui foi o concello que contou con máis participantes

A concelleira Ana Núñez, que no anterior mandato estaba ao fronte das concellerías de Formación e Emprego, destaca a utilidade e o valor deste tipo de iniciativas, “que axudan a que os e as emprendedoras non se sintan sós e soas no camiño”. Dicía tamén que o Concello de Tui “precisa novas oportunidades de negocio e de emprendemento, e estas catro persoas son o mellor exemplo do talento que hai na cidade”.

Asemade, Ana Núñez afirmou que o Concello “está xa mantendo conversacións coas catro persoas participantes para poder impulsar os seus proxectos e brindarlles a axuda necesaria”.

Baiona adoptará medidas que permitan o equilibrio entre o lecer nas terrazas co goce dos espazos públicos da veciñanza

0

O novo Equipo de Goberno do Concello de Baiona tivo unha primeira reunión cos empresarios e empresarias do sector hostaleiro que desenvolven a súa actividade na Vila co obxectivo de lograr o equilibrio entre a actividade do sector e o goce da veciñanza. O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; o concelleiro de Urbanismo, José Ángel Bahamonde Rodríguez, e o xefe da Policía Local, Plácido Viéitez, participaron na reunión xunto a unha corentena de empresarios e empresarias, entre as que se atopaban o Presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), Marcos Comesaña.

Durante a asemblea, o rexedor baionés ha presentado ao empresariado “a necesidade de realizar unha solicitude formal de instalación de terrazas en espazos de uso público para todos aqueles locais que a teñan sen tramitar”.

Desde o Concello de Baiona repartiuse entre os presentes as follas de solicitude oficiais para tramitar a solicitude nun prazo de 10 días. Así mesmo, desde a administración local infórmase que o documento está ao dispor de todas aquelas persoas que o desexen nas dependencias de urbanismo a administración local.
Vázquez Almuíña anunciou a aprobación de novo da ordenanza municipal que regula esta actividade para que a partir do tempo de trámite establecido entre en vigor a súa aplicación. Introduciranse todas aquelas emendas presentadas que melloren a mesma.

O Alcalde de Baiona reiterou o apoio do Equipo de Goberno á actividade económica hostaleira, “buscando o equilibrio co goce da veciñanza e as persoas visitantes” ”.

A este respecto, na reunión tamén se tratou o tema da ocupación da vía pública con respecto á accesibilidade, a limpeza das terrazas, así como a mellora na eliminación de residuos, especialmente os orgánicos. Tamén se considera importante a retirada do mobiliario durante as noites.

“O obxectivo destas medidas é lograr o equilibrio entre a actividade económica, o lecer nas terrazas e o goce da veciñanza dos espazos públicos do Concello de Baiona”, destacou o rexedor.

A Policía Local do Concello de Baiona realizará controis dos distintos espazos para que se cumpra coa ordenanza municipal.

Tamén poden descargar o formulario de solicitude de instalación de terrazas en espazos de uso público nesta ligazón.

Castrexos, galos, exipcios e romanos volverán a tomar O Porriño

Galos, castrexos, romanos, exipcios e gregos tomarán un ano máis O Porriño para disputar os Xogos Olímpicos nos que cada verán se miden estas civilizacións. O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros Bienvenio Estévez e Antía Carrera, e representantes do tecido asociativo e comercial da vila, presentou hoxe a programación desta edición de Porrigalia. Unha edición que aúna deporte, música, gastronomía, espectáculos para todos os públicos e moitas actividades infantís.

“Esta fin de semana agardámosvos a todas e todos no Porriño, aseguramos diversión e bos momentos”, apuntou o alcalde que aproveitou para agradecer a implicación “de hostaleiros, comerciantes, ANPAS… e en xeral de toda a veciñanza do Porriño sen os cales sería imposible organizar un evento desta magnitude”.

La Frontera, Herdeiros da Crus e Dasoul súmanse á festa

Porrigalia chega este ano cunha banda sonora de luxo, encabezada por Herdeiros da Crus, La Frontera e Dasoul.

Os concertos pecharán cada xornada, comezando pola do venres. A partir das 22:30 h na rúa Domingo Bueno actuarán os Herdeiros da Crus e a continuación DJ Traffic House e Raper Vocal Live.

O sábado os djs Pitty, Samu Pexe, Keva, Mus e Xian animarán cada recuncho e praza do Porriño a partir das 19 h e ás 19:30 h, na praza Arquitecto Antonio Palacios, actuará o grupo local Generación M, de seguido o fará Beatriz Martínez e ás 21:30 h, os Gin Tonic´s. Xa pola noite os concertos trasládanse á rúa Domingo Bueno, comezando La Frontera, seguido de Dasoul, María Lamuela Freitas, Dj Enter e Dj Moy.

O domingo, ás 19:30 h actuarán os King Kids na praza do Cristo e ás 21 h A Banda da Balbina na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Ademais haberá charangas, batucadas e animación musical durante toda a fin de semana.

Porrigalia Kids, unha proba para auténticos gladiadores

Como non podía ser doutra forma as nenas e nenos estarán moi presentes na programación con actividades pensadas por e para que disfruten ao máximo de Porrigalia. Unha delas a Porrigalia Kids que se celebrará o sábado ás 13h na praza do Concello e no parque do Cristo. A versión olímpica da reputada Gladiator Kids chega ao Porriño para que as pequenas e pequenos demostren que poden ser auténticos gladiadores. As nenas e nenos de 3 a 10 anos disfrutarán dun percorrido de obstáculos adaptado á súa idade para que poidan pasar un rato divertido acompañados dos seus pais ou familiares. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse ata o día 6 se de xuño nesta ligazón.

Ademais, o sábado ás 11h celebrarase un showcooking e obradoiro infantil no Mercado de Abastos.

Xogos olímpicos

O gran desfile olímpico abrirá o venres ás 21h as olimpiadas. Unha gran comitiva levará a chama olímpica dende o templete de San Luis a ata o Concello, onde o Rei Castrexo interpretado por Pepo Suevos a recibirá e procederase ao acendido.

A comitiva, formada por ANPAS e asociacións locais, volverá desfilar o sábado ás 12 h e chegará á praza do Concello para dar paso ao pregón a cargo do Rei Castrexo. Apartir das 20 h na rúa Domingo Bueno comezarán as Olimpiadas. Os xogos continuarán o domingo pola mañá, ás 11 h.

Ponteareas pon en marcha unha nova edición de «ActivaTea», campamento de verán para a mocidade

O Concello de Ponteareas pon en marcha unha nova edición do programa ‘ActivaTea’, un campamento dirixido a mozas e mozos de 13 a 17 anos no que poderán gozar dun amplo programa de actividades educativas e de lecer durante os meses de xullo e agosto. As actividades desenvolveranse ao aire libre todos os luns, mércores e venres de 10.00 h a 14.00 horas.

Trátase dun programa de actividades pensado para unha franxa de idade que require unha maior oferta lúdica e formativa e para a que habitualmente non hai tantas opcións dispoñibles. A través do ‘ActivaTea’, rapazas e rapazas poderán gozar dos espazos de lecer, convivencia e socialización saudables, ao tempo que se fomenta a autonomía e a interacción e o traballo en equipo e se poñen en valor os recursos de interese da vila, promovendo a sensibilización ambiental e o servizo comunitario.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse xa enviando un correo electrónico a [email protected]. O campamento terá un prezo de 25 euros por participante.

O programa provincial «Tras as ameas» ofrece no Sobroso o obradoiro infantil de arquitectura “Re-coñecendo o castelo”

Trala súa estrea con música a semana pasada, o programa provincial Tras as Ameas propón para este martes 4 de xullo un obradoiro infantil no Castelo de Sobroso, na segunda das trece actividades que ofrece este verán este programa cultural e familiar da Deputación. Re-coñecendo o Castelo: Taller de Arquitectura, con todas as prazas xa esgotadas, é o título desta nova proposta que impartirá desde as 18 horas Taller Abierto e se enmarca nesta iniciativa que abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para vivir experiencias únicas nos castelos de Soutomaior e Sobroso.

En Re-coñecendo o Castelo: Taller de Arquitectura o grupo de nenas e nenos participantes, de entre 6 e 12 anos, coñecerán en Sobroso o valor patrimonial das fortalezas medievais da provincia de Pontevedra. A través dunha actividade entre o xogo e a plástica, reinterpretarase, de maneira creativa, a arquitectura do castelo tras un percorrido pola zona. A cativada deberá identificar as partes que conforman a edificación para recoñecer os elementos principais dunha tipoloxía arquitectónica defensiva. Os obxectivos da actividade céntranse en conectar ás nenas e nos coa súa contorna para que poidan valorar o patrimonio construído, amais de promover o coñecemento sobre o patrimonio da provincia. Amais, búscase espertar na rapazada o interese pola arquitectura e desenvolver o sentido da observación.

O colectivo Taller Abierto, que imparte a proposta, está formado fundamentalmente por dúas mulleres con formación en arquitectura que fundaron unha empresa de xestión cultural e talleres creativos en Pontevedra. Traballan con propostas específicas sobre a arte e a arquitectura, en relación coa contorna e a súa historia. Contan cunha ampla experiencia na realización de talleres e proxectos con nenas e nenos.

Tras as ameas arrancou o pasado 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

Amais deste obradoiro de arquitectura Re-coñecendo o Castelo de Taller Abierto, hai outras catro actividades que teñen as prazas esgotadas: o taller de natureza e creatividade Explorando a paisaxe tamén de Taller Abierto, o 6 de xullo no Castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia Rock ‘n’ magic do Mago Teto, o 20 de xullo en Soutomaior; As palabras perdidas de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; e as actividades de circo Glamping de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior.

Si quedan prazas dispoñibles para o obradoiro Frida da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno Caldo a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto Silforiña da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto Paxaro amigo. Músicas para a paz de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense Nino & Mambrú de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia Superheroe de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro Lingoreteira de Xarope Lulú en Sobroso.

Catro novos obradoiros esta semana a cargo de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático.  Centraranse na copia de seguridade como medio de ciberseguridade, en fabricación dixital a través de debuxo con Onshape VII, no Sendinblue como ferramenta de email márketing e na fidelización no sector turístico.

A programación arrancará o luns, 3 de xullo, co obradoiro “Ciberseguridade, copias de seguridade” no que se dará a coñecer a importancia de ter os datos apoiados nunha copia de seguridade,  pola posibilidade de ser vítima dun ransomware ou calquera outro incidente coma roubos, inundacións ou subidas de tensión. O taller comezará ás 10:00 e será impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D.

O martes 4 de xuño ás 11:00 impartirase o obradoiro “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VII – Proxecto final I” queforma parte dun obradoiro mixto no que haberá formación en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. Este curso, impartido tamén por Manuel Freire, consta dunha formación teórica de 30 horas e doutra práctica de 20 horas co obxectivo de dotar ás persoas asistentes da capacidade de deseño e fabricación dunha peza en 3D.

O mércores 5, ás 11.00 h, terá lugar unha acción formativa telemática centrada nas “Ferramentas de email márketing: Sendinblue”. Nela, darase a coñecer o Sendinblue como ferramenta para convertir o proceso de email márketing nunha tarefa áxil, eficiente e rápida. Tamén crearanse campañas de email, editaranse plantillas e configurarase este instrumento para mellorar a produtividade. Este taller será impartido por Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas e cun posgraduado en Comunicación e Industrias Creativas.

O xoves 6 ás 11:00, a postgraduada en Turismo pola Universidade de Santiago de Compostela, Patricia Cabaleiro, exporá de xeito telemático as “Ferramentas para fidelizar aos clientes do meu aloxamento”, onde se ensinará ás persoas asistentes cales son as estratexias para fidelizar ás e aos clientes sen facer grandes gastos e ideas para captar reservas directas sen pagar comisións.

Covelo abre a inscrición para as empresas locais que colaborarán na Festa do Churrasco

0

O Concello de Covelo abre o prazo para inscribirse na listaxe de empresas de hostalería colaboradoras co desenvolvemento da XLII edición da Festa do Churrasco. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Covelo, de maneira presencial, ou ben a través da sede electrónica do mesmo, ata as 14:00 horas do día 12 de xullo de 2023. Cada local de hostalaría non poderá presentar máis dunha solicitude e as bases poden ser consultadas na páxina web.

A festa gastronómica do churrasco é un actividade de interese xeral que contribúe a dinamizar os sectores produtivos do municipio. O goberno explica que a través da colaboración público-privada trátase de fomentar a expansión da cultura gastronómica local.

“Tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do concello e supón un campo propicio para a colaboración privada, abrimos sempre unha vía de colaboración non só para dar un servizo axeitado e responder á demanda de todo tipo de visitantes e participantes tamén para promocionar os locais de hostalaría e empresas locais colaboradoras ademais de facilitarlles de xeito gratuíto a carne do churrasco”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Pola súa banda, os establecemento participantes comprométense a ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante a Festa do Churrasco e poderán realizar quendas de comidas, así como de recollida da comida para levar. Así mesmo, deberán informar ó público do horario no que darán o servizo. Deste xeito, dita información estará dispoñible de xeito escrito nun lugar ben visible en cada un dos establecementos.

Ademais, as empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da  XLII edición da Festa do Churrasco de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día. Este prezo será aplicable somente para os produtos entregados polo Concello a cada establecemento, que inclúen 21 kg de carne de porco, 21 kg de carne de tenreira e 7’5 kg de chourizo criollo por establecemento adherido á Festa.

O Season Fest celebrarase en Gondomar

0

O festival Season Fest xa ten novo emprazamento. Celebrarase do 21 ao 24 de setembro en dous lugares estratéxicos do municipio de Gondomar: o Parque da Coelleira e o Parque das Ánimas.

Isaac González, director do Season Fest, di sentirse “moi satisfeito” coa nova ubicación. “Gondomar permítenos permanecer no Val Miñor, unha das zonas máis bonitas e con máis recursos do sur da provincia de Pontevedra”, sinala. Ademais, comenta que “outro dos propósitos era buscar un lugar achegado ao emprazamento anterior para non romper os plans de toda a xente que xa mercara o seu abono e tiña hoteis reservados pola zona”.

Pola súa banda, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, declara que “Gondomar recibe ao festival cos brazos abertos e agradecemos a confianza da organización. É unha honra para nós acoller un festival desta categoría. Ademais, que mellor ocasión que esta para que un veciño ilustre de Gondomar, como Iván Ferreiro, poida ofrecer un gran concerto na súa casa.”

 A organización do Season Fest, anuncia ademais que se manterá integramente o cartel que se fixera público hai uns meses. Xoel López, Iván Ferreiro, Triángulo de amor bizarro, os portugueses Capicúa e os grupos emerxentes do panorama indie de dentro e fóra de Galicia Margarita quebrada, Anabel Lee, Xenia, Firmado, Carlota, Lusillón, Aeronave adolescente, Visions of Johanna, Sr. Jingles, Habitación Vudú, Tarde a todo e Señora DJ, son os grupos confirmados para esta nova edición do Season Fest coa que o festival de Baiona cumpre o seu 5º aniversario. 

Entradas e abonos á venda

O público que queira asistir ao Barbeira Season Fest pode mercar xa o abono na súa web. Ademais, todas as persoas usuarias do Carné Xove poderán mercar as entradas ao Season Fest cun 15% de desconto.

O festival contará unha vez mais co apoio da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Fest Galicia, AIE, Concello de Gondomar, e Vibra Mahou, a plataforma de música de Mahou Cinco Estrellas que crea encontros en torno ao directo. 

A Cañiza celebra a honra do Santísimo Cristo da Agonía

0

O domingo 9 de xullo, A Cañiza celebra a festividade na honra do Santísimo Cristo da Agonía cunha misa solemne, oficiada a partires das 11.30 h na Igrexa Parroquial de Santa Teresa da Cañiza, cantada pola Coral Polifónica da Cañiza.

Ao rematar o acto litúrxico, comezará a Procesión Solemne do Santísimo e da Virxe dos Dolores, que este ano volverá a contar coa participación da Asociación Cultural Santo Cristo da Agonía e dos seus 86 costaleiros, portadores dos dous Tronos Procesionais.

Tamén neste 2023 a Procesión volverá a estar acompañada e custodiada pola Banda de Música da BRILAT de Pontevedra “Galicia VII”, que ademáis ofrecerá un pasarrúas ás 11h00 da mañá, facendo unha parada especial na Residencia Xeriátrica Santa Teresa da Cañiza, na rúa Castelao.

Nos actos litúrxicos estará presente a Corporación Municipal do Concello da Cañiza, presidida polo Alcalde Luis Piña, tal e como se establece no Regulamento de Protocolo e Ceremonial do Concello.

A festividade conta tamén cun cartel lúdico, organizado pola Comisión de Festas do Santo Cristo, con tres días de actuacións: 7, 8 e 9 de xullo. As verbenas comezan o venres coa actuación da orquestra Costa Verde e Disco Móbil, a partires das 22.30h. O sábado 8 de xullo actuarán as orquestras Capitol e América S.l. e o cartel se pecha o domingo cunha verbena amenizada por un grupo musical.

Os oficios relixiosos da Parroquia de Santa Teresa da Cañiza, contan coa participación da Asociación Cultural Santo Cristo da Cañiza e do Concello da Cañiza que sufraga os gastos da Banda de Música da BRILAT (desprazamento, comida e seguro de responsabilidade civil) e un refrixerio para os costaleiros e membros colaboradores da Asociación.

Segundo manifestou esta mañá o alcalde da Cañiza, Luis Piña “é unha honra para o Concello poder colaborar no desenvolvemento desta celebración litúrxica que ven festexándose dende tempos inmemoriais”.

“Unha tradición con máis dun século de antigüedade que para todos os cañicenses ten un especial compoñente sentimental, relixioso, histórico, social e cultural e que na actualidade convoca a centos de devotos e visitantes no 2º domingo de xullo. Unha celebración que lonxe de perderse no tempo, perdura grazas ao esforzo e unión de moitas e moitos cañicenses”.

“Por este compromiso en prol do noso Pobo, dende o Concello queremos agradecer o grande traballo desenvolvido pola Directiva e os homes e mulleres que integran a Asociación Cultural Santo Cristo da Agonía, polos membros da Comisión de Festas e polos veciños e veciñas, comerciantes e empresarios que de forma anónima e altruista colaboran para enaltecer esta festividade que hoxe segue celebrándose con ilusión e devoción. Unhas grazas extensivas, por suposto á Parroquia de Santa Teresa da Cañiza e como non, á Coral Polifónica da Cañiza e á Banda de Música da BRILAT de Pontevedra”.

Baiona acolle a proxección do filme “A foreign song”

0

O Multiusos de Sabarís, no Concello de Baiona, acollerá este luns 3 de xullo unha nova proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e a Deputación para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Nesta sesión, ás 21.00 horas, exhibirase o filme A foreign song (2022), do realizador César Souto, finalista nos Premios Mestre Mateo nas categorías de Mellor documental, Mellor dirección de fotografía e Mellor dirección de produción.

Este documental, galardoado amais cos premios ao Mellor Longametraxe e Mellor Dirección Española no Festival de Xixón 2022, aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, cuxa rutineira vida escondía ao autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e acostábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias reseñables, nin grandes dramas. Cando se lle pediu unha reseña biográfica para presentar a súa obra, o poeta negouse a escribila. Cría profundamente que a poesía non é persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun outro.

Despois desta sesión, Baiona acollerá o vindeiro 17 de xullo o pase do documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022), tamén no mesmo espazo e á mesma hora. O filme retrata a violencia de xénero ao contar o caso de M. M., que despois de ameazar durante anos á súa ex parella, asasinou a golpes de pala ao seu fillo de 11 anos. Un ano despois un xurado popular condenouno por asasinato e determinou que o crime buscaba castigar á nai.

Amais de Baiona, os outros concellos nos que recala nesta segunda edición o Ciclo Mestre Mateo son os de A Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas. Estes municipios exhibirán ata novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.  O resto de títulos do programa son, amais dos citados Onde máis doe e A foreign song, o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española, o filme Live is life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e a longametraxe Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga.

O pleno do Concello de Oia aproba a organización municipal para o presente mandato

0

A nova Corporación Municipal de Oia celebrou o venres o primeiro pleno do mandato, unha sesión extraordinaria na que se aprobaron as propostas de organización e funcionamento para os vindeiros catro anos.

As sesións ordinarias dos plenos municipais terán unha periodicidade bimensual e celebraranse o último xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro ás 9.00 horas.

Por outra parte, a rexedora designou tres tenencias de Alcaldía. O primeiro tenente de alcaldesa será Augusto Lomba, que tamén será concelleiro de Comercio, Mocidade e Medio Rural; a segunda tenencia de alcaldía recaerá en Carmen María Estévez, a cargo de Felicidade, Cultura e Servizos Sociais; e o terceiro tenente de alcaldesa será Jose Manuel Rodríguez, que levará as áreas de Vías e Obras, Accesibilidade e Medio Ambiente. Francisco Giráldez levará a concellería de Alumeado Público e Eficiencia Enerxética e Modesto Pereira a concellería de Deportes. A alcaldesa asumirá persoalmente as áreas de Turismo, Igualdade, Educación, Urbanismo e Persoal.

Tamén se aprobaron dúas dedicacións exclusivas e unha parcial. Na lexislatura que vén de comezar a alcaldesa percibirá 37.000 euros brutos anuais, Jose Manuel Rodríguez percibirá 27.000 euros brutos anuais e Carmen María Estévez 22.000 euros brutos anuais. Unha cantidade maior cá do mandato anterior, xa que as asignacións anteriores da alcaldesa e da concelleira foran minoradas respecto do anterior rexedor no 2015 e as mantiveran conxeladas desde entón.

Outros asuntos do pleno

Na sesión plenaria de hoxe tamén se deu conta da constitución de grupos políticos municipais e dos representantes municipais nos consellos escolares dos dous colexios do municipio, así como da escola infantil. Ademais creouse a Comisión Especial de Contas, preceptiva por lei e encargada de informar a conta xeral de xeito previo á aprobación plenaria.

Por outra banda, a alcaldesa aproveitou este pleno extraordinario de organización para aprobar o inicio do procedemento de contratación da obra “Eira Nova. Reforma da praza de abastos” para edificio multiusos” cun orzamento bianual de 946.242,34 euros, e a obra de “Cambio de céspede artificial do campo de fútbol das Tornas” por importe de 258.783,58 euros. A partir de hoxe publicaranse os pregos na plataforma do Estado para que as empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas no prazo de 20 días naturais e 15 días naturais, respectivamente.

Nigrán convoca as axudas para a adquisición de material escolar

0

Concello de Nigrán abre o prazo, do 3 ao 21 de xullo, para solicitar axudas municipais  para a adquisición de libros de texto e/ou material escolar no curso 2023/24 (bases publicadas no BOP de 30 de xuño). A contía  é de 65 euros por cada neno e mantense o requisito indispensable de que os beneficiarios sexan unidades familiares empadroadas no municipio e con fillos matriculados en centros públicos de Nigrán en Educación Infantil no curso 2023-2024.

O prazo para presentar as solicitudes é do 3 ao 21 de xullo (ambos incluídos).

Os beneficiarios deben estar ao corrente do pago das taxas e impostos municipais e non superar o límite de recursos establecido.