19.7 C
Pontevedra
Martes, 15 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCOGAMI visibiliza as problemáticas que teñen dende idades temperás as persoas con...

    COGAMI visibiliza as problemáticas que teñen dende idades temperás as persoas con discapacidade para acceder ao lecer e o deporte

    COGAMI pide que as zonas de xogos e deportivas sexan accesibles porque suporá un beneficio común a toda a sociedade

    Dende o eido sanitario recomendan a práctica de actividades físicas e deportivas. Dedicarlle tempo ao lecer, ao entretemento e a socializar ocasionan un benestar físico e mental na persoa, contribuíndo no seu desenvolvemento e mellorando a súa calidade de vida. A propia Constitución, no artigo 49, e maila Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade recollen que o lecer e tempo libre é un dereito das persoas con discapacidade.

    Pero, non todas as persoas teñen acceso nas mesmas condicións a estas prácticas deportivas ou de lecer. Aínda hoxe en día existe unha escasa oferta de actividades de lecer adaptadas, que xa se perciben dende as idades temperás, nos propios parques infantís. Segue sendo un acontecemento a inauguración dun parque infantil público con xogos adaptados, cando debería ser a normalidade. Os parques con algunha atracción adaptada van proliferando pero seguen sendo escasos e non se adaptan ás necesidades de todas as nenas e nenos que comparten este espazo de xogos. Dende a infancia máis temperá as persoas con discapacidade vense excluídas nas actividades de lecer e, polo tanto, da oportunidade de socializar coas que son da súa idade, da súa parroquia ou barrio.

    O centro Monteporreiro no programa Lecer Náutico de Sanxenxo

    Agora que estamos en tempada de campamentos de verán, son escasos os que ofrecen prazas para que poidan participar nenas e nenos con discapacidade e, os que si ofrecen prazas, estas son limitadas, afectando en maior medida aos que viven no rural porque os recursos son menores e os desprazamentos fanse fundamentais para practicar calquera actividade. “Ás veces semella que, se tes discapacidade, a única opción para poder participar nalgunha actividade de lecer ou deportiva, é asistir a unha específica para persoas coa túa mesma discapacidade”, expresa Isabel González da área de Lecer de COGAMI. “Reclamamos máis actividades de lecer e deportivas inclusivas, que non só sexan para persoas con discapacidade, senón, que sexan para todas. Cos apoios necesarios, todas e todos podemos compartir o mesmo espazo de xogo”, engade Isabel González.

    Escasas son tamén as ofertas de actividades de lecer, a non ser que sexan desenvolvidas por entidades representativas da discapacidade como COGAMI. Cos fondos do 0,7 % do IRPF do recadro de actividades sociais que xestiona a Xunta de Galicia, COGAMI organiza un programa de lecer, cultural e de deporte inclusivo que ofrece actividades adaptadas ás necesidades das persoas participantes, como as 26 que desenvolveron durante o ano pasado nas que participaron máis de 300 persoas. Exemplos destes programas é o GAVEA de vela adaptada no que o veleiro Laion, incautado ao narcotráfico pola Audiencia Nacional, permite a navegación polas rías galegas ao estar dotado dun guindastre e de asentos adaptados a persoas con mobilidade reducida. Outras actividades son as xornadas que organiza o Real Club Náutico de Sanxenxo de iniciación á navegación a vela ou as xornadas multideportivas que se realizan no marco da celebración do Día da Fundación Decathlon.

    Dende COGAMI pídese tamén que se teñan en conta ás persoas con discapacidade no deseño das actividades de lecer e tempo libre, para garantirlles a accesibilidade e adaptabilidade ás súas necesidades. Segundo indica Isabel “a día de hoxe continúa sendo imposible que unha persoa con mobilidade reducida escolla un deporte que sexa do seu interese e atope unha maneira de practicalo, salvo se vive nunha gran cidade ou non ten problemas para desprazarse centos de quilómetros”.

    CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

    Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9 % do total da poboación.

    No mes de xullo reivindicamos a práctica do deporte e de actividades de lecer polos beneficios que implican para o benestar das persoas, tanto a nivel físico como mental. Pero para poder practicalos, precisamos de espazos, servizos, actividades e tamén contornas que sexan accesibles.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.