Dende as oito e media da mañá a escola de verán do Concello de Covelo abre as súas portas para recibir aos pequenos e pequenas que ao longo deste mes aprenderán xogando da man das monitoras. Ata a sala multiúsos municipal achegáronse o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, e a concelleira de Emprego e Formación, Lourdes Enes, para darlles a benvida a todas as cativas e cativos que farán equipo este verán.
No Concello de Covelo ata as dúas da tarde as familias contan co apoio da escola de verán na que as crianzas farán excursións e múltiples actividades coas que coñecer mellor a súa vila, aprender a traballar en equipo e xestionar as súas emocións.
A escola de verán nace como un recurso de apoio ás familias para facilitar a conciliación familiar e laboral. É un espazo de convivencia atendido por profesionais que promove valores como a igualdade e o respecto ao medio natural. Deportes, manualidades, saídas e distintos xogos a través dos que traballar as habilidades sociais e a empatía.
Subvencionada polo Concello e cun prezo reducido de vinte euros para persoas empadroadas e de corenta para as non empadroadas, as familias contan cada mañá cun tempo de respiro grazas a esta iniciativa do Concello de Covelo.