18.8 C
Pontevedra
Martes, 8 de Outubro de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO programa provincial «Tras as ameas» ofrece no Sobroso o obradoiro infantil...

    O programa provincial «Tras as ameas» ofrece no Sobroso o obradoiro infantil de arquitectura “Re-coñecendo o castelo”

    A actividade que ofrecerá Taller Abierto celebrarase ás 18 horas coas prazas esgotadas

    Trala súa estrea con música a semana pasada, o programa provincial Tras as Ameas propón para este martes 4 de xullo un obradoiro infantil no Castelo de Sobroso, na segunda das trece actividades que ofrece este verán este programa cultural e familiar da Deputación. Re-coñecendo o Castelo: Taller de Arquitectura, con todas as prazas xa esgotadas, é o título desta nova proposta que impartirá desde as 18 horas Taller Abierto e se enmarca nesta iniciativa que abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos para vivir experiencias únicas nos castelos de Soutomaior e Sobroso.

    En Re-coñecendo o Castelo: Taller de Arquitectura o grupo de nenas e nenos participantes, de entre 6 e 12 anos, coñecerán en Sobroso o valor patrimonial das fortalezas medievais da provincia de Pontevedra. A través dunha actividade entre o xogo e a plástica, reinterpretarase, de maneira creativa, a arquitectura do castelo tras un percorrido pola zona. A cativada deberá identificar as partes que conforman a edificación para recoñecer os elementos principais dunha tipoloxía arquitectónica defensiva. Os obxectivos da actividade céntranse en conectar ás nenas e nos coa súa contorna para que poidan valorar o patrimonio construído, amais de promover o coñecemento sobre o patrimonio da provincia. Amais, búscase espertar na rapazada o interese pola arquitectura e desenvolver o sentido da observación.

    O colectivo Taller Abierto, que imparte a proposta, está formado fundamentalmente por dúas mulleres con formación en arquitectura que fundaron unha empresa de xestión cultural e talleres creativos en Pontevedra. Traballan con propostas específicas sobre a arte e a arquitectura, en relación coa contorna e a súa historia. Contan cunha ampla experiencia na realización de talleres e proxectos con nenas e nenos.

    Tras as ameas arrancou o pasado 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

    Amais deste obradoiro de arquitectura Re-coñecendo o Castelo de Taller Abierto, hai outras catro actividades que teñen as prazas esgotadas: o taller de natureza e creatividade Explorando a paisaxe tamén de Taller Abierto, o 6 de xullo no Castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia Rock ‘n’ magic do Mago Teto, o 20 de xullo en Soutomaior; As palabras perdidas de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; e as actividades de circo Glamping de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior.

    Si quedan prazas dispoñibles para o obradoiro Frida da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno Caldo a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto Silforiña da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto Paxaro amigo. Músicas para a paz de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense Nino & Mambrú de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia Superheroe de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro Lingoreteira de Xarope Lulú en Sobroso.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.