Sábado, 19 Xullo de 2025

A rapazada tomiñesa devolveralle a voz á soprano Esperanza Mara no espectáculo ‘Xogando coa música’

0

A Praza da Mina convértese este xoves 20 de xullo no escenario dun novo espectáculo dirixido a público infantil e familiar. A soprano Esperanza Mara chega a Tomiño con ‘Xogando coa música’, un contacontos interactivo que busca promover a expresión oral e escrita de nenos e nenas a través da música como vehículo educativo.

A través deste conto, a rapazada acompañará a unha soprano que tivo a desgracia de que un neno se rira dela nunha actuación e perdera a capacidade de cantar. Os nenos terán que axudala a recuperar a súa voz a través dunha serie de actividades interactivas que lle devolvan a ilusión e vontade de cantar.

Licenciada en Canto Lírico e Violonchelo e cun Máster en Canto e outro en Investigación Musical, Esperanza Mara é unha artista e creadora multidisciplinar que actuou nas máis prestixiosas salas e teatros de España, Portugal e Francia. A través de Emanarte promove e divulga a música clásica en diferentes formatos e para diversos públicos, buscando ademais a fusión con outros estilos.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, anima a toda a rapazada a participar neste contacontos e “mergullarse no marabilloso mundo da música clásica e o canto dun xeito divertido e entretido”.

A celebración de Porrigalia será os 22, 23, 24 e 25 de xullo

A vila do Louro acollerá os días 22, 23, 24 e 25 de xullo os xogos olímpicos do Porriño, Porrigalia. As festas que foron pospostas pola declaración de loito oficial na data na que estaban programadas, celebraranse nestes días para non pisar o resto de festas organizadas nas parroquias do municipio e poder cadrar axenda coas actividades que conformaban a programación. Así o acordou o Concello do Porriño en consenso coa hostalería local.

A festa, que mantén todas as actividades da súa programación, foi presentada hoxe polo alcalde, Alejandro Lorenzo, o Rei Castrexo, Pepo Suevos e uns convidados de luxo, Asterix e Obelix, que viu da man de Tonhito de Poi.  No acto presenteuse tamén o novo himno de Porrigalia creado e interpretado polo alumnado de Maison.

As actividades arrancarán o sábado 22 pola mañá. Ás 11h desenvolverase o showcooking e obradoiro infantil na Praza de Abastos e ás 12h dará comezo o Gran Desfile que culminará co destrone do alcalde polo duida Panorámix e o acendido da chama olímpica. Xa pola tarde animación, batucadas e djs nas rúas e a a competición olímpica a partir das 20 h, que será como estaba previsto na rúa Domingo Bueno. Xa pola noite concerto de Beatriz Martínez e Festa dj, na praza Arquitecto Antonio Palacios.

A programación continúa o domingo 23 ás 12h. Será cando a gran comitiva olímpica volva desfilar ata a praza do Concello onde o Rei Castrexo procederá á lectura do pregón. Pola tarde continúa a festa dende as 17 h e a celebración das probas olímpicas ás 19 h. O broche de ouro á xornada será musical a cargo de A Banda da Balbina, que actuará ás 22h, e Dasoul e América de Vigo, que actuarán a partir das 23 h.

O luns 24 seguimos de celebración. As actividades comezarán ás 17 h coa Porrigalia Kids na que arredor de 200 nenas e nenos demostrarán que son verdadeiros gladiadores. Ás 19h showcooking de Pan do Porriño seguido dos concertos de Generación M e os King Kids. A noite  chega forte e arranca coa Gran Queimada na praza a partir das 22 h. De Seguido o pasarrúas de Troula co seu espectáculo Lume que será ás 23 h e ás 00h, na rúa Domingo Bueno, actuarán os Heredeiros da Crus. Ao rematar o concerto, sesión musical con dj María Lamuela, Freitas, Dj Moy, DJ Enter e Freitas.

O martes 25 poñemos o fin de festa con festa para os nenos e nenas a partir das 18 h, na que haberá pista americana, inchables e festa da espuma. Ás 21 h actuarán os Gin Tonic e pecha por todo o alto La Frontera, que actuará ás 23 h na rúa Domingo Bueno. Tras eles, Traffic House e Raper Vocal Live.

Éxito rotundo da Copa de Galicia de Pumptrack da Cañiza

0

No dia de onte celebrouse na Cañiza a primeira proba da Copa de Galicia de Pumptrack, unha modalidade con gran auxe a nivel nacional e internacional e que agora comeza a poxar forte en Galicia.

Da man de varios Clubs Ciclistas galegos, a Federación lanzou este ano a Copa de Galicia de Pumptrack que se compón de 4 probas, sendo a celebrada na Cañiza a inaugural.

O dia comezou cos adestramentos das categorías inferiores, onde a participación da proba foi mais grande, seguidamente continuaron os maiores, onde se puido comprobar o gran nivel que temos en Galicia.

Durante proba pideronse constatar deportistas de gran renome como Saúl Vilar ou Sergio Veiga, asi como tamén corredores internacionais vindos desde Francia como Maxence Crouail. O tempo máis rápido foi o conseguido por Sergio Veiga con 15,566 seg, en masculino e en feminino o de Alba Fernández con 18,953 seg.

[su_image_carousel source=”media: 74561,74562,74558,74560″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na proba tamén participou a Seleccionadora galega de Ciclismo na Modalidade de Dh e Enduro, Eva Castro, cun gran palmarés na súa traxectoria deportiva.

Desde a organización Marcos Porto, responsable de Sportskids e Pontebike Team, manifesta que dan as grazas ao Concello da Cañiza, polo apoio mostrado desde o primeiro momento, e ao seu alcalde Luís Piña, por facilitar todo o necesario para que a carreira fose todo o éxito a nivel galego, tamén manifestan para eles é unha honra realizar a primeira carreira da FGC en Galicia e que o que quixeron é que a mesma fora o mellor posible.

Na proba tamén se entregaron as camisolas de lideres da Copa de Galicia a todas as categorías participantes. Desde a organización tamén queren agradecer a Leira Briabí, Apartamentos Augusto e a Cámping Cañiza polos agasallos que grazas a eles puideron dar aos gañadores dos 3 mellores tempos masculinos e femininos.


Últimos días para inscribirse na III Mostra Creativa do Baixo Miño

0

O Concello da Guarda continúa apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que existen na comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión.

Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos. Desde o Concello queren agradecer a boa disposición para sumar esforzos de ORPAGU e establecer lazos de colaboración.

Convídase a todos os deseñadores, marcas e artesáns da comarca que desexen participar a que revisen as bases publicadas no taboleiro de anuncios (https://www.aguarda.es/wp-content/uploads/2023/04/20230411_Resolucion_DECRETO-2023-0565-DECRETO-DE-ALCALDIA-DE-APROBACION-DE-BASES-III-MOSTRA-CREATIVA.pdf) cubran a ficha de inscrición (https://www.aguarda.es/wp-content/uploads/2023/04/20230411_Ficha-de-inscripcion-2023.docx ) e a envíen ao correo electrónico [email protected]

Xa son máis de 20 os inscritos para esta terceira edición, entre eles:  Acontravento (roupa), Anxo Ferreira (cantería), Vikensen (madeira), Merino Coqueta (fieltro e lá), Little Vero (roupa), Vargas Lemos (xoieria), Mar.jewelrin (xoieria), Coco bisutería (xoieria), Sapone di Principesca (cosmética natural), É Fish (xoieria), Marina Alonso San Miguel (ilustracións), Sapoconcho (ilustracións), Tullavecord accesorios (en madeira, resina, etc.), Cuchituras design (accesorios para o pelo), La casa taller (pintura), Pazosketchbook (pintura), Luc&Luc (roupa), Sil Domínguez (roupa),  Breaktime (Ilustración sobre prendas) e Lana (Amigurumis).

Un dos obxectivos da iniciativa, que tivo a súa primeira convocatoria no 2021, é acadar que a Mostra se poda consolidar como un evento de referencia e con periodicidade anual onde mostrar o gran talento que temos no Baixo Miño. Por isto convidamos a todas as persoas deseñadoras, marcas e artesáns da nosa comarca que desexen participar a que aproveiten os últimos días que restan de inscrición e cubran a ficha de inscrición e a envíen ao correo electrónico [email protected].

PROGRAMACIÓN

Sábado 29 de xullo de 10:30 a 15:30 h e de 18:30 a 22:00 h.

11:00 h – Obradoiro infantil con caricaturista*

13:30 h – Pasarrúas co Trebón dos Xidos dende a Praza de Avelino Vicente ata o Porto*

18:30 h – Obradoiro infantil de xoguetes realizados con materiais de refugallo a cargo de Diviertte

19:30 h – Concerto de Rock&Roll de Castro & Los Escoltas

*Actividades integradas na Festa do Peixe Espada

David Bisbal enloquece ao público de Castrelos

Catro anos máis tarde, David Bisbal volve a conseguilo, con todas as entradas vendidas para a platea e a grada a encher, deu un recital inolvidable.

O almeriense chegou cheo de enerxía e decidido a dar un espectáctulo irrepetible e o público puido percibir toda a forza que desprendeu na súa actuación. Vinte anos despois de comezar a súa carreira musical fóra da orquestra e cun repertorio moi sólido, fixo enloquecer a todos.

Cunha entrada espectacular en escea, no que imaxes del golpeaban as distintas pantallas do auditorio, deixouse caer para interpretar o tema “Ajedrez”. Cantou todas as cancións esperadas polos fans e decidiu rematar a actuación coas súas tres cancións máis míticas: “Corazón latino”, “Bulería” e, como non podía ser doutro xeito, “Ave María”.

O domingo, o cantante decidiu dar un paseo matutino pola praia de Samil onde subiu un vídeo a súa conta de Instagram agradecendo ao público o concerto da noite anterior.

[su_image_carousel source=”media: 74549,74550,74547,74546″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nigrán restaura a batería militar de Monteferro

0

Os canóns de Monteferro veñen de retroceder no tempo 100 anos para lucir como na súa orixe. Esta milagre foi posible grazas ao investimento de 16.758 € por parte do Concello de Nigrán a través dunha liña de axudas da Deputación de Pontevedra destinada á restauración e sinalización de elementos patrimoniais  de titularidade municipal dentro da provincia. Os traballos, adxudicados á cooperativa Árbore, supuxeron a limpeza, restauración e barnizado da Batería J3; e a limpeza do lavadoiro dos soldados e da Fonte da Mina incluíndo os accesos mediante roza (ambos elementos ficaban totalmente invisibles debido á maleza que os cubría). O resultado máis chamativo é que os canóns recuperaron o seu color militar tras décadas de abandono e vandalismo en forma de chamativas “pintadas” divulgadas en redes polos autores como “intervencións artísticas”. Igualmente, toda esta batería será sinalizada mediante paneis interpretativos.

“A península de Monteferro é un tesouro patrimonial infinito para Nigrán que, grazas á Comunidade de Montes, á quen pertence na súa maioría, estamos a por en valor no seu conxunto”, indica o alcalde, Juan González, en referencia tamén aos seus petróglifos (o Concello realizou sucesivos investimentos para sinalizar e por en valor estes gravados) e á propia contorna natural “cunha costa e unha masa arbórea espectacular”.

A batería J3 de Monteferro pertencía ao sistema defensivo costeiro das rías Baixas, onde tamén se atopaban a J1 de O Grove, J2 de Cabo Udra e J4 de Cabo Silleiro. Dentro do complexo J3 destacan os dous canóns Munaiz-Argüelles 150/45, que son os únicos que se conservan “in situ” de toda a provincia e que nun primeiro momento eran 3. Esta batería foi creada con caracter urxente unha vez iniciada a Guerra Civil, posto que o bando sublevado temía un ataque marítimo ás costas galegas por parte de potencias estranxeiras contrarias ao alzamento, sen embargo, xa na década dos anos 30 era anticuados (apenas tiñan un alcance de 13 quilómetros) pero, pola contra, si ofrecían unha sensación de “seguridade”. A pesares de todo, este complexo estivo en uso ata a década dos anos 60 como lugar de manobras e destino para a mili, sendo abandonado nos anos 80.

O lavadoiro, situado moi preto dos canóns, foi construído para que os soldados puideran lavar as súas roupas e como “ducha”, mentras que a mina ao seu carón habilitouse para surtir de auga doce á base. Nos dous elementos limpáronse os accesos mediante roza facéndoos agora visibles por vez primeira en décadas e, no caso da fonte, pechouse cunha rella de forxa para impedir o acceso ao resultar o interior moi inseguro.

O principal traballo en ambos canóns, de aceiro e de 6,7 m de envergadura e 6.300 kg de peso, foi decapar a superficie para eliminar o óxido existente, realizar unha limpeza xeral e un pintado e unha imprimación dunha capa de protección final anti-graffitis que impida adherir novas pinturas. Ademais, seláronse mellor os canos para evitar empozamentos de auga. “Os canóns non tiñan xa cor, así que consultamos ao Museo Militar de A Coruña e o seu conservador, José Manuel Candales, explicounos que non existe unha carta pantone ao respecto e que nestas pezas, pola súa situación costeira, se lles aplicaba unha gama de grises”, xustifican desde Árbore.

Falece un home ao descargar un coche en Redondela

0

Falece un guindastrista ao quedar atrapado entre o seu vehículo e un muro cando descargaba un coche en Redondela. Os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento.

Faltaban dez minutos para as 9 horas cando os xestores do 112 Galicia recibiron a chamada de varios particulares que estaban nas proximidades do taller da parroquia de Quintela no se produciron os feitos. Estes informaron que o home implicado quedou atrapado entre o seu guindastre e un muro cando estaba a descargar un coche.

Desde o 112 Galicia activouse un operativo que contou coa participación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Redondela, do GES de Mos e dos axentes da Policía Nacional e Local. Tamén se informou aos Bombeiros de Vigo e de Porriño e aos membros da Agrupación de Protección Civil de Redondela.

Unha vez no punto, o persoal sanitario confirmou o pasamento do home e, nestes momentos, os servizos de emerxencias proceden coa liberación do corpo.

O Concello de Baiona reforza o baldeo das rúas e a limpeza

0

O Concello de Baiona, reforza os servizos básicos de limpeza e baldeo intensivo no municipio. Durante os últimos días, un equipo integrado por varias persoas está a traballar co apoio da máquina varredora e máquinas de baldeo a presión para mellorar a limpeza viaria e a imaxe xeral do estado da localidade.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou que “estamos a traballar intensamente para dar maior resposta á veciñanza en materia de limpeza e, ao mesmo tempo, mellorar a imaxe de Baiona”. Para iso informou que “dentro deste novo plan de baldeo e cepillado, xa se levou a cabo no Casco Vello así como nos distintos canellóns que dan acceso ao mesmo desde a Rúa Elduayen. A maquinaria tamén pasou por Santísima Trindade e realizouse un baldeo mixto na propia Rúa Elduayen”.

Así mesmo, indicou que “son uns traballos que están a dar bastante resultado e que aos poucos irá chegando a outras zonas do municipio”, á vez que pediu “paciencia” á cidadanía, debido a que de maneira progresiva irase cubrindo as necesidades do municipio. “

E é que segundo lembrou “un dos compromisos do alcalde, é mellorar o estado xeral do municipio e a calidade dos servizos básicos que ofrece o Concello aos cidadáns e cidadás, entre os que se inclúe a limpeza viaria. Niso estamos a traballar, empezaron a notarse o resultados pero seguiremos profundando neste labor na que esperamos tamén contar coa necesaria colaboración de todos a cidadanía”.

O rexedor baionés tamén solicita “a colaboración do sector da hostalería e da cidadanía en xeral para que as rúas permanezan limpas para o goce de todos os veciños e veciñas o máximo tempo posible. “Unha Vila coas rúas limpas é fundamental para a propia hixiene da mesma e que todos a veciñanza poida gozar do noso municipio nas mellores condicións e tamén para aquelas persoas que nos visitan e vanse cunha boa imaxe da nosa localidade”

O Concello de Baiona iniciou unha campaña de reforzo da limpeza viaria a través da realización de distintos decapados das beirarrúas, que completan os labores habituais de limpeza viaria. Esta iniciativa arrincou esta semana para realizar baldeos nas beirarrúas con equipos de limpeza con auga a presión e outros medios mecánicos.

O obxectivo deste reforzo é combater a acción xerada sobre as beirarrúas para iso realízase unha limpeza en profundidade da sucidade incrustada, graxas, restos de chicles, e sucidade persistentes aos procedementos normais de baldeo e varrido. O equipo utilizado posúe unha impulsión de auga a presión e complétase cun reforzo de produtos  desengrasantes.

Vai facer un decapado intensivo de varias zonas do municipio, especialmente en beirarrúas e zonas peonís, e coa axuda de maquinaria especializada na limpeza destas características.

A praia do Muíño volve a lucir este verán o distintivo de Bandeira Azul

0

Esta tempada de verán as praias de “O Muíño” e “Area Grande” do concello da Guarda recibiron o distintivo de Bandeira Azul outorgada pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), como recoñecemento a súa calidade medio ambiental e aos servizos que ofertan. Ademais, concedeuse a distinción “Sendeiro Azul” á unión das sendas que percorren a costa de A Guarda entre estas dúas praias.

Tras renunciar a pasada tempada ás Bandeiras Azuis que lle foran concedidas, por non dispor de socorristas aspirantes, este verán o Concello da Guarda contará cun cadro de persoal de servizo formado por catro socorristas contratados; dous dos socorristas atenderán a praia de O Muíño de luns a domingo, cumprindo así con este requisito para poder izar dita Bandeira Azul. No caso da praia de Area Grande o servizo activarase de unicamente de venres a domingo, dispoñéndose tamén nesta praia de dous socorristas durante eses días da semana. O servizo de socorrismo prestarase no período que vai dende o pasado sábado día 8 de xullo ata o 8 de setembro, en horario de 12:00 a 20:00.

A praia de O Muíño, ademais de estar adaptada para persoas con diversidade motriz con pasarela accesible e cadeira anfibia, conta con outros servizos esixidos por Bandeira Azul, como son: paneis informativos, análise de augas con resultados de “excelente” nos catro veráns anteriores, servizo de limpeza e de recollida de residuos así coma aseos.

A ADEAC comunicou ao Concello da Guarda a autorización para izar a bandeira a pesar dos danos nos accesos á praia provocados polas riadas do pasado inverno; a reparación desta zona é unha prioridade dende o primeiro día para o actual equipo de goberno, quedando unicamente, tras facer de urxencia as xestións correspondentes, á espera de recibir os permisos por parte da autoridade de Costas para levar a cabo as obras necesarias de reacondicionamento.

Por último, destacar que, ademais da Bandeira Azul na praia de O Muíño, izouse tamén o distintivo de Ecopraia concedido pola Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente. Este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual das praias, respectando o delicado ecosistema dunar como espazo protexido “Red Natura 2000” na que se encontra integrada dita praia.

Unha vez dito todo o anterior, dende o Concello de A Guarda queren animar a todo o mundo a desfrutar das fermosas praias coas que conta o municipio.

Fabio Rivas, «A pintura debida»

Ás veces atopamos sorpresas inesperadas que nos fan sorrir e confiar na saúde da nosa literatura. E tal foi o que aconteceu cando caeu nas miñas mans este pequeno exercicio de estilo asinado por Fabio Rivas, un rapaz de apenas 25 anos que se deu a coñecer con algúns premios pero que, ata o de agora, non publicara ningún libro propio, malia participar nalgún colectivo como resultado dos galardóns. Trátase dunha recompilación de oito relatos que teñen ese sabor a contos de lareira arredor do lume nas noites de invernía, pero dende unha perspectiva claramente contemporánea. Serían, se queremos velo así, unha especie de «Contos de lareira 2.0»

Como denominador común dos relatos poderiamos falar dun ambiente case gótico e de terror, de inquedanza, de arrepío, no que hai mortes, vinganzas, mentiras e outras mostras da maldade humana, o que implica unha concienzuda pescuda no noso interior máis escuro e nos arrastra a esa idea dos contos de medo arredor do lume. E tamén podemos falar deses finais delirantes, as máis das veces inesperados, e que non se fan presentes ata as derradeiras liñas de cada conto para derrubar todo o que criamos comprender sobre cada historia e darlle a volta por completo. Ás veces, mesmo provocando viraxes argumentais que nos deixan conmocionados, coma no caso do relato titulado «Oscurita e os ollos brancos», ou mesmo o que dá título a toda a colección, «A pintura debida» e co que se abre o libro.

Pero, con todo, o máis interesante deste monllo de contos e a razón pola que máis arriba falei de «exercicio de estilo» e de «contos de lareira 2.0», está na linguaxe empregada polo autor. Nótaselle un considerable esforzo por misturar a fala máis cotiá e tradicionalista, mesmo co emprego de expresións netamente rurais, con xiros contemporáneos e que poderiamos chamar «urbanitas». Unha combinación que hai que xestionar con habilidade para que luza como debe e da que o autor sae airoso. As frases curtas ben dosificadas, sen abusar, danlle ao conxunto unha forza e unha claridade que xa deixou de ser habitual na nosa literatura.

Quizais por iso, polos temas tratados e pola forma de narrar, a súa lectura deixa un regusto no fondo do padal que provoca certa mágoa segundo nos achegamos ás últimas páxinas, pois aí remata a lectura.

Fabio Rivas

«A pintura debida»

160 páxinas

Visita da concelleira de Deportes de Baiona aos campus de Danza e de Tenis de Mesa

0

A concelleira de Deportes, Ana María Iglesias Rodríguez, realizou esta semana unha visita ao campus de danza que se está a celebrar durante esta semana nas instalacións do pavillón municipal de deportes.

Entre as modalidades ofertadas no mes de xullo atópase o campus de danza, cuxo corpo técnico está composto por tres membros da escola de baile “Galicia en Danza”. Tamén entre as modalidades ofertadas está o Campus de Tenis de Mesa “Coperfi” que tamén se está a levar a cabo durante esta semana no Pavillón Municipal. Neste caso, o corpo técnico que imparte o campus está formado por: Martín Pintos Barreiro, Adestrador de nivel 2 e xogador da Superdivisión e Liga Francesa N3; Viktoria Lebedeva, xogadora da selección rusa e xogadora de División de Honra Feminina e como sparrings hay xogadores e xogadoras da División de Honra Feminina e División Nacional.

A concelleira de Deportes realizou unha visita a ambos campus deportivos ofertados polo Concello de Baiona.

Campus de danza

Mos homenaxea ás Lagharteiras pola colaboración no Himno do Centenario do Celta con C Tangana

0

O venres celebrouse no Concello de Mos unha recepción ao grupo musical de Mos, As Lagharteiras, en recoñecemento pola súa colaboración co tema ‘Oliveira dos cen anos’, Himno do RC Celta conmemorativo do centenario do clube celeste, que se celebra este ano 2023 (concretamente o vindeiro 23 de agosto).

As homenaxeadas estiveron acompañadas pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, os tenentes de alcaldesa Camilo Grandal, e Leo Costas, e a tamén concelleira mosense Feli Rodíguez.

O himno co que colaboraron As Lagharteiras de Mos, composto por C Tangana, e que foi presentado a semana pasada no Teatro Afundación  de Vigo, é unha obra que destila tradición e folclore galego.

Pola súa banda As Lagharteiras: Belén, María, Tamara, Leti, Uxi, Marta e Patri, declararon hoxe na Casa Consistorial do seu Concello que “somos afortunadas de ter participado nesta marabilla que supón un recoñecemento ás nosas raíces e á nosa música. Con orgullo do noso e con moita ilusión só podemos dar as grazas a C Tangana, ao RC Celta e a todos e todas os/as compañeiros/as e amigos/as que participaron con nós neste proxecto. Estamos moi emocionadas e desexámoslle ao Celta outros cen anos de emoción, de traballo colectivo e de paixón”.

Éxito da primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade

Éxito da primeira poxa pública de gando vacún da Finca Mouriscade que acaba de celebrarse nestas instalacións da Deputación de Pontevedra e na que participaron 22 empresas da provincia e doutros puntos de Galicia. Na poxa vendéronse unha vintena de vacas de raza frisoa que formaban parte da gandaría da Finca e contan cun gran valor comercial para continuar a súa vida produtiva nas explotacións lácteas. A poxa foi seguida por numeroso público, entre o que figuraba a rapazada que participou ao longo desta semana na primeira Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, organizada pola Federación Frisoa Galega en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros, e que se clausurou tamén hoxe en Mouriscade.

Con prezos de saída dos animais entre os 462 e os 1.925 euros, o prezo medio de venda das reses na poxa foi de 2.300 euros, acadándose nun dos casos os 3.800 euros. A meirande parte das empresas participantes proviñan do municipio de Lalín, aínda que tamén se presentaron firmas doutros concellos da provincia, como Rodeiro, Vila de Cruces, Silleda ou Marín, así como de municipios de Lugo e A Coruña. Algúns dos nenos participantes na Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros tamén tomaron parte activa no evento, acompañando aos traballadores de Mouriscade na presentación de dous dos lotes da poxa.

A gandería de Mouriscade atópase entre as 12 mellores de España. A finca conta cunha granxa experimental en selección xenética, na procura da eficiencia produtiva das explotacións gandeiras da provincia, coidando o benestar animal e o respecto polo medio ambiente. Nela lévase a cabo un programa de mellora xenética “vía femia” coa implantación de embrións recollidos dos animais elite da granxa e faise un seguimento científico da saúde e manexo do gando, monitorizándose os datos produtivos e transferindo o coñecemento adquirido ás explotacións gandeiras, cooperativas e empresas do sector na provincia.

Grandes Festas de Santa Cristina en Baiona

0

Os próximos días 22, 23 e 24 de xullo terán lugar as grandes festas na hora de Santa Cristina en Sabarís no concello de Baiona.

As celebracións comenzarán o sábado día 22 coa actuación da orquestra Costa Blanca e o Trío D`Lider.

A xornada do domingo comezará a partir das 10:00 horas co pasarrúas e a actuación da charanga “Vai de Baile” e pola noite a actuación da orquestra Saudade e Trío Azar.

O luns día 24, o día propio da patroa, ás 12:00 h oficiarase a misa solemne en honra a Santa Cristina, cantada pola Coral Polifónica de Belesar e seguida da procesión. Pola noite, a verbena correrá a cargo da orquestra Alabama e o o Trio X’TRA. Ás 11:00 h haberá unha actuación do grupo de gaitas “Os Terribles de Donas”.

A primeira proba de Depo Orienta deste ano será no monte Aloia

0

200 persoas participarán este domingo, 16 de xullo, na primeira das rutas do programa “Depo Orienta” da Deputación de Pontevedra, que transcorrerá polo Monte Aloia de Tui con todas as prazas esgotadas. Esta iniciativa, que abre a posibilidade de experimentar o deporte da orientación en diferentes paraxes para gozar da natureza, enmárcase no programa “Depo Actívate”, co que a institución agrupa actividades encamiñadas a fomentar o deporte e o turismo deportivo e a difundir o patrimonio natural e cultural da provincia.

A actividade está dirixida ás persoas amantes dos deportes de natureza e aventura. Así, daranse cita persoas, grupos de amigas e amigos ou familias de calquera idade que deberán realizar no menor tempo posible e contra reloxo, un percorrido marcado no terreo por puntos de control, coa única axuda dun mapa. Nesta primeira actividade os e as participantes percorrerán o monte Aloia, que se atopa no concello de Tui e está declarado parque natural. Este espazo conta con seis miradoiros, o que permite descubrir extraordinarias vistas sobre o río Miño, e está cheo de restos prehistóricos e romanos. A súa historia, ademais, inclúe distintas lendas, o que o converte nun marco inigualable para desfrutar desta experiencia.

A proba arranca en Casas Novas-Tui, a onde deberán desprazarse as e os participantes pola súa conta e onde recibirán información sobre o funcionamento do programa e os mapas e o material necesario. A actividade poderase realizar de forma individual ou por equipos e é posible participar nunha das tres categorías existentes con diferentes nivel de dificultade: Xestiñas (para nenas e nenos acompañados dunha persoa adulta e duns 2 km de distancia), Xestas (para nenas e nenos maiores ou persoas adultas e poderase participar de xeito individual ou en grupo, cun percorrido duns 3 km de distancia) e Xesteiras (para nenas, nenos ou persoas adultas con coñecementos de orientación; poderase participar de xeito individual ou en grupo e cuns 4 km de distancia).

Apertura “Depo Orienta” polo Monte Vixiador

O vindeiro luns, 17 de xullo, ás 10.00 horas, abriranse as inscricións para a segunda das rutas de “Depo Orienta”, que se desenvolverá polo Monte Vixiador, en Redondela, o 17 de setembro.  As inscricións son gratuítas, ata chegar ao límite de 200 participantes, e as persoas interesadas deben cubrir o formulario que se atopa na web provincial (www.depo.es) antes do luns anterior á realización da actividade, é dicir, o 11 de setembro. Para a seguinte ruta, que será o 15 de outubro na Illa de Arousa, as inscricións comezan o 18 de setembro.

O Rosal prepara novas visitas guiadas de balde este verán

0

O Rosal prepárase para un verán de turismo e lecer para gozar da natureza e da historia coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. O Concello xa ten en marcha de novo este ano visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón e ao Museo do Cabaqueiro, rutas de balde e abertas a todos os públicos que se celebrarán todos os xoves dos meses de xullo e agosto.

“Queremos brindar á veciñanza e ás persoas visitantes a oportunidade de mergullarse na rica historia do Rosal, descubrindo os segredos dos nosos muíños tradicionais e explorando as marabillas culturais que alberga o noso museo. Estamos comprometidos e comprometidas coa preservación e difusión do noso patrimonio e estas visitas guiadas son unha excelente maneira de acadalo”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

As visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro, situado na planta baixa da Cámara Agraria, na rúa Ramón Franco, 2, será os xoves de 11.00 a 13.00 horas. Pola súa banda, as rutas polo Folón e o Picón será en quenda de tarde (19.00 h) coa área de recepción dos muíños como punto de partida. Neste caso recoméndase a todas as persoas participantes que acudan con calzado cómodo e apropiado.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a [email protected] ou chamando aos teléfonos 986 62 50 00 ou 682 19 48 72.

Arranca a cuarta quenda dos campamentos de Depo Aventura na Lanzada

Os campamentos de Depo Aventura A Lanzada reunirán na súa cuarta quenda a partir deste domingo 16 de xullo a 140 nenos dun total de 35 concellos da provincia. Ao longo de seis días desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas para o seu enriquecemento persoal e tamén de coñecemento de lugares fóra da contorna habitual. Neste verán e ata o 9 de setembro, serán en total 1.540 menores de 58 concellos da provincia os que participen nas once quendas en que se dividen os campamentos.

Nesta cuarta quenda de Depo Aventura, as 70 nenas e 70 nenos (todas e todos elas/eles nadas/os entre os anos 2010 e 2015) proceden de Vigo (27); Pontevedra (15); Vilagarcía (11); A Estrada (9); Lalín (6); Redondela (6); Barro (5); Silleda (5); Catoira (5); Ponteareas (5); Cangas (4); Caldas de Reis (4); Salvaterra (3); Mondariz Balneario (3); A Guarda (2); Baiona (2); Sanxenxo (2); Portas (2); Poio (2); Gondomar (2); Cambados (2); Moaña (2); As Neves (2); O Rosal (2); Vilanova (2);  Vilaboa (2); Salceda de Caselas (1); Cerdedo-Cotobade (1); Arbo (1); Tui (1); Meis (1); O Porriño (1); Rodeiro (1); Soutomaior (1) e Tomiño (1).

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación ofrécelles ás nenas e nenos do campamento un programa de actividades destinado a favorecer a igualdade de xénero, a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza e a dinamización e coñecemento multicultural da contorna. Amais, a cativada realizará un obradoiro para elixir a mascota oficial deste programa provincial e, entre as moitas iniciativas programadas no marco de Depo Aventura 2023, visitarán a Illa de Ons e realizarán unha segunda excursión relacionada coa natureza e o coidado do medio ambiente.

O Castro British School proclámase “o colexio máis verde de Mos” tras realizar unha macro instalación de paneis solares

0

A semana pasada en O Castro British International School, e como parte da colaboración de Globeducates con Endesa X, completouse a instalación de 94 paneis solares fotovoltaicos. Este proxecto contou coa participación de toda a comunidade escolar, incluídos os alumnos, que foron o centro da proposta e tamén dos beneficios potenciais.

A instalación completada permitirá a O Castro e ás demais escolas Globeducate de España traballar para conseguir a autosuficiencia enerxética, cubrindo o 30% das necesidades enerxéticas e reducindo a súa pegada ambiental.

A iniciativa tamén axudará á escola no seu camiño cara á sustentabilidade e a alcanzar as súas metas para abordar algúns dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU para 2030.

Este proxecto educativo vai desde as aulas ata a azotea. Os alumnos participaron neste proxecto en todas as súas fases, desde o seu deseño ata a súa aplicación e a medición do seu impacto.

Esta iniciativa non só reducirá o consumo tradicional de enerxía, diminuíndo o impacto ambiental, senón que concienciará á comunidade educativa da importancia de adoptar medidas que xeren un impacto real na protección do medio ambiente, tanto a nivel local como global, á vez que abre unha nova vía educativa ao implicar aos alumnos na instalación dos paneis e no seguimento do impacto que o proxecto terá na súa contorna local.

A Xunta leva un “escape room” de dinamización lingüística a Ponteareas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na presentación do escape roomO circo do silencio“, unha actividade dirixida especialmente á mocidade que pasará por 10 concellos galegos dentro da programación do FalaRedes 2023, o programa de dinamización lingüística impulsado pola Xunta.

Na rolda de prensa, na que estivo acompañado por Érica Pereiro, representante da compañía Artefeito, entidade que programa o xogo, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recalcou que “a sala de fuxida ou scape room é un  formato moi de moda entre a infancia e a mocidade, polo que pensamos que resultará atractiva para estas idades e, dado que é, se non me equivoco, a primeira centrada nun tema de lingua, axudará a xente nova a reflexionar sobre o uso, o presente e o futuro do galego”.

Concellos participantes

O circo do silencio é un escape room ou sala de fuxida ambientada nunha carpa circense instalada na rúa. Está pensada para catro xogadores por quenda, que terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completaren a misión final.

A actividade parte da historia dun circo máxico que perdeu todas as palabras que lle permitían falar cos animais e crear espectáculos incribles. Os participantes interpretarán un grupo de detectives contratados para investigaren este roubo. Así, terán que atopar pistas, resolver enigmas, descifrar códigos e xogar coa lingua para recuperar as palabras e devolverllas ao circo.

A primeira xornada será o vindeiro xoves 20 de xullo na Praza do Concello de Xinzo de Limia, onde se poderá participar cada 45 minutos entre as 11,00 e as 21,00 horas. O mesmo funcionamento seguirá nos restantes 9 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística polos que pasará: Ponteareas (Praza Maior) o 21 de xullo, Foz (Paseo Marítimo) o 25 de xullo, A Estrada (Alameda) o 26 de xullo, Oleiros (Praza Ester Pita en Santa Cruz) o 28 de xullo, Arzúa (Praza de Galiza) o 30 de xullo, O Grove (Praza do Corgo) o 31 de xullo, Ordes (Alameda) o 3 de agosto, Caldas de Reis (Carballeira Caldas de Reis) o 4 de agosto e Verín (Alameda) o 15 de agosto.

A información completa pode consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

Nigrán fai unha achega de 10.000 euros ao proxecto ‘Nadafa’

0

O Concello de Nigrán mantén a súa aposta pola cooperación internacional achegando este ano 10.000 € ao proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis en Arxelia, concretamente na wilaya de Bojador con 16.500 habitantes. Asi o confirmou esta semana o alcalde, Juan González, ante Mohamed Mehdi, delegado da República Árabe Saharaui Democrática en Galicia; Ahmed Daula,  responsable de cooperación internacional da Unión Nacional da Mocidade Saharaui; e Maite Isla, presidenta de SOGAPS, nun encontro coa Mancomunidade do Val Miñor no Concello de Nigrán, polo que tamén asistíu Policarpo Vilar, teniente de alcalde en Baiona. Estes cartos súmanse os 25.000 € que doara directamente o Fondo Galego e 25.000 € a Mancomunidade tamén  para axuda alimentaria de emerxencia despois de que o rexedor nigranés, presidente tamén do Fondo, visitase xunto ao seu homólogo de Gondomar os campamentos en febreiro de 2022 e apreciasen in-situ estas necesidades.

“Nesta comarca temos un compromiso firme cos saharauis que se amosa cada ano no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e á financiación dos concellos, trae a menores saharauis no verán”, explica González facendo tamén referencia aos 12 pequenos que chegarán o 17 de xullo ao Miñor. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou o ano pasado no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.

“Nadafa é un proxecto que repercute directamente na saúde dos saharauis e mellora as duras condicións de vida nos campamentos”, sinalou Daula, quen incidíu en que grazas a estes cartos por vez primeira na Historia dos campamentos existe un programa de sensibilización ambiental a cargo dunha ducia de persoas, repartindo folletos informativos entre as familias e cubos de recollida, ademais de construír puntos específicos para o depósito de lixo e ter contratadas a 20 mulleres e 2 condutores. Neste sentido, Daula, incidíu na importancia dun novo proxecto de recollida selectiva e reciclaxe de plásticos que o Fondo Galego vai a financiar, implicando neste traballo directamente á mocidade.

‘Nadafa’ significa “limpeza” en árabe e actúa en dúas vertentes. Dunha banda, mellorou o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa. Por outra parte, intensifica as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 nenos e nenas das escolas, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna. O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, xunto ao de Gondomar, tiveron a oportunidade de comprobar in situ como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos.

Liga Galega de traíñas en Cesantes

0

Segunda fin de semana na que a Liga Galega de Traíñas competirán no concello de Redondela, na praia de Cesantes.

Esta vez terá lugar unha dobre xornada tanto o sábado coma o domingo, no campo de regatas do C.C.D Cesantes-Rodavigo e por primeira vez e coincidindo coa celebración do 40 aniversario do club, contado con equipo femenino na dita liga.

O sábado 15, ás 17:00 horas, I BANDEIRA FEMININA CESANTES. CONCELLO DE REDONDELA. Aquí as rapazas do club mediranse no campo de regatas con CR Chapela-Wofco, Mugardos, Rianxo, CR Puebla, CR Salgado-Perillo e CM Castropol.

O domingo 16, ás 17:00 horas, VII BANDEIRA CESANTES. CONCELLO DE REDONDELA. Competindo coas traíñas de Ares, Bueu e Tirán, CR de Chapela-WofCo, CM Castropol, CR Cabo da Cruz, CR Rianxo, CR Narón, CR Mecos, CR Puebla e SD Samertolameu.

Dúas xornadas especialmente importantes para o club redondelán, xa que este ano conmemoran o 40 aniversario da fundación deste e, por primeira vez na historia do club, contan con dúas embarcacións na Liga galega: LIGA A e LIGA F.

Baiona abre o prazo de inscrición para participar nas Festas da Anunciada 2023

0

Existe unha festa referente do verán de Baiona e esa cita ineludible é a celebración da festa en honra á Virxe da Anunciada, que se celebrarán o  4, 5, 6 e 7 de agosto. O Concello de Baiona iniciou os preparativos para celebrar unha das festas máis esperadas na Vila. Por este motivo a Concellería de Festexos e Cultura informa de que a partir deste luns, 7 de xullo, e  ata o 3 de agosto estará aberto o período de inscricións para poder participar nos tradicionais xogos de cucañas marítimas e na comparsa de Xigantes e Cabezudos, enmarcados dentro do programa Baiverán 2023.

As cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada. Este ano o domingo coincide en día 6 de agosto, e  o porto pesqueiro acollerá estas tradicionais actividades baionesas a partir das 17:00h. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os maiores de 12 anos con autorización. Establécense dous premios: Bandeira normal (10 euros) e Bandeira especial (20 euros).

Por outra banda, tamén percorrerán nestes días festivos ás rúas da Vila  a comparsa de Xigantes e Cabezudos. Abrirase tamén o día 17 de xullo o prazo para inscribirse nesta, tamén tradicional, comparsa baionesa que desfilará polas rúas do Centro histórico o sábado 5 e domingo 6 de agosto. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos.

A comparsa de Xigantes e Cabezudos estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, “Popeye”, Demo, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e o Pall aso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes (Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécese dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).

As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello ou a través da sede electrónica na páxina web www.baiona.gal, para calquera dúbida ou consulta  poderán dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Baiona, situado na segunda planta da casa do concello ou chamar ao 986385921.

Bases e documentación dispoñible na páxina web municipal www.baiona.gal.

Areeiro aconsella continuar aplicando tratamento contra o cicadelido vector da flavescencia dourada

A Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra advirte da necesidade de continuar aplicando tratamentos na zona sur da provincia para reducir a poboación de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada dado o número de adultos recollidos nas trampas. Tamén recomenda manter a vixilancia de mildio, oídio e black rot nas viñas e no caso da botrite prestar atención á aparición do patóxeno. No que respecta a outras especies, aconsella tratar fronte a bolboreta do buxo e controlar a mosca da casca verde da noz. Amais, anuncia as primeiras capturas de machos de procesionaria do piñeiro nas trampas.

No que respecta ao mildio, Areeiro asegura que os rexistros climatolóxicos dos últimos días cumpriron as condicións para a esporulación aínda que non se ten atopado síntoma novos nos acios. Sen embargo, o centro dependente da Deputación recomenda vixiar e renovar os tratamentos no caso de que proliferen síntomas e/ou as precipitacións sexan abundantes. Tamén hai que manter a vixilancia e renovar as aplicacións de tratamento contra o oídio, cuxos síntomas aínda poden seguir aparecendo ata o pintado. E, trala detección do primeiro síntoma de botrite nunha variedade temperá sensible, prestar moita atención á aparición deste patóxeno, sobre todo baixo condicións de elevada humidade relativa e/ou choivas.

Pola súa banda, as capturas de avelaíñas da uva seguen a ser baixas, pero Areeiro advirte que se ten observado xa a primeira penetración dunha eiruga nas parecelas de seguimento do centro. Ao respecto, anima a manter a vixilancia e facer seguimento ás trampas.

Nogueira, buxo e piñeiro

En canto á nogueira, a Estación Fitopatolóxica da Deputación advirte de que a mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa) está a comezar o seu voo, e recorda que as larvas desta especie destrúen a casca verde do froito, que podrece, seca e fai diminuír a calidade das noces. A recollida de froitos do chan e o uso de trampas de feromona son as medidas adecuadas para evitar que as larvas se enterren para pupar.

Por outra banda, nas sebes que non recibiron tratamentos observáronse danos aparentes das eirugas da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis). Areeiro recomenda aplicar tratamento, especialmente en tempo cálido, cando se detecten os síntomas debido á rápida defoliación que provocan.

Amais, o centro dependente da Deputación ten capturado esta semana os primeiros machos de procesionaria do piñeiro.

O Concello esixe a reapertura inmediata do consultorio médico de Goián

0

O Concello de Tomiño esixe a reapertura inmediata do consultorio médico de Goián, pechado dende o inicio da pandemia. O Goberno municipal ten alugado dende abril un novo local que cumpre as necesidades técnicas solicitadas por Sanidade e investiu máis de 18.000 euros nas obras de acondicionamento e aluguer do espazo tras o compromiso amosado pola Xunta de Galicia a finais do ano pasado. Non obstante, dende entón o goberno autonómico non volveu pronunciarse nin dar ningún novo paso para garantir a pronta reapertura do consultorio.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, resalta a urxencia de reabrir este centro sanitario, xa que non só é unha demanda reiterada do Goberno municipal a Xunta e Sergas dende hai tempo, senón que tamén é unha necesidade fundamental para a veciñanza.

A finais de 2022, nunha reunión co xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, a rexedora acadou o compromiso por parte da Xunta para devolver o médico a Goián. A partir dese momento, o Goberno municipal comezou a buscar un local que cumprira coas condicións técnicas para o seu uso como consultorio sanitario.

Dende o 1 de abril o Concello paga o alugueiro e realizou as obras de acondicionamento para contar nese espazo con áreas para o persoal médico e de enfermería, unha sala polivalente de técnicas e extraccións, unha sala de atención á ou ao paciente respiratorio, urxencias e persoal de administración. En total investiu máis de 6.500 euros no arranxo do exterior, case 4.000 na pintura ou outros 4.000 en reparacións de electricidade, fontanería e calefacción, aos que hai que sumarlles o cambio de persianas, a limpeza e o pago o seguro, do lixo, da luz, da auga, do saneamento e do propio alugueiro.

Sandra González esixe a reapertura inmediata do consultorio de Goián, xa que se trata “dun servizo esencial para aliviar parte dos problemas sanitarios que sufre o municipio e para reverter unha medida que se tomou de xeito excepcional durante a pandemia para evitar contaxios pero que Xunta e Sergas converteron en permanente”.

A alcaldesa apunta ademais a necesidade de volver abrir o consultorio á maior brevidade dada a complicada situación sanitaria no municipio, que se ve agravada durante o verán ao non levarse a cabo a substitución do persoal médico e administrativo do centro de saúde na tempada estival.

O Concello de Mos coordina un evento de dinamización do comercio local

0

Comezaron os preparativos dunha nova iniciativa do Concello de Mos para visibilizar o pequeno comercio mosense. Unha exposición para mercar e coñecer aos comerciantes locais, que poderán expor os seus produtos, promocións, oportunidades e novidades.

O proxecto busca un encontro multisectorial do comercio con razón social en Mos, onde a cidadanía e visitantes da contorna poderán realizar compras e desfrutar dunha experiencia que fortalecerá a economía local do municipio.

A especialidade de marketing do Obradoiro Municipal de Emprego adicará os meses de verán a promover o comercio e a hostalería local, e en especial aos novos emprendedores.

As actividades de promoción culminarán coa organización dun evento no Multiusos das Pozas, o domingo día 17 de setembro.

A configuración física do Concello de Mos fai que a actividade comercial e hostaleira estea dispersa, o que dificulta a definición de áreas comerciais consolidades e recoñecibles, polo que os cidadáns acaban facendo moitas das súas compras noutros municipios.

Para mudalo, o Concello de Mos ven impulsando varias iniciativas para dar a coñecer a oferta comercial e hoteleira do seu territorio. Entre outras a través da posta en funcionamento e dinamización do espacio web “QUEDA EN MOS”.

Agora, o Concello de Mos desexa ir un paso mais alá, e organizar o domingo día 17 de setembro un evento específico no Multiusos das Pozas, para dar a coñecer a actividade comercial e hostaleira do territorio. No evento participarán activamente 23 establecementos comerciais e hostaleiros de Mos, que desenvolverán unha actividade real, ofrecendo os seus produtos para a venta e para o consumo.

Dito evento, de utilidade pública e interese social, estará organizado polos alumnos traballadores do obradoiro dual de emprego QUEDA EN MOS da especialidade de marketing, e serviralles como práctica profesional vinculada á formación recibida.

Os propios alumnos tamén dinamizarán a páxina web, e darán apoio específico a aqueles novos emprendedores que participen no evento e que ademais desexen mellorar sua imaxe de marca, os seus soportes promocionais ou a súa penetración en redes sociais.

As empresas interesadas en colaborar en el evento poderán inscribirse na páxina web QUEDA EN MOS (http://www.quedaenmos.es), onde xa  están publicadas as bases de participación no evento  e un formulario de contacto para as empresas que teñan algúnha dúbida sobre o mesmo . Ou tamén obterán información chamando ao teléfono 986487786

Dende hoxe, xa están publicadas as bases de participación na páxina web https://quedaenmos.es/ onde empresarios e empresarias do pequeno comercio poderán comprobar os requisitos de participación da mostra feiral que se celebrará o vindeiro 17 de setembro no Multiusos das Pozas de 10:00h da mañá as 21:00h. O prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de xullo.

O formato está deseñado para aglutinar ao comercio e a hostalaría no marco dunha atmosfera de ocio, entretemento e diversión, xa que se están programando actividades musicais, infantís e artísticas. 

Emprendedores e emprendedoras, comercios e profesionais da artesanía que só teñan presenza online e que estean afincados en Mos tamén son chamados a participar nesta primeira edición do evento que se estrea co nome Queda en Mos.

Con esta proposta preténdese facilitar o encontro entre comerciantes para xerar accións en común e reinventar unha nova forma de construír as relacións comerciais no territorio mosense.

Dende o Concello de Mos, se anima a todos e todas que dirixan pequenos negocios a participar desta nova iniciativa.

A reapertura da rúa Vidales Tomé mellorará a mobilidade en Ponteareas

O Concello de Ponteareas reabriu ao tráfico a rúa Vidales Tomé, pola que dende a tarde de onte xoves pasou a circularse en sentido único cara á rúa Morales Hidalgo, permitindo un fluxo conxunto e seguro para peóns e vehículos. A rúa terá a velocidade limitada a un máximo de 10 km/h e prégase a todas e todos os condutores que circulen pola zona que extremen as precaucións e respecten as normas, xa que se trata dunha rúa situada nun espazo peonil transitado pola veciñanza.

O tráfico pecharase os festivos e as fins de semana dende o sábado ás 07:00 horas ata o domingo ás 23:59 horas.

A rúa Vidales Tomé conta cunha parada de taxis situada diante do Centro Artístico Sportivo, con dúas prazas de mobilidade reducida ao seu carón. Por outra banda, ao outro lado da Praza de Bugallal, na rúa Morales Hidalgo, habilitaranse outras tres prazas de mobilidade reducida así como sete prazas de parada limitada a 15 minutos co obxectivo de permitir ás e aos ponteareáns realizar xestións e recados nas inmediacións de xeito cómodo e sen causar conxestión na zona.

Mapa da reapertura da rúa Vidales Tomé

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, resaltou a importancia desta medida para a vida da vila, xa que “mellora significativamente a mobilidade de Ponteareas. Esta rúa é unha arteria fundamental e un enlace esencial do núcleo urbano ponteareán, polo que a súa reapertura facilitará a vida cotiá dos nosos veciños e veciñas”.

É importante salientar que o tráfico rodado continuará pechado nas demais rúas da contorna, agás para vehículos autorizados (residentes, persoas con mobilidade reducida, emerxencias, carga/descarga e taxis), así como nas rúas Oriente, Esperanza ou no lateral da Praza de Bugallal en dirección a Amado Garra.

Baiona celebra unha xunta local de seguridade con motivo da organización da tempada estival

0

O Concello de Baiona acolleu a xunta local de seguridade co motivo da organización da tempada estival 2023.  A reunión foi presidida pola subdelega do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña. Tamén participaron Simón Benzal, xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra; Rafael Antonio Pereira López, capitán da Garda Civil Xefe da Compañía de Vigo; o tenente-comandante do posto principal da Garda Civil Baiona-Nigrán, Marcos Lago Vidal; o xefe da Policía Local de Baiona, Plácido Vieítez, e o secretario Municipal de Baiona.

Na xunta celebrada na sala de comisións do Concello de Baiona, os asistentes conversaron sobre as circunstancias que en materia de seguridade concorren en Baiona. Realizouse unha análise e avaliación dos riscos en diversos ámbitos, desde seguridade cidadá a seguridade viaria, a fin de planificar as actuacións a curto e medio prazo, tendo moi en conta a excepcionalidade da época estival no noso municipio.

Valoráronse así mesmo os datos de seguirdad cidadá, destacando Baiona polo seu baixo índice porcentual con respecto aos concellos da súa contorna e onde a tendecia 2023 é mellor que a de 2022.  Estas boas estatísticas son posibles grazas á implicación, estreito vínculo e cooperación entre a Policía Local, a Garda Civil e o Concello.

“Durante o encontro establecemos o protocolo de actuación e as accións para seguir polos efectivos da Policía Local e a Garda Civil con respecto a todos os eventos  previstos para este verán na vila como as Festas da Virxe do Carmen ou as Festas da Anunciada así como todos os eventos multitudinarios que acollerá Baiona nestes meses. Analizáronse e previñéronse distintos escenarios. Un plan de seguridade que se poñerá en marcha para garantir a seguridade dos veciños da vila así como das numerosas persoas visitantes que estarán na Vila durante estes meses”, sinala o alcalde da vila, Jesús Vázquez Almuíña.

Así mesmo, tamén se conversou acerca das últimas reunións mantidas entre o Concello e o empresariado do lecer nocturno baionés sobre o horario de peche dos establecementos e os ruídos.

O obradoiro creativo A Naturoteca visita Covelo este sábado

0

Dentro da programación “Verán Cultural” do Concello de Covelo a praza Mestre Cerviño acollerá este sábado día 15 o obradoiro creativo A Naturoteca.

Esta actividade, organizada pola biblioteca pública municipal, está dirixida para cativas e cativos de entre 4 e 12 anos de idade no marco do programa Ler Conta Moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A partir das 20 horas as nenas e nenos participantes aprenderán realizando murais e pinturas naturais nas que tamén traballarán a sensibilización a prol da igualdade.

Hoxe remata a primeira quenda do campamento de verán Igual É +

0

A primeira quenda do campamento de verán Igual É +, 2023 organizado polo Concello de Tui a través das concellerías de Deportes e Igualdade, remata hoxe venres día 14.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, compartiron onte uns minutos cos nenos interesándose polas actividades que realizaron estes días e entregándolles unhas camisetas de agasallo.

Durante estas dúas semanas os e as participantes realizaron actividades de auga, xogos populares e de equipo, xincanas polo centro de Tui, piscina, unha ruta polo Parque Natural do Monte Aloia ou kaiak no río Miño, entre outras.

O próximo luns 17 de xullo comezará a segunda quenda, que se prolongará até o 31 deste mes; a terceira será entre o 1 e o 14 de agosto; e a cuarta dende 16 até o 31 de agosto.

Lembrar que os participantes deberán levar roupa cómoda, unha mochila co seu nome, merenda, unha botella de auga, protección solar e gorra. O pavillón Gustavo Rodríguez é o punto de entrega e recollida dos nenos.

Os “Bosques terapéuticos” levan esta fin de semana aos seus participantes ao río Eifonso e á fervenza do Toxa

Esta fin de semana o programa “Bosques terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra promove actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku (baño de bosque), chega á parroquia viguesa de Bembrive e a Pazos, en Silleda. Con todas as prazas esgotadas, o sábado 15 terá lugar unha ruta polo río Eifonso mentres que o domingo 16 o percorrido será pola paraxe da fervenza do Toxa. En cada unha delas 15 persoas desfrutarán dunha actividade na que se mesturan exercicio, cultura, historia e saúde, internándose na natureza co fin de relaxar a mente e reducir o nivel de tensión.

A Senda do Eifonso discorre por Bembrive, parroquia de Vigo, paralela ao río do mesmo nome, que nace no Monte das Lagoas e que se abre camiño entre o val, pasando aos pés da Capela de San Cibrán. O seu descenso vertixinoso converte as súas correntes en belas fervenzas, como a de Bouzafría, e dá orixe a varios muíños de auga nas súas dúas ribeiras, recibindo as augas dos seus dous afluentes, Mao e Pontecela. Esta ruta foi integrada no 2016 no Parque Botánico Arco da Vella.

Por outra banda,  a ruta pola fervenza do Toxa, que transcorre pola parroquia de Pazos, en Silleda, amosa esta contorna de extraordinaria beleza na que vexetación, a rocha e a auga se funden para acadar unha obra mestra da natureza. Os 30 metros de caída do río Toxa esculpen a rocha de mil xeitos, un salto de auga que se completa cun denso bosque de carballos, castiñeiros, sobreiras e decenas de especies máis.

As dúas rutas, que comezarán ás 10.00 e durarán aproximadamente unha hora, parten dunha premisa fundamental: a conexión coa natureza. Ao longo deste mes de xullo realizaranse tamén camiñadas pola Illa de Tambo, a ruta da Pedra e da Auga, a ponte colgante do Lérez e outra máis pola fervenza do Toxa, se ben as prazas están xa todas esgotadas.

Apertura prazo de inscrición para os Bosques Terapéuticos de agosto

Quen queira desfrutar das saídas dos “Bosques Terapéuticos” aínda poderá facelo nas rutas previstas para o mes de agosto, para as que a inscrición abrirá este luns, 17 de xullo, a través do formulario recollido en www.depo.gal. Nese mes terán lugar os últimos percorridos da edición deste ano, que comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

Chega a XLII Festa do Churrasco

0

Nove locais de hostalaría servirán churrasco de Covelo a prezo reducido o vindeiro día 25 de xullo, día de Santiago, patrón do Concello de Covelo. O Concello pechou hoxe o prazo de inscrición para os locais de hostalería colaboradores coa XLII edición da afamada festa do churrasco.

Un ano máis, poderase degustar as carnes do Suído e a costela de porco nos bares e restaurantes colaboradores da festa do churrasco ao mesmo prezo que no Campo da Feira, onde se celebra a tradicional festa gastronómica.

Os locais onde poderemos gozar dunha boa tallada son o bar Sebastián en Barcia de Mera; tapería O Buraco de Covelo;  o Lugar dos Devas en Cernadela, Godóns; o restaurante da casa cultural da Graña; o bar La Graña; o bar Lemos na Hermida; o bar Cuartel na Lamosa e os bares Río Tea e Plaza en Maceira.

As empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da XLII edición da Festa do Churrasco de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día, aplicado só para os produtos entregados polo Concello a cada establecemento. Cada local adherido recibirá 21 kg de carne de porco, 21 kg de carne de tenreira e 7’5 kg de chourizo criollo.

“Tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do concello abrimos sempre unha vía de colaboración non só para dar un servizo axeitado e responder á demanda de todo tipo de visitantes e participantes tamén para promocionar os locais de hostalaría e empresas locais colaboradoras ás que lle facilitamos de xeito gratuíto a carne do churrasco”, explica o alcalde Pablo Castillo.

Pola súa banda, os establecementos participantes comprométense a ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante a Festa do Churrasco e quendas de comidas, así como de recollida da comida para levar. Así mesmo, deberán informar ó público do horario no que darán o servizo nun lugar ben visible en cada un dos establecementos.

Dende os anos 80 ata hoxe

A Festa do Churrasco do Concello de Covelo constitúe un evento gastronómico que se remonta a mediados dos anos oitenta e que acompaña a súa grande tradición gandeira con máis de 2.000 reses de raza rubia galega alimentadas nos pastos locais e produtos derivados do porco curado na montaña. 

Programación especial festas patronais e do churrasco

 O 21 de xullo a partir das 23:30 horas a discoteca móbil instalarase na praza Mestre Cerviño para celebrar a Festa da Xuventude. Tralo éxito do ano pasado, o Concello repite aposta e convida a toda a mocidade da comarca e da área metropolitana a compartir estes días festivos.

O 23 de xullo organízanse varias quendas para poder participar na visita guiada ao Serradoiro dos Carranos, en Maceira, da man do guía de montaña Julio Eiroa. O 24 de xullo chegan as verbenas coa orquestra Ritmo Joven a partir das 23:30 horas. O 25 de xullo, día de Santiago, celébranse as festas patronais coa XLII edición da afamada festa do churrasco coas actuacións de Pelepau e Milladoiro.

O Concello de Covelo irá colgando máis detalles de cada unha das actividades na súa páxina web concellocovelo.es.

Baiona celebra a festividade de Santa Liberata

0

O día grande das celebracións é o próximo xoves, 20 de xullo, día en que se honra a Santa Liberata.

O luns, 17 de xullo, iniciarase a novena na Capela de Santa Liberata, media hora antes da misa das tardes a excepción de sábados y domingos, días nos que se celebrará a misa na Igrexa Parroquial.

O propio día da Ilustre Paisana de Baiona, 20 de xullo, ás 11:00 horas celebrarase unha primeira misa na Capela de Santa Liberata.

Pola tarde, ás 20:00 horas celebrarase a misa solemne na Colexiata Santa María de Baiona cantada polo coro parroquial. Acto seguido terá lugar a procesión acompañada polo grupo de gaitas “A Seneira” e a Banda de Música de Baiona.

Unha vez finalizada a procesión os baioneses, baionesas e visitantes poderán venerar a reliquia da Santa.

Esta fin de semana terá lugar a segunda ruta de Depo Auga

O programa provincial Depo Auga, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, chega esta fin de semana ao concello de Vilaboa, onde se desenvolverá os días 15 e 16 de xullo na desembocadura do río Verdugo e as Salinas do Ulló.

A actividade consistirá nun roteiro circular de aproximadamente 5 quilómetros no que se poderá gozar de distintas paisaxes entre a desembocadura do río Verdugo e as salinas do Ulló (Vilaboa) e navegar dentro do espazo natural protexido Rede Natura 2000. A actividade comezará na praia do peirao de Arcade, desde a que as persoas participantes visitarán lugares deste espazo natural como as illas Alvedosas e as salinas do Ulló. A ruta seguirá cara a ponte medieval de dez arcos que dá nome á parroquia de Ponte Sampaio e bordeará a Illa de Medal, á que se accede a través dunha pequena ponte levadiza. A actividade finalizará na mesma praia na que comezou. En cada unha das xornadas participarán 16 persoas.

Despois desta saída, a terceira e última sesión do programa terá lugar en Cesantes e a Illa de San Simón, en Redondela, os días 29 e 30 de xullo e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 17 de xullo a través do formulario que se abrirá na web da Deputación. En cada unha das actividades haberá dispoñibles 32 prazas, 16 para cada día, e poderán participar persoas maiores de 18 anos ou menores de idade (mínimo de 16 anos) con autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández volve ás rúas de Tomiño e Cerveira

0

O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández volve ás rúas de Cerveira e Tomiño. Organizado pola Eurocidade coa colaboración da  Fundação Bienal de Arte de Cerveira, o vindeiro 20 de agosto celébrase a décimo primeira edición deste certame que busca achegar ás e aos amantes da pintura á contorna para que recollan in situ calquera paixase do percorrido establecido no mapa.

As persoas interesadas poderán inscribirse de forma gratuíta ata o 18 de agosto a través da páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A inscrición será por rigorosa orde de rexistro e unicamente en liña, non se permitirán inscricións presenciais no propio día do certame. As persoas participantes deberán presentarse o día do certame entre as 09.30 e as 11.30 h (08.30 e 10.30 h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández de Goián para que a organización sele e numere o soporte que se empregará para a elaboración do cadro.

As obras rematadas serán presentadas, sen asinar e co título no reverso, xunto co cabalete, para a súa exposición na Praza Pintor Antonio Fernánez entre as 17.00 e as 18.00 horas para a súa cualificación por parte do xurado, composto por personalidades vinculadas ao mundo das artes. O fallo emitirase ás 18.30 horas. En total repartiranse máis de 2.600 euros en premios nas tres categorías participantes: infantil, ata 12 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e persoas adultas. Os premios son outorgados polo Concello de Tomiño, a Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e a Comunidade de Montes de Goián.

As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.

O Porriño aproba un orzamento tinguido de acción social e estabilidade económica

O pleno do Concello do Porriño aprobou esta mañá, co voto favorable do equipo de goberno, o Orzamento Municipal para o que resta de exercicio 2023 que ascende a 19 M de euros, o que supón un incremento do 36,23 % respecto ao anterior e o posiciona como máis ambicioso da historia do municipio.

Unhas contas pensadas para servir á veciñanza do Porriño, atender ás prioridades económicas e poder ofrecer unha xestión eficiente e ordenada no que respecta aos gastos e ingresos dentro dun marco de estabilidade orzamentaria. En definitiva, unhas contas que, tal e como explicou o rexedor, “están deseñadas para optimizar os recursos económicos dos que dispoñemos e atender ao verdadeiramente importante, as persoas e ás súas necesidades”.

Isto queda reflexado nas partidas reservadas polo executivo para atención social. Esta área é unha das máis reforzadas dotándoa de 2,2 M de euros, o que supón un incremento do 94%. Esta cantidade permitirá reforzar os servizos sociais dotándoos de máis persoal e medios para cumprir na prevención de axuda no coidado dos nosos maiores ou a atención e integración social das persoas menos favorecidas.

No tocante ao gasto en persoal, o orzamento recolle a dotación necesaria para facer frente ás retribucións do persoal ao servizo do Concello recollidas na Relación de Postos de Traballo que se aprobou no ano 2019 sen contar con crédito suficiente no orzamento, o que lastraba a contabilidade municipal ao ter que recurrir a modificacións de crédito para poder dar cobertura á mesma. Co fin de regularizar esta situación a partida dirixida a persoal increméntase nun 33,95%, aumentándoa en 1,6 M de euros.

Como xa dixemos a nova folla de ruta económica pretende ofrecer seguridade e estabilidade á xestión neste exercicio, polo que se centra tamén na dotación necesaria para poder atender os compromisos adquiridos cos provedores que teñen contratos en vigor formalizados co concello, así como en permitir pechar novos contratos que permitan prestar servizos de maneira regulada e legal, logo de moitos anos cunha situación de ausencia de licitacións total e absoluta, especialmente grave nos casos dos servizos obrigatorios con maior custe económico para o Concello, como son a recollida de lixo, a limpeza viaria, o mantemento de xardíns e desbroces, a xestión da piscina municipal ou o servizo de axuda no fogar. Por iso o gasto corrente destinado a atender estes contratos representa un 57,54% do total do orzamento.

Resalta na folla de ruta económica a área de Cultura. “Trátase dun valor esencial e un recurso imprescindible do desenvolvemento intelectual”, apuntou Lorenzo, “Polo que seguiremos desenvolvendo unha programación atractiva e moi pendentes da xuventude e das súas necesidades”. A tal fin esta partida increméntase nun 18,38%. Tamén se reforza o eido da Educación cun aumento do 31,25%.

Inclúense tamén novas subvencións nominativas a asociacións do eido veciñal e social que ata o de agora non contaban con achega municipal directa, como é o caso de COGAMI, AFAGA ou OSÍLICE. Destacar neste punto que a maiores se dará cobertura a outras asociacións locais con modificacións orzamentarias que se levarán a pleno nas próximas semanas.

As comunidades de augas tamén se ven reforzadas neste orzamento, case duplican a súa dotación pasando de 95.000 euros a 175.000 euros.

En canto aos ingresos, tal e como relata o alcalde “a liña principal de traballo marcada por este Goberno á hora de elaborar este orzamento foi a de manter a carga impositiva municipal para este ano, o que supón un pequeno aforro para os petos dos porriñeses e porriñesas no momento tan convulso no que estamos a vivir. Por iso se traballa na bonificación de diferentes impostos como sa xe fixo co IBI, a pesar de contar coa porcentaxe mínima establecida, e como se está a facer co ICIO e o IAE”. Lorenzo explicou que a súa política fiscal “basearase na inspección, e sobre todo na depuración e actualización dos padróns de recadacións, xa que o bo comportamento dos ingresos é debido ao crecemento económico en relación á incorporación de máis usuarios á prestación dos servizos, así como á permanente depuración dos mesmos. En definitiva, unha boa xestión económica permitiranos non aumentar a presión fiscal sobre as familias”.

O alcalde, rematou destacando a importancia deste Orzamento de cara a poñer en marcha O Porriño e darlle a estabilidade económica que require para seguir crecendo e facendo cidade. “Este é se cabe o documento máis importante para o desenvolvemento e a prestación de servicios dun Concello e debe facerse de maneira realista e responsable. Pensando na xente e no seu futuro e deixando a un lado os intereses e a pugna política”, concluíu o rexedor, “Iso é o que pretendemos e iso é o que fixemos. Traballamos xa nas contas para o seguinte exercicio que darán continuidade ao noso proxecto e nos próximos días levaremos a pleno numerosas inversións como o pago de facturas ou proxectos de saneamento con cargo ao remanente, algo que nos permite o contar cunhas contas saneadas e estables”. Como xa adiantamos, o documento aprobouse inicialmente co único voto a favor do goberno municipal e o voto en contra dos dous grupos da oposición. Ambos presentaron enmendas as contas a proposta do executivo, propostas que foron desestimadas polo pleno. Neste sentido o portavoz do executivo, Carlos Martínez, agradeceu a aportación de ambos grupos e explicou que o goberno desestima estas propostas por ser “algunhas delas con cargo a partidas con crédito comprometido ou executado xa polo que é imposible facer uso do mesmo e outras por ser de ámbitos que non son competencia municipal, polo que levar a cabo o trámite necesario para abordalas imposibilitaría o acometelas no exercicio que contempla este orzamento” e adiantou que algunhas delas “non caen en saco roto para o equipo de goberno” que as terá en conta na redacción do Orzamento para o 2024 na que xa se está traballando.

Primeira visita institucional do delegado da Xunta nas Neves

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, vén de realizar a súa primeira visita institucional ao Concello das Neves no arranque dos contactos que está a establecer cos representantes dos 47 municipios da área territorial e ofreceu a “máxima colaboración e dispoñibilidade” do executivo galego coas súas necesidades tras manter unha xuntanza de traballo co alcalde, José Manuel Alfonso.

O representante autonómico, que se interesou polas primeiras semanas no cargo do rexedor e do novo goberno local, recolleu os temas e os proxectos de interese para o municipio vencellados á Xunta de Galicia ou aqueles nos que poida haber colaboración entre ambas administracións e que se centran, nesta primeira instancia, en materia de infraestruturas. Nos vindeiros días, dita documentación examinarase detidamente para facer as correspondentes xestións coas distintas consellerías.

Tras o encontro, Agustín Reguera, que recibíu o agradecemento do alcalde por aceptar con celeridade o convite para celebrar esta visita institucional, garantíu que o contacto co Concello das Neves será “periódico e constante no marco da política de cercanía da Xunta cos concellos e os cidadáns” e destacou o “compromiso” do goberno galego con este municipio da bisbarra do Condado.

A Guarda continúa coa programación de actividades do mes de xullo

0

O Concello da Guarda continúa coa Axenda de actividades programadas para o mes de xullo, entre as que destacan as festas, concertos, festivais, eventos de gastronomía, exposicións, visitas guiadas e moito máis para gozar da Guarda este verán.

Do 15 ao 16 de xullo teñen lugar no Porto da Guarda as Festas da Virxe do Carme. O sábado 15 de xullo haberá pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas do Club da Terceira Idade da Guarda e pola noite gran verbena co Grupo La Patrulla e a Orquestra Travesía. Na xornada do domingo 16 de xullo ás 11:30h realizarase a saída dende a Igrexa Parroquial ata o Porto, onde ás 12:00h terá lugar a Misa Solemne(coa Agrupación Musical da Guarda e o Coro Cantábile) e posterior ofrenda floral. Ás 19:00h tradicional regata de gameliñas organizada conxuntamente entre a Comisión de Festas e a Asociación Piueiro. Para rematar ás 20:00h Festival de Música con Algarabia Folk.

A programación de actividades continúa na xornada do sábado 22 de xullo coa XXVIII edición Encontro dos Pobos ás 20:30 h no Auditorio de San Benito. Organizado pola Asociación do Lusco ó Fusco, contará coas actuacións dos grupos Bychlewianca(Polonia), Parranda Chaboco(Tenerife) e Do Lusco ó Fusco(A Guarda).

O domingo día 23 de xullo realizarase no Auditorio de San Benito o Festival de Danza Attitude, organizado pola Escola de Danza Attitude.

Do 28 ao 30 de xullo terán lugar as Xornadas Gastronómicas do Peixe Espada organizadas por ORPAGU con actividades nos establecementos adheridos e nas rúas da vila.

O Sábado 29 de xullo celebrarase na Praza de Avelino Vicente a III Mostra Creativa do Baixo Miño en horario de 10:30 a 15:30 horas e de 18:30 a 22:00 horas. Unha actividade para continuar apostando polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión. Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos.

Nesta mesma xornada de sábado ás 20:30 h terá lugar no Auditorio de San Benito un Concerto de Malabares coa Banda de Música da Guarda, actividade enmarcada en “Cultura no Camiño”.

Ademais, dentro da programación de actividades deste mes de xullo tamén destacan as Exposicións, ata o día 14 estará na Casa dos Alonso a Exposición Os Nosos Mares de Carlos Ramos e do 18 de xullo ao 1 de agosto contarase coa Exposición “4 médicos pintores”, en horario de Luns a venres de  9:00 a 14:00 h.

Neste mes de xullo tamén se ofertan saídas de navegación pola Costa da Guarda no Volanteiro Piueiro, información e inscricións na Oficina de Turismo Municipal no 986 61 4546.

Tamén en xullo continúan as visitas guiadas ao Monte Santa Trega, de martes a domingo ás 12:00, 13:00, 18:00 e 19:00. Non é preciso inscrición previa, só acudir á hora indicada ata a antiga Casa Forestal.

Comeza o campamento de Arbo

0

Un total de 66 nenos de todo o municipio, e incluso de concellos limítrofes ou que están nesta época en vacacións, tiñan cita o luns día 3 de xullo no C.E.I.P Antonio Carpintero donde daba comezo o Campamento de Verán 2022, que se desenvolvera entre o 3 de xullo ata o 31 de agosto.

O Campamento Urbano que organiza o Concello de Arbo, pretende favorecer  a conciliación familiar é ofrecer actividades lúdicas educativas de lecer e tempo libre, favorecer o crecemento persoal e a socialización da poboación infantil e desenvolver actividades que fomenten o interese e coñecemento.

Este proxecto lúdico-pedagóxico que desenvolverá a empresa SIF Servizos Integrais de Formación con monitores titulados de Arbo, ten como obxectivo promover a lectura, a literatura infantil nosa lingua, á vez que se introducen ensinos, valores, emocións…e outros moitos aspectos enriquecedores para o desenvolvemento integral de nenas e nenos.

Entre as actividades programadas están visitas guiadas, deporte, piscina, actividades de consumo, actividades culturais, manualidades…sempre coa finalidade desenvolver a imaxinación e a creativadad dos participantes.

O alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, informa de que o campamento de verán, é necesario para poder levar a cabo a conciliación da vida familiar, laborar e persoal durante a tempada estival no que os centros educativos pechan por vacacións.

O rexedor segue informando que os nenos e nenas tamén precisan de programas de calidade onde se cubran todas a súa necesidade proporcionándolles actividades lúdicas que ao mesmo tempo lles permita aprender valores, educación, contornas estables, rutinas e hábitos e que ao mesmo tempo gocen.

O certame “Novos Valores” premia catro obras de artistas noveis

O xurado do certame de Artes Plásticas Novos Valores do Museo de Pontevedra elixiu esta semana as obras gañadoras da edición de 2023: son as obras ‘1851-1888 – 1900’ (técnicas pictóricas mixtas en impresión reactiva sobre twill de seda), de Sandra Barreiro Parquiña; ‘Estados intermedios Estados residuales’ (técnica mixta, acumulación, instalación, performance), de Antía Iglesias Fernández; ‘Canto custa unha imaxe?’ (videoensaio), de Andrés Sanjurjo García; ‘Percorrer, atravesar, andar’ (escultura feita con bidón metálico, colchas e alfombra), de Lucía Perdiz Dávila. Cada unha delas recibirá unha das catro bolsas de 7.500 euros para que amplíen os seus estudos artísticos.

As obras seleccionadas forman parte das 50 obras aceptadas no concurso, que inclúen pinturas, esculturas, instalacións, debuxos, deseños, gravado, fotografías, cerámicas, vídeo creacións e pezas de costura. Delas o xurado fixo unha primeira criba de 20 creacións finalistas, entre as que escolleu as catro gañadoras.

O xurado estivo formado por José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra, que exerceu como presidente; María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural e crítico de arte; Susana González Martínez, directora da colección de arte da Fundación María José Jove; Carmen Nogueira Alonso, artista e doutora en Belas Artes (Universidade de Vigo); e Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra.

Exposición ata o 24 de setembro

As 20 obras finalistas exhibiranse na exposición ‘Novos Valores 2023’, que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou hoxe xoves ás 12:00 h no claustro do Edificio Sarmiento, onde estarán expostas ata o 24 de setembro.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas, seguindo o labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis que se vén a realizar de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX.

Nova edición na Cañiza do programa “Verán de Lecer”

0

A Cañiza pon en marcha o “Verán de Lecer” preparado para este verán, cunha variada e completa programación pensada para todos os públicos e gustos dos veciños e visitantes.

Durante os tres meses estivais ofrecerase un completo calendario de actividades e campionatos deportivos no que terán cabida festas, actuacións musicais, karaokes, actividades para os máis pequenos, maxia, humor, circo cómico, teatro, exposicións, cine ao aire libre, andainas, festa dos maiores e campionatos e exhibicións deportivas de todo tipo.

Ademais, este ano contamos con dúas novas competicións de deporte urbano: a 1ª Pumptrack de A Cañiza- Copa Galicia que se celebrará este domingo 16 de xullo e o Campionato de BMX A Cañiza, na modalidade de street & bowl previsto para o 2 de setembro que se desenvolverán nas novas instalacións deportivas de skatepark e pumptrack da rúa Silleda.

E no marco desta programación as festas son as grandes protagonistas. Os días 14 e 15  de agosto celebrarase a 57 edición da Feira do Xamón, declarada de interese turístico de Galicia, e que este ano celebrará o VIII concurso nacional de cortadores de xamón. O cartel de verbenas contará coas actuacións o día 14 do grupo ALKAR e a orquestra SAUDADE e o día 15 do grupo LA NAVE e a orquestra GRAN PARADA. 

A programación das festas do xamón acollen o obradoiro do bocata de xamón, o domingo 13 de agosto, ás 18 h na rúa Oriente. O luns 14 o curso Máster Class de corte de xamón e cata de viños, ás 19 h tamén na rúa Oriente e o 15 de agosto a celebración da xornada gastronómica matinal, na Carballeira do Cacharado que comezará a partires das 11h.

As festas de agosto pechan o domingo 20 coa tradicional sardiñada popular e churrascada de vitela da Paradanta, tamén na Carballeira do Cacharado. Unha xornada que estará amenizada con charanga, música folk e na que os pequenos poderán disfrutar de inchables e festa da escuma a partires das 17 h.

A programación  do Verán de Lecer pecha o 24 de setembro  cunha ruta de BTT na especialidade de ciclismo de montaña que comezará as 9.30 horas, con saída dende a Casa do Concello.

Todas as actividades que se desenvolvan ao aire libre, trasladaranse á Casa de Cultura no caso de mal tempo.

Ademais, dende o Concello lembran que o ximnasio da Cañiza está aberto de luns a venres en horario de 08 a 14 h e de 15 a 22.30 h. A piscina de verán de «As Grades» permanecerá aberta todos os días en horario de 13.30 a 21.00 h e a praia fluvial de Luneda todo o día.

O Concello agradece tamén a todas as asociacións e clubes deportivos pola organización dos seus respectivos eventos que recollemos tamén nesta edición do verán cultural. Grazas polo voso esforzo e traballo.

Toda a programación de “Verán de lecer” está dispoñible na seguinte ligazón:

https://caniza.org/sites/default/files/media/document/Veran%20de%20Lecer%202023.pdf