O Rosal prepárase para un verán de turismo e lecer para gozar da natureza e da historia coñecendo un pouco máis o patrimonio cultural e etnográfico do municipio. O Concello xa ten en marcha de novo este ano visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón e ao Museo do Cabaqueiro, rutas de balde e abertas a todos os públicos que se celebrarán todos os xoves dos meses de xullo e agosto.
“Queremos brindar á veciñanza e ás persoas visitantes a oportunidade de mergullarse na rica historia do Rosal, descubrindo os segredos dos nosos muíños tradicionais e explorando as marabillas culturais que alberga o noso museo. Estamos comprometidos e comprometidas coa preservación e difusión do noso patrimonio e estas visitas guiadas son unha excelente maneira de acadalo”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
As visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro, situado na planta baixa da Cámara Agraria, na rúa Ramón Franco, 2, será os xoves de 11.00 a 13.00 horas. Pola súa banda, as rutas polo Folón e o Picón será en quenda de tarde (19.00 h) coa área de recepción dos muíños como punto de partida. Neste caso recoméndase a todas as persoas participantes que acudan con calzado cómodo e apropiado.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a visitasguiadas@orosal.gal ou chamando aos teléfonos 986 62 50 00 ou 682 19 48 72.