Os canóns de Monteferro veñen de retroceder no tempo 100 anos para lucir como na súa orixe. Esta milagre foi posible grazas ao investimento de 16.758 € por parte do Concello de Nigrán a través dunha liña de axudas da Deputación de Pontevedra destinada á restauración e sinalización de elementos patrimoniais de titularidade municipal dentro da provincia. Os traballos, adxudicados á cooperativa Árbore, supuxeron a limpeza, restauración e barnizado da Batería J3; e a limpeza do lavadoiro dos soldados e da Fonte da Mina incluíndo os accesos mediante roza (ambos elementos ficaban totalmente invisibles debido á maleza que os cubría). O resultado máis chamativo é que os canóns recuperaron o seu color militar tras décadas de abandono e vandalismo en forma de chamativas “pintadas” divulgadas en redes polos autores como “intervencións artísticas”. Igualmente, toda esta batería será sinalizada mediante paneis interpretativos.
“A península de Monteferro é un tesouro patrimonial infinito para Nigrán que, grazas á Comunidade de Montes, á quen pertence na súa maioría, estamos a por en valor no seu conxunto”, indica o alcalde, Juan González, en referencia tamén aos seus petróglifos (o Concello realizou sucesivos investimentos para sinalizar e por en valor estes gravados) e á propia contorna natural “cunha costa e unha masa arbórea espectacular”.
A batería J3 de Monteferro pertencía ao sistema defensivo costeiro das rías Baixas, onde tamén se atopaban a J1 de O Grove, J2 de Cabo Udra e J4 de Cabo Silleiro. Dentro do complexo J3 destacan os dous canóns Munaiz-Argüelles 150/45, que son os únicos que se conservan “in situ” de toda a provincia e que nun primeiro momento eran 3. Esta batería foi creada con caracter urxente unha vez iniciada a Guerra Civil, posto que o bando sublevado temía un ataque marítimo ás costas galegas por parte de potencias estranxeiras contrarias ao alzamento, sen embargo, xa na década dos anos 30 era anticuados (apenas tiñan un alcance de 13 quilómetros) pero, pola contra, si ofrecían unha sensación de “seguridade”. A pesares de todo, este complexo estivo en uso ata a década dos anos 60 como lugar de manobras e destino para a mili, sendo abandonado nos anos 80.
O lavadoiro, situado moi preto dos canóns, foi construído para que os soldados puideran lavar as súas roupas e como “ducha”, mentras que a mina ao seu carón habilitouse para surtir de auga doce á base. Nos dous elementos limpáronse os accesos mediante roza facéndoos agora visibles por vez primeira en décadas e, no caso da fonte, pechouse cunha rella de forxa para impedir o acceso ao resultar o interior moi inseguro.
O principal traballo en ambos canóns, de aceiro e de 6,7 m de envergadura e 6.300 kg de peso, foi decapar a superficie para eliminar o óxido existente, realizar unha limpeza xeral e un pintado e unha imprimación dunha capa de protección final anti-graffitis que impida adherir novas pinturas. Ademais, seláronse mellor os canos para evitar empozamentos de auga. “Os canóns non tiñan xa cor, así que consultamos ao Museo Militar de A Coruña e o seu conservador, José Manuel Candales, explicounos que non existe unha carta pantone ao respecto e que nestas pezas, pola súa situación costeira, se lles aplicaba unha gama de grises”, xustifican desde Árbore.