Mércores, 23 Xullo de 2025

Nigrán retoma os cursos de envellecemento activo

0

O Concello de Nigrán retomou esta semana os cursos de envellecemento activo despois das vacacións de verán. En total, participan 170 maiores do municipio (cifra récord) nas diferentes actividades ofrecidas no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa e, por vez primeira, tamén no Local Social de Vilameán (rehabilitado polo Concello o ano pasado). Neste curso que comezou en febreiro, aos habituais obradoiros de ‘Vivilo Corpo’ (30 prazas), Informática (40), e Memoria (60) engadíuse un máis para axilizar a memoria en Vilameán (núcleo urbano de Nigrán) con 40 prazas. Todos son para persoas maiores de 65 anos empadroadas na localidade e se desenvolven ata finais de ano co mencionado descanso estival.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basan estes obradoiros de envellecemento activo que ofrece o Concello de Nigrán.

O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Rafael Martínez renuncia como concelleiro en Ponteareas

Rafael Martínez vén de presentar a súa renuncia como edil delegado da área de Emprendemento do Concello de Ponteareas. Con data de onte, pon fin de maneira voluntaria á súa etapa no goberno de Nava Castro.

En palabras do xa ex concelleiro: “No día de hoxe presentei a miña renuncia como concelleiro de Emprendemento. Aínda que tiña a ilusión de poder facelo, a miña situación persoal e profesional actual non me permite ter a dedicación necesaria para impulsar debidamente o emprendemento na nosa vila. Foi unha experiencia curta, intensa e de aprendizaxe. Grazas a Nava e a todo o equipo polo trato e o respecto. Grazas tamén a todos os veciños e veciñas pola confianza e o cariño recibido.”

A alcaldesa de Ponteareas dedicoulle unhas cariñosas palabras de despedida: “grazas pola túa dedicación, aportación e traballo. Deséxoche os maiores éxitos tanto na túa vida profesional como persoal”.

Nava Castro anunciou que o posto que deixa baleiro Rafa Martínez será ocupado polo seguinte edil da lista, Cristian Montes, Técnico Superior en Actividades Físicas e Deportivas.

O herbario de Rosalía desembarca no Rosal

0

Rosalía de Castro chega ao Rosal co seu particular herbario. O Salón de Exposicións do Concello acolle a mostra ‘O Herbario de Rosalía’, unha mostra con 40 imaxes do herbario literario realizado polas profesoras da Universidade de Santiago de Compostela María López Sández e Isabel Fraga con fotografías de Miguel Fraga nunha homenaxe á obra rosaliana e á unión da literatura coa natureza.

Nesta mostra da Casa de Rosalía e da Deputación de Pontevedra amósanse imaxes de flores e plantas moi vencelladas á obra da autora máis destacada e universal da cultura galega, o herbario que as profesoras imaxinaron que podería ter feito Rosalía durante os seus paseos na natureza dos que tango gustaba e que inspiraron os seus versos.

A mostra está dividida en catro seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores e plantas e especies comestibles. Cada unha das seccións da exposición vai acompañada dun panel explicativo no que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía e un vídeo co recitado profesional dos versos de Rosalía e a proxección da totalidade dos 150 pregos dos que consta o herbario das autoras.

A mostra estará ata o vindeiro 1 de outubro no Rosal para achegar ao público a unha exposición que busca ser “unha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira”, como sinalan as autoras. A exposición xurdiu no marco dun proxecto de investigación da Universidade de Santiago de Compostela no que as investigadoras fixeron un baleirado completo da obra poética e en prosa de Rosalía de Castro para localizar a totalidade das plantas e flores mencionadas.

Tomiño móllase un ano máis polos ríos

0

Tomiño implícase un ano máis coa limpeza simultánea de ríos impulsada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao abeiro do Proxecto Ríos. Deste xeito, o Concello participará de novo na iniciativa ‘Móllate polos ríos’, unha xornada de retirada de lixo da beira do río, coa que se busca concienciar á sociedade sobre a necesidade de manter limpos de residuos os cursos fluviais, para garantir a súa saúde.

Este ano o Concello celebrará esta xornada de sensibilización e limpeza o vindeiro luns 25 de setembro, co obxectivo de abrir as portas á participación e implicación de todo o alumnado dos centros escolares tomiñeses. Nesta ocasión o lugar de encontro, para a veciñanza que se apunte como voluntaria, será a Praza do Seixo, diante da Casa do Concello, ás 10.00 horas.

A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, convida a toda a veciñanza e a grupos ou asociacións a que se unan a esta iniciativa que en edicións anteriores mobilizou a miles de voluntarios e voluntarias por toda Galiza que retiraron decenas de toneladas de residuos dos ríos e da súa contorna.

A actividade está aberta a todos os públicos. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse a través da páxina web do Concello, mentres que as asociacións ou centros educativos que desexen implicarse poderán facer a súa inscrición a través do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 62 20 01, extensión 6. En caso de que algún grupo estea interesado en participar nesta iniciativa noutra data, debe comunicalo ao Concello para facilitarlle o material necesario e organizar a xestión de todos os residuos recollidos.

Para participar nesta limpeza simultánea recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, gorra e protección solar en caso de que o tempo o demande e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.

Máis infohttps://proxectorios.org/projects/xv-limpeza-simultanea-de-rios-mollate-polos-rios/

Redondela organiza unha mesa redonda polo Día Mundial do Alzhéimer

0

Co gallo do Día Mundial do Alzhéimer o Concello de Redondela organiza este xoves día 21 de setembro unha mesa redonda onde diferentes expertos falarán desta enfermidade. Nesta cita, que se celebra no Multiúsos da Xunqueira, abordarase a prevención do Alzhéimer, o seu control, síntomas comúns, diagnóstico e tramento. Profesionais de diferentes áreas abordarán tanto os problemas de saúde físicos que supón o Alzhéimer como os psicolóxicos, e tamén os programas de rehabilitación que existen. A mesa redonda, que comezará ás 19.30 horas, está dirixida ao público en xeral e especialmente aos enfermos e as familias coidadoras.

Esta mesa estará moderada por Pilar Martínez, concelleira de Persoas Maiores e médica xubilada, e intervirá Carmen Tuche, médica de familia. Como convidados participarán todos os Centros de Día de Redondela (Arela, CAPM de Redondela, Os Cortizos, Galeón e Maiores Activos). O acto contará tamén coa participación de AFAGA Alzhéimer, entidade sen ánimo de lucro que realiza actividades para mellorar a calidade de vida dos enfermos de Alzheimer e outras demencias e os seus familiares, ademais de ofrecerlles información e asesoramento.

Actividades como a que organiza o Concello de Redondela serven “para dar visibilidade a unha doenza que é a forma máis frecuente de demencia e que afecta a máis de 50 millóns de persoas en todo o mundo, cifra que segundo a OMS vaise triplicar de cara ao 2050″, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora convida a toda a veciñanza a asistir a este acto de concienciación “para fomentar a importancia de colaborar na investigación do Alzhéimer” e fai especial fincapé nas familias de afectados “para que participen de xeito activo e acheguen a realidade desta enfermidade a todo o público”.

Baiona ofrece un taller de arte terapia para mulleres

0

O Concello de Baiona abre o prazo de inscrición para participar no taller de arte terapia” Ti creas, expresas, contas:Ti transformas”. Dirixido a mulleres co obxectivo de promover o desenvolvemento da creatividade e da capacidade de expresión desde un espazo de reflexión asi como fomentar a resiliencia.

A actividade é gratuíta e desenvolverase no multiusos de Sabaris no mes de outubro : o 10,17,19,24,26 e 31 en horario de mañá de 10:00 a 13:00 h.

O taller é coordinado e impartido pola artista Irene Silva, que xunto coas alumnas participantes elaborará unha mostra colectiva que visibilice a importancia da participación para alcanzar obxectivos sociais.

A arteterapia é unha disciplina pola que, usando materiais das artes plásticas, favorece o proceso de reflexión e desenvolvemento persoal a través do proceso creativo e de expresión artística. Realízanse actividades plásticas para conseguir relaxación, conciencia corporal, afrontamiento de o estrés e da ansiedade. Trabállase o autoconcepto, a autoimagen e autoestima, incrementando a motivación e a enerxía vital entre outras moitas cousas. En definitiva, conseguir un desenvolvemento persoal por medio da arte.

Aquelas mulleres interesadas en participar na actividade deben inscribirse no centro municipal de información á muller de Baiona (CIM). Para máis información poden contactar no CIM no teléfono 986 35 75 54. 

A Cañiza mellorará o campo de fútbol das Augas Férreas da man da Deputación

0

O Concello da Cañiza aproba o convenio coa Deputación de Pontevedra para executar a obra de mellora integral do campo de fútbol das “Augas Férreas” da vila. Así o comunicou o alcalde esta mañá “o Pleno Extraordinario do 28 de agosto aprobamos cos votos a favor do Equipo de Goberno,  o texto do Convenio que temos que asinar coa Deputación para establecer o réxime de colaboración para executar a obra”.

Este proxecto, cun investimento total de 599.935,27 €, permitirá cambiar todo o céspede do terreo de xogo, o sistema de rego, a colocación de 4 torretas de iluminación, a colocación dunha caldeira de biomasa nos vestiarios, construir un novo acceso adaptado, sanear todo o pechamento perimetral da instalación e acometer outras actuacións enerxéticas.

“Unha importante mellora que reformará integralmente a instalación, na que entrenan e xogan os nenos e demáis integrantes do Clube de Fútbol Cañiza, en todas as súas categorías e que actualmente presenta grandes deficiencias derivadas do paso do tempo, entre elas o degaste das fibras do céspede”, comenta o rexedor.

O proxecto

As obras deste importante proxecto contemplan os traballos de substitución de todo o céspede sintético do terreo de xogo (104,40 x 65 metros). Cambio da rede de rego e dos sistemas de iluminación do campo de fútbol coa colocación ademáis de 4 grandes torretas de luz. Impermeabilización da cuberta dos vestiarios. Construcción dunha caseta para aloxar unha caldeira de biomasa que substituirá á caldeira de gas-oil e colocación dun silo. Ademáis se reformarán as instalacións de ACS (calefacción dos aseos, vestiarios e duchas), o saneamento e os sistemas eléctricos. Por outra banda habilitarase un novo acceso á instalación polo extremo norte e sanearanse os muros de bloque perimetral de todo o recinto deportivo.

Mos contará cun centro de coidados intermedios público

0

A Xunta publicará mañá o contrato de licitación para a redacción do proxecto básico e de execución do futuro centro de coidados intermedios público de Mos. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, mantivo esta mañá unha reunión coa alcaldesa desta localidade, Nidia Arévalo, para revisar o seu contido.

Este será o primeiro centro destas características en toda España, xunto ao que se está a poñer en marcha no Cegadi de Santiago. Está dirixido a persoas que, tras recibir a alta hospitalaria, seguen precisando coidados e atencións. Deste xeito, procúrase garantir a súa rehabilitación completa e evitar así, que perdan en autonomía ou se agrave a súa situación. O centro de Mos contará con 60 prazas e contará cun presuposto total de 5,4 millóns de euros.

Fabiola García lembrou que deste xeito o Goberno galego segue afondando nunha maior coordinación sociosanitaria, un dos eixos do novo modelo de coidados de Galicia. Neste sentido, destaca que os centros de coidados intermedios encherán un oco dentro do sistema de coidados de Galicia que ata o de agora non estaba sendo atendido por ningún outro servizo.

A Guarda acolle este sábado a Romaría de Santa Trega

0

O vindeiro sábado día 23 de setembro A Guarda acolle, un ano máis, a Romaría de Santa Trega, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega.

Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá e ás 11:30 horas Sermón e Solemne Procesión.

Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.

A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.

Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar o patrimonio da vila, sinal de identidade do pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega.

O Circuito Gallego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas 2023 chega á súa etapa final

O pasado domingo, 17 de setembro, celebrouse na praia fluvial da Freixa, en Ponteareas, a etapa final do Circuito Gallego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas 2023.

Sobre unha distancia de 2500 metros, Mateo García (do CN Arteixo), que participa a final de mes coa selección española no europeo de augas abertas en Grecia, impúxose con contundencia. Detrás chegou un grupo co segundo e terceiro clasificado, Lucas Costa (2º) do CN Ponteareas e Marcos do Río (3º) do CN Arteixo e as tres primeiras clasificadas, Inés Mourenza que tamén participará no europeo (1ª) do CN Portamiñá Lugo, Alba Ortiz de Guinea (2ª) (do CN Ponteareas) e Ana Pérez (3ª) (do CN Galaico).

A clasificación final do circuíto finaliza con Lucas Costa e Alba Ortiz de Guinea, ambos os do club do condado, revalidando o título conseguido o ano pasado, seguidos por Mario Méndez (Rías Baixas) e Marcos do Río (Arteixo), e Ana Pérez (Galaico) e Paula Rodríguez (Arteixo) respectivamente.

Por equipos, o CN Ponteareas foi o gañador do XIX Circuito Gallego Arzúa-Ulloa de Augas Abertas nas categorías elite e máster.

Salvaterra agarda con ganas a V edición da proba Ribeira do Tea

Onte luns tivo lugar a presentación da proba deportiva Ribeira do Tea, organizada polo Clube de Montaña os Caminhantes do Condado en colaboración co Concello de Salvaterra de Miño e o Concello de Ponteareas.

Dende a pandemia non se facía esta proba de 16 km, con saída en Salvaterra e chegada en Ponteareas, a través dos nosos sendeiros co Río Tea como testemuña para os corredores da categoría Absoluta e Veteranos.

O vindeiro 30 de setembro ás 10:00 horas dende o recinto amurallado, terá lugar a saída da proba. Toda a información e as inscricións están dispoñibles na seguinte ligazón: www.caminhantesdocondado.es.

Oia dá os primeiros pasos para a mellora e humanización da Estrada Vella

0

O Concello de Oia continúa a traballar para mellorar a accesibilidade e seguridade de distintos puntos do municipio a través de actuacións que, ao mesmo tempo, permitan gañar espazos públicos de calidade para a veciñanza. Neste sentido, xa deu os primeiros pasos para a futura humanización do tramo da Estrada Vella que vai desde o Mosteiro ata as Orelludas, para o que conseguiu captar o financiamento necesario para a redacción do proxecto así como doutros traballos previos.

No marco das subvencións convocadas pola Deputación Provincial de Pontevedra para a redacción de proxectos de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos da rede Ágora, o Concello priorizou un gran proxecto que busca dar solución aos problemas actuais, facendo a senda máis accesible e segura e deseñando espazos para o uso e desfrute das persoas.

Os primeiros traballos realizados con vistas a esta actuación foron a redacción do proxecto, a elaboración de infografías e o levantamento topográfico. En total, estes conceptos supuxeron unha inversión de 21.950 euros+IVE, financiados con cargo á antedita axuda provincial.

A partir de agora, o Concello traballará na consecución de novas vías de financiamento que permitan avanzar neste importante proxecto. As obras contempladas no proxecto suporán un investimento de algo máis dun millón de euros (sen contar o IVE) e permitirán mellorar a calidade de vida e mobilidade de locais e visitantes.

Melloras en máis de 11.000 metros cadrados

O proxecto de humanización da Estrada Vella prevé actuar nunha superficie de 11.135 metros cadrados de terreo con alto valor patrimonial e paisaxístico, e practicamente sen pendente, empregado frecuentemente como zona de paseo á beira do mar. Cómpre lembrar que este tramo de 3 km da Estrada Vella forma parte do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, polo que supón un punto frecuentado tanto pola veciñanza como por peregrinos e outros visitantes.

Os principais obxectivos deste proxecto son priorizar as persoas e o tráfico peonil, mellorar a accesibilidade e seguridade, enfatizar o valor patrimonial do Camiño e crear zonas de estancia e descanso para viandantes. Entre outras actuacións previstas suporán un investimento total de aproximadamente destaca a subsanación das deficiencias que actualmente presenta o firme, melloras en muros de contención, incorporación de elementos para a seguridade no uso público do espazo e diversas melloras na drenaxe e na iluminación.

Covelo organiza dúas travesías guiadas polas etapas da Vía Mariana Luso-Galaica

0

O Concello de Covelo abre o prazo para participar nas travesías guiadas que percorrerán as dúas etapas da Vía Mariana Luso Galaica que cruzan o concello. Despois das labores de limpeza realizadas polo Concello nos dous tramos da Vía, o Concello organiza esta actividade para promover a súa riqueza medioambiental e patrimonial que agasalla aos e ás camiñantes recunchos inéditos e vistas únicas.

No marco da oferta estable de actividades turístico-deportivas do Concello de Covelo e da Deputación de Pontevedra, o sábado día 23 e o domingo día 24 as persoas participantes camiñarán guiadas polo guía de montaña, fotógrafo e biólogo, Julio Eiroa. O número de prazas é limitado cun máximo de vinte persoas por día. As persoas que desexen inscribirse ou ter máis información deben contactar co guía local no número teléfono 654.500.652.

O sábado día 23 percorrerán a etapa 7 da Vía Mariana Luso Galaica. O punto de encontro será o alto da coroación na Franqueira, A Cañiza, para dirixirse ao centro de Covelo. Trátase dun percorrido lineal de nove quilómetros de dificultade baixa para relizar en aproximadamente tres horas e media. A hora de saída será ás nove da mañá.

O domingo 24 o roteiro correspóndese coa etapa 8 da Vía Mariana e comeza na praza de Covelo para ir ata a Portela do Foxo, entre os concellos de Covelo e Fornelos de Montes. Será unha travesía de dificultade moderada con 23 km e unha duración aproximada de nove horas.

Para esta actividade de balde recoméndase levar roupa e calzado axeitado para camiñar, protección solar, bebida e alimentos reconstituíntes para tomar durante o camiño. Tamén é recomendable levar bastón de sendeirismo.

O Concello de Nigrán conmemorará o xoves o Día Mundial do Alzhéimer

0

O Concello de Nigrán, en colaboración con Afaga, conmemora este xoves 21 de setembro o Día Mundial do Alzheimer establecido pola OMS con diferentes actos no Auditorio Municipal abertos á participación da veciñanza (o Concello de Nigrán declarouse no 2015 ‘Localidade Solidaria co Alzhéimer’).

Durante a xornada, que arranca ás 17:00 horas, o propio rexedor resumirá o traballo realizado polo Concello no centro municipal de atención a persoas con enfermidades neurodexenerativas, unha iniciativa pioneira en toda Galicia e que arrancou no ano 2016 dentro do recinto do CEE de Panxón e que atende actualmente a 24 persoas baixo a xestión de Afaga (entidade concesionaria do servizo municipal).

Despois dun breve acto institucional co rexedor de Nigrán, Juan González, e o presidente de Afaga Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, terá lugar no Auditorio unha breve representación teatral a cargo de Teatro do Ar e, posteriormente, unha mesa informativa e coloquio coa presenza de persoal especializado como Ángela Estévez Dopazo (psicóloga), Miguel Vázquez da Cunha (técnico en actividade física) e Paula González Rodríguez (traballadora social). O obxectivo é atender a todas as preguntas e que os asistentes reciban información de primeira man sobre os primeiros signos da enfermidade, as diferentes terapias, etc. Asimesmo, e dentro da conmemoriación deste día, a Casa Consistorial iluminarase de violeta, cor identificativa da doenza.

En Galicia existen preto de 70.500 personas con Alzheimer ou algun outro tipo de demencia. Realmente, ‘Demencia’ e ‘Alzheimer’ son dous termos que a miúdo se confunden, aínda que están estreitamente relacionados, non son exactamente o mesmo. A demencia refírese á perda progresiva e irreversible das capacidades cognitivas, motoras e sociais. Esta perda pode ser causada por diversas razóns, tantas como tipos de demencia existen. O tipo máis común de demencia é o Alzheimer, o que leva á confusión entre os dous termos, pero tamén existen outros tipos como a demencia por Corpos de Lewy, Frontotemporal ou Vascular, que, aínda que son demencias, non están relacionadas co Alzheimer. O alzhéimer é unha enfermidade dexenerativa de carácter progresivo que afecta ás neuronas, causando a morte gradual das mesmas. 

Medio centenar de participantes no Concurso Nacional de Saltos en Tui

0

As instalacións do Club Hípico Equigalia acollerán esta fin de semana un Concurso Nacional de Saltos que vai reunir a medio centenar de destacados xinetes e amazonas.

Este evento hípico organizado polo Club Hípico Equigalia, en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e o Concello de Tui foi presentado este mediodía polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, o delegado de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, Daniel Benavides, a presidenta do Club Hípico Equigalia, Elvira Crespo Conde, a directora do Concurso, Paula López Crespo, a secretaria do Club Hípico Equigalia, Natalia Blanco Díaz e o vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran Castel.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosou a súa satisfacción pola celebración en Tui dunha proba desta categoría, lembrando que a cultura equina conta en Tui e na contorna con gran tradición. Transmitiu á organización o agradecemento polo labor que realizan e por esta celebrar en Tui esta proba nacional. Fixo un chamamento ao público a achegarse até as instalacións de Equigalia e gozar deste evento deportivo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavide, salientou coma a hípica é un deporte que contribúe a afianzar a poboación no rural. Engadiu que en Galicia somos referentes neste deporte, e aportou coma dato que a comunidade conta ocupa o cuarto posto a nivel nacional no número de licencias neste deporte.  Tamén indicou que Tui é un exemplo para moitas localidades no mundo do deportes e nos eventos deportivos que acolle.

O vicepresidente da Federación Hípica Galega, Gonzalo Autran, explicou que en Tui daranse cita medio centenar de participantes e haberá un centenar de saídas a pista nas distintas modalidades entre as que estarán os saltos a 1,10 m, 1,20 m e 1,30 m.

Elvira Crespo, a presidenta do Club Hípico Equigalia, salientou coma esta Concurso Nacional era o soño do seu marido, Luís Pimental, que esta fin de semana se vai facer realidade. Destacaba  que será un espectáculo ao que convidaba a asistir. Paula López, a directora do Concurso, quixo salientar o nivel de xinetes e amazonas que competirán, tamén coma será unha oportunidade para o alumnado da escola de Equigalia que tamén acudirá ao concurso.   Amais salientaba coma na fin de semana con motivo deste evento haberá nas propias instalacións eventos festivos e gastronómicos.

Luz verde para o proxecto de intersección da N-550 en Louredo

0

Concello de Mos e Plataforma de Afectados da Estrada Nacional 550 en Louredo ofreceron á veciñanza da parroquia unha reunión informativa e de asesoramento técnico sobre a aprobación provisional por parte de Fomento do proxecto para a intersección da N-550 en O Tablado.

Fíxose unha exposición técnica do proxecto e ofereceuse axuda e asesoramento nas alegacións, en caso de que algún veciño estea interesado en presentar algunha. En principio o consenso co proxecto é unánime tanto por parte da administración local como da veciñanza de Louredo. Sen embargo, se algún dos particulares quixese alegar por algunha afección nalgunha das súas fincas, o Concello informarao, asesorarao e axudaralle no procedemento de tramitación e presentación da correspondente alegación.

A aprobación provisional por parte de Fomento do proxecto de intersección na N-550 ao seu paso por Louredo, foi publicada o pasado día 31 de agosto, no BOE (Boletín Oficial do Estado), e na mesma data foi tamén recibido o documento no Concello.

O obxectivo das obras de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo, é trasladar a intersección actual uns 270 m cara ao sur, para mellorar as condicións de visibilidade e seguridade viaria.

Na xuntanza celebrada na mañá do domingo 17 de setembro, no local social de A Cividade, estiveron presentes a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os seus concelleiros de Urbanismo, José Ramilo, Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil da parroquia de Louredo, Baldomero Lorenzo.

As obras de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo teñen un orzamento estimado base de licitación de 582.432 euros (IVE incluído).

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) aprobou provisionalmente o proxecto de trazado da remodelación da intersección da estrada N-550, ao seu paso por Louredo, no municipio de Mos. Agora atópase no trámite de información pública, tras a publicación onte do anuncio no Boletín Oficial do Estado (BOE).

O obxecto do proxecto é a mellora da seguridade viaria da intersección non canalizada existente no p.k. (punto quilométrico) 148+650 da N-550, ao seu paso por Louredo, que conecta con núcleos existentes na marxe esquerda a través dun vial municipal. A actuación proxectada executará unha variante do vial secundario e disporá unha nova intersección con cuñas de incorporación e saída, carrís centrais de almacenamento e espera e posibilidade de cambio de sentido. A solución para o cruce de O Tablado era unha das demandas históricas comprometidos por Fomento en Mos e que levaban anos pendentes.

A Xunta e o Monte Real Club de Yates de Baiona renovan o programa de navegación terapéutica

0

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade renovou o convenio de colaboración que mantén co Monte Real Club de Yates de Baiona para desenvolver o programa de navegación terapéutica Vela contra a violencia de xénero. A administración autonómica achega a esta iniciativa preto de 40.000 euros (37.980 euros).

Grazas a esta actuación, as mulleres vítimas de violencia de xénero e os menores ao seu cargo poden practicar actividades adaptadas de vela co obxectivo de mellorar a confianza en si mesmas e rachar coa realidade que viven. Coa iniciativa tamén se contribúe á difusión da muller no mundo da vela e a favorecer a igualdade entre homes e mulleres nesta disciplina deportiva; así como outras accións para divulgar a vela en clave feminina.

Para acadalo, o programa inclúe recursos específicos para reducir o impacto emocional nas vítimas, coa perspectiva de minimizar o seu estado de ansiedade; acadar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais, intelectuais, sociais e emocionais; fortalecer a autoestima e a súa resistencia ante as adversidades; e potenciar a empatía, a escoita activa e as relacións saudables. Ademais co impulso deste deporte entre estas mulleres vulnerables, a Xunta contribúe a mellorar a súa saúde física e emocional, a incrementar o impulso na toma de decisións e ofrece recursos para a xestión das emocións e da comunicación.  

O programa para este ano incluirá 10 sesións en grupos de oito membros e en actividades de mulleres e nenas e nenos. Con isto contribúese a que tanto as nais como as nenas e nenos gañen momentos de tranquilidade e poidan desfrutar da experiencia con autonomía. As actividades contarán con participantes usuarias do Centro de Recuperación Integral (CRI) de Santiago e do  Centro de Emerxencias para Vítimas de Violencia de Xénero de Vigo (Cemvi).

Esta semana comezan os obradoiros “Depo en marcha”

Un total de 365 xubilados de 20 entidades de 13 concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores.

Os cursos comezan hoxe luns con catro obradoiros diferentes. A Asociación de Mulleres que Poden da Estrada comezará un taller sobre a conservación da memoria e a Asociación Amigos dos Pazos de Vigo un curso de teatro. En Salceda de Caselas, as persoas integrantes da Asociación de Xubilados e Pensionistas iniciarán un obradoiro de habilidades dixitais para o uso cotiá e a Asociación Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira en Redondela outro de informática avanzada.

Para o martes 19 comezan catro cursos. A Asociación de Veciños de Beade e a Asociación de Veciños da Travesía de Vigo e Arrabaldos as Nosas iniciarán un taller de risoterapia e outro de musicoterapia respectivamente. Pola súa banda a Asociación de Veciños San Esteban de Noalla en Sanxenxo beneficiarase dun curso de ximnasia de mantemento e a Unión Polideportiva Bolos da Carrasca de Nigrán doutro de pilates.

O mércores 20 comezan dous cursos en Redondela: a Asociación Cultural e Social de Chapela ten seleccionado un obradoiro de risoterapia e a Asociación de Veciños de Chapela un sobre plantas medicinais. En Bueu, a Asociación Cultural da Vieira participará nun obradoiro de terapia emocional e en Baiona, a Asociación Ardelume Baíña noutro sobre a conservación da memoria.

O xoves 21 arrancan outros tres cursos. As persoas integrantes da Asociación de Familiares de Personas Afectadas de Alzheimer de Moaña comezarán un taller de risoterapia, a Asociación Veciñal e Deportiva Cultural Miñoteira de Redondela un sobre habilidades dixitais para o uso cotiá e a Asociación Veciñal e Cultural San Martiño de Rebordelo en Cerdedo-Cotobade outro de ximnasia de mantemento.

O venres 22 a Asociación Xubilados e Pensionistas Santa Eulalia de Meira de Moaña comezará o taller de habilidades dixitais para o uso cotiá e a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro de Bueu sobre terapia emocional. No mesmo día comezará o curso sobre plantas medicinais para o Círculo Cultural Abrente de Mos e sobre restauración de mobles e tapicería para a Sociedade Cultural do Viso de Redondela.  Este mesmo curso foi o escollido pola Asociación de Mulleres Rurais A Telleira de Dena de Meaño, que se iniciará o sábado 23.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en Marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: ‘Aprendendo da natureza’, ‘Móvete, activando corpo e mente’, ‘Enredando’, ‘Dálle marcha’ e ‘En rede’.

Deporte e solidariedade na I Carreira das Empresas de Galicia

O próximo 8 de outubro as empresas galegas teñen unha cita deportiva e solidaria no Porriño. A vila do Louro acolle a primeira edición dun evento pioneiro na comunidade, a Carreira das Empresas de Galicia, un formato novo dentro do running que fomenta a práctica deportiva nas empresas apostando polo benestar a nivel personal e laboral.

O evento, organizado por Interrunning Club en colaboración do Concello do Porriño, presentouse hoxe nun acto que contou coa participación do alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Deportes, Abel Estévez; Fredy Velasco, representante da organización; David Sobral, Secretario Xeral de Fegape; Jacobo López, CEO de LaserGalicia principal patrocinador do evento e Natalia Dieste, directora de Bicos de Papel, asociación de axuda aos nenos oncolóxicos do Hospital Álvaro Cunqueiro á que se destinará o 100% do recadado coas inscricións.

Tal e como explicou Velasco, “trátase dun evento único en Galicia que nace con dous obxectivos. O principal, colaborar coa asociación Bicos de papel que está a facer unha labor magnífica e recadar o máximo posible para que poidan seguir axudando a estes nenos e nenas que tanto o necesitan. E un segundo, fomentar o deporte nas empresas, algo que está demostrado repercute moi positivamente na súa actividade”.

O representante de Interrunning destacou que na Carreira das Empresas poden participar todas as persoas maiores de 16 anos, de maneira individual ou por equipos, camiñando na andaina de 6K  ou correndo nas modalidades de 5 km ou 10 km. Unha proba aberta tanto ás empresas como para aqueles que queiran participar de maneira individual. Tamén os pitufos, os nenos e nenas nados a partir do 1 de xaneiro de 2019, terán a súa proba tamén correndo 100 m.

Ademais, ponse a disposición dos participantes e empresas que non poidan asistir á carreira un Dorsal 0 co que poderán participar cunha doazón para a asociación Bicos de Papel.

Natalia Prieto, a directora de Bicos de Papel, agradeceu á organización e ao Concello do Porriño esta iniciativa solidaria xa que “estas iniciativas son moi importantes para nós, non so polo respaldo económico que nos permite seguir prestando a nosa axuda, senón tamén para visibilizar a nosa causa, a loita contra o cancro infantil, unha loita que é de todos”.

Pola súa banda, David Sobral, en representación dos polígonos industriais do Porriño e do tecido empresarial amosou a súa satisfacción “de que este evento se desenvolva no Porriño” e destacou que “está a ter unha gran acollida nas empresas con centos de persoas inscritas”. Sobral convidou a todo o mundo a participar xa que “o vindeiro 8 de outubro teremos a oportunidade de ver no casco urbano a ese Porriño referente en deporte, en empresa e en solidariedade”.

No mesmo sentido se expresou o Ceo de LaserGalicia quen contou que a idea de poñer en marcha xurdiou no seo dun grupo de whatsapp da empresa, que sempre están a traballar para realizar eventos deste tipo e “tivemos moi claro que había que axudar a Bicos de Papel. Ninguén mellor que Interrunning Club e o Concello do Porriño para poñelo en marcha”.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu á organización e patrocinadores a súa iniciativa e destacou que esta proba “é unha oportunidade para unir ao tecido empresarial de Galicia e ser un punto de encontro de traballadores e empresas dos distintos sectores. Que mellor lugar que O Porriño, motor industrial do sur de Galicia e Concello do Deporte, para acollela”. O rexedor destacou tamén o carácter solidario desta carreira xa que “mentres facemos deporte e nos divertimos, estamos axudando a todos eses pequenos e pequenas que están a atravesar un momento difícil e contribuíndo a facerllo un pouquiño menos duro a través de Bicos de Papel, aos que agradezo enormemente o labor que realizan”.

O alcalde concluíu lembrando que a “inscrición continúa aberta ata o 5 de outubro” e animando a todos e todas a “calzar as deportivas e correr por unha boa causa”.

Inscricións en: https://ccnorte.com/evento/detalle/id/2610/carrera-de-empresas-galicia-2023-porrino

Esta semana continúan as actividades do programa “Conectadas”

Un total de 420 mulleres de asociacións de 18 concellos da provincia comezan a próxima semana 26 novas accións formativas enmarcadas no programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos e contarán coa participación de máis de 4.000 usuarias.

O martes 19 será a quenda de tres novos obradoiros. Neste caso, 15 mulleres da Asociación de mulleres rurais Chan dos Castiliños (As Neves) comezarán o curso de alfabetización dixital II, 23 usuarias da Asociación mulleres rurais, consumidoras e culturais A Xuntanza (Fornelos de Montes) un de poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade e 15 da Asociación mulleres en igualdade de Moneixas (Lalín) outro de ioga. No caso do mércores 20 de setembro 12 mulleres da Asociación de veciños de San Brais de Vinseiro (A Estrada) comezarán unha acción de risoterapia e 16 da Asociación cultural e artística os Contentos (Ponte Caldelas) outra de pilates.

Tamén o xoves 21 de setembro comezarán tres novos obradoiros: 18 mulleres de Medrar 2.0. (Barro) darán inicio ao curso de musicoterapia, 17 da Casa cultural artística y deportiva de Areas (Ponteareas) o de alfabetización dixital II e 15 usuarias da Federación Cogami Pontevedra (Vigo) o de risoterapia. No caso do venres 22 serán dous os cursos que boten a andar. Por unha banda 17 mulleres da Asociación de veciños Santa Apolonia de Guimarei (A Estrada) comezarán a formación en artesanía en coiro e, polo outro, 13 da Asociación de Mulleres Escola Vella de Hio (Cangas) de sendeirismo.

Xa por último, o sábado 23 oito entidades da provincia comezarán as accións formativas de “Conectadas”. 14 mulleres da Asociación rurais de Arnois (A Estrada) darán inicio a un curso de xardinería, 15 usuarias da Asociación de mulleres rurais Val da Louriña (Mos) un de sendeirismo, 16 da Asociación jubilados y pensionistas de Salceda (Salceda de Caselas) a formación de alfabetización dixital II, 20 mulleres da Asociación veciñal e cultural San Martiño de Rebordelo (Cerdedo-Cotobade) un de risoterapia, 24 da Asociación de Mulleres de Moaña (Moaña) un de taichi, 13 usuarias da Asociación veciñal de Pigarzos (A Lama) comezarán os seus encontros con lectoras, 14 da Asociación musical cultura Tirante (Barro) de horta ecolóxica e, por último, 16 mulleres da Asociación xubilados e pensionistas caldenses (Caldas de Reis) comezarán un curso de poda e tarefas de campo desde a sustentabilidade.

Este ano participan en “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia. Os colectivos puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

A canteira do surf galego volve brillar en Patos

0

Gran actuación de todos os deportistas galegos das categorías Sub 12 e Sub 16 que participaron este pasado sábado na 2º proba da liga Galega Interescolas organizada pola Federación Galega de Surf e Bodyboard, Prado Surf Escola e o Concello de Nigrán. Aínda que o día amenceu nubrado o sol enseguida abriuse paso con temperaturas propias do verán galego de setembro e ondada ao redor da altura do peito.

O escenario era o idílico e todos os novos surfeiros demostraron alta motivación e nivel ao longo de todo o sábado. Á entrega de premios acudiu o alcalde de Nigrán Juan Gonzalez, a Concelleira de deporte Sara Penedo e o presidente da Federación Galega de Surf Roman Dez que felicitaron persoalmente á nova e prometedora canteira do surf galego.

Esta segunda proba da liga Interescolas contou con Alumisel como patrocinador oficial e coa colaboración de Auga Sa, Mission Surf Shop e Noetta Shop.

Presentados na Cañiza o curro e a rapa das bestas 2024

0

Presentados o curro e a rapa das bestas 2024 da man da asociación cabalar “Pedroso do Ribadil” e do Concello da Cañiza.

Para pechar o calendario e anunciar a edición de 2024, a Asociación presentou o último venres de agosto “O RITO”. Un evento que contou coa colaboración do Concello da Cañiza, de Edito Fernández Gómez como director, de alumnos do CB Cañiza e do Grupo Folk “Os do Cruceiro” da Cañiza, que se sumaron para organizar esta despedida cargada de símbolos e honras.

O Rito comezou ás 7 da tarde coa baixada a cabalo dos xinetes integrantes da Asociación Cabalar dende a montaña do Pedroso, descendendo cara ao núcleo da Cañiza para chegar á Casa do Concello. Emprazamento no que se desenvolveu o acto e no que esperaba o Alcalde Luis Piña.

Nas portas da Casa Consistorial o rexedor recibiu ao fundador do Curro, Don Castor Pablo Rodríguez Pérez, ao Presidente da Asociación, Pablo Alvarez e aos homes e mulleres da Asociación e veciños que quixeron compartir esta tarde do venres 25 de agosto.

Pasadas as 8 da noite comezou o acto cerimonial presentado por Verónica Rodrígues que tras dar a benvida e agradecer a asistencia do público, deu comezo  ao acto, lembrando o particular vínculo que dende o inicio dos tempos une aos homes e aos cabalos.

Traspaso de símbolos

Durante esta cerimonia, os símbolos do legado descenderon dende a montaña para ser entregados á máxima Institución, o Concello, co fin de ser preservados e custodiados na CASA DE TODOS.

E comezouse co elemento do “Ferro”. Un útil cabalar que representa a identidade dos animais e a propiedade dos mesmos. Gabriel Parente Lorenzo como encargado de manter vivas as tradicións do Curro do Pedroso durante a edición do 2023 e, por ser o máis novo, devolveu o ferro ao presidente da Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, Pablo Álvarez Soutelo.

Ao rematar, procedeuse á entrega da Bandeira da Cañiza. O símbolo da entrega da Bandeira do Concello da Cañiza, para conservar as tradicións, que representa o compromiso de preservar e honrar os costumes e valores de todo o municipio. Un símbolo transmisor da responsabilidade de protexer e  promover a identidade cultural, fomentar o respecto e o valor das nosas tradicións.

Monica Rodríguez:  responsable nesta edición do Curro do Pedroso de protexer a tradición da Rapa das Bestas 2023, devolveu a Bandeira da Cañiza, facendo entrega da mesma ao alcalde Luis Antonio Gómez Piña.

A continuación devolveuse a Bandeira de Galicia ao Concello. Un símbolo poderoso do compromiso da Asociación de protexer e divulgar as tradicións. Unha forma de preservar a nosa identidade cultural e promover o interese na nosa REXIÓN.

A través deste xesto, se reafirmou o orgullo galego e a dedicación para manter vivas as nosas tradicións para as xeracións vindeiras. Pablo Álvarez Soutelo, Presidente da Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, devolveu a Bandeira de Galicia á institución.

No pregado e entrega das Bandeiras participaron algúns dos membros máis novos do CB Cañiza.

Rematada a entrega das mesmas, escoitouse o Himno de Galicia, interpretado dende o balcón da Casa Consistorial por un dos integrantes do Grupo Folk Os do Cruceiro da Cañiza.

O acto rematou coa presentación por parte da Asociación Cabalar Pedroso do Ribadil da nova edición do CURRO DO PEDROSO para o ano 2024, que se celebrará o domingo 4 de agosto de 2024.

A escola de música do Porriño abre o prazo de inscrición en outubro

O Concello do Porriño informa que o período de matriculacións do alumnado para este curso 2023/2024 na Escola Municipal de Música dará comezo a primeira semana do mes de outubro.

Poderase formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño. Ademais, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición correspondente no mes de xullo poderá matricularse igualmente.

Cabe destacar que todo o alumnado con preinscrición feita en base ao anterior está admitido.

As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito estarán proximamente dispoñibles.

Salvaterra continúa coa ampliación do saneamento en Pesqueiras

O Concello de Salvaterra de Miño segue incrementando a rede de saneamento nas distintas parroquias da vila, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Estas obras, realizadas en Pesqueiras, forman parte do plan de mellora da rede de saneamento municipal e teñen como fin seguir ampliando o servizo ofrecido aos seus veciños de Gallamonde coa instalación dun tramo de colector de 305 metros de lonxitude de PVC de 250mm de diámetro que dará saída a dez vivendas.

Nigrán estrea a curta documental sobre Rosalía González, a última redeira de Panxón

0

O Concello de Nigrán vén de estrear en redes o derradeiro documental da triloxía ‘Nigrán na Memoria’, o correspondente a Rosalía González, representante da última xeración de redeiras de Panxón. Anteriormente foi o de Rosa ‘de Malde’, única muiñeira de Camos en activo, e o de Esther Nande, a única campaneira do Val Miñor e a cargo da igrexa de Santiago de Parada. A curta, de 20 minutos de duración, será pendurada a súa vez na web do Concello www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundilo.

O Concello traballa xa na gravación de novas curtas de persoalidades do municipio que representan un oficio de antano ou tradición e está aberto a propostas no correo [email protected].

“Ao igual que temos un arquivo histórico de imaxes de Nigrán, agora estamos a documentar oficios, tradicións e costumes que están desaparecer e que forman parte da nosa esencia”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “é un traballo contrarreloxo para chegar a tempo a de recoller en primeira persoa os relatos sobre o patrimonio material e inmaterial do municipio”. Neste sentido, o Concello ten estreado tamén este ano ‘A memoria da auga’, outro documental de relatos sobre a singular actividade muiñeira na parroquia de Chandebrito (tamén dispoñible en www.arquivoaudiovisualnigran.org).

Rosalía González, de 94 anos, pertencente a unha gran familia mariñeira con ancestros que nin coñeceron os barcos a motor e representa á última xeración de redeiras de Panxón. “Empecei con 17 anos. Encantábame traballar na rede. Éramos só mulleres e íamos tamén a Baiona, Canido ou Saiáns, e todo andando”, indica mentras enumera os diferentes barcos e os seus patróns ou as diferentes artes de pesca que existían entón e para que servían. “Hoxe en día xa se ocupan os mesmos propietarios de atar as redes”, explica Rosalía, quen todavía recorda “o grande que era a Praia de Panxón”, onde se sentaba a traballar de 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00 e practicamente todo o tempo cantando. “Pasabamos moito frío e moito calor, era duro”, e esta dureza multiplicábase co seu home no Gran Sol durante meses e ela soa a cargo dos fillos. “Non estivo presente nos nacementos e cando chegaba a terra os críos lle escapaban porque non o coñecían”. Rosalía tivo que compaxinar o traballo de redeira con outros oficios, como mariscar longueirón e cadelucha en Panxón e croques en Lourido. “Despois da Guerra todo foi moi duro pero había moito peixe que nos salvou da fame, o comiamos á brasa porque nin para aceite tiñamos”, rememora.

Comeza o curso 2023/24 de SmartPeme

O curso 2023/2024 do programa SmartPeme comeza esta semana con catro accións formativas telemáticas que se espallarán ata o xoves 21 de setembro. O programa de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas da Deputación arrancará o curso centrándose en ciberseguridade, branding, marca persoal e chat GPT.

O primeiro curso da semana será hoxe luns 18 ás 10:00, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D. “Ciberseguridade, o que non se ve da navegación na internet” ten como obxectivo dar a coñecer aos asistentes os riscos aos que estamos expostos ao navegar por internet.

O martes 19 ás 12:00 horas, celebrarase o obradoiro “Branding verbal, crea marca coas túas palabras”. Este curso centrarase nun dos puntos máis importantes da creación de marca: o branding verbal, que axuda a definir e transmitir a mensaxe para chegar ao mercado. O obradoiro será impartido por Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

O mércores 20 pola mañá, a mentora internacional de negocios dixitais de marca persoal e doutora en comunicación, Carla de Pont, exporá “Como crear unha marca persoal sólida no dixital”. O obxectivo desta acción formativa é proporcionar ás persoas emprendedoras e creadoras de contido unha folla de ruta que lles axude a construír unha presenza dixital auténtica e sólida, coa que gañar visibilidade e atraer clientes en liña.

Por último o xoves 21 terá lugar o curso “Chat GPT e Stable Diffusion, aprende o seu funcionamento”, un itinerario de 6 talleres online dunha hora cada un, co obxectivo de dar a coñecer o manexo das novas ferramentas gratuítas baseadas en Intelixencia Artificial, Chat GPT e Stable Diffusion. O primeiro dos obradoiros, que terá lugar este xoves, será impartido por Manuel Freire e centrarase na Intelixencia Artificial e os seus conceptos básicos.

Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas. Aconteceu a fonais da primavera coa colección de relatos de Fabio Rivas, «A pintura debida», da que xa falamos neste mesmo espazo, e volveu a acontecer pouco despois coa chegada da primeira novela de Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche». Alberto é xornalista de longa traxectoria, un rostro popular grazas ás súas aparicións na TVG, mais agora presenta unha nova faciana moi diferente da que nos ten acostumados. E abofé que o fai con soltura.

«O que me quedaba por dicirche» é unha novela curta protagonizada por Xoán, un rapaz novo do que o autor destaca con insistencia a súa beleza, mais é unha personaxe que semella desinteresada en explotar ese don e que parece andar bastante perdida nun mundo que non acerta a comprender completamente. Xoán acadará certa calma emocional logo de establecer unha relación con Paula, unha moza que se nos presenta como moito máis madura e centrada ca el, capaz de sinalarlle o camiño que deberá seguir para atopar o seu sitio. Mais ao adentrármonos na trama descubrimos que ambos padecen serias feridas emocionais de moi distinta factura a causa de situacións vividas no pasado, e necesitarán da complicidade do outro para tratar de facerlles fronte.

Esta dualidade de protagonistas, tan complementarios como antagónicos entre si, representa un acerto na narración, pois dálle xogo ao autor para contrastar dúas maneiras diferentes de se integrar no entorno: a case apática e desleixada de Xoán, que se deixa arrastrar sen remorsos polas circunstancias, sexan cales sexan, e a moito máis arroutada e decidida de Paula, que semella capaz de encarreirar o seu futuro, malia que o peso do pasado implique unha forte resistencia para acadar tal meta. A súa convivencia e o seu xeito de compartir as feridas abertas e de procurar, cada un á súa maneira, contribuír na resolución do trauma do outro, aportan unha perspectiva dual e animosa sobre as relacións humanas.

Pero o máis interesante desta primeira novela de Mancebo non está na súa trama, senón no seu estilo, fresco, retranqueiro e moi persoal. A pesar de que o relato está escrito en primeira persoa polo propio protagonista (agás un fragmento narrado, do mesmo xeito, por Paula), o autor sobrevoa a historia ciscando frases curtas e imaxes moi poderosas, diálogos breves e directos, e argallando intres que o aproximan ao realismo máxico ao máis puro estilo cunqueiriano. Con todos estes recursos, é quen de trazar un relato capaz de enganchar ao lector para arrastralo ao longo das páxinas dunha novela na que as relacións familiares e as emocións máis íntimas, asumen un papel principal.

Alberto Mancebo

«O que me quedaba por dicirche»

Xerais

Salvaterra entregará o luns os vales de axuda de libros e material escolar

O Concello de Salvaterra de Miño anuncia que dende o próximo luns 18 poderanse recoller os vales das axudas para libros e material escolar de Educación Infantil do curso 2023-2024. En total foron 19 as solicitudes que se presentaron por rexistro e das cales 10 resultaron concedidas e 9 denegadas.

Deste xeito, a Concellería de Educación entregará 10 cheques de 75 euros que as familias poderán utilizar para mercar material escolar ou libros. Os criterios que se tiveron en conta para conceder a axuda son: estudar nalgún dos centros do concello, estar empadroado en Salvaterra de Miño e non superar o límite establecido nas bases de renta per capita da unidade familiar.

O listado definitivo publicarase na Sede Electrónica Municipal.

Covelo merca un inmoble para ampliar a biblioteca pública municipal

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que tivo lugar a formalización da compra dun piso ubicado no edificio das salas multiúsos para a ampliación da biblioteca pública municipal. Reunidos na notaría Casal Esperanza da Cañiza, a familia propietaria e o alcalde asinaron os documentos de venda. O Concello de Covelo amplía, así, o seu patrimonio cunha operación que ascende a 42.000 € financiados ao 100% con fondos propios procedentes do remanente de tesourería.

O inmoble, de arredor de cen metros cadrados, está ubicado xusto enriba da biblioteca municipal e permitirá ofrecer un espazo máis amplo e cómodo, dispor dunha oferta de libros de lectura maior e a posibilidade de ofrecer novos servizos para as persoas usuarias deste servizo público.

“Atendendo á necesidade da veciñanza o Concello merca hoxe este inmoble que supón un avance na mellora dos servizos públicos. Estes cen metros cadrados permitirán ampliar o fondo de libros, ter zonas separadas para os distintos usos que se fan da biblioteca e realizar novas actividades”, explica Pablo Castillo.

A biblioteca pública municipal presta os seus servizos dende o 13 de outubro de 1998. Para adaptarse ao ritmo das persoas usuarias o horario de inverno, que comeza o luns 18, é de 10 a 14 e de 16 a 19 horas de luns a venres. Ademais, o último venres de setembro retómase o club de lectura para familias de 18:15 a 20 horas.

A biblioteca pública de Covelo está situada na Travesía de Vigo e dispón de máis de 15.000 exemplares e un arquivo fotográfico e videográfico de todo o municipio, ademais de diversos contidos dixitais e unha hemeroteca. Tamén hai un punto de acceso wifi a internet a disposición do público totalmente gratuíto, con nove ordenadores linux, impresora e escaner.

Ao longo do ano a biblioteca de Covelo incrementa os seus fondos coa compra de material bibliográfico a través do orzamento destinado polo Concello de Covelo e das subvencións solicitadas á Xunta de Galicia, unha para mellora da colección da biblioteca e outra destinada a novidades editoriais en galego. Dende a biblioteca realizan unha selección do material que sexa acorde coas peticións e necesidades da poboación do concello e dos usuarios da biblioteca. Por isto, durante todo o ano, admítense suxestións e peticións de material bibliográfico por parte dos usuarios e persoas interesadas en algún tema, para que durante o ano se poida ir mercando o material en canto sexa posible.

Homenaxe ás rosaleiras co concurso de fotografía ‘Mulleres que inspiran’

0

O Rosal ten nome de muller e quere retratalo. O Concello convoca o concurso de fotografía ‘Mulleres que inspiran’, un certame que busca facer unha homenaxe ás avoas, nais… e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade, ao tempo que se fomenta a creatividade artística e a participación cidadá.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa “coa que poñer en valor o traballo que realizan todas as rosaleiras, un traballo que moitas veces permanece invisible a pesar de ser fundamental para o funcionamento das nosas vidas e das nosas vilas a cotío e en todos os ámbitos”.

Poderán participar neste concurso rosaleiros e rosaleiras de todas as idades cunha fotografía na que aparezan mulleres do Rosal que marcaran dun xeito ou outro as súas vidas. As imaxes deberán recoller ás mulleres de máis idade da familia xunto con persoas descendente, cun mínimo de dúas xeracións, nun contexto artístico.

Presentarase un máximo de unha fotografía orixinal que deberá enviarse por correo electrónico a [email protected], indicando no asunto Concurso Mulleres que Inspiran e co título da fotografía; un breve texto explicativo sobre as persoas que aparecen na imaxe, o vínculo que as relaciona e por que se elixiu a esas persoas ou a historia que hai detrás; nome e apelidos do autor ou autora, DNI, enderezo completo e teléfono de contacto; e o Anexo I cuberto e firmado.

O prazo para enviar as imaxes remata o 15 de outubro ás 23.59 horas. O xurado elixirá a obra gañadora e outras 49 fotografías que formarán parte da exposición que se poderá ver o 25 de novembro con motivo do Día Internacional en Contra da Violencia contra as Mulleres. Só por participar, as persoas que envíen as súas fotografías recibirán a imaxe impresa.

O Concello pon en marcha esta iniciativa ao abeiro do proxecto ‘Mulleres que inspiran’, un programa posto en marcha para continuar revolucionando mentes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos.

Financiado pola Deputación de Pontevedra, o proxecto ‘Mulleres que inspiran’ busca achegar referentes femininos en todos os ámbitos a través de diferentes liñas de actuación, como encontros con profesionais, dando visibilidade ás xornalistas deportivas e deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas ou a través da arte.

O goberno de Ponteareas cumpre a legalidade na convocatoria da comisión da EDUSI

A alcaldesa de Ponteareas e o actual grupo de goberno mostran a súa sorpresa a ante iniciativa presentada pola oposición respecto á convocatoria urxente da Comisión de Seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, coñecida popularmente como EDUSI.

A sorpresa ven dada pola estrañeza da petición dada a situación administrativa na que se atopa a convocatoria da Comisión da EDUSI xa que na acta do Pleno celebrado o 7 de xuño de 2019, se adoptou por unanimidade a creación desta Comisión que no seu segundo acordo indica, textualmente, que “a mesa extinguirase automaticamente unha vez finalice o mandato da actual Corporación”, isto é, logo das eleccións nas que BNG e PSOE perderon a alcaldía.

De feito, durante o mandato da anterior corporación, entre 2019 e 2023 a Comisión reuniuse 3 veces, a última o 22 de febreiro de 2019 e, dende xaneiro deste 2023 a este pasado mes de maio, o propio Partido Popular requiriu en múltiples ocasións á por entón alcaldesa do BNG unha comparecencia no Pleno Municipal que nunca chegou a producirse. Resulta polo tanto curioso a présa que a actual oposición, así como o descoñecemento da situación administrativa da Comisión.

O actual grupo de Goberno quere recalcar que está a actuar conforme á normativa e non pode facelo doutro xeito, polo tanto, o vindeiro día 20 proporase a creación da Comisión de Seguimento da EDUSI, tal e como marca a lei, con 2 representantes do PP, 2 do BNG, 1 do PSOE, 1 de ACIP, e 1 do Grupo Mixto. Logo da proposta, poderá levarse ao Pleno Municipal a creación da Comisión Informativa que deberá ser votada e da que se agarda o voto positivo unánime de todos os grupos municipais.

Nigrán ofrece en Gaifar o festival de percusión afrobrasileira ‘Apertuke’

0

O Concello de Nigrán, un ano máis e como despedida xa do verán, ofrece o 16 e 17 de setembro o IV Festival de Percusión Afrobrasileira “Apertuke”, organizado a través da Asociación de Percusionistas e Tamborileiros ‘Aperta’. Durante dous días, o espazo deportivo municipal de Gaifar (Panxón) encherase de concertos, batucadas, obradoiros de percusión, infantís e de danza, pasarrúas, circo e animación… Tódalas actividades, agás o obradoiro de percusión para maiores, son de balde. No recinto haberá tamén barra, postos de comida e postos de artesanía. O obxectivo é ofrecer un evento próximo, igualitario, participativo, social, horizontal, aberto, educativo, respectuoso coas persoas e respectuoso co medio ambiente.

O sábado 16 pola mañá, ‘A Cami’ do grupo ‘Escandalera Escenario’, impartirá un obradoiro de percusión fusión con ritmos afrolatinos e ‘Matrácala’ ofrecerá un obradoiro infantil de percusión con instrumentos reciclados. Pola tarde será a quenda dos grupos de percusión coas actuacións de Aperta, Perqtores e Latexo. Ademáis, Cé Orquestra Pantasma ofrecerá o seu espectáculo para tódalas idades, Patty Diphusa presentará e animará cunha función para peques e maiores, e Barafunda traerá espazo de xogos e animación infantil coa proposta de tres obradoiros. Tras a posta de sol, este ano coma novidade haberá cucañas e xogos e un obradoiro de danza afrohouse, gratuito e impartido por Geni Muxima. De seguido, Black Stereo abrirá as actuacións de escenario e seguirá a facernos bailar co seu repertorio de músicas negras: Soul, Rhythm&blues, Funk, Disco… Tras eles, as mozas de Escandalera Escenario, chegadas dende Barcelona, mostrarán o seu espectáculo onde levan a percusión a un espazo creativo que mestura diferentes artes escénicas integradas. A continuación, será a quenda de Fanfarria Taquikardia, que ofrecerá o seu trepidante repertorio, que vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a xoldra. O fin de festa porao a dj Nu.Eva, selectora musical, bailarina e xestora cultural da cidade olívica que fará a súa sesión xogando con diferentes estilos, sempre cun background marcado por ritmos percutivos de kuduro, o afrobeat, ritmos do Caribe, funk do Brasil e beats máis urbanos.

A programación continuará o domingo 17 a partir das 13:00 h. cun gran pasarrúas que, un ano máis, percorrerá o paseo marítimo de Panxón con tódolos participantes no obradoiro do sábado. Toda a programación e información do festival está dispoñible na súa páxina web www.apertuke.com.

A Aula CeMIT da Guarda acolle este outono 5 cursos de habilidades dixitais

0

A aula CeMIT da Guarda, sita no primeiro andar do Centro Cultural, acolle a partires do mes de outubro 5 novos cursos de habilidades dixitais.

Arrancan os cursos de outono 2023 na Aula CeMIT do Centro Cultural enfocados a nivel básico e iniciación, a data de inicio está marcada para o 2 de outubro e continuarán ata o mes de decembro.

Os curso ofertados este outono son: manexo do ordenador e internet, editor de textos, smartphone (curso novo neste outono), redes sociais (curso novo neste outono) e un curso para cativos de entre 9 e 15 anos.

Máis información e inscricións no Centro Cultural de xeito presencial de luns a venres en horario de 17:00h a 20:00h  ou no teléfono 986 61 1850.

Sobre a Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda manten a aula CEMIT en funcionamento grazas a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.

Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.

A Xunta mellora o firme da PO-400 ao seu paso por Arbo, Crecente e As Neves

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Crecente. Tras o recibimento na Casa do Concello, o delegado visitou, xunto ao alcalde, a PO-400, onde a Xunta está a desenvolver unha actuación de mellora do firme. A dita actuación beneficia tamén aos concellos de Arbo e As Neves e conta cun investimento da Xunta de ao redor de tres millóns de euros.

A obra está a reparar o firme mediante fresado e reposición das zonas que se atopaban deterioradas. Os operarios retiraron o firme deteriorado e instalaron un novo dun espesor de preto de cinco centímetros. Ademais, a actuación contempla o acondicionamento das interseccións arredor dos PQ 13+910 e 17+500 coa incorporación dun carril central que facilite os desvíos. Por outro lado, repararánse distintos puntos da sección transversal, o que permitirá mellorar a drenaxe da vía.

Durante a súa visita, Reguera lembrou que a Xunta traballa en base a inspeccións previas e ten o compromiso de manter as vías das que é titular nas mellores condicións posibles. “É unha cuestión de seguridade viaria, que para nós é moi importante. Por iso o bo estado das vías é unha prioridade”.

Os traballos tamén contemplan a substitución das marcas viarias e a reposición da pintura da calzada, así como os símbolos e cebreados en todo o tramo. 

Porriño acolle hoxe a Atios Cup

O campo de fútbol do Carballo acolle hoxe sábado, 16 de setembro, unha nova edición da ATIOS CUP, o torneo de fútbol base organizado pola Unión Deportiva Atios.

Serán 12 equipos e preto de 350 xogadores os que participen na competición, con equipos das categorías Benxamín e Prebenxamín, convertindo a esta parroquia porriñesa no epicentro do fútbol base esta fin de semana.

O Tyde F.C, a UD Sta Mariña, Mondariz FC, SR Casablanca, Rápido de Bouzas, FC Coruxo, ED Salvaterra,  e o anfitrión, a UD Atios saltarán ao campo . cos seus equipos para facerse coa copa neste torneo que se disputa ao inicio da tempada e que nos que os pequenos e pequenas futbolistas demostran a súa destreza e técnica.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Deportes, Abel Estévez, xunto co presidente do club organizador, José Cebreiro, e representantes da directiva presentaron o evento dende o terreo de xogo . O presidente da UD Atios destacou que se trata do “torneo de base con máis tradición da Louriña que esta ano chega á súa duodécima edición”. Cebreiro explicou que a competición arrancará “este sábado ás 9 horas coa categoría prebenxamín, na que participarán 12 equipos con preto de 180 nenos. O vindeiro será a quenda dos benxamíns”.

Pola súa banda, o alcalde convidou a todo o mundo “a achegarse ao Carballo este sábado e disfrutar dun espectáculo deportivo que sei que non defraudará”. O rexedor agradeceu ao club organizador o súa “contribución á promoción do deporte base entre os máis pequenos e pequenas e o enorme labor que realizan con eles durante todo ano para que teñan a oportunidade de disfrutar e aprender o deporte que lles apaixoa. Todos eles defenden o sentimento vermello e iso, é algo que só se consigue con traballo e ilusión”.

Redondela celebra o III Choquiño Urban Jam

0

A alcaldesa, Digna Rivas, o concelleiro de Deportes, Iván Valles e membros da organización presentaron a terceira edición deste festival de cultura urbana que se vai celebrar o sábado día 16 de setembro no skatepark de Redondela. Haberá competicións de skate, BMX e scooter, torneo de baloncesto 3×3, clases de skate para todas as idades e actividades complementarias cunha demostración de “hair tattoo” a cargo da barbería Duranes e a música dos Dj Set, Carlos González e Ferwell.

“Nesta terceira edición o Choquiño Urban Jam está a consolidarse como un referente para os amantes do deporte urbano”, asegurou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, na presentación deste evento que se desenvolverá o sábado 16 de setembro longo de todo o día no skatepark de Redondela, a carón do pavillón municipal da Marisma.

Na presentación, a rexedora local estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Iván Valles, e representantes da organización “que son un exemplo do traballo e a entrega da mocidade redondelá”. Rivas sinalou a implicación cada vez maior por parte das mulleres neste evento “coa presenza de moitas mozas tanto nas competicións como na organización do festival”.

O concelleiro de Deportes, Iván Valles, sinala que Redondela sempre destacou por ser un Concello cun gran nivel en moitas disciplinas deportivas “e os deportes urbanos tamén están a despuntar grazas a iniciativas coma esta” polo que salientou tamén “o gran esforzo dos organizadores, xa que sen o seu traballo un evento de cultura urbana coma este non sería posible”.

Marcos Fermoselle, un dos organizadores, explicou que o III Choquiño Urban Jam comezará ás 9.30 da mañá coas inscricións e clases de skate para público de todas as idades desde as 10.00. Hai xa bastante rapazada inscrita, pero os organizadores animan a todos os que o desexen “a achegarse a estas clases e ter a súa primeira experiencia cos patinetes porque a inscrición vai estar aberta ata o mesmo día”. Ás 11.00 será a competición de skate, ás 16.00 a de BMX e ás 18.00 a de scooter, nas que participarán en total uns cen deportistas. No caso da competición de baloncesto 3×3 a inscrición de equipos aínda está aberta. Haberá unha primeira fase desde as 11.00 e logo a fase eliminatoria a partir das 18.00.  Fermoselle amósase moi satisfeito do éxito que está a colleitar este festival “que está a medrar dun xeito incrible cunha gran participación tanto de deportistas como de público”. Desde a organización agradecen “a boa acollida” que tiveron por parte da alcaldesa e o concelleiro de Deportes para poñer en marcha esta iniciativa “xa que sen a implicación do Concello sería imposible organizar un certame deste nivel”, agradecemento que extenden a todas as firmas colaboradoras.

A xornada contará tamén cunha demostración de “hair tattoo” a cargo da barbería redondelá Duranes e a música dos Dj Set, Carlos González e Ferwell a partir das 21.30 horas.

As actividades de cultura urbana non se limitarán ao Choquiño Urban Jam, senón que se celebrará tamén en próximas datas “un certame no que se realizarán grafitis e pelexas de galos”, adiantou o concelleiro Iván Valles.

Adxudicada a obra de mellora nos Eidos de Arriba, en Sela

0

O Concello de Arbo, adxudica as obras para a Mellora de viais nos Eidos de Arriba (Sela) por un importe de 108.250,30 €- financiados con cargo o  Plan Provincial de obras e servizos (Plan Concellos) 2022-2023, dentro da Liña 1 – Investimentos – ANUALIDADE 2023.

As obras de mellora teñen como obxecto a reforma os accesos da Igrexa de Santa María de Sela ao seu paso polo núcleo de Eidos de Arriba, así coma os espazos públicos existentes no seu percorrido que, aínda que de escala reducida, contan cun gran valor patrimonial.

O ámbito caracterízase por un tecido de crecemento orgánico, onde a estrada ao sur (comunicación co núcleo de Arbo) e a propia Igrexa funcionaron coma factores de atracción para a construción de múltiples vivendas unifamiliares que acabarían conformando o núcleo de Eidos, diferenciado co nome de Eidos de Arriba para a parte norte e Eidos de Abaixo para a parte sur. Este carácter de crecemento irregular provoca a creación de viarios estreitos e cun trazado tortuoso, coma resultado do baleiro que deixan os muros de peche e en moitos casos as propias fachadas das edificacións, o que dificulta en moitos casos a existencia dunhas axeitadas condicións de accesibilidade a un dos puntos de maior atracción do Concello.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, sinala que estas obras  terán un prazo de execución segundo contrato de tres meses. Por iso pide desculpas debido aos inconvenientes e molestias que se poidan levar a cabo no transcurso das obras.

A actuación busca mellorar as condicións e características dos espazos públicos existentes, así como as características dos viais de acceso á Igrexa de Santa María de Sela, hoxe en día inadecuados tanto para peóns coma para tráfico rodado, polo que á intención principal da actuación baséase na mellora da accesibilidade global do ámbito.

Os dous grandes espazos centrais da actuación (zona do Cruceiro e zona do hórreo) recuperan o seu valor de zonas estanciais co uso de mobiliario urbano axeitado e elementos que lle devolvan a calidade urbana, xerando espazos interesantes e amables para os usuarios.

Recen nomeada a nova corporación, Horacio Gil, lembra que desde a súa chegada ao goberno hai 9 ano, realizaronse diversas actuacións para mellorar a calidade dos nosos veciños e que se seguira coa mesma folla de ruta.

Monte Real Club de Iates de Baiona lánzase a navegar co deporte adaptado

0

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe a importancia que ten o deporte adaptado para facer novas compañías e amigos, así como para a saúde, autonomía e desenvolvemento persoal. Fíxoo nas instalación do Monte Real Club de Iates de Baiona, onde recibiu a usuarios e monitores dos centros de atención á discapacidade (CAPD) da Coruña e Redondela que participaron no programa ‘Amar o mar’.

A directora xeral explicou que a través desta actividade, os participantes teñen a oportunidade de ter, para moitos deles, un primeiro contacto co mundo mariño,  coñecer técnicas de navegación e desfrutar dunha xornada de ocio.

O Porriño busca voluntarios para unha actividade medioambiental

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Xuventude (OMIX), que dirixe Antonio Barros, fai un chamamento á cidadanía porriñesa interesada en botar unha man, participe como voluntaria nos labores de limpeza e eliminación de especies invasoras que se levará a cabo no río Couso en colaboración coa asociación ecoloxista Verdegaia.

O río Couso é un afluente do río Louro que se estende ao longo duns poucos quilómetros polas parroquias de Cans e Atios. No seu tramo final, entre a liña de tren Porriño-Tui e o punto no que desemboca o río Louro, alberga unha elevada biodiversidade, algo habitual nos cursos de auga próximos ao río. Pero nos últimos anos sufriu a expansión de varias especies tóxicas invasoras (EEI) que provocaron o desprazamento de especies autóctonas, polo que se alterou significativamente o ecosistema.

As intervencións que se levarán a cabo estarán supervisadas por membros da asociación Verdegaia que contan cunha ampla experiencia en actividades de restauración ambiental e de eliminación de especies invasores.

“Pretendese con esta actividade recuperar a riqueza deste pequeno ecosistema coa retirada de residuos do leito do río e a extracción dalgunha das EEII”,explicou o concelleiro. Entre as invasoras identificadas destacan a orella de gato (Tradescantia fluminensis), crocosmia (Crocosmia crocosmiiflora), xunca (Cyperus eragrostis), tintureira ou uvas de can (Phytolacca americana), bambú (Phyllostachys aurea), cana (Arundo donax) e a falsa acacia (Robinia pseudoacacia).

As tarefas desenvolveranse en catro fases unha primeira que se celebrarán os sábados  30 de setembro, 14 de outubro e 28 de setembro, en horario de 11 a 13 h. Tamén se realizará unha presentación do informe final dos traballos no mes de novembro ao CHMS e ao Concello.

As prazas son limitadas a 20 persoas por xornada e a idade mínima para participar é de 18 anos.

Dende a OMIX do Porriño aproveitan para agradecer a colaboración e solidariedade da veciñanza. Aquelas persoas interesadas en formar parte do equipo de voluntariado, poderán informarse e/ou inscribirse no teléfono 986337624 (ext. 1) ou no correo electrónico [email protected] , ata o día 27 de setembro.

Ao mesmo tempo, a Concellería de Xuventude, tomando como punto de partida esta experiencia, anuncia a futura posta en marcha dun Programa Municipal de Voluntariado. Se algunha persoa está interesada en sumarse poderá achegarse ás dependencias da OMIX-Centro Cultural Municipal, e solicitar información.

O Rosal amosa as súas boas prácticas ambientais ao presidente da Illa do Príncipe

0

O Concello do Rosal mantén unha aposta decidida pola sostibilidade ambiental en todas as áreas municipais co obxectivo claro de converterse nun modelo de avance sostible, respectuoso e responsable do rural galego. Ao longo dos últimos anos, o Goberno municipal implementou unha serie de medidas e boas prácticas que a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, amosou este mércores ao presidente da Rexión Autónoma do Príncipe, Filipe Nascimento, que visitou O Rosal dentro dun encontro previo ao IV Foro da Coooperación Municipalista da Lusofonía, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e que se celebrará do 23 ao 26 de outubro nesta illa africana pertencente á República Democrática de São Tomé e Príncipe e declarada Reserva da Biosfera pola UNESCO.

Rexedora e equipo de Goberno recibiron na Casa do Concello a Nascimento e ao asesor gobernamental Antonio Machiaba para presentarlles as liñas de actuación en materia de sustentabilidade ambiental, así como as obras de recuperación de espazos públicos, “unha estratexia coa que buscamos construír O Rosal das persoas, transformando as nosas prazas e rúas fomentando lugares de encontro e convivencia, unha mobilidade sostible e segura, ao tempo que se dinamiza a economía local e se fixa poboación”, explicou Fernández Callís.

A delegación de Illa Príncipe puido coñecer así realidades como a os dous ecoparques creados no Rosal nos últimos anos ou a Explanada do Horizonte, que ademais de potenciar o valor natural e paisaxístico do municipio dun xeito sostible foi galardoado con importantes recoñecementos como o Premio Gran de Area 2020 de Aportación á arquitectura do Colexio de Arquitectos de Galicia ou o Premio Internacional de Arquitectura e Natureza Simonetta Bastelli.  

Durante o encontro, a alcaldesa tamén esbozou as principais liñas seguidas dende o Concello para a transformación enerxética de todo o municipio, reducindo as emisións e camiñando nunha transformación acelerada cara a eficiencia enerxética e a sostibilidade ambiental a nivel municipal, social ou veciñal. Ánxela Fernández Callís destacou así o traballo realizado para o cambio de luminarias, para o que o Goberno municipal captou 1,5 millóns de euros ao abeiro do Programa DUS 5000, a reforma progresivas das escolas unitarias apostando ademais por unha educación de proximidade e unha recuperación patrimonial, a implementación da compostaxe e da transformación no tratamento de residuos, a creación das comunidades enerxéticas ou o cambio de fontes de consumo fósil en todas as instalacións municipais por enerxías renovables.