24.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Setembro de 2023
Máis
    HomeA ParadantaCoveloCovelo merca un inmoble para ampliar a biblioteca pública municipal

    Covelo merca un inmoble para ampliar a biblioteca pública municipal

    O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que tivo lugar a formalización da compra dun piso ubicado no edificio das salas multiúsos para a ampliación da biblioteca pública municipal. Reunidos na notaría Casal Esperanza da Cañiza, a familia propietaria e o alcalde asinaron os documentos de venda. O Concello de Covelo amplía, así, o seu patrimonio cunha operación que ascende a 42.000 € financiados ao 100% con fondos propios procedentes do remanente de tesourería.

    O inmoble, de arredor de cen metros cadrados, está ubicado xusto enriba da biblioteca municipal e permitirá ofrecer un espazo máis amplo e cómodo, dispor dunha oferta de libros de lectura maior e a posibilidade de ofrecer novos servizos para as persoas usuarias deste servizo público.

    “Atendendo á necesidade da veciñanza o Concello merca hoxe este inmoble que supón un avance na mellora dos servizos públicos. Estes cen metros cadrados permitirán ampliar o fondo de libros, ter zonas separadas para os distintos usos que se fan da biblioteca e realizar novas actividades”, explica Pablo Castillo.

    A biblioteca pública municipal presta os seus servizos dende o 13 de outubro de 1998. Para adaptarse ao ritmo das persoas usuarias o horario de inverno, que comeza o luns 18, é de 10 a 14 e de 16 a 19 horas de luns a venres. Ademais, o último venres de setembro retómase o club de lectura para familias de 18:15 a 20 horas.

    A biblioteca pública de Covelo está situada na Travesía de Vigo e dispón de máis de 15.000 exemplares e un arquivo fotográfico e videográfico de todo o municipio, ademais de diversos contidos dixitais e unha hemeroteca. Tamén hai un punto de acceso wifi a internet a disposición do público totalmente gratuíto, con nove ordenadores linux, impresora e escaner.

    Ao longo do ano a biblioteca de Covelo incrementa os seus fondos coa compra de material bibliográfico a través do orzamento destinado polo Concello de Covelo e das subvencións solicitadas á Xunta de Galicia, unha para mellora da colección da biblioteca e outra destinada a novidades editoriais en galego. Dende a biblioteca realizan unha selección do material que sexa acorde coas peticións e necesidades da poboación do concello e dos usuarios da biblioteca. Por isto, durante todo o ano, admítense suxestións e peticións de material bibliográfico por parte dos usuarios e persoas interesadas en algún tema, para que durante o ano se poida ir mercando o material en canto sexa posible.

    LIBROS

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas.

    Antón Riveiro Coello, «Hotel Carioca»

    Antón Riveiro Coello volve a demostrar a súa rara habilidade para a construción de historias nas que xoga a mantenta coas personaxes e mais co lector.

    Branca Novoneyra, «As cunchas baleiras»

    Logo dunha longa década de escrita íntima e de reflexión, Branca Novoneyra decide facer público un novo poemario de clara vocación estética e simbólica como é «As cunchas baleiras», que ela mesma concibe como unha «antoloxía» dos versos que saíron da súa pluma ao longo de todo este tempo.