6.2 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelAlberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche»

    Poderiamos afirmar que nos últimos meses algo se está a mover na literatura galega pola aparición de novos autores que nos sorprenden gratamente pola frescura das súas propostas. Aconteceu a fonais da primavera coa colección de relatos de Fabio Rivas, «A pintura debida», da que xa falamos neste mesmo espazo, e volveu a acontecer pouco despois coa chegada da primeira novela de Alberto Mancebo, «O que me quedaba por dicirche». Alberto é xornalista de longa traxectoria, un rostro popular grazas ás súas aparicións na TVG, mais agora presenta unha nova faciana moi diferente da que nos ten acostumados. E abofé que o fai con soltura.

    «O que me quedaba por dicirche» é unha novela curta protagonizada por Xoán, un rapaz novo do que o autor destaca con insistencia a súa beleza, mais é unha personaxe que semella desinteresada en explotar ese don e que parece andar bastante perdida nun mundo que non acerta a comprender completamente. Xoán acadará certa calma emocional logo de establecer unha relación con Paula, unha moza que se nos presenta como moito máis madura e centrada ca el, capaz de sinalarlle o camiño que deberá seguir para atopar o seu sitio. Mais ao adentrármonos na trama descubrimos que ambos padecen serias feridas emocionais de moi distinta factura a causa de situacións vividas no pasado, e necesitarán da complicidade do outro para tratar de facerlles fronte.

    Esta dualidade de protagonistas, tan complementarios como antagónicos entre si, representa un acerto na narración, pois dálle xogo ao autor para contrastar dúas maneiras diferentes de se integrar no entorno: a case apática e desleixada de Xoán, que se deixa arrastrar sen remorsos polas circunstancias, sexan cales sexan, e a moito máis arroutada e decidida de Paula, que semella capaz de encarreirar o seu futuro, malia que o peso do pasado implique unha forte resistencia para acadar tal meta. A súa convivencia e o seu xeito de compartir as feridas abertas e de procurar, cada un á súa maneira, contribuír na resolución do trauma do outro, aportan unha perspectiva dual e animosa sobre as relacións humanas.

    Pero o máis interesante desta primeira novela de Mancebo non está na súa trama, senón no seu estilo, fresco, retranqueiro e moi persoal. A pesar de que o relato está escrito en primeira persoa polo propio protagonista (agás un fragmento narrado, do mesmo xeito, por Paula), o autor sobrevoa a historia ciscando frases curtas e imaxes moi poderosas, diálogos breves e directos, e argallando intres que o aproximan ao realismo máxico ao máis puro estilo cunqueiriano. Con todos estes recursos, é quen de trazar un relato capaz de enganchar ao lector para arrastralo ao longo das páxinas dunha novela na que as relacións familiares e as emocións máis íntimas, asumen un papel principal.

    Alberto Mancebo

    «O que me quedaba por dicirche»

    Xerais