Domingo, 27 Xullo de 2025

O Viso recupera o seu tradicional «Serán»

0

O vindeiro venres, 29 de novembro, a Casa cultural de Saramagoso, na parroquia redondelá do Viso, acollerá a partir das 20 horas o serán organizado pola comisión de Festas de San Blas do Viso.

A Comisión quere convidar a toda a veciñanza a participar e, asi mesmo, fai un convite especial ás e aos artistas tradicionais da comarca a que se sumen a esta celebración, “traian os seus instrumentos e suban ao escenario libre”.

Para que nada falte, haberá ‘chouripáns’ e rosca gratis e bebidas a prezos populares.

Nigrán xa ten a súa primeira Ordenanza de Normalización Lingüística

0

A Corporación de Nigrán aprobou por unanimidade no pleno ordinario de onte a primeira ordenanza de normalización lingüística do Concello, unha moción do goberno local na que se acorda potenciar o uso do galego na actividade municipal e adoitar medidas para que non se produza ningunha discriminación por razón da lingua que un empregue nas súas comunicacións (tanto orais como escritas co Concello de Nigrán ou coas empresas adxudicatarias de contratos).

“Básicamente é reflexar por escrito algo que xa vimos facendo, como por exemplo realizar as convocatorias en galego, que o coñecemento do galego sexa imprescindible nas probas de acceso ao emprego público ou que os expedientes se tramiten en galego. Era algo que precisabamos ter normativizado”, sinala o alcalde, Juan González.

Dita ordenanza foi realizada pola técnica en normalización Andrea González coa que o Concello de Nigrán contou o último ano grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra.

25-N

O Pleno de hoxe estivo especialmente adicado ao 25-N, ‘Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’, así, 5 minutos antes do mesmo realizouse unha concentración diante da Casa Consistorial á que asistiu toda a corporación e boa parte do alumnado do CEIP Humberto Juanes. Ademais, a Corporación aprobou por unanimidade unha moción feita polo goberno local precisamente con motivo do 25-N e que, entre outros aspectos, inclúe iniciar os trámites para adherir ao municipio ao sistema ‘VioGen’ de seguimento integral de casos de violencia de xénero, cuestión que xa viña respaldada dende o Centro de Información á Muller (CIM) e a Garda Civil.

O Sistema VioGen púxose en funcionamiento no ano 2007 co obxectivo de establecer unha rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos, en calquera parte do territorio nacional. Os municipios que forman parte do Sistema VioGen subscriben un convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e outro co Ministerio de Interior.

Asimesmo, a Policía Local de cada concello firma un protocolo de coordinación e colaboración co corpo que, a nivel nacional, ten a competencia na demarcación, xa sexa Guardia Civil, Policía Nacional, ou ambos. Neste protocolo delimítanse as funcións da Policía Local no eido da violencia de xénero, e se define o seguimento e reparto dos casos. “Un paso máis no que sumar esforzos é imprescindible”, resume o rexedor.

Así, o Concello de Nigrán sumouse un ano máis á conmemoración do ‘Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’ con múltiples accións realizadas este mesmo día e coa campaña ‘En Negro contra as violencias’ na que participan 160 establecementos comerciais, educativos e sociais do municipio, o maior número ata a data.

A xornada arrancou ás 11:15 horas no IES Val Miñor co obradoiro ‘Por unha sociedade libre das violencias machistas’ que o Concello de Nigrán ofreceu a través de Ciudad Ciencia para os alumnos de 3º da ESO. As investigadoras Concepción Castrillo e Ana Vicente, do Grupo de Estudos Socioculturais Contemporáneos da Universidade Complutense de Madrid, desprázanse ex-profeso a Nigrán para impartir este obradoiro onde explicaron conceptos e coñecementos crave sobre xénero e discriminación e, en especial, sobre as agresións sexuais. A continuación, as 12:00 horas (xusto antes do pleno) a Corporación realizou unha concentración diante da Casa Consistorial á que asistiron alumnos do CEIP Humberto Juanes.

Xa pola tarde, tiña lugar ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a inauguración da exposición fotográfica do Grupo de Acción Local Ría de Vigo-A Guarda (GALP 7) ‘O mar tamén ten mulleres’, que visibiliza o traballo feminino neste sector, historicamente nun segundo plano, e, a continuación, a proxección da película ‘El Refugiado’, probablemente un dos mellores retratos sobre a violencia de xénero xamais plasmado na gran pantalla.

O Secretario Municipal avala a compatibilidade de Roberto Mera

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deu a coñecer o informe do asesor xurídico e actual secretario municipal do Concello, que avala a legalidade da autorización dada polo Pleno ao edil Roberto Mera para compaxinar o exercicio da avogacía coa súa adicación no goberno municipal. O informe xurídico, que se pode consultar nesta ligazón, sinala que “o recurso de Belén Villar debe ser rexeitado”.

Represas explicou que o PP e Villar “deberían aceptar dunha vez os resultados das eleccións municipais e non recorrer á baixeza de facer política coa vida profesional dun concelleiro coa intención de querer apartalo do Concello”. Represas engadíu que “Villar e o PP equivócanse, porque incluso os seus votantes non comparten esta campaña de ataques persoais por unha compatibilidade que desfrutan en todo o Estado numerosos concelleiros de todas as cores políticas”.

Represas pedíu coherencia ao PP e Villar: “acusan a Mera de conflito de intereses por ser concelleiro e avogado cando entre 2011 e 2015 o PP, con Villar no Concello, tivo como concelleiro de tráfico e seguridade a un avogado en exercicio en Ponteareas. Nós, a diferenza do PP, somos respectuosos e nunca cuestionamos a actividade profesional daquel edil”.

Respecto á queixa que Villar presentou á Valedora do Pobo e as afirmacións realizadas polo PP asegurando que a Valedora deu a razón aos populares, o alcalde desmentíu á portavoz do PP e lamentou “que falte o respecto á Valedora atribuíndolle algo que non é certo. A admisión a trámite da queixa é unha formalidade que se produce na práctica totalidade das queixas que recibe dando lugar sempre á petición de información á administración. A admisión a trámite non dá a razón a quen presenta a queixa, simplemente supón a petición de información por parte da Valedora e o Concello xa remitíu o informe xurídico que demostra que a compatibilidade é legal”.

Finalmente, o alcalde lembrou que “no anterior pleno o PP votou a favor da compatibilidade a un funcionario para exercer como avogado, coas mesmas condicións que a Roberto Mera, tal e como se recolle no informe xurídico. Resulta extrano que o PP negue ao concelleiro o que recoñecen a un funcionario”.

«Educación+Igualdade = -Violencia», gañadora do concurso de frases de Salvaterra contra a violencia de xénero

‘EDUCACIÓN+IGUALDADE= -VIOLENCIA’ de Diego Estévez Rivera, foi elixido como slogan gañador do concurso que, dentro do programa de Educación en Igualdade e Prevención da Violencia, organiza o Concello de Salvaterra de Miño en colaboración do IES e no que participan máis de 200 mozos e mozas.

A frase premiada cun vale de 150 €, será utilizada polo Concello que preside Marta Valcárcel durante toda a campaña de concienciación do vindeiro ano.

Programa que ten como obxecto sensibilizar sobre a violencia de xénero, facendo reflexionar á sociedade sobre esta gran lacar social, “que entre todos e todas debemos erradicar promovendo un cambio de mentalidade que contribúa a desmitificar estereotipos e transmitindo valores de igualdade e non violencia” sinala a alcaldesa .

Ademais entregáronse tres segundos premios valorados en 50 € aos seguintes slogans: ‘Non cales! É mellor que o fales’ de Fabián Andrés Souto; ‘Non queremos máis minutos de silencio, actúa!’ de Basilio Puga García e ‘Nin unha muller menos, nin unha agresión máis’ de Carmen Tejo Rodríguez.

Paralelamente o Concello en colaboración co alumnado de carpintaría e plástica, renderon un homenaxe as 59 vítimas falecidas galegas, das que existe rexistro dende o ano 2003. Para elo pintaron un dos bancos da Praza do Concello de negro e nel escribiron os nomes de todas e cada unha delas, co fin de que permanezan na memoria colectiva, de darlle voz, de visibilizar un problema que nos afecta a todos e todas.

“Estes actos non poden quedar no olvido, actúa, mostra a túa repulsa!”, conclúe a alcaldesa Marta Valcárcel.

O Rosal conta cun novo vehículo para a Policía Local

0

O Rosal conta xa cun novo vehículo de Policía Local para tarefas ambientais na súa flota. O vehículo, un Citroën C5 Aircross, súmase ao equipamento do Concello tras o corespondente proceso de licitación pública.

Na entrega do vehículo estiveron presentes Jose Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia; Marta Fernández-Tapias Núñez, directora xeral de Administración Local; Ánxela Fernández Callís, alcaldesa do Rosal; Germán Fernández Rodríguez, concelleiro de Tráfico; un representante da entidade adxudicataria; a concelleira do PP, María del Carmen Alonso Alonso e o corpo de Policía Local do Concello do Rosal.

A adquisición deste vehículo, financiado pola Xunta de Galicia, vén derivada da sinatura dun Convenio de Colaboración entre Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Concello do Rosal, asinado en xullo, para a adquisición deste vehículo.

Desde o Concello do Rosal quixeron agradecer á Xunta de Galicia “toda a súa colaboración, así como a presenza do Delegado Territorial e da Directora Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia na entrega do vehículo”.

Cadea humana en Baiona para frear a violencia machista

0

Hoxe o casco vello de Baiona viuse ateigado de escolares e veciñanza. Como estaba previsto, máis de mil persoas formaron unha cadea humana que abrangueu ás rúas principais do casco urbano, Lorenzo de la Carrera, Conde e Ventura Misa nunha iniciativa que espertou o entusiasmo do alumnado participante.

[su_image_carousel source=”media: 9079,9078,9077,9076″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ao rematar de unirse a cadea varios escolares de tódolos centros educativos procedeuse á lectura de poemas, cartas e manifestos en contra da violencia machista. “Esta cadea simboliza a unión de todas e todos nós en contra desta lacra que tristemente hoxe volveu acabar cunha vida en Tenerife”, sinalouse dende a Concellería de Igualdade do Concello de Baiona.

“A acción social é básica para avanzar e mudar ás cousas, hoxe quedou máis que demostrado que Baiona participa e móllase contra ás violencias”.

Dende a Concellería de Igualdade agradeceron “a colaboración de toda a xente implicada, o colectivo escolar, as asociacións de mulleres, a Policía local, Protección Civil, ATSA e Galisur e o Ciclo de Animación Sociocultural e turística do IES 1º de Marzo”.

Policía Local do Porriño e Garda Civil impiden un roubo no estanco de Mos

A Policía Local de O Porriño colaborou coa Garda Civil de Mos para frustrar esta mañanciña, o roubo roubo ao estanco de Mos conseguindo deter ao presunto autor dos feitos, un individuo que estaba a forzar a entrada do establecemento cunha palanqueta.

Unha chama dunha veciña dando alertando dos feitos, orixinou a intervención de axentes locais do Porriño que, á súa vez, deu aviso á Garda Civil de Mos. Unha patrulla da Policía Local acudiu en apoio da patrulla da Benemérita acadando entre ambas a detención do presunto autor, un varón de 45 anos que xa foi posto a disposición xudicial.

Segundo informa o inspector xefe da Policía Local porriñesa, Daniel Rodríguez, esta non é a primeira vez que a Policía Local do Porriño tén que acudir a outro concello, como neste caso a Mos, cando están a realizar unha persecución ou se está a cometer un delito ‘in fraganti’ como contempla a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade.

Carmela Silva amosa a súa “indignación e enfado cos negacionistas da violencia de xénero”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou hoxe a súa “indignación e enorme enfado cos negacionistas da violencia de xénero” no acto de arranque da quinta edición do programa ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’, ao fío do ’25N, Día Internacional contra as Violencias Machistas’. Ante numeroso público e coa asistencia da concelleira de Igualdade de Pontevedra e deputadas e deputados do goberno provincial, o Pazo acolleu a representación da performance ‘Pan duro I’, das castro artistas Ana Gesto, María Marticorena, Isabel León e Ana Mateo, que por primeira vez accionaron xuntas e coa que reivindicaron a necesidade de rachar co sistema machista e patriarcal que mata ás mulleres polo mero feito de selo.

“Estou moi indignada, enfadada, estou farta –asegurou Silva–. Esta mañá temos sabido que outra muller foi asasinada en Tenerife. Chamábase Sara e foi apuñalada polo mero feito de ser muller. Asasínanos polo mero feito de ser mulleres. Así que si, hai violencia de xénero, sobre nós, sobre as mulleres”.

A presidenta da Deputación recordou que no que levamos de ano xa son 52 as asasinadas, dúas mais que en todo o ano pasado, e, 1028 dende que hai rexistros. “¿Como alguén se atreve a dicir que non hai violencia de xénero?, ¿que sociedade democrática somos se non sentimos unha tremenda dor por unha muller asasinada polo mero feito de selo?”.

Silva afirmou que “hoxe moitas e moitos poñerán pancartas, participarán en manifestacións e farán declaracións nos medios de comunicación dicindo que están en contra da violencia de xénero pero non é verdade. Hai partidos políticos que din que cando se asasina unha muller se asasinan a todos os galegos e non é verdade: cando se asasina a unha muller se nos asasina a todas as mulleres, exclusivamente a nós, por un sistema que nos discrimina, por un modelo social que cree que as mulleres non temos os mesmos dereitos que os homes. Non temos que poñernos en contra soamente dos maltratadores, que tamén, senón en contra de todo o sistema machista”.

A presidenta provincial asegurou que “hoxe é un día de reivindicar que queremos normas que permitan que haxa recursos para que as mulleres teñamos todos os instrumentos para loitar contra todas as discriminacións que padecemos. Hoxe é un día de denuncia, clara e contundente e sen complexos, con indignación. Hoxe é un día para recordar que a ONU ten dito que Vox e os fascistas son un perigo para a igualdade das mulleres, pero tamén os cómplices que os acompañan e compran o seu discurso. Hoxe é un día para dicir que estamos fartas, que loitaremos ata que haxa violencia cero, ata que teñamos os mesmos dereitos”, asegurou. Carmela Silva aproveitou a ocasión para facer un chamamento á sociedade: “querémola con nós, coas mulleres que levantaron a voz dende o feminismo. E queremos tamén aos homes ao noso lado, pero querémolos do noso lado, non negando o que nos acontece por ser mulleres.

Pola súa banda a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Paloma Castro, reafirmou o seu compromiso “na loita contra as violencias machistas, a máis brutal mostra de desigualdade entre mulleres e homes”. A comisaria de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, Paula Cabaleiro, amosou a súa preocupación porque “cinco edicións despois, temos cifras de violencia moi alarmantes”. Neste eido destacou a importancia do programa centrado na cultura para “xerar axentes de cambio e que a xente se implique dende a súa reflexión persoal”.

A performance das catro artistas consistiu nunha acción que comezou sendo individual e despois de xeito simultáneo uníronse dende diferentes lugares do Pazo. Todas elas vestidas de negro e con “moletes de pan duro”, adheridos ao corpo, pintados de negro e dourado, simbolizando a desigualdade histórica que arrastran as mulleres, rematando cunha sorte de “acción sonora” conxunta, na que ían despoxándose do corpo con coitelos os “moletes”, símbolos do patriarcado e as súas violencias implícitas. “Pan duro ” completarase este martes no Museo Marco de Vigo coa segunda parte desta acción artística.

Ponteareas abre o «Divernadal», un espazo lúdico para nenos e nenas

O concello de Ponteareas, a través das Concellerías de Eventos e de Promoción Económica, convida a todas as familias a participar nunha nova edición de Divernadal. Todos os sábados de decembro dende as 17 ata as 19 horas as máis pequenas e pequenos dos fogares poderán atopar baixo a carpa da Praza Maior un espazo de lecer donde aprender e divertirse.

O espazo, segundo explica o Concello Ponteareán, segue “a liña de traballo da transversalidade” ademais de ofrecer ás familias un servizo de entretemento infantil totalmente de balde, “tamén se facilita que os adultos poidan dispor de tempo para realizar as súas compras no comercio local”.

Unha concentración na Praza do Reló pecha as actividades do Día Internacional da Violencia de Xénero na Guarda

0

A Guarda pechou este luns as actividades en conmemoración do Día Internacional da Violencia de Xénero cunha multitudinaria concentración na Praza do Reló da vila, onde se deu lectura a un manifesto por parte da concelleira de Igualdade e alumnos e alumnas dos centro educativos da vila e onde a cantautora viguesa, Su Garrido, realizou unha actuación musical acompañada da súa guitarra. Esta actuación estivo subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.

As actividades deste ano estiveron coordinada dende o Centro de Información á Muller da Guarda e a Concellería de Igualdade e servizos Sociais, participando unha vez máis na campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se convidou aos establecementos comerciais e asociacións da vila a tinguir de negro A Guarda co reparto de diverso material de forma totalmente gratuíta, cartelería para todos/as, camisetas, bolsas, pousavasos e servilletas para a hostalaría e delantais para os/as preaceiros/as, entre outros.

[su_image_carousel source=”media: 9055,9054,9053,9051,9050,9049,9048,9047,9046,9045,9044,9042″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O venres día 22 de novembro o Centro Cultural acolleu a obra de teatro «Anatomía dunha serea», unha peza de teatro autobiográfica e testemuñal que conta a historia e a experiencia persoal da propia actriz coma unha muller, madre e vítima da violencia obstétrica. Esta actividade, que estivo subvencionada pola Deputación de Pontevedra, encheu de asistentes o Centro Cultural da vila.

Tamén nas redes sociais se convidou a compartir imaxes co material da campaña, interactuando a través dos hashtags #AguardaenNegro e #Aguardacontraasviolencias.

Dende o Centro de Información á Muller da Guarda e a Concellería de Igualdade e servizos Sociais agradécese a colaboración de todas as persoas, empresarios e entidades que se uniron coa causa para que as violencias de xénero sexan cousa do pasado.

Salvaterra mellora a seguridade viaria con pasos sobreelevados a través do plan «DepoRemse»

O Concello de Salvaterra de Miño ven de asinar o contrato para ‘mellora de seguridade víal mediante pasos peatonais sobreelevados nos viais municipais de Salvaterra de Miño’ a través do Plan Provincial Deporemse, por un importe de 178.265,57 € e un prazo de execución de dous meses e quince días.

Con esta obra instalaranse 31 pasos elevados en total entre as 17 parroquias do municipio, co fin de dotar dunha maior seguridade aos peatóns e reducir a velocidade dos vehículos en algúns tramos da rede viaria municipal do Concello. Para iso outorgáselle un carácter máis sostible e accesible, ao entramado de carreteras máis próximo aos núcleos de poboación obxecto deste proxecto.

«Vilas en Flor» premia o traballo de Tomiño na mellora do espazo verde urbano

O xurado de ‘Vilas en Flor de Galicia’, un programa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 50.000 habitantes, distinguiu onte ao Concello de Tomiño coma ‘Vila en Flor 2019’, concedéndolle dúas Flores de Honra, “polo seu traballo na mellora do espazo verde urbano”.

O acto, ao que asistiu a alcaldesa Sandra González, foi celebrado na Cidade da Cultura, coa participación de 16 concellos de toda a comunidade, entre eles Allariz, Ortigueira, Culleredo, Mondoñedo, Portomarín, Caldas de Reis, Salvaterra de Miño e A Guarda.

No caso de Tomiño, o xurado valorou a remodelación urbana do núcleo urbano do Seixo e as perspectivas de axardinamento das novas rúas, ademais de salientar o entorno medio ambiental e paisaxístico no que se sitúa a vila. O río Miño, coma elemento diferenciador do territorio transfronteirizo; a comarca do Baixo Miño, unha das zonas máis fértiles de Galicia, onde abundan os viveiros e a súa proxección empresarial e onde se celebra cada ano a Mostra de Cultivos, foron tidas moi en conta á hora de conceder o galardón a Tomiño, así coma iniciativas de recuperación e promoción do patrimonio paisaxístico como ‘Cultivando Paisaxes’, unha proposta da Fundación Xavier Pousa coa que dar a coñecer mediante distintas intervencións nas estradas, a produción de flor e planta ornamental.

A alcaldesa agradeceu a distinción, comentando que “Tomiño ten aínda moito que facer na mellora dos espazos verdes públicos dos núcleos urbanos, asegurando que este galardón é un aliciente para seguir traballando nestes temas”.

‘Vilas en Flor’ é un programa anual, xurdido en 2018 á iniciativa da Fundación Juana de Vega, Asociación de viveiristas de Galicia (ASVINOR) e da Asociación Galega de Empresas (AGAEXAR). Trátase dun proxecto de carácter internacional apoiado pola Xunta de Galicia, que pretende por en valor a mellora e potenciación dos espazos verdes urbanos, a xestión sostible dos mesmos e a concienciación cidadá no coidado do medio ambiente.

Mondariz debatirá en Pleno a situación do Centro de Día

0

Mondariz afronta unha débeda de 156.875 euros co Consorcio Galego de Benestar Social polo Centro de Día que, a día de hoxe, non está recollida en ningunha partida orzamentaria porque o Concello funciona cun orzamento pensado para 2017. Á vista desta débeda histórica que se acumula desde 2017 e do incumprimento dun pago fraccionado dos 97.500 euros previos a 2019 que acordou o anterior goberno, o Consorcio trasladou esta reclamación ao Fondo de Cooperación Local, dependente da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, para que saldara esta última cantidade a través do recorte de ingresos que percibe o Concello.

“Este goberno soubo deste problema en xullo, cando recibimos a liquidación do pago correspondente ao primeiro semestre de 2019. Non se agochou e actuou de inmediato, consciente de que o Centro de Día é un servizo social moi importante para a veciñanza”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros quen asegura que houbo “que mergullar a fondo no expediente para saber que se fixera entre os anos 2017 e 2019 en relación a este asunto. De feito, o mes pasado apareceu un documento asinado polo anterior alcalde no mes de febreiro, no que se acordaba un pago fraccionado da débeda acumulada ata ese momento (97.500 euros) en 25 meses que non se cumpriu”.

Pola nosa parte, engade o rexedor local, “recorremos a liquidación do primeiro semestre de 2019 pola vía administrativa porque entendiamos que os datos relativos ao número de usuarios non estaban verificados, preparamos un recurso extraordinado de revisión da liquidación correspondente ao primeiro semestre de 2017 porque observamos erros procedementais, e tamén solicitamos unha reunión da comisión de seguemento para buscar solucións”, afirma Barros.

A reunión co Consorcio tivo lugar esta semana, xusto despois de que o Concello de Mondariz recibira unha notificación do Fondo de Cooperación Local, instando a saldar os 97.500 euros das liquidacións de 2007 e 2008 non pagadas en sete meses. “A reunión serviu para aclarar as posicións do Consorcio e do Concello. Respecto aos pagos correspondentes ao periodo 2011-2017, anterior ao cambio do réxime de cofinanciación, o Consorcio confirmou que non se fixeran pero que esa débeda estaba aparcada lexislativamente. Respecto aos pagos posteriores a 2017, argumentou que o feito de que Mondariz non tivera partida orzamentaria para facer fronte á débeda non garantizaba o cumprimento de ningún acordo de pago fraccionado. Este goberno manifestou a súa vontade de resolver o problema financieiro e manter o Centro de Día a través dun novo convenio”, comenta o concelleiro de Facenda, José Luis Fernández, que tamén participou na reunión.

En relación co Centro de Día, o Concello de Mondariz explica que non só se afronta esta débeda histórica, senón tamén a finalización do convenio de dez anos que se asinou en 2010. Á vista dos problemas existentes co Consorcio, o goberno é partidario de “non prorrogar o actual convenio e negociar outro novo a cinco anos que revise o réxime de cofinanciación e dea ao Concello maior capacidade de manobra”. “O futuro do Centro de Día é un asunto que concirne a toda a Corporación Municipal, por iso imos levar a Pleno a proposta de non prorrogar o convenio actual para tratar de negociar outro novo en mellores condicións”, anuncia Barros.

De cara a renegociar co Consorcio o pago fraccionado da débeda histórica do Centro de Día para que as finanzas e os servizos do Concello non se vexan tan afectados, o Goberno considera que é fundamental acadar “un orzamento consensuado por unha maioría das forzas políticas representadas na Corporación Municipal para 2020”, un orzamento que recolla unha partida para o pago desa débeda. “Todos os grupos políticos deben asumir a responsabilidade deste problema. Non falamos de buscar culpables, senón de buscar solucións. E a solución pasa por aprobar un novo orzamento”, afirma Barros.

Case que un cento de persoas rematan os catro cursos de «Tecendo lazos» da Deputación

Un total de 94 persoas finalizan catro cursos formativos do programa da Deputación de Pontevedra “Tecendo Lazos 2019”, cuxo principal obxectivo é crear espazos onde as persoas dunha mesma familia e doutras poidan xuntarse e intercambiar experiencias arredor das temáticas de cada obradoiro. Desta forma, entre o xoves 28 e o venres 30 de novembro clausuraranse os cursos en Barro, Forcarei, Cuntis e Gondomar.

O venres clausuraranse dous cursos. O primeiro deles levou a 29 habitantes de Cuntis a coñecer máis de preto a “Cestería tradicional con reciclaxe de xornais e cartóns”. Pola súa banda, o segundo, reuniu a 17 veciñas e veciños de Gondomar en torno ás “Manualidades de moldeado e pintado con obxectos reciclados”.

Máis polo miúdo, 22 habitantes de Barro adquiriron coñecementos sobre “Reciclaxe téxtil” nun obradoiro que finalizará o xoves 28 de novembro. A deputada provincial Noemí Outeda acudirá o último día do curso á Biblioteca Municipal do concello para facerlle entrega aos participantes de diplomas acreditativos.

O mesmo día 26 veciñas e veciños de Forcarei concluirán un curso de “Bailes e cancións de agora e de sempre”. Neste caso será o deputado provincial Carlos López Font quen acuda ao Centro Social de Forcarei para entregarlles os diplomas aos participantes.

“Tecendo Lazos” oferta este ano accións formativas en 35 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O principal obxectivo do programa é crear lazos afectivos interxeneracionais, de xeito que os cativos e cativas adquiran habilidades novas e empatía cara outras xeracións, mentres que as persoas de idade avanzada avellenten de xeito activo e optimicen así as súas oportunidades de xerar e transmitir coñecemento.

Daniel Pazó e Maria del Carmen Arias, vencen na categoría «Advance» do Trail do Trega

Daniel Pazó e María del Carmen Arias, na proba de advance, e David Patiño e Deneb Álvarez, na de experience, foron os gañadores do VI Trail do Trega que se desenvolveu no emblemático monte Trega da Guarda. Case 500 participantes de varias categorías, tomaron parte nunhas probas que se desenvolveron nun escenario espectacular e ao mesmo tempo con bastante dificultade. Pero todos agradeceron a paisaxe e o percorrido que deseñou a organización.

Á cita, unha das máis importantes da tempada, inscribíronse atletas de todas Galicia, tamén de varios lugares de España e especialmente de Portugal. As probas contaron co apoio do Concello da Guarda, Comunidade de Montes da Guarda, Powerade e a Deputación de Pontevedra.

A proba chamada advance contaba cun percorrido de 18 quilómetros. Daniel Pazó do Club Atletismo Baiona, foi o primeiro en completalo. Superou con facilidade a José Manuel Gil, do A Canuda Aviva Sport, de Salceda de Caselas, e Marcos Antonio Pascual, de Sanxenxo. Na categoría feminina, o triunfo correspondeu a María del Carmen Arias, do Pato Blanco Celanova, que tivo en Raquel Doiro González, do Ultra Life Team de Vigo, a unha forte adversaria. Rebeca Muñoz, de Teis, colocouse na terceira posición.

O deseño da proba incluía a subida dá Cal, o miradoiro de Pedra Furada, o muro de Chans, a subida vos Castros, o muro do Facho, a subida a San Francisco,a 317 metros de altitude, e o muro do Cuncheiro. Por tanto, un constante subir e baixar, o que puxo a proba a resistencia e capacidade de superación dos atletas.

[su_image_carousel source=”media: 9021,9020,9018,9017,9016,9015,9019″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Na proba experience, de 12 quilómetros, o gañador foi David Patiño, do Club A Canuda, de Salvaterra de Miño. O triunfador tivo que empregarse a fondo, xa que superar por escasa marxe a Ramón Troncoso, do Club Atletismo Porriño. O vigués loitou ata o último momento pola vitoria e quedou moi preto. Demostrou atoparse nun bo momento de forma e conquistou un magnífico segundo lugar nunha proba que non se adapta ás súas características. Pola súa banda, Juan José Solleiro, de Tomiño, ocupou a terceira posición. Deneb Álvarez Saavedra foi a gañadora na categoría feminina, seguida de Lorena Freire, de Ourense, e Elena Pérez, do Lamargha Autotodo, de Castro Caldelas.

Os e as participantes tiveron que superar o miradoiro de Pedra Furada, o muro de Chans e a subida dos Castros, de 265 metros de altitude. O percorrido era menos esixente que na proba de 18 quilómetros, pero tamén obrigada a un intenso esforzo.

A andaina organizada ao abeiro do Trail do Trega, contou cunha participación máis que numerosa o que fala, ben as claras, da aceptación desta iniciativa na que se pode gozar dunha paisaxe auténticamente incomparable

O VI Trail do Trega tamén organizou unha andaina, que contou cunha numerosa participación. Os organizadores destacaron tamén a presenza dunha gran cantidade de persoas que se desprazaron de Portugal. Esta competición xa se pode considerar como unha das máis importantes de Galicia por moitos motivos, entre eles, a espectacularidade da súa paisaxe.

A mocidade de Ponteareas paricipou no VII Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia

A tenenta de alcalde e concelleira de Ensino, Cristina Fernández e o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, acompañaron onte ao alumnado de Ponteareas que participou no ‘VII Foro Infantil UNICEF-Parlamento de Galicia’, celebrado no Salón de Plenos da Cámara galega coa intervención de representantes dos consellos locais de participación infantil e adolescente de Ponteareas, Redondela, Castrelo de Miño, Ourense, O Barco de Valdeorras, Cabanas, O Porriño, Teo e Moeche. Tamén participaron a presidenta de UNICEF-Comité Galicia, Myriam Garabito; e a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Amparo González sendo rebicidos polo vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo.

Este ano celébrase o 30 aniversario da Convención sobre os dereitos do neno, un tratado internacional que “supuxo, en si mesmo, un paso de xigante”, e que cómpre protexer e impulsar.

Ponteareas foi representada por 15 alumnas e alumnos do Consello da Infancia e da Mocidade, 9 nos escanos e 6 entre o público asumindo o papel de portavoz de Ponteareas, Vera Alonso, do IES Val do Tea, que falou da importancia de poder exercer o dereito á participación recollido dende hai 30 anos .

“Por iso son tan importantes os procesos de participación postos en marcha nos nosos concellos, porque serven, igual que o traballo de preparación que fixemos para o día de hoxe, para visibilizar as problemáticas e as necesidades reais que ten a infancia e a adolescencia …”, asegurou a portavoz de Ponteareas.

 No Parlamento o alumnado falou de participación, de educación, de cambio climático, da probreza e de protección sendo, xunto ao tema presentado por Ponteareas, os asuntos que máis preocupan á mocidade.

Esta nova edición do Foro UNICEF-Parlamento de Galicia contribúe a outorgar visibilidade ao papel desta axencia da ONU que traballa na defensa dos dereitos da infancia. Con actividades como a que onte se desenvolveu no Parlamento contribúese a facer efectivo un dos dereitos consagrados na Convención sobre os dereitos do neno: o dereito a expresar as súas opinión e a que estas se teñan en conta.

Costas do Estado remata a escollera provisional de protección da praia Lamiña-Forte

0

Despois de case dous anos de xestións por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e cando a situación, no punto máis crítico da praia, facía prever que a duna non aguantaría un inverno máis, e se produciría a inundación da depresión existente tras ela; Costas do Estado acometeu unha escollera provisional que permitirá frear a erosión do litoral mentres se traballa no proxecto definitivo de ‘Estabilización da Marxe do río na súa desembocadura’.

Dende o concello da Guarda, dende o primeiro momento, observando o deterioro acelerado do litoral da Lamiña nestes últimos anos, demandouse unha actuación urxente por parte de Costas do Estado. Esta demanda contou sempre co apoio de moitas persoas, a nivel particular ou de forma colectiva, que fixeron chegar as súas queixas ao concello, sobre todo veciños e veciñas de Camposancos.

A competencia para actuar no litoral do río Miño no seu tramo internacional, Pertence a Costas do estado, que a súa vez depende da Dirección General de Sostenibilidade de la Costa y del Mar integrada no Ministerio para la Transición Ecológica.

Dado o carácter internacional do Esteiro do Miño calquera actuación debe contar co visto bo do Ministerio de Administración Interna de Portugal, e, por pertencer a rede Natura 2000, debe ter informe favorable da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, dado que ten que cumprir co plan director da rede Natura 2000. Neste caso, por tratarse dunha actuación urxente, puntual, de pouca lonxitude e de carácter provisional non é preceptivo o estudo de avaliación ambiental segundo indica a Ley de Evaluación Ambiental.

O Goberno da Guarda que preside Antonio Lomba asegurou coincidir plenamente coa Consellería de Medio Ambiente cando expoñen no seu informe que: “é necesario realizar estudos, xestións e avaliacións ambientais a escala internacional, contemplando todo o río e as súas marxes, que permitan propoñer unha solución global aos problemas erosivos”. Pero, “dado que o devandito proceso pode precisar prazos non inferiores a dous anos, parece urxente realizar unha actuación local e temporal no tramo crítico, onde a duna está máis afectada, cara a evitar o dano irreversible que suporía a inundación da depresión que existe tras ela”.

De feito, as recomendacións que a Consellería de Medio Ambiente fai no seu informe son as que se seguiron a hora de acometer a actuación da escollera provisional que se acaba de rematar. Poñendo sempre por diante a protección do entorno para evitar danos irreversibles no ecosistema dunar.

O Executivo local entende tamén que a solución definitiva que se propoña para o problema de erosión no litoral galego do esteiro, que está afectando a centos de metros de praia e dunas, “debe ter as garantías medioambientais precisas as que fai mención tamén o informe da Consellería”.

Na actualidade, dende o Concello, estase a espera de que remate a redacción do proxecto definitivo de estabilización e agardan que este proxecto “contemple a construción do dique-escollera proposto no informe técnico do CEDEX (Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas) como alternativa 5. Esta foi dende o principio a que entendíamos como solución de futuro a longo prazo que permitiría a protección e rexeneración da praia e o entorno dunar”, sinala o alcalde guardés.

Antonio Lomba, no nome do seu goberno, quixo facer chegar o seu sincero agradecemento “ás moitas persoas e institucións que nos axudaron e fixeron posible acometer esta actuación antes de que os efectos da erosión foran irreversibles”.

Dende o concello da Guarda agradecen “a preocupación e o apoio recibido por todas elas, ben axilizando os permisos para a actuación ou colaborando na busca de financiamento. En particular queremos mencionar a colaboración directa de: o Delegado do Goberno en Galicia, a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, o Xefe de Costas de Pontevedra, o Xefe Provincial da Consellería de Medio Ambiente, o Presidente da Cámara de Caminha, O Comandante Naval do Miño, o Ministro de Administración Interna de Portugal, Os Deputados Socialistas do Parlamento Galego e Español e a Comisión Internacional do Río Miño. Gracias a todos”, conclúe o comunicado do Concello da Guarda.

O Concello de Redondela asegura que os nenos do novo Colexio Igrexa terán calefacción

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Ensino, Olga García Ballesteros mantiveron unha xuntanza de traballo co xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, para tratar diversos temas relacionados cos centros escolares redondeláns con especial atención ao problema da falta de calefacción do novo Colexio Igrexa de Chapela.

A antedita reunión estaba xa pedida fai tempo polo Concello de Redondela, pero foi preciso pospoñela por problemas de axenda da Xefatura Territorial.

En concreto, a situación do Colexio Igrexa responde, segundo se sinalou trala reunión “a problemas técnicos derivados do propio proxecto” e, nese sentido, a alcaldesa destacou “o traballo que, dende o primeiro momento, están a desenvolver o Concello, a Xefatura Territorial de Educación e Gas Natural, de xeito totalmente coordinado, para dar unha solución á maior brevidade posible”.

De feito a empresa de gas traballa xa na conexión entre a rede de subministro e o cadro central de distribución do centro escolar de cara a poñer todo o sistema en marcha do xeito máis rápido posible. Mentres, a Xefatura Territorial dotará ao colexio de bombas de calor de cara a mellorar as condicións térmicas do centro escolar.

Convenio de colaboración

Na reunión, Xunta de Galicia e Concello de Redondela estableceron unha nova reunión para o vindeiro mes de xaneiro, de cara a asinar un convenio de colaboración entre ámbalas dúas administracións que permita abordar a solución a diversos problemas dos centros educativos redondeláns.

Máis polo miúdo, Digna Rivas e Olga García expusron a necesidade de instalación dun ascensor e cambio do falso teito no colexio de Angorén; dar solución á falta de espazo para o comedor escolar no colexio Santa Mariña, amais do pintado de fachadas e instalación de canalóns; peche da pista de Cedeira e, un tema de especial importancia como é a reforma integral no colexio de Reboreda.

Na mesma liña, estúdase a posibilidade dende a Xefatura Territorial de, a través dunha partida orzamentaria para mellora da eficiencia enerxética, incluír o cambio de todas as ventás do colexio de Cesantes, de cara a conseguir un mellor illamento térmico.

A estes compromisos firmes, o Concello de Redondela levará á vindeira reunión, outros temas de interese relativos a obras e actuacións nos demais centros educativos do municipio. Algúns deles, como o do transporte escolar, “son máis de coordinación e organización que de investimento, pero teñen importancia extraordinaria para os nosos centros escolares, para o alumnado e para as nais e pais”.

Olga García Ballesteros, concelleira de Ensino, reunirase en vindeiras datas con técnicos da xefatura territorial de Educación para tentar acordar un calendario de traballos nos distintos centros de ensino.

Tanto Digna Rivas como Olga García Ballesteros agradeceron a “sensibilidade e boa disposición amosada por César Pérez Ares en todos os temas que fan referencia ao ensino de Redondela”.

Camelia «Three Sisters», unha soa planta con tres cores e tres variedades

0

O traballo constante e a aposta pola innovación son dúas das sinais de identidade das que sempre fixo gala a empresa de viveiros de Tomiño, Río Tollo. Esa innovación toma agora forma de camelia ao lanzar ao mercado un novo produto que, afirma a empresa, “sorprenderá e namorará aos amantes das camellias”. É a Three Sisters unha nova e apaixonante composición de camelia capaz de combinar nunha única planta tres variedades con tres cores de flores distintas, todo dunha forma totalmente harmonizada.

Son tres variedades diferentes que se adaptan perfectamente úna á outra e que dá como resultado unha soa planta coa que encher de cores terrazas e xardíns.

Río Tollo explica que foron catro anos de traballo para desenvolver “un produto único” que consegue a maridaxe perfecta entre exemplares que crecen e florecen de forma parella “conformando unha planta equilibrada e brindando un auténtico espectáculo de cor”.

Con Three Sisters a empresa tomiñesa busca poñer ao dispor do público unha camellia cun altísimo valor ornamental “grazas á súa abundante floración e cunha alta resistencia a pragas e enfermidades, o que a converten nunha planta imprescindible”.

O lanzamento ao mercado desta camelia non fai máis que amosar o traballo e a aposta en I+D+i que a empresa de Tomiño leva desenvolvendo dende os seus inicios, hai xa 20 anos.

A ponteareá Sabela Martínez Viéitez recibe un premio no concurso de relato e debuxo contra a violencia de xénero

A alumna de 3º da ESO do CPR A Inmaculada, Sabela Martínez Viéitez, recolleu onte no auditorio Afundación en Pontevedra o premio do III concurso de relato e debuxo contra a violencia de xénero organizado pola Subdelegación do Goberno nesta cidade.

A Subdelegación do Goberno recoñeceu onte cun premio á ponteareá Sabela Martínez na categoría 1 para alumnado da ESO pero ademais entregou un premio colectivo para toda a súa clase que a arroupou durante o acto de entrega no que tamén estaba a concelleira de Ensino e tenenta de alcalde Cristina Fernández.

Cristina Fernández quixo acompañar aos mozos e mozas premiadas e agradeceu no nome de todo o goberno “o traballo realizado polo centro educativo” destacando o premio acadado polo grupo de 3º da ESO e de Sabela Martínez.

A tenenta de alcalde destacou tamén a importancia “de traballar todos xuntos cuestións tan relevantes como a desigualdade e violencia de xénero, pondo o punto de mira na educación da infancia e da mocidade que son a sociedade do futuro”.

Presentación de «A casa xunto ao volcán» de Xosé Ricardo Losada, gañadora do II Premio Viadutos de Novela

0

O Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, acolle mañá sábado, 23 de novembro ás 12 horas, o acto de presentación da novela ‘A casa xunto ao volcán’, de Xosé Ricardo Losada, gañadora do II Premio Viadutos de Novela convocado polo Concello de Redondela.

No acto intervirán, amais do autor, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o director xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro e as integrantes do xurado, Dolores Villanueva e Ana. R Figueiredo, gañadora da primeira edición deste certame de novela coa súa obra ‘Os bicos feridos’.

Ao remate da presentación se fará entrega ao público asistente, dun exemplar do libro asinado polo autor.

Xosé Ricardo Losada

Nado en Rianxo en 1961, é profesor de Filosofía no Instituto Félix Muriel de Rianxo. En 2005 publicou o libro de relatos O xene da chuvia. Tamén é autor de Dez anos de poesía. Premio Faustino Rey Romero (2008) e de Faustino Rey Romero: obra poética e teolóxica (2013), libro sobre a obra completa do crego poeta.

Resultado deses traballos de investigación, deu ao prelo a biografía Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (2015) e en 2018 Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego. A súa primeira novela, Bótame deste mar fóra, saíu á luz en 2017. Con A casa xunto ao volcán gañou o Premio Viadutos de Novela 2019.

«Os Bolechas» transmiten en Baiona a necesidade de rematar coa violencia machista

0

O Sábado 23, os Bolechas, as persoaxes xurdidas da imaxinación de Pepe Carreiro, visitarán Baiona para presentar o libro ‘Os Bolechas visitan as escolas de Baiona. O bo trato’. Este libro é un proxecto que agocha un gran traballo da equipa do CIM de Baiona para transmitir, dunha maneira axeitada ás idades temperás, un tema tan importante coma é a violencia machista.  

Se o tempo o permite, os Bolechas farán un pasarrúas dende a rúa Carabela Pinta até o Auditorio V Centenario onde as crianzas poderán sacarse fotos con eles e elas e levarse un exemplar do libro.

Pepe Carreiro tamén estará en Baiona para asinar os libros e fará un debuxo moi especial para lembrar a visita dos Bolechas ao municipio.

Consellería de Cultura e Concello de Salvaterra asinan un convenio para promoción turística

O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel,  veñen de asinar un convenio para a promoción turística do municipio a través da instalación e posta en servicio de pantallas e monitores en distintos puntos do casco urbano, de forma que os visitantes teñan acceso directo á información.

Válcarcel sinalou que “estamos na era das telecomunicacións e temos que adaptarnos ao seu uso”. A alcaldesa no dubida ao sinalar que tenta converter tamén ao concello de Salvaterra de Miño “nun referente en canto ao xeito de compartir información cos veciños e visitantes da zona”. 

A día de hoxe –explica a rexedora local– “o noso  municipio é unha das zonas máis visitadas do sur da provincia de Pontevedra xa que son centos de persoas as que se desprazan a nosa Vila para desfrutar dunha das zonas verdes máis importantes de Galicia, o Parque Público A Canuda; que veñen a camiñar polos máis de 30 km de sendas verdes polas beira dos nosos ríos ou que ven a empaparse da nosa historia visitando o noso Recinto Amurallado ou o Museo da Ciencia do Viño ou que buscan bañarse no nosos Espazo Termal Lúdico…”.

Con esta acción o Concello de Salvaterra de Miño busca derivar a todos eses visitantes que se achegan ao municipio durante todo o ano “aos diferentes puntos de interese nas parroquias, xa que Salvaterra de Miño conta cunha gran riqueza patrimonial, cultural e histórica ao longo das súas 17 parroquias, a través da instalación de tres tipos de pantallas publicitarias en tres puntos estratéxicos”, explica Marta Valcárcel.

A obra consiste na instalación dun monitor de alta luminosidade táctil na Rúa Miño, no cruce de entrada cara o Parque A Canuda, onde todos os visitantes terán un acceso directo e fácil a toda a información turística do municipio.

Doutra banda instalarase unha pantalla na glorieta existente no cruce de Rúa Rosalía de Castro coa Rúa Miño e outra no parque A Canuda, a través das cales ademais de proxectar as imaxes do Concello axudará a publicitar os eventos deportivos e culturais do municipio e toda a información de interese para veciños e visitantes.

Ponteareas abre, o luns 25, a inscrición para a Cabalgata dos Reis Magos

A concellería de Eventos que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández vén de dar conta que, dende o luns día 25, todas as familias interesadas poderán inscribir no Rexistro de Entrada da Casa do Concello aos seus fillos e fillas para participar na tradicional cabalgata dos Reis Magos que se celebrará o domingo 05 de xaneiro de 2020 e que percorrerá as rúas do centro urbano.

Cristina Fernández Davila convida a tódolas nenas e nenos, con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos, a que participen como paxes das súas maxestades. A solicitude poderase presentar ata o día 14 de decembro.

Unha quincena de persoas benefícianse do programa «Cultiva a Mente» de Salceda

O Concello de Salceda de Caselas, en colaboración con AFAGA e coa financiación da obra social de Caixabank está a desenvolver unha nova edición do programa ‘Cultiva a mente’, un proxecto que engloba a prevención da demencia e a promoción de hábitos saudables a nivel cognitivo e emocional.

As persoas participantes fano dun xeito activo, inmersos/as nun programa formativo que explora as preocupacións e necesidades de cada unha, proporcionando unha resposta que sexa extrapolable ó seu día a día e proporcione hábitos saudables no plano cognitivo e no afectivo.

Os/as asistentes ao programa realizan actividades de memorización, así como tarefas nas que se estimule a lóxica, a planificación, a organización e a toma de decisión, tanto individual como grupal. Realízanse tamén exercicios para mellorar a orientación temporal, espacial e persoal, ensinándolles ás persoas maiores a empregar axudas externas para orientarse.

Esta mañá a alcaldesa Loli Castiñeira xunto coa tenente alcaldesa Verónica Tourón; a concelleira de Benestar Social Gela Ledo; o director da oficina de Caixabank en Salceda de Caselas e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez Bernárdez, visitaron a actividade para saudar ás persoas participantes e agradecerlles a súa participación no programa.

As persoas asistentes trasladáronlles unha valoración moi positiva da actividade, e aproveitaron para demandar que se realice durante máis tempo, por ser unha actividade considerada de moito proveito para todas elas.

A concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, subliñou a prioridade que supón, para o seu departamento “traballar para que iniciativas coma estas, para as nosas persoas maiores así como outras para a infancia, se poidan levar a cabo ao longo dos vindeiros anos”.

O programa vai dirixido ás persoas maiores de 55 anos sen deterioro cognitivo, interesadas na prevención deste deterioro e no coñecemento do envellecemento activo. Realízase os xoves no centro Social da Devesa a cargo de AFAGA (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia), grazas á financiación da entidade Caixabank.

Loli Castiñeira, destacou nas súas palabras “a concienciación” que teñen os nosos maiores “ao demandar un envellecemento saudable acorde co seu estilo de vida, e o Concello de Salceda aporta así o seu granciño para que isto sexa posible”.

A rexedora local comprometeuse a seguir poñendo en marcha accións deste estilo “que sempre teñen unha grande acollida por parte da terceira idade, buscando para elo a colaboración das diferentes entidades que nos permitan seguir a manter este tipo de iniciativas”.

Ponteareas convoca novas axudas de apoio á creación e consolidación de emprego

O concello de Ponteareas abre o prazo para as axudas de apoio á creación e consolidación de emprego por parte da iniciativa privada na localidade. A subvención foi publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) de onte, 21 de novembro, e a cuantía ascende a 39.000 €. O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e remata o vindeiro 1 de decembro tendo os e as interesadas dez días naturais para presentarse. As bases e os impresos pódense atopar na páxina web do concello de Ponteareas ou no seguinte enlace.

Poderán beneficiarse das axudas, tanto os emprendedores a título individual que acceden por primeira vez ao mercado laboral como empresas e autónomos que queiran contratar novo persoal ou aquelas que vaian mudar a modalidade dos contratos temporais a indefinidos.

Novidades

Esta convocatoria fai especial fincapé no fomento da contratación da mocidade nas empresas locais, unha das primeiras medidas que se inclúe no Plan de Mocidade que a concellería que dirixe Miguel Bouzó está ultimando para a súa consulta pública e posta en marcha para ser executado de xeito transversal coa Concelleira de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández. Deste xeito, esta liña de axudas incentiva e reforza á contratación de menores de 36 anos de idade incrementando a cuantía correspondente nun 50% chegando ata os 3.000€.

Estas axudas foron implantadas no ano 2015 pola decisión persoal do alcalde Xosé Represas de destinar a ese fin a partida do presuposto reservada para o seu salario ao que renunciou. Ao abeiro deste programa, un total de 82 traballadores e traballadoras xa foron contratados/as e consolidados/as como indefinidos neste último mandato grazas a estas axudas.

Xosé Represas salientou que, con estas iniciativas, “respóndese á principal preocupación dos e das ponteareás: o emprego, prioridade para este goberno que por vez primeira e durante catro anos consecutivos adica recursos a apoiar e incentivar a creación de emprego por parte da iniciativa privada”.

Ponteareas, sempre solidaria

O Goberno de Ponteareas, representado polo Alcalde Xosé Represas e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, mantiveron un encontro coa presidenta de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Maite Isla, para a sinatura do convenio que permite desenvolver no concello o programa ‘Vacacións en Paz’ que cada ano facilita o acollemento de nenos e nenas saharauís.

Goberno e Asociación asinaron un convenio por valor total de 6.000 € que permitíu o financiamento dos traslados e viaxes destes pequenos e pequenas que durante a tempada estival forman parte da veciñanza enriquecendo coa súa cultura as vivenzas destas familias. Acoller é unha experiencia na que as dúas partes resultan beneficiadas polo intercambio vital de dous pobos irmáns. 

Solidariedade Galega co Pobo Saharaui tamén deu conta que precisan familias acolledoras para que este verán sexan máis pequenos e pequenas os que nos visiten e poidan tratar ademais posibles doenzas ou solventar carencias provocadas pola vida nos campamentos saharauís. 

Acoller é máis doado grazas á colaboración do Concello de Ponteareas que financia os traslados facendo que as familias beneficiarias non teñan que afrontar os gastos de desprazamentos dos cativos e cativas e tan só terán que recibilos nos seus fogares e gozar desta marabillosa e fermosa convivencia na que as dúas culturas se funden conformando unha soa familia.

Os distintos convenios coa Seguridade Social, ópticas, dentistas e distintas especialidades sanitarias tamén supoñen un alivio económico para as familias e ofrecen cobertura sanitaria, incluídas oftalmolóxica, odontoloxía e auditiva.

Para premiar este compromiso e facilitar a conciliación familiar o concello de Ponteareas reservará prazas nas actividades de verán como os campamentos do Campus Tea para que os e as saharauís poidan participar como calquera outro ponteareán ou ponteareá. Todos os interesados e interesadas en participar nesta acción que va máis aló da solidariedade, deben contactar no teléfono 986 26 26 37.

Carmela Silva recolle no Senado o recoñecemento ás Deputacións no marco dos 40 anos de democracia local

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao presidente da Deputación de Segovia, Miguel Ángel de Vicente, representou onte ás deputacións provinciais de toda España no acto recoñecemento no Senado ao municipalismo e aos entes locais. A homenaxe «Corenta aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas trala aprobación da Constitución» estivo encabezada polo presidente do Senado, Manuel Cruz, o ministro en funcións de Política Territorial, Luis Planas, e o presidente da FEMP, Abel Caballero.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción polo recoñecemento no Senado da labor desenvolvida pola Deputación de Pontevedra que preside, extensivo ás Deputacións de todo o estado. “Sentímolo como un recoñecemento ao traballo desenvolvido polos órganos intermedios, que permiten que os concellos máis pequenos, sobre todo os de menos de 20.000 habitantes, poidan ter garantidos os seus dereitos e servizos e isto, precisamente, é o que nos move a nós dende a Deputación de Pontevedra”, asegurou.

Audio de Carmela Silva na homenaxe no Senado no actode 40 anos de democracia local

Silva tamén aproveitou a ocasión para recordar que “en España hai 41 deputacións e soamente seis mulleres presidentas, é dicir, supoñemos o 14%, o que significa que nos organismos intermedios aínda queda un longo camiño que percorrer para acadar a paridade”. Neste eido, a presidenta provincial amosou a súa ledicia por ver que no acto da FEMP desta mañá no Senado tamén se recoñeceu o labor desenvolvido polas mulleres, “de tantas mulleres que dende o local levaron adiante as súas ideas e os seus proxectos e transformaron o espazo público cunha mirada en feminino”.

[su_image_carousel source=”media: 8945,8946,8943″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O acto de “Homenaxe ao Municipalismo. Corenta aniversario das primeiras eleccións municipais democráticas trala aprobación da Constitución” no antigo Salón de Sesións da Cámara Alta serviu de homenaxe a aquelas persoas que permitiron consolidar a democracia local. Deste xeito, fíxose un recoñecemento aos 22 alcaldes que dende 1979 seguen desempeñando dito cargo nas súas respectivas localidades. Tamén se recoñeceu, ás primeiras alcaldesas que resultaron elixidas naquela data (con presenza de catro delas no acto), á primeira muller que gobernou unha capital de provincia (Valencia), aos alcaldes e alcaldesas nados en 1979, ao actual alcalde máis novo do Estado e ás Deputacións provinciais como elementos de cohesión e equilibrio territorial.

Conmemoración do 97 aniversario dos «Sucesos de Sobredo»

0

Diversas entidades sociais concéntranse, este domingo 24 de novembro, en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no concello de Tui, para conmemorar os «Sucesos de Sobredo», no seu 97 aniversario. O obxectivo da convocatoria, segundo o Instituto de Estudios Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), organizadores do acto, é “manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo duns feitos producidos, no 28 de novembro do ano 1922”.

Os ‘Sucesos de Sobredo’ saldábanse co balance de tres persoas mortas no mesmo lugar –Cándida Rodríguez González, veciña de Pazos de Reis (Tui) e os veciños de Salceda de Caselas, Joaquín Estévez Besada, de Soutelo e Venancio González Romero, de Budiño– amais de varias feridas de diversa consideración cando a Garda Civil disolveu a tiros a concentración de labregas e labregos; participaban nun acto solidario de apoio a un veciño de Sobredo que por non pagar rendas de Foros ia ser embargado.

Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar “no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia” sinala o IEAMSO.

Do papel protagonista da muller nas loitas sociais, de comezos do século XX dá testemuñado o seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión, exercida nesa altura; tentando por freo a rebeldía contra a inxustiza. Ramón Cabanillas deixa constancia dese feito e honra á muller galega na persoa de Cándida Rodríguez, vítima nos sucesos, no poema «Sobredo» (Da terra asoballada, 1926):

!Nai galega que diche a sangue xenerosa
para calmar a sede rabiosa da impiedade,
nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!
!Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!

O acto de homenaxe ten lugar ao pé do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista.

Coa recuperación da memoria dos feitos, dende 1986 e reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións de veciños, asociación culturais, comunidades veciñais de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.

Neste ano 2019 intervirá no acto Carlos Babío Urkidi, investigador, coautor do libro: Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

Posteriormente terá lugar unha ofrenda floral no monumento e pechará o acto o grupo de gaitas «Folieiros»

O PSOE de Ponteareas agradece que o Goberno socialista en funcións apoie ao municipio con máis de 7 millóns de euros

Hai unha semana, o Consello de Ministros aprobaba a modificación do convenio coa Sociedade Estatal de Augas das concas de España para a execución da ampliación da depuradora de Ponteareas. Esta obra de máis de 7 millóns de euros financiarase nun 60 % polo Estado a través da Unión Europea, un 20 % polo Concello de Ponteareas e outro 20 % pola Xunta, a través dun convenio pendente de asinar.

Desde o PSOE de Ponteareas esixen agora á Xunta de Galicia, que a sinatura do convenio non se demore para que non exista ningún obstáculo á tan necesaria ampliación da depuradora.

Tras diversas reunións mantidas tanto pola plataforma de afectados coma pola Agrupación socialista de Ponteareas co Presidente da Confederación Hidrográfica, transmitiuse a necesidade e importancia da ampliación da depuradora de Ponteareas, non só para velar pola calidade da vida dos veciños e veciñas, senón tamén pola propia conservación do medio ambiente, debido a que “son moitos anos os que leva contaminando o Río Tea, río que pertence á Rede Natura 2000”, apunta o presidente da xestora do PSOE de Ponteareas, Alfonso Porto.

Os e as socialistas ponteareáns agradecen “a loita incansable dos veciños e veciñas que trataron sempre de maneira construtiva que as institucións comprendesen a importancia de contar cun servizo tan básico hoxe en día como o saneamento”.

O Partido Socialista subliña que “se cumpre así coa promesa feita aos veciños e veciñas”. Alfonso Porto, sinala que coa aprobación no Consello de Ministros “dáse luz verde ás accións que permitirán poñer fin a un problema histórico, resultado dunha nefasta planificación realizada no seu día polo Partido Popular”.

“Resulta paradógico que o PP queira agora facer crer aos ponteareáns que os vertedura ilegais ao río Tea son un problema do Goberno, cando a Sra Villar estivo a gobernar en Ponteareas e non quixo ou non foi capaz de elevar o problema dos veciños a Madrid”, conclúe Alfonso Porto.

Ponteareas abre o proceso de participación para a humanización de tres novas rúas

O Concello de Ponteareas vén de abrir o proceso de participación para o deseño das rúas Daniel Ojea, rúa dos Mestres e rúa Vázquez Fraile, para o que convocou á veciñanza da zona a unha reunión que terá lugar este venres, día 22 de novembro, ás 20:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.

No encontro participarán o alcalde Xosé Represas; o concelleiro de Mobilidade e Participación Cidadá, Roberto Mera e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.

Como vén sendo xa norma habitual dende o pasado mandato á hora de facer obras de humanización, con esta reunión o Goberno local quere escoitar a opinión veciñal sobre as problemáticas actuais das rúas e as súas ideas de como lles gustaría que foran.

A información recollida nesta reunión será tida en conta no futuro para os proxectos técnicos de reforma e humanización que se someterá igualmente a consulta pública para que, a transformación futura das rúas, sexa o resultado do máximo consenso cidadá.

Estas tres rúas foron deseñadas no seu día dacordo cun modelo de vila no que imperaba o aproveitamento máximo dos solares para obter un alto beneficio urbanístico, a creación de rúas estreitas, con beirarrúas insuficientes e sen arborado ou con arborado inapropiado e a carón dos edificios.

O goberno local quere revertir esta situación e reconducir o estado da vila transformando o centro urbano nun lugar habitabel e para que a transformación sexa eficaz e exitosa é preciso contar coa veciñanza que é a que coñece a realidade diaria das rúas.

O concello realizou estes días na rúa dos Mestres e Daniel Ojea obras de mellora do firme das beirarrúas afectadas polas raíces do arborado e a retirada destas árbores. para solucionar os problemas de seguridade e mobilidade que conlevaba o deterioro desas beirarrúas.

Un ano máis, o CB Nigrán auna á sociedade contra a violencia machista

0

O C.B. Nigrán, un ano máis, rende homenaxe ás vítimas da violencia machista e o fai, como o leva facendo nos últimos anos, cun video no que á sociedade –no máis amplo sentido da expresión e representada polas súas máis diversas facetas e sectores–, grita unha mesma mensaxe contra a lacra social que supón a violencia contra as mulleres.

Actores como Javier Gutiérrez e Manquiña; os inesquecibles xogadores Epi e Navarro; a selección de baloncesto de Gran Bretaña; os escritores Antonio García Teijeiro e Inma Lopez Silva; a campioa do mundo de Triatlón paralímpico Susana Rodríguez; a xornalista Montse Fajardo; a actriz e presentadora Silvia Fominaya; el dúo Amistades Peligrosas; colectivos como a Policía Local de Nigrán, o Grumir do Val Miñor e os claustros de todos os centros educativos de Nigrán, entre outros, –ademáis dos xogadores e xogadoras do club– aparecen no vídeo cunha pelota de baloncesto, un balón por cada muller, neno e nena asasinado neste 2019. Ninguén dubidou á hora de participar nesta iniciativa do Club de Baloncesto Nigrán.

[su_image_carousel source=”media: 8912,8915,8913,8916,8914″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No final dese video, 52 balones debuxando un gran lazo na cancha do Pavillón Municipal de Panxón, lembrarán ás vítimas da sen razón que é a violencia machista. Nunca balóns de baloncesto, para aqueles que amamos este deporte, tiveron un significado máis triste e, ao mesmo tempo, nunca houbo nada capaz de transmitir unha mensaxe máis dura sen necesidade de palabras.

Arredor dese lazo cargado de significado, xogadores e xogadoras do C.B. Nigran, adestradores e adestradoras, directiva e familiares chamarán á sensibilización social dun mal endémico á nosa sociedade e a poñer freo “a unha lacra social que non cesa no seu goteo de vítimas e que serva como un pequeno graniño de area na loita contra a violencia machista”.

O traballo que diariamente fai o CB Nigrán, educando aos nenos e nenas en valores como a tolerancia, o respecto, a diversidade e a solidariedade son a mellor ferramenta, a única ferramenta, para loitar contra a violencia machista. Niso, o CB Nigrán foi, é e seguirá a ser un exemplo.

Nenos e nenas de «DepoEmprende na Escola» apostan pola sustentabilidade, a reciclaxe e o medio ambiente

Máis de 300 rapazas e rapaces de entre 10 e 11 anos dos 9 centros da provincia participantes en “DepoEmprende na Escola” tomaron esta mañá o Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra na presentación das 14 cooperativas que van desenvolver ao longo do curso escolar.

O alumnado máis novo, dos cursos de educación primaria e especial, amosou o seu compromiso co coidado do medio ambiente ao centrar os seus proxectos na sustentabilidade, na reciclaxe e na ecoloxía. Amais, en canto aos beneficios, as nenas e nenos fixeron gala da súa solidariedade ao explicar que parte das súas ganancias irán destinadas a diferentes ONGs ou asociacións, entre as que destacaron diversas protectoras de animais.

[su_image_carousel source=”media: 8906,8905,8904,8903,8902″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Neste eido, o deputado provincial Carlos Font salientou os grandes valores que teñen estas novas xeracións, “utilizades linguaxe inclusiva a prol da igualdade; acordádesvos das persoas máis necesitadas e de causas como a protección dos animais e, tamén, estades concienciadas e concienciados co cambio climático e coa protección do planeta; uns dos eixos fundamentais da Deputación de Pontevedra”.

Na súa intervención, Font fixo fincapé na importancia de impulsar a cultura emprendedora e na calidade dos proxectos presentados, “despois deste acto, todas e todos nós podemos quedar tranquilos porque o futuro que vén é espléndido”. Para finalizar, o deputado provincial tamén fixo un recoñecemento público ao profesorado e a todo o persoal que fai posible que este programa poida levarse a cabo.

O acto comezou co saúdo en vídeo da presidenta da Deputación, Carmela Silva, ao alumnado participante no que animou ás nenas e nenos a que seguiran formándose na cultura emprendedora e a “desenvolver a súa creatividade de cara a creación de empresas”. A continuación, o alumnado dos centros participantes de educación primaria e especial, dividido en dúas quendas, presentou as súas cooperativas e, posteriormente, foron entregados os NIF. A xornada rematou coa actuación de “A Saco Circo”, co que todas as rapazas e rapaces desfrutaron e participaron nun espectáculo cheo de humor, xogos, maxia e malabares.

Máis polo miúdo, na primeira quenda, o CEE Pontevedra presentou a cooperativa “3E”; o CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados explicou a súa cooperativa “Vilariño’s Company”; o CEIP Antonio Palacios do Porriño presentou “Naturoides”; O CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra presentou tres cooperativas, “Redex”, “Xeveshop” e “Cooperativa Escolar Xeve” (C.E.X); e o alumnado do CEE Vilagarcía de Arousa leva a cabo “Specialmans”. No que respecta á segunda quenda, o CEIP nº1 de Tui foi o primeiro en presentar a súa cooperativa “MC’Pache”; o seguinte centro en expoñer foi o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra, que conta con catro cooperativas, “Multishop”, “Ecoxunqueira”, “Lado Bio” e “Xunqueir@s”; o alumnado do colexio público Covaterrreña de Baiona explicou o seu proxecto “Aloumiños de Papel”; e, finalmente, o colexio público Serra Vincios de Gondomar pechou a xornada coa presentación da cooperativa “Coopevincios”.

O proceso para o desenvolvemento das cooperativas comeza coa constitución da mesma e continúa coa a imaxe corporativa e logotipo, estudo de mercado, prototipo de produto, recollida dos NIF, procura de financiación, produción e fabricación do produto, prezo e etiquetado, preparación da venda para o mercado final da Deputación e, por último, o balance dos resultados.

Dende que se puxo en marcha “DepoEmprende”, no 2016, máis de 2.200 alumnas e alumnos de 41 centros educativos de 21 concellos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. Neste eido, esta iniciativa está dividida en “Depoemprende na Escola”, proxecto dirixido ao alumnado de educación primaria (5º e 6º curso) e de educación especial,”DepoEmprende na ESO” para mozas e mozos de 4º da ESO, e “DepoEmprende na FP” dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.

O obxectivo destes tres proxectos é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

A Guarda promove dúas «Barferencias» ata fin de ano

0

As charlas sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento» serán as protagonistas do ciclo «Finais 2019» das Barferencias da Guarda, unha iniciativa que cada vez conta con máis adeptos e que amosouse como importante ferramenta de dinamización cultural e social.

O vindeiro xoves, día 28 de novembro, terá lugar a primeira Barferencia deste ciclo «Finais 2019», será as 20:30 h no bar Bugus Zentral da Guarda. Esta primeira cita versará sobre «María Vinyals, unha galega de armas tomar» e correrá a cargo de Silvia Cernadas.

María Vinyals (1875-1940?) foi unha das grandes e polifacéticas mulleres que naceron na Galicia do século XIX. Coñecida como a ‘Marquesa roja‘ polas súas ideas sociais e políticas, destacou como escritora e feminista pero acabou morrendo na miseria e no esquecemento. Nesta Barferencia falarase desta muller tan vencellada ao castelo de Soutomaior e cuxa vida ben podería ser levada ao mundo do cine ou a televisión.

A relatora será Silvia Cernadas Martínez, nada en Soutomaior no ano 1988, investigadora e Guía oficial de Turismo e Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela.

Unha das Barferencias celebradas durante este ano na Guarda

Entre as súas principais liñas de investigación destacan a historia da nobreza e os castelos, especialmente o de Soutomaior, sobre o que versa o seu proxecto de tese de doutoramento; a historia da fronteira con Portugal na Idade Media, que comezou a estudar no seu Traballo de Fin de Máster, e a historia das mulleres na Galicia contemporánea, centrándose na figura de María Vinyals. Ten publicado artigos e participado en varios congresos en relación a todos estes temas.

A segunda Barferencia deste ciclo terá lugar o vindeiro xoves día 26 de decembro ás 20:30 h na Cervexería La Bodega e versará sobre «Juan Bautista Alonso Español (1801-1879). Relembrando a este deputado á corte da Guarda no 140 aniversario do seu pasamento», a cargo do historiador local Joaquín Miguel Villa.

Dende o Concello da Guarda anímase unha vez máis a participar nestas barferencias que ano a ano espertan o interese dos guardeses e foráneos nun clima distendido e de intercambio de coñecementos de gran interese xeral e que conta cunha ampla participación.

Salceda destina máis de 90.000 euros a 25 entidades culturais, sociais e deportivas do municipio

Os convenios contribúen a sufragar os gastos realizados ao longo do ano e que as entidades beneficiarias terán que xustificar no Concello durante o mes de decembro

Un total de 25 entidades sociais, culturais e deportivas de Salceda de Caselas veñen de asinar co Concello os convenios de colaboración deste ano 2019, o que lles permitirá percibir as axudas destinadas a colaborar na sufragación dos gastos que ditas entidades tiveron ao longo do ano, e que no mes de decembro terán que xustificar ante o Concello.

No acto de sinatura, a alcaldesa Loli Castiñeira estivo acompañada dos concelleiros de Cultura e Deportes, Alex Rodríguez e Rubén González, respectivamente, e da concelleira de Ensino e Benestar Social, Gela Ledo.

O Concello destina un total de 92.051,40 € para estes colectivos, asinando convenios cos oito centros culturais existentes no municipio (900 €), os dous coros (700 €), as catro asociacións de veciños (400 €), os entroidos de Barreiro e Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Pensionistas (3.000 €).

No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.

Os convenios, sinala o Goberno local, supoñen “un importante esforzo financieiro que o Concello asume consciente de que na maioría dos casos supón a supervivencia de moitas entidades que doutro xeito non terían capacidade de saír adiante”.

Os convenios, polo tanto, pretenden ofrecer un importante apoio ás diferentes asociacións xa que “todas elas realizan unha enorme actividade ao longo de todo o ano, que fai que Salceda sexa coñecida pola multitude de opcións de ocio durante os 365 días do ano”. Nesa liña, a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira foi clara ao asegurar que “cada euro investido nas asociacións culturais e veciñais é un euro ben investido”.

Considera o Concello tamén fundamental o apoio “ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos reciben tamén unha aportación municipal”.

As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 rapaces de tódalas idades, e as Escolas Deportivas, que no seu caso moven cerca de 500 persoas.

Cómpre subliñar que o Concello de Salceda de Caselas colabora ademáis durante todo o ano coas diferentes asociacións co préstamo de material, donación de libros para as súas bibliotecas, asesoramento e información nos trámites con outras administracións, entre outras moitas cousas.

Loli Castiñeira, puxo en valor o traballo realizado por todas e cada unha das entidades que perciben as axudas xa que, apuntou, “o Concello non ten capacidade para levar programación cultural e deportiva ás sete parroquias, e isto súplese co apoio ás asociacións existentes en cada unha delas, que se encargan de realizar esa tarefa”.

No que ao eido educativo fai referencia, Castiñeira lembrou que “non nos podemos esquecer que estamos a falar dunha competencia autonómica, non municipal, na que o Concello fai unha importante aportación económica para que os nosos nenos e nenas poidan gozar da mellor calidade no ensino”.

Axudicada a humanización da contorna do auditorio e praza de abastos de Ponteareas

En xaneiro do 2020, unha vez rematadas as festas de Nadal e con elas unha das campañas fortes do comercio local de Ponteareas, o Goberno que preside Xosé Represas iniciará as obras de humanización da rúa Doutor Fernández Vega no treito comprendido entre o auditorio municipal e a praza de abastos. Os traballos supoñen un novo paso na idea de acadar unha vila na que o protagonismo o teñan as persoas.

As obras foron adxudicadas á empresa Audeca, S.L.U. por un importe de 205.444,92 € (IVE incluído), nun proceso aberto no que participaron un total de trece empresas.

A humanización da contorna do auditorio e praza de abastos é unha actuación enmarcada na estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co financiamento dos fondos de desenvolvemento rexional da Unión Europea (fondos FEDER) –que custean o 80 % do importe– e dos fondos propios do Concello que se fai cargo do 20 % restante.

O alcalde Xosé Represas e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, salientaron que as obras a partir do día 7 de xaneiro do vindeiro ano “para garantir o bo desenvolvemento comercial na época de Nadal”. Non obstante, antes do inicio dos traballos, o alcalde e a concelleira manterán unha reunión na que estean presentes o arquitecto responsable, a empresa adxudicataria, a federación de comercio, os e as comerciantes e as praceiras e praceiros para falar dos detalles da obra e para estudar a forma máis axeitada para desenvolver a actividade comercial durante as obras.

A reforma que creará unha plataforma única entre os dous edificios, como se dunha praza se tratara, mantendo a circulación de vehículos nos dous sentidos. Porén, estes deberán subir á plataforma e circular a tan só 20 km/h, garantindo así a seguridade dos peóns. O obxectivo da actuación é converter esa zona comercial con grande movemento de persoas nun amplo espazo peonil atractivo, agradábel e seguro, con mobiliario urbano como bancos, nova iluminación e arborado de certo porte.

Este proxecto, que contou cun proceso previo de participación cidadá –ao igual que aconteceu cos postos xa en marcha e os que se desenvolvan durante este mandadato–, súmase aos xa postos en marcha como a humanización de San Roque I tramo e Alto da Gloria, ademais doutros procesos que xa están en tramitación.

As vellas glorias do ciclismo galego danse cita na Guarda este sábado

0

Máis de 80 exprofesionais do ciclismo galego daranse cita na Guarda para participar na ‘Carreira de Vellas Glorias do Ciclismo’, que terá lugar o sábado 23 de novembro a partires das 16:30 horas. A presentación deste evento, que xa se celebrara na vila guardesa anos atrás, tivo lugar na Casa dos Alonsos coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o coordinador da proba, Roberto Portela.

A proba arrancará ás 16:30h da tarde dende a Alameda da Guarda, facendo un percorrido de 20 voltas a un circuito urbano de 1,2 km polas rúas Galicia, Brasil e República Dominicana, con varios sprints especiais e rematando cunha subida ata o Monte Santa Trega.

A concelleira de Deportes do Concello da Guarda, Montserrat Magallanes e o coordinador do evento, Roberto Portela, durante a presentación aos medios

Previa a esta proba, a Alameda da Guarda será escenario de actividades para os ciclistas da base do C.C. O Rosal, cunha proba de gymcana para os máis pequenos.

O alcalde Antonio Lomba destacou a importancia e relevancia do deporte na Guarda, “cunha forte aposta dende a concellería de Deportes encabezada por Montserrat Magallanes, apoiando e colaborando coas iniciativas deportivas que se realicen na vila”. Engadiu o rexedor local que é unha satisfacción para a vila que estas iniciativas deportivas se consoliden e se manteñan no tempo e salientou o feito da “importante axenda deportiva con que conta un municipio de pouco máis de 10.000 habitantes”.

Nesa liña, cómpre salientar que a Guarda será escenario esta fin de semana de dúas probas do máis alto nivel. Por unha banda esta Carreira de Vellas Glorias do Ciclismo o sábado, e unha nova edición do Trail do Trega o domingo, probas ás que o alcalde Antonio Lomba “animaba á cidadanía a presenciar e animar aos participantes”.

Por último, tanto Antonio Lomba como Montserrat Magallanes quixeron agradecer a colaboración “tanto de Protección Civil do Rosal coma do GES da Guarda, Policía Local e Garda Civil de Tráfico”.

Preto de 500 deportistas tomarán a saída dun esixente «Trail do Trega»

0

O luns día 18 de novembro a Casa dos Alonso acolleu a presentación da VI edición do Trail do Trega, contando coa asistencia do alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o representante de Qualité Sports, Serafín Acevedo.

Nesta VI edición, que terá lugar este domingo día 24 de novembro a partires das 9:30 h da mañá se conta con varias opcións competitivas coma a Experiencie 12k, Advance 18k e unha andaina popular de 12km.

A primeira en saír será a Andaina, cunha distancia total de 10kms e cun desnivel acumulado de 650m e que sairá ás 9:30h da mañá, seguido da proba Advance 18k cun desnivel acumulado de 1100m e que sairá ás 10:00h e a Experiencie 12k cun desnivel acumulado de 650m e que sairá ás 10:30h.

[su_image_carousel source=”media: 8871,8872,8873,8870,8875″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Todas as modalidades terán punto de saída e chegada dende a Alameda da Guarda, agardando a organización unha asistencia de preto de 500 deportistas. Nestes momentos teñen formalizada a súa inscrición máis de 360 participantes, destacando unha forte representación portuguesa e de persoas de máis de 12 provincias de toda España.

Haberá premios para as diferentes categorías e as inscricións seguen abertas ata o 20 de novembro na web www.traildotrega.com

Dende a organización do evento agradécese a “implicación das Comunidades de Montes da Guarda e Camposancos” para a limpeza dos diferentes camiños que se van a empregar neste evento deportivo, así como a colaboración do Concello da Guarda, Protección Civil do Rosal, GES da Guarda e Policía Local.

A Concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes, destacou a “aposta decidida do Concello da Guarda co deporte”, o que repercute en hábitos de vida saudable en contacto coa natureza, animando a todos os amantes do deporte a participar este domingo na proba.

Presentación do «Comando Igualdade» e da webserie «S.E.X.» o mércores en Ponteareas

A concellería de Igualdade que dirixe Verónica Carrera, a través do Centro de Información á Muller (CIM), presentará o mércores 20, ás 16:30 horas na sala multiúsos do Auditorio Municipal o ‘Comando Igualdade’ e a páxina web S.E.X., unha iniciativa que se enmarca dentro dos esforzos da Concellería “de procurar unha sociedade igualitaria”.

O ‘Comando Igualdade’ é un grupo aberto de persoas mozas que naceu no IES Alexandre Bóveda de Vigo da man de Chis Oliveira e que cada día medra máis. Actualmente son 60 personas, maioritariamente de bacharelato e da universidade, as que realizan diferentes iniciativas para acabar coa desigualdade de xénero.

Por outro lado, este mércores presentarase webserie ‘SEX’, realizadas pola produtora Illa Bufarda, a Sociedade Galega da Sexología (Sogasex), a Fundación Paideia e a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia (Aseia). Unha ferramenta de difusión e consulta no ámbito da sexualidade na adolescencia. Este proxecto foi premiado na segunda edición do premio Luisa Villalta.

Hoxe comezaron a aplicarse as novas medidas de seguridade nas obras da Escola Infantil das Neves

0

Dende este luns, e durante todos os días lectivos, ata o remate das obras da nova Escola Infantil de As Neves, as mesmas estarán paralizadas durante a entrada e saída dos estudantes do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé. Así o acordaron o alcalde, Xosé Manuel Rodríguez e a concelleira de Educación, Pilar González Casas, co responsábel de seguridade desta obra e a directora da mesma.

Nunha xuntanza, “longamente solicitada”, na porta mesma do colexio, o alcalde, a concelleira, representantes da dirección do centro e da Asociación de Nais e Pais (ANPA), esixiron ao responsable de seguridade que tomase “de inmediato” medidas para garantir a integridade das alumnas e alumnos, logo de denunciar “graves perigos” para os mesmos nos traballos de construción da gardería.

Entre eles estaban a realización de actividades de corte ou excavación das que saltaban cascotes, o paso de maquinaria coincidindo cos rapaces e rapazas, traballos de carga e descarga, traslado de material ou circulación de vehículos xunto aos nenos que, logo de que non cesasen por orde dos responsábeis da obra foron paralizados polo alcalde en persoa ante o “grave risco de accidente”, tal e como se puxo en coñecemento da propia empresa concesionaria dos traballos, coma dos responsábeis da Consellería de Educación, que é que está levando a cabo os mesmos.

Non haberá actividade durante a entrada e saída dos estudantes

O xefe de seguridade da obra, logo de recoñecer estas deficiencias e de desculparse polas mesmas, estivo dacordo en que os operarios deixen de traballar “de luns a venres” de 09 h a 09:30 h, de 13:50 h a 14:15 h e de 16 h a 16:30 h, coincidindo coa entrada e saída do colexio.

Ademáis, haberá unha persoa encargada de coordenar e vixiar a entrada e saída de vehículos da obra e esta mesma semana se reforzará o valado que separa a zona de construción da entrada do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e do Pavillón Municipal.