A Corporación de Nigrán aprobou por unanimidade no pleno ordinario de onte a primeira ordenanza de normalización lingüística do Concello, unha moción do goberno local na que se acorda potenciar o uso do galego na actividade municipal e adoitar medidas para que non se produza ningunha discriminación por razón da lingua que un empregue nas súas comunicacións (tanto orais como escritas co Concello de Nigrán ou coas empresas adxudicatarias de contratos).
“Básicamente é reflexar por escrito algo que xa vimos facendo, como por exemplo realizar as convocatorias en galego, que o coñecemento do galego sexa imprescindible nas probas de acceso ao emprego público ou que os expedientes se tramiten en galego. Era algo que precisabamos ter normativizado”, sinala o alcalde, Juan González.
Dita ordenanza foi realizada pola técnica en normalización Andrea González coa que o Concello de Nigrán contou o último ano grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra.
25-N
O Pleno de hoxe estivo especialmente adicado ao 25-N, ‘Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’, así, 5 minutos antes do mesmo realizouse unha concentración diante da Casa Consistorial á que asistiu toda a corporación e boa parte do alumnado do CEIP Humberto Juanes. Ademais, a Corporación aprobou por unanimidade unha moción feita polo goberno local precisamente con motivo do 25-N e que, entre outros aspectos, inclúe iniciar os trámites para adherir ao municipio ao sistema ‘VioGen’ de seguimento integral de casos de violencia de xénero, cuestión que xa viña respaldada dende o Centro de Información á Muller (CIM) e a Garda Civil.
O Sistema VioGen púxose en funcionamiento no ano 2007 co obxectivo de establecer unha rede que permita o seguimento e protección de forma rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas, e dos seus fillos, en calquera parte do territorio nacional. Os municipios que forman parte do Sistema VioGen subscriben un convenio coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e outro co Ministerio de Interior.
Asimesmo, a Policía Local de cada concello firma un protocolo de coordinación e colaboración co corpo que, a nivel nacional, ten a competencia na demarcación, xa sexa Guardia Civil, Policía Nacional, ou ambos. Neste protocolo delimítanse as funcións da Policía Local no eido da violencia de xénero, e se define o seguimento e reparto dos casos. “Un paso máis no que sumar esforzos é imprescindible”, resume o rexedor.
Así, o Concello de Nigrán sumouse un ano máis á conmemoración do ‘Día Internacional de Eliminación da Violencia Contra as Mulleres’ con múltiples accións realizadas este mesmo día e coa campaña ‘En Negro contra as violencias’ na que participan 160 establecementos comerciais, educativos e sociais do municipio, o maior número ata a data.
A xornada arrancou ás 11:15 horas no IES Val Miñor co obradoiro ‘Por unha sociedade libre das violencias machistas’ que o Concello de Nigrán ofreceu a través de Ciudad Ciencia para os alumnos de 3º da ESO. As investigadoras Concepción Castrillo e Ana Vicente, do Grupo de Estudos Socioculturais Contemporáneos da Universidade Complutense de Madrid, desprázanse ex-profeso a Nigrán para impartir este obradoiro onde explicaron conceptos e coñecementos crave sobre xénero e discriminación e, en especial, sobre as agresións sexuais. A continuación, as 12:00 horas (xusto antes do pleno) a Corporación realizou unha concentración diante da Casa Consistorial á que asistiron alumnos do CEIP Humberto Juanes.
Xa pola tarde, tiña lugar ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a inauguración da exposición fotográfica do Grupo de Acción Local Ría de Vigo-A Guarda (GALP 7) ‘O mar tamén ten mulleres’, que visibiliza o traballo feminino neste sector, historicamente nun segundo plano, e, a continuación, a proxección da película ‘El Refugiado’, probablemente un dos mellores retratos sobre a violencia de xénero xamais plasmado na gran pantalla.