11.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizMondariz debatirá en Pleno a situación do Centro de Día

    Mondariz debatirá en Pleno a situación do Centro de Día

    O Goberno que preside Xosé Emilio Barros propón negociar outro convenio con mellores condicións antes de marzo

    Mondariz afronta unha débeda de 156.875 euros co Consorcio Galego de Benestar Social polo Centro de Día que, a día de hoxe, non está recollida en ningunha partida orzamentaria porque o Concello funciona cun orzamento pensado para 2017. Á vista desta débeda histórica que se acumula desde 2017 e do incumprimento dun pago fraccionado dos 97.500 euros previos a 2019 que acordou o anterior goberno, o Consorcio trasladou esta reclamación ao Fondo de Cooperación Local, dependente da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, para que saldara esta última cantidade a través do recorte de ingresos que percibe o Concello.

    “Este goberno soubo deste problema en xullo, cando recibimos a liquidación do pago correspondente ao primeiro semestre de 2019. Non se agochou e actuou de inmediato, consciente de que o Centro de Día é un servizo social moi importante para a veciñanza”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros quen asegura que houbo “que mergullar a fondo no expediente para saber que se fixera entre os anos 2017 e 2019 en relación a este asunto. De feito, o mes pasado apareceu un documento asinado polo anterior alcalde no mes de febreiro, no que se acordaba un pago fraccionado da débeda acumulada ata ese momento (97.500 euros) en 25 meses que non se cumpriu”.

    Pola nosa parte, engade o rexedor local, “recorremos a liquidación do primeiro semestre de 2019 pola vía administrativa porque entendiamos que os datos relativos ao número de usuarios non estaban verificados, preparamos un recurso extraordinado de revisión da liquidación correspondente ao primeiro semestre de 2017 porque observamos erros procedementais, e tamén solicitamos unha reunión da comisión de seguemento para buscar solucións”, afirma Barros.

    A reunión co Consorcio tivo lugar esta semana, xusto despois de que o Concello de Mondariz recibira unha notificación do Fondo de Cooperación Local, instando a saldar os 97.500 euros das liquidacións de 2007 e 2008 non pagadas en sete meses. “A reunión serviu para aclarar as posicións do Consorcio e do Concello. Respecto aos pagos correspondentes ao periodo 2011-2017, anterior ao cambio do réxime de cofinanciación, o Consorcio confirmou que non se fixeran pero que esa débeda estaba aparcada lexislativamente. Respecto aos pagos posteriores a 2017, argumentou que o feito de que Mondariz non tivera partida orzamentaria para facer fronte á débeda non garantizaba o cumprimento de ningún acordo de pago fraccionado. Este goberno manifestou a súa vontade de resolver o problema financieiro e manter o Centro de Día a través dun novo convenio”, comenta o concelleiro de Facenda, José Luis Fernández, que tamén participou na reunión.

    En relación co Centro de Día, o Concello de Mondariz explica que non só se afronta esta débeda histórica, senón tamén a finalización do convenio de dez anos que se asinou en 2010. Á vista dos problemas existentes co Consorcio, o goberno é partidario de “non prorrogar o actual convenio e negociar outro novo a cinco anos que revise o réxime de cofinanciación e dea ao Concello maior capacidade de manobra”. “O futuro do Centro de Día é un asunto que concirne a toda a Corporación Municipal, por iso imos levar a Pleno a proposta de non prorrogar o convenio actual para tratar de negociar outro novo en mellores condicións”, anuncia Barros.

    De cara a renegociar co Consorcio o pago fraccionado da débeda histórica do Centro de Día para que as finanzas e os servizos do Concello non se vexan tan afectados, o Goberno considera que é fundamental acadar “un orzamento consensuado por unha maioría das forzas políticas representadas na Corporación Municipal para 2020”, un orzamento que recolla unha partida para o pago desa débeda. “Todos os grupos políticos deben asumir a responsabilidade deste problema. Non falamos de buscar culpables, senón de buscar solucións. E a solución pasa por aprobar un novo orzamento”, afirma Barros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.