Mércores, 19 Marzo de 2025

Conmemoración do 97 aniversario dos «Sucesos de Sobredo»

O «Instituto de Esudios Agrarios Mártires de Sobredo» organiza este domingo, 24 de novembro, un acto conmemorativo para manter vivo o "carácter social e reivindicativo" dos sucesos do 28 de novembro de 1922

Diversas entidades sociais concéntranse, este domingo 24 de novembro, en Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no concello de Tui, para conmemorar os «Sucesos de Sobredo», no seu 97 aniversario. O obxectivo da convocatoria, segundo o Instituto de Estudios Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSO), organizadores do acto, é “manter vivo o significado do carácter social e reivindicativo duns feitos producidos, no 28 de novembro do ano 1922”.

Os ‘Sucesos de Sobredo’ saldábanse co balance de tres persoas mortas no mesmo lugar –Cándida Rodríguez González, veciña de Pazos de Reis (Tui) e os veciños de Salceda de Caselas, Joaquín Estévez Besada, de Soutelo e Venancio González Romero, de Budiño– amais de varias feridas de diversa consideración cando a Garda Civil disolveu a tiros a concentración de labregas e labregos; participaban nun acto solidario de apoio a un veciño de Sobredo que por non pagar rendas de Foros ia ser embargado.

Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar “no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia” sinala o IEAMSO.

Do papel protagonista da muller nas loitas sociais, de comezos do século XX dá testemuñado o seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión, exercida nesa altura; tentando por freo a rebeldía contra a inxustiza. Ramón Cabanillas deixa constancia dese feito e honra á muller galega na persoa de Cándida Rodríguez, vítima nos sucesos, no poema «Sobredo» (Da terra asoballada, 1926):

!Nai galega que diche a sangue xenerosa
para calmar a sede rabiosa da impiedade,
nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!
!Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!

O acto de homenaxe ten lugar ao pé do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista.

Coa recuperación da memoria dos feitos, dende 1986 e reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións de veciños, asociación culturais, comunidades veciñais de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.

Neste ano 2019 intervirá no acto Carlos Babío Urkidi, investigador, coautor do libro: Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

Posteriormente terá lugar unha ofrenda floral no monumento e pechará o acto o grupo de gaitas «Folieiros»