Máis de 80 exprofesionais do ciclismo galego daranse cita na Guarda para participar na ‘Carreira de Vellas Glorias do Ciclismo’, que terá lugar o sábado 23 de novembro a partires das 16:30 horas. A presentación deste evento, que xa se celebrara na vila guardesa anos atrás, tivo lugar na Casa dos Alonsos coa presenza do alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes e o coordinador da proba, Roberto Portela.
A proba arrancará ás 16:30h da tarde dende a Alameda da Guarda, facendo un percorrido de 20 voltas a un circuito urbano de 1,2 km polas rúas Galicia, Brasil e República Dominicana, con varios sprints especiais e rematando cunha subida ata o Monte Santa Trega.
Previa a esta proba, a Alameda da Guarda será escenario de actividades para os ciclistas da base do C.C. O Rosal, cunha proba de gymcana para os máis pequenos.
O alcalde Antonio Lomba destacou a importancia e relevancia do deporte na Guarda, “cunha forte aposta dende a concellería de Deportes encabezada por Montserrat Magallanes, apoiando e colaborando coas iniciativas deportivas que se realicen na vila”. Engadiu o rexedor local que é unha satisfacción para a vila que estas iniciativas deportivas se consoliden e se manteñan no tempo e salientou o feito da “importante axenda deportiva con que conta un municipio de pouco máis de 10.000 habitantes”.
Nesa liña, cómpre salientar que a Guarda será escenario esta fin de semana de dúas probas do máis alto nivel. Por unha banda esta Carreira de Vellas Glorias do Ciclismo o sábado, e unha nova edición do Trail do Trega o domingo, probas ás que o alcalde Antonio Lomba “animaba á cidadanía a presenciar e animar aos participantes”.
Por último, tanto Antonio Lomba como Montserrat Magallanes quixeron agradecer a colaboración “tanto de Protección Civil do Rosal coma do GES da Guarda, Policía Local e Garda Civil de Tráfico”.